jueves, 17 de octubre de 2013

Breakin Bad, o final dunha gran serie


Impactado, alucinado e marabillado estou desde hai uns minutos. Acabo de ver o último e definitivo episodio da quinta temporada de “Breakin Bad”, a temporada final tras seis anos en antena. En abril e xullo de 2010 deixei aquí o meu comentario sobre as tres primeiras temporadas, pero agora que a historia de Walter White rematou non me resisto a deixar algunhas palabras máis sobre a que considero en todos os sentidos a mellor serie que teño visto ata o momento. Moitas pasaron por aquí e outras tamén o farán, pero dubido moito que algunha faga que pense de xeito distinto, vexo difícil que apareza algo tan redondo, tan perfecto e xenial ao mesmo tempo. Ademais tras ese final reafírmome na idea de que os guionistas da mesma por fin nos deixaron un final que creo que gustará a todo o mundo. Algunhas series case de culto estropeáronse en certo modo por ese episodio final que non satisfixo a moitos dos seus seguidores por frouxo, inexplicable ou pouco relacionado con todo o que pasara antes. Nalgúns casos parece que quixeron rematala e fóra, deixando de lado moitas das cousas que podiamos esperar. Pero este non é o caso, o final é completamente redondo e non por sorpresivo, esperado, porque non se me ocorre outra posible maneira de rematala deixando contentos aos seguidores. E digo redondo porque é o peche dun círculo que empezou alá polo ano 2008 cunha curta temporada de so sete capítulos a causa da folga de guionistas que rematou con moitas series, pero que non puido con esta, e iso que acababa de empezar.

Para os poucos que non a coñezan contar que é a historia de Walter White, un profesor de química e antigo xenio da materia que, tras fundar unha empresa e ser botado da mesma, da clases nun pequeno instituto de Albuquerque. Cando lle detectan un cancro de pulmón comeza a pensar que poderá facer para deixar á súa familia nunha situación económica que lle permita saír adiante. Ten un fillo xa adolescente que ten parálise cerebral e a súa muller está embarazada. Ten que atopar unha forma fácil e sobre todo rápida de facer diñeiro, un diñeiro que deixe a súa muller e fillos coa vida solucionada da mellor maneira posible cando el non estea. A química é o que mellor coñece e idea unha marabillosa fórmula de produción propia para fabricar metanfetaminas. Pero o problema será a distribución e venta, un mundo do que, loxicamente, non ten a máis mínima idea. Busca axuda nun antigo alumno seu, Jesse Pinkman, que se converterá no seu socio na produción e en buscar camiños para a distribución. As súas primeiras “coccións” serán nunha vella autocaravana na metade do deserto e a venta dun produto dunha pureza sen igual enseguida terá éxito. Pero Walter necesita conseguir moito máis diñeiro e moito máis rapidamente, así que pouco a pouco verase metido nun mundo completamente descoñecido para el pero no que atopa o seu sitio. Cárteles, grandes distribuidores, asasinos, rivais..., o mundo da delincuencia ao máis alto nivel, o máis violento e brutal. Así o apoucado profesor, o tímido home que non soubo loitar polo seu posto nunha empresa que agora é das máis importantes do país, convértese en Heisenberg, un dos máis reputados, famosos e temidos fabricantes e distribuidores de meta de todo o país.

A serie é xenial en todos os sentidos e aínda que mencionarei algúns seguro que me quedan outros no tinteiro. O primeiro Vince Gilligan, o guionista principal da mesma. O guión é impecable e non frouxea en ningún momento. A forma en que vai relacionando todo e como o vai plantexando é fabulosa, así como a maneira de levala á pantalla. Eses principios de temporada sempre cunha escena do final da mesma, que fará que te preguntes en todo momento, capítulo tras capítulo, que quere dicir ese principio ou como se vai chegar a el. Esta última temporada está chea de referencias ás anteriores, pechando círculos e rematando historias (non todas, claro, iso é imposible e creo que estirala máis, aínda que nos dea pena non tiña moito sentido). As tomas que fan, a luz, a forma de filmar aos actores, todos os aspectos técnicos fan que sexa televisión da máis alta calidade, moito máis que a maior parte das cousas que podemos ver na pequena e na gran pantalla.


Os actores son outro dos aspectos máis destacables, por suposto. Todos eles están impresionantes e a evolución que teñen é digna de ver e disfrutar. Moitos son os que podería destacar, porque non hai un so, nin protagonistas nin outros máis ou menos secundarios, que non estean moi por riba da media. Bryan Cranston (Walter White) gañou varios premios polo seu papel. Dos máis convincentes e complexos que teño visto en moito tempo, pasando da maior tenrura á maior violencia e crueldade nun visto e non visto, alucinante de verdade. Creo que tardarei moito tempo en ver unha actuación como esta, con tal cantidade de matices, de cambios e de situacións. Ao seu lado Aaron Paul (Jesse Pinkman), o rapaz drogadicto que traballará con el, converténdose case noutro fillo, ao que coidará e polo que fará de todo, aínda que moitas veces el non o entenda e para facelo teña que cruzar liñas que non debería de traspasar. Un dos personaxes que máis sofre ao longo das cinco temporadas e que tamén nos deixará unha actuación memorable. Outra sufridora e contraditoria en ocasións, Anna Gunn (Skyler White), a muller de Walter. Ignorante ao principio, cómplice logo aínda que sen coñecer en profundidade a verdade das cousas e de onde sae o diñeiro. Ignorante primeiro porque Walter non quere que saiba todo, e logo, quizais, porque ela tampouco quere sabelo para protexerse ante todo o que está a pasar. Dean Norris (Hank Schrader), o cuñado de Walter que traballa na DEA, buscando sempre ao fabricante desa meta azul que tan ben se vende e que tan relacionada está con boa cantidade de asasinatos, roubos e demais. Descoñecedor de que a persoa á que busca é a que ten máis preto e que tampouco o pasará demasiado ben ao longo da historia. Bob Odenkirk (Saul Goodman), o avogado que serve para todo e que axudará aos nosos protagonistas a branquear o diñeiro que gañan. Este é outro personaxe xenial que porá en moitos momentos ese contrapunto case cómico que axudará a levar cun pouco máis de tranquilidade toda a violencia que rodea á historia. É máis, coméntase que este mesmo personaxe terá serie propia en pouco tempo. Todos os demais poderían aparecer aquí, pero non me quero estender demasiado, o fillo de Walt, Giancarlo Esposito (Guss Fring, o dono de “Los pollos hermanos”, o negocio que lle serve de tapadeira da distribución e fabricación), os amigos de Jesse, Mike (o asasino a soldo e protector que tamén terá un papel moi importante)... Todos eles terán o seu papel, a súa función dentro dunha historia que se vai complicando temporada tras temporada.

Tampouco me resisto a deixar algo sobre a música que acompaña ás distintas escenas. Cada momento importante terá de fondo un tema musical, blues, jazz, country, clásicos de todo tipo; cancións moi coñecidas e directamente relacionadas co que está a pasar. Todas elas axudan a darlle un aire impresionante ao que estamos a ver.

Todos os capítulos están cheos de detalles, de referencias ao pasado ou ao futuro, de cousas que teremos que deixar na cabeza para entender o que virá. Para algúns destes recordos contaremos cos guionistas, pero outros virán por obxectos, momentos, frases, roupa..., calquera cousa poderá relacionar o que pasa con algo que pasou ou pasará. Detalles como a matrícula do coche que conduce Waltar no último capítulo, “Live free or die” (“Vive libre ou morre”).

Xa o dixen no seu momento cando falei dela. A serie é violenta, brutal e salvaxe en moitos momentos, non apta para todo tipo de públicos. Pero creo que incluso eses deberían de ser capaces de superar esas sensacións e disfrutar coa mellor serie que vin ata o momento. É imposible non identificarse con Walter, aínda que teña máis sombras que luces. No seu momento escribín noutro lado que era o personaxe televisivo máis admirado e odiado que coñecía, conseguindo o espectador teña unha boa cantidade de sentimentos opostos ante as cousas que fai. Os guionistas non se cortan un pelo e en máis dun momento quedaremos pálidos ante o que pasa ou a nosa boca quedará completamente aberta de asombro ou sorpresa. Tampouco deixemos de lado á boa cantidade de humor negro que se destila, facendo que en escenas realmente repulsivas sexamos capaces de esbozar un leve sorriso. A máxima de Walter parece ser que o fin xustifica os medios que por protexer á súa familia ou a Jesse calquera cousa está ben feita e moitas das accións que realiza están xustificadas, polo menos desde o seu punto de vista, claro. Pero realmente todo iso está xustificado ou Walter realmente disfruta de todo iso que fai? Será algo que cada un terá que responderse despois de vela. Creo que a maior parte dos meus seguidores e coñecidos xa a viron, pero se non o fixeron recomendo encarecidamente que o fagan. Eu non puiden resistirme a vela en inglés subtitulado cando aquí xa faltan poucos capítulos para que remate e tamén recomendo vela así. A dobraxe non é nada mala, que conste, pero gana moito, pero moito, se a escoitamos na súa versión orixinal, as voces e inflexións dos seus protagonistas non teñen prezo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario