jueves, 20 de diciembre de 2012

"El invierno del mundo", Ken Follet




Non son nada amigos dos tópicos, pero é ben certo que en ocasións cúmprense, máis que nada porque algunha base teñen. Digo isto por ese que di que “segundas partes nunca foron boas”, e o comentario de hoxe é sobre unha segunda parte dunha triloxía. A primeira comenteina aquí alá por novembro do ano 2010 e hoxe tócalle o turno á segunda entrega, de publicación relativamente recente. O seu autor é un deses que xa apareceron por aquí en varias ocasións, Ken Follet, e a novela que vos deixo é “El invierno del mundo”, dentro do que o autor denomina “La trilogía del siglo XX”.

Como xa houbo varias novelas de Follet a comentarios anteriores remítome para cuestións biográficas que xa apareceron. O que si vou deixar claro desde un principio é que, en xeral, as súas segundas partes estanme a decepcionar un pouco. Xa o dixen cando comentei “Un mundo sin fin”, a continuación de “Los pilares de la tierra”. Pois as mesmas cousas que atopei nesta que non me agradaron demasiado parece que se repiten nesta de hoxe. Non quero dicir que non estea ben, que non sexa entretida ou se lea con agrado e facilidade, pero non chegou a colmar as expectativas que tiña cando me puxen a lela, sobre todo tendo en conta que “La caída de los gigantes” gustárame bastante.

Neste caso afronta a historia partindo máis ou menos de onde a deixou na primeira entrega, alá polo ano 1933 e chegará pouco despois de rematar a Segunda Guerra Mundial, en 1949 como paso previo á guerra fría e o resto dos acontecementos importantes do século. Os protagonistas son os mesmos, evidentemente, as mesmas familias procedentes de diversos países que van cruzando os seus destinos de distintas maneiras. Nese sentido si é certo que segue a xogar de marabilla cos personaxes e facendo que se atopen uns cos outros en distintos momentos e circunstancias dunha maneira fluída e crible para o lector. Ademais, nesta parte da historia, o movemento de moitos deles entre países será continuo e algúns que empezan nos Estados Unidos acabarán en Inglaterra, Alemaña ou Rusia. As viaxes dos protagonistas con distintas funcións ou misións son continuas dentro da historia, motivados tamén polos acontecementos históricos que nos conta. Claro que agora entrarán os fillos e fillas das familias centrais, que levarán gran parte do peso da historia. Os pais da primeira entrega van deixándolle a testemuña aos seus descendentes que serán os que protagonizarán a maior parte da trama, pero deixando momentos moi importantes para os anteriores, que seguen a estar presentes en todo momento. En Estados Unidos temos á familia do senador Dewar, Woody e Chuck. No mesmo país acabou Lev Peshkov, que emigrara desde Rusia e con el os seus fillos Daisy e Greg. Ademais deles aparecerán varios personaxes históricos, como Roosevelt ou Harry Truman. En Inglaterra Boy e Andy son os fillos do noble Fitzherbert e Lloyd o fillo dos Williams. En Alemaña temos aos Von Ulrich, cos seus descendentes Erik e Carla, así como á familia Franck, Werner e Frida serán os que máis destaquen entre os seus fillos. Rusia era outro dos países centrais e alí temos ao outro Peshkov, o que se quedou cando o seu irmán tivo que emigrar e os seus fillos, Volodia e Ania. Ao seu redor unha boa cantidade de personaxes de diversos tipos e con distinto peso dentro da historia, uns máis importantes que outros, pero todos máis ou menos relacionados con estes que vos acabo de deixar, que quizais sexan os máis importantes. Ademais aparecerán dentro de cada país e en cada momento varios personaxes históricos con máis ou menos importancia dentro da historia. Iso si, a pesar de que como dixen, non me convenceu demasiado, sigo a pensar que o deseño de personaxes, a variedade nas súas formas de ser, pensar ou comportarse segue a ser unha das mellores cousas tanto da novela como do autor.

Como no caso da primeira, é unha novela longa, preto das mil páxinas e que a min nalgún momento puntual se me fixo algo pesada, aínda que nunca pensei en deixala. Todos os acontecementos importantes deses anos aparecerán con máis ou menos importancia dentro da historia. Empezaremos coa ascensión do partido nazi e Adolfo Hitler ao poder en Alemaña, pasaremos á Guerra Civil en España. De aí o núcleo central, evidentemente, será a Segunda Guerra Mundial, o bombardeo de Pearl Harbor, a guerra no Pacífico, rematando co lanzamento da bomba atómica en Hiroshima e o inicio da guerra fría tras o remate da guerra.

¿Por que me decepcionou un pouco? Pois a verdade é que me resultou algo simple no que se refire ao aspecto histórico da novela, máis centrado en historias sentimentais e relacións entre personaxes que en ocasións cómense outras cousas da historia e quítanlle interese. Creo que cando comentei a continuación de “Los pilares de la tierra” dixen o mesmo, que nalgunhas partes era demasiado culebrón, demasiadas historias de amores e desamores que poden facer que o lector que busca algo máis se perda un pouco, polo menos a min pasoume. Evidentemente é necesario que o autor estableza unhas certas relacións entre todos os personaxes da historia, pero creo que se a súa intención é escribir unha crónica dos acontecementos do século XX neste caso estas relacións parecen estar un pouco por riba desa intención. Por suposto isto é unha apreciación persoal e engado tamén que todas estas relacións, cruces, encontros e demais están moi ben feitos e case aparecen como algo crible e natural, pero en máis dunha páxina creo que duran demasiado e poden facer que se perda o interese. Unha das cousas que máis me gustaran da primeira entrega era o ben contado que estaba o inicio da Primeira Guerra Mundial, os problemas entre países e como os personaxes funcionaban dentro dese entramado. Neste caso non me pareceu que tivera tanto esa intención. Quizais sexa porque parte da base de que ese gran conflito é algo máis coñecido para a gran maioría dos lectores, pero aínda así botei de menos algo máis de contido histórico a ese respecto. Ademais diso creo que nalgúns casos da unha visión algo tendenciosa e parcial dalgunhas situacións ou feitos, case como tomando partido por algún bando concreto. Non vou dicir en que momentos percibín este tipo de cousas, é algo que prefiro deixar ao lector, que xulgue por si mesmo. Iso si, creo que da unha visión demasiado simple, por exemplo, da Guerra Civil española.

Si ten momentos que me gustaron moito, iso é innegable porque non deixa de ser un dos meus autores favoritos e son esas cousas as que fixeron que non deixara a lectura, ben, iso e que ler a terceira entrega é algo que entra dentro dos meus plans, por suposto. O ataque dos xaponeses a Pearl Harbor, todo o que rodeou á fabricación da bomba atómica, algunhas partes da guerra do Pacífico e os temas relacionados coa espionaxe durante a guerra e algunhas cousas máis resultáronme entretidas e interesantes. En cambio outros momentos que creo importantes deixáronme algo máis frío, a maior parte do relato durante a guerra europea resultoume quizais demasiado frío e pouco concreto, salvo por algúns detalles que o salvaron case da mediocridade. Volvo a dicir que é posible que Follet pense que xa hai demasiadas historias centradas nesa época, contando tantas cousas que é difícil engadir algo máis, pero aínda así botei de menos algo máis.

Gustoume, pero ao mesmo tempo decepcionoume un pouco. Nalgúns momentos se me fixo algo pesada e case aburrida. Esperaba algo máis, distinto nalgunhas cousas, menos centrado nas historias e relacións sentimentais entre os personaxes e máis centrado nas cuestións históricas, que creo que se quedan un pouco diluídas entre eses cruces de parellas, de encontros, separacións e demais. Nalgúns momentos todo iso non está nada mal, pero quizais se alonga demasiado, dálle demasiadas voltas e iso fixo que me cansara un pouco, que tivera ganas de rematar esa parte da historia e pasar a outra distinta e máis interesante, para min, claro.

