Este ano tocou ir de
vacacións á rexión francesa de Normandía. A verdade é que
apetecíame moito, tanto porque tiña pinta de merecer a pena como
pola miña afección á Segunda Guerra Mundial. Gostounos moito,
visitamos museos varios, memoriais, o impresionante cemiterio
americano e as praias do desembarco, onde era sinxelo imaxinar as
cousas que pasaron naqueles anos. Por outro lado hai un tempo tachei
ao meu cuñado de friki cando puxo nunha rede social unha foto do
libro que estaba a ler, un gran volume titulado “La Segunda Guerra
Mundial” de Antony Beevor. Esta dobre introdución ven a xustificar
un pouco o comentario do libro que vos deixo nesta ocasión, que non
é exactamente unha novela ao iso nin un volume histórico, pero que
pode lerse como se fora unha boa mistura entre ambos xéneros. O
autor é o mencionado anteriormente, especializado en estudos sobre
esa época histórica. A anterior quedará para outro momento, pero
neste caso a que lin foi “El día D. La batalla de Normandía”.
Saint-Marie-Eglise |
Antony Beevor é un
historiador británico con varios libros que teñen un gran éxito de
ventas entre todo tipo de lectores. Nado en 1946, estudou no
Winchester College e na Real Academia de Sandhurst, onde tivo como
profesor a outro notable historiador, John Keegan. Foi oficial do 11º
Reximento de Húsares do Exército Británico, pero en certo momento
deixouno para dedicarse á historia e á publicación de varios
libros, centrados case todos eles na época da Segunda Guerra
Mundial. Algunhas delas controvertidas, pero todas innovadoras na
forma de achegar os feitos ao lector. É autor, por exemplo, dunha
historia sobre a Guerra Civil Española (2005) que recibiu algunhas
críticas por parte de certos sectores. Para as súas obras sobre a
batalla de Stalingrado ou a caída de Berlín tivo acceso a arquivos
soviéticos que ata o ano 1991 foran inaccesibles para os
investigadores, dando gran cantidade de novos datos sobre estes
feitos. As súas obras máis coñecidas e con grandes cifras de
ventas son “Stalingrado” (1998, 2004 en España) e “Berlín. La
caída” (2002, 2006 en España). Polo primeiro deles recibiu varios
premios. Cunha linguaxe brillante, precisa e, sobre todo, amena para
o lector. Unha das súas características principais é que non soe
quedar cun dos bandos, senón que conta case do mesmo modo os feitos
que afectan a todo o conxunto, case sen defender nin atacar a
ninguén, buscando a maior imparcialidade posible. Lendo as súas
obras un pode facerse unha idea bastante completa e veraz dos
acontecementos, que son contados dunha forma bastante neutral. A súa
obra sobre a caída de Berlín recibiu fortes críticas por parte de
historiadores dalgúns países, sobre todo Rusia, tachando a obra
incluso de calumnia por contar as tremendas atrocidades cometidas
polo exército soviético no seu avance cara a esta cidade e durante
a toma desta, chamándoo incluso neonazi. El deféndese dicindo que
todo aquilo que conta está documentado antes e que non se inventou
nada. Ademais das mencionadas ten obras sobre a illa de Creta durante
a guerra, París despois da liberación ou “El misterio de Olga
Chejova”, todas elas publicadas en castelán por diversas
editoriais. A última polo momento é “La Segunda Guerra Mundial”,
do ano 2012 e editada por Ediciones Pasado y Presente, unha obra moi
extensa que teño na lista de pendentes para algún bo momento.
Playa de Omaha |
“El día D. La batalla
de Normandía” aparece en castelán no ano 2009, editada por
Editorial Crítica. Empecei por esta porque dentro de historia da
Segunda Guerra Mundial era unha parte que coñecía a grandes rasgos
e interesábame bastante. Sobre todo tras, como dixen ao principio,
visitar este verán toda esa zona e ver as grandes praias nas que se
produciron estes feitos, así como a maior parte de cidades e pobos
que foron tomados polas forzas aliadas.
Playa de Utah |
Imos coñecer todos os
feitos que se deron ao redor do desembarco, do famoso día D que
cambiou o signo dunha guerra que parecía tomar outro camiño. Desde
os primeiros preparativos ata chegar á entrada das tropas aliadas en
París e a súa liberación. Coñeceremos os enfrontamentos entre os
que decidían o destino deses días, Churchill, De Gaulle,
Eisenhower, Patton, Montgomery e os que máis sufriron a guerra,
todos os soldados das distintas nacionalidades que participaron dun
modo ou doutro nestes feitos. Iso si, coñeceremos tanto aos que o
fixeron do lado aliado como do lado alemán. Como dicía antes non se
queda a obra nunha exaltación das forzas liberadoras, senón que
teremos o punto de vista de todos os bandos, de todos os que
participaron nunha das batallas máis fortes, continuas e duras de
toda a contenda. Coñeceremos os grandes e os pequenos feitos. As
rivalidades e enfrontamentos dos políticos e dos xenerais, pero
tamén moitas historias de soldados e oficiais de distintos rangos
que Beevor recolleu de distintas fontes. Ademais non vai ser unha
continua narración das barbaridades que cometeron os soldados e
oficiais alemáns. Como dicía antes procura ser o máis neutral
posible e contar todo aquilo que el considera que foi certo. Leremos
como tamén, na súa furia guerreira, os solados aliados tamén
realizaron actos completamente reprobables e brutais, algo que
evidentemente podemos supoñer tendo en conta a realidade da época.
Como se viron inmersos nunha espiral de violencia e brutalidade
contra ese exército alemán que pretendían expulsar de Francia de
calquera maneira e a calquera prezo. Leremos como os bombardeos
aliados deixaban caer os seus proxectís sobre cidades arrasándoas,
matando a unha gran cantidade de poboación civil que non foi
consciente seguramente do que se lles viña enriba. Como estes
exércitos consideraban en moitos casos que o fin podía xustificar
os medios e calquera cousa valía para o obxectivo que tiñan. Non
todo é tan sinxelo ou case idílico como vimos ao longo destes anos
no cine ou na televisión e todos, en maior ou menor medida terán
algo que reprocharse. Como a aceleración ou as ganas de avanzar a
calquera prezo provocaron que incluso algún destes bombardeos caeran
sobre tropas aliadas, acabando con divisións enteiras e algunhas
cousas que é mellor ler. A min resultoume apaixonante e moi
interesante.
¿Como nos conta todos
estes feitos o autor? Evidentemente non é unha novela histórica, é
unha obra sobre unha época determinada da historia e centrada nuns
feitos precisos tanto no tempo como nas persoas que interviron neles.
A verdade é que sen ser unha novela case se pode ler como se fora
ficción, como se estiveramos ante a típica novela histórica pero
con certos elementos que a distinguen. Loxicamente a presencia do
diálogo é escasa, salvo para reflectir certas situacións
importantes. Pero isto non quita que podamos lela con moito agrado,
con gran fluidez e dun modo moi entretido. Incluso nalgunhas partes
onde predomina un pouco a estratexia militar non nos perdemos nin
deixamos de entender as cousas, os movementos das tropas ou os
problemas e avantaxes que tiveron. Todo está escrito dunha forma
entretida e discorre ao longo das páxinas sen resultar pesada en
ningún momento para o lector. Mesturando as grandes historias dos
grandes personaxes do momento con outras evidentemente menos
coñecidas e protagonizadas por personaxes moito máis anónimos.
Momentos de heroísmo, de complicidade, de forte e descarnada
violencia, case nada lle debe quedar por contar. Con todo isto
podemos facernos unha idea case perfecta de como foron os momentos
previos ao desembarco, como se desenvolveu este e como se foron
movendo as tropas cara aos distintos obxectivos da zona ata chegar a
París. Ademais poñendo ante nos non so as grandes vitorias ou
derrotas dos aliados, senón que como quere dar unha visión
completa, tamén teremos momentos para coñecer como se desenvolveron
os exércitos alemáns. Pequenas historias de heroes, de soldados e
oficiais, dos paracaidistas que se lanzaron sobre terras francesas os
primeiros días, de soldados e oficiais alemáns, historias das
persoas que vivían en Normandía e que tanto sufriron os horrores e
penurias da guerra. A verdade é que tras rematar a lectura quedei
coa sensación de ter lido algo moi completo e ao mesmo tempo
enterándome das cousas dun xeito agradable e entretido. Creo que é
recomendable para todos, coñecer ese preciso momento que cambiou,
posiblemente, o futuro non so de Europa, senón de todo o mundo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario