domingo, 23 de mayo de 2010

El pequeño Nicolás

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=wLX7y1-kfOc&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hai uns días falaba cun amigo meu, francés el, que dicía que tiña que ir ver esta película que vou comentar hoxe, porque lle ía recordar a súa infancia e pensaba que tería que estar ben e merecer a pena. Hoxe toca cine, e cine familiar no seu máis completo significado, porque a película que vou comentar, estreada hai dúas semanas, creo, é “El pequeño Nicolás”. Cando a súa estrea xa me chamou a atención, porque a verdade é que non me soaba de nada o personaxe, pero tralo comentado por este amigo vin que en Francia foi un tremendo éxito de ventas en forma de libro e case todos os nenos franceses leron nalgún momento un libro desta serie. Así que con esta recomendación e vendo que os actores adultos son bastante coñecidos tras algúns éxitos recentes decidímonos a vela todos xuntos, que de vez en cando tamén hai que levar aos nenos a cousas que estean pensadas para eles, aínda que teño que dicir que os dous adultos tamén rimos bastante.




“El pequeño Nicolás” é unha serie de libros infantís editados entre os anos 1956 e 1964 en Francia. Tras indagar algo por internet vin que en España están editados por Alfaguara na súa colección de libros infantís e xuvenís. Os libros parten da imaxinación dun máis que coñecido guionista de cómics e libros, René Goscinny. Digo que é moi coñecido por ser o creador de personaxes como “Astérix e Obélix” ou “Lucky Luke”, libros de cómics que todos coñecemos e limos algunha vez, ou, como é o meu caso, moitas veces, porque os dous primeiros son case compañeiros de crecemento para moitos de nós, a Lucky Luke era menos afeccionado, debo recoñecelo, pero tampouco sei moi ben a razón, gustábame menos. El poñía os guións e traballou con varios debuxantes que lle deran forma ás súas ideas, o máis coñecido Uderzo, co que traballou en toda a serie de Astérix. Goscinny naceu no ano 1926 e morreu no 1977 e pode ser considerado sen esaxerar un clásico de literatura infantil non so francesa, senón tamén europea e mundial, xa que a súa obra podemos dicir que foi traducida a case todas as linguas do mundo. No ano 2004 a filla de Goscinny atopou unha serie de historias inéditas do seu pai e Nicolás, reuniuse con Sempé, que era o ilustrador dos libros anteriores e apareceron novos volumes que trouxeron de novo ao personaxe aos primeiros postos de ventas e a que se fixera, visto o novo éxito do personaxe, esta película, que igual, xa que en Francia tivo moito éxito, non é a única. Apareceron en tres volumes, no 2004, 2006 e 2009, publicados tamén en España.



Con esta serie de libros compuxo un modelo que é xa un clásico, un conxunto de relatos autobiográficos contados en primeira persoa polo protagonista, un neno normal, unha sucesión de anécdotas da súa vida que fan que vaiamos coñecendo ao personaxe e a todos os que o rodean relato tras relato, ata velos case como parte da familia. Para facernos unha idea este esquema é o mesmo que aparece en castelán por exemplo co personaxe de Manolito Gafotas, de Elvira Lindo, co que comparte moitos esquemas e ideas, salvo que as aventuras de Nicolás transcorren nun mundo distinto, nunha época distinta e cunhas preocupacións e acontecementos distintos.



O mellor do personaxe é o punto de vista infantil que aparece nos seus relatos e que se ve perfectamente na película. Todo está visto desde esa lóxica infantil que perdemos cando crecemos, unha coherencia dentro dese mundo de nenos onde todo se ve doutra maneira moito máis directa e nada mediatizada por outras cousas. A inocencia é o elemento fundamental das súa vidas e o motor dos seus actos, non son nenos malos nin gamberros nin golfos, en absoluto, todo o que fan vén dado polas boas intencións, aínda que as veces poidan equivocarse e meter a pata. Aparecen os seus medos, os seus desexos e a unión das cousas importantes coas trivialidades, que fan que todo sexa visto como algo normal, cuns razoamentos completamente lóxicos nas súas mentes, pero que van traer consigo algúns desastres. A través dos ollos de Nicolás e os seus amigos o mundo é moito máis sinxelo do que é en realidade. O mellor de todo é que non lle van pasar cousas extraordinarias, todo nas súas vidas é cotián e normal, como a vida de case todos nos cando nenos, cando un acontecemento sen importancia se converte no máis importante do día: o colexio, as notas, os xogos infantís, montar unha banda, os partidos de fútbol..., todo o que lle pasa puido pasarnos a calquera.



A película non sei exactamente se responde a un dos relatos ou a varios xuntos. Parte dunha redacción escolar na que se lle pide que escriba o que quere ser de maior, e Nicolás ve como os seus compañeiros escreben con facilidade, mentres el non é capaz de empezar, porque non o sabe. Un dos seus amigos ten un irmán e, dentro desa lóxica infantil, Nicolás ve certos sinais na súa casa que lle fan pensar que a el vaille pasar o mesmo, e pensa que iso non vai ser bo para el, xa que o primeiro que se lle pasa pola cabeza é que os seus pais van desfacerse del. Así xunto cos seus amigos todo vai ir enfocado a ver como se van desenvolver as cousas na súa casa, primeiro quere ser un santo para non ser eliminado da familia, logo pensa en desfacerse do irmán cando chegue para eliminar a competencia e algunhas cousas máis. Ademais do protagonista directo o mellor da película son os nenos. É esa pandilla típica de rapaces que case todos tivemos de nenos, sen achegarse demasiado as rapazas, claro, que son vistas como seres raros, ademais de que o colexio ao que van é so de nenos, claro. Os amigos de Nicolás son todos xeniais e comparten todo o protagonismo con el. Temos a Clotario (o último da clase, sempre castigado); a Alcestes (que creo que non hai unha soa escena na que non este a comer); Eudes (o matón do grupo); Godofredo (o neno rico que ten absolutamente de todo e máis); Joaquín (o que ten o irmán e provoca todo o que vai pasar); Agnan (o pelota listillo de gafas, xenial); Rufo (o fillo dun policía) e María Eudivigis (que é a única rapaza que ten un certo protagonismo). Xunto con eles como personaxes principais temos tamén aos pais de Nicolás que tamén teñen algunhas escenas realmente boas.



A película é unha cinta familiar bastante divertida. En Francia, onde o personaxe é moito máis coñecido tivo gran éxito, pero xa digo que non é necesario ter lido os libros para pasar un bo rato con ela, é máis, moitos supoño que poderían animarse tras vela, unha boa cousa. Os nenos actores son todos realmente bos e moi naturais, cousa que a veces es difícil de atopar nestas cintas cheas de rapaces. O personaxe do pai está interpretado por un actor, Kad Merad, que podemos recoñecer como o protagonista doutra película francesa que tivo moito éxito recentemente, “Bienvenidos al Norte” e que é un bo actor de comedia. A estética tipo anos 50, en colores pastel, chama bastante a atención. A un dos meus fillos lle facía moita gracia a forma de vestir e o curtos e apertados que eran os pantalóns curtos que levan todos os nenos, que lles fan unhas pernas longas e, en moitos deles, delgadas e espigadas. Esta estética é outro acerto para darlle á cinta ese ambiente. Ten momentos realmente divertidos que provocaron en todos fortes risas, a revisión médica é algo fabuloso, a limpeza da casa, a visita ao colexio do ministro, a profesora substituta e algúns máis que é mellor non contar. O que podo dicir é que é unha moi entretida película para ver en familia, así que todos os que teñades nenos e nenas deberiades ir vela, pasaredes un bo rato, case seguro.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=VdFqUSp6tsA&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario