domingo, 9 de mayo de 2010

Noche loca

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=5t368fqY0zg&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Chuvia, frío, vento. ¿Decembro? Non, estamos no mes de maio, aínda que non o pareza, non sei noutros lados, pero aquí en Vigo a 8 de maio parece que estamos en pleno inverno. Así que as opcións para non quedar na casa un sábado pola tarde pasaban por ir ao cine. Cónclave familiar, carteleira, a verdade é que non hai demasiado onde elixir, así que tras ir eliminando so nos queda “Noche loca”, unha comedia que, tras ver o trailer por internet por se acaso, non ten mala pinta. Alá imos.
A verdade é que resultou entretida, simpática e bastante divertida. Claro que non pasará á historia do cine, para nada de nada, pero si que nos fixo pasar unha hora e media na que rimos bastante algunha vez e case todo o tempo estivemos cun sorriso na boca, así que ben. O primeiro que me gustaría comentar é o título, porque as veces as traducións, como xa comentei algunha vez, deixan tanto que desexar que quitan as ganas de ir ao cine. Menos mal que coñecía aos actores, que vin o trailer e nos decidimos, porque se nos fiáramos so do título en castelán non creo que o fixeramos, porque son deses títulos que botan para atrás. Con ese título o menos é imaxinar unha comedia desas chorras de adolescentes, sexo normalmente bruto e pouco máis, pero non é iso, para nada. Orixinalmente é “Date night”, que viría a ser algo así como “Cita nocturna”, que evidentemente axústase máis ao que un vai ver na pantalla que o que suxire a tradución, que xa digo, a moitos quitaralle as ganas.
Hai moitas películas co mesmo esquema que esta, unha saída nocturna que un espera que sexa divertida e convértese en todo o contrario, normalmente segundo sexa, todo pasa por unha serie de peripecias máis ou menos divertidas, disparatadas ou tolas que pouco teñen que ver co que un quería facer. Os afeccionados ao cine terán que recordar unha cinta de Martin Scorsese que aquí titulouse “Jo, qué noche” que é a historia por excelencia dese tipo, o tío que sae a cear, tomar unhas copas e ver se liga un pouco pero de repente todo se complica e vese inmerso nunha sucesión de persecucións, malas experiencias, xente rara que fan que sexa a peor noite da súa vida. Tres esta moitas seguen este mesmo esquema con maior ou menor sorte. Pois esta de hoxe é o mesmo, pero a verdade é que ten bos momentos.
Vainos contar como unha parella casada, con dous fillos (insoportables) e un pouco acomodados e acostumados a unha vida de traballo e rutina, decide cambiar o seu costume de ir cear so mesmo sitio de sempre e tentalo nun luxoso restaurante do centro. Claro, sen reserva nin nada a cousa complícase, así que deciden esperar na barra. Cando a camareira pasa chamando a unha parella para que ocupen a súa correspondente mesa, como ven que non contesta ninguén eles mesmos deciden dicir que son eles, e así comeza unha noite moi, pero que moi movida. Evidentemente a confusión lévaos a un encontro cuns matóns a soldo que buscan aos orixinais, véndose de repente inmersos nunha escalada de persecucións, disparos, investigacións... dentro dunha historia de chantaxe, extorsión, corrupción e cousas desas, pero nada en serio, que é unha comedia, ademais para maiores de sete anos, así que salgo algunhas conversacións sobre sexto case é apta para todos os públicos.
O director é Shawn Levy, máis ou menos coñecido por algunha comedia lixeira máis deste tipo, as máis recentes as dúas de “Noche en el museo”, que tampouco estaban mal, falando deste tipo de cine, claro. Pero o que me levou a que tivera ganas de vela foron os dous protagonistas, que me parecen dous dos mellores actores de comedia que podemos atopar neste momento no cine americano. Ambos saen dun coñecido programa de televisión que leva alá moitos anos en antena e que aquí emite de vez en cando Canal+, falo de “Saturday night live”, un deses programas ácedos que fan e do que saíron moitos actores que despois pasaron ao cine con éxito desigual. El é Steve Carrell, pouco coñecido aquí, a verdade, e que ten boas comedias, do último aínda que é mellor non xulgalo por ela porque era regular tirando a mala, a versión de cine so Superagente 86; mellor velo nunha serie que tamén emiten as privadas, “The Office” ou nunha película desas que tamén asustarían polo seu título pero que é máis do que parece, “Virgen a los 40” (xa digo, non vos fiedes do título porque non é unha mala comedia). Ela é moito menos coñecida por aquí, famosísima en USA polas súas imitacións de Sara Palin no mencionado programa e tamén por ser a protagonista dunha serie cun humor un tanto histriónico e estraño (dese que te gusta ou non es capaz de soportalo) que é “Rockefeller Plaza” sobre unha cadea de televisión. Para min ela é unha máis que boa actriz cómica, sobre todo polas súas caras, xestos, formas de falar e de comportarse conforman un papel que, polo menos a min, fíxome bastante gracia.
Xa digo, non é unha recomendación encarecida, quizá boa para ver dentro duns meses cando saia en DVD ou, se o tempo segue así, para pasar hora e media bastante divertida. Ten dúas ou tres escenas realmemte orixinais, o que xa é algo difícil na comedia. Os diálogo son áxiles e moitos deles hai que seguilos atentamente porque hai gags cómicos dentro deles que si un non está atento pode perderse. Creo que merece a pena ver aos dous protagonistas, sobre todo os que non os coñezan poden descubrir algo bastante bo, a verdade. Ademais aparecen varias caras coñecidas en papeis secundarios, algúns bastante graciosos, a verdade. Tamén teño que dicir que ultimamente non vexo comedias que me fagan rir demasiado e con esta rin bastante (aínda que son de risa fácil, tamén é certo), pero hai xente na miña casa que non ri con facilidade e nesta houbo varios momentos nos que algunha risa forte escoitei ao meu lado. Ademais quizais sexan máis graciosos os diálogos que os gags visuais (salvo o do taxi, que me pareceu moi bo, pero non volo contarei), o que tamén é un mérito. Se a alguén lle da por ir vela por culpa deste comentario, xe ma dirá, so espero que algo lle guste, que logo a culpa é miña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario