jueves, 31 de enero de 2013

"Homeland"



Tiña a serie de hoxe gravada desde hai xa algún tempo, aínda pendente. Hai pouco remataron de emitir en Fox a segunda temporada e entre o tempo que tiña e as excelentes críticas por todas partes, nominacións, premios e demais xa non deixei pasar máis tempo. Por fin hai uns días empezamos a vela e gustaríame telo feito algo antes, é das que realmente merecen a pena. Xa no seu momento, a primeira temporada era do ano 2011, aínda que por aquí chegou algo máis tarde, veu avalada por un gran éxito de crítica e público, tanto que en Estados Unidos está prevista a estrea da terceira para setembro deste mesmo ano. Iso si, fronte a outras son temporadas algo máis curtas, de doce capítulos cada unha de case cincuenta minutos de duración. Hoxe toca deixarvos un par de cousas sobre unha das últimas sensacións en series televisivas, “Homeland”. En estes dous anos nominada e gañadora en varios apartados dos coñecidos Globos de Ouro, sobre todo para a súa parella protagonista, ademais de varios premios menos coñecidos.

“Homeland” céntrase en dous personaxes, un masculino e outro feminino. Por un lado teremos ao marine Nicholas Brody. Tras oito anos, nos que se lle deu primeiro por desaparecido e logo por morto durante a guerra de Iraq, é rescatado dun xeito milagroso e levado de volta ao seu país. Oito anos pechado, torturado, maltratado que parecen afectarlle moito nalgúns momentos e moi pouco noutros. En casa esperan por el Jessica, a súa muller, e os seus dous fillos, Dana e Chris. O pequeno case nin o recorda e a súa muller, en todo ese tempo, tentou refacer a súa vida nalgúns sentidos. Por outro lado temos a Carrie Mathison, unha axente da CIA especializada no mundo árabe e que agora traballa na central tras realizar algúns traballos como axente de campo, traballos que non saíron, sobre todo un, demasiado ben. Agora esta convencida de que detrás do rescate de Nicholas hai algo máis, que volta convertido nun dobre axente encargado de despertar a algunha célula terrorista que ten por obxectivo cometer algún atentado de importancia nos Estados Unidos. Ademais, aínda que pouca xente sábeo, sofre un trastorno bipolar que a obriga a tomar medicación a diario, algo que lle provoca algo máis de ansiedade da desexada. Este é o eixo central dunha historia que fará que non perdamos nin un minuto da nosa atención, unha historia onde case ninguén parece ser o que é, onde todos parecen esconder algo e cuns guións que se encargarán de manter ao espectador en completa tensión, sempre esperando o inesperado e con momentos de grandes sorpresas. Pouco a pouco algúns interrogantes sobre a historia e os personaxes irán desvelándose, pero ao mesmo tempo abríranse outros. Unha historia moito máis complexa do que parece nun principio, con continuos cambios, saltos no tempo (sobre todo cara ao cativerio de Brody). Todos menos Carrie ven en Nicholas a un heroe de guerra, ela ve o que quere ver, a un espía dobre ou a un terrorista e é algo que nos tamén veremos e pensaremos a veces, pero non noutros moitos momentos. Iremos descubrindo as cousas case ao mesmo tempo que ela, tendo en conta que saberemos algunhas cousas máis, claro.


A serie tivo desde un principio un gran éxito no seu país, converténdose nunha das sensacións do ano. Detrás dela están guionistas de éxito e especializados en series sobre este xénero, algunha delas tan coñecidas como “24” ou “Expediente X”, exemplos de bo facer sobre todo no narrativo da televisión destes últimos anos. Non imos quitarlles mérito, pero hai que deixar claro que a idea orixinal da serie non é deles. Está baseada nunha serie israelí chamada “Hatufim”, traducida algo así como “Prisioneiros de guerra” e que, para min, é completamente descoñecida e non teño nin idea de se está moi preto ou non ao que podemos ver nesta versión americana. De todos modos, como digo, non lle imos restar méritos. Xa comentei máis dunha vez que os bos argumentos, boas direccións, as historias interesantes e que atrapan ao público están desde hai tempo na televisión moito máis que no cine. Estou a ver cousas moito mellores, máis atraentes, máis orixinais e mellor interpretadas nestes últimos anos na pequena pantalla que na grande, o que non deixa de ser curioso. Tanto é así que grandes actores, tanto principais como secundarios, están a pasarse a este medio, onde é evidente que atopan historias e papeis máis interesantes que os que lle pode ofrecer un panorama cinematográfico centrado en efectos especiais e versións de historias de hai anos. Conste que aínda quedan algunhas cousas que se salvan, pero cada vez menos.

