jueves, 30 de septiembre de 2010

"Una navidad diferente", John Grisham

nullnullJohn Grisham é un autor que hai anos me gustaba moito, pero que, teño que recoñecer, que en certo momento canseime del un pouco con tanta temática legal, e penso que non son o único ao que lle pasou isto. Sigo a pensar que escribe moi ben, as súas novelas son amenas, entretidas e cunha certa calidade, pero os temas legais, a pesar de gustarme e atraerme bastante, penso que poden chegar a cansar un pouco. Esa é a razón non de que deixara de ler as súas novelas, pero si que deixei de estar pendente das súas novas obras para deixalas para máis adiante, deixando algo de tempo entre unhas e outras. Tamén por esa razón penso que merece a pena destacar a novela deste comentario, xa que está lonxe por completo do que é habitual nel, non ten nada que ver con avogados e é unha historia curiosa, sinxela, simpática e bastante crítica con moitos elementos da sociedade, e non so estadounidense, senón que pódese estender a moitas outras. Tamén teño entre a lista de lecturas pendentes a súa última obra, “Siete vidas”, que tampouco ten nada que ver con avogados, é unha colección de sete relatos breves que teño que dicir, tendo en conta que me gusta como escribe, que me chama bastante.


John Grisham é un autor nacido en Jonesboro (Arkansas, Estados Unidos) en 1955. Un autor máis que coñecido en todo o mundo, das súas obras vendéronse máis de 200 millóns de exemplares e varias delas foron levadas ao cine cunhas adaptacións creo que máis que decentes. En 1971 obtén un título en Contabilidade pola Universidade de Mississippi e en 1981 o Doutorado en Dereito na mesma universidade. Durante varios anos exerceu como avogado en Dereito Xeral e Penal, para logo pasarse ao Dereito Civil. Ademais, dentro do Partido Demócrata, foi elixido para a Cámara de Representantes do seu estado, cargo que exerceu ata 1990. En 1984 presenciou a testemuña dunha vítima de violación que so tiña 12 anos, o que fixo que se puxera a traballar na súa primeira novela, “Tiempo de matar”, que rematou en 1987. Foi rexeitado por varias editoriais, pero conseguiu publicala en 1988 cunha tirada modesta. Logo, en 1991, publica “La Tapadera” que foi o libro máis vendido dese ano (e, persoalmente, unha das súas novelas que máis me gustou). A partir dese momento mantén un ritmo de publicación de case un libro por ano, a maioría deles grandes éxitos de ventas. En 2001 publica “La granja”, iniciando unha serie de novelas que xa non están directamente relacionadas con temáticas legais. Neste momento é un dos novelistas máis lidos da historia. En 1992 “El informe pelícano” vendeu máis de 10 millóns de copias so nos Estados Unidos. A última de tema legal publicada ata o momento é “La trampa” (2009) e a última nesta mesma liña é “The Confession” (“La confesión”) que aparecerá en outubro deste ano no seu país. En España a máis recente é a mencionada “Siete vidas”.


A novela do comentario de hoxe é “Una navidad diferente”, publicada no ano 2001. Como dixen antes unha historia algo atípica dentro de súa produción, aínda que relacionada indirectamente con moitos temas que circulan ao redor das súas obras, que sempre teñen algún tipo de crítica de carácter social, político... dentro da liña central da historia. Esta é unha historia distinta, curiosa, interesante e sobre todo simpática. Pensemos por un momento cantos de nós (incluído eu) trememos ante o que supoñen as festas de Nadal e todo o que traen consigo (e con iso non quero dicir que non me gusten, conste, pero penso que se están a desmadrar un pouco). Non sei noutras cidades, pero na miña en breve unha tenda de regalos moi coñecida xa porá a súa decoración para esas festas, aínda que falten máis de tres meses para as citadas datas, agobia un pouco, a verdade. E en Estados Unidos, que supoño que responderá a unha realidade, cantas veces non temos visto nalgunhas películas eses barrios de vivendas unifamiliares que se converten en parques temáticos navideños, coas casas rodeadas de luces, cervos e monecos de proporcións xigantescas nos tellados e nos xardíns, so velas prodúcenme estrés e agobio, a verdade. Se ata fan concursos de decoración nos barrios, alucinante.


Os protagonistas son Luther Krank e Nora, a súa esposa, e a realidade dos máis de seis mil dólares que gastaron nas festas de Nadal anteriores. As colas, as tendas cheas de xente, as panxoliñas en todas partes, árbores de Nadal, festas no traballo, reunións familiares..., algo que para eles convértese case unha tortura de gastos e sorrisos falsos esperando que todo remate. Unha repetición do mesmo de todos os anos é o único que aparece no horizonte para eles. Un día unha idea ábrese ante eles, nunha axencia de viaxes unha oferta para viaxar dez días ao Caribe, unha idea que lles fará escapar de todo iso e volver cando todo rematou. Así que deciden que as festas dese ano serán distintas a todas as anteriores. Pero claro, as cousas non serán tan fáciles. O sono vaise converter en pesadelo, sobre todo cando os seus compañeiros de oficina, amigos, veciños ou familiares vaian acusalos abertamente de “asasinar” o espírito navideño.


Unha novela distinta dentro da produción de Grisham, case duascentas páxinas que se len moi agradablemente, case como un conto e moi entretidas. Con ese estilo fácil e fluído que caracteriza a súa produción, non exento de calidade e con algúns momentos realmente hilarantes. Moita crítica ante as convencións sociais que nos obrigan as veces a facer cousas que non nos gustan demasiado (ou nada) ou a facer cousas simplemente porque hai que facelas aínda que non queiramos. Crítica contra os gastos esaxerados, a falsidade e as ganas de aparentar e, sobre todo, de facer algo nunha época de “paz e amor” que nos faga quedar sempre por riba dos demais, aparentando máis ou sendo máis. ¿Poderán os Krank celebrar esas festas diferentes e facer o que realmente queren facer ou sucumbirán ante a montaña de convencións e as presións de todos os que lles rodean? O mellor é que o leades vós mesmos, pero mellor facelo agora, antes de decembro, non vaia ser que a algúns lles dea por tentar facer o mesmo que eles e escaparse ou, polo menos, tentalo.

domingo, 26 de septiembre de 2010

Nurse Jackie

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=Yn6v7PafR6g&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Tras varios libros imos comentar algo de televisión. Hai un par de días que rematei de ver a primeira temporada da serie de hoxe, e teño a segunda para ver xa, porque teño que recoñecer que me gustou moito. É outra desas series algo distintas, que non seguen a liña digamos “boa” deste tipo de producións, vamos, que a protagonista non responde, para nada, a un termo bastante de moda nos últimos anos, ser “politicamente correcta”. Ao estilo doutras que apareceron por aquí non falamos de personaxes que sirvan de modelo a case ninguén, polo que penso que son algo máis reais que os marabillosos homes e mulleres que aparecen en moitas destas series americanas. Parece que en algunhas as cousas van cambiando por alá e abren a porta a outro tipo de persoas máis parecidas ás de verdade, cos seus problemas, as súas limitacións e unhas vidas máis parecidas ás reais. Iso si, sempre tendo en conta que estamos a falar de televisión, de ficción, que tampouco queremos que sexan demasiado reais. Falo de “Nurse Jackie”, unha serie que aquí está a emitir un dos canais de pago, en concreto Calle 13 e que espero que se emita por algún dos gratuítos para que todo o mundo poda disfrutala, porque merece a pena. Está producida por unha cadea digamos “especializada” neste tipo de personaxes algo lonxe do normal, algo sorpresivos e distintos; súas son series como “Dexter”, “Weeds” ou “Californication”, todas elas con protagonistas e personaxes que se saen algo do normal, a verdade.


Jackie Peyton é unha enfermeira que traballa nun hospital de Nueva York. Nun principio podería parecer unha máis desas moitas que aparecen polos nosos televisores con médicos, enfermeiras, pacientes e líos amorosos, pero non. Xa de entrada é adicta aos analxésicos, que esnifa, mastica, bebe e toma por case todos os medios posibles, así que aquí temos a primeira incorrección. Por outro lado está casada, ten dúas fillas e está liada co farmacéutico do hospital onde traballa, que é o seu principal subministrador. Ademais no hospital soamente hai unha doutora coa que mantén unha forte relación de amistade e sabe todo da súa vida, o seu matrimonio, os seus líos e as cousas que fai. É outro personaxe cunha especie de dobre vida e cun lado escuro que case ninguén coñece. Fóra do hospital é unha perfecta, case, esposa e nai; dentro é a perfecta enfermeira cun traballo estresante e que a absorbe completamente. Pero ninguén sabe realmente como é, leva case tres vidas ao mesmo tempo e nos momentos en que están a punto de tocarse aparecen montóns de problemas. No seu traballo ten o seu propio código ético, saltándose todo para conseguir os seus obxectivos, que basicamente parten do seu concepto da xustiza, que hai que dicir que á hora de tratar pacientes son sempre impecables e con eles no primeiro lugar das súas prioridades. Pero ao mesmo tempo ese código propio vaina levar a facer cousas que poden sorprender, ao principio, ao espectador. No primeiro episodio tira ao retrete a orella dun maníaco sexual, así que en certo modo, ela se converte en salvadora ou castigadora de moitos dos que pasan polas urxencias do “seu” hospital. Este traballo e a súa familia son as cousas que a levan a esa dependencia dos analxésicos, unha forma de levar o tremendo ritmo diario que leva e tratar unha doenza de costas que padece. É unha enfermeira excelente, mellor que moitos dos médicos cos que traballa, aos que trata moi mal, ela pensa que os médicos so fan diagnósticos, pero elas son as que curan de verdade aos enfermos. Algúns quixeron ver nela a unha versión feminina do coñecido doutor House, nada que ver, ela é moi humana cos seus pacientes, que son a súa prioridade fundamental e aos que pon por enriba de todo, por eles é capaz de facer calquera cousa, incluso xogarse o seu posto de traballo, a súa familia, amistades..., os pacientes son o primeiro.


A serie está dominada por un humor negro absolutamente xenial e, ao mesmo tempo, unha certa sensación de tristeza que fai da mesma algo realmente bo. Varios colectivos de enfermeiras puxeron o grito no ceo na súa estrea, dicindo que daba unha imaxe demasiado negativa do seu traballo, dicindo que nunca podería traballar como enfermeira tras violar todas as regras do código ético (e algunhas máis que non están nel). Non olvidemos, como contestou a cadea, que estamos ante unha serie de ficción para entreter, unha ficción nalgúns momentos tan esaxerada que é evidente que non ten nada que ver coa realidade. Por outro lado o seu éxito de público e, sobre todo de crítica (dous tipos de éxito que moitas veces non van xuntos) foi moi grande, cunha terceira temporada a punto de estrarse en Estados Unidos dentro de pouco. Para min, quizais xunto con “Weeds” (que algún día comentarei) unha das mellores comedias negras, cínicas, sarcásticas, cáusticas... que se poden ver neste momento na televisión.


Ademais non hai so un personaxe ademais dela que non haxa que destacar, porque todos son absolutamente xeniais e fundamentais para a serie. O marido ideal que nada sabe de como é en realidade a súa muller, dúas fillas tamén con certos problemas, sobre todo a maior que da pe a moitas situacións destacables. Logo temos ao persoal do hospital, que o mellor é que son todos distintos, cada un coa súa forma de ser e as súas cousas. De todos eles destacaría a dous que son case como os seus discípulos. Temos ao doutor Cooper, un médico novo, entre prepotente e despistado, pero sobre todo inseguro, con ínfulas de gran médico que vai chocar continuamente con Jackie, que pensa que é un bo médico pero ao que lle queda moito por aprender, e ela é a encargada de ensinarllo. E tamén a unha nova enfermeira, Zoey Barkow, inxenua, simpática e dicharacheira, un carácter que non vai nada co a da nosa protagonista e que ten algún dos mellores momentos cómicos (ou traxicómicos) da serie e que creo que é unha das mellores actrices da mesma. Ademais temos á doutora O´Hara, a confidente e amiga de Jackie, unha doutora á que lle gusta a boa vida, a roupa cara e tamén o seu traballo. Eddie é o farmacéutico co que Jackie ten unha relación clandestina, case con horarios fixos, escondidos no hospital e aproveitando a intimidade da farmacia para as súas relacións. Ademais destes varios personaxes fixos, dous enfermeiros e, sobre todo, Gloria Akalitis, unha antiga enfermeira que agora é a xefa, sempre de mal humor, sempre queixándose e tentando poñer a todos no seu sitio, sobre todo a Jackie, á que sempre presiona, sabendo que sempre vai responder.


Todos os actores están fenomenais nos seus papeis e non é fácil destacar a ningún deles, con unha excepción. A protagonista, Jackie Peyton, está interpretada por Eddie Falco, unha actriz que todos os afeccionados á televisión coñeceran polo seu papel nunha das mellores series dos últimos anos, “Los Soprano”, onde interpretaba un dos papeis principais, o da esposa do protagonista, Carmela Soprano, xenial e gañadora de tres premios Emmy. Ademais polo seu papel na serie de hoxe gañou este ano outro premio Emmy como mellor actriz protagonista nunha serie de comedia, ademais de outros premios televisivos menos coñecidos.


Unha serie máis que recomendable. Son episodios de algo menos de 30 minutos, que en máis dunha ocasión se me fixeron demasiado curtos, sobre todo porque teñen un ritmo normalmente alto, o que é outro dos seus méritos principais. Os casos médicos funcionan case como unha escusa para reflectir moitos comportamentos humanos, uns reprobables e outros admirables e sempre con máis dunha sorpresa que fai que quedes coa boca aberta. E ademais con momentos realmente divertidos, ou, moitos deles, traxicamente divertidos dentro desa liña de humor negro e pouco correcto. Creo que é unha serie distinta, algo lonxe do habitual, sobre todo dentro da temática de médicos, enfermeiras e hospitais, nada idílica nin ideal, con moi poucos dos tópicos habituais do xénero. Cun humor bastante negro, algo lonxe tamén da tónica habitual das comedias americanas, aínda que como dixen ao principio empezan a aparecer varias nesta liña, case todas elas destacables. Non sei se algunha das cadeas gratuítas animaranse a emitila, estade atentos porque de verdade que merece, e moito, a pena.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=7k0CExDtAZ8&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

jueves, 23 de septiembre de 2010

"La química de la muerte", Simon Beckett

nullnullUltimamente andaba bastante enfrascado na novela histórica e deixando de lado outros xéneros que tamén me gustan bastante, como pode ser a novela negra ou de investigación. Tamén teño que dicir que chegou un momento no que me cansou un pouco, xa teño dito moitas veces que atopar algo orixinal non é fácil, pero tampouco é fácil escribilo, xa que é un xénero no que está case todo inventado. O que hai é autores que conseguen dar un tratamento novidoso sobre todo cos personaxes e con algunhas situacións, e eses son os que merecen a pena. A través dalgunhas recomendacións ou de pasmar nas librerías estou atopando a algúns autores que non coñecía e que me están resultando máis que bos e entretidos e que, ao mesmo tempo, aportan algo (uns máis que outros) a un xénero tan tocado desde sempre. O autor da novela de hoxe chegou a min a través dunha recomendación nun foro de internet, e esta vez acertou, porque a novela gustoume bastante. Falo de Simon Beckett, e a novela de hoxe é “La química de la muerte”.


Simon Beckett é un autor inglés, nacido en Sheffield en 1960. É licenciado en inglés, estivo unha temporada ensinando en España e tamén foi músico. Logo empezou a traballar como periodista independente e escribiu para varios periódicos do seu país. Xa antes escribira algunhas novelas que foron bastante ben recibidas polo público, “Fine lines” (1994), “Animales” (1995), “Cuando el río suena” (1997)... A que comento hoxe é a primeira dunha serie de novelas que teñen ao mesmo protagonista, algo que é bastante habitual nos autores deste xénero, coller a un personaxe central que será o investigador e desenvolver varios títulos nos que é o elemento central. Neste caso a súa creación chámase David Hunter e, como digo, aparece por primeira vez nesta novela, “La química de la muerte”, publicada no ano 2006. Neste caso non é un detective, un policía ou un axente dalgunha das coñecidas axencias habituais, é un médico especializado en antropoloxía forense que ao principio desta primeira novela quere deixar ese traballo, pero que terá que volver a el polas circunstancias nas que se vai atopar. Esta novela foi nomeada no seu ano de publicación para o Premio Daga de Oro, do que foi finalista. No ano 2007 aparece “Escrito en hueso” co mesmo personaxe á que seguirán outras dúas, de momento, porque parece que pode haber máis, “Los sonidos de los muertos” (2009) e “La vocación de la tumba” (2010). Esta serie de novelas centradas neste médico son as que lle deron máis fama e recoñecemento por parte, sobre todo, do público, como un no autor de novela negra ao que temos que unir os coñecementos médicos e forenses. Esta idea xorde cando preparaba unha serie de artigos sobre medicina forense. Para recoller información para unha serie de artigos visitou un lugar que se coñece como “A granxa de corpos” en Tennessee, nos Estados Unidos; un centro de antropoloxía forense fundada polo que está considerado como o creador desta disciplina, o doutor Bill Bass. Nela trabállase con cadáveres reais, estudando todo o proceso da descomposición para poder responder ás preguntas que poden aparecer cando a policía atopa un cadáver, o como, cando ou onde ocorreu a morte, sobre todo para determinar a secuencia temporal da morte. O autor participou de xeito activo en exercicios e investigacións levadas a cabo neste lugar e de aí naceu un interese por esta disciplina que o levou a reflectir todo o que aprendeu nos seus libros e no personaxe de David Hunter.


Nesta novela Hunter vaise enfrontar ao seu primeiro caso tras tentar deixar o traballo de antropólogo forense. A morte da súa muller e da súa filla nun accidente de tráfico déixao desfeito. É o especialista nesta disciplina máis importante do seu país, pero decide deixalo todo e marchar a un pequeno pobo para exercer como médico, ocupando unha, en principio, vacante temporal substituíndo ao médico titular do pobo, un home xa maior que ten que deixar o seu posto xa que quedou nunha cadeira de rodas tras, tamén, un accidente de tráfico. Así marcha a Manham, un pobo illado no condado de Norfolk. A súa vida parece que entra nun momento de tranquilidade, o traballo non é moito, o seu colega fai boas migas con el e o pobo é un lugar calmado, pequeno, sen demasiados sobresaltos e pouco traballo. Pero todo isto cambiará cando uns rapaces atopan un cadáver en avanzado estado de descomposición nun bosque. Ademais ten un compoñente macabro e brutal, alguén lle fixo uns cortes nas costas e meteu neles unhas alas de cisne. Como en todo pobo pequeno, as primeiras sospeitas irán cara aos que non viven nel desde sempre, así que David Hunter pasará, aos ollos de moitos dos habitantes, de ser o novo médico a sospeitoso dos feitos. A policía local está desbordada e non atopa demasiadas pistas e é entón cando o xefe, tras investigar ao protagonista, descobre o seu pasado, é un dos especialistas en medicina forense máis famosos de Inglaterra, polo que pasará de sospeitoso a participar na investigación. Ao principio non quere tomar parte na mesma, non quere facer nada que lle recorde a súa vida pasada e as recentes mortes da súa familia. Terá que loitar contra todo isto e facer o que se lle pide, a responsabilidade é moita e pouco a pouco verá que non pode deixar de lado o que realmente é. Ao mesmo tempo o cura do pobo vai aproveitar estes feitos para facer crecer nos habitantes a sensación de medo, de terror e incluso de histeria, tentando facerse protagonista e así recuperar para a súa igrexa a uns homes e mulleres que o deixaron un pouco de lado. Falará de que todo o que pasa é un castigo de Deus polas malas accións dos homes e mulleres de Manham e será o máximo opositor e contrincante de David. Ademais haberá varios sospeitosos nun lugar onde todo o mundo se coñece pero ao mesmo tempo, onde máis de un ten moito que ocultar. Hunter iniciará unha relación de amistade cunha profesora do colexio do pobo, unha muller que podería ser importante na súa vida, unha vida que el pensa que xa non pode ir a ningún lado e está completamente perdida. Pero ese primeiro asasinato non será o único e o protagonista terá que poñerse a traballar contrarreloxio, deixar de lado toda a súa dor e problemas persoais para impedir que o asasino que anda solto siga matando mulleres.


A historia está bastante ben, non é excesivamente orixinal pero cumpre con creces o obxectivo de entreter ao lector e mantelo nun certo (alto nalgúns momentos) estado de tensión. Para min o mellor da novela é a construción dos personaxes. David Hunter paréceme un protagonista atractivo, un home vulnerable, que non o sabe todo é que ten un gran atractivo persoal, ademais de moitos coñecementos sobre a materia que domina, que ademais están explicados unha linguaxe non demasiado científica e moi facilmente comprensible para o lector. Ao redor del todos os demais tamén están moi ben deseñados e metidos dentro da historia, cada un coa súa función, pero nunca ningún dun xeito anecdótico, non sobra ningún e todos son importantes para a historia. Coñecemos a vida das vítimas, o que fai que aparezan como máis preto do lector, non son descoñecidos que aparecen de repente mortos en medio do bosque, antes saberemos algo das súas vidas, de como son, como viven..., son persoas reais, de carne e oso que fan que a tensión da lectura creza en cada páxina. A historia está bastante ben plantexada, con misterio e intriga, imprescindibles no xénero, e algunha sorpresa. Xunto co central, gustáronme bastante os personaxes do cura e do xefe de policía que logrará que Hunter volva ao seu traballo anterior. Hai pequeno detalles que son fundamentais para a historia, polo que a lectura faise máis interesante e os pequenos interrogantes van contestándose pouco a pouco ata chegar a un final que pode considerarse como “sorpresivo”. A algúns, os afeccionados á televisión, podería recordarlles a unha serie que ten o mesmo elemento central e que tamén está baseada nunha serie de novelas de Kathy Reich, falo do personaxe da doutora Brennan e da serie “Bones”, aínda que nesta hai máis conceptos científicos, máis investigación de laboratorio e esas cousas. As similitudes quedan no tema da antropoloxía forense, xa que no libro que comento as cousas son máis sinxelas, simples e directas, sen tanta parafernalia científica, o que fai, polo menos para min, que resulten máis entretidas.


Xa digo, unha novela negra moi entretida, tensa e interesante, cunha tensión que fai que a partires de certo momento non queiras deixar de ler, non sexas capaz de deixar aos personaxes nun momento no que o que menos queres é non saber que vai pasar despois e como non, recomendable para os afeccionados ao xénero.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=LdxGMR2OizA&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

domingo, 19 de septiembre de 2010

"Un mundo sin fin", Ken Follet

nullnullHai uns días aparecía por aquí unha máis que coñecida novela de Ken Follet, aproveitando a estrea da serie baseada nela hoxe imos comentar outra do mesmo autor coa que, digamos, ten unha certa relación.


Hai autores que non decepcionan nunca, ou mellor imos dicir, case nunca, porque este comentario de hoxe é dunha novela dun deses autores que, neste caso, decepcionoume un pouco. Como dixen en máis dunha ocasión, todo o escrito aquí son opinións subxectivas que parten soamente dos meus gustos e lecturas persoais, claro está. Cando fixen o comentario de “Los pilares de la tierra” dixen que era unha das miñas novelas favoritas, non so dentro do xénero histórico, senón que é unha desas lecturas que me encheu, satisfixo e das poucos que teño en mente repetir nalgún momento. A reseña biográfica do seu autor, Ken Follet, xa a fixen no momento no que comentei esta novela, así que non vou repetila agora, a aquel comentario remítome. Tamén dicía que era un dos meus autores favoritos e que practicamente todo o que lin del gustoume ou, polo menos, entretívome bastante, pero coa novela de hoxe teño sentimentos opostos, porque por un lado segue a gustarme o autor e non cambio a miña idea sobre el, pero “Un mundo sin fin” teño que dicir que me decepcionou un pouco, sobre todo vindo de quen ven e sendo unha especie de continuación da mencionada lago máis arriba.


“Un mundo sin fin” anunciouse como unha continuación de “Los pilares de la tierra”, cando exactamente non o é. Non temos aos mesmos personaxes nin aos seus descendentes como pasa noutras novelas que parten deste tipo de idea (penso, por exemplo, en Noag Gordon e a historia da familia Cole que aparece reflectida durante varios séculos). Estas dúas novelas, que ben poderían transcorrer en dous lugares completamente distintos, teñen en común que ambas transcorren no mesmo lugar, o priorato de Kingsbridge, pero cunha longa temporada de diferencia e poucos, por non dicir ningún, personaxes en común. A primeira transcorre entre 1135 e 1174 e máis ou menos todos coñecemos a historia da construción da catedral que é o centro da historia. Esta suposta continuación parte de 153 anos despois, coa catedral xa rematada, claro, concretamente no ano 1327 comeza a historia. Así que o primeiro “erro” foi dicir que era unha continuación, cando non o é. Esta ambientada no mesmo lugar, nos finais da Idade Media, case dous séculos despois de que rematara a construción da famosa catedral e ten algúns momentos e situacións (igual demasiados) que recordan á primeira.


Partimos dun día do mes de novembro de 1327, no que catro nenos entran para xogar nunha zona do bosque á que teñen prohibido o acceso. Estes van a ser os catro personaxes principais da historia, dous nenos e dúas nenas unidos por unha amistade da infancia que van ver como unha serie de acontecementos van marcar toda a súa vida posterior. Gwenda é filla dun ladron; Caris unha nena tremendamente intelixente, áxil e rápida de mente que ten como maior ilusión ser doutora e logo temos a dous irmáns de carácter e físico completamente opostos. Merthin é un rapaz moi intelixente, que soña con inventar cousas, sempre pensando; mentres o seu irmán Ralph é cruel, vingativo, malo ata a médula en todos os sentidos. Na súa escapada ao bosque escoitan ruído de loita e escóndense, vendo unha pelexa entre un cabaleiro e dous soldados. Os soldados morren e o cabaleiro enterra algo nesa zona do bosque para despois ingresar como monxe no mosteiro de Kingsbridge. O contido dese obxecto oculto, un documento que garda unha información fundamental, terá un papel moi importante na vida deses catro nenos. Entre eles continuará unha relación na que todos os sentimentos, tanto positivos como negativos, terán cabida: amor, odio, vinganza, rancor... Nas súas vidas haberá momentos de bonanza, alternando con outros de fame; anos de guerra e peste... Caris é filla dun mercader de la e as súas ansias de ser doutora (idea que ten desde pequena) non frearán ante a prohibición de que unha muller estude ou desempeñe ese traballo. O sono empeza cando traballe cunha curandeira, acusada nalgún momento de bruxería, o que traerá consigo fortes enfrontamentos da rapaza coa igrexa, que non acepta moitas das cousas que ela defende ou fai. Ademais quere ser unha muller independente, non quere casar nin pasar a vivir baixo as ordes e desexos dun marido. Estes serán dous dos fíos fundamentais da historia, o seu desexo de ser doutora e o amor que sente por Merthin, amor que ela non quere aceptar de modo convencional, querendo manter unha relación distinta e pouco aceptada tanto pola sociedade como polo propio Merthin. Este comezará a traballar como aprendiz de carpinteiro, pero a súa destreza, intelixencia, talento e inventiva farán que se converta no mellor arquitecto da zona, tendo que superar moitos problemas, sobre todo a loita contra os que mandan na súa cidade, que non aceptan de moi bo grado tanto as súas innovacións como o seu carácter, que choca contra unha sociedade ríxida e demasiado tradicional. Ralph, o outro irmán, é a antítese total do mesmo, é perverso, cruel, sempre movido pola vinganza e o desexo de alcanzar rango de nobreza, algo que quere, sobre todo, para facer e desfacer as cousas e ás persoas ao seu antollo. Todos eles conforman unha historia de amor, intrigas, vinganzas, asasinatos, guerras, idas e voltas, violencia e tamén, claro está, bos momentos de alegría e felicidade.


A historia non está mal, pero teño que dicir que me decepcionou un pouco en varios sentidos. Non é exactamente que non me gustara, entretívome bastante, que xa é máis do que podo dicir de outras novelas, incluso do mesmo estilo ou xénero, que me soen gustar case todas, pero creo que non está á altura da anterior e incluso que está lonxe dela. Non lle podo negar unha gran labor de ambientación histórica e penso que esa é unha das razóns polas que me gustou, a labor de recollida de datos e a plasmación da vida medieval en case todos os estamentos sociais está moi ben, como sempre no autor. Pero tras a outra, a verdade é que esperaba algo máis. Os catro personaxes principais creo que teñen un defecto, e é que son bos moi bos ou malos moi malos, demasiado esaxerados nalgúns comportamentos e actitudes e non me pareceron tan “reais” como en “Los pilares...”. Xa sei que as comparacións son odiosas, e normalmente é así e non son demasiado dado a elas, pero se se vende como unha continuación penso que é inevitable compara ambas. Nalgúns momentos pareceume case un “folletín” de calidade media baixa, un montón de desgracias unha tras outra con poucos momentos para saír un pouco cara arriba que incluso me cansou algo. Quizais por iso hasta se me fixo un pouco longa e ata me sobraron algunhas, non poucas, páxinas. Iso si, non se me fixo pesada, é entretida e se le ben, pero tendo en conta de quen ven penso que non está á altura. Quizais iso é o malo de ter o listón tan alto ou de escribir por compromiso buscando as boas ventas tendo en conta a fama da novela da que parte, case podo dicir que percibín falta de ganas ña hora de escribir ou incluso de cariño do autor polos seus personaxes, non sei moi ben como expresalo, como se fora máis unha imposición da editorial que algo que saíra do corazón do autor. Espero que a publicación da súa última novela, unha triloxía que promete bastante, traia de novo ao Follet que me “conquistou” con case todas as súas novelas anteriores. Non sei se máis lectores coincidirán comigo nestes puntos de vista, sei que moitos non porque no seu momento comenteina con máis xente que a lera e algúns pensaban coma min e outros non, iso é o bo de todas estas cousas, que cada un faga unha lectura cos seus propios puntos de vista e saque as súas conclusións, eu limítome a dar a miña opinión.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=cofVtpAIodE&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

miércoles, 15 de septiembre de 2010

"Maldito karma", de David Safier

karma.jpgsafier.jpgParece que estamos nun ano de sorpresas editoriais, quero dicir que levamos uns meses de novelas de autores e autoras descoñecidos con primeiras novelas que se converten en éxitos editoriais, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Non me vou parar a mencionalos, porque máis ou menos todos sabemos cales son, algúns deles xa apareceron por estes comentarios e outros, posiblemente, aparecerán máis adiante. Digo isto porque a novela que vou comentar hoxe está dentro deste grupo. “Maldito karma” é a primeira novela de David Safier, un autor novel que viu como a súa obra converteuse nun gran éxito de ventas en todos os países nos que se vai publicando. Ademais entramos tamén nun xénero que aínda non aparecera por aquí, a novela “satírica” ou que pretende facer sorrir ao lector e que ademais ten (como case todas as do xénero en calquera época) unha certa carga crítica que é precisamente un dos motivos centrais da historia, criticar actitudes ou comportamentos tentando ridiculizalos ou esaxeralos cara ao lector, pero nesas hipérboles sempre podemos atopar comportamentos tanto nosos como daqueles que nos rodean. Teño que dicir que me pareceu unha novela máis que simpática, moi entretida e que conseguiu facerme sorrir máis dunha vez, así que penso que merece a pena.


David Safier é un autor alemán nacido en Bremen en 1966. Estudou periodismo e traballou logo na radio e na televisión. A partir do ano 1996 empeza a traballar como guionista de programas de televisión, co que empezou a ser coñecido no seu país, realizando varias series e comedias de situación. Por este traballo recibiu varios premios, como o Grimme ou o Premio TV en Alemaña, ademais dun Emmy nos Estados Unidos. En 2007 publica a súa primeira novela, “Maldito Karma” que é un gran éxito de ventas en todos os países nos que aparece. En 2009 publícase en España, onde tamén sobe rapidamente aos primeiros postos. A súa seguinte novela, que aparecerá pronto en castelán é “Jesús me quiere” e en marzo de 2010 saiu en Alemaña a terceira “Plötzlich Shakespeare” (que viría a ser algo así como “De repente Sakespeare”).


A historia que nos conta a novela é simple. A protagonista é Kim Lange, que é nese momento a presentadora máis famosa da televisión alemá. Claro que esa fama ten un prezo, o seu fracaso como nai, esposa e compañeira de traballo. Tanto é así que non acode á festa do quinto cumpreanos da súa filla porque prefire ir a unha entrega de premios, na que ademais pode levarse o galardón dese ano. A relación co seu marido está moi deteriorada, un home ao que quixo moito no seu momento pero ao que foi deixando de lado a cambio do éxito. E o mesmo lle pasa á relación coa súa filla, unha pequena á que case non ve, coa que case non fala e á que non atende, senón que é o seu marido o que ten que encargarse de todo o que ten que ver coa vida familiar. Os seus compañeiros de traballo tampouco é que sintan demasiado aprecio por ela, unha muller capaz de calquera cousa por medrar e ascender no seu traballo, deixando de lado a todos e a todo. Gaña o premio e engana ao seu marido esa mesma noite cun atractivo presentador, pero nun momento a vida pode darte unha sorpresa e, de repente todo remata. Un lavabo dunha estación espacial rusa cáelle enriba da cabeza e aí remata todo, morrendo case instantaneamente. Esperta de repente con dúas antenas e seis patas, é unha formiga. A razón, o propio Buda aparéceselle trala morte para dicirlle que acumulou tal cantidade de mal karma durante a súa vida que agora deberá empezar de novo, se quere ir avanzando para poder morrer en paz e marchar dunha vez terá que acumular bo karma, e iso solo se consegue con boas obras, algo que non sabe se será capaz de conseguir. O resto teredes que lelo, porque penso que realmente merece a pena e ides pasar un bo rato.


Ante todo comentar que todo o asunto do karma está tomado con ese sentido do humor que preside toda a historia, que polo que acabades de ler non é máis que unha ficción simpática e completamente ficticia e fantástica. Tampouco é necesario crer en reencarnacións, relixións nin nada por ese estilo, para nada é unha novela relixiosa que pretenda ensinar algo relacionado con este tema. O que de verdade pretende é facer unha reflexión desde un punto de vista humorístico de cales deberían de ser as prioridades da nosa vida, o que de verdade é importante, o que realmente facemos con ela e o que, desde o punto de vista do autor, deberiamos facer quizais para ser mellores persoas e disfrutar un pouco máis da vida. Moitos verán nalgunhas situación escenas e momentos da súa propia vida ou da dos que os rodean, pero sempre nun ton simpático e intranscendente que ao mesmo tempo esconde cousas importantes e non tan divertidas. O personaxe central, ademais, non é nada esaxerado nin fóra da realidade, podemos atopar máis dunha persoa así ou parecida (e incluso moito peor) e todo o que lle vai ocorrer está encamiñado a que tanto ela mesma como o lector reflexionen un pouco sobre unha serie de temas que están bastante ben plantexados: o ritmo da vida moderna, as relacións persoais, a amistade, o amor á familia, o respecto á xente, as mentiras..., a lista podería ser extensa. Para os afeccionados á televisión nalgunhas cousas recordoume a unha serie que ten unha liña parecida, “Me llamo Earl”, na que o protagonista estaba convencido, tras un accidente, de que a vida dependía do karma, que marcaba que se un fai cousas boas pásanlle cousas boas e se as fai malas pois lle pasan cousas malas. Con esa idea dedícase a tentar arranxar todos os erros que cometeu na súa vida, que foron moitos, para conseguir que a súa vida mellore. De paso recoméndoa para aqueles que non a coñezan, ademais de que tamén ten un ton de comedia algo histriónica, pero moi divertida.


É unha novela breve, non chega ás 300 páxinas que se le con moito agrado e facilidade, bastante ben plantexada e na que no hai un momento no que non pase nada. Os personaxes principais son catro ou cinco e todos eles moi ben construídos para que o lector saiba en todo momento como pensan e por que actúan como o fan. De todos modos, de todos eles, quédome cun personaxe histórico que aparece de vez en cando acompañando á protagonista nas súas “aventuras”, creo que os mellores momentos sobre todo en comicidade están reservados para el, moitos deles convertidos en notas a pe de páxina realmente divertidas. Hai tempo que non lía unha historia que me fixera sorrir, anos creo eu, pero esta conseguiuno non poucas veces. Non é que sexa para rir a gargalladas, pero si que me mantivo durante toda a lectura cun sorriso na boca, e algunha risa en alto tamén apareceu algunha vez. Certo é que non ten nada de realista, é case unha fábula longa onde en realidade algúns animais son persoas reencarnadas, pero como xa dixen, esta ficción que pode parecer ridícula nalgúns momentos esconde moitas realidades. Non quero contar moito máis, porque como sempre a gracia está en lela, pero si que é unha desas novelas que recomendaría, tanto para pasar un bo rato como para pensar un pouco por onde queremos levar as nosas vidas, non vaia ser que nos reencarnemos nunha formiga, ou algo peor.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=2yhj88atX0g&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

jueves, 9 de septiembre de 2010

Resistencia / El libro negro

Como estamos nun momento de certo parón no tema das series, xa que as novas temporadas e series chegarán en breve, hoxe imos volver ao tema do cine. Como non son estreas recentes vou comentar dúas películas que non é que sexan antigas, xa teñen un par de anos, pero estes días tirando de cousas que tiña gravadas vin as dúas e penso que merecen un comentario e unha recomendación para aqueles que non as viran, para que as recuperen en DVD ou as anoten cando aparezan por televisión. Poño as dúas xuntas porque comparten temática, as dúas transcorren na época da Segunda Guerra Mundial e teñen como tema central a situación dos xudeus durante este momento histórico. É un tema que non deixa de sorprenderme e asustarme, a verdade, sobre todo porque penso que ao igual que nestas historias que comento hai moitas outras parecidas que non chegaron a coñecerse e quedaron perdidas na historia, aínda que algunhas gracias ao cine e á literatura van chegando ata nos. Ambas son películas fortes, duras, tristes e arrepiantes, que provocan uns sentimentos de repulsión ante estas situacións que se produciron neses anos e, ao mesmo tempo, son historias de valentía (aínda que penso que para estas é unha palabra que se queda corta), de superación, de coraxe, de loita pola supervivencia...


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=FnRYQqp6oZw&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

A primeira titúlase “Resistencia”, estreada no ano 2008. Como a maior parte deste tipo de cintas, está baseada en feitos reais. Vainos contar a historia de catro irmáns en Bielorrusia durante a ocupación alemá. Estamos no ano 1941 e os seus propios compatriotas que traballan para os nazis toman parte no asasinato dos pais dos protagonistas. Eles logran escapar e van vivir aos bosques que rodean o lugar onde viven. Ao principio queren sobrevivir como poden, pero ao pouco tempo comezan a atopar a máis refuxiados dos que terán que facerse cargo. Empezan medio pedindo medio roubando comida para subsistir, pero tamén realizando pequenas escaramuzas contra os que asasinaron aos seus pais coa vinganza sempre presente nas súas mentes. Tuvia é o irmán maior, un home seco, non demasiado violento que o que quere fundamentalmente é conseguir que el e aqueles que están con el saian adiante. Non vivía co resto dos irmáns, está casado pero acode na súa axuda cando asasinan aos seus pais. Zus é o o seguinte, máis violento e centrado na loita, na vinganza contra os nazis, é o que quere pelexar e matar, o que provocará máis dun enfrontamento co seu irmán. E logo temos ao terceiro Asael, que queda entre os dous irmáns, admirando ao maior pero respectando tamén ao segundo, sen saber moi ben que é o que ten que facer, pero que terá que crecer a un ritmo moito máis rápido da idade que ten. O cuarto irmán chámase Aron, é o irmán pequeno, no que máis se nota o sufrimento provocado por unha situación que non entende demasiado ben. A medida que van sendo coñecidos na zona, o número de xudeus que acoden a eles para atopar refuxio e poder vivir vai crecendo dun modo alarmante, ata formar case unha pequena vila que terán que administrar, gobernar, alimentar e, sobre todo protexer. Esta é a historia dos irmáns Bielski, un relato que merece a pena e non deixaría pasar. O director é Edward Zwick, coñecido por cintas como “El último Samurai” ou “Diamante de sangre”, que tamén teñen ese aire épico desta mesma de hoxe. Os protagonistas son Daniel Craig (que xa non sacará de enriba o de ser “o novo James Bond”, que neste papel non me gusta demasiado pero que nesta película da vida a un personaxe sobre o que cae unha responsabilidade coa que non contaba e que supón unha tortura nalgúns momentos) que creo que fai un máis que decente papel, e Liev Schreiber, un actor normalmente para papeis secundarios pero que aquí penso que dá a medida do que podería facer se lle ofreceran outro tipo de actuacións. Todos están moi ben, provocan no espectador unha morea de sentimentos, as situacións de tensión son moitas e duras, pero terán que facer todo o posible, e algo máis para poder saír desa situación. Son case dúas horas e media de cine, pero que non se fan nada longas, é imposible non estar pendente da vida destes homes e mulleres en medio do monte, famentos, pasando invernos, loitando por vivir contra os alemáns e o bosque que os rodea e do que non poden saír.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=dxRckhIJoP0&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

A segunda transcorre na mesma época, pero noutro país distinto, neste caso Holanda. O director é Paul Verhoeven, un holandés que fixo varias cintas en USA cheas de efectos especiais e buscando a espectacularidade e a taquilla, coñecido por exemplo por “Instinto básico”, “Robocop”... Esta de hoxe é a súa última película ata o momento e para facela volveu a Holanda, ao mellor buscando facer algo distinto e con algo máis de calidade. E a verdade é que o conseguiu, porque é unha historia de guerra, de nazis, de espionaxe cun ritmo e unha historia que ten pegado ao espectador ao asento sen case poder respirar, as dúas horas e media longas de metraxe pasan case sen darse conta, porque o nivel de intranquilidade e tensión que provoca é moi alto. Polo que di o propio director está inspirada en feitos reais, non directamente baseada neles, o que quererá dicir que é unha interpretación algo libre dos feitos. Aínda así penso que é completamente crible, nada esaxerada e ben podería ser tal e como nola conta o propio director. Estamos no ano 1944 en Holanda, a protagonista é unha cantante xudía que vive escondida cunha familia holandesa, lonxe dos seus pais que están noutro sitio, pero a súa familia de acollida morre durante un bombardeo e terá que escapar para poder sobrevivir. Toma contacto cun home que lle ofrece a posibilidade de escapar xunto á súa familia, pero serán atopados polos alemáns, que acabarán con case todos. Ela escapa de novo e vai traballar coa resistencia, seducindo a un oficial nazi como parte da súa misión. Evidentemente as cousas vanse complicar nun xogo no que case ninguén é o que parece, un xogo de espionaxe, de enganos, de mentiras e falsidades no que ela verase metida sen saber moi ben en quen pode confiar e en quen non. A historia vaise complicando pouco a pouco, e o mellor é vela para saber que lle vai pasar. É unha película moi ben feita, moi coidada, elegante, sen demasiados adornos e artificios, directa e dura, o que dicía antes, unha historia real con persoas reais, coas súas virtudes e os seus defectos, tendo en conta que tanto unhas como os outros veranse acrecentados pola situación na que teñen que vivir. Hai escenas realmente duras, que lle doen máis ao espectador que aos actores, con situacións estremecedoras pero non é unha cinta excesivamente sanguenta, é máis unha guerra entre persoas polo poder, o diñeiro, a riqueza e, sobre todo, a supervivencia. Os actores son todos holandeses e non demasiado coñecidos, pero a protagonista, Carice Van Houten, destaca por riba de todos cunha excelente interpretación e fenomenalmente acompañada polo resto, xa que creo que están todos moi ben. O guión está perfectamente elaborado, nalgúns aspectos cun aire de película das de toda a vida, case daquelas de antes, en branco e negro, pero agora en color e máis directas nalgunhas cousas, claro. Unha película completamente recomendable para pasar dúas horas e media case sen darse conta.


Aínda que teñen certas cousas en común son bastante distintas. Dúas formas de ver unha parte da nosa historia recente que a min, tanto en cine como en literatura non é so que non me canse, senón que non deixa de estremecerme, arrepiarme e deixarme nun estado para o que non hai demasiadas palabras. Por pouco, xa que é unha historia algo máis movida e variada, gustoume máis a segunda, pero xa digo, por moi pouco. Se non as vistes aínda penso que son merecedoras de que o fagades, aínda que supoño que calquera día caerán por algunha das nosas televisións, anotádeas.

lunes, 6 de septiembre de 2010

"La biblioteca de los muertos", Glenn Cooper

biblioteca.jpgcooper.jpgAntes de comentar o libro de hoxe gustaríame facerlle unha recomendación a algunhas editoriais sobre as reseñas e comentarios que publican nas contraportadas e solapas dos seu libros. Xa o pensei hai algún tempo con algúns trailers de cine, que se os ves case non é necesario que vaias ver a película, porque cha contan case enteira ou polo menos descobren máis do necesario. Agora pásame algo parecido con máis dun libro. Este en concreto que comento hoxe, se un le a contraportadas xa descobre o misterio da historia, porque o deixa ben clariño,co cal o núcleo central da mesma queda desvelado, perdendo moito interese. Está ben que nos conten algo, señores editores, pero so o xusto para despertar o interese do lector, non para resolverlle o misterio, sobre todo se falamos de novela negra, claro. Procurarei non facer o mesmo con este comentario de hoxe.


Como sempre tede en conta que estes comentarios son absolutamente subxectivos, marcados polos meus gustos e lecturas anteriores. Digo isto porque a novela de hoxe, a pesar de que me entretivo algo, non creo que aporte nada ao xénero (xa sei que en novela negra non é fácil facelo) e non pasou para min de ser unha historia decentiña, pero que me decepcionou un pouco. Cando o vin na librería chamoume moito a atención, a historia pintaba ben e parecía que me ía gustar moito máis do que o fixo. Falo de “La biblioteca de los muertos”, de Glenn Cooper.


É a primeira novela deste autor, do cal, por certo e tras moito navegar, non puiden atopar a data d nacemento. Naceu en Nueva York e licenciouse en arqueoloxía pola Universidade de Harvard. Tamén estudou Medicina e exerceu esta profesión. Como arqueólogo participou en varias escavacións, sobre todo en Inglaterra. Desilusionado do seu traballo como médico pasou a traballar como especialista en enfermidades infecciosas nun grupo de investigación en Indianapolis. Seguiu nesta liña durante un tempo, traballando nalgunha empresa farmacéutica. Empezou escribindo guións de cine, menciona uns vinte ata agora, vendendo algúns deles. Entrou na Escola de Cine da Universidade de Boston, pero non chegou a graduarse. Formou unha produtora xunto cun amigo, producindo algunha película. Esta primeira novela empezou como un guión máis, pero vendo as dificultades de convertela en película decidiu que fora unha novela. Consegue que a publiquen e ten un gran éxito de ventas no seu país e é traducida a varios idiomas. Agora dedícase á escritura a tempo completo, investigando, escribindo e lendo. Todos estes datos están extraidos dunha biografía que aparece na súa páxina web.


“La biblioteca de los muertos” transcorre en tres épocas distintas, aínda que a maior parte da historia desenvólvese na actualidade. Parte dun nacemento ocorrido na abadía de Vestis, na Bretaña. Aí, o sétimo día do sétimo mes do ano 777 nace Octavus, un neno que nace cunha maldición motivada por nacer nesa data e ser o sétimo fillo enxendrado por un sétimo fillo. A lenda di que nacerá cuns poderes inspirados polo diaño. Tras uns anos de vivir pechado en si mesmo, sen falar e vivindo na abadía, comeza case como un autómata a escribir nomes e datas aparentemente ao azar. Na segunda época, anos 40 do século XX, temos a unha serie de personaxes históricos reais que falan sobre un tremendo misterio que se é coñecido pola humanidade pode ser fatal para ela. E de aí pasamos ao momento actual. Estamos en Nueva York, onde a cidade está aterrorizada por unha serie de asasinatos. Todos están unidos por unha mesma característica, os mortos reciben unha postal por correo coa imaxe dun féretro e a data da súa morte. Temos a un posible asasino en serie, ao que a prensa vai chamar “o asasino do Xuizo Final”. A policía está perdida, os mortos non teñen nada en común e os asasinatos non seguen as mesmas pautas en ningún sentido. Así intervén o FBI, que case por obriga, encárgalle o caso ao protagonista da historia, o axente Will Piper, un dos maiores expertos en asasinatos en serie, pero que xa está no ocaso da súa carreira, a punto de xubilarse e rodeado de unha boa cantidade de problemas de todo tipo, persoais, familiares, de relacións... Será o seu último caso, así que está decidido a atrapar ao asasino custe o que custe, pero vaise atopar con máis dunha sorpresa en varios sentidos na súa investigación. Aínda que curiosamente, a seguinte novela deste autor, titulada “El libro de difuntos” retoma a este mesmo protagonista, ao que supoño que sacará do seu retiro, xubilación ou o que sexa, para resolver un novo caso.


A verdade é que como dixen ao principio a cousa tiña boa pinta e comecei a lela con bastantes ganas. A medida que ía pasando as páxinas as miñas expectativas ían caendo pouco a pouco. Recoñezo que a historia non é mala e precisamente tras ler o resumo e ver o libro atraíame, pero a lectura decepcionoume un pouco. Creo que non ten case nada novidoso, aínda que xa dixen que non é fácil no xénero, pero nalgún momento a cantidade de tópicos e ideas doutros libros creo que escurece ese bo plantexamento. A parte que transcorre no século VIII e algo máis adiante gustoume bastante, ten orixinalidade e chama a atención, pero o desenvolvemento posterior decepcionoume un pouco. Os personaxes da actualidade, case todos, son típicos, sobre todo o protagonista. Will Piper, o axente do FBI cos seus problemas persoais e todo o que o rodea creo que non aporta case nada, é igual a moitos outros de moitas novelas. O mesmo ocorre coa maior parte dos que o rodean, desde os seus xefes ata a súa compañeira. O camiño que segue a historia en torno a estes personaxes pareceume bastante previsible en case todo, engadindo ademais que a metade de novela, máis ou menos, case todo queda desvelado. Certo é que a partir dese momento a cousa toma un xiro algo “inesperado” (aínda que non demasiado) e con algunha orixinalidade, pero creo que está algo desaproveitada, podería dar algo máis de si. Se a isto lle sumamos o que comentei ao principio, se un le os comentarios que aparecen na edición do libro ás poucas páxinas o gran misterio queda resolto, perde bastante. En canto á forma se mantén dentro do xénero, non ten grandes cousas que comentar no estilo, fácil, sinxelo e ameno. Non é que non me gustara, entretívome, pero creo que hai moitas novelas do xénero que están por riba desta e que lin algunhas que sen tanta propaganda ou éxito de ventas parecéronme moito mellores. ¿Recomendaría a súa lectura? Se un so quere pasar un rato de lectura sen demasiadas pretensións si, pero se quere algo máis hai outras creo que moito mellores. De todos modos espero os vosos comentarios, tanto para confirmar o que penso dela como, sobre todo, aqueles que non estean de acordo, a ver se me fan vela doutra maneira.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=AQU1WdwW8As&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

miércoles, 1 de septiembre de 2010

"Los pilares de la tierra", Ken Follet

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=GSa6AhEWebA&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

A verdade é que levaba tempo con ganas de facer un comentario desta novela, outra desas que tamén xa ten un tempo, non é nada recente, pero segue a venderse bastante ben e é unha das novelas máis vendidas en España e en todo o mundo nas últimas décadas. Penso que para os afeccionados á novela histórica é imprescindible, sei que xa pasou por moita xente, pero tamén que as novas xeracións de lectores non deben de deixala pasar. Tamén que moitas das novelas do xénero que tivemos despois da súa publicación tivérona como inspiración directa e que hai moitas parecidas, pero penso que poucas están á súa altura en canto a entretemento, traballo de documentación histórica e moitos outros aspectos. Sempre pensei que daría unha película fabulosa, pero a súa extensión facía que fora case inabarcable para unha cinta da duración habitual. Por iso cando vin que ían convertela en serie de televisión levei unha certa alegría e agora que vexo que neste mes de setembro que entra vai ser emitida en Canal+ e en Cuatro estou agardando para poder vela con moitas ganas. Falo de “Los pilares de la tierra”, de Ken Follet e que agora poderemos ver en formato de serie televisiva de oito episodios.


