jueves, 26 de abril de 2012

"El lector de cadáveres", Antonio Garrido




Buscando algún libro para regalar neste pasado Nadal atopeime co que vou comentar hoxe. Non coñecía ao autor, pero o título e a portada chamáronme a atención e animeime a botarlle unha ollada. Lido o resumo da contraportada o meu interese creceu, tiña boa pinta, unha boa historia e ao final foi o regalo para un dos meus cuñados. A verdade é que non sei se a ten lido xa ou non, pero se o fixo espero que lle gustara tanto como a min. Pareceume unha boa historia, unha lectura interesante e moi amena, ademais de aportar unha boa cantidade de datos ben metidos dentro do argumento. O autor é Antonio Garrido e a novela “El lector de cadáveres”.

Antonio Garrido naceu en Linares (Xaén) en 1963. As súas lecturas de xuventude foron os grandes clásicos de todos os tempos: Walter Scott, Stevenson, Dumas, Salgari ou Jack London. As súas primeiras intencións eran dedicarse á escritura e a novela, pero en certo momento decidiuse por estudar Enxeñería. Posteriormente dedicouse á docencia e publicou varios traballos de carácter técnico. Este rumbo cambiou no ano 2001, cando durante unha viaxe por Alemaña unha historiadora faloulle dun manuscrito esquecido que acabou dando lugar a súa primeira novela, “La escriba”, publicada en 2008. Esta novela tivo un gran éxito, traducida a trece idiomas e gañadora de varios premios internacionais. É unha novela que podemos incluír dentro do xénero de suspense histórico e aventuras, que parece ser o mundo no se que vai mover o autor. En 2007 empezou a traballar na súa segunda novela, esta que comento hoxe, seguindo esa mesma liña. Actualmente compaxina o seu traballo como escritor co de profesor na Universidade Politécnica de Valencia e na Universidade Cardenal Herrera da mesma cidade, ademais de participar en conferencias, ponencias ou talleres de novela histórica. “El lector de cadáveres” chegou ás librerías a finais do ano 2011.

Como dixen ao principio cando collín a novela e lin o resumo da historia chamoume a atención, pero o primeiro foi ler as liñas iniciais, falando de que nos ía contar un relato sobre o primeiro xuíz forense da historia. Quizais o traballo de forense hai uns anos non era tan coñecido como agora, hoxe, creo que gracias á televisión, temos unha idea de como traballan; ben, máis ou menos, que xa sabemos que nas series sempre esaxeran as cousas un pouco. Claro que coa cantidade de CSI, de investigadores e series policiacas e de novelas con este tipo de personaxes todos temos unha certa idea de que fan. Así que iso de ler “o primeiro forense” fixo que un certo interese aparecera por ler esa novela que parecía ter máis de histórica que outra cousa e ademais dun autor descoñecido para min. Xa digo que é máis que unha novela histórica, con máis elementos e moi variada, con outras vías de interese que lle dan unha certa orixinalidade.

Imos coñecer a vida de Ci Sóng, un personaxe histórico que tamén chegou a coñecemento de Garrido tamén por casualidade. Podedes ler a historia competa no epílogo final. O autor foi invitado a un congreso de ciencia forense no cal unha das ponencias falaba deste personaxe que atraeu poderosamente a Garrido. Descubriu que tiña unha gran cantidade de libros sobre formas de morrer, marcas deixadas nos cadáveres e unha boa cantidade de información sobre investigación forense. Consultou gran parte deste material, así como sobre a época na que viviu, formas de vida, organización social e todo o que puidera ser interesante para o desenvolvemento da súa historia. O traballo de recollida e revisión de información ten pinta de ter sido inxente e laborioso, pero creo que o seu reflexo na novela é realmente bo. A cantidade de información que o lector vai recibir sobre a época e todo o que a rodea, así como sobre a investigación forense nese momento é moita e toda ela bastante interesante, polo menos para min, e ben introducida dentro do desenvolvemento do argumento, sen resultar excesivamente pesada nin prolixa. Isto xa é un punto ao seu favor. Iso si, matizar que o protagonista é un personaxe histórico, que case todo o que se conta sobre a vida na China da época tamén, pero non a propia historia de Ci Sóng, unha historia que o autor novela partindo de todos eses datos e á que engade unha serie de elementos creados por el. Isto non lle resta nin un ápice de interese, escapando da crónica histórica para darnos un relato ameno, interesante e cunha boa dose de intriga.

Estamos en China no século XIII. Ci Sóng provén dunha familia humilde, vive no campo pero ao seu pai ofrécenlle unha praza de funcionario na cidade e vai con el, mentres o seu irmán queda a cargo das terras da familia. Pero por cuestións que descoñecemos vese obrigado a volver ao pobo, algo que non lle gusta. Ci é unha persoa ambiciosa que non quere vivir de cultivar arroz, na súa etapa na cidade empezou a estudar e acompañar a un xuíz e forense, traballo para o que demostra ter grandes calidades. A súa gran ilusión e empeño é retomar os seus estudos e converterse nun dos xuíces e investigadores da corte do emperador, e non deixará que nada impida esa meta. Vive amargado no pobo, maltratado polo seu irmán, traballando no campo de sol a sol e con poucas metas no horizonte. Ao principio da historia descobre un cadáver no campo de arroz no que traballa e iso fai que as cousas cambien un pouco. Por razóns que teredes que ler vese obrigado a escapar do pobo coa súa irmá enferma (chamada Terceira, unha rapaza débil pero á que se sente moi unido). A súa idea é volver á cidade, retomar os seus estudos na prestixiosa Academia Ming e cumprir os seus soños. Claro que todo isto non será fácil, vai atoparse cunha grande cantidade de problemas, de impedimentos, de situacións que tentará superar so gracias á súa ansia de ser ese “gran lector de cadáveres” que proclama o título.

Como dixen Ci Sóng existiu e viviu na mesma época na que transcorre a historia. A súa vida evidentemente non foi como se nos conta na mesma, o autor engade ademais ao personaxe algúns elementos para darlle algo máis de interese ou dramatismo ou para poder desenvolver dunha forma máis sinxela a idea que ten na cabeza. Como exemplo xa ao principio da historia descubrimos que Ci padece analxesia conxénita, unha rara enfermidade que fai que non poida sentir dor en absoluto, algo que será unha avantaxe nalgúns momentos e non tanto noutros, pero que é importante para o argumento. Tamén a maior parte dos personaxes parten da historia real do momento, mentres que outros foron creados polo novelista para completar esa historia que se ía formando na súa imaxinación.

A novela empeza coa aparencia de estar dentro do xénero histórico, pero vainos ofrecer moito máis, pouco a pouco vaise convertendo nunha historia de aventuras ao máis puro estilo clásico (ese que Garrido coñece moi ben polas súas lecturas de xuventude) e de repente pasa a meterse de cheo tamén no xénero da novela negra, unha historia de suspense. Esta mistura non resulta para nada estraña e está moi ben levada. A conxunción de datos históricos coas aventuras e desventuras do protagonista de repente únese a unha serie de asasinatos estraños e brutais. Sóng verase obrigado a participar na investigación dos mesmos descubrindo as cousas case ao mesmo tempo que o lector. A historia está contada en primeira persoa, así que protagonista e lector case son cómplices no longo camiño que levará á resolución destes asasinatos aparentemente incomprensibles. Suspense histórico e aventuras, unha mistura que neste caso resulta bastante ben. Neste sentido destacaría dúas cousas, a amenidade e o interese polos datos históricos, referidos non so á ciencia forense, senón tamén ás formas de vida da sociedade chinesa do século XIII. Tras moitas novelas históricas sobre a Idade Media europea non está para nada mal cambiar un pouco o marco e ler sobre épocas e lugares algo máis lonxanos e quizais descoñecidos para a maior parte dos lectores. Por iso mesmo recomendo que visitedes o blog do autor sobre a novela, onde poderedes atopar moitos máis datos interesantes sobre a mesma: www.ellectordecadaveres.es

Gustoume moito o libro e atrapoume desde o principio. A pesar diso algunhas cousas non me convenceron completamente. Entre elas a grande cantidade de desgracias e problemas polos que ten que pasar o protagonista, quizais case quedando no límite do esaxerado nalgúns momentos, algo que incluso pode chegar a saturar un pouco ao lector. A pesar diso o interese non decrecía demasiado por eses outros aspectos que comentei referidos ao mundo oriental que aportan esa nota adicional. Os demais personaxes son todos eles interesantes e fundamentais na trama, iso si, non hai ningún prescindible ou que estea de máis e todos eles aportan algo á historia. Non falo deles porque entón tería a tentación de contar cousas de máis pero quedo co adiviño, o profesor Ming e co personaxe feminino máis importante da historia. A parte histórica resultoume máis que interesante (ampliando os coñecementos que adquirín con outra novela ambientada no mesmo sitio e que comentei ao principio deste blog, “Ginko, a primeira doutora”) e intégrase perfectamente con esa historia de asasinatos que terá ao lector pendente de descubrir ao culpable.

Unha novela recomendable, garante un bo rato de entretemento para calquera lector, cun tema orixinal, unha boa e interesante recreación histórica e un personaxe que me encantou coñecer. Agora queda na lista de pendentes a primeira obra do mesmo autor, xa vos direi que me pareceu.





jueves, 19 de abril de 2012

"The Big Bang Theory"


A maior parte dos vídeos desta serie aparecen desactivados para insertalos, so atopei estes tres.



Hai uns anos, cando había moitas menos canles de televisión, era fácil estar ao tanto das series que emitían. Agora é algo case imposible, moitas máis canles e moitísimas máis series que aparecen case cada semana, series novas, temporadas dalgunhas anteriores..., unha cantidade inxente que é imposible de controlar a non ser que un teña todo o día para pasar diante do televisor. No meu caso isto non é posible, nin me gustaría, claro, con un ou dous capítulos por noite imos tirando, algúns de estrea e outros gravados, que hai moitas máis cousas que facer, evidentemente. A serie de hoxe non é nova, todo o contrario, a súa primeira temporada é do ano 2007 e neste momento a canle TNT está a emitir a súa quinta temporada. Algúns dos meus irmáns cansaron de recomendarme que a vira hai tempo, pero a verdade é que nunca lle prestei demasiada atención. Raro, porque é unha comedia pura e normalmente gústanme este tipo de series, pero entre unhas cousas e outras nunca me puxera con ela. Desde hai unhas semanas a isto das nove menos cuarto deume por ver algún capítulo e teño que dicir que me ten enganchado completamente e pásoo realmente ben véndoa. Falo de “The Big Bang Theory”

É desas que duran vinte minutos e nun completo ton de comedia, e desde o meu punto de vista realmente boa, divertida e cun aire bastante orixinal en moitos sentidos. Pode tomar elementos de moitas outras, pero o resultado é algo novidoso, sobre todo no sentido de por onde busca moitos dos momentos de humor. Nalgúns cerca da típica comedia de adolescentes americanos, pero ao mesmo tempo completamente lonxe deste tipo de humor para darlle un aire distinto. Isto vén dado por como son os protagonistas, pola ambientación e a gran cantidade de detalles que a reforzan, polas cousas que din e sobre todo por como as din e polas distintas situacións que se producen en cada episodio. Iso si, é desas que antes de decidir se un vai seguila ou non ten que ver cinco ou seis capítulos, ten que ver como son os personaxes e as súas características, que son a base dos argumentos e a gracia dos mesmos. Se un ve un capítulo solto pode quedar un pouco sorprendido e incluso atónito, estrañado, pero se a seguimos descubriremos uns personaxes marabillosos dentro dun mundo simpático, moi preto a ao mesmo tempo lonxe da nosa realidade cotiá.

A serie céntrase en cinco personaxes, catro homes e unha muller. Eles son auténticos xenios nos seus campos, todos eles relacionados coa ciencia e todos con algunhas características comúns. Calquera deles respondería perfectamente ao estereotipo completamente esaxerado do friki por excelencia. Todos teñen un coeficiente intelectual moi por riba da media, e incluso entre eles hai diferencias e iso lévalles a ter máis dun problema dentro da sociedade que ou non comprenden ou que nos os comprende a eles. Por causas do destino chegan a ser amigos, o que vai sacalos da súa vida individual e separada que quizais levaran ata ese momento pola súa intelixencia, vivindo case como inadaptados sociais. Os catro son moi novos e traballan na Universidade Cal Tech de Pasadena, realizando investigacións de moi diversos tipos, cada un no seu campo. Sheldon Cooper é o centro do grupo e para min o protagonista, o que máis destaca neste cuarteto. Aos once anos xa estaba na Universidade, dúas licenciaturas e un doutorado, un auténtico xenio centrado na física teórica, algo que el considera superior a calquera cousa, o máis importante. O seu compañeiro de piso é Leonard Hofstadter, algo menosprezado por Sheldon porque se dedica á física experimental, xa que cree que é inferior e máis inútil que a teórica. Podemos dicir que dentro do grupo Leonard é o que máis se achega ao que podemos considerar normal no sentido de que é o máis capaz de entender máis ou menos as convencións sociais e a vida da xente que os rodea. Dentro dese mundo de xenialidade soe ser a voz da razón, o que pon nalgunhas ocasións a dose necesaria de normalidade para non rematar mal. Aínda así é unha persoa tímida, apocada e con medo a moitas cousas, moitos destes medos provocados por unha nai realmente impresionante que o trata sempre con demasiada condescendencia. Howard Holowitz é o terceiro integrante do grupo, ao que todos tratan como inferior ao resto porque so é enxeñeiro e non ten un doutorado, a pesar de ser tamén un xenio no seu campo. Sempre desesperado por ter relacións con mulleres, obsesionado ante calquera oportunidade que se lle presente e capaz de calquera cousa por conseguir deitarse cunha rapaza. Raj Koothrappali é o cuarto, vén da India, fuxindo un pouco da súa familia, o seu pai é xinecólogo e quere que o seu fillo siga o seu camiño, pero el non quixo iso e dedicouse á astrofísica, campo no que, como o resto, é unha eminencia. O seu maior problema e que non é capaz de falar con mulleres, ou simplemente abrir a boca se hai unha muller presente. Soamente pode facelo cando toma algunha bebida con alcohol, desde o primeiro trago o seu problema desaparece e compórtase dunha forma moi distinta. E Penny é a rapaza que vén alterar, e moito, o mundo ordenado deste cuarteto. Será a veciña do apartamento enfronte do de Sheldon e Leonard (que enseguida sentirá atracción por ela) e que non ten nada que ver con eles en case ningún sentido. vén a Los Ángeles para ser actriz, pero de momento traballa de camareira. Todos quedarán prendidos dela en moitos sentidos, excepto Sheldonn, ao que so lle chama a atención a súa forma de vida e a súa intelixencia, tan distinta da que ten el. Penny non entende demasiado ben a estes rapaces ao principio, pero pouco a pouco iralles collendo cariño e entrarán a formar parte da súa vida dunha forma moi cercana.

Todo xira ao redor destes cinco personaxes, cada un cunhas características moi determinadas e case fixas, aínda que nalgunhas cousas evolucionarán un pouco e a presencia de Penny supoña moitos cambios que cada un aceptará a súa maneira. Como dixen o centro é Sheldon, un xenio que se sente moi, pero moi, por riba do resto dos mortais, incluso dos seus amigos. É unha persoa moi especial, cuns rituais fixos que ninguén pode alterar, non comprende á sociedade nin os convencionalismos sociais, que respecta a medias e so cando lle interesa. Repelente, prepotente, faltón, sen molestarse en entender aos demais e poñendo o seu por riba de absolutamente todo, obseso da orde e a disciplina... É o único de todos eles para o que a presencia de mulleres na súa vida é algo completamente innecesario e, polo tanto, incapaz de entender que os demais as necesiten. É curioso como un personaxe como o seu acabe resultando simpático e divertido, sendo o que soporta a maior parte da comicidade de cada episodio coas súas reaccións, as súas palabras ou as súas accións, a min paréceme realmente xenial. Leonard é o seu compañeiro de piso, con dificultades, porque convivir con Sheldon é todo un reto varias veces ao día e todos os días. É o que comprende algo mellor á sociedade e todas as complicacións que teñen as dinámicas sociais, que as veces tenta explicar ao seu amigo sen demasiado éxito. Howard y Raj están case sempre con eles, aportando moitos outros elementos cómicos ás historias. E Penny é moitas veces a voz da razón, ao principio alucina con todo o que fan, pero pouco a pouco vainos entendendo, aínda que so a veces, facendo que a súa capacidade de sorpresa sexa ilimitada.


Un elemento importante dentro da serie son as afeccións que comparten estes catro xenios. Para os afeccionados aos cómics (hai unha tenda que é un dos lugares habituais para o desenvolvemento das historias), ás series ou ao cine de ciencia ficción (“Star Trek” ou “Galactica” son dúas constantes) ou aos videoxogos a serie é un pozo sen fondo de referencias a estes campos. Non quere dicir que un non poida vela sen ser afeccionado a este mundo, pero si o é será moito mellor. Ademais dos seus experimentos a súa vida céntrase en xogar partidas de ordenador ou consola sempre a xogos moi coñecidos. Ao longo dos argumentos as referencias son constantes, tanto en diálogos como en outras moitas cousas. Asisten a festas disfrazados de superheroes, as súas casas están cheas de monecos, carteis, xoguetes ou case calquera artigo que faga referencia a estas cousas. Atención a Howard, as súas fibelas do cinto sempre son homenaxes a este mundo, así como o pin que leva sempre no colo da súa camiseta (atención tamén ao tipo de roupa que leva este en concreto, porque é todo un espectáculo). Tamén atentos ás camisetas de Sheldon, todas relacionadas con este mundo. “A guerra das galaxias” é outro deses clásicos que adoran, a cama de Howard está coroada por dúas espadas láser de guerreiro Jedi. Direi que este é un mundo que a min tamén me gusta, así que sempre estou pendente deste tipo de detalles.

Ademais das súas aventuras e desventura, as conversas sobre física e ciencia son constantes. Nas súas casas e despachos hai taboleiros cheos de ecuacións, fórmulas e demais cuestións deste tipo. Como curiosidade comentar que todas as referencias que aparecen a estas cousas son reais, a serie está asesorada por científicos, físicos ou matemáticos. Todas as referencias ao mundo científico son reais e aderezan moitas das súas conversas e chistes.

Unha das cousas que máis me gusta é a linguaxe que usan, completamente lonxe do que poden usar uns rapaces da súa idade (salvo Penny, claro). Outra xenialidade dos guionistas, como dicir cousas que se poden dicir cunha palabra usando frases cheas de palabras cultas sen parecer pedantes buscando sempre a comicidade. De aí que Penny case nunca entenda o que lle di Sheldon, claro. As veces as súas conversas chegan a tal nivel que é imposible non botar unha sonora risa.

E os actores moi ben todos eles. Na súa maior parte veñen do mundo da televisión e non son caras demasiado coñecidas. En papeis secundarios atoparemos a veces a actores e actrices máis coñecidos, tamén doutras series. Nalgúns casos aparecerán en papeis puntuais científicos máis ou menos coñecidos, entre eles nesta quinta temporada contaran coa presencia de Stephen Hawking. Sheldon é Jim Parsons e tamén aquí sigo a quedarme con el, paréceme un bo actor de comedia que interpreta o seu personaxe dunha forma xenial, atención as súas posturas, as súas caras e todo en xeral. Comentar que gañou o Emmy ao mellor actor de serie de comedia nos anos 2010 e 2011, e o Globo de Ouro na mesma categoría no 2011. Conste que o resto non lle vai á zaga.

Ben, esta vez creo que me estendín máis do habitual, pero recoñezo que o paso realmente ben con esta serie e podería dicir algunhas cousas máis. Orixinal en moitos momentos, dando unha versión case intelectual das típicas series de rapaces novos. Cuns guións intelixentes cunha boa mistura entre o humor evidente e esperable e o completamente inesperado, non creo que haxa ninguén capaz de, polo menos, non sorrir coas historias deste cinco personaxes e todas as cousas que lles pasan. Como dixen ao principio é desas que tras ver catro ou cinco episodios quedas enganchado e cada vez a cousa faite máis gracia a causa de ir coñecendo máis e máis a estes cinco amigos. Eu cheguei tarde a ela e agora estou a retomala desde o principio, seguro que moitos dos que pasan por aquí xa a coñecen, pero se non é así non vola perdades, case seguro que vos fará pasar un máis que no rato.

jueves, 12 de abril de 2012

"El exótico hotel Marigold"



Outra de cine en pouco tempo, ou non imos en varios meses ou caen dúas case na mesma semana, cousas da carteleira, do tempo ou que non se nos ocorre outra cousa que facer. De todos modos a esta de hoxe tiñámoslle ganas desde que a vira anunciada na televisión. Un bo grupo de actores e unha historia que parecía entretida e simpática, ademais de dicir algo ao espectador. Pois non me equivoquei, gustounos bastante e disfrutamos da proxección. É outra historia parecida no ton á última que comentei, “Intocable”, no sentido de facernos pensar un pouco sobre as nosas vidas, sobre como poden cambiar nun momento dado e, sobre todo, pensar en que hai que aproveitar todos os momentos e tentar ver o lado bo das cousas. É outra historia optimista, “El exótico Hotel Marigold”.

Neste caso estamos ante unha produción inglesa. Está baseada nunha novela de Deborah Moggach titulada “These foolish things”, por certo, novela que estiven a buscar traducida pero que non apareceu. O director é John Madden, quizais a súa cinta máis coñecida sexa “Shakespeare in love”. Non sei que tal estará a novela pero teño un certo interese na súa lectura, aínda que me da a impresión de que non vai ser algo sinxelo de conseguir.

A historia é simple, sete xubilados ingleses que non saben demasiado ben que facer coas súas vidas vense tentados de pasar a última parte das mesmas nun luxoso hotel que se anuncia en diversos medios, na India. Ben, os sete non, porque unha delas acaba aí case por obriga. Douglas e Jean son un matrimonio que investiu todos os seus aforros na empresa da súa filla, aforros que non volveron ver e que limitan moito as súas posibilidades económicas, polo que deciden realizar a viaxe case como a súa única opción. Tras anos xuntos a súa relación non parece marchar todo o ben que debería, el é calado, tímido e case acomodado; ela é máis protestona, parece que so sabe queixarse e estar pouco conforme con todo o que a rodea. Evelyn enviuvou recentemente, unha muller que dependeu durante toda a súa vida do seu marido absolutamente para todo e que agora se sente algo perdida. Acepta a viaxe como como unha forma de tentar tomar as rendas da súa vida e facer algo por si mesma. Graham é un xuíz do Tribunal Supremo que, cansado de asistir a festas de xubilación dos seus colegas, decide viaxar á India, na que viviu cando era máis novo, como unha forma de recuperar algunhas cousas desa vida anterior. Jean é a viúva alegre, farta de coidar aos seus netos e sentíndose nova marcha en busca de novas aventuras amorosas e, por que non, dalgún novo marido adiñeirado. Norman sería case a versión masculina da anterior, ve como a súa vida vai rematando pero non quere resignarse a ser maior e quere seguir disfrutando das relacións de parella, así que ve a India como un novo mundo cheo de oportunidades. E Muriel é a que vai máis ou menos obrigada por unha operación de cadeira que debe facer o máis pronto posible, ofréceselle a posibilidade de, para non ter que esperar meses, ir facer a mesma a ese país, onde lla farán moito antes. É unha muller cunha serie de ideas algo anticuadas, racista, firme e pouco dada a convivir cos que non son como ela. Por último temos a Sonny, o rapaz indio que ten un soño que compartía co seu pai, converter o Hotel Marigold no mellor lugar para que todo aquel que queira descansar e gozar dun lugar privilexiado poda facelo. Sonny é un soñador que procura ver todo da forma máis optimista posible, a pesar de que a realidade choca contra esas ilusións. A súa máxima é que ao final todo ten que saír ben, e se non o fai é porque aínda non é o final.

Estes oito personaxes forman o núcleo central da historia. Cada un deles cunha personalidade e unha forma de actuar ben distinta e quizais representando unha serie de tópicos ou de formas de ser moi determinadas. Douglas, calado, discreto, case sempre pelexando entre o que cre que debe facer e o que lle gustaría, pero aceptando con resignación a súa situación. A súa muller, Jean, pouco dada a aceptar as cousas como veñen e disfrutar delas, sempre queixándose e tentando impoñer as súas opinións. Muriel, seria, firme e, ao mesmo tempo, vivindo con moito medo a todo o que sae da súa rutina ou da súa forma de ver a vida. Evelyn, dubidando sempre, con medo a todo o que descoñece que é moito por como viviu antes, pero ao mesmo tempo decidida e con ganas de vivir o que lle queda da mellor forma posible e, a poder ser, distinta da súa vida anterior. Madge, alegre e vividora, sen querer aceptar o que a sociedade considera máis “adecuado” para ela, e Norman case igual pero no seu lado masculino, engadindo un gran medo a vivir so e sen afecto. Graham, decidido a recuperar unha parte da súa vida que estaba escondida e que ao principio tenta ocultar. E Sonny, alegre, optimista e soñador, empeñado en loitar contra todo o que se lle poña por diante con tal de conseguir o que quere.

E o outro protagonista é o “exótico Hotel Marigold”. A el chegan todos estes personaxes buscando un lugar marabilloso no que descansar, vivir comodamente e disfrutar deses anos de vida que teñen por diante. Pero é evidente que a propaganda case sempre engana, xa que en absoluto será o que esperan. O que atopan é un edificio nun estado case ruinoso, con habitacións non en demasiado bo estado, un lugar con moitas posibilidades pero que tamén parece estar nos últimos tempos da súa vida. Un lugar case como eles, acabado, pero claro, o tempo demostrará que isto non é así. Cada un irá atopando o seu lugar nese novo mundo, tanto na India como no interior de cada un deles. E o marco no que pasa todo, a India, co seu caos, o seu ruído e as súas xentes e costumes, filmado como un lugar ideal para o desenvolvemento das vidas destes personaxes. Con cousas que non entenderán, que non aceptarán nun principio pero que irán vendo doutras maneiras a medida que saen, conviven e coñecen ese novo mundo para a maior parte deles.

Quizais unha das mellores cousas da historia sexan os actores, neles aséntase a maior parte da película. Boas interpretacións duns actores e actrices moi coñecidos e que, desde o meu punto de vista, bordan cada un dos personaxes. Todos eles grandes do cine inglés e internacional. Tres son para min os máis destacados. Judi Dench é Evelyn, unha actriz capaz de interpretar a mulleres de gran carácter ou a, como aquí, a outras que aparentemente son algo máis débiles ou están algo perdidas na súa vida, as rendas sempre as levou o seu marido e agora, pouco a pouco, ten que ser ela a que as tome. Sonny é Dev Pattel, coñecido entre algunha e outra cousa polo seu papel protagonista en “Slumdog millonaire”, o rapaz que coas súas caras, os seus xestos e o seu optimismo é capaz de que a cousa máis inmunda poida verse con bos ollos, unha actitude que vai contaxiar a case todos os seus novos hóspedes. E deixo para o final á máis destacada, a que creo que domina por completo a pantalla cada vez que aparece, transmitindo unha sensibilidade enorme, Maggie Smith é Muriel. A muller que quere que a atenda un médico inglés ou que non sexa un indio o que a leve na cadeira de rodas pero que se ve obrigada a ir á India se quere unha cadeira nova. Destacada porque en realidade creo que é o personaxe máis interesante, o que ten máis matices e o que cambia algo máis ao longo da historia.

Unha película simpática e entretida. Con escenas que provocarán o sorriso en máis dunha ocasión polas situacións que terán que vivir, polos diálogos e algunhas cousas máis. Un canto á vida, ao goce da mesma en calquera momento, sen distinguir idades, situacións ou formas de afrontala. Parecida nalgunhas cousas á que comentei antes desta, “Intocable” e distinta tamén noutras. Unha historia chea de optimismo e alegría de vivir, de buscar en cada momento a mellor forma de facelo, sen amargarse ou sumirse na tristeza, ou facéndoo so cando é estritamente necesario. Contándonos que hai que enfrontarse ás cousas e buscar o lado bo, que moitas veces está aí e non é tan complicado atopalo. Nalgunhas críticas lin que a cualificaban de demasiado tópica, é posible que nalgúns aspectos sexa así, pero tamén creo que as veces os tópicos, se están usados dun modo axeitado, non son sempre malos. Claro que hai cousas esperables, e outras non tanto, e que xoga con cousas que posiblemente xa temos visto nalgunhas outras ocasións, pero non creo que teña que ser algo necesariamente negativo. Ten algunha sorpresa, pero o mellor é ver como estes personaxes enfrontan esta nova situación e como van saíndo dela, aprendendo unha serie de leccións que lles serán útiles non so a eles, algunhas tamén poderán valerlle ao espectador. A min gustoume bastante e recoméndoa, sobre todo tendo en conta que a carteleira está chea de historias bastante baleiras, cheas de acción, efectos especiais e poucas cousas máis, creo que está danos algo máis que todo iso.

miércoles, 4 de abril de 2012

"El mapa del tiempo", Félix J. Palma



Esta novela de hoxe levaba tempo na miña lista de pendentes, pero entre unhas cousas e outras sempre ía quedando atrás. O meu irmán recomendarame que a lera varias veces e non facía máis que insistir en que tiña que facelo, que a el gustáralle moito e que estaba moi ben. Así que me puxen con ela antes de que apareceran outras que volveran deixala nesa interminable lista de historias para ler. E a verdade é que me gustou moito, entretida, ben escrita, orixinal por momentos e con moitas sorpresas para o lector. Decidín lela xa entre outras cousas porque forma parte dunha triloxía da que recentemente apareceu a segunda, así que tampouco tiña ganas de deixala para moito máis adiante e en breve poreime coa segunda. Falo dunha historia dun autor español, Félix J. Palma e a novela de hoxe é “El mapa del tiempo”.

