miércoles, 29 de diciembre de 2010

"Sherlock", da BBC

nullnull
Hoxe imos volver á televisión e as series. Hai personaxes literarios que saen dos libros e pasan ao cine e á televisión con bastante asiduidade. Nalgunhas ocasións manteñen a liña da novela e noitras dan lugar a interpretacións máis ou menos libres e as veces podemos atopar os dous tipos, a adaptación libre e a fiel de varias maneiras. Non son poucos os personaxes que pasaron das páxinas dun libro a gran e pequena pantalla, pero penso que non me equivoco se o de hoxe é posiblemente o que máis veces de máis distintas maneiras fíxoo. En xeral case todas as adaptacións foron máis que decentes e todas elas entretidas, aínda que algunhas poderían ser máis prescindibles que outras. Isto non ocorre coa serie que vou comentar hoxe, porque creo que é unha, digamos, revisitación máis que decente do personaxe. Falo dun investigador dos máis intelixentes, espabilados, áxiles e famosos do mundo, penso que non haberá ninguén que non o coñeza ou non vira ou lera algunhas das historias das que é protagonista, el e o seu axudante. Falo de Sherlock Holmes e o seu axudante e amigo o doutor Watson. Estes personaxes creados por Sir Arthur Connan Doyle quizais sexan os protagonistas de novelas de investigación máis famosos do mundo, sobre todo porque nas súas historias sempre hai algo interesante, entretido e intrigante. Cando era algo máis novo que agora lin todas as súas historias, aínda recordo os volumes das obras completas de Sherlock Holmes que tiñan (e aínda teñen) os meus pais na casa, aqueles volumes vermellos con portada como de plástico e con todas as novelas impresas en papel cebola, dese finiño, que parecía que ía romper e que tiña o gran defecto de que por moitas follas que pasaras parecía que non avanzabas nada, que sempre quedaba o mesmo, pero tampouco neste caso é que importara demasiado porque aquelas historias tíñanme completamente atrapado e intrigado.


Neste ano tivemos unha adaptación ao cine deste personaxe que agora que o penso non sei por que non apareceu polo blog. Unha versión algo especial, máis convertida nunha cinta de acción que realmente de investigación ao típico estilo Holmes. Dirixida por Guy Ritchie e protagonizada por Robert Downey Jr. e Jude Law. A min gustoume, pareceume entretida e espectacular e con algúns momentos interesantes, pero como dixo o meu pai “ese non é Sherlock Holmes”, e en parte tiña algo de razón. Tiña os seus momentos Holmes, pero era máis unha película que buscaba o espectáculo e a acción máis que a investigación, moi ben feita e cunha ambientación e interpretacións moi boas, pero recoñezo que os máis “puristas” poderían verlle algúns defectos. De todos modos creo que terá unha continuación, e penso vela.


A serie que comento chámase, simplemente, “Sherlock” e de entrada dicir que é unha produción da BBC inglesa, o que pode dar xa unha idea de que calidade non lle vai faltar. Desde hai anos case todo o que vemos por aquí é americano, aínda boto de menos aquelas grandes letras do principio “BBC”, que eran sinónimo de que ías ver algo decente e ben feito, ao mellor un pouco máis sobrio que as producións americanas, pero seguro que era algo bo, e non digamos se era unha comedia, non recordo mellores comedias que algunhas inglesas de hai xa anos. Aquí emitiuse hai pouco pola cadea TNT, pero seguro que se, tras ler este comentario, chámavos a atención poderedes atopala por varios sitios. É unha serie de so tres episodios, pero de noventa minutos cada un, imos, algo que podería ser tanto por duración como por calidade, unha película enteiriña para ver no cine. De todos modos vin que para o ano 2011 están previstos outros tres episodios da mesma duración. De momento so vin o primeiro, pero penso que merece a pena recomendala, porque me deixou encantado por completo en todos os sentidos. Os episodios non responden exactamente a ningunha das novelas de Connan Doyle, collen ao personaxe e méteno dentro dunha nova historia que ben podería ser algunha das novelas, con todos os elementos clásicos do autor. De todos modos lin que é posible que un dos tres que virán para o ano que ven pode ser unha adaptación de “O can dos Baskerville”, para min unha das mellores historias do personaxe.


¿E que ten de novo, orixinal ou distinto esta nova versión para que chame tanto a atención? Ben, por un lado como dixen unhas liñas antes, a calidade da mesma, está feita cunha gran delicadezza, atención ao detalle e os personaxes están perfectamente definidos e responden aos esquemas que un pode ter na súa cabeza se coñece ao personaxe. Ero o que máis chama a atención é coller a Holmes, Watson, Lestrade, Moriarty e a casa do 221 de Baker Street e poñelos no Londres do século XXI. Si, aí está a novidade, temos a un Holmes que ten un blog en internet, “A ciencia da dedución”, que usa teléfono móbil, GPS, ordenador como novos elementos para soster as súas investigacións e deducións, que agora usa para concentrarse parches de nicotina e que segue vivindo no máis absoluto caos. Un Watson que no primeiro episodio volta da guerra de Afganistán, médico militar, coñece a Holmes e fai unha busca en google para descubrir algo máis do seu novo compañeiro de piso. O inspector Lestrade é agora un policía de Scotland Yard que segue acudindo ao seu amigo para que o axude en casos especialmente difíciles... Pode parecer raro, pero a min o resultado pareceume excelente porque penso que facer algo así non é demasiado sinxelo, sobre todo se partimos de que crearon novos guións para as historias, e o mellor que se pode dicir é que parecíame estar a ver unha historia das clásicas, de sempre. Incluso a linguaxe que usan é actual e nin sequera iso me pareceu forzado, senón do máis natural. Evidentemente choca un pouco ao principio, pero aos poucos minutos esqueces este tipo de cousas e pasas a velo como algo do máis normal. Iso é o máis sorprendente, que todas estas cousas cheguen a non sorprender ao espectador, todas estas novidades sociais, tecnolóxicas e lingüísticas están integradas con total normalidade e naturalidade, sen abusar en absoluto delas, porque o máis importante segue a ser a privilexiada mente dedutiva de Holmes e as axudas de Watson, aínda que de momento no primeiro episodio so me faltou o típico “Elemental, querido Watson”, será porque se acaban de coñecer.


Recoñezamos que Holmes é un dos detectives con máis carisma da literatura e esta nova adaptación demostra que pode resistir de marabilla o paso do tempo. As críticas foron excelentes en todas partes, unha ambientación coidada ao mínimo en todos os aspectos, os guións son inxeniosos, actuais e ao mesmo tempo intemporais, pero unha das mellores cousas da serie son os diálogos. Estes sorprenden desde o principio pola súa axilidade, brillantez e con ese sentido do humor que se pode esperar sempre dunha serie inglesa. No primeiro episodio máis dunha vez rin con moitas ganas gracias a eses diálogos, sobre todo os que hai entre Holmes e Watson, cargados de ironía, mala uva, cinismo, dobres sentidos..., e ao mesmo tempo sinxelos, facilmente entendibles e cheos de preguntas e réplicas inxeniosas.


O personaxe de Holmes está feito por un actor que descoñecía, pero que me sorprendeu moito, chámase Benedict Cumberbatch, e recrea un Sherlock Holmes cunha excelente mistura entre o clásico e o moderno. Novo, cínico, moi prepotente ante as mentes insulsas e inferiores dos que o rodean, cousa que se encarga de dicir en máis dunha ocasión. Séntese por riba do resto da humanidade que non son capaces nin sequera de alcanzar a entender a gran intelixencia e capacidade de dedución que ten e que tantos problemas créalle. Para el todo é un desafío e é iso o que lle da vida, o demais é aburrido, soso, sen asasinos interesantes a vida non ten sentido. Tanto na súa forma de vestir como na súa forma de moverse temos a un Sherlock a medio camiño entre o clásico e a modernidade, perfecto desde o meu punto de vista. Watson é Martin Freeman, un actor inglés ao que vin nun par de comedias e que me gustou moito, pois aquí tamén está perfecto, a medio camiño entre a ignorancia e a sabedoría, alucinando e dicíndoo todo o tempo en alto con todo o que Holmes é capaz de deducir case cunha simple ollada. No primeiro episodio está moi ben todo o que lle di Holmes a el e as explicacións posteriores que lle levaron a esas conclusións. A relación entre estes dous personaxes, como é lóxico, é o centro da serie e superan o exame con nota moi alta.


Xa digo, so vin o primeiro, pero os dous seguintes caerán en breve, porque me deixou gratamente impresionado. Faláranme ben dela, pero as veces non me fío demasiado destes comentarios, esta vez acertaron de pleno. Aparte dos dous personaxes centrais, que teñen un gran atractivo e tirón, toda a serie está moi coidada e traballada en todos os sentidos, así que vola recomendo moito. En TNT xa emitiron os tres primeiros pero normalmente os repiten bastante, así que sempre podedes estar pendentes das repeticións, senón xa sabedes que hai moitas e sinxelas maneiras de conseguilos. Merece a pena, algo que é máis ou menos o de sempre, pero con suficientes elementos como para facer que o vexamos como algo novo e moito máis preto do Sherlock Holmes de toda a vida, moito máis que ese outro intento que se fixo no cine. Hora e media de entretemento de calidade, con ese aire de toda a vida das series da BBC, animádevos, non vos vai decepcionar en absoluto, disto estou case seguro.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=cSQq_bC5kIw&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=_pL0bWBN2qU&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

lunes, 20 de diciembre de 2010

"Mal de pedra", de Milena Agus

nullnullnull“A avoa coñeceu ao Veterano no outono de 1950. Chegaba de Cagliari por primeira vez ao continente. Debía de ter corenta anos, sen fillos, porque o seu mal de pedra sempre a facía abortar nos primeiros meses. E así foi que, equipada co abrigo liso, os zapatos altos de cordón e a maleta de cando o marido chegara refuxiado á vila, a mandaron ao balneario para curarse”.
Así comeza a novela que vou comentar hoxe. Mo último post mencionaba catro novelas que ían aparecer por aquí nas próximas datas e esta é unha delas, “Mal de pedra”, de Milena Agus, que como dixen naquel momento é unha das novidades narrativas publicadas en galego por FaktoriaK en en castelán na editorial Siruela. A tradución ao castelán é de Celia Filipetto e a do galego de Carlos Acevedo. É unha novela curta, pero a súa breve extensión esconde unha historia intensa, triste e optimista a un tempo e que consegue que o lector goce da lectura en cada palabra, nada sobra, non hai nada anecdótico, nada de máis, aínda diría que un queda con ganas de saber máis cousas da vida da avoa da narradora. Non coñecía de nada a esta autora, pero cando me chegou a información desta edición mirei algo por aí para saber quen era, que escribira e algúns datos máis como base para facer este comentario. E descubrín que é unha novelista moi coñecida en Italia, traducida a varios idiomas e con boas ventas e críticas en case toda Europa.


Milena Agus é unha autora nacida en Génova, Italia, en 1959. Traballa como profesora de Lingua e Historia nun instituto de Formación Profesional. A súa primeira novela foi “Mentre dorme il pescecane” no ano 2005, antes escribir algo de poesía, pero a que lle deu o recoñecemento internacional é a comentada hoxe, “Mal de pedra”, que tivo unha mención especial do Premio Junturas 2006 ademais de gañar o Premio Elsa Morente dese mesmo ano. Outras novelas son “Las alas de mi padre” (2008) e a última polo momento é “La imperfección del amor” (2010). Un dos elementos centrais das súas novelas é Sardeña, a terra natal da súa nai, un lugar mitificado que aparece incluso as veces como un personaxe máis e non so como un marco para desenvolver a historia. A súa obra mistura normalmente realidade e ficción, con unha importante presencia do mundo onírico e un estilo sinxelo ao mesmo tempo que intenso. É unha novelista que xerou unha certa polémica cunhas declaracións nas que dicía que os escritores eran todos uns pobres desgraciados, con graves problemas e que a escritura era unha especie de terapia que lles permitía vivir. Ela considerábase unha persoa normal, pero no seu entorno comezaron a facerlle notar a súa loucura, para “curarse” di que escribiu “Mal de pedra”, unha especie de medicina para poder levar unha vida normal. Ve a vida do escritor como unha especie de desgracia que os leva a ter que escribir para poder saír desa situación. Como pouco podemos dicir que é unha persoa algo especial, que leva unha vida solitaria, entre a escritura, as súas clases e as actividades como ama de casa. Está divorciada, ten un fillo que traballa como pianista de jazz en París e di dela mesma que é unha persoa sinxela, cunha mirada profunda e triste que so parece emocionarse cando fala da súa novela.


A novela trata da vida dunha avoa contada pola súa neta. Unha historia triste por un lado e con certos momentos de optimismo por outros. É evidente que a vida da rapaza quedou moi marcada pola vida desa avoa un tanto especial por moitas cousas. Unha avoa que como di a autora nunha entrevista “non ten todas as rodiñas do cerebro no seu sitio”, que sería a expresión italiana para o noso “fáltalle un parafuso”. Unha muller que escorrenta ao amor, unha frase que a define perfectamente, obsesionada por atopar o amor ideal pero que parece que nunca lle vai chegar. O amor é un antídoto para a infelicidade, pero parece que a protagonista non ten dereito a atopalo. A súa vida céntrase en atopar ese amor. A avoa, unha muller que nace e vive case toda a súa vida en Sardeña, que so sae para tratarse o seu “mal de pedra” nun balneario e para visitar noutra ocasión aos seus parentes a Milán e tentar atopar, de paso, algo máis. É unha muller romántica, chea de ilusión e de amor e, ao mesmo tempo, de tristeza e desesperanza. A familia vaina obrigar a casar cun home ao que non quere, un home que terá que aceptala para pagar unhas débedas coa familia dela. A súa vida con el pode resumirse, sobre todo ao principio, coa frase que se din polas noites cando na cama cada un ponse no seu lado e con coidado de non tocarse: “Boas noites” e o outro resposta “Igualmente”. Pero a viaxe ao balneario para curar o seu mal, que lle impide entre outras cousas, ter fillos, vai converterse no lugar onde atopará ese amor inesperado e, sobre todo, desexado. É a historia dunha muller que marcou profundamente a todos os que estiveron ao redor dela, pero sobre todo á neta que conta a súa vida. Unha neta que viviu con ela moito tempo debido sobre todo ao traballo do seu pai e que fixo tamén que pouco a pouco fora descubrindo un mundo novo e distinto gracias a ela. O xiro final que ten a historia aínda lle dá máis fascinación a unha historia maravillosa.


Gustaríame contar algunhas cousas máis, pero é unha novela curta, de pouco máis de cen páxinas que se disfruta desde o principio ata o final, así que o mellor é lela para coñecer mellor a esta muller. É unha novela que fai que o lector goce en dous sentidos. Por un lado da propia historia deste muller a as cousas que lle van pasando, como vai afrontando a súa vida, o seu matrimonio e o encontro co seu amor tan desexado na figura do Veterano que atopa no balneario. Por outro lado por como está contada, cun estilo que parece sinxelo pero que esconde unha grande intensidade e, sobre todo, sensibilidade e paixón. Creo imposible que cando cheguedes ao final non apareza nos vosos rostros un lixeiro sorriso entre triste e alegre. Nestas poucas páxinas concéntrase unha historia que vos vai dicir moitas máis cousas das que parece, porque ademais non é so o personaxe da avoa, todos os que aparecen na historia teñen moito que dicir e aportar. Desde a outra avoa da rapaza que conta a historia, o marido da avoa, os seus pais e familiares, non hai un so que non nos vaia dicir algo. Por un lado deume algo de pena que fora tan curtiña, como dixen antes gustaríame saber algo máis da vida desta italiana soñadora, pero por outro é evidente que a intensidade que ten a historia podería perderse se nos contara máis, quizais é mellor deixalo á imaxinación do lector. É esa brevidade a que lle dá tanta intensidade ao que estamos a ler, ademais de delicadeza, unha viaxe a unha historia que anda a cabalo entre a máis dura realidade e o mundo marabilloso dos soños no que case todo é posible. O mellor que podemos aprender dela é que nesta vida case todo é posible e que o mellor que podemos facer é non deixar que a realidade afunda os nosos soños, porque as veces, é o único e o mellor que temos.


De verdade que a recomendo, e penso que, a pesares da súa brevidade, é unha novela para ler devagar, con calma, gozando de cada palabra, de cada frase e de cada situación, imaxinando a esa muller e as cousas que lle pasan na súa vida, chea de cousas alegres algunhas e tristes moitas delas, pero que nunca vai deixar de perseguir aquilo que realmente quere. Tedes que lela para descubrir ese mundo da muller que escorrentaba ao amor, pero non deixaba de buscalo.

viernes, 17 de diciembre de 2010

Novidades editoriais

Non é que estea vago estes días ou que vaia deixar de lado o blog, o que pasa es que como en todo hai épocas nas que tes máis tempo que en outras e non é este mes precisamente o mellor para dispor de demasiado tempo libre porque hai que adicalo a outras cousas. Así que en breve volverei aos comentarios habituais, tanto de televisión como de libros, que teño un par deles para facer, pero cando teña algo máis de tempo. Así que este de hoxe vai ser algo distinto pero sempre relacionado co tema. Vou mencionar nada máis catro ou cinco novelas que teño en lista de espera, todas elas novidades editoriais, e que aparecerán pronto comentadas por aquí, pero tamén de paso poden servir como recomendacións para cando un non saiba que regalar  nestas festas que están a punto de chegar. Espero que vos sirvan e que esperedes con ganas os futuros comentarios sobre as mesmas.


null

 


 


 


A primeira é unha obra bastante esperada dun autor máis que coñecido e recoñecido, ademais é a que empecei a ler onte, levo pouco, así que de momento non vou dar unha opinión, pero de momento estáme a resultar atractiva, xa veremos por onde vai. Falo de “El cementerio de Praga”, de Umberto Eco. Cen mil exemplares vendidos en Italia nunha semana dan idea do esperada que era esta nova novela de Eco. Eu teño que dicir que calquera novidade súa sempre me asusta un pouco, porque non sei que autor vou atopar. O que segue o estilo de “El nombre de la rosa”, algo penso que máis fácil de ler ou entender ou o de “Baudolino” por exemplo, que teño que dicir que me resultou algo incomprensible e pesada, tendo sempre en conta que isto é algo completamente persoal, claro. Nesta vainos contar a historia do capitán Simonini, un experto falsificador que desenvolve a súa e aventuras no século XIX e con moitos personaxes históricos e feitos rodeando a súa vida. As críticas que lin falan dunha gran obra que une erudición e datos históricos con entretemento de xeito moi equilibrado, xa vos direi se a miña opinión vai polo mesmo lado ou non.


nullnull

A segunda é a nova novela dun dos meus autores favoritos, dos que leo absolutamente todo o que publica, aínda me quedan algunhas, poucas, das primeiras, pero van caendo pouco a pouco. Falo de Paul Auster e “Sunset Park” que ademais de en castelán na súa editorial habitual tamén podedes atopala en galego publicada ao mesmo tempo por Galaxia (e que será a que lea porque tiven a sorte de que fora un regalo recente). Recoñezo que en ocasións é un autor algo “deprimente” pero tamén penso que case sempre hai algo que fai que non o sexa tanto, sempre vexo un algo de esperanza, de optimismo debaixo desas historias tristes as veces, estrañas outras e fascinantes case todas elas. Aparte das historias penso que a forma que ten de usar a linguaxe é algo maxistral e poucos autores conseguen impresionarme tanto nese sentido como el. Neste caso cóntanos a historia de Miles, un home de vinteoito anos que vive sumido na culpa por provocar a morte do seu medio irmán. Tras andar por aí volve a Brooklyn (un dos escenarios centrais e favoritos do autor) onde vivirá de ocupa antes de enfrontarse co seu pai. A últimas das súas obras, “Invisible”, non me atrapou demasiado, a verdade, aínda que teño intención de volver a lela nalgún momento, pero a historia desta paréceme que si vai ser desas que me gustan, xa veremos.


null

 


 


 


Outra novidade editorial en galego de FaktoriaK tamén está dentro das lecturas inmediatas, “Mal de pedra” dunha autora italiana que se chama Milena Agus. Unha historia publicada en Italia no ano 2006 coa que gañou o Premio Elsa Morente. É unha autora que descoñecía e esta é a súa segunda novela, pero pola historia e polos datos que lin penso que tamén é bastante apetecible. Unha historia curta pero intensa. Nela unha moza recorda a vida da súa avoa, unha muller especial cunha vida especial, romántica e chea de ilusión pero que ten que casar cun home ao que non quere. Tamén aparecerá o comentario por aquí en breve.


null

 


 


 


 


E a última é unha novela que podemos incluír dentro do xénero histórico, e tamén das que non transcorren na Europa da Idade Media nin con temas de cristiáns, musulmáns ou xudeus. Falo de “Nueva York”, unha longa historia que ten como autor a Edward Rutherfurd. Este é un autor ao que coñecín xa hai anos cando alguén que sabía a miña afección por este xénero regaloume unha novela que se chamaba “Londres”, unha das historias máis entretidas que teño lido dentro deste xénero, interesante, amena, ben documentada e que resumía (por dicilo dalgunha maneira) en moitas páxinas a historia completa da cidade de Londres. Pois neste caso é algo parecido, pero cambiando a cidade inglesa por unha das cidades que penso que máis chaman a atención de case todo o mundo, que moitos non coñecemos directamente pero si polo cine e a televisión e que moitos, penso eu, quereríamos visitar nalgún momento, a cidade de Nueva York. É un autor ao que lle encanta xogar con historias longas, moitos personaxes e situacións, e polo menos na que lin manexaba isto con auténtica mestría. A historia comeza case no século XVI, cos indios americanos, a chegada dos colonos, a guerra da Independencia, a construción do Empire State... Un proxecto que me parece moi ambicioso, pero que penso que pode solventar con ben, porque sempre se documenta moi ben e sabe ser entretido ao mesmo tempo que interesante. Xa veremos.


Pois nada, ata aquí este post de hoxe algo distinto ao habitual, pero que espero que tamén vos resulta interesante e vos dea algunha idea se non sabedes que regalar nestas festas. De paso tamén vos animo a lelas, así despois poderedes aportar as vosas opinións.

domingo, 5 de diciembre de 2010

The Walking Dead

nullnull

Hai uns minutos que rematei de ver o cuarto capítulo desta miniserie de seis, pero vou comentala antes de que termine, porque penso que calquera afeccionado ao xénero de terror non debe deixala pasar e os que non o sexan, a non ser que non resistan certo tipo de escenas realmente desagradables, sanguentas, asquerosas e fortes, creo que tampouco porque é unha serie das boas e con moita calidade. Non e precisamente o xénero de terror un dos que máis se prodigan nos nosos televisores, son moito máis habituais no cine e na novela, pero parece que polas razóns que sexan, non é o xénero máis elixido para os produtores televisivos. Moita memoria teño que facer para recordar series deste xénero e máis nos últimos tempos, fora de “True Blood” (que aínda teño pendente de ver, so sei que é de vampiros, que a poñen moi ben e pouco máis) non se me ocorren moitas máis. Aviso xa antes tamén, para que ninguén o vexa sen querer, que esta vez o vídeo vai ao final, así que aqueles que prefiran non velo, que non lle dean ao botonciño do play. Tamén dicir que sempre fun moi afeccionado a este xénero, penso que xa o dixen algunha vez, pero tamén engado que nos últimos anos, sobre todo no cine, non vin nada que me gustara ou sorprendera demasiado pola súa calidade. Agora todo converteuse nunha especie de competición para ver quen consegue que haxa máis sangue na pantalla ou a ver quen inventa a forma máis brutal ou impresionante de asasinar xente en primeiros planos, concursos de vísceras pero pouco terror de verdade. Penso que habería que cambiar o xénero e meter todas estas películas nun novo xénero “de asco ou de repulsión”, pero non de terror. Aínda que respecto a todos os afeccionados a este tipo de cine, a min, persoalmente non me gustan nada. Pero non porque me resulten desagradables (algunhas si, iso teño que recoñecelo), senón porque me parecen faltas de imaxinación, de innovación, de algo máis que moitas das de antes si que tiñan. Hai uns meses a literatura puxo de moda aos vampiros, claro que uns algo especiais, que case non matan xente, que andan de día polas rúas e van a clase como todos os demais, o único distinto é que, se non recordo mal, cando lles da o sol, brillan un pouco ou botan como chispas ou algo así. Penso que todos sabedes a que me estou a referir, a unha saga literaria de grandes ventas e que chegou ao cine, pensadas para un público moi determinado tamén e dentro diso non estaban mal, lin un par delas, a min non me gustaron demasiado, pero...



Xa me estou a liar e voume do tema, que o de hoxe é comentar unha serie de televisión. Outra faceta do terror que se puxo de moda nestes meses tamén gracias, sobre todo, á literatura, é o tema dos zombis, os mortos viventes. Algunhas destas novelas xa as lin e a maior parte delas gustáronme bastante, tamén é un tema moi manido e usado desde sempre en infinidade de novelas, pero en algunhas delas (penso, por exemplo, nun dos primeiros comentarios que fixen, o de “Apocalipsis Z” de Manuel Loureiro) gustáronme bastante. Pois a serie de hoxe ten como tema central ese, a looita dos poucos humanos que sobreviviron contra os mortos viventes, ou non, igual non é ese o tema central de verdade, logo me explico. Falo dunha miniserie de seis episodios que se titula “The walking dead” (“Os mortos camiñantes”) que está a emitir nestes momentos Fox os venres pola noite. A min estáme a parecer do mellor do xénero que teño visto en moito tempo, cunha grande orixinalidade no plantexamento, cunha produción e direción impecables, un desenvolvementos dos episodios xenial e con moitos momentos de gran tensión, deses que te fan aguantar uns segundos a respiración ou incluso soltar un pequeno ou gran taco (mental ou vocal, as veces é imposible aguantarse) en máis dunha ocasión. É deses casos nos que eu digo que é auténtico cine levado á pequena pantalla, cousa que cada vez prodúcese máis, malo para o cine, pero bo para a televisión. Estreouse ao mesmo tempo en 120 países e dobrado en 33 idiomas, o que pode dar unha idea do que os produtores da mesma esperaban, rondando os 300 millóns de espectadores en todo o mundo.



En realidade é a adaptación duna novela gráfica de Robert Kirkman que non coñecía no seu momento, pero á que lle botei unha ollada tras ver a serie e pareceume magnífica. O argumento non se está demasiado lonxe dos grandes clásicos do xénero de zombis, partindo de ideas como a novela “Soy leyenda”, de Richard Matheson (que tivo recentemente unha versión en cine protagonizada por Will Smith e que tampouco estaba mal, aínda que me quedo coa antiga, con Charlton Heston). Penso que a maior fonte na que se inspirou é o maior clásico do xénero e que moitos copiaron, pero penso que ninguén superou, “La noche de los muertos vivientes” de George A. Romero, cinta que penso que ninguén que fixera unha película de zombis deixou de ver e que, aínda a pesar do seu branco e negro, creo que é a que vin sobre o tema que máis me “asustou”. O protagonista central da serie é un policía, Rick Grimes, que no primeiro episodio, tras recibir un disparo, entra en coma e esperta nun hospital baleiro, deserto, destruído, sen ter a máis mínima idea do que lle pasou. Xa antes de poder saír do hospital descobre a algúns deses zombis, o único que ve é a eles e a montóns de mortos, tanto dentro como fóra do hospital. A súa primeira idea é ir á súa casa e tentar atopar á súa familia, pero a súa casa está baleira e pola rúa so ve os lentos, cadenciosos e sinistros movementos deses mortos que camiñan e que van por el. Dúas persoas vano axudar nese momento de desesperación, un pai e o seu fillo que tentan sobrevivir pechados nunha casa e sen ter demasiado claro a onde ir. Algo pasou e a maior parte dos seres humanos xa non o son, agora son mortos que vagan polas rúas en busca de seres vivos para alimentarse. Rick o único que quere é atopar a súa familia, a súa muller e o seu fillo, que está convencido de que seguen vivos. Así que ese é o seu obxectivo e a medida que avanza irá descubrindo que non está so, que hai máis xente escondida, tentando sobrevivir, loitando polas súas vidas, saíndo so para tentar atopar comida, armas, medicinas, xente como el que non caeu nas mans dos “camiñantes”.



O produtor e director do primeiro episodio é Frank Darabont, un dos directores que máis soen gustarme, e que igual polo nome non recoñecedes, pero saberedes quen é cando diga que dirixiu cintas como “Cadena Perpetua”, “La milla verde”, “Frankenstein de Mary Shelley”, nominado tres veces ao Óscar como mellor director e cun gran número de premios menos coñecidos que este mencionado, pero non moito menos importantes. Nótase a súa man, sobre todo nese primeiro episodio que dirixe, pero os demais non lle van á zaga. Os actores tampouco son demasiado coñecidos, case todos eles fundamentalmente televisivos, pero aínda que non polo nome si veredes caras relativamente coñecidas. Todos eles están moi ben, convencen, asustan, pasamos o mesmo medo e tensión que eles porque nese sentido están moi ben, e moitas veces esa tensión e ese medo non teñen nada que ver con ter cerca a un zombi, senón máis ben por ter cerca a outro ser humano. Veremos como se vai formando un grupo moi heteroxéneo que tenta sobrevivir, como se van atopando con outros grupos tan diversos como eles e sobre todo como son as relacións entre as persoas que forman este grupo que será central no desenvolvemento da historia.



¿O verdadeiro terror da serie está nos zombis? Pois non por raro que pareza. Estes son os de sempre, boas maquillaxes, movéndose a cámara lenta, con eses ollos colgantes, os dentes ao aire e as caras descompostas, sen un brazo ou os dous e máis ou menos o de sempre. Neste caso penso que non son máis que a escusa para demostrar outras cousas e desenvolvelas. O que máis medo dá son as relacións que se xeran entre as persoas, entre os que están vivos e tentan sobrevivir. Temas como o racismo, a violencia de xénero, a envexa, o egoísmo, o rexeitamento por razóns de sexo, crenzas ou relixión, forma de ser ou de ver a vida están presentes en todos os capítulos. Son esas escenas e eses momentos entre os humanos as que son realmente fortes, estremecedoras e que asustan de verdade. A famosa frase de que “o home é un lobo para o home” está presente en moitos momentos e amosa como incluso en situacións nas que o fundamental sería a unión para a supervivencia non somos capaces de superar moitas cousas e centrarnos no realmente importante. Claro que tamén hai momentos para o amor, o cariño, a amistade, o respecto, a realización de actos desinteresados, a valentía e outros elementos positivos, non todo ía ser negación, pero a idea central que me queda tras ver cada capítulo é máis a anterior. Moitas situacións límite van levar á xente a comportarse como realmente é, sen correccións políticas, como verdadeiros egoístas que agora, máis que nunca, viven centrados en si mesmos.



Dito queda, como comentei ao principio, é case indispensable para os afeccionados ao xénero. A min estáme gustando moito e non son moitas as que conseguen deixarme ao final de cada episodio cunhas enormes ganas de ver o seguinte e chegar ao final para ver como remata, pero so me quedan dous que penso que ao igual que os catro anteriores non me van decepcionar en absoluto. Os que non sexan demasiado afeccionados e non teñan demasiados reparos ante escenas realmente desagradables e sanguentas penso que deberían darlle unha oportunidade, todo o comentado no parágrafo anterior da moito que pensar e está moi ben traballado, esas son as razóns básicas para recomendala.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=pzrBO-fM07I&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

domingo, 28 de noviembre de 2010

"Motín na Bounty", de John Boyne

nullnull

Xa comentei en máis dunha ocasión que un dos recursos máis usados, sobre todo nos últimos tempos, para escribir unha novela é coller un momento histórico, un feito puntual ou un personaxe e desenvolver toda unha trama de ficción ao redor del. Este tipo de historias existiron sempre, pero parece que agora están máis de moda, sobre todo dentro dese gran xénero que acolle multitude de obras distintas que se denomina novela histórica. É un xénero tan amplo que nel cabe de case todo, moitas destacables e outras non tanto. En parte o autor e a novela que vou comentar están, nesta ocasión, cerca deste xénero mencionado, pero penso que esta vez o resultado non se pode meter dentro deste, senón que máis ben fixo, creo que de forma completamente consciente, unha novela de aventuras, e máis que destacable, a verdade. A novela é “Motín na Bounty” e o autor John Boyne. No meu caso fixen a lectura nunha versión traducida ao galego de publicación recente na editorial FaktoríaK, e tamén podedes atopala en castelán en versión rústica ou de peto en Ediciones Salamandra.



Non é o primeiro comentario que fago dunha obra deste autor, así que a parte biográfica vouma aforrar e como noutros casos remítome a algún anterior. So engadirei que a súa última novela, aínda sen publicar por aquí, é xa número un no seu país, o título en inglés é “Noah Barleywater runs away”, que viría a ser algo así como “Noah Barleywater vaise correndo”, máis ou menos. Penso que cando apareza tamén a lerei, porque teño que recoñecer que cada vez me gusta máis. A primeira que lin, “O neno do pixama a raias” xa dixen que non me entusiasmou, despois foi “A casa do propósito especial” que me gustou bastante máis. Esta de hoxe publicouna entre estas dúas mencionadas, no ano 2008 e, de momento, é a que máis me gustou das tres e unha das novelas máis entretidas que lin nos últimos meses. Vamos como este é un deses autores que parece que colleu como norma o dito no parágrafo anterior. En todas elas colle unha serie de feitos ou personaxes históricos para recrear unha historia de ficción, pero quizais esta sexa a que máis se centra neses personaxes reais, aínda que a historia non sexa tal e como el nola conta, xa que neste caso parece como se fóra máis unha especie de escusa para contar algo dunha forma distinta a como foi e centrándose en, digamos, outras cousas. Digo isto porque a maior parte dos personaxes da novela son históricos, pero non así o protagonista que lle dá unión real a todos eles, convertendo o feito nunha máis que boa novela de aventuras.



A historia do motín da Bounty é bastante coñecida, non é a primeira novela que trata o tema, pero ademais ten nada máis e nada menos que tres versións cinematográficas bastante parecidas no seu desenvolvemento, pero non exactamente iguais. A primeira é do ano 1935 protagonizada por Charles Laughton e Clark Gable (unha moi boa película, a verdade), outra no ano 1962 con Marlon Brando no papel principal e a última de 1984 con Mel Gibson e Anthony Hopkins. Non me centrarei en ningunha delas, pero as tres merecen a pena se un e afeccionado ás películas de aventuras no mar. Recrean, igual que a novela, un feito histórico. O 23 de decembro de 1787 a Bounty sae de Inglaterra baixo o mando do capitán William Bligh nunha longa viaxe ata Tahití para recoller árbores do pan e levalos ás colonias para alimentar cos seus froitos aos escravos que traballaban nas plantacións de azucre. O capitán Bligh tiña 33 anos e servira ás ordes do famoso capitán James Cook. A viaxe foi longa e difícil, chegando ao seu destino o 25 de outubro de 1788. Ao chegar á illa pasan alí unha longa temporada, varios meses, que fixeron que grande parte da tripulación acostumárase a levar unha vida relaxada e a manter relacións coas mulleres de Tahití, vivindo moito mellor que na súa lugar de orixe e moito mellor que no barco. Saen de volta o 4 de abril de 1789, pero o día 28 prodúcese o motín que dá título ao libro, dirixido por Fletcher Christian. Os amotinados deixaron ao capitán e a 18 mariñeiros leais a el nun bote mentres eles regresaban a Tahití.



Ben, pois o autor colle esta historia e introduce un elemento novo, de ficción, que vai funcionar como fío condutor da mesma. Este será John Jacob Turnstile, un rapaz que irá como asistente do capitán en toda a viaxe. John é un neno duns 12 anos, orfo, que vive nas rúas de Portsmouth traballando como ladrón e algunhas cousas máis para un tal señor Lewis, que ten ao seu cargo a varios nenos do mesmo tipo que o protagonista, recollidos das rúas e malvivindo ás ordes deste home que os utiliza sobre todo como ladróns, pero tamén como algunhas cousas máis sórdidas que descubriremos a medida que avancemos na lectura. Ao principio da historia John é sorprendido cando tenta roubar un reloxo nunha librería ao señor Zéla. A policía deteno, méteo no cárcere e será xulgado e condenado a pasar unha boa temporada na cadea. Pero antes diso mantivera unha conversa con aquel ao que lle rouba e cando John pensa que o seu destino está marcado este home aparece de novo para tentar salvalo. O señor Zéla ofrécelle, a cambio da cadea, que se embarque como axudante do capitán Bligh na Bounty, xa que o asistente que este tiña rompeu as pernas pouco antes de partir. John dálle unhas voltas ao asunto, nunca estivo no mar nin saíu da cidade na que sobrevivía, pero a perspectiva é moito mellor que pasar unha longa temporada no cárcere, así que decide aceptar a oferta. Nada máis embarcarse, descubrirá que quizais non está feito para iso, é o último mono do barco e os primeiros días de travesía son un auténtico inferno. Ademais todos trátano bastante mal, rinse del e métense con todo o que fai, pero pronto establecerá unha boa relación co capitán da nave, unha relación que, no fondo, será a súa salvación en todos os sentidos. Este será o protagonista da historia e o que nos vai ir contando como se desenvolven os acontecementos, como vai sabendo case todo o que pasa no barco, das intrigas, rancores e distintas situacións que desembocarán no motín. Ao mesmo tempo, a pesar da distancia de idade e formación, terá unha relación bastante especial co capitán do barco, nalgúns momentos case de amistade, sobre todo porque ao capitán o pobre John recórdalle ao seu fillo que deixou en Inglaterra, xunto coa súa muller, á que lle escribe cartas moi habitualmente.



A historia penso que está moi ben contada, dunha forma amena e divertida en moitos momentos, en máis dun pasaxe algunha risa escapóuseme mentres lía, sobre todo coas intervencións, pensamentos e aventuras do protagonista. En certos momentos recordoume a algunhas das mellores pasaxes des historias de Charles Dickens, sobre todo tendo en conta que a situación de John mentres está ás ordes do señor Lewis mentres vive como ladrón, recordan a varias das novelas deste autor, pero véxoo máis como unha homenaxe que como unha imitación. Todos os protagonistas están moi ben definidos e teñen intervencións destacables na historia, desde os oficiais ata os mariñeiros, pero destacan por riba de todos dous, o asistente John e o capitán Bligh, cada unha coa súa forma de ser. A un quédalle moito por aprender na vida, pero esta viaxe convertérase nunha das máis rápidas de facelo. O capitán, o típico inglés, calmado, sobrio e preocupado polo seu barco e a súa tripulación, sempre tentando contemporizar para non ter que usar métodos violentos cos mariñeiros para impor a disciplina, algo que vista a historia real tamén responde á realidade. Xa comentei que me gusta moito como escribe John Boyne, un estilo que destaca sobre todo pola súa fluidez, a facilidade e por conseguir unha narración que parece fácil pero que en realidade non o é. Teño que dicir que a novela enganchoume desde o principio, está chea de momentos moi bos, tristes e duros uns e divertidos outros. A historia de John Jacob é a historia dunha aprendizaxe a marchas forzadas dun rapaz que acabará a historia convertido nun home, de alguén que parecía non ter máis futuro que o cárcere e a delincuencia, pero que gracias a esa viaxe chegará a ser unha persoa completamente distinta ao que el mesmo imaxinaba.



Penso que é unha boa novela de aventuras, ao estilo das clásicas pero cunha linguaxe máis actual e moderna, preto non so de Dickens, senón tamén de autores clásicos do xénero de aventuras como Verne (que tamén ten unha novela sobre o tema, “Los amotinados de la Bounty”) ou Salgari, dos que se nota en moitos momentos a influencia. É unha novela ideal para un público xuvenil, sempre que sexa algo afeccionado a ler, porque senón as algo menos de cincocentas páxinas que ten botarán a máis de un para atrás. Pero ao mesmo tempo creo que incluso a eses non afeccionados á lectura, se lle dan unha oportunidade, poderá chegar a gustarlles e enganchalos. Pero tamén penso que un lector adulto poderá disfrutar moito dunha historia que ten moitas máis cousas das que pode parecer. A min, persoalmente, do que lin estes últimos meses, é das que máis me gustaron, así que aí queda a recomendación.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=OtmV2tpbnjA&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=MEmZ_A0UTrA&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=g5QER2wu0lg&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

miércoles, 24 de noviembre de 2010

"El profesor", de John Katzenbach

nullnull

Sei, porque xa o comentei nalgunha ocasión, que facer algo novo no xénero da novela negra é algo difícil e complicado, é un xénero con multitude de novelas e moitas delas son grandes obras, así que a innovación é complicada e ten que ir sempre por algún outro lugar que simplemente o argumento. Poño isto porque a novela que vou comentar hoxe pertence a este xénero e tenta dar un aire novo nalgúns sentidos, aínda que penso que un pouco fallida nalgúns aspectos (e, como sempre, é a miña opinión persoal). Digamos que non é que non me gustara, entretívome, pero ten algunhas cousas que non me convenceron completamente, sobre todo se as comparamos con algunha das outras obras do mesmo autor, que aínda que non lin todas si varias, e non vou poñer esta entre as que máis me gustaron. Falo dunha historia de recente publicación, o seu autor, John Katzenbach e a novela titúlase “El profesor”.



John Katzenbach é periodista e escritor. Naceu en 1950 e empezou traballando sobre todo como periodista especializado en temas criminais, traballando para varios dos periódicos máis coñecidos dos Estados Unidos. En certo momento deixou esta profesión para dedicarse por enteiro á literatura e a traballar como guionista de cine. Varios dos seus libros leváronse á gran pantalla con resultados desiguais. Entre outras “Llamada a un reportero” (baseada na novela “Al calor del verano”), “Causa justa” (protagonizada por Sean Connery) ou “La guerra de Hart” (con Bruce Willis). A maior parte das súas novelas foron todas grandes éxitos de ventas. A primeira, “Al calor del verano” é do ano 1982 e ademais das mencionadas antes na súa versión de cine, quizais a de maior éxito ata o momento foi “El psicoanalista”, do ano 2002. Esta que comento hoxe é, ata o momento, a súa última novela. Algunhas delas foron nominadas aos Premios Edgar de novela negra. Actualmente vive na zona de Massachussets. A maior parte das súas novelas son thrillers relacionados coa psicoloxía clínica ou en algunha das súas outras versións, con plantexamentos normalmente bastante orixinais.



Antes de comentar algo do libro dicir que as veces as traducións dos títulos quizais non sexan as máis adecuadas para facernos unha idea do que imos ler, como, penso eu, neste caso. O título orixinal é “What comes next”, que viría a ser algo así como “Que ven despois”, e ademais fai referencia a unha páxina web básica na historia. Os que xa fixeran a lectura ou vaian facelo despois disto xa me dirán se o título que lle puxeron por aquí lles parece axeitado, a min, a verdade, non demasiado.



Aqueles que non a leron poden seguir este comentario con calma, porque o pouco que vou contar da historia non lles vai desvelar nada que non poida ser lido nas primeiras páxinas, así que tranquilos. Comeza con un dos protagonistas, Adrian Thomas, facendo unha visita a un médico, que non lle da unhas noticias demasiado boas, ten unha enfermidade terminal parecida ao Alzheimer que acabará cos seus recordos e coa súa vida en pouco tempo. Esta noticia vai levalo a unha situación de depresión que o leva directamente á idea do suicidio, acrecentada ademais por unha situación familiar na que todos aqueles que estaban preto del morreron de forma violenta, a súa esposa, o seu fillo e o seu irmán. Ao mesmo tempo temos á, digamos, protagonista central, a adolescente Jennifer Higgins, con unha moi mala situación familiar. Por un lado está a súa nai, Mary, coa que non ten demasiados problemas máis aló dos normais para a súa idade. Pero por outro lado temos ao seu padrastro, Scott, un psicólogo que esconde moito máis do que parece. Esta situación fai que xa tentara escaparse de casa en varias ocasións e esta coa que comeza a historia parece que será unha máis. Pero non, cando sae de casa disposta a marcharse tras moita preparación vai ser vítima dun secuestro. Os secuestradores son Michael e Linda, unha parella algo excéntrica na súa forma de comportarse e cunhas historias detrás entre siniestras e escandalosas. O obxectivo do secuestro veremos como non será a petición de rescate nin nada do habitual, Jennifer vaise converter na protagonista da “Serie 4”, un programa que ambos emiten por internet a través dunha páxina web de pago por subscrición, a mencionada algo máis arriba “whatcomesnext.com”, que, como dicía, dá título ao libro na súa versión orixinal. Este secuestro terá unha testemuña, aínda que tardará algo en darse conta do que viu, Adrian, e converterase nun estímulo para loitar contra as ideas que ten de acabar coa súa vida trala noticia da súa enfermidade. Tras un inicio algo titubeante entrará en escena a policía Terri Collins, axente do pobo que terá moitas dúbidas coa testemuña de Adrian e con unhas probas que non son completamente definitivas. ¿Que pasará con Jennifer? Iso teredes que lelo, porque eu non volo vou contar.



