martes, 3 de diciembre de 2013

Triloxía "Los juegos del hambre", Suzanne Collins


Os sábados pola noite normalmente é o momento de ver unha película en familia. Procuramos ir alternando cousas que lles poidan gustar máis ou menos a todos e de vez en cando a elección corre por conta dos meus fillos. Hai uns meses que un deles dixo que podiamos ver “Los juegos del hambre”, que aínda que xa a vira no cine había pouco tempo, lle gustara bastante. Os demais non a tiñamos visto, así que nos decidimos por ela. A min non me chamaba demasiado a atención pero había que darlle unha oportunidade e a verdade é que, sorprendentemente, gustoume bastante. Tanto que a continuación fíxenme cos tres libros e linos dunha tirada, máis que nada porque sentía unha gran curiosidade por saber como remataba. Aproveitando a recente estrea da segunda cinta da historia deixarei algunhas cousas sobre estas tres novelas, iso si, sen desvelar demasiado para todos aqueles que aínda non as leron.

“Los juegos del hambre” naceron como triloxía literaria e a autora é Suzanne Collins. Nacida en 1962 en Hartford, Connecticut. Estudou Dramática na Universidade de Indiana e máis tarde na de Nueva York. Empezou escribindo guións para programas infantís de televisión en 1991. Traballou para Nickleodeon entre outros e tras esta experiencia decidiuse a escribir libros para nenos e xoves. A súa primeira serie de libros comenzou con “Gregor y la profecía del gris”, aparecido en 2003, ao que seguiron catro máis co mesmo protagonista. Parte dunha idea da súa infancia e da influencia de “Alicia no país das marabillas”. Pensaba que pasaría se caera pola madrigueira dun coello e atopara unha festa do té. Así Gregor é un rapaz de once anos que vive en Nueva York, xunto coa súa irmá Boots. Un día ambos caen por un buraco de ventilación e atopan o mundo das Terras Baixas, no que os seres humanos conviven con morcegos e cascudas e baixo a ameaza das ratas. Aí aparece unha antiga profecía sobre un gran guerreiro, emprendendo unha perigosa viaxe por todo ese universo subterráneo. Tras o éxito desta serie decídese por un público algo maior, os adolescentes, e en 2008 aparece a primeira novela da triloxía, “Los juegos del hambre”, seguida por “En llamas” (2009) e “Sinsajo” (2010) que terá un gran éxito. A primeira delas foi levada ao cine con moito éxito en 2012 e este 2013 remata de estrearse a segunda entrega da serie.


A autora di que a idea para esta triloxía xurde polo seu interese pola mitoloxía e a historia de Teseo. Algúns ven nela tamén a influencia dunha novela xaponesa, “Battel Royale”, de Koushun Takami, que tamén foi levada ao cine con éxito. Outra influencia clara son os antigos gladiadores romanos, tanto no desenvolvemento de certos aspectos da historia como na imaxinería que utiliza. Estanos nun futuro non demasiado afastado onde os privilexiados viven a corpo de rei no Capitolio, onde teñen absolutamente de todo sen facer case nada a cambio. Tras unha guerra gañada por eles dividiron o territorio en doce distritos, cada un especializado en proporcionarlles todo o que necesitan. Unha ditadura manexada de forma férrea e da que non é fácil escapar. Nos distritos malviven dominados polo traballo e a fame, a liberdade é algo inexistente e non poden saír do distrito no que viven. Unha vez ao ano cada un ten que elixir dous representantes, un rapaz e unha rapaza, que iran ao Capitolio para participar nos xogos da fame. Un combate entre todos eles montado como un espectáculo televisivo que pretende deixar clara a súa potencia a e a súa man de ferro á hora de gobernar, o medo é a súa mellor arma. Os 24 xoves son lanzados a un entorno hostil, case sen comida pero con armas e terán que loitar, matarse entre eles ata que so quede un. O gañador, iso si, terá unha vida de luxo e con todas as súas necesidades satisfeitas, pero o custo desa situación é moi alto. Katniss Everdeen vive no distrito 12. O día no que se celebra o sorteo sae elixida a súa irmá pequena, algo que ela non pode soportar, sobre todo tras a morte do pai na mina onde traballaba. Tras esa morte ela é a encargada de soster á familia buscándose a vida como pode. Sae do distrito, algo que está prohibido, para cazar algo que poida cambiar no mercado negro ou usar para alimentar a súa irmá e a súa nai. Tras a elección da súa irmá ela decide dar un paso máis na súa defensa e preséntase voluntaria para ocupar o seu lugar nos xogos dese ano. O rapaz do mesmo distrito que sairá elixido é Peeta Mellark, ao que coñece pouco e co que chegará a ter unha estraña e forte relación. Ambos van cos demais ao Capitolio, onde antes de combater serán tratados a corpo de rei, case un engordar para morrer. Esta é a idea central da triloxía e será desenvolvida dunha maneira fría, violenta e ao mesmo tempo chea de amor e respecto, que é o que Katniss busca para todos os homes e mulleres que viven en todos e cada un dos distritos. Loxicamente cada unha das novelas irá desenvolvendo un pouco máis esta idea central, ata chegar a un final que teredes que descubrir por vos mesmos.

Non era unha triloxía que me chamara demasiado a atención. Quizais condicionado por outros grandes éxitos da novela adolescente non lle di a oportunidade. Hai uns anos vía a todos os meus alumnos coas da saga “Crepúsculo” e pedinlle a unha que me deixara a novela para lela. Non empezou mal, pero teño que recoñecer que me cansou ás poucas páxinas e non me gustou nada, en ningún sentido. A min iso de que os vampiros brillen con estreliñas cando saen de día xa me tumbou definitivamente. Pero con esta non me pasou o mesmo. Unha vez que rematamos de ver a película, que como tal xa me gustou bastante e me pareceu bastante máis seria e con máis fondo que outras moitas do xénero, decidín lerme a triloxía e caeron as tres seguidas unha detrás da outra, tiña que saber como remataba a historia de Katniss, Peeta, os distritos e o Capitolio. Atopeime cunha historia ben estruturada e moi ben pensada, aínda que como defecto atopeille que quizais sexa un pouco repetitiva con certos esquemas nalgún momento. Cada novela é algo máis seria e escura que a anterior, máis violenta e máis adulta, máis complicada e moito máis crítica con certos aspectos da sociedade actual. Sorprendeume porque non é tampouco unha lectura sinxela, chea de tópicos na historia e no estilo, algo máis traballado que moitas outras novelas que caen nas miñas mans pensadas para este tipo de lectores. Cada unha avanza un pouco máis na historia, cada vez un pouco máis violenta e descarnada, con fortes enfrontamentos entre os personaxes dentro da historia, novas situacións que lle irán dando cada vez un aire mellor, máis interesante e atrainte para o lector. Xa a segunda, na que se basea a película recentemente estreada, é unha volta máis ao contado na primeira, pero a terceira está chea deses novos aspectos, crecendo en interese e emoción.


Persoalmente gustoume bastante a triloxía, sobre todo porque neste caso a seguinte sempre me pareceu mellor e máis interesante que a anterior, sempre cunha emoción crecente en todos os sentidos. Ten un forte e bo compoñente crítico de moitos aspectos da sociedade, desde as ditaduras, a opresión, a loita pola liberdade, os símbolos ou como alguén pode chegar a detonar unha revolución case sen querelo gracias a un mundo dominado pola comunicación e o audiovisual, as desigualdades sociais, a explotación... Unha boa cantidade de temas que poderían ser facilmente explotados tanto nunha sesión de cine na clase como unha lectura das novelas. Nese sentido a única pega que lle vexo como lectura de clase é que son longas, algo que a moitos dos nosos alumnos xa os bota para atrás, pero creo que se son capaces de ir entrando na historia poderá chegar a gustarlles bastante. Dentro do que se vende hoxe como literatura xuvenil paréceme do mellor que teño lido nos últimos anos. Non trata ao lector adolescente con condescendencia nin escribindo dun modo excesivamente fácil, non é tampouco un exemplo de complexidade pero tampouco do contrario. Creo que a autora soubo atopar o equilibro xusto entre algo de calidade e que os rapaces poidan ler con facilidade e interese. De todos modos recoméndoa para todo tipo de lectores, non creo que os vaia decepcionar. A min atrapoume, agora a ver se vexo a película.

No hay comentarios:

Publicar un comentario