martes, 29 de octubre de 2013

"La verdad sobre el caso Harry Quebert", Joël Dicker


Parece que a novela negra está pasando unha boa época nestes últimos anos. En case todos os países están a aparecer novos autores que lle dan un novo aire a un xénero dos máis traballados en todas as literaturas do mundo. Sempre fun bastante afeccionado a este tipo de historias, pero a tiña un pouco de lado, algo cansado de ler case sempre o mesmo, sen demasiadas aportacións que fixesen que collese algunha destas novelas. Por aquí nestes últimos meses van aparecendo varias, e todas elas gustáronme. Case todas xogan cos tópicos do xénero, pero a maior parte dánlle algo máis, xa sexa cos personaxes, na historia ou en como a conta. Esta de hoxe chegoume, de novo, por recomendación do gran lector que é meu pai, creo que senón se me pasaría. Cando esta a a ler descubrín que foi unha das sensacións editoriais deste verán, con importantes cifras de ventas e boas críticas en xeral. A min gustoume bastante, así que o autor de hoxe é Joël Dicker e a novela “La verdad sobre el caso Harry Quebert”.

Joël Dicker naceu en Xinebra en 1985, fillo dunha bibliotecaria e un profesor de francés. Pasou a infancia na súa cidade natal e nunca se sentiu demasiado atraido polos estudos. Aos 19 anos recibe clases de actuación nunha escola de París e despois volve a Xinebra para estudar Dereito, graduándose en 2010. Aos 10 anos fundou unha revista sobre naturaleza, que dirixiu durante sete anos, “La revista de los animales”, pola que recibiu un premio á protección da natureza e foi nomeado editor xefe máis novo de Suíza. Aos 20 anos recibe o Premio Internacional para Xóvenes Autores Francofalantes por un conto de ficción, “El Tigre”. Este éxito animouno a seguir escribindo., rematando en 2009 a súa primeira novela, “Los últimos días de nuestros padres”, aínda que non conseguiu editor. En 2010 participa no “Prix des Ecrivains Genevois”, premio que se entrega cada catro anos para obras sen publicar, resultando gañadora do mesmo. Tras varios problemas a novela foi publicada no ano 2012 en Suíza e Francia con bastante éxito e foi homenaxeada na conmemoración do Día D. En 2012 tamén aparece a súa seguinte novela, a que da lugar ao comentario de hoxe, pronto traducida a 33 idiomas e gañadora de varios premios: Premio Goncourt des Lyceens, o Gran Premio de Novela da Academia Francesa ou o Premio Lire á mellor novela en lingua francesa.

“La verdad sobre el caso Harry Quebert” vainos contar unha historia que contén moitas outras. Non quero contar demasiado porque unha das mellores cousas que ten é a cantidade de sorpresas, de xiros inesperados, de personaxes equívocos e de situacións cambiantes que ten. Por un lado temos ao personaxe que da título á novela. Harry Quebert é un reputado escritor americano, profesor de Universidade xa nos seus últimos anos e que vive en Aurora, un pobo de New Hampshire. Por outro lado temos a Marcus Goldman, discípulo antes e gran amigo de Harry agora. Marcus alcanzou gran fama coa súa primeira novela, diñeiro, festas, mulleres, todos os meles do éxito rodearon a súa persoa durante moito tempo. Agora o seu editor mételle presa para que presente a súa segunda novela, hai que aproveitar o tirón da primeira para conseguir unha boa cantidade de ventas, que é o único que lle importa. Pero Marcus está a pasar verdadeiros problemas para enfrontarse de novo ao folio en branco, o medo a non ser capaz de escribir outra obra de éxito, o non saber nin como nin por onde empezar..., un tormento que non se ve capaz de afrontar so. Ante esta situación decide marchar a Aurora e pasar uns días co seu amigo e mentor, para ver se lle pode botar unha man, é o último recurso nunha situación desesperada. Ao pouco de chegar alí os acontecementos dispáranse ata chegar a extremos inesperados. No xardín da casa de Harry aparece un cadáver que pronto é identificado como o de Nola Kellergan, unha rapaza que desapareceu en 1975. Sempre se sospeitou que fora asasinada pero este descubrimento é a confirmación definitiva. Xunto ao seu cadáver aparece o manuscrito da novela máis famosa de Harry Quebert, que pronto será sospeitoso. Marcus e todo o pobo, con asombro, descubrirán que Harry e Nola mantiveron unha relación sentimental que rematou cando ela desapareceu, así que Harry converterase no principal sospeitoso e metido no cárcere. Marcus cree imposible que poida ser culpable, así que dedicará boa parte do seu tempo a falar con toda a xente de Aurora, con todos os que coñeceron a Nola, para tentar salvarao seu amigo e profesor, ese será o obxectivo da súa vida nese momento, esquecendo case por completo de que debe entregar unha nova novela ao seu editor se non quere que o demande por incumprimento de contrato. Claro que pronto descubrirá que todo o mundo ten algo que ocultar e que moitas veces algunhas situacións esconden outras moito máis escuras.

Dise que é unha novela negra e evidentemente está dentro do xénero. Temos un asasinato, unha investigación policial, varios sospeitosos e o proceso típico do xénero. De todo modos ten moitas cousas máis que a min, persoalmente, me pareceron moi interesantes. Cada capítulo está encabezado por un dos 31 consellos que Harry deulle a Marcus no seu momento sobre o proceso da escritura. Consellos sobre o proceso creativo, sobre a forma de escribir, de atrapar ao lector, de crear personaxes e situacións, case calquera cousa que se lle poida ocorrer a alguén sobre o tema. Todos eles son interesantes e apoiados case sempre por un diálogo sobre o tema entre os dous protagonistas. Por outro lado a historia contén tamén unha forte crítica ao mundo editorial, dominado case exclusivamente pola idea de facer diñeiro, de publicitar unha novela a costa do que sexa, saltándose á toureira calquera tipo de integridade para o autor. Neste caso Marcus quere ser o creador e elemento central das súas palabras, algo ao que en moitos momentos o editor non está disposto. O mundo do mercantilismo, dos autores que usan a outros escritores na sombra para rematar ou escribir enteiras as súas novelas e outros temas similares están presentes ao longo de toda a historia. Case calquera cousa vale para que unha novela teña éxito e repórtelle uns bos beneficios á editorial. Outro tema interesante é o das relacións humanas en case todos os seus ámbitos. A amistade, as relacións sentimentais correspondidas ou non, o matrimonio, a relación entre pais e fillos a distintos niveis..., case todo tipo de relacións persoais están presentes no desenvolvemento da historia.

No que se refire á historia do asasinato de Nola pouco quero dicir. Está perfectamente integrada dentro de todo o anterior e a veces queda diluída neses outros temas. Quizais non sexa exactamente central, aínda que domina case toda a historia, pero aparece en ocasións máis como un pretexto do autor para falar doutros temas. Iso non quita que sexa intrigante, interesante e chea de sorpresas. Ao longo das páxinas saltaremos dun sospeitoso a outro, dunha historia que parece dunha maneira e pronto descubriremos que non é así, de enganos non so para Marcus, senón tamén para o lector, que seguirá convencido todo o que nos está a dicir, xa que é a través del como imos coñecendo todo o que pasa e pasou, nun gran xogo de enganos. Xa dixen un pouco antes que case nada é o que parece cando estamos a ler e quedaremos asombrados ante certas situacións, moi ben levadas. O autor xoga con nós do mesmo modo que o fai con Marcus, case como marionetas manexadas desde a sombra por Dicker.

Outro aspecto destacable é o dos personaxes e as relacións entre eles. Gustáronme absolutamente todos e non hai un so que non sexa importante dentro da trama. Destacaría dous relacións por riba das demais. Por un lado a establecida entre os dous protagonistas, Harry e Marcus, que vai máis alá de profesor alumno e incluso máis alá da amistade, converténdose en algo especial e distinto. Fóra desta quedo coa que haberá entre Marcus e un dos encargados da investigación, Gahalawood, co que terá unha relación de amor odio máis que interesante e que vai cambiando ao longo da historia. Hai un bo montón de personaxes que podería destacar, pero prefiro que os coñezades a medida que vos metedes na historia.

A lectura faise de forma moi entretida e fluída, aínda que teño que dicir que desde o meu punto de vista pode ser repetitiva nalgúns momentos, con certas situacións que aparecen varias veces, aínda que dunha forma distinta. Hai cousas que saberemos dun modo nalgún momento pero que serán doutro máis adiante, e incluso algunhas páxinas despois aínda serán doutra maneira. Quizais caia un pouco en tópicos no referido á relación entre Harry e Nola, sobre todo no que se refire á forma de falar, de comportarse entre eles, pero supoño que será algo consciente por parte do autor. É unha novela longa á que creo que algunhas páxinas menos farían máis redonda, pero evidentemente isto xa é unha opinión persoal (aínda que compartida con algunhas outras persoas). Esa sensación de “isto mesmo xa o lin antes) aparece varias veces, pero creo que dentro dun tempo, se fago unha segunda lectura, descubrirei que esa percepción non é exacta, que sempre hai algún detalle que fará que vexamos que non é así.

É unha novela que, polo que estou a ver e ler, provoca sentimentos enfrontados. Para moitos é a mellor novela que teñen lido en moito tempo mentres que para outros é bastante frouxa. Desde o meu punto de vista nin tanto nin tan pouco. Pareceume unha novela destacable e boa, cunha boa historia, ben escrita e que te atrapara desde un principio, saltando xa a sorpresa nun primeiro capítulo que adianta algunhas das cousas que imos ler despois. A min gustoume moito e é outro deses autores que deixarei anotados para seguir a súa traxectoria. Unha novela ben pensada, perfectamente estruturada e cos suficientes xiros e sorpresas como para non deixar de ler en moitos momentos. Os últimos capítulos son deses que farán que a maior parte dos lectores non poidan deixar de ler, porque a historia vaise precipitando cara a un final que estamos desexando que chegue. ¿Matou Harry Quebert a Nola Kellergan? Para sabelo teredes que empezar a historia desde o principio e seguir a Marcus por ese camiño cheo de curvas pechadas onde non se ve que ven a continuación, que normalmente será un cambio de rasante.



jueves, 17 de octubre de 2013

Breakin Bad, o final dunha gran serie


Impactado, alucinado e marabillado estou desde hai uns minutos. Acabo de ver o último e definitivo episodio da quinta temporada de “Breakin Bad”, a temporada final tras seis anos en antena. En abril e xullo de 2010 deixei aquí o meu comentario sobre as tres primeiras temporadas, pero agora que a historia de Walter White rematou non me resisto a deixar algunhas palabras máis sobre a que considero en todos os sentidos a mellor serie que teño visto ata o momento. Moitas pasaron por aquí e outras tamén o farán, pero dubido moito que algunha faga que pense de xeito distinto, vexo difícil que apareza algo tan redondo, tan perfecto e xenial ao mesmo tempo. Ademais tras ese final reafírmome na idea de que os guionistas da mesma por fin nos deixaron un final que creo que gustará a todo o mundo. Algunhas series case de culto estropeáronse en certo modo por ese episodio final que non satisfixo a moitos dos seus seguidores por frouxo, inexplicable ou pouco relacionado con todo o que pasara antes. Nalgúns casos parece que quixeron rematala e fóra, deixando de lado moitas das cousas que podiamos esperar. Pero este non é o caso, o final é completamente redondo e non por sorpresivo, esperado, porque non se me ocorre outra posible maneira de rematala deixando contentos aos seguidores. E digo redondo porque é o peche dun círculo que empezou alá polo ano 2008 cunha curta temporada de so sete capítulos a causa da folga de guionistas que rematou con moitas series, pero que non puido con esta, e iso que acababa de empezar.

Para os poucos que non a coñezan contar que é a historia de Walter White, un profesor de química e antigo xenio da materia que, tras fundar unha empresa e ser botado da mesma, da clases nun pequeno instituto de Albuquerque. Cando lle detectan un cancro de pulmón comeza a pensar que poderá facer para deixar á súa familia nunha situación económica que lle permita saír adiante. Ten un fillo xa adolescente que ten parálise cerebral e a súa muller está embarazada. Ten que atopar unha forma fácil e sobre todo rápida de facer diñeiro, un diñeiro que deixe a súa muller e fillos coa vida solucionada da mellor maneira posible cando el non estea. A química é o que mellor coñece e idea unha marabillosa fórmula de produción propia para fabricar metanfetaminas. Pero o problema será a distribución e venta, un mundo do que, loxicamente, non ten a máis mínima idea. Busca axuda nun antigo alumno seu, Jesse Pinkman, que se converterá no seu socio na produción e en buscar camiños para a distribución. As súas primeiras “coccións” serán nunha vella autocaravana na metade do deserto e a venta dun produto dunha pureza sen igual enseguida terá éxito. Pero Walter necesita conseguir moito máis diñeiro e moito máis rapidamente, así que pouco a pouco verase metido nun mundo completamente descoñecido para el pero no que atopa o seu sitio. Cárteles, grandes distribuidores, asasinos, rivais..., o mundo da delincuencia ao máis alto nivel, o máis violento e brutal. Así o apoucado profesor, o tímido home que non soubo loitar polo seu posto nunha empresa que agora é das máis importantes do país, convértese en Heisenberg, un dos máis reputados, famosos e temidos fabricantes e distribuidores de meta de todo o país.

A serie é xenial en todos os sentidos e aínda que mencionarei algúns seguro que me quedan outros no tinteiro. O primeiro Vince Gilligan, o guionista principal da mesma. O guión é impecable e non frouxea en ningún momento. A forma en que vai relacionando todo e como o vai plantexando é fabulosa, así como a maneira de levala á pantalla. Eses principios de temporada sempre cunha escena do final da mesma, que fará que te preguntes en todo momento, capítulo tras capítulo, que quere dicir ese principio ou como se vai chegar a el. Esta última temporada está chea de referencias ás anteriores, pechando círculos e rematando historias (non todas, claro, iso é imposible e creo que estirala máis, aínda que nos dea pena non tiña moito sentido). As tomas que fan, a luz, a forma de filmar aos actores, todos os aspectos técnicos fan que sexa televisión da máis alta calidade, moito máis que a maior parte das cousas que podemos ver na pequena e na gran pantalla.


Os actores son outro dos aspectos máis destacables, por suposto. Todos eles están impresionantes e a evolución que teñen é digna de ver e disfrutar. Moitos son os que podería destacar, porque non hai un so, nin protagonistas nin outros máis ou menos secundarios, que non estean moi por riba da media. Bryan Cranston (Walter White) gañou varios premios polo seu papel. Dos máis convincentes e complexos que teño visto en moito tempo, pasando da maior tenrura á maior violencia e crueldade nun visto e non visto, alucinante de verdade. Creo que tardarei moito tempo en ver unha actuación como esta, con tal cantidade de matices, de cambios e de situacións. Ao seu lado Aaron Paul (Jesse Pinkman), o rapaz drogadicto que traballará con el, converténdose case noutro fillo, ao que coidará e polo que fará de todo, aínda que moitas veces el non o entenda e para facelo teña que cruzar liñas que non debería de traspasar. Un dos personaxes que máis sofre ao longo das cinco temporadas e que tamén nos deixará unha actuación memorable. Outra sufridora e contraditoria en ocasións, Anna Gunn (Skyler White), a muller de Walter. Ignorante ao principio, cómplice logo aínda que sen coñecer en profundidade a verdade das cousas e de onde sae o diñeiro. Ignorante primeiro porque Walter non quere que saiba todo, e logo, quizais, porque ela tampouco quere sabelo para protexerse ante todo o que está a pasar. Dean Norris (Hank Schrader), o cuñado de Walter que traballa na DEA, buscando sempre ao fabricante desa meta azul que tan ben se vende e que tan relacionada está con boa cantidade de asasinatos, roubos e demais. Descoñecedor de que a persoa á que busca é a que ten máis preto e que tampouco o pasará demasiado ben ao longo da historia. Bob Odenkirk (Saul Goodman), o avogado que serve para todo e que axudará aos nosos protagonistas a branquear o diñeiro que gañan. Este é outro personaxe xenial que porá en moitos momentos ese contrapunto case cómico que axudará a levar cun pouco máis de tranquilidade toda a violencia que rodea á historia. É máis, coméntase que este mesmo personaxe terá serie propia en pouco tempo. Todos os demais poderían aparecer aquí, pero non me quero estender demasiado, o fillo de Walt, Giancarlo Esposito (Guss Fring, o dono de “Los pollos hermanos”, o negocio que lle serve de tapadeira da distribución e fabricación), os amigos de Jesse, Mike (o asasino a soldo e protector que tamén terá un papel moi importante)... Todos eles terán o seu papel, a súa función dentro dunha historia que se vai complicando temporada tras temporada.

Tampouco me resisto a deixar algo sobre a música que acompaña ás distintas escenas. Cada momento importante terá de fondo un tema musical, blues, jazz, country, clásicos de todo tipo; cancións moi coñecidas e directamente relacionadas co que está a pasar. Todas elas axudan a darlle un aire impresionante ao que estamos a ver.

Todos os capítulos están cheos de detalles, de referencias ao pasado ou ao futuro, de cousas que teremos que deixar na cabeza para entender o que virá. Para algúns destes recordos contaremos cos guionistas, pero outros virán por obxectos, momentos, frases, roupa..., calquera cousa poderá relacionar o que pasa con algo que pasou ou pasará. Detalles como a matrícula do coche que conduce Waltar no último capítulo, “Live free or die” (“Vive libre ou morre”).

Xa o dixen no seu momento cando falei dela. A serie é violenta, brutal e salvaxe en moitos momentos, non apta para todo tipo de públicos. Pero creo que incluso eses deberían de ser capaces de superar esas sensacións e disfrutar coa mellor serie que vin ata o momento. É imposible non identificarse con Walter, aínda que teña máis sombras que luces. No seu momento escribín noutro lado que era o personaxe televisivo máis admirado e odiado que coñecía, conseguindo o espectador teña unha boa cantidade de sentimentos opostos ante as cousas que fai. Os guionistas non se cortan un pelo e en máis dun momento quedaremos pálidos ante o que pasa ou a nosa boca quedará completamente aberta de asombro ou sorpresa. Tampouco deixemos de lado á boa cantidade de humor negro que se destila, facendo que en escenas realmente repulsivas sexamos capaces de esbozar un leve sorriso. A máxima de Walter parece ser que o fin xustifica os medios que por protexer á súa familia ou a Jesse calquera cousa está ben feita e moitas das accións que realiza están xustificadas, polo menos desde o seu punto de vista, claro. Pero realmente todo iso está xustificado ou Walter realmente disfruta de todo iso que fai? Será algo que cada un terá que responderse despois de vela. Creo que a maior parte dos meus seguidores e coñecidos xa a viron, pero se non o fixeron recomendo encarecidamente que o fagan. Eu non puiden resistirme a vela en inglés subtitulado cando aquí xa faltan poucos capítulos para que remate e tamén recomendo vela así. A dobraxe non é nada mala, que conste, pero gana moito, pero moito, se a escoitamos na súa versión orixinal, as voces e inflexións dos seus protagonistas non teñen prezo.