A última novela que lera deste autor, “El psicoanalista” gustárame bastante, un plantexamento bastante orixinal, unha forma máis que decente de manter a tensión e algunhas sorpresas para o lector, a verdade é que pareceume unha novela destacable. Non me pasou o mesmo con esta, que hai que recoñecer que é bastante máis simple que a anterior. Por un lado a historia non é demasiado complexa, o que tampouco é que sexa malo, claro. Pero penso que presentaba unha serie de posibilidades pouco explotadas. Ademais ten un elemento que non quero mencionar directamente no proceso da trama, a investigación e a forma de actuar de Adrian que non me gustou nin me convenceu demasiado. Cando haxa outros lectores xa comentaremos isto, porque mencionalo directamente sería sacarlle demasiado interese á novela. A idea xeral gustoume bastante e a forma de desenvolver todo o proceso do secuestro e do programa en internet así como as intervencións de aqueles que pagan para velo paréceme do máis interesante da novela, é nisto onde penso que quizais podería centrarse un pouco máis. A verdade é que esta idea estremece un pouco, máis que nada porque é máis que posible que estea a pasar algo parecido ou non estea demasiado lonxe tal e como van algunhas cousas nesta sociedade. Con todo isto non quero dicir que non me gustara, entretívome e mantívome nunha certa tensión durante máis dun momento, pero penso que algunhas situacións están pouco aproveitadas e outras poderían ser doutra maneira. Todo isto dito desde a miña propia opinión e consideración, claro está, supoño que o autor tería as súas razóns para facer as cousas deste xeito. Aínda así, tras ler varias novelas deste xénero ultimamente non é das que máis me convenceron, espero as vosas opinións, a ver se coincidimos ou non, que todo é cuestión de gustos.






viernes, 19 de noviembre de 2010

"A conxura dos necios", de John Kennedy Toole

tootle.jpgconxura.jpg


Nestes últimos anos lin bastantes novelas, unhas gustáronme máis que outras, outras entretivéronme e tiven a sorte de que foran moi poucas as que non me atraeron. De todos modos moi poucas sorprendéronme de verdade, parecéronme distintas ou con algo máis do habitual. Esta de hoxe lida xa hai tempo, está dentro desa categoría das “distintas” e que no seu momento sorprendéronme moi gratamente. Hai pouco regaláronma nunha edición traducida ao galego e editada por FaktoriaK (que xa comentei nun post anterior que estaba a editar traducións moi interesantes), e iso fixo que me decidira a volver a lela, disfutándoa tanto ou creo que máis, que a primeira vez. Falo de “A conxura dos necios”, de John Kennedy Toole.



John Kennedy Toole naceu en Nova Orleáns en 1937. Parece que tivo unha infancia algo complicada a causa do carácter da súa nai. Foi un bo estudante e tras graduarse na Universidade de Tulane licenciouse en Lingua Inglesa na Universidade de Columbia. Logo pasou un ano como profesor asistente no Colexio Hunter. Tentou conseguir un doutorado en Columbia, pero foi recrutado polo exército en 1961 e destinado a Porto Rico, onde serviu dous anos, entre outras cousas ensinando inglés aos recrutas hispanofalantes. Regresou a Nova Orleáns e deu clases no Dominican College. Tamén traballou unha temporada nunha fábrica de roupa masculina e incluso andou con músicos de rúa e traballou como vendedor tamén polas rúas. Moitos destes escenarios aparecen na súa novela “A conxura dos necios”, que el mesmo considerou, tras escribila, unha “obra mestra”. Presentou a mesma a varias editoriais, pero ningunha se atreveu a publicala dicindo, por exemplo, “que non trataba de nada”, cando en realidade a razón sería que era posiblemente demasiado directa, descarnada e crítica. Estas negativas tiveron efectos moi negativos nel, que entrou nunha forte depresión que o levou á bebida, a descoidar as súas actividades profesionais e a sentirse un completo fracasado. Todo isto culminou no seu suicidio en 1969 poñendo un extremo dunha mangueira no tubo de escape do seu coche e o outro na ventá. Deixou unha nota de suicidio, que a súa nai destruíu. Thelma Toole, a súa nai, conseguiu que o escritor Walter Percy lera a novela do seu fillo, sentíndose rapidamente apaixonado con ela e conseguindo a súa publicación en 1980, escribindo el mesmo o prólogo. O propio Percy recoñece que a nai de Toole foi moi insistente e ante isto decidiu ler a novela, que ao principio pareceulle boa, pero a media que avanzaba o calificativo pasou a xenial. Autor e novela recibiron en 1981 o Premio Pulitzer a título póstumo e o premio á mellor novela estranxeira en Francia nese mesmo ano. Outra novela completa a produción deste autor, “A Biblia de Neón”, que escribiu con 16 anos e que sempre considerou demasiado xuvenil para tentar publicala. Ao final viu a luz, gracias ao éxito da anterior, en 1989.



O título fai referencia a unha cita de Jonathan Swift: “Cando un verdadeiro xenio aparece no mundo, recoñecerédelo por esta sinal: todos os necios conxúranse contra el”. E isto é o que máis ou menos lle pasa ao protagonista da novela, Ignatius Reilly, un “xenio” que parece que ten a todo o mundo en contra, incluso á súa propia nai. Poderíamos resumila nas peripecias e aventuras de Ignatius, un personaxe excéntrico e estrambótico, que tenta vivir dentro do mundo normal e vese obrigado a atopar traballo para poder pagar unha débeda. É un inadaptado social, dentro claro está dos parámetros da sociedade na que se move, onde para el os inadaptados son todos os demais, nunca el. Quere que todo o mundo saiba o que pensa, e para iso vai plasmando nunha especie de diario tan estraño como el, as súas ideas, vivencias, as cousas que lle pasan no día a día. Todo iso queda plasmado nuns cadernos marca “Big Chief” (“Gran Xefe”) que anegan a súa habitación, tan caótica como a súa vida. A causa dun accidente da súa nai co coche vaise ver obrigado a saír de casa e buscar traballo. Esta sería a liña central da novela, as aventuras e desventuras de Ignatius no mundo real, aínda que sexa un mundo tan caótico e estraño como a súa propia vida e forma de ver o mundo. Porque a xenialidade da novela vai ser o rosario de personaxes cos que se vai atopar ao longo de todas estas aventuras. Primeiro en “Levy Pants”, onde traballará na oficina dunha fábrica de pantalóns, teoricamente encargado do arquivo, pero claro, iso é pouco para el e as cousas irán máis alá. Logo, indo á base da economía, será vendedor na rúa de pan e salchicas, claro que o termino “vendedor” será máis ben un título honorífico que real. Non sería demasiado complicado contar algo máis, pero penso que para todos aqueles que non a leran, o mellor é ir descubrindo as cousas a medida que len a novela. A acción se desenvolve na cidade de Nova Orleáns, quizais unha das cidades máis distintas dos Estados Unidos, converténdose en moitos aspectos nun personaxe máis.



Ignatius posiblemente sexa un dos mellores personaxes literarios nos que podo pensar. Algún fan a comparación con Don Quixote, máis que polo punto de tolería penso eu, que por esa idea central de ver as cousas máis como un lle gustaría que foran que como en realidade son, buscando sempre un mundo ideal, mellor e máis ordenado segundo os seus propios ideais. Un home de pouco máis de trinta anos, que vive coa súa nai e que o único que quere é un mundo mellor. Ben, iso e que se solucionen os problemas da súa válvula pilórica, posiblemente a máis famosa de toda a literatura e que da pe a momentos realmente hilarantes. O seu aspecto, a súa forma de vestir, a súa hixiene o a súa forma de mostrarse pola cidade é algo realmente impresionante, case tanto como o seu reloxio do rato Mickey, outro elemento característico. El é o centro da historia, a súa forma de ver as cousas, a vida e a revolución que quere para un mundo que non lle di nada. A súa única “amiga” por dicilo dalgunha maneira é unha especie de noiva que tivo en certo momento e coa que mantén unha case violenta correspondencia. Ela é Myrna Minkoff, outra muller tamén algo especial, parecida a el en algunhas cousas e que sempre estará presente en case todo o que Ignatius fai. Pero o mellor da novela é o rosario de personaxes que aparecen ao redor da vida do protagonista. Todos eles fan da novela unha amarga e dura crítica contra a clase media americana, contra as súas preocupacións, as súas actividades e forma de ver a vida da que non se salva ninguén, un rosario de personaxes cada un máis desagradable e estraño que o anterior, tanto que algún fan parecer a Ignatius case normal, coherente e digno. Poderíamos empezar coa súa propia nai, Irene Reilly, unha muller que por un lado vive para o seu fillo pero que por outro non quere máis que librarse de el e que gracias a unhas amistades que fará ao principio da novela, irá vendo cousas que antes non vía. Case sempre queixándose da vida que lle da o seu fillo e da súa “arturitis”, unha dor que non lle deixa vivir en paz. Quizais un dos máis destacados sexa o patrulleiro Ángelo Mancuso, un policía practicamente inútil, desprezado e vacilado por case todos, pero moi digno no concepto do seu traballo, o seu obxectivo principal nesta vida é facelo ben e conseguir algunha detención (algo que o seu xefe tamén desexa con ansia). Mancuso, para conseguir este obxectivo, terá que traballar de incógnito, cuns disfraces realmente ridículos e esaxerados e incluso confinado en certo momento case a vivir nos baños dunha estación de autobuses. Está casado e ten fillos, pero sempre aparecen como algo case alleo a el, están, pero como se non estiveran, case como el para eles. A nai de Ignatius, por cousas da historia, farase amiga deste policía e dunha tía do mesmo, Santa Battaglia, que será en parte a encargada de abrirlle os ollos a Irene para que bote ao seu fillo de casa e poida levar unha vida máis normal, ademais, como é viúva tamén actuará de celestina para conseguirlle un noivo á pobre Irene.



En cada lugar polo que pasa Ignatius teremos a unha serie de personaxes que ademais entrecruzáranse dunha maneira bastante simpática e curiosa. Así ao principio da novela nai e fillo entran nun local de copas. Aí teremos a Lana Lee (dona do bar) que ademais do seu bar ten unha serie de estraños e escuros negocios xunto con George que descubriremos a medida que leamos. Nese bar traballa Darlene, unha muller que se encarga de que os clientes beban máis. Ademais nese bar entrará a traballar Jones, outro deses personaxes realmente xeniais (un dos meus favoritos xunto co protagonista e Mancuso), un negro protestón, algo reivindicativo pero realmente “pringado”, obrigado a traballar limpando o bar por unha miseria ante as ameazas da xefa e a policía. Xenial este Jones tanto pola súa forma de falar como, sobre todo, polas cousas que di.
Cando Ignatius entra a traballar en “Levy Pants” aparecerá outro grupo. Alí está o señor González, quizais un dos máis “normais” da historia. O xefe da oficina e un dos poucos que traballa de verdade en toda a novela. Pero aquí imos atopar a outros deses bos de verdade, a señorita Trixie, unha secretaría que tería que levar varios anos xubilada. ¿Por que non o está? Porque a señora Levy, a esposa do dono da fábrica de pantalóns, está empeñada en ser a salvadora desta pobre muller que o único que quere é xubilarse e o xamón que non lle regalaron na Pascua. A señora Levy, case salvadora do mundo, que di que non pode xubilarse porque iso acabaría con ela baseándose nun curso de psicoloxía que non chegou a superar. O dono da fábrica, o señor Gus Levy, unha especie de playboy de medio pelo ao que non lle preocupa demasiado a fábrica, máis metido en vivir a vida, saír, xogar ao tenis, viaxar...
Logo, cando empece a vender salchichas, un traballo que a súa nai considerará humillante e baixo para unha persoa que ata estudou na universidade, teremos a outro grupo máis, desde o dono da empresa dos carriños, Dorian Greene ou o ancián señor Claude Robichaux.
Paréceme imposible plasmar aquí como é toda esta fauna de seres humanos que aparece na historia, a verdade, así que o mellor é que vos mesmos os descubrades.



É unha novela disparatada, ácida e á vez tremendamente intelixente. Unha traxicomedia onde as gargalladas deberían aparecer máis dunha vez, pero tamén a amargura e a tristeza. O autor reflexa a sociedade que lle tocou vivir nun ton burlón e crítico, aínda que podemos seguir recoñecendo moitas das actitudes que aparecen na novela na nosa sociedade actual. Piedade, comprensión, amargura, resignación, tristeza, alegría e moitos outros sentimentos poderán saír á luz coa súa lectura, e cando, coma min, fíxose unha segunda vez, moito máis. Díxose que reflexa tamén algunhas das vivencias do propio autor, polo que podemos pensar en Ignatius como unha especie de trasunto caricaturesco de Toole. Por outro lado é inevitable pensar que, posiblemente, a súa tempérana morte privounos doutras novelas, incluso dunha posible continuación, xa que o final desta da pe a pensar neles, unha verdadeira pena.



Unha novela que considero imprescindible de verdade para todo bo afeccionado á literatura, unha obra que hai que ler, e lela con calma, con cariño, disfrutándoa. Se non o fixeches é algo que recomendo moito, ides disfrutar, e para os que o fixeran hai tempo penso que pasados uns anos é tamén recomendable sacala do estante e volver a tela entre as mans.






domingo, 14 de noviembre de 2010

Cómo conocí a vuestra madre

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=40NAXqTIsr0&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hai xa uns cantos anos o que estaba de moda nas series de televisión era a comedia, tiñamos comedias familiares, comedias de situación, comedias de parellas, eran as que dominaban por completo a programación. Pero como todo neste mundo as cousas soen ir por modas, e de repente case desapareceron este tipo de produtos. Podemos ver como agora a tendencia é polas series policiacas, ou de forenses, xunto coas de avogados e algunhas cousas máis dese tipo, normalmente todas bastante serias e con pouco humor. A verdade é que boto de menos algunhas daquelas de antes que o único que pretendían era conseguir o sorriso do espectador, e non por nada, pero a verdade é que aínda que hai algunhas agora, poucas son as que realmente fan que me ría con ganas. Esta de hoxe é unha serie relativamente recente, porque no seu país de procedencia, os Estados Unidos, vai pola súa sexta temporada e aquí están a emitir a quinta en Fox. Ata este verán, salvo os afeccionados que nos dedicamos a navegar por aí buscando noticias de novas series ou os que revisamos a programación dos canais de pago mirando cada novidade que aparece para ver se merece a pena, pouca xente a coñecía. Pero creo que foi a Sexta a que emitiu algunha das primeriras temporadas, e fixo que moita xente empezara a coñecela e a gustar dela, polo menos por comentarios que teño oído por algúns sitios. Chámase “Cómo conocí a vuestra madre”



A primeira temporada é do ano 2005, e xa dixen que agora están a emitir por alá a sexta. Ademais non son temporadas curtas, cada unha ronda os 20 episodios de media hora de duración, como dixen antes a duración daquelas comedias de hai xa anos, duración curta para manter o interese do espectador, que as veces é o máis complicado nunha comedia. Así os episodios son bastante rápidos, sempre está a pasar algo e non hai un momento de descanso na acción, nada de perder o tempo en cousas anecdóticas, céntrase na acción, nos personaxes e as relacións entre eles.



Parte dunha idea algo orixinal. No ano 2030 o personaxe principal, Ted Mosby, cóntalle aos seus dous fillos adolescentes todo o que pasou ata que coñeceu a súa nai. Visto así non parece nada demasiado atrainte nin divertido, pero hai que ter en conta que o relato comeza cando Ted toma a decisión de ter noiva, non directamente de cando coñeceu á súa muller e nai dos seus fillos. A narración polo tanto parte do presente da acción pero se desenvolve en tempo pasado, cos fillos sentados nun sofá, escoitando todas as aventuras amorosas do seu pai e dos seus amigos, que tamén teñen moito protagonismo na acción. Mediante saltos no tempo vai contar todas as súas aventuras, absolutamente todas, desde as máis longas ás máis curtas ou case anecdóticas. Os seus fillos pensan que cada nova historia que lles conta vai ser a definitiva, aquela que fixo que eles estiveran alí nese momento, pero non, a verdade é que se van cansar de escoitar e esperar á resolución. Pode parecer cansado para o espectador, que a verdade (polo menos a min pásame) está desexando saber dunha vez quen é a nai, como a coñeceu e que pasou, pero de momento (en breve comezarei a ver esta sexta a ver se aparece xa) non se fai nada pesado. As historias sentimentais de Ted sempre son distintas, algunhas longas, outras desesperadas cando ve que os seus amigos casan e el aínda non ten nin noiva estable, outras divertidas..., sempre hai algo entre desesperado, ridículo e cómico nelas, e todas merecen a pena. O mellor da serie son os personaxes e as situacións que se desenvolven entre eles, algunhas reais e cribles, outras histriónicas, outras ridículas e outras incribles, pero podo garantir que todas son divertidas e sen máis pretensión que esa, divertir, non pretende ser un libro sobre as relacións de parella nin a amistade, aínda que son ideas que sobrevoan moitos momentos así como outros temas, é imposible non facelo, pero sigo pensando que o obxectivo básico é divertir.



Ted Mosby (o actor Josh Radnor), como comentei, é o protagonista da trama, pero iso non quere dicir que sexa o máis importante. É o que da pe para todo, pero podemos dicir que hai cinco protagonistas e todos teñen o seu momento. Sairán algo máis adiante. Este é un rapaz novo, arquitecto de profesión, aínda que traballa pouco como tal. O seu maior problema, pensa demasiado as cousas e actúa con pouca naturalidade, improvisación e paixón. Ten que telo todo controlado e non quere que nada escape ao seu control. O seu obxectivo é conseguir o amor perfecto, a parella perfecta, algo que vaille custar conseguir máis do que pensa.



Marshall Eriksen (interpretado por Jason Segel) é amigo de Ted desde a universidade e noivo de “toda a vida” de Lily, prometidos e chegarán a casarse, o que provocará a desesperación de Ted xa que iso é o que el quere e non da conseguido. En xeral podemos dicir que, simplemente, é “bo”, completa e absolutamente bo. Ven dun pequeno pobo e dunha familia grande así que ademais de bo tamén é bastante inocente e aparentemente fácil de enganar, pero non é para tanto. Tras estudar para avogado quere traballar nunha empresa que defenda o medio ambiente, algo bastante difícil nos tempos que vive e na cidade de Nueva York.



Lily Aldrin (a actriz Alyson Hannigan) é a noiva de Marshall e tamén a gran amiga de Ted desde a universidade, onde se coñeceron os tres. Quere ser pintora, pero de momento é profesora de nenos pequenos. Tamén é bastante controladora, algo cotilla e encántalle gastar un diñeiro que normalmente non ten, case como unha compradora compulsiva.



Robin Schersbatsky (Cobie Smulders) é o primeiro e máis duradeiro amor de Ted ao principio da serie. É reporteira de profesión e canadense (que, por certo, como se pasan con eles). Aínda que saen moito tempo é completamente oposta a Ted, non quere relacións longas, non quere nenos, gústanlle as armas e, curiosamente, foi unha estrela do pop xuvenil no seu país, o que dará lugar a máis dun problema.



E deixo para o final ao quinto en discordia, Barney Stinson (o máis coñecido de todos os actores da serie, Neil Patrick Harris que foi unha estrela dunha serie cando era neno, “Un médico precoz”). Para min o mellor de todo e o que da lugar aos momentos máis divertidos. É un antigo hippie reconvertido en yuppie que case non se saca o traxe nin para durmir, máis que nada porque sostén a teoría de que de traxe liga máis. É todo o contrario de Marshall, non quere saber nada de matrimonios nin de parellas estables, un dos seus obxectivos na vida e deitarse con, polo menos, unha muller de cada nacionalidade. Ten libros e decálogos para case todo, pero sobre todo para ligar (“El libro de las jugadas”) e para as amistades (“El código de los colegas”) que rexen case toda a súa vida. É rico, aínda que non sabemos de onde lle ven o diñeiro. Ten moitas frases que se irán repetindo ao longo dos episodios como características súas. Visto así pode parecer un personaxe repulsivo, e hai que dicir que en certos momentos o é, pero hai que velo desde a óptica da comedia sen tentar trascendentalizar o seu comportamento. Penso que o mellor é ver varios capítulos da serie para darse conta do que quero dicir.



Cun aire parecido nalgunhas cousas á última gran serie cómica deste tipo, “Friends” aínda que claro está con moitas cousas que fan que sexa diferente e teña a súa propia identidade. Por riba de todo están as relacións entre estes cinco personaxes fixos, que precisamente por ser tan distintos entre eles da lugar a moitas situacións realmente simpáticas e divertidas. Calquera afeccionado á comedia non debería deixala pasar. Iso si, procurade empezar polo principio, porque senón non vai ser sinxelo entender algunhas das cousas que virán despois. Penso que realmente merece a pena como o que é, un mero entretemento sen máis pretensión que esa, entreter, e sempre pensarei, como moita xente, que é máis fácil facer chorar ao espectador que facelo sorrir ou rir de verdade, e con esta teño rido de verdade máis dunha vez. Recoméndovola, a ver que vos parece.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=1RK2-RhPR7Y&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=VqxApHNxlwY&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

domingo, 7 de noviembre de 2010

"Sepulcro", de Kate Mosse

nullnull

Kate Mosse é unha autora inglesa nacida en West Sussex en 1961. Estudou no Chichester High School e posteriormente no New College de Oxford. Tras graduarse traballou como editora e logo dedicouse á escritura. En 1996 publica a súa primeira novela “Besos esquimales” e en 1998 o thriller “Crucifijo”. Desde 1998 ata 2011 foi directora do Festival de Teatro de Chichester. Durante uns anos estivo ocupada en traballos de investigación para unha novela que lle deu o éxito internacional, “Laberinto”, publicada en 2005, unha historia de aventuras ambientada entre a Idade Media e o momento actual. Conseguiu varios premios, entre eles o British Book Award, con esta novela e foi un gran éxito de ventas, converténdoa nunha autora traducida en máis de corenta países. A súa seguinte novela, obxecto deste comentario, foi “Sepulcro”, publicada no ano 2007. A súa última novela ata o momento, do 2009, é “Fantasmas del invierno”. De “Laberinto” cendeu máis de dous millóns de copias no seu país e alcanzou os primeiros postos en países como Estados Unidos, Alemaña, Francia ou Italia. Ademais é autora de relatos curtos e artigos publicados en varias revistas e periódicos internacionais, como The Times, The Guardian ou The Financial Times, entre outros. Tamén á autora de libros de non ficción, “Convertirse en madre” e “La casa: detrás de las bambalinas de la Ópera Real de Covent Garden”. Xunto co seu marido, Gren Mosse, tamén escritor, crearon o Premio Orange de ficción en 1996 e os dous ensinan escritura creativa no West Dean College. Ademais é presentadora dun programa sobre libros na BBC polo que pasaron varios dos autores máis coñecidos e importantes do mundo. Viven, xunto cos seus fillos, entre Inglaterra e unha casa que teñen en Carcasonne (Francia) desde hai máis de vinte anos, unha zona na que se sitúan algunhas das súas novelas. “Laberinto” e “Sepulcro” forman parte dunha triloxía, que ela denomina “Triloxía de Languedoc” por estar situadas as accións das novelas nesa zona de Francia que a ten atrapada desde que se foi a vivir temporalmente alí. A terceira aparecerá este ano, “La ciudadela”



Para escribir “Sepulcro” partiu de varios elementos, desde un poema de Charles Baudelaire titulado “Sepultura”, a música de Charles Debussy, as cartas do tarot, unha visita ao pobo francés de Rennes-les-Bains (onde se sitúa boa parte da acción)... Unha idea que apareceu cando mercaron unha casa en Carcassonne alá polo ano 1989 e que pouco a pouco foise desenvolvendo con todos os elementos anteriores e algún máis. Unha historia que mistura segredos, asasinatos, ocultismo a cabalo entre o século XIX e o XXI.



A historia comeza en 1891 con dous irmáns, Léonie y Anatole Vernier no París de finais do século XIX, onde viven coa súa nai. Certos problemas fan que Anatole teña que escapar da cidade e buscar un sitio apartado e remoto onde se faga difícil que o poidan atopar, a súa vida corre perigo. Saben dunha tía que vive en Rennes-les-Bains, na zona do santuario de Domaine de la Cade, cerca de Carcassonne, nunha gran mansión e casualmente reciben unha invitación para pasar alí unha temporada, invitación que aceptan ao momento, aínda que Léonie non sabe as verdadeiras razóns polas cales o seu irmán quere marchar da cidade. Pronto descubrirán que os dominios da súa tía Isolde non son exactamente o que pensaban. Algúns habitantes pensan que o antigo señor da mansión morreu tras invocar a un demoño tras atopar un antigo sepulcro visigodo dentro das súas posesións. Na biblioteca da mansión Léonie descubrirá un libro, unha misteriosa baralla de tarot que desapareceu tras a morte do seu tío e algúns misterios máis. Todo encerra un antigo misterio relacionado co pasado e cunhas cartas que parecen ter poderes sobre a vida e a morte. Ao redor de todo isto o acoso dun misterioso personaxe que os persegue, a xente do pobo, os amigos e criados da súa tía... En 2007 a historia trasládase de novo a Francia, onde Meredith Martin investiga par escribir unha biografía do músico Claude Debussy, ao mesmo tempo que busca elementos que a axuden a comprender a súa vida e, sobre todo, o seu pasado. Conta cunha antiga peza de piano e unha fotografía en branco e negro que pronto descubrirá que están relacionadas coa historia dun amor tráxico, unha rapaza desaparecida e un alma torturada. Ela tamén chegará a Rennes-les-Bains, a un hotel cunha serie de personaxes que non sabe moi ben nin quen son nin que pretenden. Terá estraños soños, reforzados polas predicións duna botadora de cartas, ao mesmo tempo que descubre un paquete de cartas do tarot que puideron ser pintadas por Léonie Vernier e que poden ser a clave de moitas cousas, sobre todo de certos segredos do pasado que están a punto de saír á luz.



Unha novela que descubrín case de casualidade e que teño que dicir que me gustou bastante. Recoñezo que ao principio custoume un pouco entrar nela, non sei moi ben por que, pero as primeiras páxinas non que que me atraeran demasiado. Pero pouco a pouco vaste metendo nas dúas historias, imaxinando a relación entre elas, porque a verdade é que están moi ben alternadas para conseguir a atención do lector, e terminou por gustarme bastante. A historia do século XIX está moi cerca, por non dicir que o é, do terror gótico máis clásico. Bosques misteriosos, noites de tormenta, personaxes sinistros, asasinatos, espíritos, criptas, aparicións, choiva, tormentas... case todos os elementos máis típicos do xénero están presentes. A historia actual tamén está moi ben, cun personaxe que ten como escusa a biografía de Debussy para ver como, pouco a pouco, realmente está buscando elementos dun pasado que descoñece e desexa coñecer. Tamén está chea de misterios, de personaxes que a teñen desconcertada e en ocasións tamén desconcertan ao lector, que non sabe moi ben a que aterse. Logo temos unha relación entre ambas historias moi ben realizada, levando ao lector por un camiño cheo de perigos e elementos fantásticos. Penso que unha das mellores cousas da novela son os dous personaxes femininos, a rapaza Léonie con toda a súa inocencia xuvenil que pouco a pouco vai desaparecendo forzada polas circunstancias e unha Meredith que parece máis forte do que o é en realidade, pero a súa forza crecerá tamén motivada polas circunstancias nas que a vai poñendo o camiño que emprende en busca de explicacións.



Tamén creo que a autora escribe moi ben, os capítulos inicias no París de finais do século XIX relatan cunhas poucas pinceladas o ambiente desa gran cidade. Cando pasamos a Carcassonne ou Rennes-les-Bains e os seus arredores é sinxelo imaxinar perfectamente os lugares nos que se desenvolve a acción sen que a lectura resulte pesada, non é excesivamente descritiva pero cunhas poucas palabras consegue o seu obxectivo. Os que coñezan a zona verán como é completamente certo que Kate Mosse quedou atrapada polo encanto e fascinación desa parte do sur de Francia, onde cando entras, por exemplo, en Carcassonne, parece que, xa vista desde fóra, vas entrar de repente nun túnel do tempo que te vai levar varios séculos cara atrás.



A medio cabalo entre a novela romántica, a novela de aventuras e a novela de terror nesa vertente que mencionei antes do terror gótico, apta para calquera tipo de lector que queira pasar un bo rato de lectura cunha historia (ou dúas) moi atrainte.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=70bxhZIE2iU&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

miércoles, 3 de noviembre de 2010

"La caída de los gigantes", de Ken Follet

nullnull

Hai autores que sempre espertan moitas expectativas, as súas novelas son esperadas por lectores de todo o mundo con bastantes ganas e normalmente veñen sempre precedidas de boas campañas de publicidade, aínda que teñan garantidas as ventas. Son os creadores de best-sellers que moitos coñecemos e lemos. Ser autor deste tipo de novelas as veces parece que ten un certo compoñente de novelas sinxelas, de calidade media e cousas dese tipo. Eu son dos que len moitas destas obras e penso que este concepto, como xa teño comentado algunha vez, tería que perder un pouco ese elemento case pexorativo que ten en ocasións. Dentro deste saco hai bos autores e outros de calidade media, malos penso que non, que a xente tamén sabe o que le, pero sempre pensei que o máis importante é que a xente lea, e que lea bastante, iso é o máis importante. Cando un é un bo lector serán esas ganas as que lle fagan ir alternando entre cousas mellores e digamos “máis serias” literariamente falando e estas outras, que aínda así, son moitas veces boas, tampouco imos negar iso. Esta novela de hoxe está dentro do concepto de best-seller no seu máis amplo sentido, falamos da última novela do máis que coñecido Ken Follet, “La caída de los gigantes”, publicada moi recentemente e cun número de ventas máis que importante. Moitos estabamos esperando, tras “Un mundo sin fin” a publicación da seguinte novela deste autor, un dos meus favoritos cando se trata de pasar un bo e entretido rato de lectura ademais de aportar algunhas cousas máis na mesma. E o caso desta é deses, comezarei dicindo que, por fin, entendín perfectamente todo o conflito que deu lugar ao comezo da Primeira Guerra Mundial, maticemos de todos modos. Hai anos que rematei de estudar, e hai moitas cousas que esquecín, claro está, sabía o motivo central do conflito, pero tras esta lectura quedoume completamente claro, así que un mérito xa ten. Non vou falar da súa biografía porque xa apareceu en algún comentario anterior, remítome a el.



Por se non o sabedes, esta novela forma parte dunha triloxía, da cal é a primeira. Non son demasiado amigo deste concepto de novelas por partes, sobre todo cando teño que esperar ao 2012 pola segunda e ao 2014 para poder rematar a historia. Ao final da novela quedoume un certo sabor amargo, cando máis metido estaba na historia dos personaxes cheguei á última páxina, e non me sentou nada ben. Chegado ese momento estaba eu xa disfrutando e sufrindo con eles e quedan varias cousas colgadas que sei (ou supoño) que continuarán nas seguintes, pero paréceme demasiado esperar, a verdade. A triloxía é un proxecto ambicioso contido baixo o título de “The Century” (“O século”) e por se alguén non o sabe é unha historia de varias familias ao longo de todo o século XX, mentres están todos inmersos en algúns dos acontecementos históricos máis importantes do século pasado. Nesta primeira chega ata mediados dos anos 30. Empeza a historia uns anos antes da Primeira Guerra Mundial e a parte central da mesma transcorre entre esta guerra e a Revolución Rusa, serán estes os dous acontecementos máis importantes da historia. A segunda partirá máis ou menos do crack de 1929 e a Segunda Guerra Mundial e a terceira concentrarase na Guerra Fría e os acontecementos dos últimos anos do século. Parece algo tremendamente ambicioso, nada fácil e complexo, xa que a historia circula ao redor dunha serie de familias e personaxes que veremos como pouco a pouco van cruzando os seus destinos e participando directamente en todos estes feitos.



Representantes de familias de cinco países serán os que tomen parte na historia que nos vai contar, aínda que uns son algo máis importantes que outros en canto á acción, todos teñen a súa importancia e a súa función e misión dentro da historia. De todos modos penso que a familia inglesa xunto coa galesa son os que máis interveñen; nun segundo plano teríamos aos rusos e aos alemáns e se fora un ranking o último posto sería para os americanos, que teñen unha participación algo menor. O número de personaxes da novela é, como soe pasar coas grandes novelas deste autor, é enorme, pero fronte a outras (polo menos no meu caso) non foi nada difícil seguir a historia en ningún momento. A verdade é que penso que xoga maxistralmente con eles, case como pezas dun xadrez movidas por un gran mestre. Penso que este é un dos maiores méritos de Follet, esa capacidade que ten para mover a un gran número de persoas dentro do mundo da súa novela sen que ningúns sexa anecdótico, todos teñen o seu momento de importancia e todos destacan por algunha cousa, a pesares de ter tamén varios protagonistas que levan o peso da historia. A forma que ten de movelos paréceme impresionante, imos ver como personaxes que parecen completamente lonxanos vanse cruzar en algún momento e o mérito é facer que non pareza nada imposible, senón completamente verosímil. Estes serán os personaxes principais (dos que so direi un par de cosas para que o teñades en conta, pero procurando non contar demasiado):



A familia galesa son os Williams, unha familia de mineiros, e a novela comeza con eles, cando Billy Williams (un dos principais) empeza a traballar de neno na mina. Este inicio fixo que ás poucas páxinas tivera medio claro que a novela ía ser das que me gustan, tiven unha sensación desas que me dixo que ía estar ben, e non fallou. Dentro desta familia este e a súa irmá, Ethel, serán dous dos que máis aparecerán na historia e levarán boa parte do peso da mesma. Ethel traballa como criada na casa duns nobres ingleses, outra parella de irmáns que xunto cos dous galeses serán, penso eu, os elementos máis importantes da historia.



A familia inglesa son os irmáns Fitzherbert, os nobres que funcionan un pouco como contrapunto dos irmáns do parágrafo anterior. Son o conde coñecido como Fitz e a súa irmá Maud. Teñen unha casa na que traballa Ethel Williams ao principio na novela. Fitz é o típico nobre inglés tradicionalista e que sempre defende a súa postura, mentres Maud é todo o contrario, unha muller que, aínda sen perder ese aire de nobreza, loita polos dereitos das mulleres, sufraxista e algo máis moderna que o seu irmán. Ademais Fitz está casado con Bea, una princesa rusa que tamén terá un papel bastante destacado no desenvolvemento da historia.



A familia alemá tamén pertence á nobreza, son os Von Ulrich, dos que destacará por riba de todos o fillo, Walter, un home que antes da guerra vive en Inglaterra traballando na embaixada do seu país.



Os rusos son os irmáns Peshkov, Grigori e Lev, que tamén serán bastante importantes en moitos dos acontecementos que nos vai contar o autor en moitos sentidos. Dous irmáns moi distintos, serio e traballador un e golfo e vividor o outro, o que dará lugar a algúns conflitos.



E por últimos os americanos teñen dúas familias máis ou menos importantes. Por un lado temos a Gus Dewar e os seus pais, de clase alta el traballa como asesor do presidente Wilson. Por outro lado temos a unha familia rusa afincada en Estados Unidos desde hai tempo, destacando o pai Josef Vyalov e a súa filla Olga, que tamén terán un papel destacado.



Ao lado destes que eu considero os máis importantes teremos a unha boa cantidade máis de familiares, amigos ou veciños que irán tendo a súa función dentro da historia. Poucos son os que aparecen unha soa vez, como dixen antes non hai ningún que non teña algo que dicir, algo que facer que sexa importante para o argumento.



O mellor de todo é como o autor vai xogando con eles, como imos vendo as súas vidas, como van cambiando, crecendo, evolucionando tanto persoalmente como nas súas relacións en calquera sentido. É imposible non esbozar un sorriso en algún momento cando ocorre algo disto, como tendo unha certa complicidade co autor, dicindo “anda, que ben o fixeches”.



Destacaría tamén algo que sempre me chamou a atención neste autor, a dimensión dos seus personaxes femininos que case sempre son algo máis importantes que os masculinos. Xa en novelas anteriores é algo que destacaría, sempre son mulleres con carácter, con moito que dicir e determinantes nas historias. Neste caso, que vemos que é unha historia que transcorre na súa maior parte durante a guerra, podería parecer que isto non ía ser así, pero non. Penso que a maior parte das mulleres que aparecen na historia son as que levan a voz cantante, algo máis importante que a maior parte dos homes, que non quero dicir que non sexan tamén importantes, pero mulleres como Ethel, Maud e algunha máis destacan por riba de todos eles.



E logo temos a unha serie importante de personaxes históricos, a maior parte deles con intervencións directas, é dicir, que aparecen como elementos reais dentro da historia interactuando cos personaxes de ficción. Ao final da novela o propio autor di que todas estas intervencións están baseadas nas súas investigacións e que o que fan ou din parte de momentos reais do que se está a contar, tanto se falan con outros reais como se o fan con personaxes ficticios, trasladando as súas palabras do momento a esas escenas inventadas polo autor. Así teremos ao presidente Wilson dos Estados Unidos, a Winston Churchill e todos os que gobernaban Inglaterra neses anos, ao Kaiser Guillermo, Lenin e Trotsky en Rusia..., penso que todos están perfectamente incluídos dentro do argumento dunha forma moi destacable. Ese é outro mérito, a investigación e o ben que xoga cos datos históricos para contarnos perfectamente os acontecementos centrais dos anos nos que transcorre a novela. Evidentemente non son historiador, pero polo que estudei e o que lin penso que como historia é unha gran novela que incluso, se non fora pola súa extensión, podería ser usada como manual para algunhas clases de historia. Pena que sexa tan longa, algo que asusta moito ao alumnado, a verdade.



Esta vez xa me pasei un pouco de máis de extensión, pero non son capaz de facer un comentario sobre esta novela sen dicir o que dixen e algunhas cousas máis que quedarán no tinteiro. Para rematar dicir que me gustou moito, entretida, amena, ben levada e sobre todo ben engarzada, perfectamente montada para atrapar ao lector. Moitas veces deixa un momento colgado para pasar a outros personaxes, o que fai que teñas que seguir lendo ata chegar a ese momento no que continúa a outra, aínda que moitas delas están relacionadas. Ten ademais en máis dun momento, diálogos simpáticos, sarcásticos e case cínicos sobre moitas realidades da época, conseguindo algún sorriso de vez en cando. É longa, pero non se me fixo nada pesada, ao revés, creo que lin máis que noutras ocasións porque quería avanzar na historia e non era capaz de deixala, sobre todo en certos momentos. Tras a lectura da anterior, “Un mundo sin fin” que como dixen no comentario non me gustou demasiado, volvo a pensar no Ken Follet que máis me gustou, un bo contador de historias, un bo construtor de novelas e sobre todo de personaxes que ademais ten un estilo fluído pero non demasiado sinxelo. Un autor que pode gustar a calquera afeccionado á lectura. Para min máis que recomendable, agora so me queda esperar un par de anos para saber que máis lles vai pasar a todos estes homes e mulleres que deixei colgados nun estante e que espero non esquecer nese tempo.

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=uNnv2xEk-1I&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

viernes, 29 de octubre de 2010

The good wife

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=cB0Re-cSUlE&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]




Elegancia, intelixencia, interese ou solidez poderían ser algunhas das palabras que definen a serie que vou comentar hoxe. Ademais esta poden vela todos os que non teñan contratado ningún servizo televisivo de pago, xa que hai pouco que se está a emitir nunha das cadeas “satélite” de Antena 3, en concreto Nova, onde parece que van parar moitas cousas que a cadea non considera que vaian ter éxito na principal (de paso tamén engado que unha das últimas comentadas, “Modern Family” estáse a emitir en Neox, creo). Penso que é unha tremenda mágoa que non se lle dera demasiada propaganda, porque é das que merecen a pena por varias razóns. Antes de seguir dicir que vou falar dunha serie americana chamada “The good wife”, que viría a ser algo así como “a boa esposa”. É unha serie da que aquí podedes ver a primeira temporada, pero que alá xa anda pola segunda e con bastante éxito, quizais máis do esperado. So levo vistos catro episodios, pero entre que me encantaron e que un compañeiro e bo amigo, do que neste sentido fíome completamente, viu algúns máis e di que non so está moi ben, senón que vai mellorando en cada capítulo, que cada vez vai a mellor, decídome a comentala. Tiña a temporada completa gravada desde hai tempo, pero non me dera animado a vela, e agora que non tiña demasiadas cousas que me apeteceran, empecei. Non me animara porque nun principio interpretara mal o contido da mesma, pensando que ía dunha cousa, pero resulta que non, que estaba equivocado. Cando a estrearon nos canais de pago falaban da historia dunha muller enganada polo seu marido, un político, e non sei moi ben por que, pensei que a historia centraríase niso e andaba algo errado. Esa é a liña que da unión aos episodios, pero cada un está desenvolvido no sentido máis puro das series de avogados, que cando están ben feitas soen gustarme moito.


A protagonista é Alicia Florrick, a esposa dun fiscal do Estado que vese obrigado a dimitir cando se ve envolto en varios escándalos sexuais e é acusado de corrupción, delitos económicos e algunhas cousas máis que fan que acabe na cadea. Ela comparece con el no momento no que fai a declaración pública que o leva a dimitir, apoiando ao seu marido a pesares de non telas todas consigo, de aí o título de a boa esposa. Parte un caso real, o escándalo que se montou cando o gobernador de Nueva York, Elliot Spitzer, tivo que dimitir pola súa relación cunha prostituta. Claro que so é unha inspiración, todo o que ven a raíz disto non é máis que pura ficción, pero moi ben levada. Así que Alice ve como o seu home acaba no cárcere e terá que buscar a maneira de sacar á súa familia adiante, ademais de pagar as costas dos xuízos e apelacións do seu marido. Por iso dicía antes que non lle dera a oportunidade no seu momento, porque este tema inicial non me parecía que dera unha serie excesivamente interesante. Pero tras esa comparecencia pública a historia da un xiro, a esposa traizoada ten que comezar unha nova vida, xunto co seu fillo, a súa filla e a súa sogra que lle vai botar unha man. Tras case dez anos como a muller dun político importante, sen traballar en nada concreto e vivir unha zona luxosa terá que buscar novos camiños. Para iso retoma a súa profesión de avogada, a pesar de que hai anos que non exerce, e entra, por medio dun amigo, nun prestixioso bufete. En todo momento terá que sufrir a marca de ser a muller de..., e as veces iso parece máis importante que o seu propio traballo ou os seus méritos reais, o que provoca máis dun problema. Ao mesmo tempo quere que os seus fillos manteñan a maior normalidade posible, dous adolescentes marcados polo escándalo no que viu metido o seu pai. Por un lado temos o enfoque de como afronta esta muller esta situación, aínda que veremos a medida que avanzan os capítulos que non todo é o que parece no que se refire aos problemas do seu marido. Este é un elemento que como dixen irá avanzando pouco a pouco (nuns máis que en outros) en cada capítulo dándolle algo de unidade á acción. Por outro lado teremos os casos legais que se desenvolven en cada un, case sempre algo distintos ao habitual (en certos enfoques recorda, en canto ao tratamento legal, a unha serie que xa pasou por aquí e que para min foi a mellor dentro das temáticas legais, “Boston Legal”, aínda que sen ter tanto aire crítico como aquela con moitas cousas) e con compoñentes que fan que sempre sexan interesantes e atraintes, facendo que un manteña sempre a atención, cousa que consegue con bastante facilidade. No medio aparecerán as dúbidas sobre a situación na que se atopa o seu marido; o desexo de demostrar que é moito máis que a esposa dun político caido en desgracia; o desexo de demostrar máis a ela que aos demais que é unha boa avogada e nai e que pode desenvolverse por si mesma en calquera dos campos e tamén todos os distintos casos que irán aparecendo e que terá que defender, sempre cunha intelixencia, interese e axilidade mental que fai dela un dos personaxes femininos máis interesantes do panorama televisivo actual.


Non é unha serie de avogados máis, a trama que funciona como fío de todos os episodios dálle un grande interese e sempre quereremos saber máis do tema. É unha serie dramática, pero non lacrimóxena, os casos son bastante cribles e o seu desenvolvemento, case sempre con algunha sorpresa, é moi interesante e engancha ao espectador tanto como o fío central. Comentar que os produtores son máis que coñecidos, os irmáns Ridley e Tony Scott (ademais de directores de recoñecido prestixio, unha miniserie recente tamén estaba producida por eles, “Los pilares de la tierra”), que se xa eran sinónimo de cine normalmente máis que decente e atractivo agora fan o mesmo no mundo da televisión, producindo cousas de gran calidade e interese.


E deixo para o final aos actores, todos moi ben. Dous son os que máis me chaman a atención. En segundo lugar a Kalinda Sharma (interpretada por Archie Panjabi, a protagonista dunha entretida película de hai xa uns anos, “Quiero ser como Beckam”) que é a compañeira da protagonista e que traballa para ela como investigadora. É unha muller case oposta a Alice, o que fai que o contrapunto sexa importante e dea lugar a situacións moi simpáticas nalgúns casos. Se Alice é a muller perfecta, esta non, políticamente incorrecta, maleducada nalgúns momentos e que funciona moitas veces dicindo e facendo as cousas que Alice, se non fora como é, faría. Un papel moi interesante que moitas veces pon o elemento simpático e divertido e outras o de acción. Funciona perfectamente dentro da parella de mulleres que levan o peso dos casos xudiciais. Pero por riba de todos os actores destaca Alice, interpretada por Julianna Margulies. Moitos coñecerán a súa cara como unha das protagonistas dunha das series médicas máis coñecidas e que leva máis de 15 temporadas en Estados Unidos (aínda que aquí foi tan maltratada por Televisión Española que me resultou imposible seguila), “Urxencias”, na que interpretaba a unha das enfermeiras que traballaba no hospital desde o principio da mesma. Xa aquí apuntaba boas maneiras e logo fixo algunha película digamos “menor” e sen demasiada repercusión. Pero vela aquí, desde o primeiro segundo da primeira escena foi case impactante, impresionoume a actuación, de verdade, con esa mistura entre dúbida e fortaleza dependendo do momento, reflectindo perfectamente en cada momento o sufrimento pola situación do seu matrimonio, entre o perdón e o castigo e a satisfacción de rematar un traballo ben feito. Como dixen as escenas coa súa investigadora son todas excelentes, loitando entre a actitude da muller dun alto cargo público que ten que manter sempre o tipo e os seus desexos de facer o que realmente quere facer. Non me quedo corto se cualifico a súa actuación de soberbia, misturando tristeza, timidez, firmeza e seguridade, convencida as veces e dubidando de todo outras, cada capítulo é un reflexo de case todas as posibilidades de sentir do ser humano.


Como sempre, xa me pasei, así que se se vos pasou a posibilidade de vela, non a perdades, nas de pago xa rematou esta primeira temporada e en breve emitirán a segunda, que polo que vin, aínda que non vou adiantar nada, promete incluso máis que esta, pero en Nova creo que deben levar dous episodios ou tres como moito. Espero que vos guste.





 


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=kW8Tcm1w8Rs&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]