domingo, 1 de septiembre de 2013

"Elementary"



Hai personaxes, sobre todo saídos do mundo literario, que pasaron innumerables veces pola televisión e o cine. Algúns deles teñen tal cantidade de matices e unhas características tan atractivas que o resultado ao pasar á pantalla sempre soe ser bo, ou en ocasións, moi bo. A serie que vos deixo hoxe parte dun deses coñecidos personaxes literarios, posiblemente, senón o que máis, un dos que en máis ocasións foron trasladados ao mundo audiovisual. Foi creado a finais do século XIX por Sir Arthur Conan Doyle, fácil darse conta de que falamos de Sherlock Holmes, adaptado esta vez nunha serie americana da que estamos a ver a primeira temporada, “Elementary”, e que ten pendente de estrea por alá a segunda, así que está a ter un certo éxito, que as cadeas non se cortan un pelo en eliminalas se non teñen a audiencia esperada.

En decembro de 2010 comentaba por aquí a serie anterior que tiña como protagonista ao mesmo personaxe, inglesa neste caso e da BBC que de momento ten dúas temporadas de tres capítulos cada unha (moi breves as mesmas, pero cada un é unha historia de cine cunha duración de hora e media) e da que estou esperando con ganas a terceira. Un Sherlock moderno, que usa as novas tecnoloxías e algo máis serio, máis profundo e máis preto quizais do orixinal. A serie ten moita clase e unha gran calidade e unhas interpretacións que están moi por riba da media. O seu actor principal, Benedict Cumberbatch, está agora aparecendo moito no cine e é un dos actores máis cotizados do momento, soando incluso para unha versión de Frankenstein que dirixirá Guillermo del Toro.

“Elementary” podería ser vista como a tentativa americana de emular a serie anterior, pero creo que lles quedou algo distinto. Xa direi se mellor ou peor máis adiante, aínda que penso que a resposta a esa pregunta sería simplemente que sendo algo parecido é distinto en moitos sentidos.

Atopámonos agora cun Sherlock que vive en Nova York e que acaba de saír dunha clínica de desintoxicación pola súa afección ás drogas. O pai de Holmes contrata ao doutor Watson, que neste caso é unha doutora (quizais un elemento máis para distinguila da inglesa e unha tentativa de modernizar un pouco ao personaxe) para que sexa á súa vixiante ante unha posible recaída tras rematar o tratamento na clínica. O protagonista segue a ser o mesmo, afeccionado aos crimes, baseándose no pensamento dedutivo, prepotente, faltón e cuns grandes aires de superioridade que o fan estar moi por riba do resto dos mortais, a medio camiño entre ser un maleducado e un xenio. Traballará co capitán Toby Gregson como asesor para axudalo na resolución daqueles casos que teñan algún elemento especial, distinto ou que poidan resultar de difícil resolución. Pouco máis se pode dicir dos argumentos ou da historia. Os capítulos son independentes, polo menos de momento, e teñen en común a estes personaxes máis un caso criminal que terán que resolver. A maior parte dos casos sempre con algo curioso, con algún elemento que conseguirá manter a atención do espectador.


No que se refire aos actores teño que dicir que non están nada mal. Jonny Lee Miller fai de Sherlock Holmes. Ademais dalgúns papeis de cine descubrín a este actor nunha serie de hai uns anos que me gustou bastante, aínda que foi desas que cancelaron sen rematar e que nos deixou con algo de mal sabor de boca. Era unha serie de avogados pero con algúns elementos especiais que a diferenciaban un pouco do resto, refírome a “Eli Stone”. Dúas temporadas dun avogado que tiña un aneurisma cerebral que lle provocaba alucinacións, sobre todo de tipo musical e con casos que resultaban entretidos, simpáticos e interesantes. Aquí da forma a un Sherlock desastrado, despreocupado por completo do seu aspecto ou a súa propia vida, acelerado, prepotente e cheo de tics que poden desquiciar a calquera. É un actor que me gusta bastante e aquí está moi ben. Pode resultar algo esaxerado nalgún momento con tal cantidade de xestos, de movementos continuos pero ao mesmo tempo é un personaxe que se fai simpático para o espectador. Vai ser un personaxe completamente distinto, por exemplo, ao da BBC, por iso dicía antes que era un intento de copia de facer algo parecido e ao mesmo tempo suficientemente distinto para non parecer unha mera copia. Gústame este Sherlock, aínda que recoñezo que para os máis puristas poida parecer algo esaxerado. Aínda así a súa forma de actuar, de traballar e de comportarse mantén en liñas xerais o que podemos esperar do mesmo. Lucy Liu será a súa vixilante e acompañante, facendo o papel da doutora Joan Watson. Unha cirurxiá que tivo un problema nun quirófano e deixou o seu traballo como doutora para dedicarse a acompañar a drogadictos rehabilitados e axudalos no seu proceso, ademais de vixialos. É unha actriz que nunca me gustou demasiado, a verdade, e á que teño visto máis dunha vez no cine. Agora cambio un pouco de parecer e creo que aquí está bastante ben e ata me convence. O seu personaxe vai evolucionando pouco a pouco da preocupación polo seu paciente á fascinación polo que fai, dándonos un Watson que cada día axuda máis a Holmes pero que ao mesmo tempo vai sentirse moi atraída por el e sobre todo polo que fai. O outro papel importante e fixo é o do policía ao que axudarán, outro coñecido actor de cine que sempre me gusta, Aidan Quinn.

Para min, en canto a calidade, a serie non está á altura da inglesa, pero ao mesmo tempo ten suficientes elementos para resultar atractiva e entretida, polo que en casa gusta bastante a todos. Os personaxes teñen tal atractivo que, como dixen, é difícil non facer algo decente con eles. Os casos resultan sempre interesantes e fan que esteas dándolle voltas para tentar saber quen é o asasino antes que eles. Teñen tamén as suficientes doses de humor, provocadas sobre todo polo personaxe central e a súa prepotencia e autosuficiencia, para que non resulte lenta nin aburrida. É sinxelo rir máis dunha vez ante as súas deducións, as súa afirmacións ou as súas preguntas aos sospeitosos durante unha investigación. Vive fascinado polos casos e os sospeitosos, esa é a súa nova droga e cae nunha profunda apatía e desesperación cando non ten un novo desafío ante el, que é o que o mantén vivo e atento. Quizais o gran defecto das historias é que teñen que concentrarse nos pouco máis de corenta minutos que dura o capítulo, xa que como dixen son independentes uns dos outros. Iso fai que a veces a resolución do caso sexa demasiado rápida, acelerada e repentina. É evidente que o máis interesante e entretido é todo o proceso de dedución, as pistas e a investigación, pero a veces, como xa sabes que apenas quedan cinco minutos, sabes xa que se vai resolver inmediatamente.

Gústame a serie, está ben feita e ben interpretada, os desenvolvementos dos argumentos son sempre interesantes e manteñen a atención, buscando algo especial e distinto aos de sempre, algo que conseguen a maior parte das veces. Os actores están realmente ben e contribúen a elevar o ton xeral da mesma, que tamén é importante. Creo que é unha versión algo máis lixeira que a inglesa, que busca máis o mero entretemento que a calidade, pero aínda así merece a pena. Non creo que vos decepcione se vos poñedes a vela, no noso caso non o fixo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario