domingo, 2 de mayo de 2010

Iron Man 2

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=0imDnEX38dw&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

O comentario de hoxe está algo máis mediatizado polos meus gustos persoais que moitos dos que viñeron antes, loxicamente todos son subxectivos, pero hoxe inflúen moito os meus gustos persoais e os recordos da miña infancia e xuventude. Sempre me gustou ler, e creo que como todos, empecei hai anos cos tebeos, daquela estaban todas as historietas de Ibáñez (Mortadelo e Filemon, Rompetechos, Zipi e Zape...) e logo chegaron a nos o que agora chaman cómics, e os reis dos cómics eran os superheroes, devorábaos con avidez, e gustábanme moito, número tras número lendo as aventuras daquelas persoas que podían facer cousas que ninguén podía facer e soñando polas noites con ter as mesmas aventuras.
Hoxe toca cine, levaba tempo esperando para ver esta película e aínda agora, a pouco de rematar, estou abraiado polo espectáculo. O cine, cando empezou, deixaba á xente maravillada, era algo que non podían nin soñar, e iso que era mudo, cando chegou o son xa estaban acostumados a esas cousas. Hoxe a técnica permite facer cousas que antes eran impensables e creo que as novas xeracións están demasiado afeitos a isto e hai poucas cousas que lles sorprendan. Aínda recordo como alucinabamos con “La guerra de las galaxias” e as súas continuacións, claro que agora se chaman “Star Wars” e como víamos a aquelas naves, os robots, as espadas láser como algo completamente alucinante, non sei como non saíamos do cine con dor de mandíbulas de ter tanto tempo a boa aberta. De todos modos eu sigo disfrutando case como naquel momento con películas como a que acabo de ver. Xa dixen que non vos fiedes moito de min hoxe, porque o dos superheroes é algo que me fascina e segue a fascinarme aínda hoxe, e non perdín ningunha das adaptacións cinematográficas que se fixeron. Claro que algunhas gustáronme máis que outras, lóxico, pero esta da que vin hoxe a segunda penso que é a miña favorita, tamén porque o personaxe era un dos meus favoritos dos tebeos, senón o que máis me gustaba.
Falo de “Iron Man 2”, que antes era simplemente o home de aceiro, e así aparecía nas portadas, que antes todo se traducía. Creo que é das películas deste xénero que máis se adapta ao que en realidade eran antes, espectáculo, acción, movemento, fina ironía e humor e todos os elementos que ten que ter un bo cómic. Outras películas deste tipo gustáronme menos porque creo que os directores e guionistas tentan crear algo máis, e non o son, eu quero ir ao cine a pasalo bomba e ver un espectáculo puro e duro, sen comeduras de cabeza nin torturas porque un ten poderes. Creo que algunhas da saga de Batman ou de Spiderman pecan deste tipo de cousas, anda que ía eu estar torturado se puidera facer o que me dera a gana, se fóra capaz de voar ou levantar un tanque, anda xa, con eses poderes non pode estar un coméndose a cabeza pensando no destino e amargándose por cousas que pouco teñen que ver con gozar dos poderes que un ten. A saga da “Patrulla X” quédase a medias entre un tipo e outro, o último Batman (esa de “O cabaleiro escuro”) pareceume unha boa película pero estas dúas do home de aceiro penso que son das mellores adaptacións dun cómic de superheroes que se fixeron. Tamén vos digo, se non vos gusta este tipo de xénero non vaiades vela, porque non vos vai gustar, pero eu disfrutei como un anano. Quizais a primeira era un pouco máis entretida, xa que o nacemento dun heroe sempre é máis atrainte, pero esta quédase ben cerca.
En primeiro lugar penso que a elección do actor principal é excelente. Robert Downey Jr. borda o papel. É outro deses actores que lle da credibilidade a todo o que fai. Hai pouco vira a última versión de Sherlock Holmes que protagonizara e tamén me gustou moito, entretemento cen por cen, que ao final é o mellor que ten o cine. Aquí creo que é o Tony Stark / Iron Man perfecto. Os afeccionados saberán que é un millonario prepotente, faltón, narcisista, egocéntrico pero simpático que non se detén ante nada cando se pon o seu fantástico traxe (quen pillara un). Os xestos, as caras, os levantamentos de cellas, as miradas, as poses, os movementos conforman perfectamente a ese personaxe tal e como era nos cómics. Como antagonista ten desta vez a Mickey Rourke, que con esa cara so pode facer de malo e que tras algúns problemas parece que volve con forza ao cine. Está moi ben como ese científico cachas ruso que so quere vingarse. E ao lado destes dous unha serie de actores moi coñecidos que tamén están moi ben. Temos a Gwyneth Paltrow como a axudante noiva de Stark; a Scarlett Johanson tamén nun bo e simpático papel; Samuel L. Jackson que aínda que sae pouco tamén é importante e a Sam Rockwell no papel doutro fabricante de armas que quere coller o lugar de Tony Stark como o máis importante do mundo e que recrea un papel algo histriónico pero tamén destacable.
Ademais a película está chea de chamadas aos frikis (dito con todo o cariño, que neste caso estou dentro desta categoría) con cousas que lles farán estar máis atentos. So un exemplo, atención a unha escena na que o protagonista usa unha especie de prototipo do escudo do Capitán América (a ver para cando unha película decente con este personaxe) para nivelar uns tubos para un experimento. E como todas estas, non vos vaiades da sala antes de que rematen todos (é son moitos, porque debe saír ata os que foron un día por alí a ver que tal) os títulos de crédito, porque ten unha escena final de poucos segundos pero que os seguidores do xénero entenderán perfectamente, o resto non o teño tan claro.
A historia é como todas, os bos contra os malos, estes queren uns vinganza e outros dominar o mundo, máis ou menos o de sempre, claro está, pero non lle imos pedir máis. É o que é, non é unha cinta para pensar nin meditar sobre o sentido da vida e nada así, son dúas horas de entretemento puro e duro, e polo menos para min o consegue perfectamente, cine de espectáculo para non pechar os ollos en ningún momento, aderezado con algúns diálogos intelixentes, algunhas notas de humor bastante conseguidas e moito, moito espectáculo, cine de entretemento na súa máis alta expresión.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=siQgD9qOhRs&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario