sábado, 27 de febrero de 2010

Dexter

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=ej8-Rqo-VT4&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Rematei hai uns días de ver a cuarta temporada de Dexter, serie televisiva que supoño moita xente coñece e que considero das mellores que van pasando ultimamente polas televisións. Evidentemente non vou desvelar nada, porque aquí acaba practicamente de empezar no novo canal FoxCrime (no que creo que leva tres episodios) e supoño que en breve comezará en Cuatro, que é a que emitiu as temporadas pasadas. E para os afeccionados atentos para cando empece, porque pareceume a mellor das catro, a verdade, aínda estou algo desacougado e impresionado, unha maravilla.
Para os que non a coñezan conta a historia dunha persoa algo especial, Dexter Morgan. Un home que de pequeno, tras unha experiencia tremendamente traumática, é adoptado por Harry Morgan, un policía de Miami, que é onde se desenvolve a acción. O seu pai adoptivo coñece pronto as súas tendencias homicidas, a súa necesidade de matar (dille, “Cando o corpo te pida sangue, mata aos que son coma ti”), polo que trata de reconvertilas e encamiñalas cara a satisfacelas asasinando a asasinos, sempre respectando un rixido e severo “código” encamiñado por un lado á elección dos asasinados e por outro a que non o colla a policía, claro. Dexter é un membro respectado da sociedade, especialista en análise de rastros de sangue para a policía de Miami, técnico forense especializado e moi efectivo e meticuloso no seu traballo; é o perfecto cabaleiro, amable cos nenos e sempre respectando as convencións sociais que moitas veces non comprende. Esfórzase moito por simular emocións humanas que non sente e gardar as apariencias para aparecer como un ser humano socialmente responsable e comunicativo, ao que lle axuda moito a súa relación con Rita Bennet, unha muller con dous fillos que trata de recuperarse pouco a pouco da brutal relación que mantivo co seu exmarido. Tentando manter todo isto, o pasaxeiro oscuro que leva dentro, gracias as indicacións do seu pai adoptivo, canaliza esas necesidades homicidas buscando e asasinando brutalmente a criminais que conseguen escapar da lei por distintos motivos. Debra Morgan é a irmá adoptiva de Dexter, unha policía de homicidios, moi intelixente pero insegura da súa capacidade, polo que sempre recorre ao seu irmán para afianzar aquelo que pensa.
Evidentemente non estamos ante un personaxe moralmente impecable, estamos ante un asasino que queda “xustificado” polos seus traumas infantís, que é o que fai que poida aparecer como o heroe da serie, pero non nos enganemos, estamos a ver a un home que mata xente a sangue frío, sen demasiados remorsos. Este é un dos grandes méritos da serie. É unha historia salvaxe, dura e cruel. Consegue que simpaticemos cun home que mata (aínda que aqueles aos que mata sempre son moito peores que el, claro está), imos querer que se salve, que non o collan, que siga coa súa dobre vida, é toda unha pesadilla moral na que o “pasaxeiro oscuro” que Dexter leva dentro acaba atrapándonos na súa dinámica e na súa vida.
É impagable a voz en off do protagonista, sempre analizando as dinámicas sociais da xente entre na que se move, reflexionando sobre aquelo que non entende porque non é capaz de sentilo, e nesta cuarta temporada, na que ademais de pai adoptivo dos dous fillos de Rita ten un con ela, co que agora pasa por todas aquelas cousas que pasan os pais de recén nacidos, o cansazo, as horas sen durmir, levantarse de madrugada para dar un biberón ou calmar un xanto..., agora aínda parece máis preto de nos.
O protagonista, Michael C. Hall, gañador de varios premios por este papel, borda a actuación, tanto que sería complicado cruzarse con el e non sentir un arrepio. Recordo unha entrevista no programa “El hormiguero” no que o presentador, Pablo Motos, ao principio, recoñecía estar un pouco asustado, e non era broma, que se lle notaba.
Por último, por se alguén non o sabe, esta serie está baseada nunha serie de novelas do escritor americano Jeff Lindsay e das cales hai, de momento, tres publicadas en castelán: “Dexter, el oscuro pasajero”, “Querido Dexter” e “Dexter en la oscuridad”. Para todos aqueles aos que lles guste e serie recoméndolles encarecidamente a lectura das tres, aínda que so a primeira está directamente relacionada coa televisión. As novelas son moito máis negras, brutais e directas, o personaxe é moito máis oscuro se cabe que o televisivo, menos convencional e as reflexións e formas de actuar moito máis duras que na televisión, na que hai que manter un pouco máis as formas. De todos os xeitos, recomendo a súa lectura, tentádeo.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=LhURxapftd0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

jueves, 25 de febrero de 2010

Soldados de Salamina

Agora os nosos alumnos e alumnas de 4º teñen como lectura obrigatoria nesta segunda avaliación “Soldados de Salamina”, de Javier Cercas. Voulles dar algunha información tanto sobre o autor como sobre a súa obra e espero que, tras lela, apareza algún comentario sobre a lectura que están a realizar. A ver se vos vale de algo.
Javier Cercas naceu en Ibahernando (Cáceres) no ano 1962. En 1969 trasladouse coa súa familia a Girona, onde estudou cos Maristas. En 1985 licenciouse en Filoloxía Hispánica na Universidade Autónoma de Barcelona e máis tarde doutorouse. Desde 1989 é profesor de literatura española na Universidade de Girona. A súa cuarta novela, “Soldados de Salamina”converteuno nun autor recoñecido e moi lido. É colaborador habitual da edición catalana e do suplemento dominical de “El País”. É gañador de varios premios e a súa obra foi traducida a máis de vinte linguas.
A súa primeira obra é un libro de contos, “El móvil” (1987), despois escrebe “El inquilino” (1989), “El vientre de la ballena” (1997) e no 2001 a xa mencionada anteriormente. No ano 2005 publica “La velocidad de la luz” e no 2009 “Anatomía de un instante”. Ademais publicou ensaios, crónicas, coleccións de artigos e obras que comprenden textos de varios tipos.
“Soldados de Salamina” é unha novela plantexada como unha investigación histórica realizada polo propio periodista sobre un episodio da vida dunha figura real da historia española, o ideólogo da Falanxe e escritor Rafael Sánchez-Mazas, aquel no que este logra escapar de ser fusilado por milicianos, a búsqueda da identidade deste personaxe constitúe a trama central da obra.
O núcleo central é este personaxe, un escritor case olvidado ademais de fundador da Falanxe e como escapou do seu fusilamento. A Guerra Civil xa estaba rematando e as tropas nacionais están chegando a Cataluña. As tropas republicanas empezan a retirada e Sánchez-Mazas está preso en Barcelona. Consegue escapar de un fusilamento colectivo e cando saen na súa busca polo monte un miliciano anónimo atópao, pero lle perdoa a vida. O protagonista escapa e consegue axuda dun grupo de payeses, que ademais son desertores do exército republicano e todos se agochan no monte, contando coa axuda dos pais de dous deles. Ao rematar a guerra terá que axudalos, e non so a eles, senón tamén a amigos e compañeiros deles, aos que axuda a saír do cárcere.
O narrador é un Javier Cercas que non é o mesmo que firma o libro. Hai cousas do autor neste personaxe pero non son a mesma persoa. O narrador queda seducido polas historias dos superviventes, do olvido no que caeron todos os que morreron por defender as súas ideas, as de unha república legalmente instaurada. É un recordo de aqueles que non so non teñen unha rúa co seu nome en España, tampouco teñen unha pensión ou unha ficha limpa de antecedentes penais. É un recordo do medio millón de españois que tiveron que cruzar a fronteira con Francia ante a chegada das tropas nacionais.
A obra une a realidade e a ficción, todas as historias e os personaxes teñen a mesma forza e as veces Sánchez-Mazas non é máis que unha escusa para relatar outras historias, como a de Miralles, o excombatente ao que atopa nun asilo de Francia, a do escritor chileno Roberto Bolaño e, incluso a noiva de Cercas.
Todo isto aderezado cunha serie de reflexións sobre o autor literario, a obra, o traballo, o periodismo e unha serie de temas que se van desgranando pouco a pouco a medida que avanzamos na lectura e que nos descobre un mundo cheo de inxustizas e que da bastante que pensar. E todo motivado, en parte, por unha extraña entrevista inicial co fillo do que será o “protagonista” da historia, Rafael Sánchez Ferlosio.
A novela leva máis de trinta edicións e foi levada ao cine e estreada en España no ano 2003 polo realizador e guionista David Trueba, protagonizada entre outros por Ariadna Gil, Ramón Fonteseré, María Botto ou Diego Luna.
Espero que este breve resumo e comentario axude aos meus alumnos e aos que non o son a entender mellor a historia, e senón, para iso están os comentarios, que espero.

martes, 23 de febrero de 2010

"El símbolo perdido", de Dan Brown

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=9fPMlQWM1EM&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hai uns días un alumno meu de 4º da ESO preguntoume se lera “El símbolo Perdido” de Dan Brown. A verdade é que estaba entre as lecturas que tiña pensado facer en breve, pero tendo en conta a sorpresa de que alguén preguntara por unha novela que está lendo de xeito voluntario e porque lle apetece decidinme a ler esta novela antes do que tiña pensado, máis que nada por comentar con el, xa que cando me preguntou xa me dixera que lle estaba encantando. Normalmente leo por entreterme, pasar o rato e por iso, aínda que de vez en cando faga lecturas digamos máis “series” non son dos que escapan dos best-sellers polo mero feito de selo, nin moito menos, xa digo que unha das miñas prioridades cando leo e pasar o rato e olvidarme un pouco de todo, pero sempre buscando algo cun mínimo de calidade.
Debo dicir que non é Dan Brown un dos meus autores favoritos, pero é difícil escapar deste tipo de autores, sobre todo porque ao ser lidos por moita xente sempre dan algo que comentar. “El código Da Vinci” pareceume bastante entretida, sen entrar en cuestións de carácter relixioso, que sempre son un motivo para aumentar as ventas de certos produtos, e os libros non están exentos desa dinámica. Pola contra “Ángeles y demonios” pareceume bastante máis frouxa, incrible e excesivamente fantástica, dentro do xénero, bastante peor que a anterior, fácil, simple e incluso bastante “fantasma” no seu desenvolvemento final, case incrible. Unha das súas novelas que máis me gustou e anterior a que motiva este comentario foi “La conspiración”, un relato de intrigas lonxe dos temas relixiosos e simbólicos. Partindo do descubrimento dun meteorito no seo do Polo desenvolve unha historia entretida, moi movida, con algunha sorpresa e que, sobre todo, non repite o esquema das anteriores (ou da mesma da que estou a falar). Os personaxes son bastante cribles e a pesar de ser tamén algo esaxerada todo queda cun aire de verosimilitude que non lle queda nada mal, iso si, non deixa de ser un puro e duro entretemento, pero cumpre coa súa función.
Moi esperada era a publicación da súa última novela, e cumpriu as expectativas vendéndoa moi ben nos Estados Unidos, e o mesmo está a pasar por este outro lado do Atlántico.
A acción transcorre en Washington. O personaxe de Robert Langdon (que xa aparecía en varias novelas anteriores e que agora xa ten a cara para sempre de Tom Hanks) é convocado polo seu amigo Peter Solomon, masón, millonario, filántropo e o seu mentor, para dar unha conferencia no Capitolio. Descubrimos que Solomon foi secuestrado e a aparición dunha man tatuada con cinco enigmáticos símbolos cambia todo o que o protagonista esperaba. Vese atrapado entre as esixencias dun personaxe tremendamente perturbado e os representantes da CIA, sen saber moi ben a quen crer nin que crer. Coa axuda de Katherine Solomon, irmá do secuestrado e experta en ciencias noéticas (hai que ler o libro para saber que é iso, e aínda así...), Langdon ten doce horas para salvar ao seu amigo e ao mesmo tempo evitar que un dos secretos mellor gardados da historia caia en mans equivocadas. E como diría alguén, “ata aquí podo contar”.
Segue o mesmo esquema das novelas anteriores, ritmo trepidante, capítulos curtos que te deixan querendo saber que vai pasar a continuación e un montón (quizais neste caso demasiados) de claves, símbolos (algúns igual demasiado rebuscados e que hai que reler varias veces para comprender completamente) e misterios. Fai máis ou menos o mesmo de sempre, coller varios elementos da antigüidade e vai poñéndoos uns ao lado dos outros tentando montar un puzzle minimamente verosímil. A verdade é que ten bastante mestría para isto, porque o lector queda convencido, creo eu, de que todo é posible, factible e crible, polo menos eu que son dos que tentan crerse toda a ficción que len, senón para que. Temos os mesmos personaxes que no Código, Langdon (o máis listo, espabilado e áxil de mente que podamos coñecer), un personaxe feminino e un antagonista que se no caso anterior era un albino agora tamén ten unha serie de características que o apartan da “normalidade”.
Quizais o máis interesante da novela, porque a boa documentación non lla podemos negar, é todo o que podemos coñecer do mundo da masonería (que, polo que estiven vendo en comentarios e críticas resposta bastante fielmente a realidade deste grupo) e a historia dos edificios e monumentos de Washington, que son unha parte fundamental da historia; isto aderezado cuns criptogramas, obras de arte antigas, mención a moitos personaxes moi coñecidos de varias épocas históricas e algúns toques de altísima e novedosísima tecnoloxía (o Ipad ao lado do que teñen estes é un xoguete) é o que nos ofrece. Niso non engana a ninguén, cando collemos unha novela súa xa sabemos máis ou menos o que vamos atopar.
A isto lle engadimos un estilo sinxelo (demasiado quizais), sen case nada que comentar, simple e directo e fácil de ler para calquera tipo de lector, o que, para certos momentos nos que un non quere complicarse demasiado tampouco está nada mal. En poucas palabras, para pasar un rato entretido e sen ter que esforzar demasiado o cerebro, para iso, recomendable.
E xa, claro está, están a facer a película, ¿sabedes quen vai a interpretar ao protagonista ? O seu nome aparece un pouco máis arriba.

domingo, 21 de febrero de 2010

Boston Legal

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=JNUGUJ7cIPc&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Un dos tres temas fundamentais deste blog tamén é a televisión, así que imos inaugurar a sección televisiva falando dunha serie, “Boston Legal”. Foi un dos meus irmáns o que me a recomendou e tras ver case dúas temporadas e media non sei como se me puido escapar. A verdade é que paso con máis pena que gloria por algunha das canles nacionais, que creo que nin remataron de poñela enteira, unha magoa a verdade. Como a recomendación foi encarecida e a canle que a poñía, Fox, xa estaba a rematar coa quinta temporada tiven que buscar para poder conseguila, todos sabemos máis ou menos como, non vaia a ser.
Evidentemente é unha serie americana, que rematou hai pouco coa quinta e última temporada, advirto que é totalmente recomendable e imprescindible para aqueles aficionados que queiran ver algo intelixente, entretido e ben feito. Nun momento no que estamos inmersos nunha morea de series é difícil atopar algo distinto, con calidade e digno de ver.
“Boston Legal” é moito máis que unha serie de avogados, aínda que ao principio pareza iso. Advirto para aqueles que se decidan que hai que ver catro ou cinco capítulos da primeira temporada para quedar completamente enganchado a ela, porque ao principio as cousas parecen o que non son e pronto vemos como os personaxes teñen unha serie de matices, de cambios, de evolucións que merece a pena seguir. Poderíamos definila con tres palabras: perspicacia, intelixencia e unha boa dose de humor negro. Os personaxes son sólidos, con personalidade propia e ben diferenciada (o que fai que os contrastes sexan xeniais), sempre en guerra coa ética profesional e cuns casos case sempre comprometidos, o que, de paso, fai que incluso sexa recomendable para algunhas clases de ética, historia, sociedade, etc., xa que moitos deles poderían xerar boas debates, cargadas de polémicas e intercambio de puntos de vista. Os diálogos son tremendamente intelixentes e ben construídos, o ritmo non decae en ningún momento e a posta en escena é impecable. É un drama legal brillante, cheo dunha ironía que, de paso, está cargada dunha tremenda crítica á sociedade americana, a súa forma de pensar, de plantexarse as cousas, de facelas, das súa formas de pensar e actuar. Non é para nada a típica serie americana, cargada deses contidos propagandísticos, senón todo o contrario, non hai episodio no que non se poña en dúbida a maneira de actuar dos seus gobernantes, do seu sistema legal, social, médico, a verdade é que non deixan títere con cabeza e incluso, ás veces, é difícil saber como tivo o éxito que tivo alá, porque os pon a caer dun burro, a verdade. A través de intelixentes diálogos e dos casos que se presentan poñen sobre a mesa temas como a guerra de Irak, Guantánamo, as eleccións presidenciais, a violencia doméstica, o aborto, a eutanasia, as farmacéuticas, a pobreza, as desigualdades sociais..., sempre escondendo tras un velo de humor as máis fortes críticas e denuncias.
O sentido do humor roza en ocasións o surrealismo, con alusións directas ao espectador, guiños cinéfilos continuos, chistes sobre os actores, o desenvolvemento da serie, etc., hai que estar atento para pillalos, a verdade.
Os actores son xeniais, aínda que tres destacan por encima do resto. Temos a William Shatner (para os máis vellos, o capitán Kirk de “Star Trek”, bordando o papel dun avogado mulleriego, republicano ata a médula e afectado de alzheimer, borde, incluso maleducado e todo o contrario do que podemos considerar “politicamente correcto”, este é Danny Crane. Xunto a el o seu amigo de toda a vida, inseparables aínda que as súas formas de pensar sexan radicalmente distintas, pero amosando que o valor maior da verdadeira amistade é o respecto, o actor James Spader da vida a Alan Shore, os seus alegatos finais dos casos que defende poderían ser de análise en moitos dos campos do noso traballo, sempre ácidos, directos e críticos. Xunto a eles o terceiro en discordia é un personaxe feminino, interpretado por Candice Bergen, unha das socias fundadoras da empresa e que vai collendo un protagonismo merecido pola súa forma de ser e de traballar, é Shirley Schmidt. E ao redor deles unha serie bastante ampla de personaxes fixos que dan contrapuntos, pero que son imprescindibles para elevar a categoría da serie a “imprescindible”, de verdade.
Podería estenderme moito máis, pero creo que o mellor que podo dicir é que tentedes vela, son cinco temporadas, cuns vinte tantos episodios cada unha salvo a última que é máis curta, pero seguro que non vos vai a decepcionar, recomendable para todos, e seguro que ademais de faceros pasar un bo rato, vos fará pensar, xa o veredes.

sábado, 20 de febrero de 2010

El Palacio de la Medianoche

Lin “La sombra del viento” moito tempo despois de que fora todo un éxito de vendas, non por nada, simplemente coincidiu así. Non vai ser esta novela de Carlos Ruiz Zafón o motivo deste comentario, pero paréceme unha boa forma de comezar. A verdade é que me encantou a historia, a forma de contala e sobre todo as imaxes que conseguía plasmar coas súas palabras. Pouco despois decidín ler algunha das súas novelas anteriores, e a primeira foi “El palacio de la medianoche”. Xa vira que as súas primeiras novelas estaban consideradas case como “literatura xuvenil”, por iso afrontei a súa lectura como un paso previo para usala como lectura para algún dos grupos das miñas clases. Ademais era unha novela relativamente curta, pouco máis de duascentas páxinas, que é o primeiro no que se fixa o alumnado antes de enfrontarse á lectura.
É unha novela publicada no ano 1994 e é a súa segunda novela. A acción transcorre en Calcuta, no ano 1916. Conta a historia de dous bebés que son salvados por un home, que os entrega a súa avoa, que posteriormente pola seguridade dos mesmos, os separa. A acción trasládase ao ano 1932, no que Ben cumpre 16 anos e ten que abandonar o orfanato no que estivo a vivir, igual que o resto dos seus amigos, cos que ten un club que os mantén unidos ante todo o que lles sucede. Pouco antes de ter que marchar, coñece a Sheere, que lles conta misteriosas historias da súa propia familia que todos deciden investigar, perseguidos por un home misterioso.
Este sería, evidentemente, un resumo moi breve dunha historia chea de misterios, de situacións límite. Non deixa de ser unha máis que decente novela de aventuras bastante animada e entretida, con situacións que levan aos personaxes a demostrar a súa valentía e, sobre todo, o poder da amistade que hai entre eles tras todos eses anos no orfanato e o forte lazo que se establece coa nova personaxe feminina que aparece nas súas vidas.
Tras lela, considerei que sería unha boa lectura para algún dos meus grupos, non é demasiado complicada, a linguaxe utilizada é sinxela e ademais xa nesta segunda novela aparece ese estilo culto pero non de xeito esaxerado, usando fabulosas imaxes para describir situación, personaxes..., e toda a historia vai fluíndo dun xeito sinxelo e fácil de comprender. É unha lectura que me parece axeitada para estes alumnos e por iso é a que están a facer nestes momentos os meus alumnos de 3º de PDC. Como acaban de empezar aínda non podo dicir que é o que lles está a parecer, pero espero en breve aumentar este comentario con aqueles que eles me fagan ou os que poidan facer directamente neste blog (que é o que máis me gustaría, a verdade, a ver se o convertemos nun novo vehículo de comunicación para a nosa relacións).
A min persoalmente a novela gustoume bastante, o desenvolvemento da historia é rápido, todo transcorre en pouco tempo de xeito fluído e creo que consegue atrapar ao lector para ver como se van desenvolvendo as peripecias deste grupo heteroxéneo de personaxes, cada un coas súas características, cualidades e capacidades.
Xa vos direi que lles pareceu a eles, ou mellor, a ver se o din eles nos comentarios.

jueves, 18 de febrero de 2010

Reflexións para o profesorado de literatura

Acabo de ler no Faro de Vigo de hoxe unha entrevista a unha das miñas autoras favoritas, sobre todo polo entretida e ben documentada que é sempre, Matilde Asensi, con motivo da publicación da súa última novela, "Venganza en Sevilla". Vou reflectir literalmente as palabras que di ao remate da mesma, que son as que provocaron esta reflexión:
Periodista: "El número de lectores se ha incrementado, pero, ¿se enseña a los niños a amar la literatura?"
Matilde Asensi: "Desde que a una sobrina mía le hicieron leer "Olvidado Rey Gudú"... Quiero mucho a Ana María Matute y su obra me encanta, pero no para unos niños de 13 años. Se hace que odien la literatura. La literatura es un placer y hay que empezar por los tebeos, de chiquitines. Mira con Harry Potter si han leído... Y con la saga esa de los vampiros. Pregúntales sobre eso en los exámenes, ya verás cómo amarán los libros a muerte y acabarán leyendo a Matute, a mí o el Quijote"
Non habería moito máis que engadir. Como profesor de literatura sempre pensei que esa tendencia a obrigar ao alumnado a ler os clásicos era algo equivocada, sendo suave. Todos somos conscentes de que non contamos con grandes lectores e lectoras nas nosas aulas, e nos somos os que, moitas veces, conseguimos que sexan aínda menos lectores. Claro que nos gustaría que leran as grandes obras da literatura, pero hai que ser realista, facer iso non é máis que empuxalos a escapar da maravillosa aventura da lectura. Sempre pensei que se queremos conseguir bos lectores, aficionados á lectura temos que pensar naquelas obras que lles poidan gustar, que os poidan atrapar pola súa linguaxe, pola historia, pola forma de contala, e hai que darse conta de que os clásicos non están dentro destas ideas, polo menos para eles. O curso pasado os meus alumnos de 4º de PDC leron unha novela desta autora, "Tierra adentro", e quedaron, en xeral, encantados. A maior parte deles disfrutou da lectura, engancháronse coa historia e os personaxes, gustoulles moito. Se queremos que sexan lectores a medida que crecen temos que ofrecerlles cousas que lles poidan gustar e non historias que non teñen nada que ver con eles, nunha linguaxe que lles resulta retorcida, complicada e difícil de entender, ou polo menos mezclar unhas con outras, pero sempre buscando o entretimento, non a sesudez, a profundidade, a seriedade. Queremos lectores, non intelectuais, para iso xa terán tempo, non os levemos polo camiño de escapar da letra impresa, senón polo de acompañalos, indicarlles para que en certo momento eles sós poidan camiñar.

miércoles, 17 de febrero de 2010

Avatar

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=kbA9TfGphOI&w=560&h=349]

Hai uns días por fin me convenceron para ir a ver esta película. A verdade é que ao principio chamábame bastante a atención, parecía que tiña algo. Logo leín nalgún lado que visto o éxito xa dixera o señor Cameron que ía ser unha triloxía, e isto quitoume un poco as ganas de vela, a verdade, porque o negocio é o negocio, pero nun principio non estaba pensado así. De todos modos decidín darlle unha oportunidade e alá fomos. Primeiro o do 3D pareceume un pouco engorroso e incómodo, a verdade, ademais de que dame a impresión de que se perde un pouco de luminosidade, de claridade na imaxe, pero bueno, agora está de moda e parece que todo vale para atraer á xente ao cine, que tampouco es mala cosa. E agora a película. A verdade é que me decepcionou bastante, visto todo o que xerou, esa sensación de que había que vela, de que todo o mundo pasara polo cine xa. A maior parte dos meus alumnos e alumnas xa a viran, e todos coincidían en que "es una pasada, profe". Pois a pasada non a vin por ningún lado, pareceume simple, larga, plomiza, mal desenvolvida na historia e nalgunhas cousas increíble (xa sei, é ficción, pero eu son deses que van ao cine a crerse todo o que ven, a disfrutar). Na liña dos ultimos éxitos, case cine de fogueo, moito ruido e imaxes fantásticas, moreas de efectos especiais pero nada máis debaixo. Non logrou emocionarme en ningún momento, non me dixo nada, personaxes planos sen case nada que aportar, cando algúns deles poderían dar moito máis de si, a verdade. Non comento cousas demasiado concretas por non desvelar nada a aqueles que aínda non a viran (se é que queda alguén, claro).
E, por suposto, con todo o respecto, esta é unha opinión completamente persoal e subxectiva, claro.

O meu ebook

Antes de empezar a comentar algunha das lecturas que teño feito ultimamente quero contar que dende hai dous meses son un encantado posuidor dun ebook, en concreto un Papyre 5.1 co que estou encantado. As novas tecnoloxías, ás veces, son un instrumento xenial e outras non tanto, pero neste caso é unha das mellores cousas que teño mercado no campo das novas tecnoloxías. Aínda que están a popularizarse moitísimo, por se alguen non o sabe, é un aparatiño que serve para ler libros con gran comodidade. É certo que se perde o encanto do libro, da letra impresa, de pasar as páxinas; pero a comodidade que se gaña a cambio e enorme. Por un lado non pesa nada, podo levalo comigo a calquera parte metido nun bolsillo (cousa que con moitos libros sería imposible) e xa non teño que cargar con dous ou tres libros cando marcho de vacacións. Podo ler en calquer lugar, en calquer momento porque xa é un compañeiro inseparable. Levo varios libros comigo case sen enterarme, cando remato un non teño máis que navegar para ver que me apetece nese momento, porque son variados en temas, trascendencia, seriedade, así elixo según o meu estado de ánimo ou dependendo do tempo que teña. E deixamos para o final o mellor, o ben que se le, nunca tanto lera como agora, e iso que sempre fun un lector bastante constante que aproveitaba calquera momento para pasar unhas páxinas, pero agora a vista non se me cansa nada de nada, por un lado é o malo que ten, que iso de aproveitar un libro para combater o insomnio xa é agua pasada, porque non me canso, as páxinas van caendo dunha maneira relaxada e tranquila. De verdade que é algo completamente recomendable, a pesar do precio, que queda amortizado en seguida. A ver se as editoriais se deciden pronto a poñer á venda as súas obras en formato dixital, a un precio decente, claro, porque de momento o único problema é a falta de libros, pero supoño que todo se andará<img id="image556302" src="http://romeroig.files.wordpress.com/2011/05/papyre.jpg?w=150" alt="Papyre 5.1" align="left" /

A primeira

Hola a todas e todos. Como non sabía demasiado ben a que ía adicar este blog e non quería caer no de sempre e tamén tiña que pensar un poco en que podría servir para os meus (e os que non o sexan) alumnos e alumnas, pensei que sería algo interesante falar un pouco das cousas que estou a ler (aínda que xa sei que non é que contemos con grandes lectores nas nosas aulas), a ver no cine de vez en cando ou na televisión. Evidentemente isto non pretende ser unha páxina de crítica nin de valoracións profundas e serias. Non será máis que un xeito de contar que me parecen as cousas ás que adico parte do meu tempo libre. limitareime a dicir que me parecen, se me entreteñen ou non, se me fan pensar, para ben ou para mal, e, evidentemente, se me gustan ou non. Deste xeito espero que cando alguen o vexa se anime a ler esa novela, ver esa película ou seguir sea serie ou programa de televisión. ademais espero os vosos comentarios, lectores do blog, tanto os que estén dacordo como, sobre todo, os que non o estén, que non hai nada mellor que o intercambio de opinións. Así que en breve aparecerán as primeiras reflexións. Un saúdo a todos e espero por vos.