Este ano celébrase o centenario dunha figura fundamental para a cultura galega, Celso Emilio Ferreiro. Xoán Gulías, coordinador do Equipo de Normalización Lingüística, compañeiro de traballo e amigo, dedicou unha boa cantidade de horas a filmar por distintos lugares do centro a alumnas, alumnos, profesoras, profesores, pais, nais e persoal non docente recitando breves fragmentos de varios poemas deste autor. Logo, penso eu, pasou aínda máis horas facendo esta estupenda montaxe cun resultado realmente bo. O que aparece ao principio e Luís Ferreiro, fillo do homenaxeado, e que estivo no instituto para inaugurar unha sala de lectura dedicada ao seu pai. Aquí está o vídeo completo, penso que merece moito a pena que o vexades enteiro.
“Sen lectores, os
textos non din nada. Necesitan de, polo menos, un lector. Entón
seguramente falan. E como... Non so falan, tamén murmuran, algúns
incluso gritan.”
Uso estas liñas como
presentación da novela que vou comentar hoxe. Levaba un tempo no
andel e por fin decidinme a collela. Hai un par de anos, vendo a
revista dunha coñecida empresa de venta de libros a domicilio
atraeume o argumento, non coñecía ao autor, pero a historia
chamoume a atención, parecíame algo orixinal e distinto e decidinme
a pedila. A verdade é que en xeral non me decepcionou, gustoume
bastante e confirmou esa impresión de orixinalidade que percibín
cando pasaba as páxinas sen saber demasiado ben que pedir. Ten
algúns momentos que non me convenceron completamente e que
comentarei despois, pero en xeral creo que pode ser un autor a ter en
conta. O autor é Mikkel Birkegaard e esta é a súa primeira novela,
“Libros de Luca”.
Mikkel Birkegaard naceu
en 1970 en Copenhague, cidade na que vive actualmente. É informático
de profesión e “Libros de Luca” é a súa primeira novela,
aparecida en Dinamarca en 2007 e editada por aquí no 2009. A obra
está dentro do xénero do thriller, unindo reflexións sobre a
literatura e o poder dos libros. Tivo un gran éxito no seu país e
xa foi traducida a máis de vinte idiomas, con gran éxito en todos
os lugares nos que apareceu. En varios deles non mantivo o título
orixinal, aparecendo en máis de un como “The library of shadows”,
algo así como “A libraría das sombras”, título que non me
parece tan axeitado como o orixinal. Está prevista unha adaptación
cinematográfica desta historia. A súa segunda novela, “Sobre mi
cadáver” apareceu no 2009 e de momento non pode atoparse
traducida. Con ambas ten un lugar entre os novos autores da narrativa
dos países nórdicos, unha das zonas máis prolíficas ultimamente
neste tipo de xéneros a medio camiño entre a novela negra, o
thriller máis ou menos realista ou fantástico e a ficción.
Comezamos a historia
cando Luca Campelli, o dono da libraría chamada “Libri di Luca”
entra na mesma tras pasar un tempo fóra. Volve a contemplar o
traballo da súa vida, unha libraría dedicada a exemplares antigos
ou con algo especial, chea de vitrinas para a mellor conservación de
todos eses seres aos que quere con todo o seu corazón. En certo
momento colle un libro e comeza a ler, pero algo pasa, mentres le
empeza a atoparse mal e cae fulminado desde a primeira planta do seu
negocio, vítima dun ataque ao corazón. Tras esta repentina morte
coñeceremos a Jon Campelli, o fillo de Luca, un prestixioso avogado
de Copenhague que sen querelo sen querelo nin desexalo vaise
converter no novo dono da libraría. Jon non tiña unha boa relación
co seu pai, que o abandonou cando era pequeno sen saber por que, algo
que agora descubrirá, así como outras moitas cousas. Acode ao
enterro do seu pai e alí tomará contacto cunha serie de personaxes
que estaban preto de Luca que lle abrirán os ollos a un mundo
descoñecido, cheo de sorpresas e misterios que farán que a vida de
Jon cambie para sempre. Non sabe que na libraría reúnese a
Sociedade Bibliográfica, unha organización que existe desde hai
tempo e que traballa polo bo uso do gran poder que se esconde detrás
dos libros. Todos os seus membros teñen un poder, un gran poder que
posiblemente por herdanza Jon tamén teña, xa que o seu pai era un
dos que o ostentaban no seu grado máis alto. En que consiste ese
poder? Son Lectores, tamén chamados Transmisores, persoas que cando
len en voz alta fan voar a imaxinación dos que os escoita ata poder
imaxinar á perfección aquilo que están a escoitar, pero ademais
este pode tamén lles permite enfocar esta enerxía con outros
propósitos moi lonxe dos que esta Sociedade persegue, que non é
máis que fomentar o pracer da lectura e a imaxinación. Esta parte
máis sinistra deste poder reside en que o Lector pode conseguir que
a persoa ou persoas que o escoitan fagan ou pensen todo o que este
queira, desde facelos cambiar de opinión ata levalos á morte.
Alguén pode morrer por ler a calquera autor, sen saber que en
realidade foi asasinado. Ademais destes Lectores temos a outro grupo
cunha capacidade parecida e distinta á vez, son os Receptores,
aqueles que poden manexar a mente dunha persoa mentres esta está a
ler, facendo que sexa máis ou menos consciente do que le, que
imaxine en maior ou menor medida esas palabras escritas, levando a
súa mente tamén ata onde eles queiran en cada momento. Dous grandes
poderes que poden ser bos ou malos dependendo de quen e como se usen.
Todo isto deixará atónito a Jon, que non pode crelo, pero pronto
descubrirá que o seu pai era un dos máis grandes e mellores
Lectores, e tamén coñecerá a Katherina, unha das máis poderosas
Receptoras e á que Luca estaba axudando a controlar e dominar o seu
poder. No fondo a idea de que o seu pai en realidade non faleceu de
morte natural, senón que foi asasinado, cunha aparente relación co
enfrontamento que apareceu hai anos entre Transmisores e Receptores,
que sempre recearon uns dos outros polos seus opostos poderes. Unha
época na que tamén faleceu a súa nai, unha morte misteriosa que
parece ter relación con todo isto e que foi o momento no que Luca
entregou a Jon en adopción. Así Jon verase dentro dun mundo
completamente descoñecido para el, fascinante e perigoso, tendo que
arriscar a súa vida e a dos seus novos amigos para chegar ao fondo
da cuestión. Cada texto necesita un Lector para cobrar vida e os
libros posúen un poder secreto que crece con cada persoa que os le,
un poder que so uns poucos poden dominar.
Unha historia que mistura
elementos de varios xéneros, unha mistura que non resulta nada mal e
que me entretivo bastante. Ciencia ficción por un lado, thriller por
outro, con bos momentos de acción coas súas persecucións, disparos
e demais; incluso nalgúns momentos rozando o terror gótico (pouco,
que conste). Resolución de asasinatos e misterios, personaxes que
enganan tanto a outros personaxes como ao propio lector e, sobre
todo, un gran amor e respecto polos libros e a lectura. Creo que esta
foi unha das cousas que máis me gustaron, o autor demostra a súa
afección á lectura e o tema das “lecturas vividas ou recreadas”
pareceume todo un acerto. “Libri di Luca” é unha libraría que
todo bo lector querería coñecer, un lugar no que os libros son
tratados con respecto e incluso adoración, un lugar para ler e
escoitar as lecturas case como se foran un ritual. O tema dos libros
case como seres vivos que acumulan enerxía entre as súas páxinas e
palabras paréceme sensacional e está moi ben plantexado e pensado.
Todos os personaxes, sexan do bando que sexan, senten un profundo
respecto pola obra escrita, menciónanse grandes clásicos da
literatura e os máis coñecidos son os máis usados. Falase do que
din, de como o din e incluso de como están encadernados ou editados.
Cantas máis lecturas teña un libro e sobre todo se foron feitas con
cariño e respecto máis enerxía acumulan dentro e máis válidos
son para as posibles intencións dos Transmisores.
En xeral a novela está
moi ben, aínda así voulle poñer un pequeno pero. Estamos ante unha
obra de ficción, pero que mantén un certo ton de credibilidade, de
posibilidade de que as cousas poderían ser como aí aparecen, pero o
final decepcionoume un pouco. Evidentemente non o vou contar, pero
cando a leades xa me diredes se estades ou non de acordo comigo. Todo
mantén un aire e un ton moi adecuado para a historia que estamos a
ler, pero o final pareceume algo excesivo e quizais esaxerado, aínda
mantendo a idea xeral a min gustaríame que tivera un desenvolvemento
distinto. Non quero contar máis para non estragarlle a lectura a
ninguén, pero é o que me pareceu a min, que incluso me custou un
pouco seguir esas últimas páxinas.
Bos personaxes todos
eles, unha boa historia e, como digo, un final que me deixou un pouco
frío. Pareceume unha novela entretida, que se le con gusto e
interese, ben escrita, sen demasiados excesos e divagacións fóra da
historia principal. Quedo co tema dos libros e a lectura, de como
lemos as veces e de como deberiamos ler. Eu vou recomendala, espero
que alguén me diga (tamén sen contar nada) se ese final tras unha
historia decente gustoulle ou non.
Como lector teño por
costume deixar un espacio no tempo entre novelas do mesmo autor,
manía ou costume, non hai unha razón determinada, pero do mesmo
modo tampouco leo dúas novelas seguidas do mesmo xénero, a non ser
que continúen ou me deixaran tantas incógnitas que teña que
solucionalas. As triloxías están de moda ultimamente e as veces non
é fácil seguir esa tendencia, e con certos autores prefiro esperar
a telas todas antes de poñerme coa lectura, sobre todo para non
esquecer situacións, personaxes e esas cousas. No caso da novela de
hoxe paso un pouco por riba do dito, non hai demasiado que lin a
primeira, que xa tiña un tempo, e non puiden resistirme a ler a
segunda desta “Trilogía Victoriana” de Félix J. Palma, que
apareceu recentemente. O certo é que “El mapa del tiempo”, que
comentei o mes pasado, resultoume unha historia moi atrainte e
tremendamente entretida, así que tiña ganas de ler “El mapa del
cielo”, segunda entrega da triloxía mencionada e publicada a
principios deste 2012.
Moi recente a recensión
biográfica do autor, así que me remito ao publicado hai pouco
tempo.
A verdade é que esperaba
atoparme algo parecido á primeira novela, pero teño que dicir que
aínda mantendo o ton xeral en canto a estilo, historia e
entretemento ten suficientes elementos para facela distinta
completamente. Non é sinxelo comentar as liñas xerais da historia
sen contar demasiadas cousas do argumento e sen desvelar nada aos
futuros lectores (os que xa a leron entenderán isto perfectamente),
tentarei facelo o mellor posible. Quizais nesta novela as sorpresas
ou xogos do autor en canto á historia sexan menores. Neste caso
estamos ante unha historia algo máis plana en canto ao relato, pero
aínda así chea de sorpresas para o lector, de xogos e de
referencias non so á outra novela, senón a todo un mundo cheo de
personaxes reais e históricos misturados con outros de ficción. De
novo estamos ante un relato cheo de equívocos, de personaxes que
enganan ao lector desde o principio e de situacións que van facer
que evoquemos multitude de novelas ou películas que xa forman parte
dos clásicos do xénero. A medio camiño entre a novela de ciencia
ficción e a de aventuras, con momentos que responden perfectamente
aos esquemas clásicos do primeiro dos xéneros e con outros que se
centran máis no segundo. As referencias a outras historias
anteriores, xa sexan en papel ou en celuloide son constantes pero non
conforman un refrito, unha mistura ou unha copia, son unha completa e
enorme homenaxe a grandes clásicos de ambos xéneros, unha homenaxe
que resulta perfectamente coherente e atrainte para o lector, polo
menos para min. Entre todos estes elementos destacaría dous que
están entre os meus favoritos, tanto do cine como da literatura.
Varias son as referencias a unha das novelas de Edgar Alan Poe que
lin varias veces, a primeira cando era moi novo, pero é unha novela
que releo e que está entre as miñas mellores novelas de aventuras
de sempre, “La narración de Arthur Gordon Pym”. Todos coñecemos
os relatos góticos e de terror de Poe, pero quizais esta novela de
aventuras quedou algo eclipsada polas demais e creo que todo lector
debe lela polo menos unha vez, aí queda a recomendación. A outra
fonte de inspiración que teño gravada é “La guerra de los
mundos”, lida tamén en máis dunha ocasión, unha das mellores
novelas de H. G. Wells e cunha soberbia adaptación ao cine do ano
1953 que me gustou moito máis que a producida no 2005 (que non é
que estivera mal, pero creo que lle faltaba o encanto da antiga, pero
que aínda así tiña bos momentos e mantiña ata certo punto o aire
de novela de Wells). Tamén é inevitable recordar durante a lectura
a famosa historia de Orson Welles, cando desde a radio na que
traballaba, retransmitiu unha falsa invasión extraterrestre con tal
convicción que moitos oíntes saíron aterrorizados ás rúas
pensando que todo era certo, outro deses orixinais xenios que
aparecen de vez en cando.
“El mapa del cielo”
contén varias historias nunha soa novela. Comezaremos coñecendo a
Richard Adams Locke, un periodista americano que no ano 1835 publicou
unha serie de artigos no “New York Sun” firmados polo astrónomo
John Herschel. Neles falaba de que a Lúa estaba habitada por unha
serie de seres fantásticos que Herschel vira desde o observatorio no
que traballaba. Este astrónomo non sabía que o seu nome estaba a
ser utilizado neses artigos pero os lectores quedaron convencidos de
que todo era certo, unha historia que mantivo durante un tempo. Toda
esta parte que Palma conta é real e histórica e os personaxes
tamén, será a que lle sirva de pretexto para continuar co seu
relato. Locke creará un mapa no que aparecen os planetas, as
estrelas, os extraterrestres, un mapa que irá pasando de xeración
en xeración polas mulleres da súa familia como un elemento ao que
recorrer cando é necesario soñar un pouco e escapar da realidade
cotiá. De aí pasaremos a coñecer a Emma Harlow, a bisneta de
Locke, outra muller descontenta co seu tempo, lonxe das convencións
que se lle piden a unha dama da sociedade americana da época,
asediada por unha grande cantidade de pretendentes, aínda que ningún
a convence demasiado como para casar con el. Un deles é o millonario
Montgomery Gilmore, profundamente namorado dela e capaz de calquera
cousa para conseguir que os sentimentos sexan correspondidos. A Emma
todos lle parecen insoportables, colmándoa de regalos e atencións
que ela non desexa, ela quere un home que saia do normal, unha persoa
que sexa capaz de facer soñar ao mundo como fixo o seu bisavó e que
non sexa convencional. Gilmore é un dos máis constantes nas súas
atencións, pero ao mesmo tempo é un dos que ela menos soporta. Como
librarse de el?, pedíndolle un imposible. Dille que casara con el se
é capaz de facer soñar ao mundo, terá que representar a invasión
marciana que H. G. Wells recentemente describe na súa novela “La
guerra de los mundos”. Parece imposible, pero o amor é máis forte
que todas as cousas e Montgomery Gilmore porase mans á obra para
conseguir o corazón de Emma Harlow (teredes que lela para saber se
vai conseguilo ou non).
De novo atoparémonos con
H. G. Wells como personaxe. Acaba de publicar con bastante éxito “La
guerra de los mundos” e pasado un tempo recibe unha carta dun autor
americano que escribiu unha continuación titulada “Edison
conquista Marte”, o seu autor é Garrrett Putnam Serviss. Como vai
a visitar Londres pídelle que queden nalgún lugar para charlar un
pouco. Wells considera esa continuación como unha aberración que
pouco ten que ver coas intencións que el tiña ao escribir a súa
novela, que ve como unha crítica a varios aspectos da sociedade, así
que a súa idea é criticalo todo o posible, por iso acode a unha
cita que non lle apetece nada. Pero desde o principio Serviss cáelle
ben e a charla que sosteñen vólvese amena e interesante, ademais de
aderezada por boas cantidades de alcohol. Nun momento dado Serviss
fálalle dunha cámara secreta da que el ten unha chave, unha cámara
no Museo Británico na que o Goberno garda cousas que considera que o
pobo aínda non pode coñecer. Entre elas está unha nave
extraterrestre e o cadáver do seu piloto. Moi animados polo alcohol
e cun Wells moi intrigado entran no museo e na cámara, onde poderá
ver cos seus propios ollos que todo o que lle contara Serviss é
certo, alí está o que lle dixera, algo inconcibible e que o deixa
completamente atónito.
Pero Palma non nos vai
deixar coa intriga da procedencia destes dous elementos de fóra da
Terra. De novo cambiaremos de época e lugar para que o narrador nos
conte a historia do Annawan, un barco que viaxa á Antártida nunha
expedición en busca do burato que pode levar ao centro da Terra.
Tras unha complicada e ardua viaxe chegan ás xeadas terras, pero o
barco queda varado no xeo e toda a tripulación tenta levar a
situación o mellor que pode. Será aquí onde apareza a nave
extraterrestre e o seu tripulante, nunha estremecedora historia cun
final tráxico.
E de aquí pasaremos á
terceira historia, que vai misturar elementos de todas as anteriores
e que será da que menos conte. O protagonista será Wells e a novela
“La guerra de los mundos” nunha historia a medio camiño entre a
orixinalidade e a homenaxe, chea de momentos de acción, humor e
amor.
De novo varias historias
conforman esta nova novela do autor, todas elas perfectamente
engarzadas e dirixidas con mestría. O mesmo narrador máis que
omnisciente que aparecía en “El mapa del tiempo” irá con nos
agora case como un mestre de cerimonias que nos vai presentando toda
a acción, os personaxes, as relacións entre eles e todo aquilo que
o lector quere saber e incluso algunhas cousas que sería mellor que
non soubera. Creo que este narrador é un dos maiores acertos da
historia, entre director de orquestra e contador de contos, ameno e
divertido. Tamén neste caso desde o punto de vista deste contador de
historias gustáronme moito todas as novas reflexións que fai sobre
o autor de novelas, da súa función e a súa forma de concibir a
realidade e todo o que a rodea. Se a novela anterior falaba sobre
algunhas cousas nesta céntrase no novelista como un dos integrantes
fundamentais da sociedade en tanto en canto ten como unha das súas
misións fundamentais axudar á xente a soñar cos seus relatos, a
vivir vidas e realidades lonxe deles, unha marabillosa vía de escape
para a realidade cotiá. Unha idea coa que coincido bastante e que
creo que é unha das funcións máis importantes da literatura de
todos os tempos.
Ciencia ficción,
aventuras sen descanso, acción case continua, moito bo humor e tamén
o amor como elementos centrais do relato. A verdade é que ten de
todo e moi ben levado ao papel. Nalgúns aspectos gustoume máis a
anterior, pero noutros esta. Aínda sendo parecidas son distintas,
coinciden no ton xeral do relato, na forma de contalo pero teñen
suficientes elementos para facelas lixeiramente distintas, cada unha
cos seus méritos. Comentar cales sería dicir demasiado e é moito
mellor que sexa o lector o que descubra esas diferencias e opine cal
delas gustoulle máis. Segue a ter ese aire de novela clásica de
aventuras, unindo perfectamente o antigo e o novo, non en van ao
principio da novela cualifícaa de “folletín” como aqueles por
entregas tan de moda hai anos e que case naceron na época na que
transcorre a historia. A fascinación de Palma por Wells é patente,
un dos grandes autores do xénero e un xenio imaxinativo e creador.
Hai pouco lin unha biografía súa e descubrín a cantidade enorme de
novelas e relatos que escribiu, dinme conta de que so lin as súas
novelas máis coñecidas, haberá que poñerlle remedio.
Unha lectura recomendable
para pasar un bo rato en calquera momento. Nalgún sitio vin que non
era necesario ler a anterior para facelo con esta, sinto disentir,
para min é imprescindible ter lido “El mapa del tiempo” antes de
poñerse con esta. Xa vos digo que hai unha serie de personaxes cos
que volveremos a coincidir en maior ou menor medida en canto á súa
importancia dentro desta historia, pero tampouco vou dicir cales,
teredes que lela.
O “Día das Letras Galegas” celébrase desde 1963, instituído pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destacan pola súa creación literaria en idioma galego ou por defender esta lingua. Cada ano dedícase a un autor ou autora diferente. A elección desta data vén dada pola publicación nese mesmo día do ano 1863 en La Habana da obra “Cantares Galegos” da poetisa Rosalía de Castro, unha obra que marcou o principio do Rexurdimento, o renacemento cultural do galego.
Esta ano dedícase a Valentín Paz Andrade, autor de ensaios sobre literatura, historia, economía ou pesca, varios libros de poesía e algo de narrativa. Naceu o 23 de abril de 1898 en Lérez (Pontevedra) e morreu en Vigo o 19 de maio de 1987. Ademais da súa actividade literaria foi un destacado xurista e político. Estudou Dereito en Santiago de Compostela e sempre se mostrou como un activo membro da vida universitaria. É neses tempos cando inicia os seus contactos co galeguismo, relacionado coas “Irmandades da Fala”. Colaborou con diferentes revistas, sobre todo con artigos de temas lingüísticos ou literarios. O seu interese pola literatura aparece cando o seu tío, o poeta Juan Bautista Andrade, preséntalle a unha das figuras fundamentais da cultura galega, Castelao. Foi director do periódico galeguista “Galicia” entre 1922 e 1926, ano no que foi pechado pola ditadura de Primo de Rivera. Posteriormente foi dirixente do Partido Galeguista, secretario do mesmo desde 1934. Desde 1921 exerce a avogacía en Vigo e en 1924 pasa dos meses no cárcere a causa de dous artigos periodísticos. En 1931 preséntase xunto con Castelao e Cabanillas ás eleccións para as Cortes Constituíntes, non sairá elixido por unha mínima diferencia de votos. En 1936 colabora coa campaña en favor do Estatuto de Galicia. Sofre dous atentados, o primeiro en Vigo e o segundo en Verín, onde foi desterrado despois do alzamento franquista. A causa dos seus artigos e ideas políticas sofre varios desterros. Foi director da revista “Industrias Pesqueras” (1942), avogado de prestixio en Vigo e un dos impulsores do grupo Pescanova, sendo o seu vicepresidente en 1960. Traballou como técnico da FAO, publicando o primeiro tratado sobre “Principios de economía pesquera” (1954) e traballando en misións internacionais en Hispanoamérica. Seguiu colaborando en periódicos como o “Faro de Vigo” ou “El pueblo gallego”. A partir de 1945 organizou a tertulia do café Alameda en Vigo, onde se reunía con intelectuais e artistas. Tras a morte de Franco representou a Galicia na “Comisión dos Dez”, que negociou a transición política e foi elixido senador por Pontevedra. En 1978 pronunciou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, da que era membro desde 1964.
Como escritor, ademais dos artigos periodísticos, é autor de ensaios literarios, históricos e económicos, reflectindo sempre a súa preocupación polo progreso de Galicia, ademais de obras especializadas en temas pesqueiros. Como poeta formou parte da Xeración de 1925. Iniciase na literatura en 1921 coa publicación de “Soldado da morte”. En 1955 aparece “Pranto matricial”, evocando a figura de Castelao, que morrera uns anos antes, e reeditada en 1975 en cinco idiomas. En 1968 “Sementeira do vento”, tratando o tema da paisaxe e as xentes de Galicia, xunto co exilio e os poetas galegos. “Cen chaves de sombra” (1979) e “Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo” (1985) son as súas dúas últimas obras poéticas.
Así este 17 de maio recordamos a este completo autor e político, unha das figuras fundamentais da cultura e sociedade galegas. Que mellor maneira de facelo que deixando un dos seus poemas:
“NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,
que dende a Torre de Hércules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas polo mare;
de toxo unha fogueira en cada monte;
cando ti volvas polo mare;
dos castros na coroa unha cachela,
cando ti volvas polo mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas polo mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas polo mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas polo mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas polo mare;
veliñas á xanela en cada casa,
cando ti volvas polo mare;
e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti chegues polo mare;
cando ti chegues polo mare...”
Volvemos ao mundo das novelas, neste caso do xénero negro ou de investigación, outro deses que soen gustarme bastante cando están ben feitos, manteñen a intriga e teñen un desenvolvemento medianamente orixinal, algo que non é demasiado fácil nun tipo de novela da que podemos atopar infinidade de exemplos. Neste caso dun autor do que comentei a súa primeira novela ao pouco tempo de empezar con este blog, alá por xullo do ano 2010 apareceu un comentario de “La herejía”, do novelista francés Romain Sardou. Neste caso esta é a súa terceira novela e curiosamente creo, desde a miña opinión, que adoece das mesmas virtudes e defectos que mencionei cando comentei a anterior. Logo explicarei algo máis. O título é “El círculo de los escribas”.
Romain Sardou é un autor nado en 1974 en Boulogne-Billancourt, Francia. Como curiosidade comentar que é fillo do cantante e compositor Michel Sardou. Ven dunha familia de artistas, cantantes, escritores e actores. Isto fixo que a súa infancia e xuventude estiveran cheas de arte en case todas as súas manifestacións, pero foi a lectura a que gañou a partida sobre as demais. Creceu lendo as obras dos grandes autores e foi o que fixo que se decidira pola escritura. Deixou a escola secundaria no ano no que se ía graduar coa idea de converterse en dramaturgo. Logo asistiu durante tres anos a clases de teatro, coa idea de comprender mellor o funcionamento do mesmo e entender a profesión de actor. Posteriormente traballou no festival de Rametuelle. Nos anos noventa viaxou a Estados Unidos e traballou na Disney. No ano 2002 apareceu a súa primeira novela, “La herejía”. En castelán as súas obras están editadas por Grijalbo e DeBolsillo. A primeira apareceu no ano 2004. Outras publicadas son “El peregrino del tiempo” (2006) e “Líbranos del mal” (2009). A que comento hoxe é do ano 2008. Ademais é autor de varios contos de Nadal escritos para os seus fillos. A súa última novela non foi editada aínda por aquí, titulada “Quitte Rome ou meurs” (“Vete de Roma o muere”), unha historia que transcorre na antiga Roma.
“El círculo de los escribas” transcorre na localidade de Concord, en New Hampshire. Alí o oficial de policía Stu Sheridan leva unha vida bastante tranquila, ata que nunhas obras atopan vintecatro cadáveres apilados de forma completamente ordenada, todos eles vestidos e cun disparo no corazón, tal como están parece que foron alí de xeito voluntario. Ademais non teñen características comúns, distintas idades, sexos... Un misterio que non poderá desvelar, xa que o FBI rapidamente collerá o caso, deixándoo de lado, aínda que Stu non é unha persoa que deixe as cousas con facilidade, sobre todo cando os asasinatos tiveron lugar na súa poboación. Ao mesmo tempo iremos coñecendo a historia de Frank Franklin, un estudoso da literatura, autor dun libro que tivo gran fama no que fai unha análise crítica de varios autores. A raíz desa publicación ofréceselle a posibilidade de ser profesor de creación literaria nunha prestixiosa universidade privada da mesma zona na que aparecen os cadáveres, a Universidade de Durisdee. Durante algúns capítulos coñeceremos a historia destes dous personaxes, dous camiños que parecen non ter conexión. Sheridan irá pouco a pouco recabando información sobre algúns dos asasinados, xa que vai custar identificalos, e sobre algunhas cousas relacionadas co caso. Mentres Franklin chega á universidade, instálase e comeza as súas clases. É evidente que ambos acabarán tendo contacto, ¿como? Buscando puntos en común entre os mortos Sheridan descobre que varios teñen algo que os relaciona, a afección á lectura de novelas negras dun misterioso autor que case ninguén coñece, un autor de ventas limitadas e non demasiado éxito pero que plasma todo nas súas historias con precisión milimétrica. Nun principio pídelle a Franklin que lea esas novelas para atopar nelas as claves do autor, tentando adiviñar cal é a súa forma de pensar e que relación pode ter coas misteriosas mortes, das que case non hai unha soa pista. No medio está tamén a existencia dun club secreto formado por uns poucos alumnos da universidade e que se fan chamar a si mesmos el Círculo dos Escribas. Pronto estes dous personaxes veranse inmersos nun gran misterio, nunha complicada historia que fará que teñan que cambiar a súa forma de ver as cousas e que estará chea de sorpresas e emocións. Terán que usar todo o seu inxenio para atrapar ao misterioso asasino, nun xogo entre literario e mortal.
A novela creo que ten un bo plantexamento, a idea central é bastante orixinal e o desenvolvemento da mesma está bastante ben logrado, conseguindo manter a atención do lector en todo momento. Nese sentido está moi ben, capítulo tras capítulo imos coñecendo algo máis, aclarando algunhas cousas e vendo todo desde o punto de vista dos dous protagonistas. Ambos personaxes están ben deseñados, teñen unha personalidade ben definida e a súa intervención dentro da historia está moi ben organizada. Ao redor deles algúns outros aparecen aos que haberá que estar moi atento, porque durante boa parte da historia non saberemos moi ben de quen desconfiar ou, sobre todo, como o asasino pode estar a facer o que fai. Ao igual que na novela que comentei anteriormente a linguaxe é directa, incluso nalgúns momentos pode facerse algo desagradable polo detallado e brutal, pero é a forma de facer que o lector poda chegar a sentir o mesmo que están a pasar os personaxes da historia. A novela lese moi ben e mantén ao lector nun certo estado de tensión, paréceme unha boa historia e nese sentido gustoume bastante. Para poder dicir algo máis quizais tería que desvelar algunhas partes, cousa que non vou facer, porque o mellor é, coma sempre, que o propio lector descubra as cousas a medida que avanza nas páxinas.
Pero ten un pequeno problema desde o meu punto de vista. Ao principio deste comentario dicía que para esta terceira novela do autor podería aplicar moitas das cousas que comentei cando o fixen coa primeira, que ten as mesmas virtudes e os mesmos defectos. A maior virtude está indicada no parágrafo anterior, a historia é orixinal, os personaxes non son demasiado tópicos e incluso entran dentro do crible, o desenvolvemento tamén está ben, pero fáltalle algo. Naquel momento dicía que “La herejía” era unha boa historia pero que fallaba no sentido de que quedaba demasiado simple, que podería dar máis de si ou estar máis desenvolvida nalgúns momentos. Pois a esta penso que lle pasa o mesmo. Hai nela moitas ideas que podería traballar máis, que quedan algo frouxas e que se as desenvolvera máis darían lugar a unha historia moito máis interesante. Non so no que se refire á parte da investigación, senón tamén na parte na que nos conta cousas dos personaxes, das súas vidas e do que fan. Certo é que de algúns non o fai demasiado porque quizais desvelaría parte dos misterios, pero con outros podería facelo. A historia transcorre durante unhas trescentas páxinas máis ou menos, quizais cunhas cantas máis quedaría moito máis redonda. Incluso as páxinas finais son algo caóticas, quizais demasiado rápidas tendo en conta o anterior, deses casos nos que parece que o autor non ten demasiado claro (ou non ten demasiadas ganas) como rematar a novela e liquida todo con excesiva presteza. Creo que cun pouco máis de desenvolvemento en varios sentidos sería unha novela moito mellor.
Aínda así non está mal, recomendable para os que lle guste o xénero. Bastante entretida e boa de ler, pode un meterse dentro da historia con gran facilidade e seguir a estes dous protagonistas na súa aventura para atopar ao asasino. Boa lectura para unha tarde de verán, cando un está de vacacións e ten ganas de ler algo sinxelo, fácil e sen demasiado esforzo, e entretido e interesante ao mesmo tempo. Teño pendentes as súas outras novelas, non sei se lles pasará o mesmo (boas ideas cunha realización algo escasa), vereino nalgún momento.
Este último domingo, por
un par de cousas, foi como facer unha viaxe no tempo uns cantos, non
poucos, anos cara atrás. Empezou coa comida familiar, apareceron
sobre a mesa un par de pratos deses que un recorda con cariño de
cando era máis novo. O bo é que sabían como recordaba, así que o
inicio foi bo. E logo fomos ao cine, e aí a cousa continuou ben,
volvendo aos anos dos cómics e dos superheroes. Non é a primeira
vez que digo que foron unha das primeiras cousas que lin, o que me
recorda un pouco aos catro rapaces que protagonizan unha das últimas
series que apareceron por aquí, so que aínda gustándome moito todo
ese mundo non o levo a situacións tan extremas como eles. A película
de hoxe é de moi recente estrea, o día 27 de abril apareceu na
carteleira, e dous días despois alá fomos ver “Los Vengadores”.
Por aquí pasaron xa a
maior parte das películas que tiveron a varios dos protagonistas
desta como eixe central, creo que a única que non comentei foi
“Hulk” (aínda que para min sempre será A Masa, que é como se
chamaba na miña época). Todas elas produtos entretidos e ben
feitos, uns máis que outros, tendo en conta que nos meus gustos nun
extremo quedarán as de “Iron Man” (como as que máis me
gustaron) e no outro “Thor” (como a que menos, sen querer dicir
que non o fixera). Todas elas parecían enfocadas á reunión do
grupo que coñecemos como Los Vengadores, a unión de todos estes
superheroes nun so grupo para defender a Terra de calquera tipo de
invasión, medio comandados por Nick Furia e pertencendo ao grupo
coñecido como Shield. Os máis afeccionados quedabamos a esperar
tras cada unha delas a que pasaran os títulos de crédito para ver
esa pequena escena final que, desde a primeira á última película,
íanos confirmando a preparación da cinta que os xuntaría a todos.
Pois aquí está, tras meses de ver trailers falsos e un montón de
noticias e suposicións, por fin temos nas nosas pantallas á maior
reunión deses personaxes nunha soa película. E para min o resultado
foi máis que bo, gustoume moito e tívome moi entretido durante as
case dúas horas e media de proxección. Por un lado non tiña
dúbidas de que ía, como mínimo, a ser unha historia entretida e
espectacular, pero sempre queda un certo resquemor ante o resultado
de tal unión. Os cómics deste grupo eran realmente bos e teño un
gran recordo deles, pero podía ser que á hora de levalos ao cine a
cousa non resultara igual.
Nas películas anteriores
vimos a historia de cada un deles, polo menos de catro, xa que dous
dos seis que aparecen nesta non teñen unha para eles sós. Hulk,
Iron Man, o Capitán América e Thor son os que tiveron unha cinta
contándonos toda a súa historia, os seus principios e de onde
xurdiron, para terminar como dixen con ese pequeno final que deixaba
ver a idea desta reunión. Como nexo entre eles tiñamos a Shield e a
Nick Furia, o encargado de recrutalos ou, polo menos, de telos
controlados. A estes catro uniranse nesta cinta outros dos clásicos
das historias gráficas, a Viuda Negra e Ojo de Halcón. Todos eles
andan un pouco ao seu aire, pero algo pasará que fará necesario que
se reúnan e traballen xuntos. Se nas anteriores asistimos ao
nacemento da cada un destes heroes, nesta veremos como se forma o
grupo que naquelas historias salvará á Terra de calquera inimigo.
O argumento, como é
normal nestas historias, non é nada complicado. Nunha das últimas
entregas, na escena final, viamos como Loki, o medio irmán de Thor,
escapaba da morte e quedaba relacionado cun poderoso e misterioso
cubo. Este cubo está a ser estudado e analizado nos laboratorios de
Shield como unha posible e inesgotable fonte de enerxía, pero tamén
é o medio para abrir un camiño cara a outros mundos. Loki volve
para roubar o cubo e facilitar unha invasión que pretende destruír
e conquistar a Terra. Ante iso o coronel Nick Furia verase na obriga
de reunir aos superheroes e tentar que traballen xuntos para evitar a
destrución do planeta. Máis ou menos o de sempre, o mal contra o
ben e esas cousas ás que nos teñen acostumados este tipo de
historias.
Neste caso o problema é
saber como resultaría esta unión. En xeral as películas dedicadas
a cada un deles tiveron bastante boa acollida de público e un
notable éxito económico. Non parecía demasiado arriscado xuntalos
a todos, algo que os fans esperaban, nunha soa cinta na que se
investiron máis de douscentos millóns de dólares e que seguramente
terá beneficios. O director é Joss Wheldon, un case novato no cine,
procedente da televisión e que consegue un resultado aceptable. Creo
que en mans dun directos algo máis experimentado neste tipo de cine
podería ser algo mellor.
Non é fácil xuntar a
esta cantidade de personaxes nunha soa historia e saír con ben. Por
un lado un mérito da cinta é que sabe manter á perfección as
características de cada un deles, algo que pode chamar a atención
dos que non sexan seguidores dos cómics, pero que para os que si o
son é algo notable. Thor, o fillo de Odín, inalterable e case
hierático, pero maxestoso. O Capitán América nun mundo que non é
o seu e que lle custa entender, un pouco fóra de lugar pero sempre
disposto. O doutor Bruce Banner, escondido tanto do mundo como de si
mesmo, sempre con medo a que saia Hulk, xa que non pode controlalo. E
Tony Stark, Iron Man, faltón, prepotente, chulesco e individualista.
Xunto a eles a Viuda Negra e Ojo de Halcón, case como acompañantes
con algo menos de peso no desenvolvemento da acción, pero aínda así
con escenas importantes. Facer que traballen xuntos é o máis
difícil de todo, cada un quere facer a guerra pola súa conta e o de
actuar en equipo non vai demasiado con eles, creen ser capaces de
enfrontarse a calquera cousa pero eles mesmos deberán ser
conscientes de que a ameaza á que se enfrontan non poderá ser
derrotada se non colaboran.
Así estamos ante unha
historia entretida e sobre todo ben feita. Para os que somos
seguidores dos Vengadores desde hai anos quizais os primeiros tres
cuartos de hora poden facerse algo pesados. Neles teremos case unha
presentación da historia e os personaxes que se pode alongar
demasiado, con excesivos diálogos e algunhas escenas para min
prescindibles. A partir dese momento, cando xa os temos a todos
xuntos, a película gaña en dinamismo, interese e, sobre todo,
acción. Creo que se alonga demasiado nese principio, poderían telo
feito algo máis breve e o resultado sería o mesmo. Claro que teñen
que deixar claro como é cada un dos personaxes, as cousas que os
motivan e animan actuar e como se van coñecendo pouco a pouco, xa
que antes diso non se viran, pero sigo pensando que se fai algo largo
e lento. Desde o momento no que embarcan no portaavións
(impresionante concepto o desta nave cando se transforma) e empezan a
interactuar entre eles a historia gaña en movemento e desde ese
momento será case un non parar ata un final realmente espectacular.
Hai máis de cincuenta
anos que estes personaxes apareceron en forma de historia gráfica,
pero a actualización que se fixo deles esta moi ben, mantendo en
parte o espírito de toda a vida e engadíndolle algúns elementos de
modernidade. Non me vou parar nos espectaculares efectos especiais,
realmente impresionantes, que fan crible unha historia de ficción
imposible de filmar hai uns cantos anos. A imaxe dos heroes responde
á perfección ao aparecido no papel e os actores creo que cumpren
moi ben cos seus papeis. Nalgunhas críticas que vin, por exemplo,
poñen de mediocre a mal ao actor que fai de Thor, pero creo que
mantén a imaxe que teño do cómic, non se lle pode pedir máis.
Unha mención especial para os moitos toques de humor que atoparemos,
case todos eles xeniais. Iso si, a maior parte deles veñen de Iron
Man, que coa súa forma de se da lugar a esas situacións entre
cómicas e ridículas. De todos eles é co que quedo, sempre foi o
meu favorito e neste caso creo que é o que máis luce de todos, é
ao que lle dan máis cancha en todos os sentidos, quizais porque as
súas dúas películas anteriores foron ás máis rentables, pero
tamén porque o propio personaxe de Tony Stark da para moito. El leva
o peso da maior parte das escenas e da acción. Tamén o Capitán
América, outro dos que máis me gustaban, ten boa parte de
protagonismo. Iso si, nas escenas finais a participación de Hulk é
realmente espectacular e nalgún momento moi divertida.
Os actores na liña das
súas películas individuais, case perfectos no desempeño dos seus
papeis. Robert Downey Jr., coma sempre, cumprindo á perfección. Dos
demais so cambia de actor o personaxe de Hulk, interpretado agora por
Mark Ruffalo e creo que de forma destacable, non sei como resultaría
nunha na que el fora o protagonista, pero me gustou moito. A Viuda
Negra é Scarlett Johansson, que aparecera de forma fugaz nas de Iron
Man, aquí colle algo máis de protagonismo e tampouco queda nada
mal. E Ojo de Halcón é Jeremy Renner, que o tempo que aparece tamén
cumpre á perfección. Claro que outro dos meus personaxes favoritos
dos cómics era Nick Furia, que aparecera de forma breve nalgunhas
das outras historias, interpretado como nesta por Samuel L. Jackson,
creo que tamén de forma destacable, impecable co seu parche, o seu
abrigo longo e a súa seriedade.
Creo que é evidente que
disfrutei moito coa película, as dúas horas e media que dura
pasáronseme nun suspiro, tendo en conta como xa comentei, que o
principio aínda que me gustou quizais se me fixo un pouco longo.
Imprescindible, penso eu, para os fans do cómic e recomendable tamén
para os que nin os coñezan. Na casa so eu son lector de cómics, e a
todos lles encantan estas historias. A unión de todos estes
personaxes tivo un bo resultado, entretido, ameno e moi divertido en
todos os sentidos, e espectacular como ten que ser. Tendo en conta o
final (tras os primeiros títulos de crédito, que esta vez non hai
que esperar ata o final de todos) e o éxito que está a ter creo que
é maís que esperable (eu polo menos a espero) unha nova aventura á
voz de “Vengadores, reuníos”.
Buscando algún libro
para regalar neste pasado Nadal atopeime co que vou comentar hoxe.
Non coñecía ao autor, pero o título e a portada chamáronme a
atención e animeime a botarlle unha ollada. Lido o resumo da
contraportada o meu interese creceu, tiña boa pinta, unha boa
historia e ao final foi o regalo para un dos meus cuñados. A verdade
é que non sei se a ten lido xa ou non, pero se o fixo espero que lle
gustara tanto como a min. Pareceume unha boa historia, unha lectura
interesante e moi amena, ademais de aportar unha boa cantidade de
datos ben metidos dentro do argumento. O autor é Antonio Garrido e a
novela “El lector de cadáveres”.
Antonio Garrido naceu en
Linares (Xaén) en 1963. As súas lecturas de xuventude foron os
grandes clásicos de todos os tempos: Walter Scott, Stevenson, Dumas,
Salgari ou Jack London. As súas primeiras intencións eran dedicarse
á escritura e a novela, pero en certo momento decidiuse por estudar
Enxeñería. Posteriormente dedicouse á docencia e publicou varios
traballos de carácter técnico. Este rumbo cambiou no ano 2001,
cando durante unha viaxe por Alemaña unha historiadora faloulle dun
manuscrito esquecido que acabou dando lugar a súa primeira novela,
“La escriba”, publicada en 2008. Esta novela tivo un gran éxito,
traducida a trece idiomas e gañadora de varios premios
internacionais. É unha novela que podemos incluír dentro do xénero
de suspense histórico e aventuras, que parece ser o mundo no se que
vai mover o autor. En 2007 empezou a traballar na súa segunda
novela, esta que comento hoxe, seguindo esa mesma liña. Actualmente
compaxina o seu traballo como escritor co de profesor na Universidade
Politécnica de Valencia e na Universidade Cardenal Herrera da mesma
cidade, ademais de participar en conferencias, ponencias ou talleres
de novela histórica. “El lector de cadáveres” chegou ás
librerías a finais do ano 2011.
Como dixen ao principio
cando collín a novela e lin o resumo da historia chamoume a
atención, pero o primeiro foi ler as liñas iniciais, falando de que
nos ía contar un relato sobre o primeiro xuíz forense da historia.
Quizais o traballo de forense hai uns anos non era tan coñecido como
agora, hoxe, creo que gracias á televisión, temos unha idea de como
traballan; ben, máis ou menos, que xa sabemos que nas series sempre
esaxeran as cousas un pouco. Claro que coa cantidade de CSI, de
investigadores e series policiacas e de novelas con este tipo de
personaxes todos temos unha certa idea de que fan. Así que iso de
ler “o primeiro forense” fixo que un certo interese aparecera por
ler esa novela que parecía ter máis de histórica que outra cousa e
ademais dun autor descoñecido para min. Xa digo que é máis que
unha novela histórica, con máis elementos e moi variada, con outras
vías de interese que lle dan unha certa orixinalidade.
Imos coñecer a vida de
Ci Sóng, un personaxe histórico que tamén chegou a coñecemento de
Garrido tamén por casualidade. Podedes ler a historia competa no
epílogo final. O autor foi invitado a un congreso de ciencia forense
no cal unha das ponencias falaba deste personaxe que atraeu
poderosamente a Garrido. Descubriu que tiña unha gran cantidade de
libros sobre formas de morrer, marcas deixadas nos cadáveres e unha
boa cantidade de información sobre investigación forense. Consultou
gran parte deste material, así como sobre a época na que viviu,
formas de vida, organización social e todo o que puidera ser
interesante para o desenvolvemento da súa historia. O traballo de
recollida e revisión de información ten pinta de ter sido inxente e
laborioso, pero creo que o seu reflexo na novela é realmente bo. A
cantidade de información que o lector vai recibir sobre a época e
todo o que a rodea, así como sobre a investigación forense nese
momento é moita e toda ela bastante interesante, polo menos para
min, e ben introducida dentro do desenvolvemento do argumento, sen
resultar excesivamente pesada nin prolixa. Isto xa é un punto ao seu
favor. Iso si, matizar que o protagonista é un personaxe histórico,
que case todo o que se conta sobre a vida na China da época tamén,
pero non a propia historia de Ci Sóng, unha historia que o autor
novela partindo de todos eses datos e á que engade unha serie de
elementos creados por el. Isto non lle resta nin un ápice de
interese, escapando da crónica histórica para darnos un relato
ameno, interesante e cunha boa dose de intriga.
Estamos en China no
século XIII. Ci Sóng provén dunha familia humilde, vive no campo
pero ao seu pai ofrécenlle unha praza de funcionario na cidade e vai
con el, mentres o seu irmán queda a cargo das terras da familia.
Pero por cuestións que descoñecemos vese obrigado a volver ao pobo,
algo que non lle gusta. Ci é unha persoa ambiciosa que non quere
vivir de cultivar arroz, na súa etapa na cidade empezou a estudar e
acompañar a un xuíz e forense, traballo para o que demostra ter
grandes calidades. A súa gran ilusión e empeño é retomar os seus
estudos e converterse nun dos xuíces e investigadores da corte do
emperador, e non deixará que nada impida esa meta. Vive amargado no
pobo, maltratado polo seu irmán, traballando no campo de sol a sol e
con poucas metas no horizonte. Ao principio da historia descobre un
cadáver no campo de arroz no que traballa e iso fai que as cousas
cambien un pouco. Por razóns que teredes que ler vese obrigado a
escapar do pobo coa súa irmá enferma (chamada Terceira, unha rapaza
débil pero á que se sente moi unido). A súa idea é volver á
cidade, retomar os seus estudos na prestixiosa Academia Ming e
cumprir os seus soños. Claro que todo isto non será fácil, vai
atoparse cunha grande cantidade de problemas, de impedimentos, de
situacións que tentará superar so gracias á súa ansia de ser ese
“gran lector de cadáveres” que proclama o título.
Como dixen Ci Sóng
existiu e viviu na mesma época na que transcorre a historia. A súa
vida evidentemente non foi como se nos conta na mesma, o autor engade
ademais ao personaxe algúns elementos para darlle algo máis de
interese ou dramatismo ou para poder desenvolver dunha forma máis
sinxela a idea que ten na cabeza. Como exemplo xa ao principio da
historia descubrimos que Ci padece analxesia conxénita, unha rara
enfermidade que fai que non poida sentir dor en absoluto, algo que
será unha avantaxe nalgúns momentos e non tanto noutros, pero que é
importante para o argumento. Tamén a maior parte dos personaxes
parten da historia real do momento, mentres que outros foron creados
polo novelista para completar esa historia que se ía formando na súa
imaxinación.
A novela empeza coa
aparencia de estar dentro do xénero histórico, pero vainos ofrecer
moito máis, pouco a pouco vaise convertendo nunha historia de
aventuras ao máis puro estilo clásico (ese que Garrido coñece moi
ben polas súas lecturas de xuventude) e de repente pasa a meterse de
cheo tamén no xénero da novela negra, unha historia de suspense.
Esta mistura non resulta para nada estraña e está moi ben levada. A
conxunción de datos históricos coas aventuras e desventuras do
protagonista de repente únese a unha serie de asasinatos estraños e
brutais. Sóng verase obrigado a participar na investigación dos
mesmos descubrindo as cousas case ao mesmo tempo que o lector. A
historia está contada en primeira persoa, así que protagonista e
lector case son cómplices no longo camiño que levará á resolución
destes asasinatos aparentemente incomprensibles. Suspense histórico
e aventuras, unha mistura que neste caso resulta bastante ben. Neste
sentido destacaría dúas cousas, a amenidade e o interese polos
datos históricos, referidos non so á ciencia forense, senón tamén
ás formas de vida da sociedade chinesa do século XIII. Tras moitas
novelas históricas sobre a Idade Media europea non está para nada
mal cambiar un pouco o marco e ler sobre épocas e lugares algo máis
lonxanos e quizais descoñecidos para a maior parte dos lectores. Por
iso mesmo recomendo que visitedes o blog do autor sobre a novela,
onde poderedes atopar moitos máis datos interesantes sobre a mesma:
www.ellectordecadaveres.es
Gustoume moito o libro e
atrapoume desde o principio. A pesar diso algunhas cousas non me
convenceron completamente. Entre elas a grande cantidade de
desgracias e problemas polos que ten que pasar o protagonista,
quizais case quedando no límite do esaxerado nalgúns momentos, algo
que incluso pode chegar a saturar un pouco ao lector. A pesar diso o
interese non decrecía demasiado por eses outros aspectos que
comentei referidos ao mundo oriental que aportan esa nota adicional.
Os demais personaxes son todos eles interesantes e fundamentais na
trama, iso si, non hai ningún prescindible ou que estea de máis e
todos eles aportan algo á historia. Non falo deles porque entón
tería a tentación de contar cousas de máis pero quedo co adiviño,
o profesor Ming e co personaxe feminino máis importante da historia.
A parte histórica resultoume máis que interesante (ampliando os
coñecementos que adquirín con outra novela ambientada no mesmo
sitio e que comentei ao principio deste blog, “Ginko, a primeira
doutora”) e intégrase perfectamente con esa historia de asasinatos
que terá ao lector pendente de descubrir ao culpable.
Unha novela recomendable,
garante un bo rato de entretemento para calquera lector, cun tema
orixinal, unha boa e interesante recreación histórica e un
personaxe que me encantou coñecer. Agora queda na lista de pendentes
a primeira obra do mesmo autor, xa vos direi que me pareceu.
A maior parte dos vídeos desta serie aparecen desactivados para insertalos, so atopei estes tres.
Hai uns anos, cando había moitas menos canles de televisión, era fácil estar ao tanto das series que emitían. Agora é algo case imposible, moitas máis canles e moitísimas máis series que aparecen case cada semana, series novas, temporadas dalgunhas anteriores..., unha cantidade inxente que é imposible de controlar a non ser que un teña todo o día para pasar diante do televisor. No meu caso isto non é posible, nin me gustaría, claro, con un ou dous capítulos por noite imos tirando, algúns de estrea e outros gravados, que hai moitas máis cousas que facer, evidentemente. A serie de hoxe non é nova, todo o contrario, a súa primeira temporada é do ano 2007 e neste momento a canle TNT está a emitir a súa quinta temporada. Algúns dos meus irmáns cansaron de recomendarme que a vira hai tempo, pero a verdade é que nunca lle prestei demasiada atención. Raro, porque é unha comedia pura e normalmente gústanme este tipo de series, pero entre unhas cousas e outras nunca me puxera con ela. Desde hai unhas semanas a isto das nove menos cuarto deume por ver algún capítulo e teño que dicir que me ten enganchado completamente e pásoo realmente ben véndoa. Falo de “The Big Bang Theory”
É desas que duran vinte minutos e nun completo ton de comedia, e desde o meu punto de vista realmente boa, divertida e cun aire bastante orixinal en moitos sentidos. Pode tomar elementos de moitas outras, pero o resultado é algo novidoso, sobre todo no sentido de por onde busca moitos dos momentos de humor. Nalgúns cerca da típica comedia de adolescentes americanos, pero ao mesmo tempo completamente lonxe deste tipo de humor para darlle un aire distinto. Isto vén dado por como son os protagonistas, pola ambientación e a gran cantidade de detalles que a reforzan, polas cousas que din e sobre todo por como as din e polas distintas situacións que se producen en cada episodio. Iso si, é desas que antes de decidir se un vai seguila ou non ten que ver cinco ou seis capítulos, ten que ver como son os personaxes e as súas características, que son a base dos argumentos e a gracia dos mesmos. Se un ve un capítulo solto pode quedar un pouco sorprendido e incluso atónito, estrañado, pero se a seguimos descubriremos uns personaxes marabillosos dentro dun mundo simpático, moi preto a ao mesmo tempo lonxe da nosa realidade cotiá.
