jueves, 23 de febrero de 2012

"O libro negro", de Orhan Pamuk




Sempre pensei que unha das mellores cousas que se poden regalar é un libro, tanto a maiores como a nenos. A novela que vou comentar hoxe chamoume a atención cando a vin no escaparate dunha librería e chegou as miñas mans gracias ao regalo dun bo amigo non hai demasiado tempo. Así que aproveito para darlle as gracias de novo desde aquí, el sabe moi ben que para min é un dos mellores regalos. Non é unha obra recente pero si na versión que lin, traducida ao galego por María Alonso Seisdedos e Bartug Aykam para a Editorial Galaxia a finais do ano pasado. O autor é Orhan Pamuk e a novela “O libro negro”. En castelán podedes atopala en Alfaguara ou en Debolsillo en edicións de anos anteriores. A novela orixinal é de principios da década dos noventa.

Orhan Pamuk é un autor nado en Istambul en 1952. Foi galardoado no ano 2006 co Premio Nobel de Literatura. Naceu nunha familia que vivía nun barrio occidentalizado da súa cidade natal, parecido ao que aparece nalgunha das súas novelas. Comezou a estudar arquitectura, pero deixouno tres anos despois para dedicarse á literatura. En 1977 graduouse no Instituto de Periodismo da Universidade de Istambul, pero nunca chegou a exercer. Entre 1985 e 1988 viviu en Nueva York, traballando como profesor na Universidade de Columbia. A súa carreira como escritor iniciouse a finais dos setenta. A súa primeira novela apareceu en 1982 pero comezou a ter importancia internacional con “El astrólogo y el sultán” (1985). Consagrouse con “Me llamo Rojo” (1988), unha historia de misterio, amor e reflexión filosófica que transcorre na súa cidade natal no século XVI. Foi levado a xuízo en 2004 por unhas declaracións nas que segundo acta “insultaba e debilitaba a identidade turca”, ao ano seguinte reafirmouse nas súas palabras e o proceso foi abandonado un ano despois. É un personaxe polémico no seu país (admirado por uns e traidor para outros) pola súa postura ante o problema armenio e kurdo en Turquía, defendendo os dereitos humanos. Por estas cuestións viuse obrigado a abandonar o país un tempo. Xa en 1995 fora xulgado xunto con outros escritores por ensaios nos que criticaba ao goberno pola súa política contra os kurdos. En 2007, tras recibir algunhas ameazas de morte, abandonou de novo o seu país. Un dos seus primeiros éxitos literarios internacionais foi a obra comentaba hoxe, “O libro negro”. É o primeiro turco que recibe un Premio Nobel, segundo a Academia como un escritor que “na busca da alma melancólica da súa cidade natal, atopou novos símbolos para reflectir o choque e a interconexión das culturas”. As súas obras foron traducidas a máis de corenta idiomas. A última, polo momento, é “El museo de la inocencia”, do ano 2008.

“O libro negro” céntrase nun personaxe na busca de outros dous e algunhas cousas máis, é unha viaxe pola cidade de Istambul, de día e de noite, unha busca non so de dúas persoas, senón da propia identidade do protagonista, do sentido da súa vida e dos seus obxectivos na mesma. Múltiples historias, situacións e lugares irán aparecendo ao longo desta case desesperada busca, ademais de gran cantidade de referencias históricas, culturais, relixiosas, sociais... Un conglomerado de cousas, de elementos ben engarzados e cunha reflexión de fondo entre a tradición e a modernidade dunha sociedade como a do nacemento do autor.

O protagonista é Galip que de repente un día descobre que a súa muller, Rüya, desapareceu. Ademais flota no aire a posibilidade de que o abandonase e marchara con Cêlal, un famoso cronista periodístico que ademais é primo do mesmo Galip. Recorre a cidade investigando, buscándoos, sobre todo a ela, días e noites cheos de aventuras personaxes e situacións estrañas. Tanto é así que incluso chega a tomar a identidade de Cêlal, vivindo na súa casa medio escondido e chegando a escribir as crónicas semanais que este publicaba. Galip é avogado, abandonado pola muller á que adora e que so lle deixa unha breve carta de despedida. Durante un tempo tenta manter a desaparición en secreto, dicíndolle á familia e amigos que está enferma, pensando que a atopará antes de ter que contar a verdade. Durante a súa busca relacionarase con gran cantidade de personaxes, cada un coa súa historia, relacionada sempre co pasado, o presente e o futuro da sociedade turca, vivindo nunha continua confrontación entre o mantemento das tradicións e a entrada da modernidade. Fascinante, por exemplo, a historia do fabricante de manequíns que reflicten aos propios habitantes de Istambul e que ninguén quere poñer nas súas tendas.

Outro dos protagonistas, as veces máis que o propio Galip, é a cidade de Istambul. Recorrerá as súas rúas, coñecerá as súas xentes e tratará con todo tipo de persoas e visitará todo tipo de barrios, dándonos así o autor unha imaxe completa da capital turca. A través dela coñeceremos a historia do país, os seus cambios, os seus edificios, a súa memoria, evocando grandes momentos do pasado. A novela está chea de anécdotas, de historias, de personaxes, de voces que nos axudarán quizais a entender algo mellor unha sociedade e un país non demasiado coñecido por nós. Quizais este sexa un dos problemas para chegar completamente á historia que nos conta Pamuk, polo menos para min, o case completo descoñecemento dunha sociedade, dun país e dunha historia que son un dos núcleos centrais da novela. Iso si, quedoume unha sensación algo triste sobre a cidade, dando unha imaxe un tanto sórdida, escura, sucia e decadente da mesma. Un recurso para axudar aínda máis á gran tristeza, soidade e intranquilidade que sente o protagonista no seu percorrido por ela.

O periodismo, a súa función, a forma de traballar, a súa repercusión e importancia dentro da sociedade é outro dos elementos fundamentais da historia. Podemos chegar a reflexionar non so sobre o que nos din as crónicas que aparecen dentro da historia, senón tamén sobre o que é ou debería ser o periodismo e o periodista dentro dunha sociedade como a actual. O autor irá alternando case desde o principio entre a historia contada por Galip e os artigos de opinión publicados por Cêlal, aínda que chegará un momento no que non teremos demasiado claro quen é o autor dos mesmos, se son os seus antigos artigos ou son os novos escritos por Galip para manter o misterio da desaparición.

A linguaxe usada é case poética, fascinante en moitos momentos e conseguindo que sexa dura en outros gracias a ese ton usado. Hai situacións que te golpean como se as palabra foran un mazo e outros nos que na evocación conseguida fai que sufras tanto ou máis que o protagonista. É unha novela de amor, Galip non se ve capaz de vivir sen a súa amada Rüya, que tanto lle custou conseguir e fará calquera cousa para atopala, enfrontándose incluso aos seus propios medos.

É a primeira novela que leo deste autor e a verdade é que me gustou bastante. Por un lado polo estilo e a forma de escribir e por outro porque a historia de Galip a verdade é que te vai atrapando pouco a pouco, a medida que vai camiñando polas rúas nesa busca que o levará por camiños, lugares e persoas insospeitadas, levándoo a facer cousas das que el no se cría capaz en absoluto. Nalgúns momentos, poucos, fíxoseme algo árida, quizais por esa falta de coñecementos que teño sobre o país, a súa historia ou a súa forma de vida, que pode facer que un pérdase un pouco e pase por riba dalgúns parágrafos (quizais volva lela nalgún momento, a verdade). Non é imprescindible ese coñecemento para afrontar a lectura, pero penso que si o é para chegar a entender perfectamente todas as intencións do autor. Aínda así a historia dese rapaz avogado medio fracasado polas rúas, tendas, locais e distintos espazos de Istambul atrapoume dunha forma que non esperaba ao principio. Hai un montón de personaxes curiosos, interesantes e sorprendentes, así como moitos momentos da historia que poderían recibir as mesmas cualificacións. Recomendada se queredes ler algo distinto e interesante, penso que merece a pena.

jueves, 16 de febrero de 2012

"Person of interest"



Volvemos hoxe ao mundo das series televisivas para comentar unha das últimas sensacións dentro das estreas americanas. Por alá está a ter bastante éxito, tanto de crítica como de público e por aquí as cadeas de pago levan un tempo con ela, e desde hai non demasiado tempo tamén se pode ver en TDT. A serie mantén o título americano en ambos casos, “Person of interest” (nalgúns países de fala hispana pódese ver como “Vixiados”) e podedes vela tanto en “Calle 13” como en “La Sexta”.

Imos dicir que orixinal non é demasiado, ten elementos de moitas outras e dalgunha película de hai uns anos, pero aínda así ten un desenvolvemento e un ritmo que fan que resulte atractiva para o espectador. Se a iso lle sumamos unha parella protagonista con bastante tirón e que chama a atención pola mistura de dous caracteres tan distintos atopámonos ante un produto moi entretido e con certos elementos que fan que destaque por riba da media. Rompe un pouco coa dinámica habitual das series de policías e das dese estilo, aínda estando relacionada con elas e ese é outro dos elementos que fan que chegue a un notable, se tivera que poñerlle nota.

Un dos elementos que xoga ao seu favor é a presencia como produtor de J. J. Abrams, un personaxe que se está a facer máis que coñecido no mundo do cine e a televisión, parece que todo o que toca achégase ao éxito. Xa son varias as veces que o seu nome aparece por este blog, “Perdidos” en televisión ou “Súper 8” no cine son dúas das máis coñecidas. Xa sexa como guionista, director ou produtor non podemos negar que é un dos personaxes de moda por aqueles lares e que empeza a ser máis que coñecido por estes porque case todo o que fai ten algo, sabe darlle un aire distinto a cousas que parecían esgotadas e está a renovar, creo eu, o mundo televisivo, sobre todo.

¿En que xénero podemos meter a “Person of interest”? Pois podemos dicir que é un thriller, unha serie de acción basicamente, coas súas persecucións, as súas escenas de loita ou de disparos, a súa intriga e case todos os elementos básicos do xénero. Pero a todo isto imos engadirlle algo máis, algo relativamente novo que é unha das cousas que lle da máis interese a cada episodio. Hai unhas semanas vimos na casa “Minority Report”, unha das películas de Spielberg que máis me gustaron por diversos motivos. A mesma centrábase no concepto de precrime, de deter aos criminais antes de que cometeran os seus actos delictivos gracias a tres personaxes que “soñaban” ese tipo de cousas antes de que se produciran. Naquel caso dos seus soños saían dúas bolas, unha co nome do asasino e outra co da vítima e con eses datos os policías tiñan que investigar para saber onde e cando ían ter lugar eses feitos. Aquí as cousas son algo distintas pero a base é a mesma, deter un posible delito antes de que se cometa.

Dous son os protagonistas principais e por aquí vai outro dos aspectos que lle dan máis interese á serie. Son dous personaxes completamente distintos, home de acción un e moito máis calmo e case eremita o outro. Arriscado e valente un, parece que nada pode paralo un e racional, case miedoso e calculador o outro. Así temos por un lado a Harold Finch, un misterioso millonario que desenvolveu no seu momento un programa informático para o goberno que controla absolutamente todo o que se fai, teléfonos, correos, cámaras, conversacións, que espía todas as vidas dos habitantes da cidade. Este programa é usado polo goberno para detectar grandes delitos ou actos terroristas, pero deixa aparte e eses son os datos que recibe Harold, outros delitos “irrelevantes”, de carácter menor pero que el non soporta que ocorran. O malo é que o programa en cuestión soamente lles da un número que terán que relacionar coa persoa, sen saber ademais se o elixido será a vítima ou o delincuente, algo que terán que ir descubrindo a medida que o investigan, son os elixidos, as “persoas de interese” que dan título á serie. Finch non sabe como solucionar estas cousas e para iso buscará a un home de acción, unha persoa especial que poida arriscar a súa vida tentando evitar eses delitos ou salvando á posible vítima. Buscando cos seus recursos informáticos descobre a John Reese, un misterioso home cun pasado escuro, exmilitar e que traballou con diversas axencias estatais como espía, asasino e algunhas cousas máis. John quere deixar atrás esa vida e vivir como se non existira. Ao principio móstrase algo reticente ante ese estraño traballo que lle ofrece, pero pouco a pouco vai descubrindo que salvar á xente é unha boa maneira de expiar as súas culpas e tranquilizar algo a súa conciencia. Non hai case nada que os deteña, Finch é todo traballo e intelixencia e John ten as mesmas características pero enfocadas de outro modo. Ao seu lado dous personaxes fixos máis que estarán a veces con eles ou na súa contra. O detective Lionel Fusco é un policía corrupto que será gañado por John para a súa causa a cambio de non metelo en máis problemas, será o seu contacto na policía, o que lle dea datos que algunhas veces non poderán conseguir ou botará unha man nas vixilancias, detencións e ese tipo de cousas. A detective Joss Carter é outra policía completamente distinta ao anterior, todo integridade, rixidez e cun alto concepto da xustiza; desde o principio dedicarase a investigar a John que sempre aparece como o home misterioso, implicado nalgúns delitos, aínda que nunca será capaz de demostrar que el sexa culpable, senón todo o contrario.

Os dous actores principais son máis que coñecidos e contribúen en gran maneira a que a serie supera a media de calidade neste tipo de producións. Os dous teñen uns papeis moi atractivos e tan distintos que a mistura entre ambos é dunha química estupenda. Por separado están moi ben, pero as escenas que comparten soben moito a nota. Un ven do cine, Jim Cazievel é John Reese. Saltou á fama coa polémica “A paixón de Cristo” e parecía que se ía instalar nun bo lugar neste medio, pero o resto dos seus papeis posteriores non confirmaron este éxito. Neste caso está moi ben no papel do home que quere reconducir a súa vida e o ofrecemento de Harold parece o modo perfecto de conseguilo. É un home torturado por esa vida anterior, da que en cada episodio iremos descubrindo algo máis ata facernos unha idea algo máis completa de como foi e como é realmente. O outro era un dos protagonistas dunha das series con máis éxito dos últimos anos, Michael Emerson, o inesquecible, misterioso e enigmático Ben Linus de “Perdidos”. Rompendo un pouco con esa imaxe de “malo” desa serie agora é completamente distinto, pero o seu papel é tan enigmático como antes. A verdade é que é un actor que enche bastante a pantalla coa súa presencia, os seus xestos, as súas caras capaces de expresar bastantes cousas en pouco tempo. Non vou negar que me gusta bastante e aquí está realmente ben, cun personaxe aínda máis enigmático que o seu colega. Ambos viven dentro da súa coraza que non quere que ninguén abra, e por moito que John investiga e vixía non é capaz de saber demasiado so seu misterioso xefe.

Outro elemento de interese da serie, os pasados dos dous protagonistas. Quizais máis claro o de John ou algo máis esperable e tópico, aínda así, como xa dixen, en cada episodio saberemos algo máis del e haberá algunhas sorpresas. Moito máis enigmático é o pasado de Harold Finch. Saberemos desde o principio que é o alma e creador do programa que nos vixía e que lle da os datos, pero non sabemos cal é a orixe desa enorme fortuna que fai que case nada poida poñérselles por diante, medios non é o que lles falta en ningún momento. Camiña con dificultade e algo ladeado, pero tamén sabemos porque o vimos en episodios anteriores, que non sempre foi así. Algo pasou, tanto a el como ao seu socio, que fixo que el tamén quixera desaparecer do mundo e vivir oculto, dunha forma misteriosa e sen que ninguén saiba quen é e a que se dedica. Estes datos do pasado son o fío condutor de toda a serie, o elemento común que como digo fai que esteamos máis pendentes e interesados.

Gústame bastante, en ningún momento decae o alto ritmo e esa intriga (aínda que a veces o sospeites) de non saber ata mediado o episodio se o elixido é a vítima ou o delincuente fai que a sigas con interese, porque vas descubrindo as cousas ao mesmo tempo que os dous protagonistas. A isto lle sumamos esa historia dos seus pasados que imos coñecendo pouco a pouco. As escenas de acción están sempre presentes máis dunha vez ao longo de cada capítulo, ben feitas e con bastante tensión. Como dixen ao principio non ten demasiados elementos innovadores pero ten suficiente intriga e ritmo para asegurar o entretemento nos pouco máis de corenta minutos que dura. Xa mencionei algunha vez a cualificación para algunhas de “serie de palomitas”, penso que esta está algo por riba, amena, entretida e tensa. Espero que vos guste.

E de paso, sabemos que programas informáticos parecidos existen, un pouco arrepiante, ¿non?

jueves, 9 de febrero de 2012

"Diario de inverno", de Paul Auster




Parece que pouco a pouco, aínda que moi lentamente, algo está a cambiar no panorama editorial no que se refire aos formatos dixitais e os propietarios de ebooks. Ven isto a conto da novela que vou comentar hoxe, xa que apareceu case quince días antes nestes formatos que en papel, e ademais a menor prezo do que ten neste momento. Creo que este tipo de ofertas poden animar pouco a pouco á xente a tomar en consideración esta xa non tan nova tecnoloxía á hora de ler. Xa sabedes por outros comentarios que eu son usuario de libros dixitais desde hai case dous anos e sigo a pensar que é un dos aparatos máis cómodos e útiles que podemos atopar neste momento. Non hai demasiado lía un artigo no que falaba de que os usuarios destes ebooks lían moito máis que antes de telos, o que da unha idea de por onde poden ir os tiros en non demasiado tempo. Foi un dos regalos máis comprados nas pasadas festas e coñezo a pouco xente que unha vez que ten un nas súas mans non cambie o punto de vista que tiña sobre os mesmos. Volvendo ao tema do libro de hoxe, non so apareceu en formato dixital antes que impreso, senón que tamén o fai antes no noso país que no de nacemento do autor, o que da unha idea do ben que se venden as súas novelas por estes lares, máis apreciado e considerado en Europa que en Estados Unidos. A obra de hoxe é “Diario de inverno”, de Paul Auster, dispoñible desde hai un mes máis ou menos como ebook e en papel desde hai uns poucos días. En castelán na súa editorial habitual, Anagrama, pero tamén se publica simultaneamente en galego, editada por Galaxia, que é a que nos deixou case todas as súas últimas novelas.

Cando vin que había novela nova de Auster quedou anotada nas que tiña que conseguir en canto aparecera. A verdade é que é un deses autores que estarán sempre entre os primeiros nas miñas preferencias, todas as súas novelas (unhas máis que outras evidentemente) gustáronme moito, sempre teñen algo que dicir, algo sobre o que reflexionar, algunha idea que fará que lle deas voltas canto remates a lectura e, ao mesmo tempo, unha marabillosa forma de xogar coas palabras, de escribir, un estilo que sempre me sorprende e que non deixa de chamarme a atención. As súas novelas e consideración parecen estar moito máis altas en Europa que no seu país de orixe e esa é a razón de que apareza por aquí moito antes que por alá. A súa anterior novela apareceu comentada xa aquí, “Sunset Park”, unha das que máis me gustaron, sobre todo tendo en conta que a anterior, “Invisible” non estará entre as miñas favoritas. Como non hai demasiado que apareceu por aquí vou aforrar a recensión biográfica porque ademais neste caso no seu lugar o recomendable é dicir que leades esta nova obra, será unha forma moito mellor de coñecelo que o que eu poida poñer aquí. En canto apareceu na páxina onde merco algúns libros non fun capaz de resistirme nin esperar, merqueina hai uns días antes de que aparecera e ao pouco tempo xa a tiña no meu Kindle, lista para ser lida e, sobre todo, disfrutada, porque me encantou.

“Diario de inverno” non é exactamente unha nova novela de Auster, senón que é Auster en estado puro, moito máis do que podemos atopar en calquera das súas obras anteriores. Non estamos ante unha historia de ficción, con personaxes creados polo autor e con situacións inventadas. Neste caso será Paul Auster o que nos falará de si mesmo, da súa vida, das súas cousas, dos seus medos, alegrías, tristezas e un montón de cousas máis. Non estamos ante unha biografía nin unha historia da súa vida, tampouco ante unhas memorias exactamente, non é demasiado sinxelo de clasificar, porque ten elementos de todo isto que mencionei e algunhas cousas máis.

“Pensas que nunca te vai pasar, imposible que te suceda a ti, que es a única persoa do mundo a quen nunca ocorrerán esas cousas, e entón, unha por unha, empezan a pasarte todas, igual que lle sucede a calquera outro.
Os teus pes descalzos no chan frío canto te levantas da cama e vas á fiestra. Tes seis anos. Fóra cae a neve, e no xardín as polas das árbores están a poñerse brancas”

Auster parece pensar que está na última etapa da súa vida, que chegou o inverno da mesma (daí o título), que unha porta pechouse e outra, quizais a última vaise abrindo pouco a pouco. Preguntándose cantas mañás lle quedan empezará a recordar momentos da súa vida, uns moi importantes e outros quizais máis anecdóticos, pero todos eles teñen que ver co que é neste momento. É unha historia sobre todo de sensacións, de impresións, de cambios, do seu traxecto e o seu camiño pola vida que considera que, ao fin e ao cabo, non é demasiado distinto do que poden percorrer o resto das persoas. Conta que a idea para este libro apareceu hai uns dez anos, nun dos peores momentos da súa vida. Sufriu un ataque de pánico que foi un susto realmente grande e que o deixou máis que pensativo, sen saber moi ben por que. Varios feitos influíron, pero foi días despois dalgúns deles e nunca lle atopou unha explicación racional. A súa nai morreu de forma repentina, semanas antes tivo un grave accidente de coche en compañía da súa familia e varios problemas físicos tras unha viaxe promocional a Dinamarca. Estas e algunhas cousas máis fóronse xuntando sen que el fora demasiado consciente ata chegar a unha situación que le resultou violenta e aterradora, percibindo que algo estaba a cambiar dentro del, pero aínda hoxe e tras escribir este libro non o entende completamente. Esta nese momento da súa vida no que te fas maior e pásanche cousas que non entendes demasiado ben, quizais usando moitas veces esa frase que di “é que antes eu non...”

Imos coñecer os seus traumas, as súas debilidades e medos vistos sempre a través das experiencias da súa vida pero sempre contado desde unha segunda persoa que o lector sabe que é o mesmo Auster, pero iso dálle unha certa distancia á hora de contar as cousas, case máis como unha testemuña que como o protagonista de todas esas cousas que van pasando, como se véndoas desde fóra lle resultara máis sinxelo contalas. A verdade é que é unha especie de biografía non exactamente de feitos, senón máis de sensacións, de como as cousas influiron non so na súa forma de ser, senón tamén na súa forma de ver e afrontar a vida. Algunhas máis serias e profundas que outras. Cousas da súa infancia e dos seus pais, sobre todo da súa nai. As súas primeiras experiencias sexuais que o levaron na adolescencia a bater “o record americano de masturbación entre 1961 e 1962, categoría masculina” e irán aparecendo todas as mulleres da súa vida. A súa complicada relación coa que sería a súa primeira esposa e a aparición na mesma de Siri Hustvedt, a súa actual parella e fundamental na súa vida. Leremos un listado dos máis de vinte apartamentos, pisos ou casas nas que viviu ao longo deses 64 anos, como eran, pero sobre todo as sensacións que veñen á súa mente cando as recorda. Coñeceremos moitos dos momentos máis complicados da súa vida, a morte dos seus pais, do seu padrastro ou doutros familiares máis ou menos directos e como as foi afrontando e que supuxeron para el. Os anos que viviu en Francia, as súas viaxes, que lle levou a escribir...moitas cousas concentradas en algo máis de duascentas páxinas. Un libro sobre os bos momentos e a dor que sentiu e sente vivindo dentro do seu corpo.

Xa dixen que disfrutei enormemente da lectura. Non creo, como din algunhas críticas, que sexa unha obra para fans de Auster. É evidente que si un é o seu seguidor e le o libro descubrirá moitas cousas sobre el, pero tamén verá, como se podería supoñer, canto da súa vida hai nas súas novelas, cantos personaxes son el mesmo ou algunhas das persoas que apareceron en diversos momentos da súa vida. Quizais incluso poida axudar a entender moito mellor algunhas das chaves das súas historias. É, penso eu, un relato valente onde case se desnuda en moitos casos ante o lector (ou ante si mesmo) contando momentos realmente dolorosos da súa vida, pero sobre todo contándonos como se sentiu, que sensacións tivo no seu corpo e na súa cabeza ante todos eses momentos. Para os que non tiveran contacto coa súa obra creo que é unha boa maneira de empezar a facelo, non penso que sexa imprescindible ter lido algunha para poder entender e disfrutar desta historia que pode facernos reflexionar sobre moitos aspectos das nosas vidas e de como afrontamos certas cousas, descubrindo que a gravidade coa que vemos algunhas a veces debería de ser menor e valorar realmente as cousas importantes. A min gustoume moito e non creo que tarde demasiado en volver a lela, fíxoseme demasiado curta e creo que gañarei algo máis cunha segunda lectura. Recomendable para todas e todos, seguro que ten algunha cousa que dicirvos. Deixo este comentario cunha das frases que máis quedou na miña cabeza, unha idea que deixa escrita e logo explicará, pero para poder entendela completamente teredes que lervos este “Diario de inverno”: “Hai que morrer inspirando amor (se se pode).