jueves, 26 de septiembre de 2013

"El día D. La batalla de Normandía", Antony Beevor

Este ano tocou ir de vacacións á rexión francesa de Normandía. A verdade é que apetecíame moito, tanto porque tiña pinta de merecer a pena como pola miña afección á Segunda Guerra Mundial. Gostounos moito, visitamos museos varios, memoriais, o impresionante cemiterio americano e as praias do desembarco, onde era sinxelo imaxinar as cousas que pasaron naqueles anos. Por outro lado hai un tempo tachei ao meu cuñado de friki cando puxo nunha rede social unha foto do libro que estaba a ler, un gran volume titulado “La Segunda Guerra Mundial” de Antony Beevor. Esta dobre introdución ven a xustificar un pouco o comentario do libro que vos deixo nesta ocasión, que non é exactamente unha novela ao iso nin un volume histórico, pero que pode lerse como se fora unha boa mistura entre ambos xéneros. O autor é o mencionado anteriormente, especializado en estudos sobre esa época histórica. A anterior quedará para outro momento, pero neste caso a que lin foi “El día D. La batalla de Normandía”.


Saint-Marie-Eglise
Antony Beevor é un historiador británico con varios libros que teñen un gran éxito de ventas entre todo tipo de lectores. Nado en 1946, estudou no Winchester College e na Real Academia de Sandhurst, onde tivo como profesor a outro notable historiador, John Keegan. Foi oficial do 11º Reximento de Húsares do Exército Británico, pero en certo momento deixouno para dedicarse á historia e á publicación de varios libros, centrados case todos eles na época da Segunda Guerra Mundial. Algunhas delas controvertidas, pero todas innovadoras na forma de achegar os feitos ao lector. É autor, por exemplo, dunha historia sobre a Guerra Civil Española (2005) que recibiu algunhas críticas por parte de certos sectores. Para as súas obras sobre a batalla de Stalingrado ou a caída de Berlín tivo acceso a arquivos soviéticos que ata o ano 1991 foran inaccesibles para os investigadores, dando gran cantidade de novos datos sobre estes feitos. As súas obras máis coñecidas e con grandes cifras de ventas son “Stalingrado” (1998, 2004 en España) e “Berlín. La caída” (2002, 2006 en España). Polo primeiro deles recibiu varios premios. Cunha linguaxe brillante, precisa e, sobre todo, amena para o lector. Unha das súas características principais é que non soe quedar cun dos bandos, senón que conta case do mesmo modo os feitos que afectan a todo o conxunto, case sen defender nin atacar a ninguén, buscando a maior imparcialidade posible. Lendo as súas obras un pode facerse unha idea bastante completa e veraz dos acontecementos, que son contados dunha forma bastante neutral. A súa obra sobre a caída de Berlín recibiu fortes críticas por parte de historiadores dalgúns países, sobre todo Rusia, tachando a obra incluso de calumnia por contar as tremendas atrocidades cometidas polo exército soviético no seu avance cara a esta cidade e durante a toma desta, chamándoo incluso neonazi. El deféndese dicindo que todo aquilo que conta está documentado antes e que non se inventou nada. Ademais das mencionadas ten obras sobre a illa de Creta durante a guerra, París despois da liberación ou “El misterio de Olga Chejova”, todas elas publicadas en castelán por diversas editoriais. A última polo momento é “La Segunda Guerra Mundial”, do ano 2012 e editada por Ediciones Pasado y Presente, unha obra moi extensa que teño na lista de pendentes para algún bo momento.

Playa de Omaha
“El día D. La batalla de Normandía” aparece en castelán no ano 2009, editada por Editorial Crítica. Empecei por esta porque dentro de historia da Segunda Guerra Mundial era unha parte que coñecía a grandes rasgos e interesábame bastante. Sobre todo tras, como dixen ao principio, visitar este verán toda esa zona e ver as grandes praias nas que se produciron estes feitos, así como a maior parte de cidades e pobos que foron tomados polas forzas aliadas.

Playa de Utah
Imos coñecer todos os feitos que se deron ao redor do desembarco, do famoso día D que cambiou o signo dunha guerra que parecía tomar outro camiño. Desde os primeiros preparativos ata chegar á entrada das tropas aliadas en París e a súa liberación. Coñeceremos os enfrontamentos entre os que decidían o destino deses días, Churchill, De Gaulle, Eisenhower, Patton, Montgomery e os que máis sufriron a guerra, todos os soldados das distintas nacionalidades que participaron dun modo ou doutro nestes feitos. Iso si, coñeceremos tanto aos que o fixeron do lado aliado como do lado alemán. Como dicía antes non se queda a obra nunha exaltación das forzas liberadoras, senón que teremos o punto de vista de todos os bandos, de todos os que participaron nunha das batallas máis fortes, continuas e duras de toda a contenda. Coñeceremos os grandes e os pequenos feitos. As rivalidades e enfrontamentos dos políticos e dos xenerais, pero tamén moitas historias de soldados e oficiais de distintos rangos que Beevor recolleu de distintas fontes. Ademais non vai ser unha continua narración das barbaridades que cometeron os soldados e oficiais alemáns. Como dicía antes procura ser o máis neutral posible e contar todo aquilo que el considera que foi certo. Leremos como tamén, na súa furia guerreira, os solados aliados tamén realizaron actos completamente reprobables e brutais, algo que evidentemente podemos supoñer tendo en conta a realidade da época. Como se viron inmersos nunha espiral de violencia e brutalidade contra ese exército alemán que pretendían expulsar de Francia de calquera maneira e a calquera prezo. Leremos como os bombardeos aliados deixaban caer os seus proxectís sobre cidades arrasándoas, matando a unha gran cantidade de poboación civil que non foi consciente seguramente do que se lles viña enriba. Como estes exércitos consideraban en moitos casos que o fin podía xustificar os medios e calquera cousa valía para o obxectivo que tiñan. Non todo é tan sinxelo ou case idílico como vimos ao longo destes anos no cine ou na televisión e todos, en maior ou menor medida terán algo que reprocharse. Como a aceleración ou as ganas de avanzar a calquera prezo provocaron que incluso algún destes bombardeos caeran sobre tropas aliadas, acabando con divisións enteiras e algunhas cousas que é mellor ler. A min resultoume apaixonante e moi interesante.

¿Como nos conta todos estes feitos o autor? Evidentemente non é unha novela histórica, é unha obra sobre unha época determinada da historia e centrada nuns feitos precisos tanto no tempo como nas persoas que interviron neles. A verdade é que sen ser unha novela case se pode ler como se fora ficción, como se estiveramos ante a típica novela histórica pero con certos elementos que a distinguen. Loxicamente a presencia do diálogo é escasa, salvo para reflectir certas situacións importantes. Pero isto non quita que podamos lela con moito agrado, con gran fluidez e dun modo moi entretido. Incluso nalgunhas partes onde predomina un pouco a estratexia militar non nos perdemos nin deixamos de entender as cousas, os movementos das tropas ou os problemas e avantaxes que tiveron. Todo está escrito dunha forma entretida e discorre ao longo das páxinas sen resultar pesada en ningún momento para o lector. Mesturando as grandes historias dos grandes personaxes do momento con outras evidentemente menos coñecidas e protagonizadas por personaxes moito máis anónimos. Momentos de heroísmo, de complicidade, de forte e descarnada violencia, case nada lle debe quedar por contar. Con todo isto podemos facernos unha idea case perfecta de como foron os momentos previos ao desembarco, como se desenvolveu este e como se foron movendo as tropas cara aos distintos obxectivos da zona ata chegar a París. Ademais poñendo ante nos non so as grandes vitorias ou derrotas dos aliados, senón que como quere dar unha visión completa, tamén teremos momentos para coñecer como se desenvolveron os exércitos alemáns. Pequenas historias de heroes, de soldados e oficiais, dos paracaidistas que se lanzaron sobre terras francesas os primeiros días, de soldados e oficiais alemáns, historias das persoas que vivían en Normandía e que tanto sufriron os horrores e penurias da guerra. A verdade é que tras rematar a lectura quedei coa sensación de ter lido algo moi completo e ao mesmo tempo enterándome das cousas dun xeito agradable e entretido. Creo que é recomendable para todos, coñecer ese preciso momento que cambiou, posiblemente, o futuro non so de Europa, senón de todo o mundo.





domingo, 1 de septiembre de 2013

"Elementary"



Hai personaxes, sobre todo saídos do mundo literario, que pasaron innumerables veces pola televisión e o cine. Algúns deles teñen tal cantidade de matices e unhas características tan atractivas que o resultado ao pasar á pantalla sempre soe ser bo, ou en ocasións, moi bo. A serie que vos deixo hoxe parte dun deses coñecidos personaxes literarios, posiblemente, senón o que máis, un dos que en máis ocasións foron trasladados ao mundo audiovisual. Foi creado a finais do século XIX por Sir Arthur Conan Doyle, fácil darse conta de que falamos de Sherlock Holmes, adaptado esta vez nunha serie americana da que estamos a ver a primeira temporada, “Elementary”, e que ten pendente de estrea por alá a segunda, así que está a ter un certo éxito, que as cadeas non se cortan un pelo en eliminalas se non teñen a audiencia esperada.

En decembro de 2010 comentaba por aquí a serie anterior que tiña como protagonista ao mesmo personaxe, inglesa neste caso e da BBC que de momento ten dúas temporadas de tres capítulos cada unha (moi breves as mesmas, pero cada un é unha historia de cine cunha duración de hora e media) e da que estou esperando con ganas a terceira. Un Sherlock moderno, que usa as novas tecnoloxías e algo máis serio, máis profundo e máis preto quizais do orixinal. A serie ten moita clase e unha gran calidade e unhas interpretacións que están moi por riba da media. O seu actor principal, Benedict Cumberbatch, está agora aparecendo moito no cine e é un dos actores máis cotizados do momento, soando incluso para unha versión de Frankenstein que dirixirá Guillermo del Toro.

“Elementary” podería ser vista como a tentativa americana de emular a serie anterior, pero creo que lles quedou algo distinto. Xa direi se mellor ou peor máis adiante, aínda que penso que a resposta a esa pregunta sería simplemente que sendo algo parecido é distinto en moitos sentidos.

Atopámonos agora cun Sherlock que vive en Nova York e que acaba de saír dunha clínica de desintoxicación pola súa afección ás drogas. O pai de Holmes contrata ao doutor Watson, que neste caso é unha doutora (quizais un elemento máis para distinguila da inglesa e unha tentativa de modernizar un pouco ao personaxe) para que sexa á súa vixiante ante unha posible recaída tras rematar o tratamento na clínica. O protagonista segue a ser o mesmo, afeccionado aos crimes, baseándose no pensamento dedutivo, prepotente, faltón e cuns grandes aires de superioridade que o fan estar moi por riba do resto dos mortais, a medio camiño entre ser un maleducado e un xenio. Traballará co capitán Toby Gregson como asesor para axudalo na resolución daqueles casos que teñan algún elemento especial, distinto ou que poidan resultar de difícil resolución. Pouco máis se pode dicir dos argumentos ou da historia. Os capítulos son independentes, polo menos de momento, e teñen en común a estes personaxes máis un caso criminal que terán que resolver. A maior parte dos casos sempre con algo curioso, con algún elemento que conseguirá manter a atención do espectador.


No que se refire aos actores teño que dicir que non están nada mal. Jonny Lee Miller fai de Sherlock Holmes. Ademais dalgúns papeis de cine descubrín a este actor nunha serie de hai uns anos que me gustou bastante, aínda que foi desas que cancelaron sen rematar e que nos deixou con algo de mal sabor de boca. Era unha serie de avogados pero con algúns elementos especiais que a diferenciaban un pouco do resto, refírome a “Eli Stone”. Dúas temporadas dun avogado que tiña un aneurisma cerebral que lle provocaba alucinacións, sobre todo de tipo musical e con casos que resultaban entretidos, simpáticos e interesantes. Aquí da forma a un Sherlock desastrado, despreocupado por completo do seu aspecto ou a súa propia vida, acelerado, prepotente e cheo de tics que poden desquiciar a calquera. É un actor que me gusta bastante e aquí está moi ben. Pode resultar algo esaxerado nalgún momento con tal cantidade de xestos, de movementos continuos pero ao mesmo tempo é un personaxe que se fai simpático para o espectador. Vai ser un personaxe completamente distinto, por exemplo, ao da BBC, por iso dicía antes que era un intento de copia de facer algo parecido e ao mesmo tempo suficientemente distinto para non parecer unha mera copia. Gústame este Sherlock, aínda que recoñezo que para os máis puristas poida parecer algo esaxerado. Aínda así a súa forma de actuar, de traballar e de comportarse mantén en liñas xerais o que podemos esperar do mesmo. Lucy Liu será a súa vixilante e acompañante, facendo o papel da doutora Joan Watson. Unha cirurxiá que tivo un problema nun quirófano e deixou o seu traballo como doutora para dedicarse a acompañar a drogadictos rehabilitados e axudalos no seu proceso, ademais de vixialos. É unha actriz que nunca me gustou demasiado, a verdade, e á que teño visto máis dunha vez no cine. Agora cambio un pouco de parecer e creo que aquí está bastante ben e ata me convence. O seu personaxe vai evolucionando pouco a pouco da preocupación polo seu paciente á fascinación polo que fai, dándonos un Watson que cada día axuda máis a Holmes pero que ao mesmo tempo vai sentirse moi atraída por el e sobre todo polo que fai. O outro papel importante e fixo é o do policía ao que axudarán, outro coñecido actor de cine que sempre me gusta, Aidan Quinn.

Para min, en canto a calidade, a serie non está á altura da inglesa, pero ao mesmo tempo ten suficientes elementos para resultar atractiva e entretida, polo que en casa gusta bastante a todos. Os personaxes teñen tal atractivo que, como dixen, é difícil non facer algo decente con eles. Os casos resultan sempre interesantes e fan que esteas dándolle voltas para tentar saber quen é o asasino antes que eles. Teñen tamén as suficientes doses de humor, provocadas sobre todo polo personaxe central e a súa prepotencia e autosuficiencia, para que non resulte lenta nin aburrida. É sinxelo rir máis dunha vez ante as súas deducións, as súa afirmacións ou as súas preguntas aos sospeitosos durante unha investigación. Vive fascinado polos casos e os sospeitosos, esa é a súa nova droga e cae nunha profunda apatía e desesperación cando non ten un novo desafío ante el, que é o que o mantén vivo e atento. Quizais o gran defecto das historias é que teñen que concentrarse nos pouco máis de corenta minutos que dura o capítulo, xa que como dixen son independentes uns dos outros. Iso fai que a veces a resolución do caso sexa demasiado rápida, acelerada e repentina. É evidente que o máis interesante e entretido é todo o proceso de dedución, as pistas e a investigación, pero a veces, como xa sabes que apenas quedan cinco minutos, sabes xa que se vai resolver inmediatamente.

Gústame a serie, está ben feita e ben interpretada, os desenvolvementos dos argumentos son sempre interesantes e manteñen a atención, buscando algo especial e distinto aos de sempre, algo que conseguen a maior parte das veces. Os actores están realmente ben e contribúen a elevar o ton xeral da mesma, que tamén é importante. Creo que é unha versión algo máis lixeira que a inglesa, que busca máis o mero entretemento que a calidade, pero aínda así merece a pena. Non creo que vos decepcione se vos poñedes a vela, no noso caso non o fixo.