A serie céntrase en cinco personaxes, catro homes e unha muller. Eles son auténticos xenios nos seus campos, todos eles relacionados coa ciencia e todos con algunhas características comúns. Calquera deles respondería perfectamente ao estereotipo completamente esaxerado do friki por excelencia. Todos teñen un coeficiente intelectual moi por riba da media, e incluso entre eles hai diferencias e iso lévalles a ter máis dun problema dentro da sociedade que ou non comprenden ou que nos os comprende a eles. Por causas do destino chegan a ser amigos, o que vai sacalos da súa vida individual e separada que quizais levaran ata ese momento pola súa intelixencia, vivindo case como inadaptados sociais. Os catro son moi novos e traballan na Universidade Cal Tech de Pasadena, realizando investigacións de moi diversos tipos, cada un no seu campo. Sheldon Cooper é o centro do grupo e para min o protagonista, o que máis destaca neste cuarteto. Aos once anos xa estaba na Universidade, dúas licenciaturas e un doutorado, un auténtico xenio centrado na física teórica, algo que el considera superior a calquera cousa, o máis importante. O seu compañeiro de piso é Leonard Hofstadter, algo menosprezado por Sheldon porque se dedica á física experimental, xa que cree que é inferior e máis inútil que a teórica. Podemos dicir que dentro do grupo Leonard é o que máis se achega ao que podemos considerar normal no sentido de que é o máis capaz de entender máis ou menos as convencións sociais e a vida da xente que os rodea. Dentro dese mundo de xenialidade soe ser a voz da razón, o que pon nalgunhas ocasións a dose necesaria de normalidade para non rematar mal. Aínda así é unha persoa tímida, apocada e con medo a moitas cousas, moitos destes medos provocados por unha nai realmente impresionante que o trata sempre con demasiada condescendencia. Howard Holowitz é o terceiro integrante do grupo, ao que todos tratan como inferior ao resto porque so é enxeñeiro e non ten un doutorado, a pesar de ser tamén un xenio no seu campo. Sempre desesperado por ter relacións con mulleres, obsesionado ante calquera oportunidade que se lle presente e capaz de calquera cousa por conseguir deitarse cunha rapaza. Raj Koothrappali é o cuarto, vén da India, fuxindo un pouco da súa familia, o seu pai é xinecólogo e quere que o seu fillo siga o seu camiño, pero el non quixo iso e dedicouse á astrofísica, campo no que, como o resto, é unha eminencia. O seu maior problema e que non é capaz de falar con mulleres, ou simplemente abrir a boca se hai unha muller presente. Soamente pode facelo cando toma algunha bebida con alcohol, desde o primeiro trago o seu problema desaparece e compórtase dunha forma moi distinta. E Penny é a rapaza que vén alterar, e moito, o mundo ordenado deste cuarteto. Será a veciña do apartamento enfronte do de Sheldon e Leonard (que enseguida sentirá atracción por ela) e que non ten nada que ver con eles en case ningún sentido. vén a Los Ángeles para ser actriz, pero de momento traballa de camareira. Todos quedarán prendidos dela en moitos sentidos, excepto Sheldonn, ao que so lle chama a atención a súa forma de vida e a súa intelixencia, tan distinta da que ten el. Penny non entende demasiado ben a estes rapaces ao principio, pero pouco a pouco iralles collendo cariño e entrarán a formar parte da súa vida dunha forma moi cercana.
Todo xira ao redor destes cinco personaxes, cada un cunhas características moi determinadas e case fixas, aínda que nalgunhas cousas evolucionarán un pouco e a presencia de Penny supoña moitos cambios que cada un aceptará a súa maneira. Como dixen o centro é Sheldon, un xenio que se sente moi, pero moi, por riba do resto dos mortais, incluso dos seus amigos. É unha persoa moi especial, cuns rituais fixos que ninguén pode alterar, non comprende á sociedade nin os convencionalismos sociais, que respecta a medias e so cando lle interesa. Repelente, prepotente, faltón, sen molestarse en entender aos demais e poñendo o seu por riba de absolutamente todo, obseso da orde e a disciplina... É o único de todos eles para o que a presencia de mulleres na súa vida é algo completamente innecesario e, polo tanto, incapaz de entender que os demais as necesiten. É curioso como un personaxe como o seu acabe resultando simpático e divertido, sendo o que soporta a maior parte da comicidade de cada episodio coas súas reaccións, as súas palabras ou as súas accións, a min paréceme realmente xenial. Leonard é o seu compañeiro de piso, con dificultades, porque convivir con Sheldon é todo un reto varias veces ao día e todos os días. É o que comprende algo mellor á sociedade e todas as complicacións que teñen as dinámicas sociais, que as veces tenta explicar ao seu amigo sen demasiado éxito. Howard y Raj están case sempre con eles, aportando moitos outros elementos cómicos ás historias. E Penny é moitas veces a voz da razón, ao principio alucina con todo o que fan, pero pouco a pouco vainos entendendo, aínda que so a veces, facendo que a súa capacidade de sorpresa sexa ilimitada.
Un elemento importante dentro da serie son as afeccións que comparten estes catro xenios. Para os afeccionados aos cómics (hai unha tenda que é un dos lugares habituais para o desenvolvemento das historias), ás series ou ao cine de ciencia ficción (“Star Trek” ou “Galactica” son dúas constantes) ou aos videoxogos a serie é un pozo sen fondo de referencias a estes campos. Non quere dicir que un non poida vela sen ser afeccionado a este mundo, pero si o é será moito mellor. Ademais dos seus experimentos a súa vida céntrase en xogar partidas de ordenador ou consola sempre a xogos moi coñecidos. Ao longo dos argumentos as referencias son constantes, tanto en diálogos como en outras moitas cousas. Asisten a festas disfrazados de superheroes, as súas casas están cheas de monecos, carteis, xoguetes ou case calquera artigo que faga referencia a estas cousas. Atención a Howard, as súas fibelas do cinto sempre son homenaxes a este mundo, así como o pin que leva sempre no colo da súa camiseta (atención tamén ao tipo de roupa que leva este en concreto, porque é todo un espectáculo). Tamén atentos ás camisetas de Sheldon, todas relacionadas con este mundo. “A guerra das galaxias” é outro deses clásicos que adoran, a cama de Howard está coroada por dúas espadas láser de guerreiro Jedi. Direi que este é un mundo que a min tamén me gusta, así que sempre estou pendente deste tipo de detalles.
Ademais das súas aventuras e desventura, as conversas sobre física e ciencia son constantes. Nas súas casas e despachos hai taboleiros cheos de ecuacións, fórmulas e demais cuestións deste tipo. Como curiosidade comentar que todas as referencias que aparecen a estas cousas son reais, a serie está asesorada por científicos, físicos ou matemáticos. Todas as referencias ao mundo científico son reais e aderezan moitas das súas conversas e chistes.
Unha das cousas que máis me gusta é a linguaxe que usan, completamente lonxe do que poden usar uns rapaces da súa idade (salvo Penny, claro). Outra xenialidade dos guionistas, como dicir cousas que se poden dicir cunha palabra usando frases cheas de palabras cultas sen parecer pedantes buscando sempre a comicidade. De aí que Penny case nunca entenda o que lle di Sheldon, claro. As veces as súas conversas chegan a tal nivel que é imposible non botar unha sonora risa.
E os actores moi ben todos eles. Na súa maior parte veñen do mundo da televisión e non son caras demasiado coñecidas. En papeis secundarios atoparemos a veces a actores e actrices máis coñecidos, tamén doutras series. Nalgúns casos aparecerán en papeis puntuais científicos máis ou menos coñecidos, entre eles nesta quinta temporada contaran coa presencia de Stephen Hawking. Sheldon é Jim Parsons e tamén aquí sigo a quedarme con el, paréceme un bo actor de comedia que interpreta o seu personaxe dunha forma xenial, atención as súas posturas, as súas caras e todo en xeral. Comentar que gañou o Emmy ao mellor actor de serie de comedia nos anos 2010 e 2011, e o Globo de Ouro na mesma categoría no 2011. Conste que o resto non lle vai á zaga.
Ben, esta vez creo que me estendín máis do habitual, pero recoñezo que o paso realmente ben con esta serie e podería dicir algunhas cousas máis. Orixinal en moitos momentos, dando unha versión case intelectual das típicas series de rapaces novos. Cuns guións intelixentes cunha boa mistura entre o humor evidente e esperable e o completamente inesperado, non creo que haxa ninguén capaz de, polo menos, non sorrir coas historias deste cinco personaxes e todas as cousas que lles pasan. Como dixen ao principio é desas que tras ver catro ou cinco episodios quedas enganchado e cada vez a cousa faite máis gracia a causa de ir coñecendo máis e máis a estes cinco amigos. Eu cheguei tarde a ela e agora estou a retomala desde o principio, seguro que moitos dos que pasan por aquí xa a coñecen, pero se non é así non vola perdades, case seguro que vos fará pasar un máis que no rato.
Outra de cine en pouco tempo, ou non imos en varios meses ou caen dúas case na mesma semana, cousas da carteleira, do tempo ou que non se nos ocorre outra cousa que facer. De todos modos a esta de hoxe tiñámoslle ganas desde que a vira anunciada na televisión. Un bo grupo de actores e unha historia que parecía entretida e simpática, ademais de dicir algo ao espectador. Pois non me equivoquei, gustounos bastante e disfrutamos da proxección. É outra historia parecida no ton á última que comentei, “Intocable”, no sentido de facernos pensar un pouco sobre as nosas vidas, sobre como poden cambiar nun momento dado e, sobre todo, pensar en que hai que aproveitar todos os momentos e tentar ver o lado bo das cousas. É outra historia optimista, “El exótico Hotel Marigold”.
Neste caso estamos ante unha produción inglesa. Está baseada nunha novela de Deborah Moggach titulada “These foolish things”, por certo, novela que estiven a buscar traducida pero que non apareceu. O director é John Madden, quizais a súa cinta máis coñecida sexa “Shakespeare in love”. Non sei que tal estará a novela pero teño un certo interese na súa lectura, aínda que me da a impresión de que non vai ser algo sinxelo de conseguir.
A historia é simple, sete xubilados ingleses que non saben demasiado ben que facer coas súas vidas vense tentados de pasar a última parte das mesmas nun luxoso hotel que se anuncia en diversos medios, na India. Ben, os sete non, porque unha delas acaba aí case por obriga. Douglas e Jean son un matrimonio que investiu todos os seus aforros na empresa da súa filla, aforros que non volveron ver e que limitan moito as súas posibilidades económicas, polo que deciden realizar a viaxe case como a súa única opción. Tras anos xuntos a súa relación non parece marchar todo o ben que debería, el é calado, tímido e case acomodado; ela é máis protestona, parece que so sabe queixarse e estar pouco conforme con todo o que a rodea. Evelyn enviuvou recentemente, unha muller que dependeu durante toda a súa vida do seu marido absolutamente para todo e que agora se sente algo perdida. Acepta a viaxe como como unha forma de tentar tomar as rendas da súa vida e facer algo por si mesma. Graham é un xuíz do Tribunal Supremo que, cansado de asistir a festas de xubilación dos seus colegas, decide viaxar á India, na que viviu cando era máis novo, como unha forma de recuperar algunhas cousas desa vida anterior. Jean é a viúva alegre, farta de coidar aos seus netos e sentíndose nova marcha en busca de novas aventuras amorosas e, por que non, dalgún novo marido adiñeirado. Norman sería case a versión masculina da anterior, ve como a súa vida vai rematando pero non quere resignarse a ser maior e quere seguir disfrutando das relacións de parella, así que ve a India como un novo mundo cheo de oportunidades. E Muriel é a que vai máis ou menos obrigada por unha operación de cadeira que debe facer o máis pronto posible, ofréceselle a posibilidade de, para non ter que esperar meses, ir facer a mesma a ese país, onde lla farán moito antes. É unha muller cunha serie de ideas algo anticuadas, racista, firme e pouco dada a convivir cos que non son como ela. Por último temos a Sonny, o rapaz indio que ten un soño que compartía co seu pai, converter o Hotel Marigold no mellor lugar para que todo aquel que queira descansar e gozar dun lugar privilexiado poda facelo. Sonny é un soñador que procura ver todo da forma máis optimista posible, a pesar de que a realidade choca contra esas ilusións. A súa máxima é que ao final todo ten que saír ben, e se non o fai é porque aínda non é o final.
Estes oito personaxes forman o núcleo central da historia. Cada un deles cunha personalidade e unha forma de actuar ben distinta e quizais representando unha serie de tópicos ou de formas de ser moi determinadas. Douglas, calado, discreto, case sempre pelexando entre o que cre que debe facer e o que lle gustaría, pero aceptando con resignación a súa situación. A súa muller, Jean, pouco dada a aceptar as cousas como veñen e disfrutar delas, sempre queixándose e tentando impoñer as súas opinións. Muriel, seria, firme e, ao mesmo tempo, vivindo con moito medo a todo o que sae da súa rutina ou da súa forma de ver a vida. Evelyn, dubidando sempre, con medo a todo o que descoñece que é moito por como viviu antes, pero ao mesmo tempo decidida e con ganas de vivir o que lle queda da mellor forma posible e, a poder ser, distinta da súa vida anterior. Madge, alegre e vividora, sen querer aceptar o que a sociedade considera máis “adecuado” para ela, e Norman case igual pero no seu lado masculino, engadindo un gran medo a vivir so e sen afecto. Graham, decidido a recuperar unha parte da súa vida que estaba escondida e que ao principio tenta ocultar. E Sonny, alegre, optimista e soñador, empeñado en loitar contra todo o que se lle poña por diante con tal de conseguir o que quere.
E o outro protagonista é o “exótico Hotel Marigold”. A el chegan todos estes personaxes buscando un lugar marabilloso no que descansar, vivir comodamente e disfrutar deses anos de vida que teñen por diante. Pero é evidente que a propaganda case sempre engana, xa que en absoluto será o que esperan. O que atopan é un edificio nun estado case ruinoso, con habitacións non en demasiado bo estado, un lugar con moitas posibilidades pero que tamén parece estar nos últimos tempos da súa vida. Un lugar case como eles, acabado, pero claro, o tempo demostrará que isto non é así. Cada un irá atopando o seu lugar nese novo mundo, tanto na India como no interior de cada un deles. E o marco no que pasa todo, a India, co seu caos, o seu ruído e as súas xentes e costumes, filmado como un lugar ideal para o desenvolvemento das vidas destes personaxes. Con cousas que non entenderán, que non aceptarán nun principio pero que irán vendo doutras maneiras a medida que saen, conviven e coñecen ese novo mundo para a maior parte deles.
Quizais unha das mellores cousas da historia sexan os actores, neles aséntase a maior parte da película. Boas interpretacións duns actores e actrices moi coñecidos e que, desde o meu punto de vista, bordan cada un dos personaxes. Todos eles grandes do cine inglés e internacional. Tres son para min os máis destacados. Judi Dench é Evelyn, unha actriz capaz de interpretar a mulleres de gran carácter ou a, como aquí, a outras que aparentemente son algo máis débiles ou están algo perdidas na súa vida, as rendas sempre as levou o seu marido e agora, pouco a pouco, ten que ser ela a que as tome. Sonny é Dev Pattel, coñecido entre algunha e outra cousa polo seu papel protagonista en “Slumdog millonaire”, o rapaz que coas súas caras, os seus xestos e o seu optimismo é capaz de que a cousa máis inmunda poida verse con bos ollos, unha actitude que vai contaxiar a case todos os seus novos hóspedes. E deixo para o final á máis destacada, a que creo que domina por completo a pantalla cada vez que aparece, transmitindo unha sensibilidade enorme, Maggie Smith é Muriel. A muller que quere que a atenda un médico inglés ou que non sexa un indio o que a leve na cadeira de rodas pero que se ve obrigada a ir á India se quere unha cadeira nova. Destacada porque en realidade creo que é o personaxe máis interesante, o que ten máis matices e o que cambia algo máis ao longo da historia.
Unha película simpática e entretida. Con escenas que provocarán o sorriso en máis dunha ocasión polas situacións que terán que vivir, polos diálogos e algunhas cousas máis. Un canto á vida, ao goce da mesma en calquera momento, sen distinguir idades, situacións ou formas de afrontala. Parecida nalgunhas cousas á que comentei antes desta, “Intocable” e distinta tamén noutras. Unha historia chea de optimismo e alegría de vivir, de buscar en cada momento a mellor forma de facelo, sen amargarse ou sumirse na tristeza, ou facéndoo so cando é estritamente necesario. Contándonos que hai que enfrontarse ás cousas e buscar o lado bo, que moitas veces está aí e non é tan complicado atopalo. Nalgunhas críticas lin que a cualificaban de demasiado tópica, é posible que nalgúns aspectos sexa así, pero tamén creo que as veces os tópicos, se están usados dun modo axeitado, non son sempre malos. Claro que hai cousas esperables, e outras non tanto, e que xoga con cousas que posiblemente xa temos visto nalgunhas outras ocasións, pero non creo que teña que ser algo necesariamente negativo. Ten algunha sorpresa, pero o mellor é ver como estes personaxes enfrontan esta nova situación e como van saíndo dela, aprendendo unha serie de leccións que lles serán útiles non so a eles, algunhas tamén poderán valerlle ao espectador. A min gustoume bastante e recoméndoa, sobre todo tendo en conta que a carteleira está chea de historias bastante baleiras, cheas de acción, efectos especiais e poucas cousas máis, creo que está danos algo máis que todo iso.