domingo, 29 de agosto de 2010

Origen

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=RV9L7ui9Cn8&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Normalmente o verán non é unha boa época para o cine, a carteleira está chea de cine de calidade mediana, segundas, terceiras ou enésimas continuacións de outras anteriores ou versións en cine de series de hai anos. Xa comentei algunha vez que parece que aos guionistas lles falta algo de imaxinación ou que tantos pasaron á televisión que xa non quedan demasiados bos para o cine. De todos modos de vez en cando temos algo distinto, medianamente orixinal e que pode aportar algunhas cousas ao panorama cinematográfico. Eu penso que a película que vou comentar hoxe entra dentro deste apartado, algo destacable dentro dese panorama veraniego lixeiramente decepcionante. Tamén comento que ao saír do cine tivemos unha pequena discusión familiar, a min gustoume moito, pero ao resto da unidade familiar digamos que a deixou algo máis indiferente e non provocou tanta paixón. Digo isto porque entendo perfectamente a cuestión, non é unha película fácil de entender, sobre todo se a un non lle gusta demasiado a ciencia ficción, porque iso si, ficción é unha das palabras que a pode definir perfectamente e ten que ir un coa mente aberta e preparado para ver algo completamente fóra da realidade, pero en gran medida, iso é o cine, ou non ? A película en cuestión é “Origen”, dirixida por Christopher Nolan e protagonizada por Leonardo Di Caprio.


A ver se son capaz de esbozar nada máis o argumento, porque unha das cousas que ten é que é mellor non contar demasiado e deixar que sexa o espectador o que vaia sacando as súas propias conclusións, xa que iso si, deixa bastantes cousas á interpretación do que a está a ver, cousa que por un lado está ben e por outro non tanto. No fondo non deixa de ser unha cinta de ladróns no sentido máis clásico, unha película de timos e estafas no que un grupo de xente especializada cada un no seu campo monta un equipo para enganar a outras persoas e roubarlles algo, ou deixarlles algo, que tamén é posible. Donald Cobb (interpretado por Leonardo Di Caprio) é un ladrón, o mellor no seu campo, a extracción de valiosos segredos do subconsciente das persoas cando estas están durmidas e a soñar. Introdúcese nos seus soños, momento no que a mente é vulnerable, e manipula esas situacións ata chegar a conseguir aquilo que lle encargan as persoas que o contratan. A súa habilidade fai que sexa contratado por grandes corporacións para o campo da espionaxe industrial, pero iso fai que viva como un fuxitivo, que tivera que abandonar a súa familia e sexa buscado en case todas partes. Agora terá a oportunidade de levar a cabo un traballo que lle permita redimirse e volver a súa casa, un último traballo complicado e perigoso, o máis perigoso de todos os que ten feito e que pode significar o todo ou a nada. Para iso reunirá un novo equipo, no sentido máis clásico dos grupos de ladróns do cine so que adaptado a este novo xiro argumental, xente que é capaz de meterse nos soños da xente para intervir como personaxes neles. Uns deseñan os escenarios do soño, outros (os falsificadores) son capaces de meterse nos soños e facerse pasar por outras persoas, outros controlan e dirixen ese soño para intervir cando sexa necesario. Isto é “Origen” e o mellor é velo para saber por onde irá todo isto, que parece complicado pero non o é tanto. Xa un clásico da nosa literatura dixo aquilo de que “a vida é soño e os soños soños son”.


A historia, aínda que o pareza, non é demasiado complicada de seguir se somos conscientes de que estamos a ver unha historia de ciencia ficción, de soños, de soñadores, de soños dentro de soños e de cousas que se van complicando cada vez máis. Espero que non teñades a mala sorte que tiven eu. Na sala na que a vin o son da banda sonora e os efectos estaba moito máis alta que a dos diálogos, o que facía que en algúns momentos fora complicado seguilos, perdendo máis dunha explicación do que estaba a pasar. Porque nese sentido é imprescindible seguir as conversas entre eles, porque nos van explicar todo o lío do traballo que realizan e as súas condicións. Se a iso sumamos que a dobraxe do personaxe oriental non é (penso eu) nada boa porque por momentos tampouco se lle entendía demasiado, teño que dicir que por moito que me esforcei tiven que substituír algunhas palabras coa miña imaxinación e supor algunhas das cousas.


Christopher Nolan creo que está a converterse nun dos mellores directores para este cine que mistura a acción con algúns elementos intelixentes e novos, sempre con algo distinto que aportar ao xénero, demostrando que se pode facer un cine comercial e, ao mesmo tempo intelixente e innovador en varios aspectos. De entre as súas cintas destacaría “Memento” (moi orixinal) que foi a que lle deu recoñecemento. Logo foi o encargado de tentar revitalizar ao personaxe de Batman, sobre todo coa segunda, “El caballero oscuro”, que está entre as miñas favoritas no xénero. E antes unha cinta de magos, “El truco final”, que tampouco estaba nada mal. O que se pode dicir é que colle xéneros moi tocados e dálles un aire novo e algo distinto, o que non está nada mal. Ademais neste caso tamén é o guionista da historia, así que non se lle pode pedir moito máis.


Do protagonista masculino pouco podo dicir. Xa nun comentario anterior falaba de que era un dos meus actores favoritos, cada personaxe que colle ten credibilidade e sobriedade e penso que vai aprendendo día a día, escollendo os seus papeis e acertando normalmente. Aquí fai perfectamente o personaxes de Donald Cobb, un home con algunha complexidade e algúns aspectos escuros que quedan ben interpretados, bastante sobrio e sen demasiados excesos, creo que está moi ben no papel. O resto dos actores tamén son destacables, aínda que algo menos coñecidos, moitos deles de cara e habituais en moitos papeis secundarios, pero o certo é que o peso da historia recae completamente en Di Caprio, que se non recordo mal sae en case todas as escenas da mesma.


A cinta ten un ritmo trepidante que non cae en ningún momento e atrapa ao espectador nese marasmo de soño e realidade, sen saber moi ben as veces que é o que está a ver en cada momento. O espectáculo tamén e outra constante, as escenas de acción están moi ben filmadas, sen caer en esa moda de rapidez e confusión que aparece nalgunhas películas do xénero, que non sabes moi ben que está a pasar. Sigo pensando que o estilo “Matrix” de filmacións en cámara moi lenta fixo algo de ano ao cine e hai directores que abusan demasiado dun recurso que as veces queda ben pero outras resulta demasiado efectista e repetitivo. Aquí temos algúns momentos que usan ese recurso e algún cansa un pouco, pero pouco, máis que nada porque cando é longo vai alternalo con outros momentos de máis movemento. Además, sen explicar a razón, está xustificado polo argumento. De todos modos hai algunhas escenas que usan este tipo de cámara que resultan máis que bos e fan que un non saiba ben para onde ver, porque a cantidade de cousas que se moven pola pantalla despaciño son inmensas, e algunhas son importantes. Como dixen algo máis arriba pode verse como unha mera cinta de acción moi espectacular, co cal pode gustar ao afeccionado ao xénero, pero se consegue entender a grandes rasgos a historia poderá disfrutar máis da mesma.


Duás horas e media que se ven como un xogo, cheas de detalles que non se deben perder e unha estrutura que parece complicada pero que en realidade non o é tanto. Un puzzle que parece moi complexo e difícil pero que poderá resolverse con algo de atención e imaxinación. As imaxes e as situacións impactan ao espectador as veces como golpes nas súas mentes, inquieta tamén por momentos e algunhas escenas son incomensurables pola espectacularidade. Podo dicir que é desas cintas que a un ou o atrapan ou fan que a rexeite por completo (non tanto, espero), cada un sacará as súas propias conclusións, pero penso que merece a pena que vaiades a vela ao cine (nunca en casa, esta é das que non se poden ver na televisión), seguro que veredes os vosos soños doutra maneira.

jueves, 26 de agosto de 2010

"A estrada", de Cormac McCarthy

aestrada300.jpgcormac.jpgAntes de comezar co comentario de hoxe quero dicir que a novela da que vou falar é de recente publicación en galego pola editorial FaktoríaK de Libros. Quero destacala porque está a publicar varias traducións de outros idiomas ao galego máis que recomendables e interesantes. Podedes consultar o seu catálogo na páxina web www.faktoriakdelibros.com


Hai poucos días que rematei de ler a novela que vou comentar hoxe e penso que era necesario deixar ese tempo para pensar un pouco sobre ela e non facer un comentario nada máis terminala porque penso que podería ser algo triste e tremendista, pasado un tempo prudencial creo que a vexo con algo máis de distancia e matizando algunhas cousas. Teño que dicir, sobre todo, que me gustou moito, atraeume a historia, a forma de contala, as situacións e, entre outras cousas, a linguaxe que usa o autor e a forma de contarnos a historia. Falo de “A estrada”, a última novela de Cormac McCarthy. Hai unha palabra en galego que definiría perfectamente o estado no que deixa ao lector esta novela, “desacougante”, que viría a ser unha mistura entre intranquilidade, malestar, nerviosismo..., todo iso e algunhas cousas máis concentradas nela. É unha novela tremendamente triste, e ao mesmo tempo con unhas situacións nalgúns momentos non vou dicir optimistas, pero si que os protagonistas teñen algunhas alegrías na súa vida que fan que esa sensación desapareza momentaneamente.


Cormac McCarthy é un autor norteamericano, nacido en Providence (Rhode Island) en 1933. algúns críticos falan del como un dos catro mellores novelistas americanos do momento, comparado entre outros con Faulkner, Melville ou Mark Twain. Estudou Humanidades na Universidade de Tennessee, pero non chegou a graduarse. En 1953 ingresou na Forza Aérea dos Estados Unidos, onde estivo catro anos, dous deles destinado a Alaska, onde tiña un programa de radio. En 1957 volveu á Universidade e empezou a publicar algúns relatos na súa revista literaria, gañando premios en 1959 e 1960. En 1961 casa, abandona os estudos e vai vivir a Chicago, onde escribiu a súa primeira novela, “El guardían del vergel”, publicada en 1965, ano no que termina o seu primeiro matrimonio. En 1965, usando os fondos dunha beca embarcou con destino a Irlanda. En 1966 contrae matrimonio de novo con unha cantante inglesa á que coñeceu durante a viaxe. Obtivo unha nova beca, diñeiro que uso para viaxar coa súa muller por Europa. Termina a súa segunda novela durante unha estancia en Ibiza, “La oscuridad exterior”, publicada en 1968. Un ano despois volve a Estados Unidos coa súa muller. Ambas novelas tiveron críticas moi favorables. En 1973 publica “Hijo de Dios”, con críticas xa non tan boas. En 1979, separado de novo, marcha a vivir a El Paso, nese ano publica a súa seguinte novela, “Suttre”, na que traballara de vez en cando durante vinte anos. Manténdose co diñeiro dunha nova beca conclúe a seguinte novela, “Meridiano de sangre”, publicada en 1985. O recoñecemento do público chega coa seguinte novela, “Todos los caballos bellos”, en 1992, co que obtén o National Book Award. Logo publica “En la frontera” e “Ciudades en la llanura”, que xunto coa anterior conforman a denominada “Trilogía de la Frontera”. En 1998 casa de novo. A súa seguinte novela, “No es país para viejos” publícase en 2005. A súa última obra ata o momento é a comentada aquí, “A estrada”, publicada no ano 2006 e coa que gañou o prestixioso Premio Pulitzer. Actualmente reside en Nuevo México coa súa muller e o seu fillo, raramente concede entrevistas e protexe moito a súa intimidade. Varias das súas novelas, sobre todo as últimas, foron levadas ao cine con bastante éxito, incluída esta última, de estrea recente.


“A estrada” transcorre nun mundo destrozado, desfeito e desolado, non sabemos o motivo, pero a terra foi asolada por algo e queda moi pouca xente viva. Cóntanos a viaxe dun pai e dos seu fillo, non sabemos os seus nomes, son o “home” e o “rapaz”, durante uns meses a través dese mundo, sempre seguindo a estrada que dá título á novela. Tampouco sabemos de onde parte a viaxe nin a onde leva en concreto, so que van cara ao sur en busca de algo, de máis xente, dunha certa esperanza que parece lonxana e difícil de encontrar. Inverno, frío, fame, cinzas e desolación son as constantes desa viaxe. Arrastran un carriño da compra no que levan as súas poucas posesións e onde van gardando todo o que atopan durante o camiño. Escondéndose dos poucos superviventes que quedan, moi poucos, sempre asustados, entrando en casas abandonadas, pobos desertos, coches... sempre en busca de algo que lles poida servir para continuar o seu camiño. Escondéndose porque pronto descubriremos que eles son os “bos” como di o rapaz, fronte aos “malos”, que convertéronse en algo lonxano ao ser humano, caníbales, violentos e sen ningún tipo de conciencia. O frío, a fame, a choiva, a enfermidade son as constantes dese máis que complicado e difícil viaxe, lento, cheo de obstáculos e problemas. Unha historia desgarradora, inquietante e demoledora pero con, como dixen algo máis arriba, uns momentos de esperanza, de ledicia dentro dese mundo escuro e triste que fan que mereza moito a pena ler a historia. Como sempre non vou contar máis, unha historia que te atrapa desde o principio, querendo saber máis e máis e esperar a un final que parece que non vai chegar.


A pesar da tristeza patente en toda a narración foi unha novela que me gustou moito. Desde as primeiras páxinas engánchoume a historia desa viaxe, lenta e dolorosa, e eses dous personaxes, cos seus recordos e as súas dificultades para avanzar en busca de algo que nin sequera saben se existe en realidade. Fascinoume a linguaxe empregada e a forma de narrar. Frases curtas, diálogos breves (nos que non temos sequera marcas tipográficas dos mesmos, tanto que as veces en vez de diálogos parecen meras transmisións de pensamento entre dúas persoas tan esgotadas que non poden nin falar) e frases repetitivas e sinxelas que transmiten moitas emocións, tantas que parece increíble. A adxectivación é usada cunha precisión maxistral, algunhas comparacións feren ao lector, transmitindo sempre esa sensación de cansazo, desesperanza; e de repente ábrese unha porta e todo cambia, volvéndose máis luminoso e esperanzado (claro que esa luminosidade é como unha pequena vela que se acende nun soto enorme e escuro) para volver de novo á desolación anterior. A linguaxe usada é tan tétrica e sombría como lírica e poética, unha mistura que en algúns momentos sorprenderá ao lector. Son eses pequenos saltos os que fan que queiras seguir a ler, custábame deixalos nun mal momento e tiña que seguir lendo, o que fixo que se me fixera máis curta do que é. É unha novela conmovedora, tanto pola situación como pola relación entre os dous protagonistas, aferrados con unllas e dentes á vida e á esperanza de atopar algo mellor, emociona de verdade.


Creo que é unha novela máis que recomendable, iso si, para un bo momento, non para cando un ande baixo de humor ou de moral, porque pode afundir un pouco máis a calquera. A pesar diso está dentro das máis recomendables que lin ultimamente. Agora teño a intención de ver a adaptación cinematográfica calquera día destes, así que teño a impresión de que en breve aparecerá tamén polo blog.

lunes, 23 de agosto de 2010

Mis tardes con Margueritte

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=tupzxVT1ItQ&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Xa comentei hai non demasiado tempo que o tema do cine estaba a quedar un pouco escaso frente aos outros, pero imos poñerlle remedio, xa que teño tres películas en carteira que comentarei estes días, máis que nada porque son todas estreas recentes e así, se o comentario vos convence, poderedes ir velas. A primeira é a de hoxe, pero non é a primeira que vin, senón a última, pero vou comentala antes porque foi a que máis me gustou de todas e ademais, non sei noutras cidades, pero na miña está so nunha sala e non dos cines comerciais, senón nun deses pequenos nos que estrean cine “distinto” e non demasiado comercial e que gracias a Deus vai aguantando o tirón das outras multisalas. Xa digo, de entrada, que é a máis recomendable das que irán aparecendo, para min unha desas películas que hai que ver, polos actores, pola historia e porque ten moitas frases e moitos momentos que quedarán na cabeza e que farán pensar ao espectador en algunhas cousas. Falo dunha película titulada en España “Mis tardes con Margueritte”, unha película francesa dirixida por Jean Becker e protagonizada por Gerard Depardieu e Giséle Casadesus.


Está baseada nunha novela dunha autora francesa descoñecida para min, Marie-Sabine Roger, novela que tamén tentarei ler en canto a atope, creo que merecerá a pena. O título orixinal en francés, tanto da novela como da película é “La tête en friche”, que viría a ser algo así como “A cabeza erma (deserta ou despoboada)”, facendo referencia directa ás características do personaxe protagonista.


É a máis recente cinta de Jean Becker, un director bastante coñecido en Francia. Aquí, das súas últimas cintas poderíamos mencionar como a máis coñecida “Conversas co meu xardineiro”. Un director que normalmente céntrase nos sentimentos das persoas, cintas suaves e delicadas cheas de contido pero sen levar as cousas aos extremos en busca das vágoas fáciles e oportunistas, sempre cun certo aire de realidade e credibilidade. Alguén lle deu a novela para ler e recoñece que quedou prendido pola historia. Enseguida pensou en Depardieu para protagonizala, chamouno e mandoulle o libro e aos poucos días o actor xa tiña claro como sería o personaxe e estaba disposto a facela.


A historia é sinxela, unha desas historias moi habituais no cine de un encontro entre dúas persoas completamente distintas que por casualidade toman contacto. Moitas hai deste tipo en todas as cinematografías do mundo, pero a verdade é que esta ten un ton algo disinto, como máis crible ou real, sempre e cando pensemos que estamos no mundo do cine, claro. Eses encontros que cambian as vidas das persoas que os teñen, a un máis que ao outro, pero neste caso os dous serán os beneficiados. Germaine Chazes é un home duns cincuenta anos, case analfabeto e cun corazón de ouro, tanto que as veces a súa bondade pode chegar a metelo en pequenos problemas. Un home que traballa en varias cosas e marcado sobre todo polo desprezo da súa nai, que desde pequeno non o trata demasiado ben, por non dicir que case non o trata. Non é moi intelixente, pero tampouco é tonto, a súa falta de autoestima fomentada pola súa nai e algúns dos seus paisanos ten boa parte da culpa de que sexa como é. Cada día acode a un banco do parque do pobo no que transcorre a historia, un pequeno pobo francés onde todos se coñecen. Alí visita ás súas amigas as pombas, ás que lle pon nome para poder distinguilas e saber se hai algunha nova. Un día coincide cunha encantadora anciá coa que vai charlar. Así vaise establecer unha relación entre eles dous que é o centro da historia. Tras uns días de coñecemento e charlas ela vaille empezar a ler algúns dos libros que ten, e Germaine, que ten unha tremenda imaxinación substitúe a súa pouca capacidade para ler e entender o que le por esa imaxinación que fai que, pechando os ollos, poida ver na súa mente aquilo que Margueritte (con dúas T como ela mesmo di) le en voz alta. O primeiro libro será “A peste”, de Albert Camus, o libro que el empeza a vivir na súa cabeza, e desde ese momento xa non poderá volver atrás, quere seguir escoitando ese e os outros que virán posteriormente. Este é o centro da historia, non vou contar máis, porque é unha pena e, como sempre, o mellor é ir vela e disfrutar do que vai pasando. Certo é que é unha cinta con algúns tópicos, pero tratados dun xeito tan delicado e leve que parecen ata certo punto novos, creo que é o mellor da historia, o xeito de tratar esas cousas que temos visto noutras películas. Hai moitas referencias literarias a obras máis que coñecidas, pero como no caso anterior non son referencias nada pedantes nin esaxeradas, están perfectamente metidas dentro da historia con ese mesmo carácter de suavidade e normalidade que fai que sexa maravillosa. Germaine é un home bo, moito menos tonto que moitos dos que o rodean, que si teñen “mala idea”. Todo o que fai é por amor, un amor que non recibiu de pequeno pero que sabe dar a calquera dos que están ao seu lado, aínda que as veces ese desexo fai que diga ou faga cousas que non son demasiado acertadas.


Depardieu está fenomenal no seu papel, non imos descubrilo agora, e é un dos meus actores favoritos. Creo que borda o papel como noutras ocasións, pero conforma un Germaine completamente crible, nada esaxerado nin en xestos nin en movementos, un personaxe que está cheo de amor, cuns xestos e unhas caras que conmoven ao espectador como nos seus mellores papeis. Despois de facer case de todo e ter unha época de cine moi comercial parece que agora, aínda que segue a traballar moito, aparece máis en pequenas películas no seu país, en cintas máis “pequenas” e con menos repercusión mediática, pero non por iso peores, xa que esta en concreto paréceme estupenda. Un personaxe entrañable, tan grande no seu físico como nos seus sentimentos. E a química que se establece coa outra protagonista tamén é destacable, como se se coñeceran de toda a vida. As escenas entre eles dous destacan entre todas, un tan grande e forte fisicamente como pequena e débil ela, que parece que pode romper en calquera momento. Impresionante Giséle Casadesus, unha actriz moi coñecida en Francia que xa facía cine nos anos 30. Unha muller de máis de 90 anos que conmove so coa súa presencia, a súa mirada, os seus ollos e a súa cara fan que non poidas quitar a mirada dela na pantalla, unha muller tan feble en aparencia como forte na súa mente e nas súas ganas de compartir todo o que ten, que é moito, con Germaine.


E o mellor da película é o ton que ten. Xa dixen ao principio que non resulta nada esaxerada como outras que tratan temas parecidos. É unha cinta suave, leve e, sobre todo, optimista. Non é nada lacrimóxena porque é unha historia agradable tratada buscando máis o sorriso, que non a gargallada, claro, que a lágrima. Unha película sensible, de sentimentos ante todo, de bos sentimentos que fan que un estea no cine sempre cun sorriso na boca, un sorriso de felicidade, de optimismo e de amor á vida, iso é o fundamental. Outro director podería facer que choraramos como magdalenas porque o tema dá para iso, pero non, queda xusto no límite desas vágoas de felicidade, de sentirse tan ben como os que protagonizan unha historia preciosa. E por riba de todo a idea de que nunca é demasiado tarde para aprender, e non so as letras, senón moitas outras cousas importantes da vida, porque do protagonista tamén teremos moito que aprender e reflexionar. Se dixera máis estaría contando demasiado, porque sigo pensando que o mellor é ver o que pasa e como van pasando as cousas nas vidas dos dous protagonistas e os que os rodean.


Está chea de diálogos e frases que quedarán na cabeza do espectador cando saia do cine, frases que tampouco quero poñer aquí para que vos mesmos as escoitedes, pero non me resisto a poñer unha so como exemplo: “O que non recibe amor na súa infancia ten aínda moito por descubrir despois”, e iso é o que lle pasa a Germaine, que ten amor para recibir e dar a toneladas, e ese é un dos motivos centrais da súa vida. Eu diría que non a deixarades pasar entre a cantidade de estreas de cine comercial que inundan as nosas pantallas, estou seguro de que vos gustará e vos dirá moitas cousas.

viernes, 20 de agosto de 2010

Fray Cadfael, el monje detective, novelas de Ellis Peters

cadfael.jpgellispeters.jpgXa estamos de novo por aquí tras unha temporada de descanso, que non é que no quixera escribir nada, pero andaba de vacacións e non era cousa de poñerse cos textos do blog, de vez en cando hai que descansar. E para a volta vou escribir algo sobre vinte novelas, unha serie completa de lecturas ideais para as vacacións e para momentos nos que un non quere romperse moito a cabeza. Todas teñen o mesmo protagonista, un monxe, e non un monxe calquera, non, senón que é un que se dedica a investigar asasinatos. Non teño lidas todas, claro, pero son lecturas que fago entre outras máis longas ou para descansar un pouco e estes días que estiven de vacacións levei un par delas comigo. Das vinte levo as seis primeiras, pero non me cansan nada, son moi entretidas e están moi ben. Falo das novelas de Fray Cadfael, vinte historias escritas por Ellis Peters, reeditadas recentemente por Ediciones Pámies.


Ellis Peters é un seudónimo da autora inglesa Edith Mary Pargeter, un dos varios nomes que usou para escribir unha extensa produción literaria que comprende varios xéneros. Naceu en Horsehay (Inglaterra) en 1913. Tiña ascendencia galesa, polo que moitas das súas historias transcorren nesa zona do país. Durante a Segunda Guerra Mundial traballou na Armada Real en funcións administrativas e recibiu a Medalla do Imperio Británico. En 1947 viaxou á República Checa e quedou fascinada por esta cultura, aprendeu o idioma e traduciu varias obras de prosa e poesía checa ao inglés. Dedicou case toda a súa vida á escritura, tanto de non ficción como de ficción, sempre ben documentada. Non foi á universidade, pero foi unha estudosa autodidacta en todas as áreas que lle interesaban e foi nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade de Birmingham. Un dos seudónimos (dos catro que usou) que máis fama lle deron foi o de Ellis Peters, co que escribiu a famosa serie de novelas de Fray Cadfael, moitas delas levadas ao cine e a televisión. Morreu en 1995 na súa cidade natal. A súa obra pertence a varias categorías, pero sobre todo ensaios e ficción histórica. De todos modos, a que máis fama lle deu é a serie de intriga medieval comentada aquí. A primeira delas é “Un dulce sabor a muerte”, publicada orixinalmente en 1977, e a última é do ano 1994, “La penitencia de fray Cadfael”, no medio outras dezaoito historias sempre co mesmo estilo e intriga. A acción orixinal das mesmas vai entre 1137 e 1145, en plena Idade Media, nun mosteiro inglés preto do País de Gales, na que transcorren algunhas delas, sobre todo pola orixe galesa do protagonista.


O protagonista de todas elas é Fray Cadfael, un personaxe curioso, cheo de misterios sobre a súa vida que iremos coñecendo pouco a pouco e que, coas súas capacidades deductivas vai resolver os asasinatos que se producen en cada unha das novelas. Vive na abadía de Shrewsbury, en Inglaterra. É un monxe algo distinto. Ingresa no mosteiro xa cunha idade avanzada tras unha vida chea de aventuras de todo tipo. Participou nas Cruzadas o que lle da unha grande cantidade de talentos e habilidades moi útiles para a súa vida relixiosa. É como se, tras vivir completamente todo o que pode vivir un home da súa época, decidira retirarse á tranquilidade da vida monástica para pasar a última parte da súa vida. Nel é o encargado do herbolario, habilidade que aprendeu en Terra Santa (onde incluso estivo preso en mans dos musulmáns), xunto con dous axudantes. Pero ademais é un gran observador da natureza humana, ten unha tremenda curiosidade por todo, un home enérxico, cun gran sentido da xustiza e a limpeza e a transparencia na vida dos homes, que non soporta o engano, as mentiras e a falsidade, é un home transparente e claro e quere que todos sexan como el. Varios abades pasarán pola súa vida monástica e todos acudirán a el para que actúe como médico forense, detective, médico dos vivos, conselleiro, diplomático..., case imprescindible e home para todo. A verdade é que é un dos mellores personaxes literarios que teño visto, non so como detective, senón como persoa, xa que as novelas non se centran so nos casos detectivescos, senón que o desenvolvemento dos personaxes e as súas características tamén son importantes.


Os elementos históricos tamén son importantes e están ben documentados, o que lle da máis realismo e credibilidade ás historia, que por certo é unha das cousas que máis destacan de todas as novelas, que son cribles, sen elementos fantásticos e todas transcorren cun aire de realidade máis que destacable. Ademais algúns dos personaxes que aparecen, sobre todo con mencións ou de forma indirecta, son históricos. A vida do protagonista é moi interesante, chea de aventuras e, como dixen, pouco a pouco iremos coñecendo detalles da mesma, sobre todo da que pasou antes de ingresar no mosteiro e que é a razón de todos os seus coñecementos e capacidades. Non vou desvelala aquí, porque o mellor e ler as novelas e ir facéndose unha idea máis completa de todo o que pasou, xa que en cada unha avanza cousas. Faise monxe cunha idade madura, o que lle dá un coñecemento da vida moi superior ao resto dos seus irmáns, máis familiarizado coa vida de fóra que eles. Ademais tamén lle dá unha visión da vida máis moderna, ampla e progresista, o que fará que máis dunha vez teña conflitos e problemas co resto dos irmáns e cos distintos abades que van pasando pola súa vida. Hai algúns personaxes que van aparecendo en máis dunha novela, o que lle dá máis homoxeneidade ás historias, tanto monxes como xente de fóra que viron influídas as súas vidas pola intervención de fray Cadfael e que van aparecendo de vez en cando. Destaca por exemplo Hugo Berengario, o axudante do sherif do condado co que terá que traballar máis dunha vez e ao que lle une unha boa amistade. Tamén son importantes as mulleres, ás que coñece ben porque na súa vida anterior tivo contacto con varias, algunhas van aparecer de novo na súa vida xa como monxe. Saberemos que mantivo relacións con varias, pero destacan tres por encima de todas que foron moi importantes na súa vida. Así tamén en case todas as novelas teremos algunha historia de amor entre personaxes directamente vinculados aos asasinatos que temos en todas, historias que sempre serán animadas e levadas a bo termo coa intervención do protagonista que sempre sentirá simpatía polos sentimentos reais e sinceros.


Varias delas foron levadas á televisión nos anos 90 en coidadas adaptacións que non tiven, de momento, a oportunidade de ver, pero digo o de coidadas primeiro porque son series inglesas daquelas da BBC que sempre tiñan bastante calidade e segundo porque o protagonista das mesmas é un dos grandes actores da televisión e do cine ingleses, Derek Jacobi (ao que coñecín hai moitos anos na espléndida serie “Yo, Claudio”).


Cada novela é unha historia independente e non é necesario seguir a orde de publicación, pero si recomendable, máis que nada polo que dixen algo máis arriba, porque en cada unha temos datos novos sobre o personaxe que axudan moito a facerse unha idea completa do mesmo. Por outro lado tamén hai unha serie de personaxes que van aparecendo en algunhas e sempre é mellor saber primeiro como se coñeceron e que foi o que levou á relación que teñen co protagonista. Así que aínda que non imprescindible eu recomendaría, pouco a pouco, seguir a orde na que se publicaron orixinalmente. Ademais en conxunto veremos a evolución vital dos personaxes, meténdonos na vida da Idade Media nun pequeno pobo e a abadía que o preside, unha época ben documentada pola autora.


O monxe detective é un personaxe xenial e as lecturas fanse cun gran agrado e son moi entretidas. Moi apropiadas para calquera idade, tanto que estou pensando en probar este curso que ven con algunha e os meus alumnos a ver que lles parece, aínda que penso que terán que gustarlles. Non son nada complicadas, pero iso non quere dicir que sexan simples. Sempre hai unha certa intriga para descubrir ao asasino e os seus motivos, en algunhas este vai ser algo máis evidente que en outras, pero aínda así sempre hai dúbidas e o lector tentará resolver o misterio antes que o protagonista. O estilo e sinxelo e fluído, cun certo aire medieval na linguaxe que fai que sexa moi imaxinativo para o lector. É fácil pechar os ollos e imaxinar a abadía, os salóns, os hortos, os pobos e todos os variados escenarios nas que se van a desenvolver. Penso que son unhas lecturas ideais para o verán, para desconectar un pouco e trasladarse á Idade Media de paso que tentamos resolver un, ou máis, asasinatos xunto co gran poder de observación e reflexión de fray Cadfael. Non faltan tampouco algúns momentos de acción con loitas, persecucións e momentos de tensión, así que teñen de todo. Ademais son case como aperitivos, non teñen máis de duascentas páxinas que se len con gran agrado, atención e disfrute, polo menos para min. Xa digo, estes días lin dúas e as demais estarán entre as lecturas para facer entre cousas máis longas ou complicadas, xeniais para entreterse sen moitas máis pretensións, pero tendo en conta que tamén son novelas históricas ben documentadas.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=aTDXiZ534-Y&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

viernes, 13 de agosto de 2010

"El médico", Noah Gordon

gordon.jpgmedico.jpg
Hai autores e novelas polas que non pasa o tempo e que debería de ser de lectura máis que recomendada para todos os afeccionados á lectura. Hoxe saen ao mercado un montón de novelas de xénero histórico, moitas boas, outras decentes e outras mellor non perder o tempo, pero este xénero existe desde hai moito tempo, e hai novelas que as novas xeracións deberían de coñecer. Tamén aqueles que no seu momento non fixeron algunhas desas lecturas deberían de poñelas na súa lista, porque estou seguro de que non van perder o tempo. A novela e o autor do que vou comentar algo hoxe está dentro desta categoría, polo menos para min, aquela das lecturas que un debería de facer, e non so da novela de hoxe, senón dalgunha das outras que ten, xa que en xeral todas merecen a pena. O autor é Noah Gordon e a novela que comento é “El médico”. É unha desas novelas que deixan un bo gusto cando un remata e que queda entre as que penso que merece a pena reler nalgún momento, penso que gustará tanto ou máis que a primeira vez, e moitos dos autores posteriores a el creo que teñen moito que agradecerlle.


Noah Gordon é un novelista nacido en Worcester (Massachusetts) en 1926. Estudiou na Universidade de Boston, licenciándose en Periodismo e Letras. En 1951 casou e empezou a colaborar en varias publicacións do seu país. Tamén traballou no campo do periodismo científico. Antes disto ingresou no exército durante a Segunda Guerra Mundial, traballando en servizos administrativos en San Francisco. Tamén empezou a carreira de medicina, que era o que os seus pais querían que fixera e os temas médicos inspiraron grande parte da súa novelística. A comezos dos anos 50 empezou a traballar como editor en Nueva York e tamén en varias publicacións. A principios dos 60 estableceuse na súa cidade natal traballando como reporteiro para un dos periódicos locais. A súa primeira novela é “El rabino” (1965). Outras das súas obras son “El comité de la muerte” (1969) e “El diamante de Jerusalén” (1979). A novela que lle deu éxito internacional, publicada en 1986 é a que comento hoxe, “El médico”, con dúas continuacións posteriores, “Chamán” (1992) e “La doctora Cole” (1996). O conxunto das tres constitúe case unha historia da medicina desde a Idade Media ata a actualidade a través dos integrantes dunha mesma familia. As tres foron auténticos éxitos de ventas. Hai tamén un proxecto de levar a primeira delas ao cine, pero de momento parece un proxecto algo parado. Nos Estados Unidos non está considerado so un autor de best-sellers, senón que aparece como un dos mellores escritores contemporáneos, galardoado pola Sociedade de Historiadores Americanos co prestixioso premio James Fenimore Cooper, ademais doutros premios internacionais en España, Italia ou Alemaña. No ano 2000 publica “El último judío”, no 2002 un libro para nenos titulado “Sam y otros cuentos de animales” e no 2007 apareceu a súa última novela, “La bodega”, curiosamente ambas transcorren en España, país do que se considera namorado e que visitou en varias ocasións. Nunhas declaración recentes di que probablemente non publique nada máis, xa que pensa que é maior e non quere empezar nada que non poida rematar, dado que as súas novelas normalmente teñen unha certa extensión, pero nunca se sabe, porque ao mesmo tempo di que escribe todos os días, así que esperemos que aínda apareza algunha máis.


“El médico” é a primeira novela dunha especie de triloxía na que case fai unha historia da medicina, teño que dicir que aínda que as outras dúas non están nada mal esta é a que máis me gustou con algo de diferencia. Vainos contar a vida de Rob J. Cole, un rapaz nacido en Londres, fillo dunha familia de carpinteiros. Aos nove anos quedará orfo e terá que facerse cargo dos seus catro irmáns, tentando atoparlles novos fogares, xa que el non pode con todo. Estamos no ano 1020, principios da Idade Media, a época favorita para as novelas históricas. A súa nai morreu a consecuencia dun parto, pero Rob ten un “don” que vai percibir en varias ocasións, como por exemplo cando colle a man da súa nai no momento da morte, este don será o que marcará a súa vida. Antes de ser vendido como escravo será acollido por Henry Croft, coñecido co alcume do Barbeiro. Este home recorre Inglaterra facendo un pequeno espectáculo e traballando ademais como cirurxián, dentista, barbeiro e algunhas cousas máis, ademais de vender a “Panacea Universal”, un medicamento que teoricamente cura calquera enfermidade. Empezará como axudante e aprendiz, fará xogos malabares, debuxar caricaturas, contar historias e calquera cousa que provoque a atención do público. O Barbeiro morre dun ataque ao corazón tras varios anos de traballo e Rob herda o carro e o instrumental. A súa ilusión desde hai tempo é curar á xente, pero sabe que cos coñecementos que adquiriu neses anos non lle chega, quere ser un médico de verdade e para iso ten que estudar, cousa que non é fácil nesa época. Coñece entón a un médico xudeu que lle conta que hai escolas de medicina en Córdoba, Toledo e Persia, onde os médicos aprenden dos árabes. Atopase con dous problemas, un é que están moi lonxe, o outro que non aceptan a cristiáns nesas escolas. Decidido a non deixarse vencer polas adversidades farase pasar por un xudeu, converténdose en Jesse Ben Benjamín. Empezará unha viaxe desde Londres a Constantinopla de diversas maneiras e con moitas aventuras que hai que ler, porque ademais son do mellor da novela. O resto é mellor lelo, porque merece moito a pena.


É unha novela longa, como case todas as do xénero, pero que se le cunha rapidez asombrosa. O personaxe central é estupendo, con todos os cambios que van aparecendo na súa vida e todos os problemas que vai atopando. Os procesos de aprendizaxe que terá, non so no campo da medicina, son moi bos e están perfectamente trenzados para conformar unha historia xenial de superación, dor, sufrimento, penas e alegrías e moitas aventuras. Un personaxe moi intenso pero que en ningún momento aparece como algo irreal ou esaxerado, senón todo o contrario, parece moi real. Non faltará, claro está, algunha historia de amor e sobre todo un sentido da amistade que está por riba de case todas as cousas. Tamén é central todo o proceso no que pretende localizar e recuperar aos seus irmáns, a única familia que lle queda e que é moi importante para el. Esta é outras desas novelas que estou a comentar ultimamente que penso que son de lectura imprescindible para todos os afeccionados ao xénero e que marcaron unha liña a seguir para todos os autores deste tipo de xéneros que apareceron despois e seguen a aparecer, porque penso que é un dos xéneros dos que máis novelas se están a publicar nos últimos anos. Conseguide lela, non vos vai decepcionar en absoluto.


Esta excepcional novela lévanos desde a Inglaterra do século XI ata o esplendor de Persia e a idade dourada das civilizacións árabe e xudía, tras os pasos épicos e aventureiros de Rob Cole, un home que quere vencer á enfermidade e á morte, aliviar a dor dos demais e aprender os segredos da medicina. Unha viaxe polo tempo e o espazo, unha experiencia única a través dun relato imprescindible.

jueves, 5 de agosto de 2010

"Yo mato", Giorgio Faletti

yomato.jpgfaletti.jpgOutro dos xéneros aos que son bastante afeccionado é a novela negra, de intriga, de investigación e asasinatos. Hai montóns de novelas deste xénero, algunhas grandes clásicos e outras que non resisten unha mínima análise, a verdade. Certo é tamén que non é fácil escribir unha novela deste xénero cunha certa orixinalidade, porque poderíamos dicir que está case todo escrito, pero as veces aparecen autores que lle dan un aire novo, uns personaxes algo distintos e, sobre todo, unhas situacións ou un desenvolvemento da historia que fan que mereza a pena a lectura. A novela que vou comentar hoxe estaría, para min, dentro deste grupo das que merecen a pena por varios aspectos. O autor é un italiano, chamado Giorgio Faletti e a novela que vou comentar é a primeira que publicou, “Yo mato”.


Giorgio Faletti naceu en Asti, unha cidade do Piamonte no noroeste de Italia, en 1950. É licenciado en Dereito e empezou profesionalmente no mundo da publicidade, pero pronto sentiu atracción polo mundo do espectáculo, actuando como cómico no cabaret do Derby, un local de culto en Milán. Posteriormente traballou en televisión nun programa dirixido por Rafaella Carrá na RAI, en 1982. En 1985 formará parte do elenco do programa cómico “Drive In”, onde creou o personaxe de Vito Catozzo, que chegou a ser todo un fenómeno social en Italia. Fixo tamén incursións no mundo da música como compositor, letrista e cantante. Obtivo o segundo premio e o premio da crítica do Festival de San Remo en 1994. Tamén compuxo cancións para outros coñecidos artistas italianos. No ano 2005 conduciu o programa “Nati a Milano” (“Nacido en Milán”) na RAI. Tamén é autor de varias pezas teatrais cómicas que tiveron bastante éxito. No ano 2002 escribe o seu primeiro libro. Curiosamente, vendo a súa traxectoria, non ten nada que ver co que fixera antes, nada cómico nin musical, todo o contrario, senón que é unha novela de misterio bastante dura e violenta. O título desta primeira historia é “Yo mato”, publicada en España no ano 2005. O seu debut no xénero foi un auténtico éxito editorial non so en Italia, senón tamén en outros países, como España ou Estados Unidos (onde se falou de facer unha versión cinematográfica que non sei se segue a ser un proxecto en marcha ou está parado). No ano 2004 publicou unha nova novela do mesmo xénero (que comentarei noutro momento) titulada “El tercer lado de los ojos” e no 2006 a terceira, “Fuera de un evidente destino”. Ten dúas novelas máis despois destas, a última de momento titulada “Io sono Dio” (“Yo soy Dios”) que supoño que en breve estarán publicadas por aquí, as anteriores tiveron bastante éxito e merecen a pena. Todas elas están editadas en castelán por Grijalbo e DeBolsillo.


Jean-Loup Verdier é o presentador dun programa de moita audiencia da radio de Montecarlo, un día recibe durante a emisión a chamada dun descoñecido que di que so coñece unha maneira de aguantar a mediocridade da xente, saír á rúa e matar. Ao principio todos creen que é unha broma, pero ao pouco tempo aparecen as primeiras mortes. A parella formada por o campión de Fórmula 1 Jochen Welder e a xogadora de xadrez Arijane Parker aparecen asasinados coas cabezas desolladas e unhas letras escritas con sangue no chan: “Eu mato...”. Desde ese momento ninguén dubida de que a ameaza é algo real, ningunha broma, real e brutal. O encargado da investigación será o xefe da policía de Montecarlo, o inspector Hulot, perdido nunha situación na que non hai motivos, pegadas nin pistas, sen poder saber quen vai ser a próxima vítima, sen saber que razóns levan ao asasino a arrincarlles a cara, nada de nada. Para iso vai pedir a colaboración de Frank Ottobre, un axente especial do FBI retirado, un home atormentado polo suicidio da súa esposa, razón pola cal se retirou e que pasa os días en Montecarlo cheo de remordementos. Aínda así é unha lenda no seu traballo, pero ao principio a pesar de todas as súplicas, non quere axudar na investigación. Ao mesmo tempo o pai de Arijane, a primeira vítima, un xeral do exército norteamericano, está disposto a investigar pola súa conta para cazar ao asasino. Deste xeito os tres tentarán atrapalo, aínda que vai seguir actuando, impasible e sen remorsos, enchendo a cidade de terror e horror.


Evidentemente non vou dicir que sexa nada orixinal no seu plantexamento, máis do mesmo, poderíamos dicir, pero ten unha serie de elementos que fan que sexa algo distinto e que mereza a pena. Por un lado temos aos personaxes, aos que o autor dá moita atención, non son meros elementos dentro da historia. Os tres principais están perfectamente desenvolvidos, son moi distintos e cada un ten as súas razóns para actuar como actúan. Pero non so eles, as vítimas e os secundarios tamén son moi importantes e todos aportan algo á historia. Todos os asasinados teñen algún elemento importante e a forma de actuar do asasino vai cambiando, non usa sempre os mesmos métodos, o que desconcerta á policía e lle dá un elemento máis de interese para o lector. É máis, o autor consegue que nalgunhas ocasión o lector se vexa afectado polos mesmos, dada a forma na que presenta a eses personaxes. Destacan por ser persoas reais, ou todo o reais que poden ser dentro dunha novela, que teñen problemas e cometen equivocacións, dubidan, e esas dúbidas desencadean traxedias. Os asasinatos son bastante crueis e brutais, e así aparecen na novela, certos momentos son verdadeiramente desagradables, pero contribúen perfectamente a dar esa idea de sen sentido que ten o asasino, que parece que actúa de forma aleatoria. Digo isto porque algúns momentos son bastante fortes, máis que noutras historias do xénero, e poden sorprender e facer que o lector sinta arrepíos ante eles. A maior parte dos personaxes secundarios son estupendos, e moitos deles serán fundamentais para resolver a trama, case todos teñen unha serie de peculiaridades que os fan máis que interesantes para o lector. Tamén destaca pola situación da historia no Principado de Mónaco, que se converte nun personaxe máis, as súas rúas, as terrazas, bares, edificios e tamén, de paso, aparece unha certa crítica no sentido de ser un paraíso fiscal e o lugar no que van refuxiarse moita xente de diñeiro.


O dito, unha boa historia que terá ao lector en tensión durante moito tempo, intrigado e atento, que se le con facilidade e interese, cun estilo directo e sen “cortarse un pelo” en moitos momentos, cuns protagonistas moi interesantes e algo distintos á norma do xénero, dos que coñeceremos partes da súa vida que lle dan máis interese e cercanía á historia, unha historia que estou seguro de que vos vai atrapar do mesmo xeito que atrapa a todos os que participan nela, interesante e recomendable. Espero que vos guste.