Xa levamos uns días de libros así que imos darlle á televisión outra vez. Certo é que non hai de momento máis series, polo menos que eu vexa, de verdadeira calidade pero si que quedan outras que polo menos merecen algo a pena polo entretidas que son, como é o caso de hoxe. Non quedará como algo novidoso ou destacable, pero como teño dito outras veces hai momentos nos que un o único que quere é entreterse un rato e esta de hoxe ten esa función. Falo dunha serie que aquí ten o nome de “Las reglas del juego”, “Leverage” en inglés que, traducido sería algo así como efecto de palanca, ademais é un termo que se usa en inglés en economía referido máis ou menos ao feito de obter financiamento para unha empresa. Pode verse na cadea AXN, e creo que de momento non pasou por ningunha das cadeas que non son de pago, pero espero que apareza, porque xa digo que está moi ben para pasar un bo rato. Neste momento están a emitir a segunda temporada e polo que vin en páxinas americanas pronto estrearán por alá a terceira, así que debe de ter un certo éxito. É máis, so como curiosidade, o outro día vendo un partido da NBA aparecía a publicidade desta terceira temporada no campo.
É unha serie producida por TNT. A primeira temporada consta de 13 episodios e foi estreada a finais do 2008; a segunda é do 2009 e son 15 capítulos e a terceira estrearase no verán deste ano en Estados Unidos. O protagonista, como ocorre en casos xa aparecidos por aquí, é un coñecido actor de cine, que ata gañou un Óscar, un actor que me gusta sempre bastante e que aquí fai un papel simpático, intelixente e non está nada mal, é máis, é el precisamente o que lle dá un aire de certa calidade que é unha das cousas que merecen a pena da serie. Falo de Timothy Hutton, un actor ao que posiblemente polo nome a algúns non lles soe demasiado, pero seguro que en canto lle vexan a cara daranse conta de quen é. O resto dos protagonistas non son demasiado coñecidos, algúns apareceron noutras series e son actores de televisión todos eles.
Vainos contar a historia de Nathan Ford (o papel de Hutton), un antigo investigador de fraudes para unha compañía de seguros. Esta compañía negouse a pagar un tratamento experimental que podería salvar a vida do seu fillo, que acaba morrendo, o que trae consigo un divorcio, que deixe o seu traballo e que, durante un tempo, se dedique a beber. Nos primeiros capítulos ten a oportunidade de vingarse desta aseguradora, para o que monta un equipo de xente cada un coa súa especialidade e idear un plan para sacarlle moitos cartos case sen que o saiban. Tras o bo resultado deste primeiro golpe formarán un equipo que se dedicará a montar timos contra grandes empresas ou xente rica que se quedou co diñeiro das persoas que os contratan. Non so loitarán contra grandes empresas, aparecerá a mafia, outras aseguradoras, estafadores..., pero case sempre actuando contra xente sen escrúpulos que se aproveita doutra xente. Para iso conta con ese equipo formado ao principio, no que salvo el, todos son ladróns especializados en certos campos que acaban por deixar esa vida que levaban para axudar aos demais. Así temos, ademais de Ford, que é o cerebro e o que se encarga de idear e dirixir os plans, todos eles timos moi ben montados, a catro persoas máis, dous homes e dous mulleres. Sophie Deveraux é unha experta ladroa sobre todo de obras de arte e será sempre a encargada de interpretar distintos papeis para entrar en contacto coas persoas ás que queren enganar, ademais é unha actriz frustrada que non consegue papeis decentes, polo que interpretar papeis na vida real é case unha vía de escape. O outro personaxe feminino é, para min, un dos mellores personaxes da serie. Dela so coñecemos o apelido, Parker, unha experta ladroa de xoias e obras de arte, torpe socialmente, evita o contacto social e físico, é unha inadaptada cunha infancia pasada entre orfanatos e casas de acollida, experta en caixas fortes, sistemas de alarma e todo o que teña que ver con entrar sen que ninguén o note en edificios, bancos..., é capaz de roubar calquera cousa a calquera sen que se de nin conta. Temos logo a Elliot Spencer, que sería o que leva a parte física, un antigo soldado de fortuna do que coñecemos mínimas partes do seu pasado, pero sempre relacionado coa violencia física, experto en armas e en case todas as formas de loita, así que esa é a parte que lle toca. E por último temos a Alec Hardison, o experto informático, tamén cun pasado de problemas familiares, é capaz de facer calquera cousa relacionada cun ordenador e é o encargado de todos os aspectos técnicos, é un hacker dos máis importantes do país e non hai case nada que se lle resista, un personaxe ademais simpático ao que lle encanta facer de vez en cando as cousas que non lle corresponden, que é cando máis disfruta. Así temos aos protagonistas, o cerebro, a actriz, a ladroa, o informático e o loitador, cinco persoas que se xuntan para montar os plans máis complexos para conseguir sempre o seu obxectivo, axudar aos máis débiles.
O que domina é o humor. Son ladróns que se complementan perfectamente e dirixidos por unha mente privilexiada que coñece todas as trampas dos timos, xa que antes era o mellor poñéndoos ao descuberto. Ademais temos un bo ritmo, sempre rápido e áxil, boas mostras de tecnoloxía de última xeración (pero sen chegar a ser incrible como ocorre noutras series, a verdade é que a pesar de ser case sempre plans complexos todo parece bastante verosímil, que é outra cousa a ter en conta), xiros sorpresivos que fan que as veces teñan que cambiar completamente o rumbo do plan e improvisar. Ademais non podemos dicir que sexa unha serie violenta, é axeitada para todos os públicos, xa que a que hai é case unha violencia de cómic, onde, como ocorría noutra serie que despois vou relacionar con esta, non morre ninguén creo que nunca, hai golpes, persecucións, disparos, pero nada que non poida ver calquera, ao revés. Algúns din que lles recorda ás películas de “Ocean´s eleven”, pode ser pola cuestión dos timos e a complexidade dos mesmos. Outros falan de Robin Hood, roubando aos ricos para darllo aos pobres. A min máis ben recórdame moito a unha serie clásica de hai uns anos e que pronto terá algo máis de recordo xa que están preto de estrear unha película baseada nela, falo de “El equipo A”, penso que é unha posta ao día desta mesma serie. Nela había un grupo de xente que se adicaba so mesmo, eran contratados por xente con problemas para enfrontarse aos ricos, tamén había plans elaborados, finxían ser outras persoas para relacionarse con aqueles aos que ían enganar e sobre todo a violencia da serie era branca, moi branca, porque para os que a recorden había disparos a moreas e non morría nunca ninguén. Así que se hai que relacionala con algunha das mencionadas eu penso que coa que ten máis que ver é con esta última.
Xa digo, moi entretida, cun ritmo moi áxil que non baixa en ningún momento dos corenta minutos que dura, cuns personaxes curiosos e moi definidos que teñen cada un as súas características pero que ao xuntarse dan o mellor de si mesmos e un humor que manifesta cada un dun xeito distinto, pero co que é imposible non rir en máis dun momento. Como dixen ao principio, máis que recomendable para pasar un bo rato.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=pigXd4Tdx2M&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]













Antes de empezar que ninguén se sorprenda polo autor escollido hoxe para este comentario. Teño que dicir que é un dos meus autores favoritos e que lin e penso ler todo o que escriba, aínda que ultimamente anda algo frouxo, a verdade. Nalgunha ocasión dixen que lía moita novela histórica, pero non é o único, e se teño que elixir outro xénero, a novela de terror é outro dos meus favoritos, aínda que non hai case nada das últimas novidades que me chame demasiado a atención e so busco agora algo orixinal, e diso hai pouco. De todos modos algunhas das mellores novelas de Stephen King son aquelas que pouco o nada teñen que ver co terror, e iso é algo innegable. Gústame moito como escribe, dun xeito fluído e sinxelo, algo que parece fácil pero que non creo que o sexa. Ademais moitas das súas obras de terror teñen máis dun compoñente orixinal, innovador que fan que sexan máis que decentes. Non todas, claro, hai outras que repiten demasiado os esquemas anteriores e non aportan nada, pero en xeral case sempre se pode sacar algo bo delas. É innegable que é un fabricante de best sellers e que a maior parte das súas novelas son un gran éxito de ventas en todos os países nos que se publican. Esta vai ser a primeira mención dunha das súas novelas, pero non creo que sexa a última.
A novela de hoxe deixoume un sabor algo amargo, non é que non me gustara, pero tiña tantas expectativas tras ler varias cousas sobre ela e algunha xente que ma recomendou que ao mellor por iso me deixou tal e como digo ao principio. Non é algo que me pase habitualmente, pero si algunha vez, que tras tantas recomendacións un espera algo fóra de serie, algo impresionante e inesquecible e todo iso queda algo reducido tras tomar contacto coa obra. Isto é o que me pasou coa última novela que lin, “La soledad de los números primos”, de Paolo Giordano. Aclaro que non é que non me gustara, que o fixo, pero algo menos do que esperaba antes de empezar a lectura.




Hai moitas novelas que usan como punto de partida da historia que van desenvolver a un personaxe famoso, ou un libro, un manuscrito, unha partitura, un edificio..., calquera motivo histórico ou medio histórico serve para que xurda unha historia. Normalmente teñen un certo carácter de investigación, misterio, asasinatos e soen ser novelas movidas, entretidas e amenas, de paso que nos dan información sobre ese elemento que serve como partida. Os resultados son desiguais, moitas delas, polo menos las que teño lido, son bastante boas, algunhas moi boas e outras, as menos, non resisten demasiado ben unha análise superficial. Os protagonistas soen ser persoas normais que por esas cousas que pasan nas novelas vense metidas nunha intriga da que teñen que saír, case sempre arriscando a súa vida. É un xeito como outro calquera de usar elementos históricos sen facer exactamente unha novela histórica, pero moitas veces, cando o traballo de investigación do autor é bo, dan máis datos e son máis interesantes que as novelas completamente históricas. O certo é que son bastante afeccionado a ese tipo de relatos, valga como exemplo a comentada hai uns días, “El club Dante”, que entraría dentro deste tipo de novelas que usan este recurso. Non sei moi ben como clasificalas, aínda que tampouco considero necesario etiquetar todo claro, porque non son novelas históricas, nin novelas de misterio, nin negras, nin de investigación, senón que son unha mistura de todas elas e ningunha á vez. Claro que as misturas, como cando un fai un zume na casa con varias cousas, as veces quedan de marabilla e outras é mellor tiralas directamente ao lixo.