Ken Follet é un auténtico creador de best-sellers, o cal non ten porque ser nada negativo, normalmente todas as súas novelas son máis que entretidas e sempre moi ben documentadas, non so as de temática histórica senón tamén as que transcorren en tempos máis modernos. É un autor británico, nacido en Cardiff (Gales) en 1949. Xa de pequeno tiña moito interese na lectura, foi un estudante normal ata a adolescencia. En 1967 ingresou no University College of London, onde estudou filosofía. Graduouse en 1970 e logo matriculouse nun curso de periodismo e conseguiu traballo como reporteiro nun periódico da súa cidade natal. Pronto deixou este traballo e volveu a Londres como reporteiro para o Evening Standard, pero deixou o periodismo e en 1970 traballou para unha editorial como xestor. Por esa época comezou a escribir relatos, primeiro como afición. O éxito venlle coa publicación en 1978 de “La isla de las tormentas”, que lle deu fama internacional. A partires deste momento todas as novelas que publicou foron éxitos de ventas e moitas delas foron levadas ao cine. A súa carreira literaria pasou por varias fases. A primeira máis centrada en temas de suspense e espionaxe no sentido máis clásico, situadas en varias épocas e lugares, novelas como a mencionada anteriormente ou “El hombre de San Petersburgo”, “Las alas del águila” ou “El valle de los leones”. Nunha segunda fase entra de cheo na novela histórica, novelas escritas entre finais dos anos 80 e finais dos 90. A primeira é “Los pilares de la tierra”, unha novela con múltiples personaxes, varias liñas argumentais e moitos datos históricos. As seguintes foron “Noche sobre las aguas” (que transcorre en vésperas da Segunda Guerra Mundial), “Una fortuna peligrosa” (na Inglaterra victoriana) e “Un lugar llamado libertad” (situada na época colonial nos Estados Unidos). A partires dos 90 publica dúas novelas situadas no presente e relacionadas coa tecnoloxía como argumento principal, “En la boca del dragón” e “El tercer gemelo”, que non tiveron o mesmo éxito que as anteriores nin de lectores nin de crítica, que as consideraron como demasiado superficiais e fantásticas. Volveu ao suspense e ao espionaxe máis tradicional con “Doble juego”. En 2007 apareceu unha secuela da súa novela de máis éxito, “Los pilares de la tierra”, titulada “Un mundo sin fin”. Neste mesmo mes aparecerá a súa última novela, que forma parte dunha triloxía que ten como título xenérico “The century” (“O século”) que ven a ser unha crónica de gran parte dos feitos históricos do século XX contada a través de tres xeracións de cinco familias que manterán unha certa relación: unha inglesa, unha galesa, unha rusa, unha alemana e outra estadounidense. A primeira das tres ten o título de “La caída de los gigantes” e polas referencias que vin é outra desas novelas longas que trataran todos os grandes momentos do século, a Primeira e Segunda Guerras Mundiais, a Revolución Rusa e case todos os acontecementos importantes a nivel mundial do século pasado. A verdade é que se responde á liña que aparece nas súas mellores novelas a cousa promete, pero haberá que esperar a tomar contacto con ela para poder opinar.


“Los pilares de la tierra” é unha das novelas máis vendidas en España e en todo o mundo, milleiros de exemplares en case todas as linguas. Penso que é a súa mellor novela e unha das mellores novelas históricas que se poden ler, aínda hoxe, e iso que foi publicada por primeira vez no ano 1989. É unha historia complexa, case unha novela coral con multitude de personaxes e varias liñas narrativas. Está ambientada en Inglaterra na Idade Media, no século XII. Un dos temas fundamentais é a arquitectura, no seu paso do románico ao gótico, tendo como escusa para desenvolver o tema a construción dunha catedral. Transcorre nun lugar ficticio, o priorato de Kingsbridge. Pola súa extensión e complexidade non é unha novela fácil de resumir, xa que ademais o tempo aproximado da historia son uns corenta anos. Nela teremos de todo, ata unha viaxe en peregrinación ata Santiago de Compostela a través de Francia e España. Comeza cun aforcamento e unha maldición, logo pasará a contarnos a historia de Tom Builder (“o construtor” en inglés), que ten o soño de construír unha catedral, que como dixen antes, é un dos elementos centrais da historia. Ao seu redor teremos varias historias e personaxes que fan que a historia sexa máis entretida e interesante. Tom ten que deixar o seu traballo e marchar en busca de novos horizontes, acompañado da súa muller embarazada e os dous fillos que xa ten. A muller morre no parto e Tom atópase cun neno co que non sabe que facer, polo que o deixara na porta do mosteiro de Kingsbrige. Nel teremos a outro dos personaxes principais, o prior Philip, un home recto e bondadoso que será un dos que máis loitarán para que a catedral saia adiante. Outro dos protagonistas é Jack, que vive no bosque coa súa nai Ellen (novicia e logo acusada de bruxería). Este será un dos que traballe xunto a Tom na catedral e viaxará por Francia e España para aprender todo o necesario. Temos tamén a Waleran, o sacerdote movido pola ambición e o poder, que fai todo o que sexa necesario para conseguir os seus obxectivos... Penso que é case imposible facer un resumo sen estenderse demasiado ou contar de máis. Violación, incesto, asasinatos, torturas, enfrontamentos, mentiras, amor, violencia, intrigas, xiros na historia, sorpresas e moitas cousas máis conforman unha historia complexa e bastante ben contada que atrapou xa a millóns de lectores de todo o mundo e que non deixa de venderse. Posiblemente a estrea da serie de televisión faga que este número aumente.


Esta emitirase primeiro en Canal+ e a continuación en Cuatro. Xa dixen ao principio que sempre pensei que era unha historia moi cinematográfica e atrainte, e espero que sexa bastante fiel ao texto, aínda que xa veremos. Nun principio a produción ten dous nomes que non é que aseguren nada, pero que son moi coñecidos e que sempre, máis ou menos, son sinónimo de produtos de calidade, falo dos irmáns Scott, Tony e Ridley, directores, produtores e guionistas máis que coñecidos por gran cantidade de películas, quizais algo máis o segundo, que conta con varias cintas que marcaron unha época e un certo estilo. Un presuposto de máis de 40 millóns de dólares, que é moito para unha serie de televisión, filmada en Hungria e Austria e asesorada no guión e nalgunhas cousas máis polo propio autor. Como curiosidade comentar que incluso ten un pequeno papel na mesma, facendo dun mercader. Varias caras coñecidas no reparto, quizais as dúas máis destacadas por coñecidas, as de Donald Sutherland (interpretando ao conde Bartholomew) e Rufus Sewell (no personaxe de Tom Builder).


Xa sei que aínda non se emitiu, pero as críticas doutros países onde xa a están a ver son bastante boas, tamén é certo que tiña o éxito case garantido, aínda que so sexa pola cantidade de lectores que tivo, que seguro que moitos deles esperaban, coma min, esta adaptación. De todos os xeitos seguro que cando remate seguirei pensando que mellor ler a novela. Supoño que moitos xa o fixeron, pero para aqueles que aínda non se decidiron a facelo eu recomendaría que non o deixaran para máis adiante. Se teño que escoller unha novela histórica entre todas as que teño lido ata agora, quédome con esta por moitas razóns. A súa extensión é unha delas, porque sería imposible concentrar unha historia longa e complexa en poucas páxinas. Os personaxes están ben definidos, a historia atrapa polas voltas que da en todos os sentidos. Moitas veces neste tipo de novelas, sobre todo antes, os personaxes femininos non son todo o importantes que poderían, nesta temos varios e todos son fundamentais para a historia. Lese con moito agrado e interese, a historia atrapa e sempre queres saber máis, xa digo, recomendable cen por cen, imprescindible para todos os afeccionados á literatura histórica.