A historia é realmente boa, pero as actuacións fan que sexa aínda mellor. De novo estamos ante uns actores realmente convincentes e moi destacados neste aspecto, tanto os principais como os secundarios, ningún deixa de resultar no que ten que facer. Ademais practicamente todos os personaxes son complexos, cheos de dobreces e formas de comportarse que desconcertan ao espectador. Unha actriz de cine de novo da o paso á televisión para interpretar un papel que parece feito á súa medida. O papel da axente da CIA é para Claire Danes, coñecida polos seus papeis en películas como “Romeo y Julieta” ou “Las horas”. Está xenial encarnando á complexa Carrie, obsesionada por demostrar que Nicholas é moito máis que un heroe e prisioneiro, que volta como un terrorista que quere cometer un acto monstruoso no seu propio país. A verdade é que ten moitos momentos nos que consegue convencer ao espectador por completo. O papel de Nicholas é para un actor quizais menos coñecido para os que non sexan seguidores da televisión, aínda que tivo algúns papeis importantes en películas. O actor é Damian Lewis, protagonista hai un tempo de outra boa serie, centrada esta vez no mundo da policía. A serie era “Life”, onde era un policía que pasou varios anos no cárcere por un crime que non cometera e que cando sae retorna ao seu traballo cunha actitude máis que curiosa. A serie era boa e el estaba xenial, pero aquí está aínda mellor. As súas caras, os seus xestos, a súa actitude e a súa forma de comportarse, enfrontarse á violencia durante o seu cativerio, a volta a casa cunha familia que o daba por morto, aos seus amigos ou a un país que quere convertelo nun heroe e un exemplo para que non se esqueza nunca o perigo dos atentados. Non haberá un so momento no que non nos preguntemos se realmente é o que di Carrie ou o que nos queremos crer, en todo momento estará entre un lado e o outro, ou nun punto intermedio que nos terá realmente desconcertados. Entre o resto destacar o papel do xefe de Carrie, outro personaxe que parece esconder algo, Saul Berenson. Como curiosidade comentar que é o actor Mandy Patinkin, o inesquecible Íñigo Montoya do clásico del cine “La princesa prometida”.

Unha serie con elementos de política ficción, de thriller e de drama, cun ritmo realmente interesante e onde sempre está a pasar algo. Hai que estar atento a calquera pequeno detalle porque todo o que pasa é importante para o desenvolvemento da trama. Cunha forma de filmar, de desenvolver a historia e de interpretala que recorda e fai unha homenaxe ás grandes historias do cine do mesmo xénero, tomando o mellor delas e facendo algo novo. Iso si, a serie é dura e explícita en todos os sentidos, non recomendada para estómagos sensibles. Hai escenas e momentos realmente duros e violentos, tanto por cousas que se ven como por cousas que se supoñen, aínda que nalgúns sentidos non deixa demasiado á imaxinación do espectador, sorprendendo máis dunha vez por ser tan directa. Levamos como seis capítulos da primeira temporada e estamos desexando que chegue o momento de poder seguir con ela, de seguir avanzando nesta complexa historia. Cada novo capítulo abre máis interrogantes, máis ideas que parece que van por un lado pero logo collen outro camiño. Sen saber realmente se Nicholas é un terrorista ou simplemente un preso liberado, sen saber que é o que move realmente á axente Carrie, que pasará coa muller e os fillos de Brody... Moitas preguntas sen resposta, e cando conseguimos responder a algunha resulta que nos deixan moitas máis para pensar. Supoño que a maior parte dos meus lectores xa a teñen visto, pero se aínda non o fixestes non a deixedes pasar, é desas que realmente merecen a pena.


jueves, 24 de enero de 2013

"Alphas"



Un pouco de televisión para hoxe. Aproveitando que estamos agora a ver a segunda temporada deste serie vou deixarvos un par de cousas sobre ela. Imos dicir que é das que son soamente entretidas, non desas que te chaman a atención pola súa calidade ou argumento pero que ten suficientes elementos para pasar corenta minutos entretidos cunha historia decente e ben feita. Neste momento esta segunda temporada está a ser emitida polas canles de pago, en concreto en SyFy, cunha programación dedicada case en exclusiva ao mundo da ciencia ficción e a fantasía. Xa emitiron hai non demasiado tempo a primeira temporada e agora imos, máis ou menos, pola metade da segunda. A serie en cuestión chámase “Alphas”, e é fundamentalmente unha serie de ciencia ficción con algúns elementos de thriller e investigación.

Nun principio roza o mundo dos superheroes, xa que os seus protagonistas posúen algún tipo de capacidade que os deixa a medio camiño entre este tipo de personaxes e as persoas, imos dicir, máis normais. Non é que teñan uns superpoderes chamativos ou excesivamente especiais, non poden voar, lanzar teas de araña ou cousas desas, pero si que teñen cada un deles unha capacidade, unha habilidade especial que fai que sexan capaces de facer cousas que os demais non podemos. Preto do mundo da Patrulla X, cun mentor que coida deles, que os adestra, que os vixila e que os dirixe, sempre máis ou menos controlado por elementos do Goberno. El é do doutor Lee Rosen, neurólogo e psiquiatra que, ademais de dirixir o equipo de Alphas, é o encargado de buscar, controlar e tentar convencer a outras persoas con esas capacidades especiais para que se unan a eles e non loiten contra a humanidade. Estes Alphas con persoas con algún tipo de alteración cerebral, normalmente non xenética, que lles da certos superpoderes que poden ser útiles tanto para o ben como para o mal. Así teremos sempre unha oposición entre os membros do seu equipo e outros parecidos a eles que usan o seu poder para cousas que rozan a legalidade ou directamente non son nada legais. Entre esas capacidades especiais podemos ter o non sentir dor, desenvolver unha forza sobrehumana en momentos de alto risco ou perigo, ser capaz de ver todo o espectro electromagnético case como se estivese a ver unha televisión, ter os sentidos do olfacto ou o oído excesivamente desenvolvidos, ser capaz de convencer a alguén de que faga calquera cousa so co contacto visual, xerar electricidade ou lume, cuspir ácido... Veremos como os guionistas poden ser capaces de crear case calquera personaxe, calquera capacidade especial. Iso é o que teñen, capacidades especiais que fan que sexan completamente distintos do resto do seres humanos. Por ese motivo algúns, baixo a dirección de Rosen, traballan para o Goberno con encargos que eles non poden realizar e que soen estar dirixidos por algún tipo de alpha que ou non sabe controlar aínda os seus poderes ou que quere aproveitalos para accións delictivas ou de vinganza. Case sempre os antagonistas serán alphas, como veremos ademais a medida que discorren os capítulos, case dirixidos por un deles que quere acollelos a todos para tomar o control do mundo. Ademais estes outros están molestos porque todos os alphas que son capturados e non queren aceptar as ordes do Goberno son pechados nunha institución, un cárcere, onde os teñen vixiados e controlados.

O equipo central está formado polo citado doutor e cinco alphas. Cameron Hicks é capaz de ver na súa cabeza antes de que pase calquera combinación de movementos, ademais de ter unha puntería infalible gracias ao gran desenvolvemento da súa visión. Rachel Pirzad ten moi desenvolvidos case todos os sentidos. Nina Theroux é capaz de convencer a calquera de calquera cousa so con miralo. Bill Harken é o home de acción, un antigo policía capaz de ter unha gran forza en momentos de tensión. E deixo para o final ao meu favorito, Gary Bell, un rapaz autista que é capaz de ver como se foran imaxes calquera cousa que pase polo espectro de radiofrecuencia o u do espectro electromagnético, móbiles, cámaras, case calquera cousa.

Os guionistas son Michael Karnow e Zak Penn; o primeiro deles participou nos guións de varias das películas de superheroes destes últimos anos. O produtor é Jack Bender, coñecido por participar do mesmo modo en series de gran éxito como “Los Soprano”, “Perdidos” e outras. Os actores protagonistas non son demasiado coñecidos, exceptuando ao que realiza o papel do doutor Rosen. É un deses secundarios do cine que sempre dan a talla e incluso algo máis, a min gustoume sempre e aquí creo que está realmente ben, é David Strathairn, candidato ao Óscar por “Buenas noches y buena suerte” e ao que podemos ver actualmente na gran pantalla en “Lincoln”.

A serie como dixen ao principio é entretida e ten un desenvolvemento curioso e interesante. Os distintos que van aparecendo resultan sempre distintos e dan variedade aos argumentos. O equipo formado polos seis protagonistas é equilibrado e todos teñen algunha parcela importante dentro da historia, sendo todos imprescindibles para a resolución dos distintos casos que se van presentando. En todos os episodios temos momentos de relax ou de sorriso, que lle da tamén un aire máis que decente para pasar o rato. A primeira temporada funcionou case como unha presentación de todos eles e dos seus antagonistas. Moitos deles aparecerán agora na segunda que me está a gustar un pouco máis que a anterior. Ao final da primeira quedaba no aire unha especie de grupo de alphas que non queren traballar xunto ao Goberno e o que queren é dar problemas e enfrontarse a el, así como ao grupo do doutor Rosen, ao que queren convencer para que traballen con eles. Dirixidos por un misterioso personaxe que dará moito xogo á historia.

Para min o mellor da serie e que ademais lle da un punto de orixinalidade é que non ten para nada a espectacularidade das historias deste tipo. Dentro do elemento fantástico ten un desenvolvemento imos dicir case que realista, tanto nas historias como na forma de contalas. As relacións entre os distintos personaxes son tan importantes como os casos a resolver e fai que os vexas case como persoas que non teñen tantas cousas distintas ao resto. Non esperedes escenas espectaculares nin grandes parafernalias de efectos especiais, non hai explosións, raios nin grandes escenas que te deixarán coa boca aberta. Son heroes máis de andar por casa, tanto polos seus poderes como pola forma de comportarse. Todos eles teñen grandes problemas relacionados co seu poder, tanto na súa vida persoal como na cotiá, pero estes tampouco están tratados con excesiva transcendencia nin solemnidade, están tratados case como cousas normais, como os problemas que podemos ter calquera de nos no noso día a día, pero agravados por esa característica especial que os fai distintos. Todo isto está tamén reflectido na forma de filmala, tranquila e normal, sen practicamente ningún exceso.

De momento dúas temporadas e non sei se haberá unha terceira. Garante un rato de entretemento sen máis, pero como teño dito as veces, iso é o que a un lle apetece en certos momentos. Gústanme os personaxes protagonistas e a forma de comportarse que teñen, o demais dálle un punto máis de interese para poder vela. Unha serie decente para ver, como nos, en familia, aceptable para todos os públicos.

jueves, 10 de enero de 2013

"Crímenes exquisitos", Nieves Abarca y Vicente Garrido




A novela que vos deixo hoxe chegoume, de novo, por unha recomendación do gran lector que é o meu pai. A verdade é que me estrañou non coñecela porque é de recente publicación e está a ter un éxito notable tanto de ventas como de críticas por parte dos que se dedican a comentar historias do xénero ao que pertence. Xa digo desde un principio que me gustou moito, mantívome en bastante tensión e con grandes momentos que non facían máis que animarme a ler. Hoxe toca novela do xénero negro, desas con asasinatos, policías e case todas as constantes do xénero, pero ben usadas e con moitos temas máis ao redor que lle dan, aínda, máis interese. Ademais é unha novela de autores españois, o que lle da, creo eu, un punto máis tendo en conta que a maior parte das novelas deste xénero soen vir doutros países. Vicente Garrido e Nieves Abarca son os seus autores, e o título é “Crímenes exquisitos”, editada no ano 2012 por Versátil.

Nieves Abarca Corral naceu en A Coruña en 1968. Estudou Historia da Arte e ten un Máster en Periodismo. Fixo un curso de especialista en perfís criminais baixo a dirección do coautor desta novela. Viviu en Londres durante un tempo. Foi directora dunha revista de divulgación cultural e colaborou en varias publicacións en A Coruña e Ponferrada como redactora e fotógrafa. Durante varios anos traballou nun cuartel da policía local. Gran lectora de todo tipo de xéneros, pero sobre todo de novela negra e de crimes. Actualmente estuda Criminoloxía e traballa no Concello da súa cidade natal. Esta é a súa primeira novela.

Vicente Garrido Genovés naceu en 1958. Graduouse en 1980 en Criminoloxía pola Universidade Complutense de Madrid, posteriormente doutorouse en Psicoloxía pola Universidade de Valencia, na que é profesor asociado de Psicoloxía Penal e de Educación Correccional. Completou os seus estudos cun posgrao na Universidade de Ottawa e desde 1991 é profesor visitante da Sociedade Británica de Psicoloxía da Universidade de Salford (Reino Unido). En España foi asesor da Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias e do Servizo de Rehabilitación do departamento de Xustiza de Cataluña, ademais exerceu como consultor de Nacións Unidas para a Prevención da Delincuencia Xuvenil en Latinoamérica. É autor de varios libros especializados en temas relacionados cos seus estudos e traballo, ademais de artigos en multitude de revistas. Actualmente dirixe un programa para delincuentes sexuais en varios cárceres. En 1998 colaborou coa Garda Civil na identificación e captura do asasino de cinco mulleres en Castellón, realizou o seu perfil criminal e trala súa detención actuou como perito para os tribunais. É colaborador habitual de varios programas de radio e televisión. Esta é a súa primeira novela de ficción.

En “Crímenes exquisitos” empezaremos coñecendo a súa protagonista feminina, a inspectora da policía Valentina Negro, que antes do seu ascenso ten unha participación central na detención en Vigo dun importante delincuente sexual. De aí pasaremos á campiña inglesa, no pobo de Withby aparece o cadáver de Patricia Janz, unha rapaza que é asasinada dunha forma brutal. O seu cadáver aparece coa cabeza separada do corpo e a boca chea de allos, recreando unha escena da novela “Drácula”, de Bram Stoker. E pasamos a A Coruña, a cidade onde transcorre a parte central da historia. Lidia Naveira, unha rapaza nova, filla dun importante home da cidade, é secuestrada. Aos poucos días aparece asasinada nun lago dun parque da cidade, e de novo o asasino recrea unha obra de arte, neste caso un cadro do pintor inglés John-Everett Millais. A inspectora Negro está agora destinada en esta cidade, onde vive co seu pai e o seu irmán, Freddy. Os seus pais tiveron un tremendo accidente de coche que tivo como consecuencia a morte da súa nai e que o seu pai viva nunha cadeira de rodas. É case unha novata na comisaría, pero por diversas razóns terase que encargar de dirixir o caso do secuestro e asasinato de Lidia, un caso complicado e que irase complicando cada vez máis. O asasino, ademais de sádico e cruel, é impecable, non deixa nin unha soa pista e as portas parecen estar pechadas desde o principio. Javier Sanjuán é un famoso criminólogo que ademais de dar clases na Universidade de Valencia, escribe libros e ten o seu propio programa de televisión. Casualmente está na cidade para dar unhas conferencias e a inspectora Negro acudirá a el en busca de axuda, coa idea de que realice un perfil do asasino e poida botarlles unha man co caso. Xunto a ela o inspector xefe Iturriaga, o inspector Carlos Larrosa e o subinspector Velasco, ademais dos axentes que traballarán con ela no caso. En Inglaterra temos tamén ao inspector xefe Gervais ou ao detective Keith Servant, gracias aos que poderemos ir relacionando un crime co outro dadas as grandes similitudes entre ambos. Un asasino en serie que opera en dous países distintos? Todo parece apuntar a esa teoría, pero non será fácil nin demostrala nin atopar pistas ao respecto. Ademais ao pouco de comezar a investigación empezarán a relacionalo todo con Pedro Mendiluce, un dos homes máis ricos da zona, seguido desde hai tempo pola policía como sospeitoso de gran cantidade de delitos, estafas, sobornos, trata de brancas e incluso do asasinato da súa propia esposa. Ao seu lado o seu sicario e home para todo, Sebastián Delgado, un sádico e brutal personaxe, capaz de calquera cousa para axudar ao seu xefe ou a si mesmo. E xunto a eles a avogada Raquel Conde, que ademais é a exmuller de Sanjuán, á que levaba tempo sen ver. E no medio o mundo do periodismo representado por Lúa Castro, unha reporteira sen escrúpulos e capaz de facer o que sexa con tal de conseguir unha exclusiva e o fotógrafo Jaime Anido, cortado máis ou menos polo mesmo patrón. E tamén teremos ao atractivo Cristian Morgado, o especialista en arte ao que recorrerán para tentar desentrañar as claves de varios dos asasinatos. Todos estes personaxes darannos unha historia chea de sorpresas que atrapará ao lector ao pouco de empezar a historia.

Novela negra no seu estilo quizais máis clásico en canto ao desenvolvemento da acción e nalgúns dos seus personaxes. Xoga á perfección con case todas as claves do xénero ademais de darnos unha serie de protagonistas e antagonistas moi ben deseñados e todos eles importantes para o desenvolvemento da acción. O fío central é impecable. O asasino en serie que opera cunha limpeza impresionante e que ten desconcertada á policía. A conexión do asasinato en A Coruña co que aparece en Inglaterra, con tal cantidade de similitudes que é imposible pensar que non poidan estar relacionados. Uns asasinatos tan impresionantes pola súa posta en escena como pola brutalidade dos mesmos, un relacionado coa literatura e outro coa pintura, e quizais haxa máis, claro está. Todos eles relacionados co arte nalgunha das súas expresións, algo que fará que o asasino sexa coñecido como o “Artista”.

Pero ademais teremos unha boa cantidade de temas máis ou menos secundarios relacionados directamente con este fío central. O mundo das drogas, a prostitución e a trata de brancas, a especulación inmobiliaria na cidade, os sobornos e a corrupción, abusos de menores, relacións sadomasoquistas, a prensa sensacionalista... Unha boa cantidade de temas que teñen case sempre detrás o ansia de diñeiro e poder, o destacar por riba dos demais e ser alguén importante. Todos estes temas teñen unha presencia importante dentro da historia e axudan en gran medida a acrecentar o interese pola lectura, por saber que máis vai pasar, que será deses personaxes e esas historias, como rematarán esas situacións. Non estamos so ante unha novela negra, senón ante un mundo sórdido, cheo de violencia e corrupción en case todos os campos.

Por outro lado a linguaxe usada é directa, violenta e tan brutal como a historia que nos van contar os autores. Unha linguaxe estudada para resultar diaria e simple ao mesmo tempo, onde os personaxes non se cortan un pelo e falan como o lector esperaría en cada momento. O sexo e a violencia están contados dun modo directo, tanto que nalgún momento pode resultar máis que desagradable, axudando a que poidamos imaxinar en todo momento á perfección tanto os momentos de dor ocmo os de pracer, que de ambos haberá na historia.

Gústame bastante a novela negra, sobre todo se é capaz de contarme unha historia que me enganche tanto polo que nos conta como polos personaxes que interveñen. O interese da lectura non decae en ningún momento, sempre está a pasar algo, pechando unhas portas e abrindo outras, tendo ao lector case sempre en tensión e preguntándose que pasará a continuación e por onde camiñará a historia, e sobre todo preguntándose quen é o asasino e por que fai o que fai. Todos os personaxes teñen a súa parte importante na historia que se vai ramificando en varias direccións pero que acaba converxendo nun final sorprendente e moi ben planificado. A historia discorre dun modo fluído, alternando varias accións e con cambios de lugar que fan que esteamos pendentes sen que nos perdamos en absoluto. Non é nada simple e ao mesmo tempo todo vai transcorrendo dun modo claro para o lector.

Pois gustoume moito. Nalgúns comentarios lin que algunhas persoas pensaban que era demasiado longa, que as súas máis de oitocentas páxinas parecíanlle algo excesivas. A min, tras rematala, non me deu a impresión de ter lido esa cantidade, é máis, pasóuseme moito antes que outras máis curtas porque creo que o interese da historia crece a medida que avanzamos. As distintas relacións entre os personaxes, as resolucións de certos temas ou a aparición de novos camiños na historia fan que te metas na trama case sen darte conta. Por algún lado lin que cabía a posibilidade de vela como unha primeira novela dunha especie de saga que supoño que tería como protagonistas aos dous centrais desta, Valentina Negro e Javier Sanjuán, se é así e son capaces de contarnos outra historia tan atractiva e entretida como esta espero por ela con ganas. Moi recomendable para os amantes do xénero negro, espero que vos guste tanto como a min.