A pesar de todo creo que é unha novela máis ou menos recomendable, sobre todo para os seguidores do autor e os que tiveran lido a primeira parte. A súa lectura foi case como subir nunha montaña rusa, con momentos que me gustaron moito e outros que non tanto, como se te dera un forte baixón, pero claro, tras ese viña moitas veces unha boa subida. Creo que é algo irregular, pero aínda así pode facer que pasemos un bo rato con ela. Para min a medio camiño entre unha novela histórica máis ou menos seria e un medio folletín (con todo o meu respecto para o xénero e os seus seguidores). E tamén cunha perspectiva histórica quizais algo sesgada nalgúns momentos precisos, pero iso xa é unha apreciación completamente persoal. Por suposto que lerei a última entrega, quero saber que e con quen nos vai contar eses últimos anos dun século XX cheo de claros e sombras. Ademais teño a impresión de que pode ser a época máis complicada e difícil de contar, esperemos a ver que fai Follet con todos estes personaxes. Iso si, espero tamén que me digades que vos pareceu esta de hoxe, a ver se coincidimos ou non.

miércoles, 5 de diciembre de 2012

"La vida de Pi"



Este último fin de semana tocou cine, que xa había tempo que apetecía. Iso si, tiñamos intención de que fora algo tranquilo, como outras veces, pero seguimos con ese costume de meter a grupos de nenos e nenas no cine sen ningún adulto que os controle un pouco, celebracións de cumpreanos que sigo sen entender demasiado, así como a razón pola que van ao cine, porque a ver a película seguro que non. Ben, tras esta pequena protesta seguimos co tema. Unha estrea deste último venres, “La vida de Pi”. Nalgúns casos vou ao cine atraido pola historia ou os actores, esta vez foi polo director, un deses que sempre ten algo bo que contar, e sobre todo ben contado, cunha posta en escena case sempre orixinal e distinta, imitada por outros pero co seu selo persoal. A primeira película, creo recordar, súa que vin foi “Tigre y dragón” e quedei fascinado tanto coa historia como pola forma de contala. Era realmente chamativa a maneira de filmar os combates, case como se un estivera a ver unha escena de ballet clásico. O director desta orixinal historia é Ang Lee e a película gustounos moito a todos os que fomos, aínda que a algúns se lle fixo un pouco longa de máis, a min conste que non.


Ang Lee é un director nado en Taiwán en 1954, pero educado nos Estados Unidos. Nas súas historias case sempre están presentes estes dous enfoques do cine, a espectacularidade do cine americano coa delicadeza e a calma do cine oriental. Moitas delas misturan a modernidade coa tradición e en case todas elas temos un certo ton de comedia lixeira, desas que fan que moitas veces teñas un sorriso continuo. Foi un dos primeiros en usar os grandes presupostos do cine americano para películas que unen as artes marciais co exotismo e a espectacularidade visual. Estudou teatro na Universidade de Illinois e logo nunha prestixiosa escola de arte de Nueva York. Como curiosidade foi compañeiro de clase de Spike Lee. En 1992 estrea “Manos que empujan”, unha historia sobre un ancián que non se adapta á vida occidental moderna, empeza a falarse del como un director prometedor. A seguinte confirma esa idea e convérteo nun dos máximos expoñentes do cine do seu país, “El banquete de bodas” (1993). Ao ano seguinte “Comer, beber, amar” dálle un dos seus maiores éxitos. Ademais será o pioneiro dunha boa cantidade de historias que seguían a mesma liña. Logo unha nova adaptación do clásico “Sentido y sensibilidad” conseguindo darlle un aire persoal a unha historia moi coñecida. En 1997 “La tormenta de hielo” o “Tigre y dragón” (2000) confirmaban a súa presencia como un dos directores máis orixinais e innovadores do momento. Sempre misturando o cine comercial pero dándolle un certo toque de calidade e case de selo de autor, “Hulk” (2003) ou a cinta do ano 2005 que lle deu un punto máis, “Brokeback Mountain”. A historia de hoxe é a súa última produción ata o momento. Gañou o Óscar no ano 2000 á mellor película estranxeira por “Tigre y dragón”, sendo nominado dúas veces máis antes desta. Con “Brokeback Mountain” gañou tamén o de mellor director no ano 2005. Outros premios avalan a súa traxectoria.

“La vida de Pi” é unha adaptación bastante fiel dunha novela de aventuras escrita polo autor canadense Yann Martel. Foi publicada tras moitos problemas no ano 2001 e gañou varios premios rapidamente. Como dixen ao principio, aínda que non lin a novela (queda anotada para facelo nalgún momento) por distintas recensións vexo que a adaptación é bastante fiel e segue a historia que Martel conta. Imos coñecer a vida de Piscine “Pi” Molitor Patel, un rapaz nado en Pondicherry, unha cidade da India na que os seus pais tiñan un zoo. Na primeira parte da historia imos coñecer os seus primeiros anos, saberemos por que o chamaron así e a razón pola que é coñecido como Pi, unha historia tan simpática como orixinal. Saberemos tamén dos seus problemas e preocupacións coas relixións, a espiritualidade e as cousas posibles e imposibles, así como o seu primeiro amor. Pero os seus pais ven máis rendible pechar o zoo e marchar cos animais cara a Canadá. Aí empezará a segunda parte da súa historia. Unha tremenda tormenta provoca o naufraxio do barco e todos morren, so se salva Pi, acompañado dunha cebra cunha pata rota, unha hiena, un orangután e Richard Parker, un enorme tigre de bengala. Todos eles compartirán un pequeno bote de salvamento e terán que sobrevivir no mar durante unha boa temporada. Serán 227 días de soidade, buscándose a vida para non morrer de fame, sede ou devorado por algún dos animais. Non vou contar nada máis, teredes que ver a película ou ler a novela, iso xa queda á vosa elección.

A min a película gustoume moito. A primeira parte, cando nos conta a historia dos primeiros anos de Pi resultoume fascinante. Unha historia moi metafórica, chea de dobres sentidos e de reflexións sobre a vida humana, as relacións entre as persoas ou a relixión. Todo contado desde un punto de vista que mistura realidade e ficción, con momentos a veces case ridículos misturado con elementos oníricos. Vese cun continuo sorriso, desde os primeiros anos de colexio ata as conversas cos seus pais á hora de comer, momentos realmente curiosos. Logo ven a parte central, o naufraxio, que se ve dunha maneira e chega a verse de outra parecida pero distinta cando cambiamos, case ao final, a forma de velo. Tanto unha parte como a outra teñen suficientes cousas interesantes como para que a historia non caia en ningún momento. A cinta dura algo máis de dúas horas e a min concretamente tívome atento e disfrutando en todo momento, sen chegar a aburrirme nunca. Tamén é certo que a algunha outra persoa das que viñan comigo non lle gustou demasiado e incluso se lle fixo algo longa, como sempre a subxectividade é unha constante. Creo que cada frase, cada palabra, cada escena ten algo que dicirnos, algo en que pensar e reflexionar. Toda a historia está chea de contido. Unha mistura perfecta entre realidade e fantasía, unha fábula chea de contidos e na que poderemos preguntarnos onde está a fronteira entre a fantasía e a realidade. En moitos comentarios falan de “realismo máxico”, creo que é un bo apelativo para esta historia.

E hai que comentar aparte a mestría coa que está filmada. Cando falei de Ang Lee xa dixen que como director ten unha serie de cousas que o distinguen do resto, incluso de moitos que seguen a súa estela. A historia está dirixida por unha gran man e fai que sexa mellor do que é. En moitos momentos é un auténtico espectáculo visual. As escenas da grandiosidade do mar con ese pequeno barco en metade da nada, o uso dos reflexos dun ceo diúrno ou nocturno no mar, os momentos tensos da historia... Todos teñen algo que fará que a maior parte dos espectadores non poidan permanecer indiferentes ante o que están a ver. O mesmo aire de fábula marabillosa que ten a historia pode verse na forma de contala, que axuda moitísimo ao argumento, é máis, sen esa mestría visual estaríamos ante unha historia creo que incluso fría, sen vida. Unha gran historia contada dunha maneira tan grande como ela mesma. Coidada ata o mimo, con momentos de horror e de poesía nunha mistura realmente boa, tanto no contado como no visual. Nos non a vimos en 3D, peor lin por aí que realmente podía merecer a pena vela así. Eu sigo a pensar que o 3D fai que, entre outras cousas, perda algo de luz, de nitidez, algo que é fundamental para poder disfrutala como se merece.

Os actores non son demasiado coñecidos, salvo unha intervención case anecdótica de Gerard Depardieu. Aínda así a parte central da historia está interpretada por un actor chamado Suraj Sharma, nado na India e completo novato nestas lides. Tendo isto en conta aínda lle dou máis mérito, completamente convincente en todo momento, na desesperación, na alegría, na tristeza, en todo momento creo que consegue transmitir ao espectador aquilo que se pretende.

Para min recomendable, amena, interesante e moi ben filmada. Con moito máis contido do que pode parecer nun principio e con varias posibles lecturas. Espero que vaiades ao cine, xa me diredes que vos pareceu.