jueves, 29 de julio de 2010

"El nombre del viento", Patrick Rothfuss

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=CNr3A4kGPzs&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Normalmente, tras rematar unha novela e plantexarme facer un comentario, sempre boto unha ollada por internet a outros comentarios, buscar datos biográficos e esas cousas, máis que nada para documentarme un pouco e ver tamén as distintas opinións e consideracións que sobre a lectura que fixen tiveron outras persoas. O normal é que apareza de todo, a maioría son bos comentarios e poucos son malos, tamén será porque con todo o que se publica hai que ser un pouco selectivo co que se le e normalmente un ponse a ler algunhas cousas de autores que xa coñece ou que tiveron boas críticas, ventas ou porque o tema pode resultarme atrainte. Pois con esta novela que vou comentar hoxe teño un pequeno problema, todos os comentarios que vexo pola rede son excelentes, parécelles boísima, do mellor dos últimos anos no xénero e que marcará época e, aínda que gustoume a min persoalmente non me pareceu para tanto, a verdade, resultoume entretida, amena pero pouco máis. Falo dunha novela de recente publicación e que está a ter moi boas ventas, tanto no seu país como fóra del, “El nombre del viento”, de Patrick Rothfuss. De entrada non son demasiado amigo das triloxías, a verdade, sobre todo cando pasa tempo entre a publicación do primeiro e o resto, non por nada, pero as veces se deixas pasar demasiado tempo case tes que reler a anterior para recordar un pouco a historia e coa cantidade de libros que pasan entre un e outro é fácil esquecer algunhas cousas. Recoñezo que as veces é imprescindible facelo así, en partes, porque a historia enteira non seria publicable nun so volume, pero non son dos libros que me guste demasiado ler. Non é o mesmo con aqueles que teñen os mesmos personaxes pero que cada un ten unha historia que empeza e remata, polo menos non quedas con intrigas e dúbidas, e se están ben deseñados e o escritor é bo pois sempre resulta interesante. Digo isto porque esta é a primeira novela dunha triloxía na que nos vai contando a historia do protagonista. Neste primeiro conta os seus primeiros anos, e hai cousas que estaba esperando que tiveran unha explicación ou algo así e cando rematei quedei como estaba, tendo que ler o seguinte se quero despexar esas dúbidas, a verdade algo que non me gusta demasiado. Por certo, falamos dunha novela de xénero fantástico, non de ciencia ficción, senón desas de fantasía, con mundos distintos ao noso, algo de maxia, seres fantásticos e case todos os elementos do xénero.


Patrick Rothfuss é un autor nacido en 1973 en Madison, Wisconsin (Estados Unidos). Foi un asiduo lector e no ano 1991 matriculouse na universidade coa intención de estudar enxeñería química, non lle debeu gustar e pasouse á psicoloxía clínica, pero logo dedicouse a estudar asignaturas que lle resultaban interesantes sen estar matriculado de xeito oficial. Tivo varios traballos e empezou a escribir unha novela de fantasía moi longa que chamou “The song of Flame and Thunder” (que sería algo así como “A canción da chama e o trono”). Graduouse no ano 1999 con un título en lingua inglesa. Despois realizou un curso de profesor e dedicouse logo a dar clases. Agora é profesor adxunto de literatura e filoloxía inglesa na Universidade de Wisconsin. Cando rematou a súa novela envioulla a varias editoriais, pero foi rexeitada. No ano 2002 gañou un concurso presentando un extracto da súa novela e gracias a iso conseguiu que a editorial DAW Books a publicara dividida en tres tomos baixo o título xeral de “La crónica del asesino de reyes”. O primeiro tomo, “El nombre del viento”, foi editado no ano 2007, ano no que gañou o Premio Quill á mellor novela de fantasía / ciencia ficción e converteuse nun dos libros máis vendidos nos Estados Unidos. Fóra do seu país tivo moi boas ventas, en España publicouse no ano 2009, tamén con moi bos resultados. A segunda novela está prevista para o ano 2011, “El temor de un hombre sabio” e a terceira, “Las puertas de piedra” como título previsto e sen data de publicación aínda.


O protagonista e Kvothe, que vainos contar a súa vida, é un músico, mago e aventureiro que, tras ser moi famoso na súa xuventude, desaparece. Convertido en Kote atopámolo ao principio da novela levando unha taberna en Devan Lochees acompañado dun discípulo chamado Bast. Un día aparece un personaxe, chamado Cronista, que convence ao noso protagonista para que lle conte a historia da súa vida. A historia transcorre en dúas liñas, por un lado o presente no que está a contar a súa historia contando ademais con que sabemos que algunhas persoas andan a buscalo, e o pasado, a historia da súa vida contada desde o principio. Así coñeceremos a súa infancia e xuventude neste primeiro volume. Como os seus primeiros anos transcorren coa súa familia nunha troupe de músicos e actores que van polos pobos facendo o seu traballo, como un día aparece un home que lle vai ensinar os seus primeiros conceptos de maxia ademais de outras moitas cousas, como Kvothe amosa ter unhas dotes moi especiais para todas estas cousas ademais da música e ter unha facilidade natural para a aprendizaxe de calquera cousa, porque asimila todo enseguida. Un día a súa familia e todos os que van con ela son asasinados e terá que buscarse a vida, tentando sobrevivir nunha das grandes cidades da súa época. O seu gran obxectivo é ser admitido na Universidade na que se estudan todos eses conceptos máxicos dos que está chea a historia e a partir de aquí xa non vou contar máis, que creo que xa contei bastante e é a partires de este punto cando penso que a historia é algo máis interesante.


Dicía ao principio que tras ver os comentarios da xente sobre esta novela quedei un pouco “preocupado” porque non coincido demasiado coa maior parte deles. Todos falan dela como a mellor novela do xénero dos últimos anos, falando de que desde Tolkien non aparecera nada tan orixinal e ben tratado, incluso algúns din que é a mellor novela do xénero, falando de que é algo diferente, novidoso, na que o mundo fantástico aparece como algo completamente real, minucioso e incluso que parece máis unha crónica histórica que unha novela de fantasía. Coincido con eles no sentido de que está máis centrado nos personaxes e nas súas vidas que en todo o que é o mundo máxico, ademais de que é unha maxia algo distinta, sinxela, simple, sen grandes espavientos e efectos especiais, case de andar por casa, como se todo o mundo puidera facela. Si penso que o personaxe principal e atrainte e chama a seguir lendo, sobre todo para saber o camiño que o levou a vivir no presente como un humilde posadeiro cun negocio que case non ten clientes e case escondido nese pequeno pobo tras ser, como parece polo que se di, un dos homes máis importantes da súa época. Outros din que por fin leron unha novela de fantasía para adultos, e aquí si que non estou de acordo. Paréceme unha lectura máis para adolescentes afeccionados ao xénero que para outro tipo de lectores. Hai que ter claro que un ten que ser afeccionado a este xénero para que lle guste, senón o é, mellor non tentar lela, porque seguro que non lle vai gustar. A historia non está mal, é entretida e a lectura faise con agrado e tranquilidade, pero nalgúns momentos pareceume falta de emoción. Ademais non é sinxelo entrar nela, é unha novela longa, de máis de 800 páxinas e teño que dicir que coñezo a algunha persoa que ao chegar ás duascentas páxinas máis ou menos deixouna porque non a enganchou. A min pasoume algo parecido, pero como teño o costume de non deixar unha novela sen rematar continuei, e chegando ás 300 páxinas estaba algo máis metido na historia e resultoume máis entretida, pero sen chegar a engancharme tanto como outras moitas novelas deste xénero. Ademais non atopei tantos elementos orixinais como din algúns comentarios, aínda que penso que están bastante ben metidos na historia e non lle sobre nada. A parte na que sobrevive na cidade recordoume a algúns pasaxes de “Oliver Twist” e moitos dos momentos que pasa na Universidade trouxeron a miña memoria moitos momentos da saga de “Harry Potter” (que teño que dicir que lin enteira, gustoume e penso que as últimas eran, por dicilo dalgún modo, máis “adultas” e duras que esta que comento hoxe). Con isto non quero dicir que non me gustara, gustoume e entretívome, pero non tanto como os comentarios que lin antes de facer este. Claro que a literatura é algo subxectivo e os gustos son tan variados como os lectores e cada un saca as súas propias conclusións e como sempre estes son comentarios subxectivos meus que non teñen que coincidir cos dos demais, pero si que me gustaría que se algúns dos que me len leron esta novela me digan se coinciden en xeral comigo ou non.


E un último comentario sobre un aspecto que me chamou moito a atención. Estou tentando conseguir a edición en inglés deste libro porque ao final aparece un personaxe que é coidador de porcos, que nun momento din que pertence á tribu dos “paletos” que fala cunha mistura entre galego, asturiano e castelán medieval e cunhas estruturas que penso que non poden saír do autor orixinal, polo que creo que pode ser unha liberdade da tradución que me resultou sorpresiva por un lado e rara por outro, non sei como cualificalo, pero cando esta a ler ese fragmento case alucino coas conversas e as frases dese personaxe. Como antes se alguén xa a leu a ver que pensa deses capítulos.
rothfuss.jpgnombre-viento.jpg

lunes, 26 de julio de 2010

El Concierto

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=vNi9X8RcQIk&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

É evidente que non vou demasiado ao cine, gústame moito, pero nesta época por un lado non é que as estreas sexan demasiado decentes, chea a carteleira de cine de verán e, por outro, o desembolso económico que supón unha sesión para os que somos na casa fai que un teña que ser algo selectivo coas cousas que vai ver, polo que normalmente queda reducido ás tardes de inverno nas que non queda moito máis remedio que meterse nunha sala ou cando realmente estrean algo que merece a pena. Como cinéfilo non cambio para nada a sala de cine polo salón de casa para ver unha película, pero tendo en conta o comentado anteriormente as veces non queda máis remedio que ver as películas na casa. Como os comentarios de cine deste blog son os máis reducidos, en comparación cos outros temas, tamén penso que podo comentar aquelas películas que, aínda que non estean no cine nese momento, poden verse alugadas en DVD ou por outros medios que todos coñecemos, pero sempre, por favor, en boa calidade tanto de imaxe como de son, porque algunhas das que circulan son realmente invisibles, non sei como hai xente que é capaz de ver algunhas delas, a verdade.


Hoxe vou falar dunha película que vin hai uns días e que penso que realmente merece a pena, xa que nos gustou bastante. Non é un estreo recente, é unha cinta do ano pasado que tivo un certo éxito sobre todo gracias aos comentarios da xente que ía vela, polo que foi pasando duns a outros, o que fixo que estivera un certo tempo en carteleira, máis que outras. Ademais é unha cinta francesa, rompendo un pouco coa tónica de que parece que o único que se ve e se estrea é cine americano e que é o único que leva xente ao cine. A película titúlase “El concierto” e o título dá unha idea case perfecta do que nos vai contar, xa que está centrada nun concerto de música clásica, pero un concerto un tanto especial, sobre todo polos músicos. O director, completamente descoñecido para min, é Radu Mihaileanu, un romanés afincado en Francia. Esta é a súa sexta película e as anteriores tiveron un certo éxito no país veciño. Normalmente as súas historias son protagonizadas por persoas normais, centrado en personaxes de carne e óso e teñen que ver con desfavorecidos ou inxustizas. Neste caso estamos ante unha comedia, pero que ademais de momentos realmente simpáticos, non deixa de lado temas dramáticos e emotivos, tratados sempre con delicadeza e bo humor, que as veces é a mellor forma de queixarse de algo ou de deixar clara unha situación negativa. Todo isto acompañado do tema da música clásica como un fondo moi importante para o desenvolvemento da historia. De todos modos que ninguén pense que estamos ante unha película realista, non o é, é case unha fantasía de soño e maxia, de xente normal buscando que os seus soños se cumpran e poder vivir sen as frustracións que os afogan no día a día, pero cun ton simpático e leve, que fai que as veces algunhas cousas sexan aínda máis tristes, con ese ton agrio e doce que teñen moitas veces este tipo de cintas que non queren converterse nun tremendo drama case de teleserie e tampouco nunha caricatura da realidade. Os actores non son demasiado coñecidos fóra das súas fronteiras, excepto algún dos franceses que son recoñecibles se un é afeccionado a ver cine dese país. O resto son case todos actores rusos, entre eles os protagonistas, que teño que dicir que están perfectos todos e cada un deles nos seus papeis, plasmando perfectamente esa imaxe entre a tristeza, a decepción, a loita do día a día e o desexo de cumprir os seus soños, que ao final é o que move a todos e cada un deles a facer o que fan.


A historia é sinxela, o protagonista é Andrei Filipov, que traballa como limpador no teatro do Bolshoi. Hai 30 anos era un dos máis coñecidos directores de orquestra de Rusia, pero tras negarse a desfacerse dos seus músicos xudeus tivo que deixar o traballo da súa vida e vivir de recordos e frustracións. Un día, mentres limpa o despacho do xefe do teatro recíbese unha invitación por fax para que a orquestra do Bloshoi dea un concerto en París, no Teatro do Châtelet. O único que se lle ocorre é quedarse co fax e tentar convencer aos seus antigos compañeiros para facerse pasar pola auténtica orquestra e ir a dar ese concerto. O primeiro que terá que facer é tentar convencer a un ex axente do KGB que tivo moito que ver coa súa caída en desgraza para que actúe como manager e leve todas as negociacións. Este personaxe é dos mellores, un home que segue pensando en recuperar a antiga Rusia comunista e que decide axudalo por razóns máis persoais que porque sinta que lle debe algo a Filipov. Outro dos grandes personaxes da cinta é Sacha, o amigo íntimo de Filipov, condutor dunha ambulancia que leva sempre a serea posta e que se cae a pedazos, pero que sempre está de bo humor e aínda que ao principio pensa que a idea e unha tolería, ao final é un dos que máis vai traballar para conseguir que se faga realidade. Logo empeza a travesía para tentar xuntar a todos os seus antigos músicos, algúns xa moi maiores e outros reticentes a formar parte da suplantación. Pero todo son problemas, de diñeiro, de músicos, de instrumentos, de roupa, de pasaportes..., pero pouco a pouco as cousas irán collendo o camiño correcto. O resto é mellor velo, merece a pena ver como van avanzando no proceso e como van conseguindo as cousas, para rematar cun final perfectamente montado polo director, con ritmo e emoción nunha larga escena final que merece moitísimo a pena.


O mellor é que, aínda que ten momentos realmente dramáticos e tristes están en todo momento aderezados cun ton de comedia e optimismo moi conseguido e que fai que o espectador teña un medio sorriso en todo momento, con algún no que terá que rir con ganas, porque é imposible non facelo. Desde o principio, no que un dos medios de conseguir ingresos do matrimonio Filipov é contratar “figurantes” para manifestacións e incluso para vodas de mafiosos rusos que non queren máis que aparentar e enchen a cerimonia de xente, aínda que non os coñezan de nada. A forma de conseguir os pasaportes é outro deses momentos máis que bos, así como as distintas aventuras que van correr cando cheguen a París. É unha traxicomedia, máis cómica que tráxica, que merece moito a pena, protagonizada por uns xenios da música que por cuestións políticas ou relixiosas foron condenados ao ostracismo polos mandatarios rusos, pero que saben que aínda lles queda moita música e ganas nos seus corazóns. O ton é amable e case familiar, sobre todo nos personaxes principais, que son nos que se centra o director, tendo como fondo ademais a historia que algúns teñen coa violinista francesa que queren contratar para que faga de solista no concerto. Non se lle pode negar unha certa carga crítica contra certos aspectos que a algúns lles poderán parecer esaxerados e a outros menos, pero que son innegables e tristes. En certos momentos está preto do histrionismo, sobre todo con algunhas escenas das que transcorren en París, pero se queda no límite do ridículo, sen chegar a forzar demasiado as situacións. Merece a pena, pasaredes un bo rato.

jueves, 22 de julio de 2010

Libranda, decepción

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=KXDi0dV8GpA&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

O meu gozo nun pozo, a verdade. Hai unhas semanas facía por aquí un comentario sobre Libranda, a plataforma creada por varias editoriais que por fin se decidiran a dar un paso para os que temos Ebooks e poder mercar algún libro de vez en cando para poder disfrutar deles dun xeito algo máis legal. A cousa non tiña mala pinta, a verdade, eran varias das máis importantes editoriais do país as que se xuntaran para poñer en formato dixital as súas obras ou gran parte delas e poder mercalas. O primeiro que non me gustou moito, aínda que non era mala idea pensando nas librerías tradicionais, era que eles non eran directamente os que vendían, senón que funcionaban como unha especie de ponte entre as editoriais e as librerías, que eran as que lle mercabas os libros en realidade. Podes acudir á páxina de Libranda para ver as obras que están dispoñibles e logo eles mesmos teñen enlaces para ir as páxinas das librerías e facer alí a compra. Xa digo, algo máis incómodo e con máis pasos dos necesarios, pero que é unha idea que non me parece mal no sentido de que a librería tradicional, que xa non é un negocio que vaia demasiado ben, así non perde unha grande cantidade de ventas. Tamén é certo que as que están a disposición do comprador de momento son case todas ou grandes superficies ou tendas que so funcionan a través de internet, co cal supoño que a pequena librería á que imos de vez en cando a ver as novidades ou encargar algún libro que andemos a buscar acabará perdendo unha parte da súa xa pequena clientela, a non ser que se decidan tamén a traballar con esta nova plataforma, aínda que isto lle pode supoñer unha estrutura con páxina en internet e unha serie de gastos e atencións que moitas delas non poderán, supoño, asumir.


Pois a idea non parecía mala, pero ao final penso que, agora que xa funciona, quedou en nada, ou polo menos, en moito menos do que algúns esperabamos, confiados en que por unha vez as cousas serían distintas por estes lares, pero non, como sempre, os mesmos erros e a mesma confianza en que o comprador final é pouco listo, por non dicir outras cousas. Onte acordeime de que o día 15 deste mes era o que dicían que a cousa ía empezar a funcionar, e algo ilusionado, para que negalo, fun á páxina. O primeiro foi ver cantos libros tiñan dispoñibles de momento, algo máis de 1000, que non é unha cantidade esaxerada pero que para empezar non está mal. Ademais temos bastantes novidades, as últimas novelas de Julia Navarro, María Dueñas e outras de recente publicación, aínda que a maior parte xa teñen un tempo. Ben, por este lado a cousa non pintaba demasiado mal e é de supoñer que día a día o catálogo crecerá bastante, a non ser que queiran esperar a ver como vai a cousa para poñer máis libros ou non. Aínda así pouco que ver co que ten un a disposición noutras páxinas parecidas, por exemplo a que máis vende de momento en libro dixital que é Amazon, pero que de momento aínda que ten algunhas cousas non en inglés son poucas, pero xa digo, para empezar non está mal. Así que do catálogo inicial non nos imos queixar demasiado, pero doutras cousas si, claro.


Para empezar, se un quere baixar e xestionar os libros o primeiro que ten que facer é instalar no seu ordenador un programa de Adobe, o Adobe Digital Editions, que é o que servirá para gardar os libros no ordenador e pasalos aos lectores, supoño, porque nunca traballei con el e non o teño instalado. Isto xa é un incordio, non basta con baixar o libro e pasalo ao lector directamente, non, temos que pasar antes polo programiña. Por un lado ten a súa razón de ser, nun principio imos poder instalar o libro baixado en seis dispositivos, porque ese número foi o que eles consideraron que circular un libro en papel, vale, un número aleatorio pero que ten unha certa lóxica, para eles, claro. Os libros en papel circulan moitas veces e pasan seguramente por moitas mans, así que por que queren evitar que pase o mesmo cos dixitais. Supoño que terá algo que ver coa piratería, pero non a vai evitar, ata agora case non existían e moitos sabemos, gracias a Deus, onde conseguir os libros, polo menos de momento, así que impedir que poidan circular libremente os que mercamos non vai evitar isto, aparte de que enseguida aparecerá algunha maneira de saltarse ese DRM e facelos circular, seguro. Outras compañías tentaron facer o mesmo coa música (lease Apple e Itunes, agora tamén con libros) ou co cine e as series, tentativas que acabaron saltándose os usuarios, que sempre están á que salta. Moitos posibles clientes, ante este uso obrigatorio do programa de Adobe é máis que posible que non dean o paso, así que a ver que pasa, verémolo. Ademais so podemos baixar os libros nun so formato, o Epub con DRM, como xa dixen, que é compatible coa maioría dos lectores, pero non con todos, como poden ser, creo, o Kindle ou o novo Ipad. Ademais os que usamos outros formatos porque nos resultan mellores en varias cousas, como a paxinación, a duración da batería, etc., non poderemos facelo, xa que o programa de Adobe penso que non fai conversión e non traballa con eles. Eu, como digo, uso maioritariamente o formato FB2, que é o que mellor me vai, pois nada, a aguantarse e usar o anterior.


Un segundo problema ven por algo que levo un rato tentando e que non me resultou nada fácil, a búsqueda dun libro determinado. Desde a páxina de Libranda é algo sinxelo, xa que podes facela por autor, título e ISBN, pero non pasa o mesmo con algunhas das páxinas das librerías, nalgunhas non é posible buscar so en formato dixital, co cal saen as veces montóns de resultados nos que terás que pasar un bo rato tentando saber se existe ou non nese formato. Así que para os que decidan mercar algún libro mellor facer a búsqueda desde a páxina de Libranda e logo acudir a algunha das tendas que traballan con ela. Nese sentido, de momento, de todas as que aparecían funcionan nove, varias grandes superficies e algunhas que so venden a través de internet. Entre as grandes temos a Casa do Libro, o Corte Inglés, FNAC e outras que, curiosamente son a maioría catalás, que parece que nese sentido están algo máis espabiladas. De todos os modos xa digo que os prezos son os mesmos en todas elas, así que non esperedes comparar en varias para atopar algún un pouco máis barato, podedes evitarvos o traballo. Hai outras catorce ou quince que aparecen como “proximamente”, así que o número é bastante grande, pero como dixen unhas liñas atrás, dáme un pouco de pena que non aparezan pequenos negocios, que ao final son os que máis perden.


E deixo para o final o maior problema de todos e que é unha constante nestas cousas, o prezo dos libros. Podemos atopar os máis baratos desde uns cinco euros, que non está mal, aínda que a maior parte deles son bastante antigos. Sobre 7/8 temos unha boa cantidade, son todos eses que xa apareceron en formato de bolsillo, algúns máis antigos que outros, pero con bastantes cousas interesantes entre as que haberá que navegar moito para atopar algo que un lector habitual non tivera lido, pero seguro que algo aparece. Entre eses un día que teña tempo adicareime a buscar e mercar algo, aínda que so sexa para probar. De todos modos, sinceramente, case é o mesmo prezo ao que os podemos atopar en formato libro, o que me parece unha barbaridade, porque están aforrando moito diñeiro co formato dixital, que non lles pode custar tanto, así que haberá que pensalo. Tamén será certo que xogan con que unha persoa que merca un libro dixital quere ter a súa disposición novelas para poder lelas nel, pero non a calquera prezo nin pensando que nos están a tomar o pelo. E o peor ven coas novidades, que están entre os 16/17 euros, mal. O libro en formato papel custa uns 22, quererán convencernos que de editar un libro custa 6 euros, que é a diferencia que hai, non o creo. Como sempre queren facer de nos o que eles queren, paréceme moi caro, pensando tamén que o formato papel xa me parecía caro antes, e logo se queixan de que a xente non le, claro, normal. Se un le un par ou tres de libros ao mes a ver quen pode gastar máis de 60 euros se é lector de novidades, claro que dirán que sempre están os formatos máis económicos, pero neses as novidades tardan algo en saír, e as veces nin saen, así que por ese lado non. Se un vai á tenda dixital que mencionei antes, Amazon, verá como as novidades están ao redor dos 11 euros, unha cantidade algo máis axeitada para o que é, sexamos claros. Paréceme que queren facer unha boa recadación a costa dos que mercamos os libros dixitais, xa que como dixen antes, cando un merca un lector destes non ten máis remedio que ler os gratuítos que lle trae (que non vou negar que moitos non sexan interesantes, pero algo antigos e moitos xa lidos) ou ter que andar pola rede buscando páxinas onde poder conseguilos doutros xeitos que todos coñecemos. Se agora que podemos mercalos dun xeito legal e respectando os dereitos de autor temos que pagar cantidades que están moi cerca dos outros formatos non creo que aqueles que estean dubidando se pasarse ou non ao formato dixital tomen a decisión. Os lectores de momento non son baratos, aínda que baixaron un pouco e como a oferta é algo máis grande xa hai competencia, se os libros tampouco o son, para que vou mercar un ? Pois non, moitos se botarán para atrás, e non me estraña.


En resumo, que non é a cousa para tirar foguetes. O mellor é que se alguén quere mercar algunha novidade agora poderá facelo de xeito legal, pero con demasiadas limitacións para que mereza a pena. Sobre todo polo prezo, é incrible que por outros países e outras páxinas as cousas sexan moito máis baratas, a eles si que lles merece a pena mercar neste novo formato. Ademais o concepto de competencia non existe, xa que todas as tendas teñen os libros ao mesmo prezo, ou pagas o que eles marcan ou nada. É un principio do que espero que os demais non aprendan demasiado e pensen en ampliar as posibilidades, os formatos e sobre todo as cantidades que teremos que pagar para mercar os libros. Claro que como ata o momento son case os únicos non nos queda máis remedio que pasar polo aro, se queremos, claro. Como en todo despois se queixarán da piratería, tentarán pechar páxinas ou mandar correos ameazantes e todas esas cousas que pasan con outro tipo de páxinas, pero é evidente que se o consumidor final non ve unha avantaxe en certos aspectos non vai mercar. Esta non é, evidentemente, a maneira de conseguir o despegue definitivo dos lectores dixitais neste país, espero que vexan os problemas e cambien pronto as cousas, senón, espero que non, seguiremos como sempre.

lunes, 19 de julio de 2010

"La cúpula", Stephen King

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=zQJmy6k8NNY&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

O autor da novela que vou comentar hoxe xa apareceu por aquí, así que esta vez afórrome a reseña biográfica, que xa está feita no post de “Los ojos del dragón”, falo de Stephen King. Xa dixen naquel momento que era un dos meus autores favoritos e que era moi afeccionado ás novelas de ficción ou terror. Tamén teño que dicir que ultimamente tíñame un pouco desencantado e case aburrido, quero dicir que moitas das súas últimas novelas non me gustaron demasiado, aínda que lin todas, paixóns que ten un, que lle imos facer. Tamén parece como se este tipo de xéneros non foran demasiado “literarios” e penso que pouco respectados por grande parte da crítica e tamén por moitos lectores, aos que lles parecen “menores” ou pouco “serios”. Evidentemente cada un ten a súa opinión, pero ninguén pode negar a importancia para a historia da literatura dos grandes autores do xénero, xente como Poe, Lovecraft, Assimov, Clarke..., e moitos outros que podería mencionar, así que penso que so por ser un autor que vende moito non lle debemos quitar o mérito que ten. O malo é que parte desa imaxe ven das adaptacións cinematográficas, que como dixen nalgunha ocasión, salvo excepcións, son bastante malas e non están á altura das novelas. Por outro lado nos últimos anos tamén penso que a súa produción está algo por baixo das súas posibilidades como autor e algunhas non merecen a pena, pero a maior parte delas si. É un autor especializado nun tipo de novelas que conectou con moito público, e iso penso que ten que ser respectado, aínda que non ten porque ser compartido. Certo é que é un autor ao que “amas” ou “odias”, non hai demasiados termos medios con el, pero iso tamén pasa con moitos outros. Algunhas das súas obras son grandes novelas do xénero, “El resplandor”, “El misterio de Salem´s Lot”, “Misery”, “El retrato de Rose Madder” e a maior parte das súas coleccións de contos, que soen ser magníficos. Pois esta última novela que publicou penso que está entre as mellores da súa extensa produción e ao mesmo tempo dentro das mellores do xénero. Moitas delas non son so historias de terror, misterio e ficción, senón que podemos ver sempre certa crítica social, críticas a moitos comportamentos humanos, as súas reaccións e formas de facer as cousas, pois nesta isto é un argumento central. Falo da súa última novela, de publicación recente, titulada “La Cúpula”, editada como é habitual por Plaza&Janés.


A historia non é excesivamente orixinal, non está mal, pero o suceso central non é máis que un detonante para analizar e desenvolver unha serie de comportamentos humanos opostos ante unha situación que non poden controlar nin entender. Un día, de repente e sen ningunha explicación, o pobo de Chester´s Mill queda cuberto por unha especie de cúpula transparente que ao principio so se percibe cando algún avión, paxaro ou automóbil choca contra ela, que é como van descubrir ese estraño suceso. Así quedarán completamente pechados ante o mundo exterior, ninguén pode entrar e ninguén pode saír. “Ninguén de fóra pode axudarnos” é unha das frases que un dos protagonistas dirá en certo momento. Chester´s Mill é o típico pobo pequeno dos Estados Unidos, moitas das historias do autor transcorren neste tipo de pequenos núcleos que son moito máis sinxelos de manexar que as grandes cidades e ademais que dan para analizar moito mellor os comportamentos de xente que se coñece de toda a vida, porque este será o fío fundamental da historia, as distintas reaccións ante un acontecemento que os supera e que non saben nin interpretar nin como loitar contra el. Cerca de 2000 habitantes e dous personaxes centrais que van actuar como protagonista e antagonista, tentando facer cada un as cousas á súa maneira e vendo como unha parte do pobo irá con un e outra co outro, nun xogo de manipulación, falsidades, mentiras, verdades a medias que levarán a un a buscar unha solución e ao outro manipular buscando sempre o seu propio beneficio. O protagonista é un veterano da guerra de Iraq que agora deambula de pobo en pobo buscando traballo, Dale Barbara. Verase atrapado no pobo no mesmo momento no que ía marchar, os forasteiros non son demasiado ben vistos nese tipo de pobos case pechados e, tras traballar un tempo como cociñeiro na cafetería local, ten que marchar tras ter algún enfrontamento violento con algúns homes do pobo. Este será o home que tentará buscar unha solución, investigar, probar formas de acabar coa cúpula para poder saír, e ademais será o nomeado polo Presidente para xestionar todo desde dentro. Xunto a el unha serie de personaxes que se porán do seu lado, que non vou mencionar, porque é mellor descubrilos a medida que lemos. O antagonista é un dos concelleiros do pobo, o segundo, xa que son tres, pero que é o que manexa todo, usando aos outros case como manequíns. Este é “Big Jim” Rennie, un auténtico cacique con vocación de dictador frustrado, pero bastante listo e que sabe perfectamente como manexar a situación para que el nunca apareza como culpable. A maior parte do pobo estará so seu lado, máis que nada porque sabe como forzar as situacións para que iso sexa así. É consciente de que a maior parte dos habitantes de Chester´s Mill son auténticos borregos que el pode manexar ao seu antollo e todo vai polo camiño que vai marcando coas cousas que fai. E para poñerlle algo máis de sal ao asunto temos polo medio o fanatismo relixioso, manifestado de diversas maneiras, algunhas delas sarcásticas, cínicas e outras case ridículas, outro elemento máis que o señor Rennie sabe dominar de tal forma que todo pode ser visto como un castigo de Deus ou, polo menos é o que el quere que algúns vexan. En canto as razóns da existencia da cúpula ao final da novela teredes a explicación, aínda que é o de menos, a verdade, porque o importante son as reaccións que a situación provoca e como responden as persoas.


Algo máis de 1200 habitantes e unha acción que transcorre no curto prazo de unha semana aproximadamente, todo iso concentrado en algo máis de mil páxinas que se len bastante ben. O mesmo autor di que tentou escribila hai tempo, que tiña o primeiro capítulo desde os anos 70, pero que daquela sentiuse superado e deixouno para máis adiante, unha novela que ao final levoulle como dous anos de traballo. A min persoalmente reconcilioume co Stephen King que me gustou sempre, algo que perdera cos seus anteriores traballos, penso que é a mellor das últimas e unha das mellores da súa extensa produción. A historia é atractiva, inxeniosa e atrapa ao lector como se estivera dentro da mesma cúpula. A acción é continua e case podemos dicir que en tempo real, moitas cousas pasan nesa semana dentro do pequeno e idílico pobo que ao final non o é tanto, e non so pola aparición da cúpula. Nun certo momento algún dos protagonistas menciona dúas novelas máis que coñecidas coas que pode ter unha certa relación en moitos aspectos, “El señor de las moscas” e “1984” no sentido de falar de xente pechada nun lugar máis ou menos aberto e as reaccións que toman ante unha serie de situacións. Non vou dicir que sexa “un estudo das reaccións humanas”, pero está preto, tendo en conta que falamos dunha novela de ficción e dun autor especializado en cuestións fantásticas, xa que ademais do concepto da cúpula hai outros elementos fantásticos dentro da historia, así que recomendada so para os afeccionados ao xénero, claro.


En canto ao estilo é o seu de sempre cando escribe ben. Narración fácil, rápida, non deixa un momento de respiro ao lector, diálogos áxiles e centrados na historia, con poucas cosas anecdóticas ou que sobren, centrado sempre no fío central da historia pero sen deixar de lado cousas do pasado dalgúns personaxes que aparecen porque sempre terán que ver co que pasa. Os capítulos son curtos, algúns non pasan dunha páxina e os máis longos non chegan normalmente a catro, co que a acción é continua, saltando case sempre dun lugar a outro, duns personaxes a outros. É unha novela coral, cun gran número de personaxes, quizais demasiados nalgún momento, porque as veces o lector terá que pensar quen é exactamente o que está a aparecer, mulleres, homes, familias, nenos..., e aínda que os nomes son ben distintos hai ocasións en que se un non está ou estivo atento pode perderse un pouco. É unha das cousas que lle gustan, esas novelas corais con gran número de personaxes que lle permiten reflectir un gran número de situacións, de personalidades distintas, de relacións entre eles, de antagonismos e fortes amistades que se xeran en minutos, agoniados polas circunstancias. Creo que non é unha novela so para os fans de King, creo que hai lectores que se lle dan unha oportunidade descubrirán unha novela máis que decente que esconde moito máis do que parece. Para os fans, xa o dixen, para min unha das mellores da súa produción dos últimos (bastantes) anos, menos mal que os seguidores poderemos congraciarnos de novo con el e esperar unha nova novela que siga esta mesma tendencia. Déixovos un vídeo do que parece será unha adaptación en formato de serie televisiva, esperemos que a fagan ben e non sexa outra desas fallidas.
cupula.jpg

jueves, 15 de julio de 2010

Escudo humano, ("Human target")

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=1ITUPBJPBQI&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

O verán non é unha boa época para a televisión, a maioría das cadeas están cheas de reposicións, de programas xa vistos, e son poucas as que estrean algo distinto ou novo. Certo é que a maioría da xente está de vacacións ou pasa o día na praia ou tomando o aire por aí, pero tamén é certo que algúns días un ten ganas de descansar pola noite vendo algo e moitas veces non pode porque todo está xa visto. Claro que isto é moito peor nas cadeas gratuítas, pero as de pago non están exentas tampouco desta morea de repeticións. As series cunha certa calidade rematan antes de que empece esta época e as novas temporadas virán en setembro, así que algunhas cadeas aproveitan para estrear series “menores”, o que non quere dicir que sexan malas de todo, senón que moitas veces non teñen unha calidade demasiado alta. Hoxe vou falar dunha destas novas series que é como un refresco de verán, está ben para estar un ratiño descansando e disfrutando pero non vai máis alá, quero dicir que non creo que sexa recordada anos despois, pero cumpre a súa función de entreternos nas calorosas noites de verán. A serie titúlase “Escudo Humano”, emitida desde hai un tempo en AXN e desde hai unha semana na Sexta, creo que os luns pola noite.


A adaptación de cómics de acción o superhéroes é unha constante no cine duns anos a esta parte, pero non é algo tan habitual na televisión, non hai demasiadas series que partan deste formato para os seus argumentos. Supoño que por un lado será por cuestións económicas, xa que non é fácil facer unha serie decente sobre cousas que implican normalmente un formato no que os efectos especiais sexan fundamentais. Baste recordar a adaptación, xa hai anos, de Hulk, que daquela era a Masa, que se a vemos hoxe so provocaría risas nos espectadores, xa que para o momento era unha certa novidade pero que non pasará tampouco á historia. Digo isto porque esta serie está baseada nun cómic publicado por DC nos anos 70 e que no ano 2000 tivo unha nova edición máis adaptada aos tempos. É unha serie de acción, con guións sinxelos, variados aínda que o esquema é sempre o mesmo cambiando as situacións (espías, grandes corporacións, ladróns de tesouros, piratas informáticos...), momentos de humor bastante conseguidos e cun protagonista que podería ser unha mistura entre un policía de alto nivel e un James Bond, violento, listo e con clase. Ademais para ser televisión é bastante espectacular e cunha certa calidade técnica, que non chega ao nivel dunha boa cinta de acción de cine, pero que para a televisión cumpre con creces nese sentido.


O protagonista é Christopher Chance, interpretado por Mark Valley (un actor resultón ao que podedes ver en varias das temporadas da excelente “Boston Legal” e tamén facendo un papel importante en “Fringe”). Traballa nunha empresa de seguridade que non responde aos parámetros normais deste traballo. Ten dous compañeiros, cada un cunha función máis que definida, aínda que as veces terán que cambiar a súa forma de traballar en función da misión que teñan que afrontar. Por un lado temos a Winston (o actor Chi McBride ao que vimos nunha boa e distinta serie que algún día comentarei, “Criando Malvas”), é o encargado sobre todo de tratar cos posibles clientes e fai o traballo de despacho, polo que é un dos que cando ten que facer traballo de campo non está nada cómodo e pon moitos dos momentos de humor comentados. Foi policía e é o mellor amigo de Chance. É un home meticuloso, coidadoso e algo protestón en ocasión e non lle gustan demasiado as situacións de risco e perigo nas que se mete o seu amigo , xa que sempre pensa que habería outra forma mellor de facer as cousas. O outro é Guerrero (interpretado por Jackie Earle Haley) que é o que levará toda a parte de investigacións informáticas, finanzas e que usará todos os seus contactos e habilidades para facilitar o traballo. É un elemento fundamental do grupo, pero usa uns métodos pouco ortodoxos que non son do agrado de Winston, que preferiría non usalo demasiado. Tanto Chance como Guerrero teñen partes escuras e misteriosas no seu pasado que iremos descubrindo pouco a pouco, este elemento tamén lle da un punto máis de interese, xa que nun principio non sabemos demasiado e as cousas que fan, din ou conseguen necesitan explicacións, pero irán aparecendo con contagotas episodio tras episodio.


Estes son os tres personaxes centrais da serie. Forman un equipo independente e non oficial que se vai dedicar a traballar para calquera que requira os seus servizos. Fan un traballo que está preto do de gardaespaldas, pero que vai máis aló. Normalmente son contratados por xente que está en perigo de morte ou ameazada sen saber moi ben por quen nin as razóns das ameazas. Así eles introdúcense na vida dos que os contratan sempre baixo identidades falsas coa intención de descubrir á persoa ou persoas que están detrás desas situacións. Infíltranse no entorno dos que os contratan e ademais Chance non quere cobrar nunca polo seu traballo, prefire regalos que dependan das posibilidades económicas dos seus clientes, xa que ademais non sempre son xente con moito diñeiro. Tamén quedarán anotados como xente que lle deberá un favor, favores que usará sempre para resolver situacións con outros clientes. Sempre traballa de incógnito e coñece á perfección as técnicas de combate, estratexia e loxística, ademais de ser un maniático da precisión, o que non quita que en moitas ocasións teña que improvisar sobre a marcha, pero sempre analizado á perfección as situacións e a mellor maneira de saír delas. Non vou contar nada do seu pasado, o que queira sabelo que vexa a serie. Entre os tres, cada un coas súas capacidades, lograrán localizar e anular as ameazas dos seus clientes, pondo constantemente en risco as súas vidas, sobre todo Chance que é o encargado directo do traballo de campo e de estar cos seus protexidos, cos que as veces vai ter un vínculo demasiado forte, implicándose directamente con eles, o que non lle gusta nada ao seu socio, Winston.


Acción, risco e humor son as tres constantes da serie. Como dato curioso dicir que o protagonista, Mark Valley, foi militar de profesión antes que actor, é graduado na coñecida academia militar de West Point e participou na Guerra do Golfo, vaia cambio de profesión, a verdade. Tamén, en plan cotilleo, está casado coa protagonista de “Fringe”, Anna Torv (unha nota de sociedade, nada máis). Ademais teremos intrigas políticas, empresariais e outras menos complicadas, pero sempre atraentes, interesantes e entretidas. Se queremos darlle un cualificativo podería dicir qué é televisión de palomitas, para sentarse corenta minutos diante do televisor e pasar un bo rato dominado pola acción e a sonrisa, que non é unha mala maneira de pasar as noites de verán, xa teremos tempo para cousas máis sesudas e complicadas. Está na súa primeira temporada, pero está prevista, polo menos, unha segunda. Veña, a sentarse e pasar o rato.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=qnJ9Wy_ZttQ&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

martes, 13 de julio de 2010

"La herejía", Romain Sardou

sardou.jpgherejia.jpg
No último comentario sobre libros falaba de “El nombre de la rosa”, unha novela que provocou a publicación de moitas outras case no mesmo estilo, algunhas destacables e outras facilmente esquecibles. Parecía que de repente un montón de autores tiñan ideas do mesmo estilo, intrigas medievais con asasinatos e misterios e con temas relacionados coa igrexa. Hoxe vou comentar algunhas cousas sobre un deles, que a min me pareceu máis que decente e que está algo por riba da media neste tipo de novelas. O título é “La herejía”, dun autor francés chamado Romain Sardou, aínda que a tradución literal do orixinal francés sería “Perdoa as nosas ofensas”, que creo que é algo máis adecuado ao que nos conta na novela.


Romain Sardou é un autor nacido en 1974 en Boulogne-Billancourt, Francia. Como curiosidade comentar que é fillo do cantante e compositor Michel Sardou. Ven dunha familia de artistas, cantantes, actores e escritores. Isto fixo que a súa infancia e xuventude estiveran cheas de arte en case todas as súas manifestacións, pero foi a lectura a que gañou a partida sobre as demais. Creceu lendo as obras de grandes autores e foi o que fixo que se decidira a escribir. Deixou a escola secundaria o ano no que se ía graduar coa idea de converterse en dramaturgo. Logo asistiu durante tres anos a clases de teatro, coa idea de comprender mellor o funcionamento do mesmo e entender a profesión de actor. Posteriormente traballou no festival de Rametuelle. Nos anos noventa viaxou a Estados Unidos e traballou na Disney. No ano 2002 apareceu a súa primeira novela, a que é motivo deste comentario que recibiu eloxios da crítica e o público, chegando a cualificalo como unha das revelacións na narrativa de misterio medieval. En castelán as súas obras están editadas por Grijalbo e DeBolsillo. A primeira apareceu no ano 2004. Outras publicadas son “El peregrino del tiempo” (2006), “El círculo de los escribas” (2008) e “Líbranos del mal” (2009).


“La herejía” transcorre no inverno do ano 1284 nun pobo pequeno da diocese de Draguan, onde comezarán a suceder cousas estrañas. Aparecen tres cadáveres mutilados flotando nas augas do río Montayou e a raíz diso empezan os rumores sobre demoños, pobos malditos, seres infernais e cousas estrañas que suceden en aldeas perdidas. Pouco despois descobren un pobo perdido nos límites do condado. Logo asasinan ao bispo Haquin, o mesmo día que chega ao pobo un sacerdote novo que tiña que facerse cargo da parroquia que se ía instalar nese remoto pobo, Henno Gui, que será o protagonista da historia. Un novo sacerdote que vai provocar sentimentos encontrados entre os frades que xa están na parroquia, incluso un certo medo. Henno é un home aberto, sereno, moi intelixente e templado e pronto conquista a todos os seus compañeiros de congregación. Un home intelixente que se vai atopar cun pobo de mentes simples dominadas polo medo que provocan eses asasinatos de difícil explicación. Uns crimes que o pobo interpreta dun xeito maligno, a presencia do demo, rituais sacrílegos e aldeas malditas, tanto que incluso a Inquisición vai intervir. Aínda así a intelixencia de Henno Gui e a súa racionalidade tentarán que haxa explicacións moito máis terrenais, con xente que sabe manexar e manipular a ignorancia do pobo, tentando ver sempre baixo eses acontecementos a man do home e non do demo. Para iso contará coa axuda de dous amigos, un é o seu discípulo Floris e o outro un home forte e de bo corazón, Carnestolendas.


A novela combina varias tramas para atrapar a atención do lector, e normalmente consegue esa intención. Moitas veces os capítulos rematan en situacións que fan que o lector non poida deixalo aí e teña que pasar ao seguinte para saber que vai pasar, case como nunha novela por entregas, o que fai que a atención do lector estea sempre aberta. Ten momentos verdadeiramente fortes e violentos e o autor non tenta disimular con palabras a violencia das cousas que pasan, co que algunhas escenas son realmente desagradables. Hai varias tramas dentro da historia, todas elas, claro está, relacionadas, co que podemos dicir que non é unha novela nada simple pero tampouco tan complexa como para que o lector se perda entre os acontecementos. Tamén, como case todas as novelas deste tipo, o autor aproveita para facer unha certa crítica ao comportamento da igrexa nesa época, na que eran capaces de facer calquera cousa para manter o seu status e a súa forma de manter o poder e a visión do mundo que eles querían que o pobo tivera. Unha das mellores ideas do argumento é ese pobo illado que aparece e que se mantiña case como unha sociedade primitiva á que agora o que quererán é converter ao catolicismo a calquera precio.


O argumento está bastante ben plantexado e, aínda que a lectura en certos momentos pode ser algo árida (so en certos momentos puntuais) creo que merece a pena tomar contacto con ela. Hai que ter en conta que ten os defectos propios dunha primeira novela, pero que son menos que noutros casos. Hai ideas que non están demasiado ben aproveitadas, o que é unha pena, xa que pasaría de ser unha novela máis que decente a ser unha boa novela. Son algo máis de 300 páxinas ben escritas, cuns momentos máis que destacables, unha boa idea de partida, unha intriga bastante ben conseguida; elementos que penso que fan que estea algo por riba doutras do seu tipo. Así que penso que merece a pena afrontar a súa lectura, eu fíxeno hai un tempo e non me decepcionou, tanto é así que agora teño no listado de posteriores lecturas algunhas das súas outras obras, a ver que tal están.

jueves, 8 de julio de 2010

"Breakin Bad", Temporada 3

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=F-hyPV0YCxU&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe non é que empece a repetirme, porque a serie da que vou falar xa apareceu por aquí, pero remataba dicindo que so vira as dúas primeiras temporadas e que estaba desexando ver a terceira, pois agora que xa rematei de vela, creo que merece un segundo comentario. E xa digo que o remate desta terceira aínda nos deixa peor que cando rematou a segunda, porque outra vez estou desexando que volva pronto, porque agora si que nos deixaron cun montón de dúbidas, sen saber en absoluto que pasou, unha boa forma de manter á audiencia, aínda que un pouco “cruel”. Falo da terceira temporada de Breakin Bad, en emisión actualmente no canal Paramount Comedy, que é o mesmo que puxo as dúas anteriores. Sigo sen ver que algún dos canais gratuítos decida poñela, haberá que seguir esperando. Penso que merece un novo comentario porque aínda que segue máis ou menos coa mesma liña, ten unha serie de elementos novos que me gustaría comentar un pouco. Ademais, aínda que sempre é mellor ver as anteriores, se un sabe de que vai a serie, pode ver esta sen necesidade de ver as outras, sobre todo porque non é tan brutal como as dúas primeiras, aínda que segue a ter as súas cousas. Ademais hai unha serie de personaxes que aparecían na segunda que adquiren moito máis protagonismo, dándolle un aire algo distinto, e algún personaxe novo que tamén merece a pena.


Por se alguén non o sabe conta a historia de Walter White, un medio xenio da química ao que lle diagnostican un cancro terminal. Para poder deixar a súa familia un diñeiro o único que se lle ocorre para conseguilo de modo rápido e en boa cantidade é meterse na fabricación e venta de drogas, en concreto metanfetaminas, conseguindo un produto de cor azul que vai causar sensación entre os consumidores. Verase metido nun mundo que descoñece por completo, pasará medo e moi malos momentos e situacións moi violentas, sobre todo cando ten que tratar cos grandes distribuidores, que son os que mercarán o seu produto en grandes cantidades para despois vendelo. A segunda temporada remataba cun accidente de aviación no que dous avións chocaban no aire, accidente do que, en parte, o noso protagonista é responsable. A terceira comeza a partir de aí, cus habitantes impresionados polo accidente, que ademais é o mesmo no que se desenvolve a acción, xa que os restos caen enriba das súas casas, rúas, piscinas... O cancro de Walter está en completa remisión e ten un bo montón de diñeiro, así que ata certo punto vai pensar en deixar a fabricación de drogas e tentar levar unha vida algo máis normal, o que non sabe é que iso non será tan fácil. A verdade é que esta temporada está máis centrada nos personaxes que na acción mesma como podería ocorrer nas anteriores. Agora aparecen na súa vida moitos problemas que vai ter que afrontar. Por un lado a súa muller vai saber de onde saíu o diñeiro, e iso vai traer consigo a ruptura do matrimonio. A ela non lle importa o diñeiro, senón de onde saíu, e non está disposta a seguir vivindo cun home que fixo o que fixo, como tampouco lle importan as razóns que lle levaron a facelo. Ao mesmo tempo o diñeiro chama ao diñeiro, e un importante distribuidor vaille ofrecer tres millóns de dólares por traballar tres meses fabricando máis drogas, algo que vai ter que facer aínda que non queira, xa que o poder e a violencia deses homes é algo contra o que non vai poder loitar. O seu axudante, Jesse Pinkman, tras pasar unha temporada nunha clínica de desintoxicación, volve a acción, pero a relación entre eles non vai ser tan boa como antes. E non quero contar moito máis, porque o mellor é velo, isto non é máis que un pequeno adianto de todo o que vai pasar nos 13 capítulos que compoñen esta temporada.


Creo que tamén teño que falar un pouco dos personaxes principais da mesma, porque xa digo que é o mellor da serie, as relacións entre eles, os enfrontamentos, as axudas, os rancores, unha cantidade enorme de sentimentos están presentes en todos os episodios, e moitos deles non son precisamente bos. Ademais as actuacións parécenme antolóxicas, todos están impresionantes e teño que pensar moito para poder atopar unha serie de televisión cunhas actuacións a un nivel tan alto.
Bryan Cranston é Walter White, que se ata agora estaba ben penso que nesta está moito mellor. Enfrontado entre o que quere facer e o que pode facer, pensando que todo o que fixo e todo o que pasou foi solo por algo que considera bo aínda que sabe que os medios non o foron, pero é incapaz de entender que a súa muller queira divorciarse del. Non o acepta e fará todo o posible para evitalo, pero será ben complicado. Pasará por fases de negación, depresión, euforia, pero sendo consciente nalgunas ocasións de que el non é o que rexe a súa vida, que tras meterse nese submundo das drogas agora son outros os que marcan o seu destino.
Anna Gunn é Skyler White, a esposa horrorizada cando sabe de onde saíu o diñeiro que ten o seu marido e que pagou o tratamento do cancro. Quere separarse del porque a situación creada é insostible para ela, pero chocará coa incomprensión do seu fillo, Walter Junior (R. J. Mitte) ao que non lle quere dicir as razóns desa situación de separación. A todo isto engadimos que acaba de ter unha filla á que ten que atender e á que non quere que o seu pai se achegue.
Aaron Paul interpreta a Jesse Pinkman, trala desintoxicación ao principio vaise sentir culpable de moitas das cousas que pasaron, tampouco quere saber demasiado do seu compañeiro de fabricación, pero tamén vai descubrir que, as veces, aínda que un non queira, non pode saír das cousas nas que se meteu con demasiada facilidade, e cada vez irá a peor.
A irmá de Skyler, Marie Schrader (a actriz Betsy Brandt) e o seu marido, o axente da DEA Hank Schrader (Dean Norris) tamén serán moi importantes nesta temporada e sufrirán, sen querelo demasiado, as consecuencias dos actos de Walter chegando a situacións moi duras e difíciles.
E logo temos dous máis que aparecían na segunda, pero que nesta toman máis protagonismo e son os dous moi bos. Primeiro temos ao avogado Saul Goodman (que está interpretado por Bob Odenkirk, que como xogo de palabras, traducido sería Saul o bo home, irónico). Non ten escrúpulos en absoluto, traballa para todos e tamén para Walter, axudándoo a branquear diñeiro e a facer negocios, pero tamén para Jesse, para os capos da droga e comparte asasino a soldo cun dos principais distribuidores de metanfetamina da zona. É fabuloso, sempre ideando a mellor forma de enganar a calquera para saír el sempre como o máis beneficiado, cunha oficina que da noxo, pero moi orgulloso do seu traballo. Ademais pon un certo punto de humor, cínico, cáustico e con bastante mala uva. Deixovos ao final un vídeo falso sobre a promoción do seu bufete, que aínda que en inglés, merece a pena. O outro é Gus Fring (o actor Giancarlo Esposito), tamén máis que destacable. É o que contrata a Walter para que traballe para el fabricando as drogas cunha tapadeira case inexpugnable. Impertérrito, moi intelixente, sobrio, serio, inalterable ata cando manda matar a alguén, ademais tamén ten tratos cos mexicanos, dos que quere librarse para facerse el so co negocio. Como tapadeira un restaurante de comida rápida, “Los pollos hermanos” no que transcorren varios momentos, o negocio perfecto para que ninguén sospeite del, cunha imaxe pública impecable e, ao mesmo tempo, firme e capaz de calquera cousa para conseguir o que quere.
E deixo para o final a dous personaxes impresionantes, non sabemos o seu nome, so os chaman “os primos” (que logo descubrín a razón de que se parezan tanto, xa que os actores son irmáns). Son dous asasinos a soldo mexicanos que entran nos Estados Unidos para vingarse, violentos, serios, imperturbables e creo que non din máis que dúas ou tres palabras en todos os capítulos nos que saen. A verdade é que son arrepiantes, capaces de quitarlle o sono a calquera e son os que poñen a violencia crúa e dura desta temporada. Porque isto é outra diferencia, segue a ser unha serie moi negra e violenta, pero algo menos que as anteriores, que tiñan escenas verdadeiramente brutais, aínda que nesta tamén as hai, algo menos, a verdade, pero chégalle ben.


Se recomendaba as anteriores esta paréceme imprescindible. Non son de facer listados de favoritos, pero se os fixera esta estaría entre as tres mellores series que teño visto. Recoñezo que é moi forte e violenta, non adecuada para calquera porque pode revolverlle as tripas ao máis pintado, pero penso que merece a pena soportar esa crudeza para disfrutar de todo o demais que ten. As interpretacións son impresionantes, dunha forza e unha convicción que están moi por riba ata de moitas películas. O argumento é xenial, tanto que polo contido, tendo en conta como son os americanos, non parece unha serie desa nacionalidade, porque rompe con moitos dos esquemas e ideas que podemos ter, crítica, incorrecta, fabulosa. Se vistes as anteriores non vos perdades esta, senón volvo a pedir que lle deades unha oportunidade. E atención aos primeiros minutos do primeiro episodio, porque son algo impresionante, de verdade.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=1k-YIX9iP1c&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=FiLvZJb7jcg&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

martes, 6 de julio de 2010

"El nombre de la rosa", Umberto Eco

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=bqx5BZL0l4M&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe vou comentar unha novela para nada recente, creo que, de momento das máis antigas que apareceron por aquí, pero penso que é de lectura obrigatoria para calquera que se considere lector e sobre todo para aqueles aos que lles guste a novela histórica. Ao mellor queda un pouco esaxerado, pero creo que moitas das historias deste xénero teñen moito que deberlle a esta. Supoño que moitos dos que me len habitualmente xa a coñecen, pero penso tamén que haberá moitos lectores que non tiveron a sorte de tomar contacto con ela, e espero que este post serva para que o fagan. Falo de “El nombre de la rosa”, de Umberto Eco. Para min unha das mellores novelas que lin nunca, e que teño que reler algún día destes, non sei cando, pero seguro que nalgún momento. Tamén direi que lin algunhas das que escribiu despois, pero teño que recoñecer que ningunha delas gustoume tanto como esta e que varias foron algo pesadas, complicadas e ata direi que case incomprensibles, pero ao mellor é que me colleron en mal momento, igual lles dou outra oportunidade.


Umberto Eco é, polo menos, un personaxe curioso, cunhas afeccións case opostas, por un lado na máis profunda intelectualidade e por outro cuns gustos polas historias de James Bond ou os cómics que poden facer pensar en algo contraditorio. Eu penso que non, que non é máis que un bo expoñente dos nosos tempos e con tempo e ganas para todo. Naceu en Alessandria (Italia) en 1932 e aparece como escritor, filósofo e un experto en semiótica. Doutorouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Turín en 1954. Traballou como profesor nas universidades de Turín e Florencia e logo na de Milán. Volveu en 1966 a Florencia para exercer como profesor de Comunicación Visual. Nestes anos é cando empeza a publicar importantes traballos sobre semiótica. En 1971 ocupou a cátedra de semiótica na universidade de Bolonia. En 2001 creou nesta cidade a Escola Superior de Estudios Humanísticos, so para licenciados de alto nivel coa intención de difundir a cultura universal. Tamén participou na fundación, en 1969, da Asociación Internacional de Semiótica. A súa consagración como escritor “de masas” veu coa publicación en 1980 de “El nombre de la rosa”, traducida a moitos idiomas e levada ao cine. Outras novelas súas son “El péndulo de Foucault” (1988), “La isla del día antes” (1994), “Baudolino” (2000) ou “La Misteriosa Llama de la Reina Loana” (2004), que de momento é a súa última obra narrativa. Cultivou ademais outros xéneros como o ensaio, destacando algúns como “Apocalípticos e integrados ante la cultura de masas” (1965), con temas diversos e variados como a literatura, a semiótica, cuestións sociais e filosóficas, etc. É membro do Foro de Sabios da Mesa do Consello Executivo da Unesco e Doutor Honoris Causa por máis de trinta universidades de todo o mundo. No ano 200 recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades. É un importante crítico literario, semiólogo e experto en comunicación e as súas novelas aparecen xa nunha idade madura. É posible que a finais deste ano, principios do seguinte apareza unha nova obra narrativa súa. Salvo a última, linas todas, pero teño que dicir que a que comento hoxe é a que máis me gustou.


“El nombre de la rosa” pode cualificarse de novela histórica, pero como case sempre non é so iso, tamén é unha novela filosófica sobre moitos aspectos da vida humana e tamén é unha excelente novela policiaca, chea de asasinatos e misterios que os dous protagonistas terán que desvelar. Transcorre na súa totalidade nun mosteiro da Idade Media en torno ao ano 1327 e tras esa historia de investigación teremos moreas de información sobre a situación histórica da época, sobre os problemas relixiosos, sociais, políticos, todo metido perfectamente nese sinistro mosteiro no que todo é posible. O protagonista é o monxe Guillermo de Baskerville, acompañado do seu pupilo Adso de Melk, que van actuar case como un Sherlock Holmes e o seu axudante e amigo Watson, pero nun momento histórico completamente distinto e moito máis revolto, sobre todo por cuestións relixiosas, a Idade Media. Ambos chegan a unha abadía nos Alpes italianos, na que se van producir unha serie de misteriosos crimes que parecen non ter explicación. No medio temos as fortes discusións e polémicas entre distintas ordes relixiosas da época en torno ao tema da posesión de bens e a pobreza dos apóstolos. Isto vai enfrontar aos franciscanos, defensores da pobreza dos monxes, conta o Papado e os dominicos. Esta é outra das tramas fundamentais, xa que esta discusión é a que leva ao protagonista e o seu discípulo á abadía, debater sobre este tema para poder chegar a algunha conclusión. As páxinas dedicadas a cuestións históricas, para algúns lectores, poden resultar algo pesadas e, algunhas veces longas, pero penso que son imprescindibles para entender perfectamente certas cuestións relixiosas que son moi importantes para a historia posterior da igrexa. A novela está chea de citas e referencias a obras e autores medievais, pero que non son fundamentais para que a lectura sexa interesante e atraínte, calquera tipo de lector pode disfrutar completamente da lectura. O franciscano Guillemo ten o encargo de organizar unha reunión para discutir sobre a doutrina, considerada herética nese momento, da pobreza apostólica. Pero esta reunión verase ameazada por unha serie de mortes que algúns monxes consideran que están inspiradas en algúns pasaxes do Apocalipse. Os dous protagonistas tentarán resolver estas mortes, pasando por riba das normas da abadía, do abade e dos monxes ata chegar á Biblioteca da abadía, que esconde máis dun misterio e máis dun libro considerado prohibido.


O éxito da novela, que vendeu ata o momento máis de quince millóns de exemplares trouxo consigo unha adaptación cinematográfica no ano 1986, dirixida por Jean-Jacques Annaud e interpretada nos dous papeis principais por Sean Connery e Christian Slater. Non son dos que soen comparar novela e a película, son dúas cousas distintas, pero neste caso so direi que penso que é a mellor adaptación que vin dunha novela. A maior parte das cousas aparecen case como se o autor vira antes a cinta, a abadía é arrepiante, a biblioteca é fascinante, e non digamos nada dos personaxes dos monxes, porque hai que velos. Se a novela é recomendable eu tamén recomendaría moito a visión da película posteriormente. Sean Connery está xenial na súa recreación de Guillermo de Baskerville e Christian Slater, nun dos seus primeros papeis, está moi ben nesa mezcla entre inocencia e ganas de saber que amosa en moitos dos momentos.


Para min é a novela do medo, que non de medo. Todos os personaxes están movidos polo medo, sobre todo polo medo ao coñecemento que fai que algúns sexan capaces de matar para que non accedan a certas cousas, a saber que hai algo máis que o que algúns queren que coñezan. Evidentemente a mellor forma de manter á xente a raia é a ignorancia, non deixarlles saber certas cousas que poden facer que pensen doutro xeito e ver máis cousas das que algúns queren que vexan. E entón aparece a sagacidade dun Guillermo de Baskerville atento ao máis mínimo detalle, a cousas que parecen sen importancia e que outros non ven ou non queren ver, así vai chegar pouco a pouco, co lector da man, a desenvolver o misterio dos asasinatos da abadía. A historia nola conta Adso, anos despois dos sucesos, cunha mistura entre asombro, medo e a seguridade que lle dá o seu mestre. O argumento é intrigante, emocionante polos acontecementos e os personaxes; todo transcorre nunha abadía medieval, solitaria, aparentemente tranquila, pero chea duns monxes misteriosos uns, sinistros outros, sospeitosos case todos, moitos secretos están escondidos entre os seus muros. Supoño que, como dixen ao principio, moitos xa a leron, para aqueles que non o fixeron recoméndovos que sexa unha das vosas próximas lecturas, non os vai decepcionar en absoluto.
rosa.jpgeco.jpg

viernes, 2 de julio de 2010

Chuck

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=UA1kFpoZEzg&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe vou falar doutra desas series nada serias nin transcendentes, pero moi entretida, polo menos para min. É unha comedia sen moito máis, pero merece a pena e cumpre perfectamente coa súa misión. Ademais non hai demasiadas series de acción americanas que poidan ser aptas para ver toda a familia, que de vez en cando non está mal ter unha sesión de cine ou televisión familiar, pois esta é perfecta para todos os públicos e estou seguro de que pode gustar tanto a pequenos (tampouco moi pequenos, conste) como a maiores. Tamén hai que dicir que é adecuada para aqueles afeccionados ás comedias de acción e para os que sexan un pouco “frikis”, porque os personaxes principais responden bastante a este cualificativo, tanto por como son por como se desenvolven na serie. De momento non pasou polas cadeas gratuítas, pero espero que algunha se anime a poñela, porque penso que merece a pena entre tantas cousas repetitivas que temos, aportando algo novo, non demasiado tampouco, pero si un aire distinto, sobre todo con respecto as series de acción. Neste momento están a poñer a terceira temporada en Calle 13 os sábados pola noite, a isto das nove e media, o mesmo canal que emitiu as dúas anteriores. Por certo, o título é “Chuck”, que é o nome do protagonista. É unha serie de espías, pero en ton de comedia, non é a primeira deste estilo que temos, pero si que aporta algunhas novidades e sobre todo un ton desenfadado e cómico que está moi ben. Ten elementos inspirados directamente nas películas de James Bond e algúns personaxes responden exactamente aos patróns do famoso espía inglés, pero tamén elementos de series como o “Superagente 86” sobre todo nese aspecto de comedia e de espías torpes que se ven superados polas circunstancias e as cousas que pasan, tendo en conta ademais que o protagonista é unha persoa máis ou menos normal que, de repente e sen esperalo, vese metido nese mundo de espionaxe, aparellos electrónicos do máis sofisticado, persecucións, actuacións finxindo ser o que non é..., mentres ten que manter a aparencia de estar a levar unha vida normal coa súa familia, traballo...


O protagonista é Chuck Bartowski, un tipo normal, tolo da tecnoloxía, un xenio da informática que non rematou a súa carreira universitaria nunha das máis prestixiosas universidades americanas, Stanford, porque o acusaron de copiar nos exames, polo que é expulsado. Frustrado por isto traballa nunha tenda de electrodomésticos, o CompraMas, encargado da sección de informática e reparacións. Un dia recibe un correo electrónico do seu antigo amigo Bryce Larkin, que resulta ser un axente dobre da CIA (e que durante algún tempo non saberemos de que lado está, se dos bos ou dos malos). Este correo contiña os datos dun novo ordenador denominado Intersect, onde están gardados todos os secretos máis importantes das axencias secretas dos Estados Unidos, pero nun formato tal que cando Chuck ve a información, esta queda “descargada” no seu cerebro, sen que el, un principio, sexa demasiado consciente deste feito. Así, cada vez que vexa algo contido nesa información terá unha especie de flash relacionando todos os elementos que ten no seu cerebro, o cal será fundamental para as mencionadas axencias. Por iso terá que traballar para o Goberno como un espía queira ou no, xa que o ordenador que contiña a información quedou destruído, e Chuck e o único que ten acceso a mesma. Por iso a CIA e a NSA (Axencia Nacional de Seguridade) envían cada unha a un axente para acompañar ao noso protagonista nas súas misións. Así virá a axente Sarah Walker por parte da CIA e o Maior John Casey por parta da NSA. Terán que traballar con el en todo tipo de misións ao mesmo tempo que funcionan como unha tapadeira para que Chuck poida seguir levando, máis ou menos, unha vida normal y, de paso, compensar todas as deficiencias de Chuck para o traballo de campo, para o que resulta ser un pouco inútil. Esta vida ten ao seu arredor a unha irmá e o seu noivo, un amigo de toda a vida e aos seus compañeiros de traballo, cos que tamén mantén relacións de amistade. Esta é a liña argumental, moi fantástica, pero que xa podedes ver que da lugar a unha serie de situacións nas que unha persoa completamente normal e, a verdade, algo torpe, de repente vese dentro dun mundo novo, descoñecido e perigoso e que terá que combinar cunha vida cos problemas cotiás de case todo o mundo, cun traballo que non lle gusta, vivindo coa súa irmá e o seu noivo, cun pai desaparecido (que será moi importante para o desenvolvemento da historia) e cuns amigos aos que hai que darlles de comer aparte. Está chea de humor, provocado sobre todo polos personaxes, non é un humor excesivamente ridículo, senón que moitas veces ven dado polas situacións nas que se ve metido, querendo ou sen querer. Son episodios de 40 minutos que pasan rapidamente, cun bo ritmo e sempre con acción, pero unha acción algo ligth, dito no sentido de que, como dixen ao principio, é apta para toda a familia.


A maior parte dos actores non son demasiado coñecidos, máis que de algunhas series, pero o éxito da mesma en Estados Unidos é moi grande, tanto que pensada para un par de temporadas, está agora en rodaxe da cuarta, así que algo debe ter. O papel de Chuck é interpretado por Zachary Levi, que esta moi ben, sobre todo porque o personaxe ao longo das temporadas vai cambiando e tamén, claro, a súa caracterización. Sarah Walker, a axente da CIA que para manter a tapadeira vai facer que é a noiva de Chuck (o que tamén dará lugar a situacións simpáticas e comprometidas, e, claro, a que a ficción do noivado sexa algo que co tempo ambos queren que sexa realidade) é a actriz Yvonne Strahovski, unha axente especial preparada para todo, especialista en armas e loita corpo a corpo, dura, pero tamén cuns sentimentos que chocarán moitas veces coas súas obrigas. O axente da NSA John Casey é o actor Adam Baldwin, do mellor da serie tamén, un home feito para a acción, sempre preparado para disparar e facer as cousas a súa maneira, que terá que protexer a un home que non lle gusta demasiado, ao que ve feble, despistado e que o único que fai e metelos en problemas. É o home de acción, duro e efectivo elevado á máxima potencia, rozando as veces o esaxerado, pero que responde perfectamente ao que é a serie. Ellie Bartowski é a irma do protagonista (interpretado por Sarah Lancaster) e o seu noivo, Devon Woodcombe (Ryan McPartlin), ambos traballan como médicos nun hospital e, sobre todo o noivo, ao que chaman o Capitán Maravillas, un home ao que lle gusta o risco, atractivo, forte, seguro de si mesmo, o home perfecto que Chuck nunca será. E dos principais deixo para o final a tres. O mellor de todos é Morgan Grimes (o actor Joshua Gomez), o amigo íntimo de Chuck desde a infancia, traballan xuntos e están unidos ademais pola súa paixón polos videoxogos, é un auténtico friki, desastrado, pequeno, cobarde, sen noiva pero buscándoa continuamente, todo un exemplar máis que simpático. E logo están os outros dous que traballan con eles na tenda, Lester Patel e Jeff Barnes, dous exemplos de especímenes do máis curioso e anómalo que poidades imaxinar, raros ata a medula, resúltame difícil dicir se teñen algo de persoas normais, pero creo que non, pero que dan un xogo ás historias máis que destacable. E en medio de todo isto temos á organización á que se enfrontan, El Anillo, unha serie de espías do mesmo lado que eles pero que están decididos a actuar pola súa conta para acabar coas organizacións gubernamentais e sempre detrás de saber quen é o Intersect (Chuck, pero eles non o saben) para acabar con el.


Das tres teño por ver, e empezarei pronto, a terceira que están a emitir neste momento. A primeira temporada son 13 episodios, e quizais ao final, sexa un pouco repetitiva, está simpática, pero sempre teñen o mesmo esquema, presentación, misión e resolución e as cousas avanzan pouco, aínda así o seu éxito en USA foi bastante grande, o que trouxo consigo unha segunda de 22 que está moito mellor, a acción é a mesma, pero teremos a personaxes que toman importancia, como o pai de Chuck, que é fundamental para a historia. Nesta segunda, a pesares de seguir un esquema moi similar, as cousas son moito mellores e están mellor desenvolvidas, ademais do tema do pai temos avances na relación entre Chuck e Sarah, a aparición dun espía inglés (que non se chama 007, pero podería) que pon un punto máis nas cousas, unha certa rebelión do protagonista contra o sistema e un episodio final moi bo, no que o cambio de Chuck ao Intersect 2.0 (todo evoluciona na informática) promete unha terceira máis que entretida. Ademais diso teremos a voda da súa irmá, os problemas no traballo cos cambios de xefe e algunhas cousas máis.


Xa digo, é un mero entretemento pero ben feito, que consegue con creces o seu obxectivo, e penso que polo que lin a terceira, na que case é un espía de verdade por razóns que non vou desvelar, claro, avanza algo máis, así que tamén promete moito. Para min o mellor, ademais da historia que desmitifica por completo o mundo da espionaxe, son o protagonista que está xenial e os personaxes que o rodean, dando sempre un contrapunto cómico a algo que podería ser en serio, pero que os guionistas decidiron que no o fora, co cal lles quedou moito mellor. Se a poñen nalgunha das canles do TDT non a perdades, senón xa sabedes que hai formas de conseguila.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=HNKEs3UF244&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]