É un autor nado en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) en 1968. Lector desde a súa infancia e xuventude, gran afeccionado ao xénero fantástico e de aventuras, co que está moi relacionada a súa obra. Con vinte anos publicou o seu primeiro relato no fanzine de ciencia ficción BEM. A partir deste momento escribiu varios relatos curtos que se publicaron en diversas revistas do xénero de fantasía e ficción. En 1998 a editorial Artiflex edita a súa primeira novela curta, “El amante de vidrio”. Decide vivir da literatura e influenciado por Cortázar deixa de lado a ciencia ficción en busca dunha fantasía máis sutil e simbólica, buscando o seu propio camiño. Dedicarase case en exclusiva ao mundo do conto, cos que gañara varios premios. En 1998 reúne varios destes contos no volume “El vigilante de la salamandra”. Tivo unha boa acollida de público e crítica, recoñecéndoo como un bo autor de contos, orixinais e inquietantes, con gran dominio do estilo e dos recursos da narrativa breve. “Métodos de supervivencia” foi o seu seguinte libro, publicado en 1999, unha nova colección de historias con aire sobrenatural. En 2001 publica a primeira novela, “La hormiga que quiso ser astronáuta”, unha historia xuvenil que el mesmo quere diferenciar do resto da súa obra; rozando o costumismo, preto da novela urbana pero sen deixar de lado o toque fantástico. Por esa época colabora no “Diario de Cádiz” cunha columna de opinión á que dará o seu toque persoal. En 2002 aparece unha nova colección de contos, “Las interioridades”, coa que gaña o premio Tiflos de conto, separándose un pouco do tráxico e fantástico para achegarse ao absurdo, cuns contos cun toque humorístico que case non aparecera ata ese momento. “Los arácnidos” (2004) será galardoado co Premio Iberoamericano de Relatos Cortos de Cádiz, considerado no seu momento pola crítica como do mellor no xénero. En 2005 aparece a súa segunda novela, “Las corrientes oceánicas”, coa que gaña o Premio de Novela Luis Berenguer, unha traxicomedia ben acollida pola crítica de novo. No 2008 publícase a novela de hoxe, “El mapa del tiempo”, gañadora do XL Premio Ateneo de Sevilla e que se convertera nun dos seus maiores éxitos a todos os niveis. Pronto foi traducida a varias linguas e o seu éxito continúa a día de hoxe. A máis recente, deste mesmo ano e segunda do que o autor chama “Triloxía Victoriana” é “El mapa del cielo”.

“El mapa del tiempo” transcorre no Londres do ano 1896, unha época a medio camiño entre a realidade e a fantasía, entre o clásico e o moderno, un momento histórico importante en plena evolución cara á modernidade. Tres historias cun denominador común, neste caso un personaxe, H. G. Wells, o famoso autor de “La máquina del tiempo”. Tras a súa publicación parece que a xente cre que é algo factible, e aí temos á compañía de Viaxes Temporais Murray, que pola módica cantidade de cen libras permite realizar unha viaxe ao ano 2000, a un momento fundamental para a historia da humanidade no que os robots dominan o mundo e enfróntanse aos seres humanos comandados polo capitán Dereck Shackleton. A novela está dividida en tres partes non independentes, Wells aparece en todas elas en maior ou menor medida, pero é fundamental nelas; e algúns dos personaxes terán tamén algunha intervención nas demais. Na primeira o novo nobre Andrew Harrington decide rematar coa súa vida a causa da morte da súa amada, unha prostituta chamada Mary Kelly, vítima de Jack o Destripador. Este suicidio non chegará a bo término cando descobre a posibilidade de viaxar oito anos cara atrás no tempo para salvala antes de que sexa brutalmente asasinada. Na segunda o protagonismo será para a inconformista rapaza Claire Haggerty, forzada a levar unha vida de convencionalismos sociais da que quere fuxir sexa como sexa. Para isto realizará a famosa viaxe ao ano 2000, onde pretende quedar e onde namorará perdidamente do aguerrido e valente capitán Shackleton, un amor a través dos séculos. Na terceira será Wells o que terá que enfróntarse a un viaxeiro do futuro que pretende matar a tres famosos autores (os outros dous son Henry James e Bram Stoker) antes de que publiquen as súas máis famosas novelas para poder facelo el mesmo.

Non é sinxelo contar algo sobre a novela sen desvelar demasiadas cousas, quizais neste caso sexa moito máis complicado que en outras porque o autor xoga constantemente co lector. Como en outras historias Palma recorre a unha boa cantidade de personaxes reais para forxar a súa historia. O eixo central é H. G. Wells, o famoso novelista de ciencia ficción, adiantado ao seu tempo e ao que coñeceremos desde os principios da súa vida. Creo que, a pesar de que ao principio era eu algo reticente a esta historia, consegue reflectilo dunha forma bastante crible e cercana, nunha sobria homenaxe a este autor fundamental do xénero. Unha homenaxe non so a el, senón tamén á creación literaria, á figura do novelista. Gustáronme moito as partes nas que o propio Wells pensa ou reflexiona sobre o feito de escribir, sobre os seus personaxes ou o desenvolvemento dunha historia ou, sobre todo, como tomará o lector o que el ten na súa cabeza. Ou tamén o medo a morrer, a desaparecer, sen deixar constancia por escrito de todas as historias que el cre que pode contar, ou facelo sen chegar a escribir a súa gran novela. Creo que demostran un gran aprecio polo autor, polo feito de ser novelista, creador e tamén polo lector. Constantes tamén as referencias de todo tipo que o bo afeccionado poderá ver con moito agrado. Non so nas partes que falan da famosa máquina do tempo que todos recoñeceremos como a que aparece na mellor versión da novela, titulada por aquí no seu momento como “O tempo nas súas mans” e protagonizada por Rod Taylor, un clásico inmellorable. Tamén poderemos atopar referencias a boa cantidade de tópicos do cine de ciencia ficción chamado de serie B, os robots, os soldados do futuro, as armas...

Non é so unha novela de ciencia ficción, podemos engadir elementos de xéneros como a de aventuras, a novela sentimental ou de acción. Varias historias de amor aparecen na historia, perfectamente plasmadas e tecidas, grandes sentimentos cada un dun tipo pero todos eles profundos e case reais dentro do desenvolvemento das distintas tramas. Teremos persecucións, asasinatos, disparos e algo de intriga, un pouco de todo e todo moi ben construído dentro das disintas historias. Como dixen varios personaxes irán atopándose nesas tres partes, casualidades, azar, obriga..., pero sempre dun modo transparente e lóxico para o lector, nada forzado. Curiosa resultoume a sensación durante a lectura, cunha perfecta conxunción entre a novela de aventuras ou ciencia ficción máis clásica, a de toda a vida e a novela moderna, máis movida e quizais menos previsible. Aquí radica outro dos méritos da historia, que non me pareceu nada previsible e incluso cando parecía que si o autor sorprendíanos cun novo xiro nunha dirección inesperada. Neste sentido o narrador da historia non é que sexa omnisciente, senón que sabe todo e máis. Dirixe ao lector e en máis dunha ocasión fala directamente con el, xa sexa para aclarar algo ou para facer que nos fixemos nalgún detalle. O autor, a través deste narrador, xoga co lector case como se fora un marionetista que non so move aos seus personaxes, senón tamén a cada un dos seus lectores mentres teña a novela nas súas mans. En máis dunha ocasión asomará á nosa cara un sorriso como resultado destes enganos, enganos que non so sufrirá o lector, senón tamén a maior parte dos personaxes.

Outra das cousas que me gustou moito foron os personaxes, non so a interacción entre eles, senón tamén o deseño, a presentación e a forma de traballar con eles por parte do autor. Misturando perfectamente os tópicos dos personaxes das novelas desa época cunha grande dose de orixinalidade que fai que sexan perfectamente cribles e xeniais. Sobre todo porque en máis dunha ocasión non van comportarse como esperamos, engadindo sorpresas e interese á lectura. Aparte de Wells (que me encantou) quedo con dous deles, sen dar demasiadas razóns para non desvelar algunhas cousas. Un deles é o fundador da empresa de viaxes temporais, Gilliam Murray, un dechado de imaxinación, un home complexo cheo de moi diversos tipos de sentimentos. O outro que me gustou foi o inspector de Scotland Yard Colin Garrett, unha mente privilexiada inmersa nun mundo brutal e cruel.

En canto ao estilo narrativo, outro punto máis ao seu favor. A fluidez é constante, sempre está a pasar algo e non é sinxelo deixar de ler en máis dun momento. A forma de contar é un engadido a unha historia que atrapa ao lector nesa rede de imaxinación e realidade que iremos atopando pouco a pouco. Ademais xunta perfectamente o aire narrativo desas novelas victorianas cunha forma de contar moito máis actual, nada pedante (podería ser un risco) e ao mesmo tempo, completamente crible dentro das características de cada un dos personaxes. Nalgúns sitios lin que certos lectores consideraban que as súas máis de seiscentas páxinas eran algo esaxerado e sobrábanlle algunhas, a min non se me fixo nada larga, ao contrario, quizais duroume menos tempo do que me gustaría. Ten ademais unha forma de escribir moi visual, cinematográfica, de tal xeito que é moi fácil para o lector imaxinar non so a cada unha das persoas que aparecen na historia, senón tamén os lugares, a cidade, as rúas...

Para min unha das novelas máis entretidas que lin nos últimos tempos, amena, interesante e chea de sorpresas, de xiros que poderán arrancar algunha expresión atónita no lector ante o que pasa. Simpática en máis dun momento, apaixonante noutros e sempre buscando a atención e complicidade do lector. Cunha historia perfectamente deseñada e uns personaxes moi atractivos para o lector. Unha homenaxe as novelas de ciencia ficción de toda a vida, sen demasiadas pretensións intelectuais (para o meu gusto un dos defectos dalgunhas historias do xénero) e ás historias de aventuras que recordo con gran cariño da miña adolescencia, á que me levou en máis dun momento. Unha pena non tela lido antes, pero ben, non me pasará o mesmo coa máis recente, “El mapa del cielo”, que caerá en breve nas miñas mans. Moi recomendable para pasar un bo rato, de verdade.