jueves, 31 de mayo de 2012

"Libros de Luca", Mikkel Birkegaard



“Sen lectores, os textos non din nada. Necesitan de, polo menos, un lector. Entón seguramente falan. E como... Non so falan, tamén murmuran, algúns incluso gritan.”


Uso estas liñas como presentación da novela que vou comentar hoxe. Levaba un tempo no andel e por fin decidinme a collela. Hai un par de anos, vendo a revista dunha coñecida empresa de venta de libros a domicilio atraeume o argumento, non coñecía ao autor, pero a historia chamoume a atención, parecíame algo orixinal e distinto e decidinme a pedila. A verdade é que en xeral non me decepcionou, gustoume bastante e confirmou esa impresión de orixinalidade que percibín cando pasaba as páxinas sen saber demasiado ben que pedir. Ten algúns momentos que non me convenceron completamente e que comentarei despois, pero en xeral creo que pode ser un autor a ter en conta. O autor é Mikkel Birkegaard e esta é a súa primeira novela, “Libros de Luca”.

Mikkel Birkegaard naceu en 1970 en Copenhague, cidade na que vive actualmente. É informático de profesión e “Libros de Luca” é a súa primeira novela, aparecida en Dinamarca en 2007 e editada por aquí no 2009. A obra está dentro do xénero do thriller, unindo reflexións sobre a literatura e o poder dos libros. Tivo un gran éxito no seu país e xa foi traducida a máis de vinte idiomas, con gran éxito en todos os lugares nos que apareceu. En varios deles non mantivo o título orixinal, aparecendo en máis de un como “The library of shadows”, algo así como “A libraría das sombras”, título que non me parece tan axeitado como o orixinal. Está prevista unha adaptación cinematográfica desta historia. A súa segunda novela, “Sobre mi cadáver” apareceu no 2009 e de momento non pode atoparse traducida. Con ambas ten un lugar entre os novos autores da narrativa dos países nórdicos, unha das zonas máis prolíficas ultimamente neste tipo de xéneros a medio camiño entre a novela negra, o thriller máis ou menos realista ou fantástico e a ficción.

Comezamos a historia cando Luca Campelli, o dono da libraría chamada “Libri di Luca” entra na mesma tras pasar un tempo fóra. Volve a contemplar o traballo da súa vida, unha libraría dedicada a exemplares antigos ou con algo especial, chea de vitrinas para a mellor conservación de todos eses seres aos que quere con todo o seu corazón. En certo momento colle un libro e comeza a ler, pero algo pasa, mentres le empeza a atoparse mal e cae fulminado desde a primeira planta do seu negocio, vítima dun ataque ao corazón. Tras esta repentina morte coñeceremos a Jon Campelli, o fillo de Luca, un prestixioso avogado de Copenhague que sen querelo sen querelo nin desexalo vaise converter no novo dono da libraría. Jon non tiña unha boa relación co seu pai, que o abandonou cando era pequeno sen saber por que, algo que agora descubrirá, así como outras moitas cousas. Acode ao enterro do seu pai e alí tomará contacto cunha serie de personaxes que estaban preto de Luca que lle abrirán os ollos a un mundo descoñecido, cheo de sorpresas e misterios que farán que a vida de Jon cambie para sempre. Non sabe que na libraría reúnese a Sociedade Bibliográfica, unha organización que existe desde hai tempo e que traballa polo bo uso do gran poder que se esconde detrás dos libros. Todos os seus membros teñen un poder, un gran poder que posiblemente por herdanza Jon tamén teña, xa que o seu pai era un dos que o ostentaban no seu grado máis alto. En que consiste ese poder? Son Lectores, tamén chamados Transmisores, persoas que cando len en voz alta fan voar a imaxinación dos que os escoita ata poder imaxinar á perfección aquilo que están a escoitar, pero ademais este pode tamén lles permite enfocar esta enerxía con outros propósitos moi lonxe dos que esta Sociedade persegue, que non é máis que fomentar o pracer da lectura e a imaxinación. Esta parte máis sinistra deste poder reside en que o Lector pode conseguir que a persoa ou persoas que o escoitan fagan ou pensen todo o que este queira, desde facelos cambiar de opinión ata levalos á morte. Alguén pode morrer por ler a calquera autor, sen saber que en realidade foi asasinado. Ademais destes Lectores temos a outro grupo cunha capacidade parecida e distinta á vez, son os Receptores, aqueles que poden manexar a mente dunha persoa mentres esta está a ler, facendo que sexa máis ou menos consciente do que le, que imaxine en maior ou menor medida esas palabras escritas, levando a súa mente tamén ata onde eles queiran en cada momento. Dous grandes poderes que poden ser bos ou malos dependendo de quen e como se usen. Todo isto deixará atónito a Jon, que non pode crelo, pero pronto descubrirá que o seu pai era un dos máis grandes e mellores Lectores, e tamén coñecerá a Katherina, unha das máis poderosas Receptoras e á que Luca estaba axudando a controlar e dominar o seu poder. No fondo a idea de que o seu pai en realidade non faleceu de morte natural, senón que foi asasinado, cunha aparente relación co enfrontamento que apareceu hai anos entre Transmisores e Receptores, que sempre recearon uns dos outros polos seus opostos poderes. Unha época na que tamén faleceu a súa nai, unha morte misteriosa que parece ter relación con todo isto e que foi o momento no que Luca entregou a Jon en adopción. Así Jon verase dentro dun mundo completamente descoñecido para el, fascinante e perigoso, tendo que arriscar a súa vida e a dos seus novos amigos para chegar ao fondo da cuestión. Cada texto necesita un Lector para cobrar vida e os libros posúen un poder secreto que crece con cada persoa que os le, un poder que so uns poucos poden dominar.

Unha historia que mistura elementos de varios xéneros, unha mistura que non resulta nada mal e que me entretivo bastante. Ciencia ficción por un lado, thriller por outro, con bos momentos de acción coas súas persecucións, disparos e demais; incluso nalgúns momentos rozando o terror gótico (pouco, que conste). Resolución de asasinatos e misterios, personaxes que enganan tanto a outros personaxes como ao propio lector e, sobre todo, un gran amor e respecto polos libros e a lectura. Creo que esta foi unha das cousas que máis me gustaron, o autor demostra a súa afección á lectura e o tema das “lecturas vividas ou recreadas” pareceume todo un acerto. “Libri di Luca” é unha libraría que todo bo lector querería coñecer, un lugar no que os libros son tratados con respecto e incluso adoración, un lugar para ler e escoitar as lecturas case como se foran un ritual. O tema dos libros case como seres vivos que acumulan enerxía entre as súas páxinas e palabras paréceme sensacional e está moi ben plantexado e pensado. Todos os personaxes, sexan do bando que sexan, senten un profundo respecto pola obra escrita, menciónanse grandes clásicos da literatura e os máis coñecidos son os máis usados. Falase do que din, de como o din e incluso de como están encadernados ou editados. Cantas máis lecturas teña un libro e sobre todo se foron feitas con cariño e respecto máis enerxía acumulan dentro e máis válidos son para as posibles intencións dos Transmisores.

En xeral a novela está moi ben, aínda así voulle poñer un pequeno pero. Estamos ante unha obra de ficción, pero que mantén un certo ton de credibilidade, de posibilidade de que as cousas poderían ser como aí aparecen, pero o final decepcionoume un pouco. Evidentemente non o vou contar, pero cando a leades xa me diredes se estades ou non de acordo comigo. Todo mantén un aire e un ton moi adecuado para a historia que estamos a ler, pero o final pareceume algo excesivo e quizais esaxerado, aínda mantendo a idea xeral a min gustaríame que tivera un desenvolvemento distinto. Non quero contar máis para non estragarlle a lectura a ninguén, pero é o que me pareceu a min, que incluso me custou un pouco seguir esas últimas páxinas.

Bos personaxes todos eles, unha boa historia e, como digo, un final que me deixou un pouco frío. Pareceume unha novela entretida, que se le con gusto e interese, ben escrita, sen demasiados excesos e divagacións fóra da historia principal. Quedo co tema dos libros e a lectura, de como lemos as veces e de como deberiamos ler. Eu vou recomendala, espero que alguén me diga (tamén sen contar nada) se ese final tras unha historia decente gustoulle ou non.



jueves, 24 de mayo de 2012

"El mapa del cielo", Félix J. Palma




Como lector teño por costume deixar un espacio no tempo entre novelas do mesmo autor, manía ou costume, non hai unha razón determinada, pero do mesmo modo tampouco leo dúas novelas seguidas do mesmo xénero, a non ser que continúen ou me deixaran tantas incógnitas que teña que solucionalas. As triloxías están de moda ultimamente e as veces non é fácil seguir esa tendencia, e con certos autores prefiro esperar a telas todas antes de poñerme coa lectura, sobre todo para non esquecer situacións, personaxes e esas cousas. No caso da novela de hoxe paso un pouco por riba do dito, non hai demasiado que lin a primeira, que xa tiña un tempo, e non puiden resistirme a ler a segunda desta “Trilogía Victoriana” de Félix J. Palma, que apareceu recentemente. O certo é que “El mapa del tiempo”, que comentei o mes pasado, resultoume unha historia moi atrainte e tremendamente entretida, así que tiña ganas de ler “El mapa del cielo”, segunda entrega da triloxía mencionada e publicada a principios deste 2012.

Moi recente a recensión biográfica do autor, así que me remito ao publicado hai pouco tempo.


A verdade é que esperaba atoparme algo parecido á primeira novela, pero teño que dicir que aínda mantendo o ton xeral en canto a estilo, historia e entretemento ten suficientes elementos para facela distinta completamente. Non é sinxelo comentar as liñas xerais da historia sen contar demasiadas cousas do argumento e sen desvelar nada aos futuros lectores (os que xa a leron entenderán isto perfectamente), tentarei facelo o mellor posible. Quizais nesta novela as sorpresas ou xogos do autor en canto á historia sexan menores. Neste caso estamos ante unha historia algo máis plana en canto ao relato, pero aínda así chea de sorpresas para o lector, de xogos e de referencias non so á outra novela, senón a todo un mundo cheo de personaxes reais e históricos misturados con outros de ficción. De novo estamos ante un relato cheo de equívocos, de personaxes que enganan ao lector desde o principio e de situacións que van facer que evoquemos multitude de novelas ou películas que xa forman parte dos clásicos do xénero. A medio camiño entre a novela de ciencia ficción e a de aventuras, con momentos que responden perfectamente aos esquemas clásicos do primeiro dos xéneros e con outros que se centran máis no segundo. As referencias a outras historias anteriores, xa sexan en papel ou en celuloide son constantes pero non conforman un refrito, unha mistura ou unha copia, son unha completa e enorme homenaxe a grandes clásicos de ambos xéneros, unha homenaxe que resulta perfectamente coherente e atrainte para o lector, polo menos para min. Entre todos estes elementos destacaría dous que están entre os meus favoritos, tanto do cine como da literatura. Varias son as referencias a unha das novelas de Edgar Alan Poe que lin varias veces, a primeira cando era moi novo, pero é unha novela que releo e que está entre as miñas mellores novelas de aventuras de sempre, “La narración de Arthur Gordon Pym”. Todos coñecemos os relatos góticos e de terror de Poe, pero quizais esta novela de aventuras quedou algo eclipsada polas demais e creo que todo lector debe lela polo menos unha vez, aí queda a recomendación. A outra fonte de inspiración que teño gravada é “La guerra de los mundos”, lida tamén en máis dunha ocasión, unha das mellores novelas de H. G. Wells e cunha soberbia adaptación ao cine do ano 1953 que me gustou moito máis que a producida no 2005 (que non é que estivera mal, pero creo que lle faltaba o encanto da antiga, pero que aínda así tiña bos momentos e mantiña ata certo punto o aire de novela de Wells). Tamén é inevitable recordar durante a lectura a famosa historia de Orson Welles, cando desde a radio na que traballaba, retransmitiu unha falsa invasión extraterrestre con tal convicción que moitos oíntes saíron aterrorizados ás rúas pensando que todo era certo, outro deses orixinais xenios que aparecen de vez en cando.

“El mapa del cielo” contén varias historias nunha soa novela. Comezaremos coñecendo a Richard Adams Locke, un periodista americano que no ano 1835 publicou unha serie de artigos no “New York Sun” firmados polo astrónomo John Herschel. Neles falaba de que a Lúa estaba habitada por unha serie de seres fantásticos que Herschel vira desde o observatorio no que traballaba. Este astrónomo non sabía que o seu nome estaba a ser utilizado neses artigos pero os lectores quedaron convencidos de que todo era certo, unha historia que mantivo durante un tempo. Toda esta parte que Palma conta é real e histórica e os personaxes tamén, será a que lle sirva de pretexto para continuar co seu relato. Locke creará un mapa no que aparecen os planetas, as estrelas, os extraterrestres, un mapa que irá pasando de xeración en xeración polas mulleres da súa familia como un elemento ao que recorrer cando é necesario soñar un pouco e escapar da realidade cotiá. De aí pasaremos a coñecer a Emma Harlow, a bisneta de Locke, outra muller descontenta co seu tempo, lonxe das convencións que se lle piden a unha dama da sociedade americana da época, asediada por unha grande cantidade de pretendentes, aínda que ningún a convence demasiado como para casar con el. Un deles é o millonario Montgomery Gilmore, profundamente namorado dela e capaz de calquera cousa para conseguir que os sentimentos sexan correspondidos. A Emma todos lle parecen insoportables, colmándoa de regalos e atencións que ela non desexa, ela quere un home que saia do normal, unha persoa que sexa capaz de facer soñar ao mundo como fixo o seu bisavó e que non sexa convencional. Gilmore é un dos máis constantes nas súas atencións, pero ao mesmo tempo é un dos que ela menos soporta. Como librarse de el?, pedíndolle un imposible. Dille que casara con el se é capaz de facer soñar ao mundo, terá que representar a invasión marciana que H. G. Wells recentemente describe na súa novela “La guerra de los mundos”. Parece imposible, pero o amor é máis forte que todas as cousas e Montgomery Gilmore porase mans á obra para conseguir o corazón de Emma Harlow (teredes que lela para saber se vai conseguilo ou non).

De novo atoparémonos con H. G. Wells como personaxe. Acaba de publicar con bastante éxito “La guerra de los mundos” e pasado un tempo recibe unha carta dun autor americano que escribiu unha continuación titulada “Edison conquista Marte”, o seu autor é Garrrett Putnam Serviss. Como vai a visitar Londres pídelle que queden nalgún lugar para charlar un pouco. Wells considera esa continuación como unha aberración que pouco ten que ver coas intencións que el tiña ao escribir a súa novela, que ve como unha crítica a varios aspectos da sociedade, así que a súa idea é criticalo todo o posible, por iso acode a unha cita que non lle apetece nada. Pero desde o principio Serviss cáelle ben e a charla que sosteñen vólvese amena e interesante, ademais de aderezada por boas cantidades de alcohol. Nun momento dado Serviss fálalle dunha cámara secreta da que el ten unha chave, unha cámara no Museo Británico na que o Goberno garda cousas que considera que o pobo aínda non pode coñecer. Entre elas está unha nave extraterrestre e o cadáver do seu piloto. Moi animados polo alcohol e cun Wells moi intrigado entran no museo e na cámara, onde poderá ver cos seus propios ollos que todo o que lle contara Serviss é certo, alí está o que lle dixera, algo inconcibible e que o deixa completamente atónito.

Pero Palma non nos vai deixar coa intriga da procedencia destes dous elementos de fóra da Terra. De novo cambiaremos de época e lugar para que o narrador nos conte a historia do Annawan, un barco que viaxa á Antártida nunha expedición en busca do burato que pode levar ao centro da Terra. Tras unha complicada e ardua viaxe chegan ás xeadas terras, pero o barco queda varado no xeo e toda a tripulación tenta levar a situación o mellor que pode. Será aquí onde apareza a nave extraterrestre e o seu tripulante, nunha estremecedora historia cun final tráxico.

E de aquí pasaremos á terceira historia, que vai misturar elementos de todas as anteriores e que será da que menos conte. O protagonista será Wells e a novela “La guerra de los mundos” nunha historia a medio camiño entre a orixinalidade e a homenaxe, chea de momentos de acción, humor e amor.

De novo varias historias conforman esta nova novela do autor, todas elas perfectamente engarzadas e dirixidas con mestría. O mesmo narrador máis que omnisciente que aparecía en “El mapa del tiempo” irá con nos agora case como un mestre de cerimonias que nos vai presentando toda a acción, os personaxes, as relacións entre eles e todo aquilo que o lector quere saber e incluso algunhas cousas que sería mellor que non soubera. Creo que este narrador é un dos maiores acertos da historia, entre director de orquestra e contador de contos, ameno e divertido. Tamén neste caso desde o punto de vista deste contador de historias gustáronme moito todas as novas reflexións que fai sobre o autor de novelas, da súa función e a súa forma de concibir a realidade e todo o que a rodea. Se a novela anterior falaba sobre algunhas cousas nesta céntrase no novelista como un dos integrantes fundamentais da sociedade en tanto en canto ten como unha das súas misións fundamentais axudar á xente a soñar cos seus relatos, a vivir vidas e realidades lonxe deles, unha marabillosa vía de escape para a realidade cotiá. Unha idea coa que coincido bastante e que creo que é unha das funcións máis importantes da literatura de todos os tempos.

Ciencia ficción, aventuras sen descanso, acción case continua, moito bo humor e tamén o amor como elementos centrais do relato. A verdade é que ten de todo e moi ben levado ao papel. Nalgúns aspectos gustoume máis a anterior, pero noutros esta. Aínda sendo parecidas son distintas, coinciden no ton xeral do relato, na forma de contalo pero teñen suficientes elementos para facelas lixeiramente distintas, cada unha cos seus méritos. Comentar cales sería dicir demasiado e é moito mellor que sexa o lector o que descubra esas diferencias e opine cal delas gustoulle máis. Segue a ter ese aire de novela clásica de aventuras, unindo perfectamente o antigo e o novo, non en van ao principio da novela cualifícaa de “folletín” como aqueles por entregas tan de moda hai anos e que case naceron na época na que transcorre a historia. A fascinación de Palma por Wells é patente, un dos grandes autores do xénero e un xenio imaxinativo e creador. Hai pouco lin unha biografía súa e descubrín a cantidade enorme de novelas e relatos que escribiu, dinme conta de que so lin as súas novelas máis coñecidas, haberá que poñerlle remedio.

Unha lectura recomendable para pasar un bo rato en calquera momento. Nalgún sitio vin que non era necesario ler a anterior para facelo con esta, sinto disentir, para min é imprescindible ter lido “El mapa del tiempo” antes de poñerse con esta. Xa vos digo que hai unha serie de personaxes cos que volveremos a coincidir en maior ou menor medida en canto á súa importancia dentro desta historia, pero tampouco vou dicir cales, teredes que lela.

sábado, 19 de mayo de 2012

Defensa do ensino público

Esta vez non me vou estender como normalmente, creo que con ver o vídeo queda dito todo o que hai que dicir

jueves, 17 de mayo de 2012

17 de maio, Día das Letras Galegas, dedicado a Valentín Paz Andrade



O “Día das Letras Galegas” celébrase desde 1963, instituído pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destacan pola súa creación literaria en idioma galego ou por defender esta lingua. Cada ano dedícase a un autor ou autora diferente. A elección desta data vén dada pola publicación nese mesmo día do ano 1863 en La Habana da obra “Cantares Galegos” da poetisa Rosalía de Castro, unha obra que marcou o principio do Rexurdimento, o renacemento cultural do galego.

Esta ano dedícase a Valentín Paz Andrade, autor de ensaios sobre literatura, historia, economía ou pesca, varios libros de poesía e algo de narrativa. Naceu o 23 de abril de 1898 en Lérez (Pontevedra) e morreu en Vigo o 19 de maio de 1987. Ademais da súa actividade literaria foi un destacado xurista e político. Estudou Dereito en Santiago de Compostela e sempre se mostrou como un activo membro da vida universitaria. É neses tempos cando inicia os seus contactos co galeguismo, relacionado coas “Irmandades da Fala”. Colaborou con diferentes revistas, sobre todo con artigos de temas lingüísticos ou literarios. O seu interese pola literatura aparece cando o seu tío, o poeta Juan Bautista Andrade, preséntalle a unha das figuras fundamentais da cultura galega, Castelao. Foi director do periódico galeguista “Galicia” entre 1922 e 1926, ano no que foi pechado pola ditadura de Primo de Rivera. Posteriormente foi dirixente do Partido Galeguista, secretario do mesmo desde 1934. Desde 1921 exerce a avogacía en Vigo e en 1924 pasa dos meses no cárcere a causa de dous artigos periodísticos. En 1931 preséntase xunto con Castelao e Cabanillas ás eleccións para as Cortes Constituíntes, non sairá elixido por unha mínima diferencia de votos. En 1936 colabora coa campaña en favor do Estatuto de Galicia. Sofre dous atentados, o primeiro en Vigo e o segundo en Verín, onde foi desterrado despois do alzamento franquista. A causa dos seus artigos e ideas políticas sofre varios desterros. Foi director da revista “Industrias Pesqueras” (1942), avogado de prestixio en Vigo e un dos impulsores do grupo Pescanova, sendo o seu vicepresidente en 1960. Traballou como técnico da FAO, publicando o primeiro tratado sobre “Principios de economía pesquera” (1954) e traballando en misións internacionais en Hispanoamérica. Seguiu colaborando en periódicos como o “Faro de Vigo” ou “El pueblo gallego”. A partir de 1945 organizou a tertulia do café Alameda en Vigo, onde se reunía con intelectuais e artistas. Tras a morte de Franco representou a Galicia na “Comisión dos Dez”, que negociou a transición política e foi elixido senador por Pontevedra. En 1978 pronunciou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, da que era membro desde 1964.

Como escritor, ademais dos artigos periodísticos, é autor de ensaios literarios, históricos e económicos, reflectindo sempre a súa preocupación polo progreso de Galicia, ademais de obras especializadas en temas pesqueiros. Como poeta formou parte da Xeración de 1925. Iniciase na literatura en 1921 coa publicación de “Soldado da morte”. En 1955 aparece “Pranto matricial”, evocando a figura de Castelao, que morrera uns anos antes, e reeditada en 1975 en cinco idiomas. En 1968 “Sementeira do vento”, tratando o tema da paisaxe e as xentes de Galicia, xunto co exilio e os poetas galegos. “Cen chaves de sombra” (1979) e “Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo” (1985) son as súas dúas últimas obras poéticas.


Así este 17 de maio recordamos a este completo autor e político, unha das figuras fundamentais da cultura e sociedade galegas. Que mellor maneira de facelo que deixando un dos seus poemas:

“NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,
que dende a Torre de Hércules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas polo mare;
de toxo unha fogueira en cada monte;
cando ti volvas polo mare;
dos castros na coroa unha cachela,
cando ti volvas polo mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas polo mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas polo mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas polo mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas polo mare;
veliñas á xanela en cada casa,
cando ti volvas polo mare;
e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti chegues polo mare;
cando ti chegues polo mare...”

Galiza, 1954


jueves, 10 de mayo de 2012

"El círculo de los escribas", Romain Sardou



Volvemos ao mundo das novelas, neste caso do xénero negro ou de investigación, outro deses que soen gustarme bastante cando están ben feitos, manteñen a intriga e teñen un desenvolvemento medianamente orixinal, algo que non é demasiado fácil nun tipo de novela da que podemos atopar infinidade de exemplos. Neste caso dun autor do que comentei a súa primeira novela ao pouco tempo de empezar con este blog, alá por xullo do ano 2010 apareceu un comentario de “La herejía”, do novelista francés Romain Sardou. Neste caso esta é a súa terceira novela e curiosamente creo, desde a miña opinión, que adoece das mesmas virtudes e defectos que mencionei cando comentei a anterior. Logo explicarei algo máis. O título é “El círculo de los escribas”.

Romain Sardou é un autor nado en 1974 en Boulogne-Billancourt, Francia. Como curiosidade comentar que é fillo do cantante e compositor Michel Sardou. Ven dunha familia de artistas, cantantes, escritores e actores. Isto fixo que a súa infancia e xuventude estiveran cheas de arte en case todas as súas manifestacións, pero foi a lectura a que gañou a partida sobre as demais. Creceu lendo as obras dos grandes autores e foi o que fixo que se decidira pola escritura. Deixou a escola secundaria no ano no que se ía graduar coa idea de converterse en dramaturgo. Logo asistiu durante tres anos a clases de teatro, coa idea de comprender mellor o funcionamento do mesmo e entender a profesión de actor. Posteriormente traballou no festival de Rametuelle. Nos anos noventa viaxou a Estados Unidos e traballou na Disney. No ano 2002 apareceu a súa primeira novela, “La herejía”. En castelán as súas obras están editadas por Grijalbo e DeBolsillo. A primeira apareceu no ano 2004. Outras publicadas son “El peregrino del tiempo” (2006) e “Líbranos del mal” (2009). A que comento hoxe é do ano 2008. Ademais é autor de varios contos de Nadal escritos para os seus fillos. A súa última novela non foi editada aínda por aquí, titulada “Quitte Rome ou meurs” (“Vete de Roma o muere”), unha historia que transcorre na antiga Roma.

“El círculo de los escribas” transcorre na localidade de Concord, en New Hampshire. Alí o oficial de policía Stu Sheridan leva unha vida bastante tranquila, ata que nunhas obras atopan vintecatro cadáveres apilados de forma completamente ordenada, todos eles vestidos e cun disparo no corazón, tal como están parece que foron alí de xeito voluntario. Ademais non teñen características comúns, distintas idades, sexos... Un misterio que non poderá desvelar, xa que o FBI rapidamente collerá o caso, deixándoo de lado, aínda que Stu non é unha persoa que deixe as cousas con facilidade, sobre todo cando os asasinatos tiveron lugar na súa poboación. Ao mesmo tempo iremos coñecendo a historia de Frank Franklin, un estudoso da literatura, autor dun libro que tivo gran fama no que fai unha análise crítica de varios autores. A raíz desa publicación ofréceselle a posibilidade de ser profesor de creación literaria nunha prestixiosa universidade privada da mesma zona na que aparecen os cadáveres, a Universidade de Durisdee. Durante algúns capítulos coñeceremos a historia destes dous personaxes, dous camiños que parecen non ter conexión. Sheridan irá pouco a pouco recabando información sobre algúns dos asasinados, xa que vai custar identificalos, e sobre algunhas cousas relacionadas co caso. Mentres Franklin chega á universidade, instálase e comeza as súas clases. É evidente que ambos acabarán tendo contacto, ¿como? Buscando puntos en común entre os mortos Sheridan descobre que varios teñen algo que os relaciona, a afección á lectura de novelas negras dun misterioso autor que case ninguén coñece, un autor de ventas limitadas e non demasiado éxito pero que plasma todo nas súas historias con precisión milimétrica. Nun principio pídelle a Franklin que lea esas novelas para atopar nelas as claves do autor, tentando adiviñar cal é a súa forma de pensar e que relación pode ter coas misteriosas mortes, das que case non hai unha soa pista. No medio está tamén a existencia dun club secreto formado por uns poucos alumnos da universidade e que se fan chamar a si mesmos el Círculo dos Escribas. Pronto estes dous personaxes veranse inmersos nun gran misterio, nunha complicada historia que fará que teñan que cambiar a súa forma de ver as cousas e que estará chea de sorpresas e emocións. Terán que usar todo o seu inxenio para atrapar ao misterioso asasino, nun xogo entre literario e mortal.

A novela creo que ten un bo plantexamento, a idea central é bastante orixinal e o desenvolvemento da mesma está bastante ben logrado, conseguindo manter a atención do lector en todo momento. Nese sentido está moi ben, capítulo tras capítulo imos coñecendo algo máis, aclarando algunhas cousas e vendo todo desde o punto de vista dos dous protagonistas. Ambos personaxes están ben deseñados, teñen unha personalidade ben definida e a súa intervención dentro da historia está moi ben organizada. Ao redor deles algúns outros aparecen aos que haberá que estar moi atento, porque durante boa parte da historia non saberemos moi ben de quen desconfiar ou, sobre todo, como o asasino pode estar a facer o que fai. Ao igual que na novela que comentei anteriormente a linguaxe é directa, incluso nalgúns momentos pode facerse algo desagradable polo detallado e brutal, pero é a forma de facer que o lector poda chegar a sentir o mesmo que están a pasar os personaxes da historia. A novela lese moi ben e mantén ao lector nun certo estado de tensión, paréceme unha boa historia e nese sentido gustoume bastante. Para poder dicir algo máis quizais tería que desvelar algunhas partes, cousa que non vou facer, porque o mellor é, coma sempre, que o propio lector descubra as cousas a medida que avanza nas páxinas.

Pero ten un pequeno problema desde o meu punto de vista. Ao principio deste comentario dicía que para esta terceira novela do autor podería aplicar moitas das cousas que comentei cando o fixen coa primeira, que ten as mesmas virtudes e os mesmos defectos. A maior virtude está indicada no parágrafo anterior, a historia é orixinal, os personaxes non son demasiado tópicos e incluso entran dentro do crible, o desenvolvemento tamén está ben, pero fáltalle algo. Naquel momento dicía que “La herejía” era unha boa historia pero que fallaba no sentido de que quedaba demasiado simple, que podería dar máis de si ou estar máis desenvolvida nalgúns momentos. Pois a esta penso que lle pasa o mesmo. Hai nela moitas ideas que podería traballar máis, que quedan algo frouxas e que se as desenvolvera máis darían lugar a unha historia moito máis interesante. Non so no que se refire á parte da investigación, senón tamén na parte na que nos conta cousas dos personaxes, das súas vidas e do que fan. Certo é que de algúns non o fai demasiado porque quizais desvelaría parte dos misterios, pero con outros podería facelo. A historia transcorre durante unhas trescentas páxinas máis ou menos, quizais cunhas cantas máis quedaría moito máis redonda. Incluso as páxinas finais son algo caóticas, quizais demasiado rápidas tendo en conta o anterior, deses casos nos que parece que o autor non ten demasiado claro (ou non ten demasiadas ganas) como rematar a novela e liquida todo con excesiva presteza. Creo que cun pouco máis de desenvolvemento en varios sentidos sería unha novela moito mellor. 

Aínda así non está mal, recomendable para os que lle guste o xénero. Bastante entretida e boa de ler, pode un meterse dentro da historia con gran facilidade e seguir a estes dous protagonistas na súa aventura para atopar ao asasino. Boa lectura para unha tarde de verán, cando un está de vacacións e ten ganas de ler algo sinxelo, fácil e sen demasiado esforzo, e entretido e interesante ao mesmo tempo. Teño pendentes as súas outras novelas, non sei se lles pasará o mesmo (boas ideas cunha realización algo escasa), vereino nalgún momento.

miércoles, 2 de mayo de 2012

"Los Vengadores"



Este último domingo, por un par de cousas, foi como facer unha viaxe no tempo uns cantos, non poucos, anos cara atrás. Empezou coa comida familiar, apareceron sobre a mesa un par de pratos deses que un recorda con cariño de cando era máis novo. O bo é que sabían como recordaba, así que o inicio foi bo. E logo fomos ao cine, e aí a cousa continuou ben, volvendo aos anos dos cómics e dos superheroes. Non é a primeira vez que digo que foron unha das primeiras cousas que lin, o que me recorda un pouco aos catro rapaces que protagonizan unha das últimas series que apareceron por aquí, so que aínda gustándome moito todo ese mundo non o levo a situacións tan extremas como eles. A película de hoxe é de moi recente estrea, o día 27 de abril apareceu na carteleira, e dous días despois alá fomos ver “Los Vengadores”.

Por aquí pasaron xa a maior parte das películas que tiveron a varios dos protagonistas desta como eixe central, creo que a única que non comentei foi “Hulk” (aínda que para min sempre será A Masa, que é como se chamaba na miña época). Todas elas produtos entretidos e ben feitos, uns máis que outros, tendo en conta que nos meus gustos nun extremo quedarán as de “Iron Man” (como as que máis me gustaron) e no outro “Thor” (como a que menos, sen querer dicir que non o fixera). Todas elas parecían enfocadas á reunión do grupo que coñecemos como Los Vengadores, a unión de todos estes superheroes nun so grupo para defender a Terra de calquera tipo de invasión, medio comandados por Nick Furia e pertencendo ao grupo coñecido como Shield. Os máis afeccionados quedabamos a esperar tras cada unha delas a que pasaran os títulos de crédito para ver esa pequena escena final que, desde a primeira á última película, íanos confirmando a preparación da cinta que os xuntaría a todos. Pois aquí está, tras meses de ver trailers falsos e un montón de noticias e suposicións, por fin temos nas nosas pantallas á maior reunión deses personaxes nunha soa película. E para min o resultado foi máis que bo, gustoume moito e tívome moi entretido durante as case dúas horas e media de proxección. Por un lado non tiña dúbidas de que ía, como mínimo, a ser unha historia entretida e espectacular, pero sempre queda un certo resquemor ante o resultado de tal unión. Os cómics deste grupo eran realmente bos e teño un gran recordo deles, pero podía ser que á hora de levalos ao cine a cousa non resultara igual.

Nas películas anteriores vimos a historia de cada un deles, polo menos de catro, xa que dous dos seis que aparecen nesta non teñen unha para eles sós. Hulk, Iron Man, o Capitán América e Thor son os que tiveron unha cinta contándonos toda a súa historia, os seus principios e de onde xurdiron, para terminar como dixen con ese pequeno final que deixaba ver a idea desta reunión. Como nexo entre eles tiñamos a Shield e a Nick Furia, o encargado de recrutalos ou, polo menos, de telos controlados. A estes catro uniranse nesta cinta outros dos clásicos das historias gráficas, a Viuda Negra e Ojo de Halcón. Todos eles andan un pouco ao seu aire, pero algo pasará que fará necesario que se reúnan e traballen xuntos. Se nas anteriores asistimos ao nacemento da cada un destes heroes, nesta veremos como se forma o grupo que naquelas historias salvará á Terra de calquera inimigo.

O argumento, como é normal nestas historias, non é nada complicado. Nunha das últimas entregas, na escena final, viamos como Loki, o medio irmán de Thor, escapaba da morte e quedaba relacionado cun poderoso e misterioso cubo. Este cubo está a ser estudado e analizado nos laboratorios de Shield como unha posible e inesgotable fonte de enerxía, pero tamén é o medio para abrir un camiño cara a outros mundos. Loki volve para roubar o cubo e facilitar unha invasión que pretende destruír e conquistar a Terra. Ante iso o coronel Nick Furia verase na obriga de reunir aos superheroes e tentar que traballen xuntos para evitar a destrución do planeta. Máis ou menos o de sempre, o mal contra o ben e esas cousas ás que nos teñen acostumados este tipo de historias.

Neste caso o problema é saber como resultaría esta unión. En xeral as películas dedicadas a cada un deles tiveron bastante boa acollida de público e un notable éxito económico. Non parecía demasiado arriscado xuntalos a todos, algo que os fans esperaban, nunha soa cinta na que se investiron máis de douscentos millóns de dólares e que seguramente terá beneficios. O director é Joss Wheldon, un case novato no cine, procedente da televisión e que consegue un resultado aceptable. Creo que en mans dun directos algo máis experimentado neste tipo de cine podería ser algo mellor.

Non é fácil xuntar a esta cantidade de personaxes nunha soa historia e saír con ben. Por un lado un mérito da cinta é que sabe manter á perfección as características de cada un deles, algo que pode chamar a atención dos que non sexan seguidores dos cómics, pero que para os que si o son é algo notable. Thor, o fillo de Odín, inalterable e case hierático, pero maxestoso. O Capitán América nun mundo que non é o seu e que lle custa entender, un pouco fóra de lugar pero sempre disposto. O doutor Bruce Banner, escondido tanto do mundo como de si mesmo, sempre con medo a que saia Hulk, xa que non pode controlalo. E Tony Stark, Iron Man, faltón, prepotente, chulesco e individualista. Xunto a eles a Viuda Negra e Ojo de Halcón, case como acompañantes con algo menos de peso no desenvolvemento da acción, pero aínda así con escenas importantes. Facer que traballen xuntos é o máis difícil de todo, cada un quere facer a guerra pola súa conta e o de actuar en equipo non vai demasiado con eles, creen ser capaces de enfrontarse a calquera cousa pero eles mesmos deberán ser conscientes de que a ameaza á que se enfrontan non poderá ser derrotada se non colaboran.


Así estamos ante unha historia entretida e sobre todo ben feita. Para os que somos seguidores dos Vengadores desde hai anos quizais os primeiros tres cuartos de hora poden facerse algo pesados. Neles teremos case unha presentación da historia e os personaxes que se pode alongar demasiado, con excesivos diálogos e algunhas escenas para min prescindibles. A partir dese momento, cando xa os temos a todos xuntos, a película gaña en dinamismo, interese e, sobre todo, acción. Creo que se alonga demasiado nese principio, poderían telo feito algo máis breve e o resultado sería o mesmo. Claro que teñen que deixar claro como é cada un dos personaxes, as cousas que os motivan e animan actuar e como se van coñecendo pouco a pouco, xa que antes diso non se viran, pero sigo pensando que se fai algo largo e lento. Desde o momento no que embarcan no portaavións (impresionante concepto o desta nave cando se transforma) e empezan a interactuar entre eles a historia gaña en movemento e desde ese momento será case un non parar ata un final realmente espectacular.

Hai máis de cincuenta anos que estes personaxes apareceron en forma de historia gráfica, pero a actualización que se fixo deles esta moi ben, mantendo en parte o espírito de toda a vida e engadíndolle algúns elementos de modernidade. Non me vou parar nos espectaculares efectos especiais, realmente impresionantes, que fan crible unha historia de ficción imposible de filmar hai uns cantos anos. A imaxe dos heroes responde á perfección ao aparecido no papel e os actores creo que cumpren moi ben cos seus papeis. Nalgunhas críticas que vin, por exemplo, poñen de mediocre a mal ao actor que fai de Thor, pero creo que mantén a imaxe que teño do cómic, non se lle pode pedir máis. Unha mención especial para os moitos toques de humor que atoparemos, case todos eles xeniais. Iso si, a maior parte deles veñen de Iron Man, que coa súa forma de se da lugar a esas situacións entre cómicas e ridículas. De todos eles é co que quedo, sempre foi o meu favorito e neste caso creo que é o que máis luce de todos, é ao que lle dan máis cancha en todos os sentidos, quizais porque as súas dúas películas anteriores foron ás máis rentables, pero tamén porque o propio personaxe de Tony Stark da para moito. El leva o peso da maior parte das escenas e da acción. Tamén o Capitán América, outro dos que máis me gustaban, ten boa parte de protagonismo. Iso si, nas escenas finais a participación de Hulk é realmente espectacular e nalgún momento moi divertida.

Os actores na liña das súas películas individuais, case perfectos no desempeño dos seus papeis. Robert Downey Jr., coma sempre, cumprindo á perfección. Dos demais so cambia de actor o personaxe de Hulk, interpretado agora por Mark Ruffalo e creo que de forma destacable, non sei como resultaría nunha na que el fora o protagonista, pero me gustou moito. A Viuda Negra é Scarlett Johansson, que aparecera de forma fugaz nas de Iron Man, aquí colle algo máis de protagonismo e tampouco queda nada mal. E Ojo de Halcón é Jeremy Renner, que o tempo que aparece tamén cumpre á perfección. Claro que outro dos meus personaxes favoritos dos cómics era Nick Furia, que aparecera de forma breve nalgunhas das outras historias, interpretado como nesta por Samuel L. Jackson, creo que tamén de forma destacable, impecable co seu parche, o seu abrigo longo e a súa seriedade.

Creo que é evidente que disfrutei moito coa película, as dúas horas e media que dura pasáronseme nun suspiro, tendo en conta como xa comentei, que o principio aínda que me gustou quizais se me fixo un pouco longo. Imprescindible, penso eu, para os fans do cómic e recomendable tamén para os que nin os coñezan. Na casa so eu son lector de cómics, e a todos lles encantan estas historias. A unión de todos estes personaxes tivo un bo resultado, entretido, ameno e moi divertido en todos os sentidos, e espectacular como ten que ser. Tendo en conta o final (tras os primeiros títulos de crédito, que esta vez non hai que esperar ata o final de todos) e o éxito que está a ter creo que é maís que esperable (eu polo menos a espero) unha nova aventura á voz de “Vengadores, reuníos”.