martes, 29 de junio de 2010

"El tiempo entre costuras", María Dueñas

costuras.jpgduenas.jpgA verdade é que quedei algo sorprendido con esta lectura, e máis despois de ver, buscando datos por internet, que é a primeira novela da súa autora, xa que ten unha solidez, unha consistencia e un estilo bastante conseguido e case maduro, que parece máis dunha autora consolidada e cun número maior de obras anteriores. Falo dun dos últimos e case sorpresivos éxitos editoriais da novelística española, unha obra que está a alcanzar os primeiros postos de ventas sen contar antes con demasiada promoción e que gracias aos bos comentarios dos lectores está chegando a unhas ventas moi importantes. O título é “El tiempo entre costuras” e a autora, María Dueñas. Tamén direi que me gustou moito, tanto pola historia que é moi interesante e amena, como pola forma na que está escrito, da que algo máis direi despois.


María Dueñas Vinuesa naceu no ano 1964 en Puertollano (Ciudad Real) e agora reside en Cartagena. Estudiou Filoloxía Inglesa, realizando un máster que a levou a traballar en varias universidades dos Estados Unidos. Agora exerce como profesora na Universidade de Murcia. A súa afección pola literatura é bastante recente, é unha vocación tardía que ela mesma di que apareceu cando xa tiña tempo, un traballo estable e uns fillos maiores. Menciona dous elementos claves do seu carácter que son máis que apreciables na súa novela, o rigor e o perfeccionismo. Tamén hai que dicir que a súa familia materna viviu en Tetuán na época do Protectorado Español en Marrocos, elementos que tamén están presentes nesta novela. A súa nai naceu aí e chegou a España no ano 1956, trala independencia de Marrocos polo que moita da información é de primeira man. A verdade é que se nota na lectura que hai algo máis que un mero traballo de recompilación de datos, feitos e datas, nótase a calidez das cousas que veñen directamente das persoas que as viviron e non so dos libros que un pode usar para recoller cousas para escribir unha novela.


Xa dixen nalgunha ocasión que non é cousa de poñer etiquetas a todo, que non todo ten que responder a un xénero determinado e iso é o que ocorre con esta novela, é unha novela histórica, pero tamén unha novela romántica, unha novela de espías, unha historia de superación persoal e de loita contra a adversidade, unha novela colonial..., ten moitos elementos e todos moi ben combinados para contarnos unha historia que te atrapa desde a primeira páxina ata a última nunha espiral de feitos que fan que non poidas deixar de ler.


Cóntanos a historia de Sira Quiroga, unha rapaza que empeza a traballar como modista nun taller madrileño nos anos anteriores á Guerra Civil e que terá que cambiar de forma de vida, de forma de ver a vida, de traballo, de actitudes, de modos de ver a realidade, de amigos e inimigos..., unha morea de cambios que serán unha constante na súa vida ao longo de toda a historia. Os primeiros capítulos parecéronme xeniais, concentrando en poucas páxinas os primeiros anos de vida da protagonista, a súa infancia, os seus primeiros traballos como rapaza para todo no taller de costura onde traballaba a súa nai ata chegar ela tamén, por méritos propios xa que pronto se amosa como unha máis que boa xastra, algo que será fundamental para toda a súa vida posterior, algo que a sacara de tantos apuros, pero que a meterá en outros tantos máis. Pareceume incrible a forma de narrar nese principio, cunha axilidade tal que os anos pasaban tan rápido como a lectura, pero ao mesmo tempo concentrando todo de tal maneira que tampouco se deixaba nada atrás. Imaxinamos perfectamente a vida desa rapaza, como foi e podemos vela na nosa cabeza como se estiveramos a ver unha película. Penso que ese é un dos maiores méritos da novela, a axilidade perfecta que ao mesmo tempo deixa que o lector vexa as cousas perfectamente, é un estilo moi visual, moi imaxinativo e, ao mesmo tempo, moi concreto, non botamos nada en falta nin hai nada que sobre. Neses primeiros anos a súa vida é calmada, traballa moito pero non é nada distinta dos primeiros anos dunha rapaza calquera da súa época. En certo momento coñece a un home co que se vai comprometer, seguramente porque iso é o que se esperaba dela nese momento. Pero de repente crúzase na súa vida Ramiro, un sedutor case profesional que a encandila cos seus encantos, rompe o seu compromiso e, cegada por este home que lle descobre unha realidade que non coñecía, marcha con el a vivir a Tánger, unha cidade exótica completamente distinta da súa realidade madrileña, tanto no modo de vida que se leva como no que ela vai levar agora. Pero non todo pode ser perfecto, e este home vai deixala soa, cunhas débedas que non pode afrontar e perdida. Axudada por un policía (que teño que dicir que foi un dos meus personaxes favoritos) vai vivir a Tetuán, a capital do Protectorado Español en Marrocos, onde gracias ao seu coraxe e, sobre todo, a axuda dunhas novas amistades coas que non contaba e tamén a moitos enganos, sustos e situacións de tensión, vai, pouco a pouco, a saír adiante. E sempre a roupa, a costura, ese tempo que vai pasando entre costuras, van ser as constantes que fará que sempre saia adiante. Aquí pasará a Guerra Civil Española e a posguerra, tomará contacto cunha serie de personaxes que serán moi importantes en toda a súa vida posterior e todo o que vai pasar despois. Como sempre non vou contar máis, vai pasar por moitas situacións, coñecerá a xente relacionada co poder e cos países metidos na Segunda Guerra Mundial, pero todo iso teredes que lelo vos mesmos, porque estou seguro de que se a empezades non seredes capaces de non seguir coñecendo a apaixonante vida de Sira Quiroga e todo o que a rodea.


Cando dicía que tiña moito de novela histórica viña porque, salvo o personaxe de Sira, algúns dos que a rodean e axudan e uns poucos máis, o resto son personaxes históricos moitos facilmente recoñecibles (podedes consultar esta páxina http://www.eltiempoentrecosturas.blogspot.com/
, feita pola mesma autora, na que ademais de fotografías dos lugares nos que transcorre a acción podedes ver cales eran reais e históricos e cales son inventados pola autora). Ela mesma di que para a reconstrución dos elementos históricos levou a cabo unha labor de investigación a base de memorias, biografías, traballos históricos, artigos de prensa da época, realizando incluso algunha viaxe a Marrocos. A verdade é que penso que o entramado histórico está perfectamente incluído dentro do relato e segue esa idea de fluidez que mencionaba antes, non se fai nada pesado e está metido dentro da historia de xeito perfecto, tanto que poderíamos pensar que Sira Quiroga tamén existiu e que todo o que nos conta tamén está sacado dun arquivo histórico. Creo que este é outro dos seus méritos, que a historia é completamente crible, non é nada fantástica nin esaxerada en case nada. O fío da acción e ficticio, pero o fondo de mesma é completamente histórico.


A min a novela gustoume moito, a lectura faise moi sinxela, áxil, elegante e ben documentada e cuns cambios de ambientes e situacións moi interesantes e que lle dan moita variedade á acción. A vida da protagonista está en constante cambio, sempre afrontando unha serie de problemas e dándolle solucións que son sempre cribles dentro dese marco histórico do que falaba anteriormente. A trama está moi coidada, tan ben hilvanada como os traxes que fai a protagonista en cada momento. Tamén quería comentar que algo antes lera, xa apareceu por aquí, outra novela coa que a podemos relacionar, partindo sempre de que as comparacións son odiosas, falo da última de Julia Navarro, “Dime quién soy” coa que ten algúns puntos comúns, sobre todo no que se refire ao momento no que se desenvolve a acción, a España de antes e despois da guerra. Gustoume algo máis está de María Dueñas, aínda que as dous foron boas lecturas. Creo que esta segunda é algo menos complexa e, polo mesmo, algo máis crible que a outra que quizais parece aos ollos do lector como algo máis esaxerado e complicado. Ademais unha das cousas que máis me gustou da novela de María Dueñas son os personaxes, non so a protagonista, senón todos eles, non hai un que sobre e están todos perfectamente reflectidos, podemos imaxinalos con gran facilidade e algúns son moi bos. Ya dixen que un dos meus favoritos é o policía que a axuda en Marrocos, pero poderíamos mencionar a moitos máis, a patroa da pensión, o veciño e a súa nai, o periodista inglés, non quero mencionar a moitos para non desvelar cousas que hai que ler, claro. Todo o que lemos nesta de hoxe aparece como algo que podería pasar e a lectura paréceme máis cálida, mentres que a outra resultoume algo máis fría (aínda que repito que me gustou moito tamén). Nalgunha entrevista lin que lle preguntaban se pensaba que era unha novela pensada para mulleres, non podo estar de acordo. Penso que é unha lectura para calquera afeccionado sen ter en conta sexos, en absoluto. Ten de todo, acción, intriga, amor, tensión, sorpresas, cambios radicais nos acontecementos e, como dixen, todo é completamente fluído, igual que as puntadas que vai cosendo a protagonista, ela vai evolucionando igual que o seu traballo, pouco a pouco, pero sen parar. Os sentimentos non son nada tópicos nin esaxerados, o que é un mérito, xa que lle dá máis credibilidade aínda a todo o que pasa. Xa vos digo, una lectura do máis recomendable que se fai case sen darse conta.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=gmalgbzmMDs&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

jueves, 24 de junio de 2010

Fringe, al limite (Segundo post)

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=7FdvJfcM2qg&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No último post dicía que aínda me quedaban algunhas cousas por comentar de “Fringe”, so dixera algo xeral e sobre os personaxes, pero case nada sobre o argumento, as historias que nos conta e o que realmente pasa nela, que é o mellor de todo. Os personaxes son máis que decentes e atraentes, unha das razóns fundamentais para que teña o éxito que ten, son curiosos, complexos, nada planos e sempre descubrimos en cada capítulo algún dato máis sobre eles que fai que aínda queiramos saber máis.


Os guionistas din que para facela tiveron varias fontes de inspiración. Eles mesmos falan de series como “Expediente X”, “Dimensión desconocida”, películas como “Viaje alucinante al fondo de la mente” ou as novelas de Michael Crichton. Algúns din que as similitudes con un clásico da televisión como “Expediente X” son máis que claras e en moitos sentidos isto é así. Por exemplo a estrutura dos episodios é moi similar. Todos empezan coa, digamos, presentación do interrogante científico, aparece o personaxe que será o que teñan que investigar, logo o tema de fondo da serie, o desenvolvemento do capítulo e, ao final, sempre abren un interrogante sobre algún dos personaxes principais. É case igual á mencionada anteriormente. Recoñezo que fun fan de “Expediente X” durante moito tempo, pero non ata o final, as dúas últimas temporadas teño que dicir que xa me cansaron un pouco e o esquema era algo repetitivo. Ademais os dous protagonistas non me resultaban tan “vivos” como os de “Fringe”. Ao principio estaba ben o do axente Mulder e a axente Scully, pero creo que eran algo planos, demasiado iguais sempre e con pouco desenvolvemento persoal, centrábanse máis nas cousas que pasaban que nos personaxes e iso cansoume un pouco. Non sei se con “Fringe” pasará o mesmo, pero de momento non. Ademais a primeira centrábase máis en cuestións de extraterrestres e esas cousas, algo máis fantásticas, mentres que nesta, como dixen antes, os temas son, aínda que fantásticos, máis “terrenais” e científicos, algúns non completamente cribles, pero se un ten un pouco de imaxinación pode pensar a onde nos poden levar os descubrimentos científicos e a tecnoloxía.


O primeiro episodio é un piloto de oitenta minutos de duración e foi o que me fixo dicir “esta serie vaime gustar bastante”, e cada vez que vexo un esta idea inicial queda confirmada. Empeza cun estraño accidente de aviación no que todos os pasaxeiros morren dun xeito moi pouco normal, máis que raro, e será o punto de partida para a investigación e todo o que se vai montar despois. Neste e nos seguintes veremos como en todo o mundo están a producirse unha serie de feitos que chaman a atención das forzas de seguridade. Todos teñen algo en común, ningún deles ten unha explicación científica sinxela e razoable, e son denominados polos investigadores como o “Patrón”. Neste primeiro a axente Olivia Dunham e o seu noivo e compañeiro John Scott acoden para a investigación. Unha substancia descoñecida afecta ao axente Scott, deixándoo case morto. Ela decide poñerse en contacto con Peter Bishop para que a axude a sacar ao seu pai, o científico Walter Bishop, do psiquiátrico no que leva metido máis de 15 anos. A razón é que este científico levou a cabo unha serie de investigacións nos anos 70 nas que parecen inspirarse todos os feitos do “Patrón”. A partires de aquí, cada capítulo trata un episodio relacionado con ese patrón que ten de cabeza aos investigadores, pero do que máis de un parece saber máis do que di.


Hai que dicir que a produción é impecable, limpa e seria, ben dirixida e cuns actores, como xa dixen, moi metidos nos seus papeis. Sempre temos máis dun momento de humor para romper un pouco coa tensión que xera cada capítulo, xa que case sempre as situacións lévanse ao límite. Así o ritmo é rápido, non deixa demasiado respiro ao espectador, que ten que estar sempre atento a todo o que pasa, porque calquera detalle pode ser importante para ese capítulo, pero tamén para calquera dos que veña despois. É unha serie dinámica, atractiva e entretida e que vai gañando en interese a cada capítulo que vemos. Isto é debido a ese concepto central do “Patrón” que nos vai ter intrigados en todo momento. Non so iso, senón que moitos dos personaxes, incluídos os principais, esconden moito máis do que parece en cada momento. Hai varios que non sabes de que lado están, porque nun momento parecen dun e ao momento seguinte do outro, e as veces están nos dous. O xefe do equipo é un deles, sempre seco, eficaz, pero que a veces mantén algunhas conversas e actitudes que fan que desconfíes del completamente. A encargada dos contactos coa empresa Massive Dymanics, Nina Sharp, é outra dese tipo, que non sabes moi ben a que cartas xoga. E non digamos nada dese que chaman “o observador”, que so sabemos del que está en todas partes e que come as cousas con moito, pero moito, picante. Así esta idea de fondo que anda por todos los episodios é un dos seus maiores méritos, unha idea moi interesante e algo novidosa para a televisión, sobre todo polas grandes posibilidades que ofrece e que imos descubrindo pouco a pouco.


Xa vedes que me deu para bastante, e creo que podería escribir algo máis, pero agora prefiro que tomedes contacto con ela, que tentedes vela e a ver se vós enganchades tanto coma min coas historias destes tres personaxes e todos os interrogantes científicos e tecnolóxicos que nos vai plantexar, xa que, como dixen máis dunha vez, a verdade é que dá un pouco de medo pensar nas cousas que se poderían facer neste momento ou dentro de pouco tempo; ¿ou alguén estará a facelas xa?...


E como remate, unha frase que escoitei no capítulo de onte e que vale para resumir perfectamente o argumento da serie: “É como se alguén estivera experimentando e o mundo fóra o seu laboratorio”.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=BmICUZMhYuM&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

lunes, 21 de junio de 2010

Fringe, al limite (Primer post)

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=WPy6Np_KldY&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Normalmente comento aquí unha serie de televisión cando xa vin polo menos unha temporada completa, de todas as que apareceron vin todas as que hai ata este momento, ou polo menos todas as que puxeron aquí. Pois hoxe imos romper un pouco esa norma e vou falar dunha serie da que so levo catro ou cinco capítulos, pero debo dicir que so con iso xa me ten intrigado, interesado e facendo cábalas sobre o que pasa, o que pode pasar e o que vai pasar. Sempre me gustou moito a ciencia ficción, tanto no cine como na literatura, e fun un lector empedernido de autores como Assimov, Clarke, Heinlein e outros considerados como clásicos e que tamén aportaron moitas cousas ao cine, xa que hai un gran número de películas que saíron directa ou indirectamente das súas novelas. Na televisión levábamos uns anos sen ver algo máis ou menos decente neste campo, e refírome a algo que poida responder ao xénero, é dicir, que teña máis de ciencia que de ficción, creo que me explico. Pois esta responde perfectamente a esa idea, ten, dentro do fantástico, un tratamento bastante serio das cousas e unhas explicacións medio científicas que poden convencer a aqueles que a vexan coa mente aberta, os escépticos ou os que non se crean nada mellor que non a vexan.


Falo dunha serie da que están agora a poñer en Canal+ a segunda temporada, como dixen eu so levo cinco da primeira, pero a sigo con moito interese. Chámase “Fringe”, que viría ser algo así como “no borde, ao límite”. O título fai referencia a que as cousas que aparecen nela desde un punto de vista científico quédanse aí, no limite, na fronteira entre o posible e o imposible (de momento). Moitos dos temas que aparecen poden soar á xente interesada en temas científicos, pero os guionistas avanzan un paso máis adiante no sentido de ata onde nos poden levar os descubrimentos científicos, e teño que dicir que as veces dá un pouco de medo ver a onde poderíamos chegar con algunhas das cousas que aparecen. Cando Verne escribiu as súas novelas moitos pensaban que era un tolo, que esas cousas non poderían chegar nunca, e case todas foron realidade máis pronto ou máis tarde. Pois nesta serie pasa algo parecido, moitas das cousas que aparecen non son posibles, pero si en menor medida do que o fan, o que quere dicir que a maior parte delas poderían selo máis pronto ou máis tarde.


Un dos guionistas da mesma é J. J. Abrams, os afeccionados recoñecerán nel a un dos que ultimamente converte en éxito case todo o que toca, por mencionar o máis coñecido, é un dos creadores doutra serie que comentei hai pouco e que xa é un clásico recente, “Perdidos”, ademais doutras e dalgunhas películas tamén con bastante éxito. A verdade é que ten algunhas similitudes con esta en canto á forma de desenvolver os capítulos, sempre con bastante tensión e facendo que o espectador estea pendente de cada detalle, xa que hai unha serie de elementos que son comúns a todos os capítulos. Cada un ten unha historia, pero hai varios personaxes e situacións recorrentes en todos eles que fan que un estea máis pendente.


Temos a tres personaxes centrais, moi peculiares todos eles e que esconden unha boa cantidade de cousas que iremos descubrindo capítulo a capítulo. Temos por un lado a un científico algo tolo, excéntrico e moi peculiar, algúns o describen como unha mistura entre o doutor Frankenstein e Albert Einstein, e hai que recoñecer que a comparación non é mala. Chámase Walter Bishop (interpretado por John Noble, unha cara medianamente coñecida sobre todo da televisión), é o encargado de desvelar todos os misterios científicos desde o seu laboratorio dunha coñecida universidade. No fondo el é o responsable de case todo o que pasa, xa que uns anos antes do momento actual e xunto con outro investigador, traballou para o Goberno de modo secreto. Todo o que pasa son cousas que parten das ideas que eles dous desenvolveron case vinte anos antes. Por causas non demasiado claras, de momento, Walter Bishop acabou recluído nun psiquiátrico no que estivo 17 anos e do que o sacan os axentes federais ao ver que os casos nos que traballan están directamente relacionados coas súas investigacións. O seu colega de traballos é William Bell, fundador dunha empresa punteira e que parece que está detrás de todo o que pasa, xa que en teoría aproveitou esas investigacións para desenvolver todas as posibilidades das mesmas. Para os afeccionados este papel é interpretado por Leonard Nimoy, o señor Spock doutro clásico, “Star Trek”. Este Bishop paréceme un personaxe xenial, ademais de ser o centro de case todo o que pasa tamén é o que pon de vez en cando cos seus despistes, peticións, respostas unha nota de humor que lle da un aire menos transcendente á serie. Temos logo ao seu fillo, Peter Bishop (interpretado por Joshua Jackson), un home de gran intelixencia e que ten o traballo de controlar e tentar entender as cousas que di ou fai o seu pai. Un bo personaxe tamén, fundamental para o traballo que desenvolven e que vai establecendo pouco a pouco unha certa relación coa protagonista feminina. Esta é Olivia Dunham (á que lle da vida a actriz Anna Torv), é unha axente do FBI que terá que xuntarse no primeiro episodio aos dous anteriores para tentar salvarlle a vida ao seu noivo. É unha muller de moito carácter, con certos problemas no seu pasado que descubriremos pouco a pouco. Non é capaz de ver as cousas dun xeito frío e moitas veces as súas opinións e sentimentos inflúen demasiado no seu traballo, algo que os seus superiores non ven demasiado ben, pero que toleran debido ao seu gran potencial de traballo e os seus resultados. A verdade é que nas series non son demasiado habituais as protagonistas femininas, aparecen, pero normalmente non dun xeito tan central como nesta, e teño que dicir que me parece un personaxe moi bo, con moito carácter e ben interpretado, unha muller dura e centrada no seu traballo pero que non deixa en ningún momento de lado os seus sentimentos. Tras un primeiro episodio de presentacións dos personaxes todos eles pasarán a traballar nunha especie de sección medio secreta ás ordes dun axente federal que será o encargado de asignarlles as misións e controlar o seu desenvolvemento.


Logo temos unha serie de personaxes que aparecen en todos os capítulos, desde axentes federais ata presencias recorrentes en todos eles e dos que, pouco a pouco, imos sabendo máis cousas, aínda que tamén xeran moitos interrogantes. Os máis importantes son ese axente federal que controla a estes tres mencionados, Philip Broyles. Temos tamén a Nina Sharp, un dos máis intrigantes e que esconde máis cousas, é unha empregada de alto nivel de Massive Dynamics, a empresa fundada polo socio do doutor Bishop e que ten relación con toda a tecnoloxía e ciencia que aparece nos casos. E logo temos a un misterioso personaxe, ao que chaman “o observador”, que aparece por todas partes, sempre presente, mirando todo o que pasa pero sen intervir.


Creo que vou a deixar o resto para outro día, que aínda me quedan cosas por comentar e este xa quedou un pouco longo, así que nun post posterior algo máis direi, así quedades pendentes, igual que eu entre capítulo e capítulo de “Fringe”


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=29bSzbqZ3xE&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

jueves, 17 de junio de 2010

Carlos Ruiz Zafón

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=Ewj0JU_41Ag&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe non vou exactamente a falar dun libro en concreto, senón da produción dun autor que me gusta moito e agora que estou a ler algunha das súas primeiras novelas penso que merece aparecer por aquí, aínda que é ben coñecido, supoño, por todos os afeccionados á lectura. Falo de Carlos Ruiz Zafón. Gústame moito non so polas historias que desenvolve, que soen ter sempre algún elemento orixinal dentro dunha serie de fórmulas ben coñecidas pero ás que lles da sempre un toque persoal que fai que me resulte bastante atractivo. Pero no que máis me gusta é no uso que fai da linguaxe. Hai un par de anos que lin a súa novela máis coñecida, “La sombra del viento”. A verdade é que pasou un tempo entre a época na que foi un gran éxito de ventas e o momento no que a lin, non por nada en concreto, pero por outras preferencias e lecturas pendentes foi quedando no andel dos libros por ler durante bastante tempo. E teño que dicir que nada máis empezar a lectura quedei atrapado por ela. A forma que ten de escribir paréceme excelente, como xoga coa linguaxe, as comparacións, metáforas e todos os recursos que utiliza son, creo, xeniais en moitos sentidos, conseguindo reflectir perfectamente aquelo que quere e facendo que o lector quede sorprendido e identificado con esa forma de xogar coa lingua.


Naceu en Barcelona en 1964. Educouse no colexio dos xesuítas de Sarriá e posteriormente cursou estudos de periodismo, dedicándose posteriormente á publicidade. En 1992 decide deixar o seu traballo como director creativo e dedicarse á escritura. A súa primeira novela é do ano 1993, “El príncipe de la niebla”, coa que obtivo o Premio Edebé de literatura xuvenil. Co gañado decide marchar a vivir aos Estados Unidos, á cidade de Los Ángeles, onde reside desde 1994, adicándose ademais da escritura ao traballo de guionista cinematográfico. En 1994 publica “El palacio de la medianoche” e “Las luces de septiembre” en 1995. Estas tres son novelas pensadas para un público xuvenil e no ano 2007 reuníronse no volume titulado “La trilogía de la niebla”. En 1999 aparece “Marina” (que é a que estou a ler nestes momentos). No ano 2001 aparece a súa primeira novela non pensada para público xuvenil, “La sombra del viento”. A novela foi finalista do Premio Lara do ano 2000 mais non gañou, aínda que as bases indicaban que so se publicaría a novela gañadora a Editorial Planeta decidiu facer unha excepción tendo en conta a calidade da novela. Non tivo éxito rapidamente, sobre todo a nivel de crítica pero a través das recomendacións dos propios lectores chegou a ser un auténtico fenómeno literario. Pronto chegou a sona a outros países e tres anos despois foi traducida a corenta linguas. Obtivo o Premio José Manuel Lara á obra máis vendida en España; a biblioteca de Nueva York a seleccionou como “libro para recordar” e foi recoñecida en Francia como a mellor novela estranxeira do ano. Conseguiu tamén un bo éxito por parte de crítica. No 2008 levaba 247 semanas na lista de libros máis vendidos en España e vendera uns 10 millóns de exemplares en todo o mundo. Nese mesmo ano apareceu “El juego del ángel”, no que retomaba algúns aspectos da novela anterior, e que tamén foi un gran éxito tanto en España como en moitos outros países. Ademais parece ser que ten previstas dúas novelas máis seguindo os mesmos principios destas dúas.


Como dixen ao principio lin “La sombra del viento” non hai demasiado tempo e cativoume por completo. A idea do Cemiterio dos libros esquecidos deixoume encantado, tanto polo concepto como por como estaba plasmado na novela, o lugar, como era, o que alí pasaba; pareceume fascinante, case tanto como a historia que nos conta. O protagonista, Daniel Sempere, nunha cidade de Barcelona que é case outro personaxe máis, é levado polo seu pai ata o Cemiterio dos libros esquecidos, un sitio misterioso, cunhas condicións para entrar que son sorprendentes e no que terá que escoller un libro, que terá moito que ver coa súa vida posterior. Aínda que sería máis xusto dicir que é o libro o que te escolle a ti. O libro que escolle titúlase igual que a novela, e o autor é Julián Carax. Este será o que provoque que se vexa inmerso en intrigas, misterios e historias de amor. Unha historia que ademais ten momentos de aventura, humor e suspense, case de todo. Ademais dunha serie de personaxes do máis intrigante e misterioso, todos ocultan algo e o lector ten que pensar e tentar saber que é o que pasou en realidade xunto con Daniel. Debo dicir que é unha das miñas novelas favoritas, e aínda que non teño demasiado costume de reler cousas, creo que dentro duns anos volverei lela.


Do mesmo tipo é a seguinte, “El juego del ángel” que tamén transcorre máis ou menos pola mesma época en Barcelona e tamén aparece nela o cemiterio dos libros. Gustoume algo menos que a anterior, pero é que a outra gustárame moito. Neste caso vainos contar a historia de David Martín, un periodista que é contratado por un misterioso personaxe, Andreas Corelli, para que escriba un libro que sirva como base para unha nova relixión. A idea tamén é bastante orixinal e tamén ten moitos elementos tanto de misterio como fantásticos. Temos o mesmo estilo fluído, con axilidade en todo o que conta, sexa descritivo ou narrativo e tamén os elementos fantásticos, as historias de amor, o humor e todos os elementos da fórmula que lle deron o éxito a este autor.


As outras dúas que lin forman parte do que se considerou literatura xuvenil e teño que dicir que como tal resultáronme bastante atraentes e entretidas. Nelas vemos xa as constantes de toda a súa produción, esa forma de narrar que te engancha case desde o principio, eses personaxes normalmente perdedores que se teñen que enfrontar a cousas coas que nunca soñaron e, sobre todo, esa forma de tratar a lingua que xa mencionei que nestas, aínda que non tanto como nas dúas últimas, xa está completamente presente. Tamén aparece outra das constantes da súa obra, os elementos fantásticos (recordo que Stephen King fixo unha estupenda crítica de “La sombra del viento”, cualificándoa como unha das súas novelas favoritas) que fan que as veces quede entre unha novela fantástica con elementos clásicos da novela de terror. A primeira foi “El palacio de la medianoche”. Unha historia ambientada en Calcuta onde uns rapaces que viven nun orfanato e teñen unha sociedade secreta vense inmersos nunha historia de asasinatos, inventos e personaxes que non se sabe se están mortos ou vivos. Esta en concreto púxena como lectura nun dos meus cursos e gustoulles bastante a todos. Penso que é mellor que moitas das que as veces aparecen polo centro recomendadas polas editoriais, xa que ten algo máis de complexidade na trama e nos personaxes, aínda que se non se fai unha lectura atenta un pode perderse un pouco dentro da rapidez coa que, nalgúns momentos, se desenvolve a historia. A outra, que rematei hai pouco, foi “Marina”, que tamén segue un esquema similar e na que se poden ver certos inicios das cousas que aparecen nas dúas últimas. Transcorre na cidade de Barcelona e o ambiente é moi parecido e como nas outras o personaxe principal, un rapaz que vive interno nun colexio case sen ver aos seus pais, vese metido dentro dunha historia causada polo coñecemento da Marina que lle dá título á novela. Así terá contacto cunhas historias do pasado que terá que investigar ata chegar a unha serie de sorpresas e situacións que terá que afrontar con valentía e superando os seus medos. É posible que probe para o curso seguinte cos alumnos a ver que lles parece.


Xa o dixen ao principio, Ruiz Zafón converteuse nun dos meus autores favoritos e, mentres espero a publicación da próxima terei que conformarme con ler as outras dúas dos seus inicios que aínda non lin. Penso que é un autor máis que recomendable, por un lado polas historias que desenvolve, os personaxes e as situacións, pero sobre todo polo seu estilo, pola forma de xogar coas palabras para conseguir reflectir perfectamente na imaxinación do lector aquelo que quere que o lector vexa e sinta, son novelas nas que é fácil imaxinar o que está a pasar e iso non é fácil de conseguir.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=-up6kKEevWk&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

martes, 15 de junio de 2010

Libranda

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=QGjNnNLeooY&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Unha das cousas que máis aparecen por este blog son os libros. Hoxe non vou comentar ningún, senón que vai ser unha especie de post entre propagandístico e informativo. Nun dos primeiros comentarios que fixen dicía que era usuario dun ebook (libro electrónico) desde máis ou menos o mes de decembro. Moitos artigos hai por todas partes sobre estes novos aparatos, moitos deles dicindo que aínda non están totalmente desenvolvidos, que lles queda moito por mellorar, que teñen unha utilidade limitada e varios defectos e problemas máis. Pero se un navega algo pola rede verá tamén que hai moitos foros, cada día máis, dedicados a eles, feitos por usuarios, comentando que tal funcionan os modelos que hai no mercado (que cada día son máis e con importantes variacións de precios), dando consellos sobre cal vai mellor, cal é o mellor formato e moitas cousas máis. Se un le estes foros verá como a maior parte deses usuarios, que cada día son máis, están encantados co seu lector por moitos motivos. Xa dixen que a comodidade é un dos máis importantes, pero tamén moi importante é o que facilitan a lectura. Eu era un lector máis que habitual, pero agora cada día que pasa leo máis e mellor, non se me cansa a vista, podo ler máis tempo que antes sen ningún problema, os brazos non se me cansan por ter suxeito un libro de moitas páxinas e non digo cando saia de viaxe. Cando o leve comigo de vacacións levarei nun pequeno espazo unha boa cantidade de libros para poder escoller o que máis me apeteza cando remate o que estea a ler, variando de xéneros ou de autor. Non é a primeira vez que un se leva un par de libros de vacacións e descobre que non eran o que a un lle apetecía nese momento, pois nada, a aguantarse. E o mesmo pasa se un sae a pasar un día de campo, dar unha volta ou calquera outro tipo de actividade, lévoo comigo sen ningún problema. En casa case todos somos xa usuarios do mesmo, e estamos todos encantados. Como dixen as críticas van no sentido de que agora todo ten que servir para varias cousas, temos teléfonos que fan fotos, reproducen mp3, funcionan como GPS, axenda e non sei que máis, non estou en contra diso, pero tamén son dos que pensan que, as veces, cada cousa é para o que é. Por poñer un exemplo, eses teléfonos multifunción, para min, teñen un problema, prendes pola mañá e pola tarde noite case tes que poñelo a cargar, mentres non consigan unhas baterías un pouco máis duradeiras non lle vexo eu tanta cousa. Eu quero o ebook para ler, non para navegar por internet, ver fotos, que me dirixa nunha viaxe ou escoitar música, porque ademais todo isto o único que faría é o mesmo que o anterior, tería que cargalo todos os días, cousa que fago agora cada mes e medio máis ou menos, e iso que lle dou moito uso.


Xa me liei e a “introdución” quedoume un pouco longa. A cousa é que un dos problemas que nos atopamos neste momento os que temos un destes é que non hai oferta de libros para eles. O meu viña con moitos libros gratuítos, que ademais pódense conseguir en varias páxinas de internet do mesmo xeito, pero nada de novidades. Algunhas webs empezan a ofertar libros en venta, pero de momento non son autores demasiado coñecidos ou novelas novas. Pola contra, en Estados Unidos, por exemplo, as ventas en formato electrónico, sobre todo a través de Amazon, son moi importantes xa e venden milleiros de libros ao ano, ademais do seu propio lector. Pois parece que por fin as editoriais españolas póñense a traballar neste campo que empeza a ser demandado polos usuarios e están a aparecer noticias a este respecto, e é a isto ao que quero referirme hoxe, tanto para que eles se animen dunha vez como para que os que son algo reticentes a esta novidade tamén empecen a pensar que pode ser algo útil e interesante.


Polo que se pode ler, a partires do 15 de xullo os posuidores dun ebook xa poderemos comprar libros por internet para os nosos lectores. Xa poderemos ler libros e mercalos dun xeito legal como se os mercáramos nas librerías. Varias grupos editoriais xuntáronse para crear a plataforma Libranda (que vaia nome tamén) e parece que, nun principio, ofertaran uns dous mil títulos que, segundo os que sexan, será bastante, aínda que din que en breve serán moitos máis. Teñen xa unha páxina web, que está en construción, pero que se pode visitar se un quere estar pendente de como vai avanzando esta interesante novidade: http://www.libranda.com/ . Non vai ser exactamente unha tenda de libros electrónicos, é dicir, que desde a súa páxina non imos poder mercalos. Ven a ser unha plataforma, un almacén do que as distintas librerías que se acollan a eles poidan vender libros online. Así os libros poderán mercarse por medio das páxinas de outras librerías, non da súa, que funciona nada mási que como unha especie de intermediario. A idea non está mal, por un lado porque non vai supoñer un prexuízo nin competencia para as librerías, xa que serán estas as que realicen a venta, o único problema que lle vexo é que os establecementos pequeno posiblemente non poidan ou non queiran afrontar este tipo de mercado.


Foi fundada por sete grupos editoriais dos máis importantes do momento, entre eles o Grupo Planeta, Santillana, SM, Alfaguara, Aguilar, Austral..., así hasta, de momento, 83 editoriais. En canto as tendas que ata agora están dentro da plataforma temos ao Corte Inglés, Casa del Libro, FNAC e algunhas outras que xa venden libros dixitais por internet. O formato de venta parece que será o ePUB, aínda que non descartan outros posteriormente. O sistema aínda non está claro, pero falan de que primeiro teremos que descargalo ao ordenador e logo pasalo ao ebook, falando de que poderá descargarse ata en seis ordenadores e outras seis en dispositivos móbiles, o cal non está mal, polo menos non pasa como noutros que so admiten unha descarga, dúas como moito. En canto a un dos aspectos máis importante, o prezo, falan de entre un 20 e un 30% menos que o libro en formato tradicional. Escoitei na radio que en concreto falaban dun marxe entre 6€ (para os que xa estiveran editados en formato de bolsillo) e os 14€ para as novidades. Digamos que non está mal, eu espero que aínda baixen un pouco máis, porque entre outra cousas teñen unha pequena batalla legal co IVE destes libros dixitais, xa que a algúns formatos non se lle aplica o reducido.


Comentaba o asunto cun amigo libreiro e dicíame que de todos modos non estaba demasiado clara a cousa. Algúns falaban de que as grandes librerías que xa teñen unha infraestructura en internet poderán vendelos directamente e para os que non habería que ir á librería, eles mandaban un correo electrónico que lle sería contestado cun código que o vendedor daríalle ao cliente para que este o descargara na súa casa; tamén había outras posibilidades, pero ningunha definitiva. Tendo en conta que falta menos dun mes para que empece a funcionar parece que as cousas están aínda un pouco collidas con alfinetes. Esperemos que neste tempo que queda poidan aclararse e fixar todas estas cousas, sempre en ben do comprador, claro.


Non sei como resultará a cousa, porque, como digo, hai moitos aspectos que non están nada claros. De todos modos parece que por fin algo se está a mover neste campo e non somos poucos os que estamos esperando para poder ler nos nosos ebooks as novidades editoriais case ao mesmo tempo que saen nas librerías. Supoño tamén que o resto verá que a cousa se move e tamén se porán en marcha dunha vez. Como dixen hai varios países nos que xa é posible mercar ao mesmo tempo ambas edicións e xa non chama a ninguén a atención ver a alguén nun tren, autobús ou nun parque co seu libro electrónico lendo tranquilamente. Tamén de paso a ver si con isto móvese o mercado e, tendo en conta a oferta, os ebooks baixan tamén algo de prezo, que non estaría mal.

domingo, 13 de junio de 2010

"La casa del propósito especial", John Boyne

boyne.jpgLin unha das novelas deste autor con bastante curiosidade e ganas, porque tivera moito éxito e moita xente dicía que estaba moi ben. Falo de “O neno do pixama a raias”, de John Boyne, editada en galego por Faktoría K De Libros e que foi un gran éxito de ventas, tanto en galego como en castelán. Mais o motivo deste post non vai ser esta, aínda que algo direi, senón a seguinte novela que publicou, “La casa del propósito especial”, que xa adianto que me gustou moito máis.


John Boyne é un autor nacido en Dublín, Irlanda, en 1971. Estudou literatura inglesa no Trinity College, na súa localidade natal e escritura creativa na Universidade East Anglia, en Norwich, donde foi galardoado co premio Curtis Brown. Empezou escribindo historias curtas, das que ten máis de 70, publicando varias. Debutou como novelista con “The thief of time” (“El ladrón del tiempo”) no ano 2000, unha historia ambientada no século XVIII sobre un personaxe que detén o seu proceso de envellecemento. Un ano despois publica “The congress of rough riders” sobre un descendente de Buffalo Bill que se vai vivir de Londres a Xapón. No 2004 aparece “Crippen” cunha intriga criminal partindo dunha figura real, o doutor Hawley Crippen; e no 2006 “Next of kin” sobre un aristócrata que pretende pagar as súas débedas gracias a unha herdanza. Pero a novela que lle deu o éxito foi a mencionada “O neno do pixama a raias”, gañadora de varios premios dentro e fóra do seu país, máis de 80 semanas número un de ventas en Irlanda, record de ventas en España entre 2007 e 2008 e traducida a máis de 42 idiomas, vendendo máis de cinco millóns de exemplares. O seu éxito fixo tamén que fora levada ao cine recentemente. No 2008 publica “El motín de la Bounty” e no 2009 a que vou comentar, “La casa del propósito especial”. En outubro de este ano publicarase “Noah Barleywater runs away”, na que está a traballar actualmente e que está pensada para un público xuvenil. En case todas elas segue un esquema similar, parte dun momento histórico coñecido para case todo o mundo en maior ou menor medida no que sitúa aos seus personaxes ficticios poñéndoos en relación con outros históricos, facendo o que poderíamos chamar ficción histórica. Non podemos consideralas novelas históricas, porque son bastante sinxelas e non dan demasiados datos, pero como digo, quedan situadas en momentos máis ou menos importantes da cultura occidental.


“O neno do pixama a raias” non vou dicir que non me gustara, non me pareceu una mala novela, pero vendo o éxito de ventas pensei que sería algo máis complexa, máis desenvolvida, algo máis do que é. Teño que dicir que penso que é unha historia pensada para lectores novos, dun certo marxe de idade e non para lectores máis adultos, non so en idade, senón en coñecementos ou madurez. Creo que a súa idea era facer exactamente o que fixo, pero deume unha certa pena, porque a historia que desenvolve me gustou, pero creo que se os personaxes estiveran un pouco máis traballados e desenvolvidos a historia gañaría moito. Aínda así é unha novela que normalmente len os meus alumnos desde que se publicou e a eles soe gustarlles, así que parece que si é boa para aqueles lectores para os que a escribiu.


“La casa del propósito especial” segue este mesmo esquema. Agora sitúa a historia fundamental nos últimos anos dos zares en Rusia ata a revolución. No fondo é unha historia de amor, a historia de dúas persoas que teñen que superar moitos obstáculos, moitas situacións difíciles e a historia das súas vidas. Está contada en primeira persoa e o protagonista é Georgi Danilovich Yáchmenev. Parte do momento no que a súa esposa, Zoya, está case morrendo nun hospital de Londres e con este motivo Georgi recorda toda a súa vida e os 65 anos que estiveron xuntos. A historia vai saltando de capítulo en capítulo sobre todo entre os anos vividos en Rusia e os que viviron en Londres, con dous ou tres contando a estancia en París, que se sitúa temporalmente entre as dúas anteriores. Así recorda a súa infancia en Kashin, un pobo de Rusia onde vive na pobreza. Un día o zar Nicolás II pasa por alí e a súa intervención evita o asasinato do zar, polo que este decide collelo para que sexa unha especie de gardaespaldas e acompañante do seu fillo e herdeiro do trono, Alexei Romanov. Abandona a súa vida de pobreza para ir vivir a San Petersburgo, onde se verá rodeado de todo o luxo da corte rusa. Sempre fascinado por esta forma de vida vai case a olvidar o seu pasado e a súa familia para formar parte da familia real, establecendo unha relación especial con algúns dos seus membros, sobre todo Alexei, o fillo do zar, as fillas e o propio zar que lle ten un certo respecto. Outros, como a zarina, non o tratarán tan ben. Así o autor inclúe a este personaxe de ficción dentro dun mundo de personaxes reais, chegando a ter incluso relación cun personaxe histórico como Rasputín. Sempre quedará patente a gran diferencia entre a forma de vida destes personaxes, todo luxo, gasto e diversión coa vida do pobo, que pasa fame e privacións sobre todo por causa da guerra que manteñen co Kaiser Guillermo. Esta situación será a que desemboque na revolución bolxevique e o asasinato da familia real. E logo imos coñecer como consegue saír de Rusia con Zoya, vivindo logo en París e Londres, na primeira traballando nunha librería e na segunda na Biblioteca do Museo Británico. Veremos todas as privacións que sufriron, os problemas de ser ruso en Inglaterra durante a Segunda Guerra Mundial e unha serie de feitos históricos que afectaran as súas vidas.


Pareceume un libro entretido e moi fácil de ler, o estilo segue a ser algo simple como no caso da novela anterior, aínda que nesta a maior parte dos personaxes están máis desenvolvidos e teñen unha certa, non moita, complexidade. O recurso de cambiar de tempo en cada capítulo dálle un certo interese e contribúe a que o lector vaia pouco a pouco facéndose unha idea dos porqués, de que é o que os leva a comportarse como se comportan, sobre todo ela e fai que un avance na lectura case sen darse conta. A ambientación histórica é sinxela, pero xa dixen que o autor penso que non pretendía facer para nada unha novela histórica, senón que é un marco crible para a historia dos personaxes principais, que é o máis importante. Como no caso da outra novela que mencionei creo que cun pouquiño máis de complexidade gañaría moito e sería unha boa novela en lugar de ser, penso, unha novela resultona e entretida, de fácil e agradable lectura. Ademais na introdución da edición que lin fala tamén, en comparación co “pixama”, dun final sorprendente para o lector. Pois ben, se un coñece un pouco esa parte da historia e é un lector atento é moi fácil atar os cabos suficientes para descubrir con facilidade en que consiste esa sorpresa (eu polo menos antes da metade da lectura xa tiña as miñas sospeitas, que se confirmaron so con adiantar unhas poucas páxinas), ese gran secreto do que se fala en varios momentos, co que perde un pouco de gracia. Aínda así ten unha certa emoción e sensibilidade que, polo menos a min, non me pareceu sensibleira, que é no que poden caer as veces este tipo de historias. É unha fermosa historia de amor que superou moitos atrancos e dificultades e a min gustoume, espero que a vós tamén.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=sQf8kP1dzPU&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

jueves, 10 de junio de 2010

"Otoño azteca", Gary Jennings

otonoazteca.jpgjennings.jpgComentaba hai uns días a novela “Azteca” de Gary Jennings e dicía que formaba parte dunha triloxía, aínda que a terceira non é súa, senón que foi escrita por outra persoa partindo das anotacións feitas por Jennings, xa que non chegou a redactala por completo. Supoño que tamén a lerei e aparecerá por aquí nalgún momento, pero hoxe vou comentar algo da segunda das novelas que lle dedica a este pobo. A segunda novela titúlase “Otoño azteca”, e foi publicada no ano 1998. Igual que a anterior é unha novela relativamente longa, ronda as cincocentas páxinas, algo menos que a primeira, pero segue sen ser unha lectura nada pesada, ao revés, faise dun xeito sinxelo e entretido. A verdade é que este autor, ao que descoñecía por completo e que chegou a min por unha recomendación, ten un xeito de escribir que me gusta moito e ademais de completar a triloxía teño en mente ler outras das súas novelas. Chámame moito a atención a titulada “El viajero”, sobre as viaxes de Marco Polo, xa que penso que pode ser moi interesante, tanto polo tema que trata como pola forma que ten de contar historias este autor.


“Otoño Azteca” podemos dicir que é case unha continuación da anterior. Non dun xeito estricto, é dicir, que non continúa directamente co mesmo protagonista nin co mesmo tipo de historia, pero si que avanza un paso máis no relato da historia dos pobos de Sudamérica tras a conquista dos españois. Ao igual que na anterior todo o contado vai ser protagonizado e narrado en primeira persoa polo seu protagonista. Se antes era o vello Mixtli o que lle contaba a súa historia a uns monxes, agora teremos a Tenamaxtli que xa preto da súa morte lle conta a súa vida a unha indíxena educada polos españois que actuará como escriba do relato, así que ao igual que na anterior quere que quede constancia por escrito da súa vida e de todo o que aconteceu nela. O principio da novela é case unha continuación do contado no outro, xa que ambas van estar relacionadas por un mesmo personaxe. Tenamaxtli viaxa coa súa nai e o seu tío desde a súa cidade natal, Aztlán, ata México coa intención de espiar aos españois que están alí instalados. Nesta novela entón imos tomar contacto coa época xa na que o “Único Mundo” está conquistado polos españois e os problemas que esta situación trae consigo. Cando chegan ven como os españois queiman a un indíxena na fogueira, espectáculo que os deixa abraiados. Ao remate Tenamaxtli achégase a un sacerdote ao que ve algo entristecido pola situación e que será importante neses primeiros capítulos. Ademais recolle das cinzas un obxecto que o acompañará toda a súa vida e que pertencía ao morto. Pouco despois descobre que o axustizado era o seu pai, Mixtli, o protagonista de “Azteca”, a primeira novela da saga que tras contar a súa historia é condenado a morte polo tribunal eclesiástico tras contar a súa vida. Este asasinato será unha das razóns, senón a fundamental, da postura que vai adoptar Tenamaxtli en toda a súa vida posterior e que será o que nos conte a novela. Ademais é un rapaz orgulloso que non quere dobregarse ante os conquistadores, como fan outros da súa raza, que prefiren vivir ás ordes dos españois que enfrontarse a eles. Así no primeiro que pensa é que ten que coñecelos ben para poder loitar contra eles, expulsalos do seu mundo e volver a ser os que eran. Para iso primeiro ten que coñecer a lingua, co que empezará a recibir clases de castelán e de relixión cristián, xa que van as dúas unidas. Co bautismo pasará a chamarse Juan Británico, aínda que será un nome que vai usar pouco. Os primeiros capítulos transcorren na cidade de México, coas clases, vivindo nun albergue e tentando tomar contacto cuns parentes da súa cidade que levan tempo alí vivindo. Pouco a pouco vai aprendendo cousas e sorprendéndose de moitas máis. Non entende para nada a forma de vida dos invasores e moito menos a súa relixión. Por exemplo parécelle incomprensible o concepto da Santísima Trinidad, xa que ademais dos tres que a forman el ve que “adoran” tamén á Virxe María e ao Papa, co cal para el é unha Trinidad de cinco, non de tres. Tampouco entende que non lles deixen aos indíxenas adorar aos seus deuses porque lles din que son moitos e os cristiáns so teñen un, pero tampouco o ve como algo certo, xa que a cantidade de santos que teñen para el son como os seus deuses. Estará obsesionado cos arcabuces e a pólvora, xa que sabe que ter eses elementos será o único que lles permita enfrontarse a eles con certas garantías. Moi bos eses capítulos nons que tenta, con axuda, fabricar un “pau de fogo” e todos os experimentos que vai facer para conseguir fabricar pólvora. Pouco a pouco vai conseguindo os seus obxectivos e avanzando na historia. Gran parte da historia céntrase nos indíxenas, divididos entre os que se conforman coa nova situación, os que queren expulsalos e un terceiro grupo que non ten nin idea de que os españois están alí. Tamén é interesante toda a parte dedicada ás distintas razas que foron aparecendo cos cruces entre eles, con un rosario de españois, indíxenas, moros, negros, mulatos e algunhas posibilidades máis. É tamén unha historia de superación de obstáculos que parecen insalvables. É unha novela de aventuras e de reconquista, un relato de xente que non está disposta a deixar que os sometan, que os obriguen a cambiar os seus costumes, formas de vida ou relixión. O protagonista pasará por grandes aventuras, coñecerá a todo tipo de mulleres, a grupos sociais lonxanos da súa realidade aos que terá que convencer para loitar contra os invasores, sempre impulsado por esa idea de recuperar a gloria do Imperio Azteca e vencer ao exército español.


A verdade é que gustoume máis e pareceume máis interesante o primeiro, ten máis datos e está algo mellor desenvolvido, pero este está so un pouquiño por debaixo, non moito e tamén merece a pena. O autor mantén perfectamente a mesma forma de contar as cousas e os feitos, un estilo fascinante e ameno que te engancha desde o principio, todo é importante e non hai case nada anecdótico na historia e sempre está a pasar algo, co que o lector non ten descanso. Tamén é destacable a forma que ten de contar as cousas, facendo que o lector vexa sempre as cousas meténdose no personaxe, mirando todo desde o seu punto de vista, consegue perfectamente reflectir o punto de vista dos conquistados ante esa nova realidade. Ademais ten un certo ton de humor, centrado case sempre na incomprensión do que fan os españois que resulta máis que simpático e é imposible non sorrir máis dunha vez. So por poñer un exemplo máis, a parte dedicada aos primeiros contactos do protagonista cos cabalos e a súa monta é fabuloso e calquera que montara a cabalo pode sentirse reflectido. As batallas están contadas no seu punto xusto, non se fan nin demasiado longas nin demasiado curtas, non cansan e un pode imaxinalas perfectamente. A pesares do dito ao principio deste parágrafo, merece moito a pena a súa lectura, moi recomendado.

martes, 8 de junio de 2010

Último aviso (Burn notice)

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=fTG0ezpTgFg&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Entre libro e libro tamén podemos ver de vez en cando a televisión, que non todo vai ser ler, que hai que descansar e sentarse nun cómodo sofá a ver algo, polo menos se non pode ser bo, entretido. Así que esta de hoxe é outra desas series entretidas, sen ningunha pretensión máis que esa, pasar un bo rato e sorrir máis dunha vez, aínda que non é directamente unha comedia. A serie titúlase “Último aviso” (“Burn notice” en inglés) e a súa primeira temporada foi emitida por Fox hai un tempo e agora, desde hai un par de meses máis ou menos apareceu na programación nocturna de “Cuatro”. En Estados Unidos van estrear en breve a cuarta, parece que ten bastante éxito de audiencia, que non todas chegan a este número, que cada vez máis se non teñen un certo número de espectadores desaparecen da programación rapidamente, algunhas case sen rematar ou rematando de golpe, resolvendo catro cousas e fóra. O peor é que a cadea que a emitía deixounos, de momento, sen ningunha das demais, so emitiron a primeira, que xa ten un tempo, pero as dúas restantes non dan aparecido, o que me ten un pouco fastidiado, xa que ao remate da primeira queda a cousa cunha certa tensión e xa teño ganas de saber que pasou despois, pero de momento non pode ser, haberá que protestarlle a estes de Fox a ver se poñen o resto.


É unha serie de acción, non de policías nin de forenses que tan de moda están ultimamente, e o protagonista é un espía, pero algo especial, claro. No primeiro episodio vemos como o axente Michael Westen volve á súa casa en Miami tras rematar sen éxito a súa última misión en Nixeria, xa que o seu contacto na zona non apareceu. Pronto saberá que foi “queimado”, un termo que se usa dentro do mundo do espionaxe para designar a aqueles axentes que son retirados do servizo sen darlles demasiadas explicacións porque xa non se lles considera axeitados para ese traballo. Así que se atopa sen contactos, sen armas, sen identificación, sempre vixiado non sabe moi ben por quen e con ordes de non saír de Miami. Ante esto decide investigar quen é o culpable da súa situación, o porqué da mesma e facer todo o posible por solucionala. Pero atópase completamente so e sen recursos, polo que o primeiro que fai é buscar algunha axuda. A primeira persoa que reaparece na súa vida é a súa exnoiva, Fiona Glenanne, que ademais é unha antiga terrorista do IRA, unha muller de recursos, especialista en armas, explosivos e moi decidida. Ademais dela contará tamén coa colaboración de Sam Axe, un antigo oficial de intelixencia da mariña que agora retirado usa o seu encanto para vivir a costa de enganar a mulleres maiores e con diñeiro que van a Florida en busca de algo de aventura. É un antigo amigo do protagonista que lle valerá como contacto co FBI, como axente dobre e proporcionándolle moitas cousas, ademais de actuar con el en moitos dos casos nos que traballarán. Ademais de todo isto temos tamén a un personaxe máis, Madeline Westen, a nai de Michael, unha muller que é todo un elemento, fumadora, bebedora, hipocondríaca e que non fará máis que converterse nunha preocupación máis que engadirlle ademais das que xa ten, xunto cun irmán medio delincuente medio cabeza oca que non dará máis que problemas. Ademais de todo isto, para darlle un pouco máis de profundidade a trama temos tamén un tema de malos tratos paternos cara ao protagonista que son importantes para a súa personalidade e forma de actuar e comportarse. Para poder manterse vaise dedicar a traballar como medio axente secreto medio detective en casos locais, contratado por xente normalmente con poucos recursos. Tanto é así que o seu primeiro caso chégalle a través dunha veciña da súa nai. O elemento común a todos os episodios será esa investigación que fai para saber quen é o culpable da súa situación, da que quere saír, el é un bo axente, un dos mellores (queda claro coas cousas que fai) e non acepta o seu novo estado. Cada capítulo terá ademais un caso deses nos que traballa, pero haberá unha serie de personaxes que irán aparecendo en varios, sempre relacionados coa súa “queima”. Como perdeu todos os medios dos que dispuña vai ter que substituílos polo seu inxenio, terá que usar toda a súa intelixencia para crear sistemas de vixilancia, seguridad, todo tipo de aparellos electrónicos e gadgets usando obxectos de uso común, sempre cheos de orixinalidade e moi efectivos.


Os actores son relativamente coñecidos, a maior parte saídos da televisión. O papel de Michael Westen é interpretado por Jeffrey Donovan, cara coñecida dalgunhas series pero que tivo un papel importante nunha das últimas películas de Clint Eastwood, “El intercambio”, onde literalmente bordaba o papel do policía encargado da investigación da desaparición do neno. A verdade é que cando a vin sorprendeume moitísimo a súa actuación, é un bo actor que espero que faga máis cine, pero nesta serie está moi ben, intelixente, cínico, simpático, ten de case todo. O papel da noiva faino Gabrielle Anwar, tamén actriz televisiva e con algunha película. Outro actor coñecido é o que fai o papel do amigo, Bruce Campbell, que os afeccionados ao cine de terror coñecerán por algunhas películas xa con algún tempo (“Terrorificamente muertos”) e algunhas películas máis, aínda que ultimamente aparece máis en televisión. Fai un papel ben simpático, un home que xa pasa de case todo, que se dedica a vivir o mellor que pode pero que non é capaz de non axudar ao seu amigo.


Algúns falan dela como unha versión modernizada dunha serie clásica dos anos 60, o “Superagente 86” que incluso tivo unha, imos dicir “pasable”, versión de cine nos últimos anos. A verdade é que eu non lle vexo demasiado parecido, aquela era unha comedia lixeiramente disparatada e esta ten algo máis de seriedade, pero non deixa de ser unha comedia de acción. Para min é máis unha mistura entre as películas de James Bond (máis que nada polo personaxe e a forma de actuar, non polo estilo visual nin esas cousas) e outra serie clásica de hai uns anos, “MacGyver”, coa que ten moitas similitudes. Os que recorden esta serie lembrarán que cunha corda de zapatos, unha pila e pouco máis era capaz de facer unha bomba e que tamén se dedicaba a axudar a xente necesitada. Pois neste sentido está a similitude, o protagonista de “Último aviso” é capaz de facer case calquera cousa con obxectos recollidos nun momento nunha casa e saír con ben de calquera situación, como facía MacGyver, e como este, tamén se dedica a axudar a xente enfrontada a outros máis poderosos. Creo que os parecidos son máis que evidentes.


Pois isto é o que é, unha serie entretida, sen moitas máis pretensións, pero que consegue que durante 40 minutos pasemos un bo rato, ríamos máis dunha vez coas situacións que se producen e cos personaxes, cuns diálogos áxiles e simpáticos e cuns casos que resolver a veces case esperpénticos, a verdade. A ver se estes de Fox ou os de Cuatro se deciden a poñer as seguintes temporadas, porque xa dixen, a primeira remata dun xeito que nos deixa a velas vir, e polo menos eu quero saber que máis pasa despois.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=wANqCOlFF1Y&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

domingo, 6 de junio de 2010

"Azteca", Gary Jennings

jennings.jpg


azteca.jpg

Xa dixen noutras ocasións que a maior parte das novelas históricas teñen o seu marco na Idade Media, o que non está mal porque é unha época que dá para moito, pero hoxe vou falar dunha que non transcorre nin nesa época nin en Europa. É unha novela que me gustou moito, longa, máis de 800 páxinas, pero que se len rapidamente, xa que é moi entretida e amena, ademais de interesante. O título é “Azteca” e o autor Gary Jennings. Polo título xa podedes supoñer de que vai, transcorre na época da conquista española de América, aínda que a historia que conta é algo anterior. De aí o interese, xa que é unha época algo descoñecida e moi interesante, da que quedan non demasiados datos debido sobre todo a destrución e colonización dos conquistadores. Pareceume moi interesante e supoño que o autor fixo un enorme traballo de documentación antes de afrontar a escritura da mesma, ademais de que ten algunha continuación, da que falarei dentro duns días.


Gary Jennings é un autor estadounidense. Naceu en 1928 en Buena Vista, Virginia. Parece que tivo unha vida curiosa, aínda que non hai moitos datos biográficos sobre el. Viviu en Nueva Jersey e graduouse na escola superior pero posteriormente non recibiu unha educación formal, senón que se converteu en autodidacta. Aos 17 anos traballou como mensaxeiro nunha empresa de publicidade e co tempo e as súas dotes rematou como executivo de contas. Serviu na guerra de Corea como reporteiro e concedéronlle a Estrela de Bronce, sobre todo polo traballo realizado en favor dos orfos de guerra. Cando volveu seguiu dedicándose á publicidade. Pero sempre quixo ser escritor, polo que a deixou e empezou a escribir a tempo completo. Marchou a vivir a México, onde pasou 12 anos recollendo información e escribindo a novela que comento. As súas novelas fixéronse moi famosas polos seus detalles históricos. Fixo grandes traballos de investigación antes de escribilas. Ademais do tempo que pasou en México recollendo información para varias novelas sobre os aztecas tamén viaxou aos Balcanes (viaxe do que sae a súa novela “El viajero”, sobre as viaxes de Marco Polo) e pasou uns anos viaxando en compaña de varias compañías de circo mentres escribía “Lentejuelas”, unha novela sobre dous soldados que ao rematar a Guerra de Secesión empezan a traballar nun circo. Tamén é autor de varias novelas e relatos que podemos incluír dentro do xénero xuvenil publicados entre 1962 e 1975, que foron as súas primeiras obras. A serie de novelas sobre os aztecas está formada por tres libros, dous son completamente del e o terceiro foi publicado tras a súa morte, baseada en textos seus pero rematada por outro autor. “Azteca”, publicada no ano 1980 é a primeira, “Otoño Azteca” de 1998, é a segunda e esa terceira que non é enteiramente súa, “Sangre Azteca” é do 2002. Ademais das mencionadas outra das súas novelas, do ano 1992, titúlase “Halcón”, de tema histórico tamén. Morreu no ano 1999. Todas as súas novelas podedes atopalas na Editorial Planeta.


“Azteca” pareceume unha novela moi interesante, sobre todo polo descoñecemento que tiña eu de toda esa época, apaixonante e violenta. A historia comeza no ano 1530 cando o Emperador Carlos pídello ao bispo de México que lle dea información sobre a vida e costumes dos indios. Así o bispo Juan de Zumárraga vaille enviando o relato autobiográfico que un indio lle vai ditando aos seus escribas. Este indio é o verdadeiro e completo protagonista da novela. Mixtli (tamén chamado, entre outros moitos nomes ao longo da súa vida, Nube Oscura) vai ir contando toda a súa vida, desde a infancia ata o momento no que transcorre a acción. Gracias ao seu relato coñeceremos os costumes do seu pobo (e de outros pobos cos que foi tomando contacto ao longo da súa vida), a súa mentalidade, a súa formación e a súa vida amorosa, bastante movida e tráxica, o que provocará que os monxes e o bispo estean continuamente escandalizándose do que escoitan e rogándolle ao Emperador que non lles pida máis relatos dese home ao que consideran un pecador sen redención posible. Outro dos aspectos que estes relixiosos non poden comprender será tamén o politeísmo, a infinidade de deuses distintos que tiñan e que ademais non coincidían entre uns pobos e outros, o que traerá consigo toda unha serie de situacións que dificilmente poderán soportar. Imos coñecer a historia do que eles chaman o “Único Mundo” e da capital do mesmo, Tenochtitlan e centrados sobre todo en dous dos pobos máis importantes na época anterior á chegada dos españois, os aztecas e os mexicas. Mixtli naceu nunha vila chamada Xaltocan, fillo dun mestre canteiro. Imos coñecer toda a súa infancia e todo o que ten que ver co aprendizaxe que recibían os nenos nesa época. Pero en certo momento a súa vida dá un xiro xa que é chamado a Texoco, a “capital” do seu pobo, onde recibirá unha educación superior debido a que demostra ter unhas capacidades superiores ao resto dos seus e unha intelixencia moi destacable. A partir de aquí vivirá de xeito moi luxoso e aprendendo cousas que nunca pensou que podería aprender. Desde este momento a súa vida será un continuo de cambios, aventuras e desventuras que é imposible concentrar en poucas liñas. Será soldado e participará en cruentos e violentos combates. Logo converterase en comerciante, chegando entre outras ás terras dos maias. Ten varias relaciones sentimentais e familia, pero case todas rematan de xeito tráxico. E tras todo isto chegará a alcanzar rango de nobreza. Cando chegan os españois, todos os coñecementos adquiridos nas súas viaxes fan que sexa dos primeiros que toman contacto con eles e incluso coñecerá a Hernán Cortés. Xa digo que todo isto vaillo contando Mixtli a eses monxes aos que lles custa moitísimo entender ese xeito de vida, a liberdade, a relaxación moral, a violencia, non hai un so detalle da súa vida que non lles pareza inmoral e condenable, tanto é así que cara ao final o bispo suplícalle encarecidamente ao Emperador que o libere dunha vez dese traballo.


Para min foi unha lectura excelente, chea de datos tan ben metidos dentro da historia que non se fan nada pesados. Ademais é moi variada, xa que imos coñecer moi distintos usos, costumes e formas de vivir dos distintos grupos que vivían alí nesa época, que as veces parece incrible que foran tan distintos nalgunhas cousas. Está todo narrado dun xeito claro e real, iso si, cargado de violencia sen contemplacións e moitos momentos claramente sexuais, que son os que máis escandalizan aos que están tomando nota da historia, xa que conta todo con pelos e sinais. É unha lectura moi amena, perfectamente estruturado para que o lector se meta dentro da historia e non queira deixalo, porque sempre está a pasar algo. Non se fai nada longo nin pesado, todo o contrario. Xa digo, máis que recomendable para coñecer unha parte da historia da que podemos saber poucas cousas, pero que serán moitas máis tras rematar a lectura, máis que recomendable.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=of-d1V9p1Uk&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

jueves, 3 de junio de 2010

Perdidos - Lost

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=FHSIdFhHV7c&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Adeus “Perdidos”. Antes de nada advirto que podedes ler este post sen problemas, non vou contar nada do final, polo menos nada o suficientemente importante como para sorprender aos que non o viron aínda. E iso que coa polémica que suscitou raro é o blog no que non pon algo que pode mediatizar aos posibles seguidores que aínda non o viron. Como xa veriades por outros comentarios que fago non me gusta nada iso de contar as cousas enteiras, desvelar finais e cousas así, non creo que sexa a funcións destas páxinas que deberían limitarse a dar opinións, resumos e esas cousas, pero nada máis. Hai veces que se un non ten coidado pode aforrarse unha lectura, unha serie ou unha película, non pode ser, polo menos iso é o que penso eu.


Xa podemos despedirnos de Jack, Kate, Hugo, Sawyer, Sayid, John Locke, Sun e Jin, Claire, Charlie, Desmond..., e tamén, por que non, de Ben Linus, un dos personaxes máis sinistros que eu vin nunca nunha serie de televisión e se me apurades, ata no cine.


Hai series con calidade, simpáticas, boas e malas e despois están as que crean tal cantidade de seguidores que se converten en fenómenos mediáticos que provocan, as veces, situacións incluso esperpénticas con xente que se reúne para ver a serie, que se disfraza, que vai coa camiseta de propaganda... Algunhas fan que a xente as meta dentro da súa vida e ata, como pasou con esta sexta temporada, que o mesmo presidente dos Estados Unidos, o señor Obama, teña que cambiar a data dun discurso porque coincidía coa emisión no seu país do primeiro episodio do que se publicitou como a “temporada final”. “Lost” é unha de estas series que non deixan indiferente a ninguén, coñezo xente que non foi capaz de engancharse a ela (pouca, a verdade) e outros que se tiñan a temporada completa eran capaces de ver catro episodios seguidos e deixalo non porque no quixeran ver máis, senón porque o corpo tamén ten que descansar e hai que durmir (estes foron máis que os que non se engancharon, e algúns aparecían ao día seguinte cunha cara de sono máis que marcada e preguntando a ver que máis ía pasar, pero eu non lles contaba nada, claro). A cantidade de seguidores, de comentarios que suscita e suscitou supera con moito a calquera outra, baste facer unha busca por internet para ver a cantidade de comentarios, páxinas, vídeos e todo tipo de cousas que circulan sobre ela por todas partes.


Debo dicir que a min gustoume moito, non tanto como para ver en directo e subtitulados ás tantas da mañá os dous últimos capítulos pero si como para velos en castelán na primeira oportunidade que tiven de facelo. Non a vin no seu momento, alá polo ano 2005 que foi cando se estreou a primeira temporada en España, pero algúns anos despois conseguina e xa me fixen un fan incondicional. As tres primeiras tiven a sorte de conseguilas enteiras, co cal como mínimo caían dous diarios, iso estaba ben, porque as seguintes xa tiña que velas de semana en semana, e as veces o nivel de ansiedade que provocaba era grande (aclaro que é unha ansiedade controlable, claro, non vaia a malinterpretarse), que un quería saber que máis ía pasar e tiña que esperar unha semana enteira, insufrible. E non digo do tempo que pasaba entre unha temporada e outra, que non podía ser case un ano para poder seguir as aventuras destes homes e mulleres na illa e fóra dela, claro. Gustoume sobre todo porque tiña unha certa orixinalidade, porque creaba unha serie de situacións de tensión moi ben levadas, porque había sempre uns interrogantes e unhas cousas que animaban moito a imaxinación... Sobre todo gustoume polos personaxes, bastante ben definidos pero sempre con algunha sorpresa na súa forma de actuar, polo menos nos principais e algúns deles moi ben deseñados, a verdade. E tamén paréceme boa pola forma da realización, case de cine, con escenas ben montadas, cambios de ritmo e unha serie de elementos que a achegaban moito ao cine. De todos os personaxes quédome con dous que son os meus favoritos, cada un terá os seus, porque hai ben onde elixir, pero para min os mellores son Hugo e Desmond. Hugo, cun corazón tan grande como o seu corpo, creo que está presente en moitos dos mellores momentos da serie, sempre de bo humor, cun sorriso na boca, e foi dos meus preferidos desde o principio. Logo apareceu Desmond, o pobre home que tiña que estar pechado no búnker marcando a serie de números que tanto nos desoncertou a todos ata que soubemos, máis ou menos, para que valía. Alí estaba el marcando 4, 8, 15, 16, 23, 42 cada 108 minutos para que non pasara nada, sen saber que ía pasar se o deixaba. Nas primeiras aparicións non parecía que fóra importante, pero pouco a pouco foi collendo protagonismo.


Para sempre quedarán entre nós as aventuras dos pasaxeiros dun dos voos máis famosos da televisión, por non dicir o que máis, o 815 de Oceanic Airlines en viaxe de Sidney a Los Ángeles. Vai ter un accidente e caer nunha illa do Pacífico, e quedan 48 superviventes que teñen que tentar subsistir co que a illa pode ofrecerlles. Ao principio todo parece normal dentro da traxedia, tentan apañarse como poden, buscan comida, auga, refuxio, todo vai ben e van solventando todos os problemas que aparecen. Xa nos primeiros capítulos imos vendo cales van ser os protagonistas, algúns toman o papel de líder do grupo e van encargándose das cousas. Pero ao pouco empezan a pasar cousas estrañas, e non poucas. De repente esa illa que parecía deserta resulta que está máis chea de xente que o metro de Madrid en hora punta. Están eles, pero tamén están os que van a chamar “os outros”, pero non vai quedar aí a cousa, que cada capítulo que pasa aparece e aparece máis xente. Despois temos as construcións subterráneas, cada unha coa súa función que iremos descubrindo pouco a pouco. Osos polares, ídolos xigantescos, a compañía Dharma, que parece levar alí anos facendo experimentos e unha morea máis de cousas, de xente e por riba de todo, o fume negro ese que fai un estraño son e que acaba con todo o que se pon por diante. É imposible poñer aquí todo o que lles pasa, porque son infinidade de cousas, por non falar dos saltos no tempo, cara adiante, cara atrás, o presente (nalgún momento nin sabemos cando están a pasar as cousas), pero aínda que poida parecer un lío, non o é. O maior mérito da serie é precisamente que pouco a pouco aparecen respostas, claro que moitas veces estas respostas traen consigo moitas máis preguntas, pero os guionistas souberon atrapar perfectamente ao espectador. Tanto é así que algunha vez un volve a ver un capítulo de temporadas anteriores porque sae un personaxe do que falan e quere comprobar que, efectivamente, estaba alí nese momento, e estaba, claro. Os guións están perfectamente montados para ter ao espectador pendente de cada frase, de cada xesto, de cada situación, da xente que sae en calquera lugar en cada momento e un está desexando pillar a estes guionistas nun renuncio, pero eu, polo menos non o conseguín.


E logo temos a Jacob e ao seu irmán, aos que por fin lles dedican nesta sexta temporada un capítulo enteiro no que podemos saber algo máis das súas vidas, de onde saíron e como viviron ata chegar ao momento no que os coñecemos. Ao final a serie non deixa de ser a eterna loita entre o ben e o mal, como en calquera conto case infantil, pero cunha complexidade que estes non teñen. Claro que Jacob é tan bo que as veces dá algo de pena, e o irmán, do que non coñecemos o nome, é malo por culpa das circunstancias, así que tampouco é para tanto. Neles dous está un dos elementos centrais da serie, de todo o que pasa e de moitas das explicacións das cousas que suceden.


E hai uns días rematou, foron seis temporadas cheas de emocións, dúbidas, misterios, maldades, bondades, incógnitas, viaxes no tempo, casas, chozas, praias, illas e cidades. A min encantoume este final, e non coincido con moitos dos comentarios que circulan pola rede. A verdade é que non sei que esperaban, porque en primeiro lugar era imposible que absolutamente todo quedara resolto e aclarado. O importante da serie, por se alguén non se deu conta eran as persoas, os perdidos, persoas perdidas nunha illa, perdidas nas súas vidas, perdidas nas súas relacións..., en case todo. E iso quedou resolto, as relacións entre eles, as cousas que viviron e sufriron, as penas e as alegrías quedaron rematadas. Non quero incidir máis e quedará todo para comentarios, se os hai, ou para correos, que sei que hai xente que aínda non o viu e está esperando, así que non lles vou desvelar nada, xa falaremos despois e espero que lles guste tanto coma min.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=WYRheDdIu80&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

martes, 1 de junio de 2010

"El asedio", Arturo Pérez-Reverte

reverte.jpgasedio.jpgHai pouco que rematei de ler esta novela de hoxe e, xa de principio, vou dicir que me gustou bastante, que está moi ben escrita e que merece a pena. É de publicación moi recente, un éxito de ventas neste momento xa que leva varias semanas nos primeiros postos e dun autor que converte case todo o que escribe en un éxito de ventas non so en España, tamén noutros países. Falo de “El asedio”, a última novela de Arturo Pérez-Reverte. De paso advirto tamén que non vou desvelar quen é o asasino na historia, porque antes de rematala un día paseei por algún blog e tiven a mala sorte de ver como en máis dun a alguén lle daba por dicir literalmente “e o asasino é...”, que me parece unha falta de respecto total cara ao lector.


Primeiro teño que confesar que é a segunda novela que leo deste autor, non por nada, a verdade, porque sempre tiven a intención de ler algo máis del, pero sempre me aparecían outras cousas máis apetecibles. A primeira foi a do Capitán Alatriste, e iso porque a puxen como lectura hai uns anos para un grupo de 4º da ESO, gustárame bastante e a eles tamén, pero logo non lin nada máis. Agora, tras a lectura desta, penso que lerei algo máis del, porque sobre todo pola forma de escribir, e tamén pola historia, claro, creo que merece a pena.


Arturo Pérez-Reverte é un autor nacido en Cartagena no ano 1951. É licenciado en periodismo e ao mesmo tempo que estudaba esta carreira fixo estudios de Ciencias Políticas. Exerceu como reporteiro de guerra entre 1973 e 1994, primeiro para o diario “Pueblo” e logo para Televisión Española. A principios do ano 1994 traballou en Radio Nacional de España e presentou en Televisión Española o programa “Código Uno”, do que dimitiu por non estar de acordo cos contidos que se emitían. Dixo que deixaba a televisión farto da falta de medios, da politización e dos contidos que se emitían. Como corresponsal de guerra estivo entre outros moitos en Chipre, Líbano, o Sáhara, Malvinas, Nicaragua... Comezou a súa carreira de novelista en 1986 coa publicación de “El maestro de esgrima”, aínda que antes publicara con pouco éxito unha novela curta, “El húsar”. En 1994 deixa a súa profesión de reporteiro e dedícase por completo á literatura. Foi columnista do diario “El País”. Ata agora publicou cerca de 20 novelas e varias coleccións de artículos periodísticos. As protagonizadas polo Capitán Alatriste forman unha serie, da que parece que pronto sairá un novo volume. Ingresou na Real Academia de la Lengua no ano 2003. Varias das súas novelas foron levadas ao cine, algunhas con bastante éxito. Entre elas “El maestro de esgrima”, “La tabla de Flandes” e “El Club Dumas” (esta baixo o título de “La novena puerta” e dirixida por Roman Polanski) e no 2006 “Alatriste”, baseada na serie de novelas mencionada anteriormente.


“El asedio” é de momento a última novela que publicou e, como dixen antes, está a ter un máis que destacable éxito de ventas. Non creo que sexa fácil incluíla dentro dun xénero determinado porque a verdade é que é unha mistura de varios. Algúns falan dela como unha novela histórica, pero é moito máis que iso, temos unha historia de asasinatos que pode facer dela unha novela negra; unha certa historia de amor en relación á novela romántica e moitos capítulos que transcorren no mar con batallas, mariñeiros, corsarios..., así que tamén temos unha novela mariñeira. Se teño que cualificala dalgún xeito diría que é unha novela de aventuras na que a historia diversifícase por varios camiños, como case todas as boas novelas de aventuras, claro, nas que estes elementos que mencionei case sempre están presentes. Ademais máis que una novela de historia é unha novela de personaxes, xa que todo o relatado está centrado en catro ou cinco personaxes centrais que van alternando nas súas historias e que ao longo do relato vanse relacionando uns cos outros, ata que practicamente todos quedan conectados dalgún xeito. Así case podemos dicir que calquera das historias podería ser unha novela por si mesma, é case unha novela de novelas perfectamente unidas nunha soa.


A historia transcorre durante o asedio por parte das tropas francesas á cidade de Cádiz en 1811. Non é unha cidade grande, pero o relato transcorre en moitos sitios que, ao igual que os personaxes, están todos relacionados. O porto, as praias, as rúas, os palacios, as marismas, as tabernas, o mar, os postos dos franceses nas aforas..., pezas dunha construcións que van encaixando pouco a pouco. Como elementos centrais da historia temos unha serie de asasinatos brutais de mozas novas, os bombardeos dos franceses e o comercio marítimo desde varios puntos de vista. A autor reflicte perfectamente a todas as clases sociais que viven nese Cádiz sitiado no que viven mellor os que están dentro da cidade que os que a están a asediar que, curiosamente, están unha situación máis precaria que os españois. A razón está no mar, a cidade recibe continuamente os barcos dos comerciantes, co cal, a pesares do asedio, as condicións non son tan malas. Mentres as tropas francesas son as que teñen os problemas, de materiais, de alimentación, de condicións de vida e todo isto aumentado por un asedio que non ten bos resultados, bombardeos á cidade que non provocan case danos, non son capaces de alcanzar moitas partes da cidade e, cando o fan, as bombas non explotan, polo que os danos son mínimos. Así estamos ante un asedio que case non ten consecuencias para os españois, pero si para os franceses. A novela é un cadro perfecto que reflexa todos os espazos, as clases sociais e as circunstancias dos habitantes da cidade. É unha novela histórica en tanto en canto mostra a vida nese momento concreto, sen centrarse nas datas, nos feitos históricos, nos nomes de persoas coñecidas, non é iso o que lle interesa ao autor, é unha recreación da vida nun lugar determinado nun ano determinado. Pero sobre todo é unha novela de personaxes, onde catro ou cinco dominan toda a historia.
Rogelio Tizón e o Comisario de Barrios, Vagos e Maleantes que ten que encargarse da investigación duns asasinatos que o teñen desconcertado. Un policía corrupto, duro, intransixente, xogador de xadrez, acosado polos políticos para que as cousas non saian á luz, violento e capaz de calquera cousa con tal de atopar ao asasino.
Lolita Palma, a muller que herdou o negocio de comercio do seu pai, unha muller que xa pasou os trinta, de forte carácter e que terá moito que ver co destino de máis dun personaxe. A súa vida está centrada no seu negocio e pouco máis, todo está enfocado a iso e o resto son cousas ás que non lle presta demasiada atención, aínda que as veces lle gustaría.
O capitán Pepe Lobo, un mariño de máis de 40 ao que non lle gusta demasiado o mar, pero é o único que ten e así ten que aceptalo. Un home nobre, valente pero que non ten o concepto de honor dos cabaleiros, o que lle trae máis dun problema. El mesmo di que non é un cabaleiro nin pretende selo. A metade de novela, tras quedarse sen traballo, farase corsario (que non é máis que un pirata con permiso) ás ordes de Lolita Palma e un socio dela.
Felipe Mojarra é o representante do pobo nesta historia, un salineiro que traballa para o exército español dirixíndoo nas súas incursións contra os franceses e que terá máis protagonismo do que parece.
Gregorio Fumagal, un home sinistro que se dedica á taxidermia e ademais traballa como espía para os franceses mentres vive en Cádiz.
Simon Desfosseux, que xunto co seu axudante Maurizio Bertoldi son os que representan ao exército francés nesta historia. É máis un científico que un militar, é un civil que polas circunstancias da guerra está no exército. É o encargado das baterías francesas que bombardean a cidade de Cádiz, preocupado pola mellor maneira de conseguir máis alcance e que as bombas exploten. Para el é máis unha cuestión de matemáticas, ecuacións, ángulos e alcance de tiro que algo militar.
Todos eles e algúns máis conforman ese mundo do asedio, e ao final algúns que parecen lonxanos acabarán conectándose dentro da historia de formas moi importantes, pero o mellor para descubrilo é ler a novela.


A min gustoume bastante, aínda que lle vexo algúns defectos. Son máis de 700 páxinas pero non se me fixo nada longo, iso é certo, pero nalgúns momentos (poucos) o ritmo decae un pouco, como se lle sobrara algo. Tamén para min hai momentos nos que hai un exceso de linguaxe náutico, que queda un un pouco farto de escotas, foques, velas, babores, estribores e máis palabras que xa non recordo e que fan que as veces a lectura se faga algo lenta, penso que podería ser algo máis conciso neses aspectos. Penso que é unha lectura que merece a pena e que non desilusionará aos seguidores de Reverte, e para os que non o sexan eu recomendaría esta novela como unha forma de coñecer a súa maneira de escribir, que é unha das cousas que máis me gustou, a forma de traballar coa linguaxe e, sobre todo, a forma de narrar.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=_zh21GdtYBI&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]