jueves, 26 de julio de 2012

"El Caballero Oscuro: la leyenda renace"



Outro comentario sobre cine antes de tomar un pequeno descanso vacacional. Nuns días toda a familia estará de vacacións e haberá que dedicarse á praia, saír, descansar e esas cousas, a finais de agosto volveremos coa regularidade habitual.

No anterior xa vos dicía que estreaban unha nova cinta de superheroes e que iría vela en canto puidera, pois aquí está, dous días despois da estrea alá fomos, unha calurosa tarde de verán case ideal para estar fresquiño no cine. Ademais a película gustoume moito, creo que é a mellor saga a todos os niveis, tanto no que se refire á historia, á posta en escena, dirección, interpretacións... Nalgunha ocasión cando fago comentarios sobre este xénero de películas teño dito que moitos directores queren darlle tanta transcendencia aos personaxes que lles queda algo a medio camiño entre un drama e unha película de acción. Neste caso ese aire de seriedade que se lle da a este personaxe está tan ben feito que da lugar a unha película realmente boa, creo que moi por riba da media habitual. Outras son máis entretidas, máis simpáticas ou máis espectaculares, pero creo que neste caso falamos de cine de verdade, ben feito, cunha historia e con algo máis que efectos especiais e esas cousas. Falo da terceira entrega da saga do Cabaleiro Escuro, estreada recentemente, “El Caballero Oscuro: la leyenda renace”.

Creo que Batman é o personaxe que máis pasou polo cine nestes últimos anos, case sempre con bos resultados e no caso destas tres últimas penso que cun aire de calidade e bo cine e tamén varios puntos por riba do resto das cintas dedicadas ao mesmo personaxe. Varios directores pasaron polas súas historias, desde Tim Burton (que non estaba mal, pero quizais algo irregular) a Joel Schumacher, pero ningún como o destas tres últimas, Christopher Nolan. Ademais de darlle un novo impulso creo que é o que mellor soubo coller o camiño correcto para este tipo de cine, unha mistura entre calidade e entretemento cunha dirección impecable, unha ambientación marabillosa e a perfecta conxunción entre cine de acción e unhas historias algo máis desenvolvidas que noutros casos. Das súas películas anteriores destacaría a curiosa “Memento” e unha que xa apareceu comentada por aquí e que tamén me gustara moito, “Origen”. Todas teñen a súa marca, unha forma especial e distinta de facer cine e revitalizar con algo de calidade xéneros como o de acción, sempre con algún elemento novidoso e chamativo.

Do mesmo modo varios actores pasaron polo personaxe no cine. Recordemos, claro está, ao primeiro, Adam West, naquela serie dos anos sesenta con bastantes cousas que destacar e que segue a chamar a atención hoxe en día. Bruce Wayne foi interpretado no cine por actores moi coñecidos, Michael Keaton, Val Kilmer ou George Clooney e sinceramente ningún dos tres chegou a convencerme por completo. Nestas tres últimas creo que acertaron de pleno, Christian Bale déixanos un Batman como a película, misterioso e escuro, prepotente e débil ao mesmo tempo. Penso que por un lado máis humano que outros e máis superheroe que calquera dos demais. É un actor que sempre me gustou moito en todo o que fai e aquí segue igual, mellor que ben. Gústame moito a forma que ten de plasmar ao personaxe e non creo que poida haber outro (nunca se sabe) que o faga mellor.


A cinta é a terceira e polo que se di última (unha pena, a verdade) firmada polo mesmo director e plantel de actores. A primeira foi “Batman Begins” (2005), seguida por “El Caballero Oscuro” (2008). Xa a primeira entrega pareceume moi boa, nominada ao Óscar en varias categorías. A segunda creo que é a mellor película do xénero que vin ata o momento, realmente impresionante en todos os sentidos. Esta terceira creo que está moi cerca, moi parecida no ton xeral á anterior e creo que é o colofón perfecto para a triloxía. Non sei se ao final haberá algunha máis ou non, pero será difícil superar a media destas tres, quizais sexa mellor rematar así que esgotar ao personaxe e a forma de concibilas como pasou con outras sagas deste ou doutros xéneros.

A historia comeza oito anos despois do final de “El Caballero Oscuro”, asi que mellor recuperala antes para non despistarse. Ao final desta Batman quedaba case como un criminal asasino e Bruce Wayne feito po tras as múltiples feridas provocadas polo enfrontamento final. Tanto que decidira que Batman xa non aparecería máis, que a súa vida como heroe rematara para non volver. Wayne vive recluído na súa mansión, recuperándose das lesións e case sen saír ao mundo exterior. Pero claro está, isto non pode seguir así, algún criminal poderoso terá que aparecer para que Batman e os seus aparatiños volvan a escena. O antagonista neste caso será Bane, un misterioso home cunha estraña máscara que non se sabe moi ben de onde saíu. Quere acabar coa cidade de Gotham e instaurar un reino de anarquía e terror, sen orde nin policía onde sexan os delincuentes os que campen as súas anchas. Polo medio ademais unha inesgotable fonte de enerxía nuclear que aínda non funciona á perfección, pero que tamén pode volverse en contra da xente e converterse nunha poderosa bomba atómica. Todo isto fará que Wayne teña que volver a súa escura cova e que Batman volva para salvar á cidade da destrución e o caos.

A historia está na liña do xénero e o plantexamento e o desenvolvemento é moi bo. Quizais Batman non sexa o protagonista absoluto e a cinta céntrase máis nos personaxes e tamén, claro está, na forma de ver a vida e de vivila de Bruce Wayne. Quizais un pequeno defecto é que ten algúns momentos dentro do argumento que recordan demasiado a outros das anteriores, pero aínda así non desmerece do ton xeral da historia.

Ademais da gran dirección, que mantén o ton xeral da saga e que me segue a parecer excepcional, hai que destacar a todos os actores que aparecen na mesma. Todos están realmente ben, dándolle ese aire de calidade por riba da media do xénero. Grandes actores e outros moi coñecidos pasaron sempre por todas as historias do personaxe, pero creo que nesta triloxía a elección é perfecta. Desde Michael Caine interpretando ao mordomo, pero sobre todo amigo, do protagonista, un Alfred perfecto. Gary Oldman é o comisario Gordon, outro dos habituais do cómic e tamén xenial no papel. Morgan Freeman é Fox, o encargado de todos os complementos e espectaculares medios de transporte do superheroe. Anne Hathaway é un dos personaxes femininos, interpreta a Selina, unha ladroa de xoias enfrontada a Wayne e a medio camiño entre ambos bandos; tamén está moi ben, sobre todo tendo en conta que estamos acostumados a vela noutro tipo de papeis. E destacar a Joseph Gordon-Levitt, un dos protagonistas. Fai o papel de Blake, o policía uniformado que está convencido de que Batman non é un asasino e que será fundamental para o desenvolvemento da historia. Varias caras coñecidas máis completan un listado de actores que cumpre á perfección e que lle da unha grande credibilidade á trama.

Como as outras é unha película escura, dramática e violenta en moitos momentos. Neste caso e gracias á mestría na dirección e as interpretacións ese aire de seriedade e transcendencia non lle queda nada mal, ao revés, é un punto a favor porque non aparece como algo forzado nin fóra de lugar. A mistura entre escenas de acción e momentos de diálogos é perfecta e a ambientación contribúe a darlle ese aire de gran película. Claro que vin outras do mesmo xénero máis entretidas ou espectaculares, pero creo que non mellores. Como bo cine creo que Nolan como director e Bale como actor protagonista (ademais de todos os demais) deixan o listón moi alto, tanto que non creo que sexa sinxelo de superar.

Unha gran película, dúas horas e tres cuartos que se me pasaron nun suspiro, había tempo que non se me pasaba tan rapidamente unha cinta tan longa, a verdade. A pesar de que a acción está perfectamente dosificada non é a raíña da metraxe, e aínda así non se fai aburrida nin lenta en ningún momento. Tampouco é a típica na que os efectos especiais están por riba da historia ou dos personaxes, outro punto máis ao seu favor. O máis importante son os personaxes e o desenvolvemento dos mesmos, as relacións entre eles, os enfrontamentos e, sobre todo, a idea da superación. É unha historia dura, con momentos realmente violentos e con máis dunha sorpresa no argumento. Para min case a película de superheroes perfecta, ou a triloxía perfecta mellor dito. Para os afeccionados é imprescindible e os que non o sexan deberían de pensar en velas por orde, estou seguro de que non vai decepcionalos.

E aquí vos deixo o primeiro Batman que vin.

jueves, 19 de julio de 2012

"The amazing Spiderman"



Pois hoxe vai outra de cine, curioso que esteamos a ir un pouco máis agora que en inverno, pero con este estraño verán que temos pola esquina noroeste as opcións quedan un pouco reducidas. A carteleira segue sen ser nada doutro mundo e non é fácil escoller unha película porque non hai demasiadas que chamen a atención, quedan poucas onde elixir. Xa deixei patente en varias ocasións as miñas preferencias polas historias de superheroes e todas as estreadas ultimamente foron aparecendo comentadas aquí. A verdade é que a este de hoxe lle tiña unhas ganas relativas, sobre todo porque tampouco é que vira a necesidade de que nos volveran contar máis ou menos a mesma historia que tiñamos visto antes e fun vela cunha certa predisposición, con algo de neutralidade. Pois ao final foi unha grata sorpresa, creo que responde algo mellor ao espírito do personaxe, que o actor protagonista está algo mellor e a película en liñas xerais é máis entretida e emocionante que a súa, digamos, versión anterior. A cinta é “The amazing Spiderman”, que sigo sen saber por que non pode ser, simplemente, “O incrible Spiderman”, que xa está ben de manter eses títulos en inglés.

De todos modos a historia que nos vai contar xa é sabida, o nacemento do personaxe, como Peter Parker convértese en Spiderman e as cousas que lle traerá o cambio, de ser un rapaz gris, que pasa desapercibido ao superheroe que todos coñecemos. A grandes rasgos é a mesma historia que nos contou Sam Raimi en 2002 e que tivo dúas continuacións no 2004 e 2007 co mesmo plantel de actores. Esta é a gran razón para pensar que unha nova película debería seguir co personaxe, e non contarnos o mesmo, sobre todo cando so pasaron dez anos desde a estrea da anterior. Aínda así sendo a mesma historia ten algunhas cousas lixeiramente distintas, pero que non son suficientes para xustificar esta estrea. Parece máis un intento de revitalizar ao personaxe con vistas a algunha película máis, ao haber cambio de actor e esas cousas. A idea igual é esa, pero non o teño claro, o éxito da cinta está a ser discreto e non está garantida a súa continuación.

Agora vemos que Peter Parker vive cos seus tíos trala morte dos seus pais e que o seu pai dedicábase á investigación xenética. Buscando noticias dos seus pais irá a un laboratorio de experimentos xenéticos, aí será onde o pique a famosa araña que o converterá en Spiderman. De novo veremos como o seu tío é asasinado por un ladrón e el séntese culpable. Acostumándose pouco a pouco aos seus novos poderes (que neste caso é algo que se explota algo menos que na outra, é algo máis directo, supoño que partindo da idea de que o espectador xa o sabe) irá buscando ao asasino e evolucionando na forma de ver o seu novo poder e como usalo. Polo medio, como está mandado, o personaxe de Gwen Stacy, a rapaza da que está namorado desde sempre e o enfrontamento co o seu antagonista nesta historia.


O director é Marc Webb, unha das súas primeiras películas e que ven do mundo da televisión. Quizais nalgúns momentos fáltalle a forza visual de Sam Raimi, pero aínda así non está mal. Iso si, ao estar pensada para a súa estrea en 3D ten algunhas escenas nas que se nota que se quere provocar un certo efectismo no espectador que vaia vela con gafas, nos vímola en versión normal e quizais a presencia dese tipo de escenas era algo esaxerada. Andrew Garfield é o actor protagonista, que tamén ven fundamentalmente da televisión e con algunha película máis no seu haber. Nalgúns sentidos gustoume máis que Tobey Maguire, quizais ten algo máis de personalidade, non nos deixa un Peter Parker tan débil e torturado, tan triste nalgúns momentos, que era algo que non me gustaba demasiado dese actor cando interpretaba ao superheroe. En liñas xerais creo que o personaxe gaña algo co cambio de actor, pero evidentemente é so unha cuestión de preferencias persoais.

No que se refire á película en si xa dixen que en xeral gustoume algo máis que a primeira da anterior serie. Creo que é un pouco máis entretida, con algunhas escenas máis emocionantes e cunha relación entre os personaxes menos triste, menos centrada no sufrimento do personaxe central e máis cara ao lado do bos que son os seus poderes e como pode usalos. Como algunhas cousas xa as sabemos pasa algo por riba delas e iso fai que gañe algo en ritmo, aínda que tamén se perden outras. Con respecto ao cómic hai unha serie de elementos que desapareceron e bótanse de menos, pero non os vou contar para non desvelar demasiado. Hai unha serie de fíos da historia clásica de Spiderman que desaparecen e nese sentido non me gustou demasiado, son constantes do personaxe que non se poden eliminar así como así, penso eu.

Dúas horas e vinte que se pasan con bastante rapidez. A película ten ritmo e é moi entretida, con algúns toques de humor ben metidos dentro da historia e que lle quitan ese aire de transcendencia que sempre se lle quere dar a este personaxe, non sei moi ben por que. Para pasar o rato non está mal e a nós gustounos moito, pero sigo a pensar que esta nova versión é case prescindible e innecesaria, prefería unha nova aventura do personaxe, con novos enfrontamentos e non ver de novo máis ou menos o mesmo. Recomendable se a carteleira non ofrece moito máis, os afeccionados ao xénero posiblemente non deberían deixala pasar, pero se o fan tampouco pasaría nada. Agora a esperar á fin de semana do 20 deste mes para ver a nova entrega dunha das mellores sagas que hai con este tipo de personaxes, Batman, que nesta serie do Cabaleiro Escuro creo que alcanza cotas moi altas, tanto no visual como no argumental.

E para os nostálxicos e para que alucinen os máis novos, déixovos un pequeno vídeo do primeiro Spiderman que vimos sen ser de animación, unha serie de televisión dos anos 70, non vou dicir o que riron na casa os meus fillos cando llo ensinei e lles comentei, creo recordar, que a vin enteira, o que cambian as cousas.

viernes, 13 de julio de 2012

"22/11/63", Stephen King



O autor de hoxe creo que é dos que máis apareceron por este blog de momento, xa dixen en varias ocasións que era un dos meus novelistas favoritos escriba o que escriba e que son un fan incondicional de todas as súas obras. Como todo autor bastante prolífico ten de todo na súa produción, pero ata as que menos me gustaron superan con algo a nota media e creo que ningunha me decepcionou. Certo é que nestes últimos anos andaba un pouco frouxo, pero as súas últimas historias fixéronme recuperar ao autor do que tiña un gran recordo, cun aire as súas primeiras e boas novelas. Falo de Stephen King e neste caso o seu último libro, “22/11/63”, que me pareceu realmente bo dentro do xénero. As dúas últimas que comentei gustáranme bastante, tanto “La cúpula” (que so me deixou algo frío ao final) como os catro excepcionais contos de “Todo oscuro, sin estrellas” (esta máis que a anterior) fixéronme volver aos anos das súas grandes novelas, tanto en entretemento como en tensión. Con esta de hoxe creo que King escribiu unha das súas mellores novelas dos últimos anos, superior con moito á anterior, sempre falando das súas novelas longas, non das coleccións de contos, que sempre me pareceron realmente boas.


Neste caso estamos dentro do mundo das viaxes no tempo. Algo que parece que volve a estar de moda en varias novelas actuais, desde as comentadas aquí de Félix J. Palma a outras que irán aparecendo por aquí comentadas. Atopámonos loxicamente cunha novela de xénero fantástico, pero cun aire de verosimilitude e credibilidade bastante alto. No epílogo final o autor fala do traballo de documentación que fixo, bastante serio, para reflectir tanto a época como os acontecementos que se narran, en gran parte baseados en feitos históricos aos que King dálle o punto perfecto de imaxinación. Moitos dos personaxes que aparecen na novela, non os directamente protagonistas, son reais e vainos contar algúns feitos, situacións e momentos que ocorreron na realidade deses anos. Centrado no asasinato de John Fitgerald Kennedy en Dallas na data que da título á novela e nunha persoa que vai tentar evitalo. Lee Harvey Oswald será un dos personaxes centrais, contándonos ademais a historia do mesmo, unha historia que en xeral descoñecía, interesante e curiosa, con moitos elementos que me resultaron máis que interesantes.

O protagonista é Jake Epping, un profesor de literatura inglesa no pequeno instituto de Lisbon Falls, por suposto en Maine (marco de gran cantidade de novelas do autor). Separado da súa muller, alcohólica, tamén imparte clases nocturnas para adultos. Nunha desas clases pide aos seus alumnos que lle presenten unha redacción na que lle conten un acontecemento que fora fundamental para o desenvolvemento das súas vidas. Nunca imaxinará o que vai ler pouco despois nas páxinas que lle presenta o conserxe do instituto, un home coxo ao que todos os alumnos vacilan e mortifican. Harry Dunning vaille contar como, nunha noite de Halloween de cincuenta anos atrás, o seu pai volve a casa (estaba separado da súa nai) para matar cun martelo a súa nai, o seu irmán e á súa irmá, un feito que vai marcalo de por vida e que deixará a Jake completamente impactado. A súa forma de ver a vida cambiará e máis vai facelo pouco despois. É habitual dunha hamburguesería, que dirixe o seu amigo Al e que se está a quedar case sen clientes coa sospeita de que as hamburguesas son demasiado baratas como para non esconder algo máis que carne. Al cóntalle algo incrible, ao fondo do almacén do seu negocio hai un burato no tempo, un sitio que te leva sempre ao mesmo momento puntual e ao mesmo sitio, pero do ano 1958. Durante moito tempo Al estivo usándoo para ir ao pasado e tentar cambiar algo que o ten obsesionado, evitar o asasinato de JFK en Dallas cinco anos despois. Pero agora ten un problema, un cancro terminal que impide que leve a cabo esta misión. Durante moito tempo estivo a recompilar datos, levando un diario do que fixo, seguindo a Oswald, sobre todo para saber antes de actuar se estaba so ou formaba parte dunha conspiración para asasinar ao presidente dos Estados Unidos. Os seus días rematan e quere que Jake tome o relevo para levar a cabo a misión. O mellor de todo é que pase o tempo que pase no pasado no presente so transcorren dous minutos. Jake dubida da historia, pero fai unha entrada rápida e atópase de repente noutro lugar e noutra época, en 1958, así que non lle queda máis remedio que crer a incrible historia. Ademais hai outra cousa que quere facer, tentar evitar tamén que o pai de Harry Dunning mate a toda a súa familia para poder darlle a todos eles un novo futuro. Convertido en George Amberson irá ao pasado, vivirá nel, traballará, convivirá cunha época que case chegará a gustarlle máis que a súa. Coñecerá a moita xente e seguindo as notas de Al seguirá a traxectoria de Oswald ata chegar ao ano 1963, pero todo o que pasará teredes que lelo, que non volo penso contar. Conseguirá evitar o asasinato de Kennedy e cambiará o futuro?

Esta é a historia que nos deixa King, unha historia máis que interesante, curiosa e, sobre todo entretida, tanto que as cen últimas páxinas tiven que lelas ata altas horas da noite, non era capaz de deixalo sen saber como ía rematar a historia. Cambiar o pasado é algo que aparece en moitas historias e en todas elas ese cambio ten fortes implicacións para o presente desde o que se tenta cambiar. Pero neste caso o autor introduce un novo elemento, o pasado non se deixa cambiar facilmente e Jake atoparase con continuos reveses nas cousas que pretende facer e que lle parecen sinxelas nun principio. Irá aprendendo a medida que avanza, pouco a pouco e con calma, tentando non cometer ningún erro e moito menos que alguén descubra que non é quen di ser. En moitos momentos atoparase cunha vida que lle gusta moito máis que a que leva na súa época real e as dúbidas, as ganas de quedar, serán fortes, así como a misión que lle encargou Al, que as veces parece moi fácil e outras non tanto.

A ambientación é realmente xenial. Estamos nos anos 69 en Estados Unidos, unha época chea de fascinación en moitos momentos. Os grandes coches, a vida nas pequenas cidades americanas (pasa por varias e todas elas distintas), a música, os adolescentes..., todo contribúe a darnos unha idea realmente boa de como era a vida nesa época. Detalles que axudan ao marco, como por exemplo, que todo o mundo fuma e en todo momento (nese sentido recordoume á imprescindible serie “Mad Men”, ambientada a mediados dos sesenta e coa que ten algunhas cousas en común), algo ao que Jake, que vén dun mundo distinto nese sentido, tarda en afacerse. Moitas axudas para esta ambientación histórica, personaxes do momento, músicos e cancións que moitos coñecerán ou feitos históricos son elementos fundamentais e mostran o traballo do autor nese sentido.

Para os fans do autor son, como case sempre, múltiples as referencias a constantes da súa obra ou a momentos doutras novelas. A mención imprescindible ao pobo de Castle Rock, que aparece case sempre nas súas historias dun modo ou doutro. A prisión de Shawshank tamén se menciona, onde transcorría a xenial “Cadea perpetua”. Asasinos disfrazados de pallaso... Xestos para os habituais das súas novelas ou contos.

Para min a mellor novela que publicou nestes últimos anos e penso que unha das súas mellores historias. O plantexamento é perfecto e todo está engarzado dun modo xenial. Como sempre con ese estilo fluído, visual e as veces estremecedor polo directo que é e que fai que non poidas deixar de ler en moitos momentos e teñas que seguir para ver que vai pasar a continuación. Unha fábula do tempo, das cousas que poderíamos cambiar e os efectos que poderían ter se o fixeramos. Cunha perfecta conxunción entre os personaxes de ficción e os históricos (que non son poucos e polo lido no epílogo cunha fidelidade histórica bastante alta) que fai, como xa dixen, que dentro do ficticio sexa case crible. Unha novela que podería gusta a todos aqueles que non sexan demasiado afeccionados ás historias de Stephen King, imprescindible para os fans.


sábado, 7 de julio de 2012

"El enigma del cuervo"



Hai uns meses, vendo tráilers das próximas estreas, atopeime con este, que me chamou bastante a atención. Unha historia con ambiente victoriano e que ademais tiña como protagonista a un dos meus autores favoritos e do que creo que no seu momento lin case todo, xa hai algúns anos. Tiña boa pinta en varios aspectos e aproveitando que o tempo de momento non deixa facer demasiadas cousas relacionadas co verán tocou cine unha tarde destas. O título orixinal en inglés é “The Raven” (“O corvo”), o máis famoso poema de Edgar Allan Poe, que nesta cinta convértese no protagonista, aquí estreouse como “O enigma do corvo”, quedo co orixinal, máis directamente relacionado cun dos grandes poemas da literatura americana.

A historia comeza a finais do mes de outubro de 1849, poucos días antes da morte de Poe. Son os seus últimos días, un home atormentado, cheo de medos e case incapaz desde hai tempo de escribir algo bo que publicar. Non ten diñeiro, non ten recoñecemento e poucos saben del. Medio traballa publicando artigos de crítica literaria nun periódico que o que en realidade quere son novos contos, novas historias que tiñan un certo éxito, pero a súa imaxinación parece esgotada. O único que lle serve de consolo é a súa relación con Emily Hamilton, a filla do adiñeirado capitán Hamilton, que non ve nada ben esa relación e quere acabar con ela. De repente a policía atópase cun misterioso dobre asasinato, unha nai e a súa filla aparecen mortas nunha habitación pechada, algo que os desconcerta. O encargado do caso será o detective Fields, un intelixente e agudo investigador que pronto desvela o misterio e ademais nota que a escena do crime reproduce algo que leu hai un tempo, un relato de Edgar Allan Poe. Así que o primeiro que fará será interrogar ao escritor, o primeiro sospeitoso do caso. Pero pronto descubrirán que el non ten nada que ver cos asasinatos, tanto con ese como co seguinte. Atopámonos ante un misterioso e cruel asasino que vai reproducir varias escenas de outras historias curtas do autor. E non so iso, aproveitando unha festa e a súa relación con “A máscara da morte vermella” vai secuestrar a Emily, a amada de Poe, deixando unha carta ademais para a policía e deixando claro que a intervención do autor será fundamental. Seguirá asasinando e deixando pistas para poder saber onde se atopa a secuestrada, pero ademais, a cambio, obrigará a Poe a escribir novas historias de terror e misterio relacionadas tanto co secuestro como cos distintos asasinatos. Poe terá que volver a escribir se quere rescatar a Emily das garras do brutal asasino.

O director é James McTeigue, especializado en cintas que misturan acción e ficción. Foi asistente de dirección en todas as entregas de “Matrix” e a súa primeira película como director foi “V de Vendetta”, unha cinta que empecei a ver con algúns reparos pero que logo gustoume bastante. A seguinte foi “Invasión”, unha prescindible versión do clásicos “La invasión de los ladrones de cuerpos”. Esta de hoxe é a última polo momento e gustoume bastante, aínda que penso que lle falta algo para poder facer dela unha película máis decente do que é.

En canto aos actores o papel de Poe está interpretado por un deses actores que sempre me gustan, John Cusack, sempre convincente. Neste caso déixanos un Poe pálido, atormentado, triste e agoniado, sufrindo por unha vida que non sabe moi ben por onde vai e logo moito máis polo secuestro e o tormento de ver que alguén segue os seus contos para matar xente. Ten moi bos momentos pero quizais nalgún fáltalle algo máis, non sei moi ben o que, quizais Cusack quixo reflectir eses últimos días da vida de Poe, que na realidade histórica apareceu vagando polas rúas de Baltimore para acabar morrendo nun hospital (sen que se saiba moi ben de que, fálase de sífilis, tuberculose, alcoholismo..., outro misterio, xa que os papeis nos que quedaba constancia da mesma desapareceron). De todos modos gustoume bastante no papel e quizais estea cerca do que foi o autor neses últimos días. O outro actor principal é o que interpreta ao detective Fields, Luke Evans, non con demasiado cine aínda, pero que me gustou moito, quizais algo máis que Cusack. É o home de acción, intelixente e que non se rende ante nada. Tamén é certo que quizais sexa un papel algo máis lucido e non tan suxeito a tentar manter unha certa imaxe como personaxe de ficción enfrontado a outro que non o é, pero haberá que seguir a súa carreira, porque promete bastante. E o terceiro papel cunha certa importancia dentro da historia é o de Emily, interpretada por Alice Eve.

A película está algo por riba da media, pero creo que lle falta algo, pouco, para ser mellor. Quizais falle algo en emoción, ten intensidade pero a veces non se transmite ao espectador. O misterioso asasino é, como sempre, un elemento para manter a atención, xa que ata o final non saberemos nin quen é nin por que fai o que fai. Tamén chega a un final quizais algo collido polos pelos e cunha explicación máis ben pouco clara. De todos modos a ambientación, ese Baltimore de finais do século XIX, é moi boa e é un elemento máis dentro da historia. Unha cidade escura, case toda a acción transcorre de noite ou en escenarios escuros, o teatro, as cloacas, as rúas...contribúen a darlle ese ambiente que tan ben se podía percibir nos relatos de Poe. Ese é outro elemento que quizais poderían ter aproveitado máis. A relación dos asasinatos cos contos do autor é realmente boa, pero podería ser máis directa, máis clara e tela estirado un pouco máis. Nese sentido penso que poderían ter feito unha película algo máis longa, queda en hora e media xustiña, e aproveitar máis esas historias e a súa relación coas mortes. De todos modos creo que é un bo reclamo para todos aqueles que non os leron, creo que tras ver a película terán ganas de facelo. No meu caso xa os lin hai moitos anos, pero creo que este verán vou recuperalos e volver disfrutar da lectura de, para min, algunhas das mellores historias de terror gótico que nunca se escribiron e que foron fonte de inspiración para moitos autores posteriores e que aínda hoxe seguen a selo.

Gustounos moito a todos na casa, así que merece a pena e é recomendable, sobre todo unha carteleira que neste momento non ofrece case nada decente que ver, a verdade. A historia é entretida e consegue manter a atención sen chegar a aburrir en ningún momento, que xa é bastante. A ambientación e as interpretacións son moi boas e so creo que non aproveita algunhas cousas que podería usar, facendo que quede algo máis simple do que podería ser. Impresionante o aproveitamento nunha curta escena pero impactante de “O pozo e o péndulo”. Tamén outra vía para recuperar todas as cintas que a produtora inglesa Hammer fixo sobre os relatos de Poe, moitas delas protagonizadas polo xenial Vincent Price, unhas películas que vin na miña xuventude e das que gardo un recordo realmente bo. Unha boa maneira de volver a un dos máis grandes autores da literatura americana e universal, un autor que non conseguiu case recoñecemento durante a súa vida, algo que o torturaba, pero que é imprescindible para a historia da literatura, e non so a de terror. Hai pouco, ao fío do comentario dunha novela de Félix J. Palma, falaba de que unha das miñas novelas favoritas era “As aventuras de Arthur Gordon Pym”, o seu autor era Edgar Allan Poe, a súa única novela, así que volvo a facer a recomendación, imprescindible.