“O espazo, a última
fronteira. Estas son as viaxes da nave estelar Enterprise, buscando
novos mundos, novas civilizacións, para chegar a onde ningún home
chegou nunca”
Con esta introdución
dáme que moitos dos meus lectores saberán por onde vai o comentario
de hoxe. Era o inicio dunha serie que marcou unha época, creo que a
primeira á que me enganchei dunha maneira fel e aínda sen ser un
“trekkie” con todas as da lei, confeso que é desas que non
esquecerei nunca. Cando saímos do cine contáballe aos meus fillos a
cantidade de horas que pasaba cos amigos xogando a ela, como nos
tornábamos para interpretar aos distintos personaxes e pasábamos
horas con iso. Daba igual que fora con monequiños tipo Madelman,
paseando pola rúa ou sentados no balcón da miña cosa mirando ao
ceo como se estivéramos na ponte de mando da Enterprise. Hoxe poden
xogar a ela coas súas consolas, pero para min non é o mesmo,
quizais sexa máis espectacular, pero a dose de imaxinación que
gastábamos naquelas longas tardes non ten prezo.
Coa calor que estamos a
pasar por aquí, que me ten morto, este pasado domingo decidimos
prescindir da praia e recorrer ao aire acondicionado dunha sala de
cine, que non se estaba nada mal. Ademais acababan de estrear “Star
Trek. En la oscuridad” e non podía deixala pasar, esta non é para
ver na casa, hai que disfrutar dela nunha gran pantalla de cine, y
como é norma nesta familia, non en 3D, claro.
A min persoalmente
gustoume moito, pero como dixen antes, son fan incondicional da serie
e creo que tanto esta como a anterior xuntan perfectamente un aire
moderno cun respecto á mesma, a súa forma de actuar e de aparecer
ante nós. Ao saír alguén comentaba que ben podían modernizar un
pouco os traxes, tanto os uniformes militares como os que usan na
nave, pero non, iso non se pode facer, sería case como cambiar as
cores do traxe de Superman ou darlle a Batman un atuendo multicolor.
Hai cousas que non se deben tocar demasiado, modernizar si, pero
cambiar radicalmente non. Non soamente mantén ese espírito nas
formas, senón tamén en como se comportan os personaxes, en como
actúan e en case todo.
A historia transcorre
pouco despois de rematar a anterior, seguimos cos mesmos personaxes e
a mesma idea, so cambia o antagonista neste caso. Se antes asistimos
a como se foron coñecendo os distintos personaxes, en como chegaron
a ser máis ou menos os que coñecemos na serie clásica, agora
estamos ante unha nova aventura. Coñecemos antes como chegaron a
contactar Kirk e Spock, amigos agora enfrontados a unha nova ameaza
que pode acabar coa Federación e todo o que ten ao seu redor. As
misións que teñen son de paz, coñecer novos mundos, estudalos pero
nunca intervir ou darse a coñecer, algo bastante difícil como
veremos ao principio da nova historia, realmente bo, divertido e
espectacular. Pero claro, ten que aparecer pronto o malvado que quere
acabar co mundo, neste caso un personaxe que é outra das constantes
da saga e do que non vou desvelar o nome para non romperlle a
sorpresa aos seguidores que vaian vela, porque primeiro aparece cun
nome e logo co outros que nos vai soar moito.
Houbo moitos intentos de
levar á serie ao cine, os primeiros cos mesmos actores da serie. O
primeiro aló polo ano 1979 e con varias entregas máis en anos
posteriores. Estas tiñan case o mesmo encanto da televisión e
seguían a mesma liña con algo máis de espectacularidade e case co
mesmo encanto, catro películas entre ese ano e 1986. en 1996 e 1998
apareceron de novo cos personaxes das novas entregas da serie, que
parecía seguir a ser o mesmo pero para min xa non o era tanto, aínda
que tampouco estaban mal.
No ano 2009 aparece J.J.
Abrams e decide contarnos a historia de case todos os personaxes pero
desde un principio anterior incluso á serie clásica. Imos velos
antes das súas viaxes polo espazo buscando novos mundos e
civilizacións. Algo de medo me daba, pero quedaba un pouco apagado
cando vin quen ía encargarse desas novas historias. Creo que Abrams
está preto de ser o novo Spielberg do cine americano, sobre todo en
canto a espectacularidade e bo facer, buscando contarnos cousas a
medio camiño entre o clásico e o moderno. Iso si, non creo que teña
a xenialidade de Spielberg, pero en canto a bordar a mistura entre
entretemento e calidade creo que está bastante cerca. Gustoume moito
esa nova entrega e como dixen ao principio creo que ten a medida
xusta entre a homenaxe a un clásico aderezado coas posibilidades que
nos ofrecen as novas tecnoloxías. Vimos como se coñecían Kirk e
Spock e tiñan a súa primeira aventura, que ten a súa continuidade
agora, no 2013 con esta nova entrega que ademais ten pinta, iso
espero, de non ser a última.
En canto aos actores
repiten nos principais papeis os mesmos que na primeira. Todos eles
gustáronme bastante nesa, así que nesta seguen a mesma liña.
Destes quedo con Zachary Quinto no papel de Mr. Spock, que non debe
de ser nada fácil actuar tentando manter esa cara de impasible todo
case todo o tempo. Iso si, para min, dous destacan por riba do resto,
e curiosamente ambos son ingleses. Cando xogabamos de pequenos o
papel máis desexado e para o que había que pelexarse curiosamente
non era o de ningún dos protagonistas, senón o de Scotty, o
encargado de facer que a nave funcionara e que era case sempre o
centro de moitos dos bos momentos da serie. Pois aquí pasa o mesmo,
as escenas máis simpáticas son as que o teñen como principal.
Aquí, como antes, está interpretado por Simon Pegg, un actor inglés
de comedia que sempre me gusta. Pero o mellor da historia é o
antagonista, interpetado por Benedict Cumberbatch, o xenial Sherlock
da serie da BBC (que realmente merece a pena e nos ten a moitos
esperando pola súa terceira temporada) e que soa agora para unha
versión de Frankenstein que parece que dirixirá Guillermo del Toro
(con esa mistura non creo que a deixe pasar, aínda que a historia
está xa quizais demasiado tocada). Cando el aparece na historia come
todo o que ten ao seu redor, un gran actor que estivo moito tempo
centrado no teatro e que agora deleitanos coas súas aparicións no
cine máis ou menos breves.
A min gustoume moito pero
son fan da serie. Coa mistura perfecta entre a homenaxe e as
novidades, mantendo en moitos sentidos o aire da mesma, aderezado
cuns máis que convincentes efectos especiais e sen romper co clásico
en moitos sentidos. As dúas horas e algo que dura pasáronseme nun
suspiro. Unha boa unión entre unha historia decente (algo do que
este tipo de cine prescinde en ocasións) cunhas boas doses de acción
e efectos especiais que non quedan por riba do argumento. O que sexa
con tal de ver voar de novo á Entreprise, a miña nave favorita do
cine (a segunda, como podedes imaxinar é o Falcón Milenario), e ver
renovados a Kirk, Spock, Scotty, Uhura, o doutor ou Sulu. Espero que
a seguinte siga a mesma liña, non a perderei.
No hay comentarios:
Publicar un comentario