martes, 4 de mayo de 2010

"La clave Gaudí", Esteban Martín e Andreu Carranza

gaudi.jpggaudi2.jpgHai moitas novelas que usan como punto de partida da historia que van desenvolver a un personaxe famoso, ou un libro, un manuscrito, unha partitura, un edificio..., calquera motivo histórico ou medio histórico serve para que xurda unha historia. Normalmente teñen un certo carácter de investigación, misterio, asasinatos e soen ser novelas movidas, entretidas e amenas, de paso que nos dan información sobre ese elemento que serve como partida. Os resultados son desiguais, moitas delas, polo menos las que teño lido, son bastante boas, algunhas moi boas e outras, as menos, non resisten demasiado ben unha análise superficial. Os protagonistas soen ser persoas normais que por esas cousas que pasan nas novelas vense metidas nunha intriga da que teñen que saír, case sempre arriscando a súa vida. É un xeito como outro calquera de usar elementos históricos sen facer exactamente unha novela histórica, pero moitas veces, cando o traballo de investigación do autor é bo, dan máis datos e son máis interesantes que as novelas completamente históricas. O certo é que son bastante afeccionado a ese tipo de relatos, valga como exemplo a comentada hai uns días, “El club Dante”, que entraría dentro deste tipo de novelas que usan este recurso. Non sei moi ben como clasificalas, aínda que tampouco considero necesario etiquetar todo claro, porque non son novelas históricas, nin novelas de misterio, nin negras, nin de investigación, senón que son unha mistura de todas elas e ningunha á vez. Claro que as misturas, como cando un fai un zume na casa con varias cousas, as veces quedan de marabilla e outras é mellor tiralas directamente ao lixo.
Non é o caso da que vou comentar hoxe, que está dentro desta categoría, xa que é unha novela que me pareceu bastante entretida e ben escrita, cunha historia ben desenvolvida e montada, cunha boa intriga, movida, con momentos de acción, asasinatos, persecucións, personaxes misteriosos e que usa, como dicía ao principio, como excusa para todo o que ocorre despois a figura do xenial Antonio Gaudí. Partamos da idea que de simplemente me pareceu unha novela entretida, sen moitas cousas que destacar, que non está á altura doutras do xénero, pero boa para ler nun momento no que un so queira entreterse un rato, non demasiado longo, xa que lese rápido. A novela titúlase “La clave Gaudí” e está escrita por Esteban Martín e Andreu Carranza, que a verdade non sei moi ben como é posible escribir unha novela a medias, un escribe unha parte e logo lla pasa ao outro e continua, quedan para escribir, non sei... Xa digo que dentro do xénero paréceme unha obra menor, pero sobre todo é interesante polos datos que aporta sobre a vida de Gaudí, para os que sexan fans deste xenial catalán pode ser interesante a súa lectura e tamén porque transcorre nunha ben descrita cidade de Barcelona.
Esteban Martín é un autor nacido en Barcelona no ano 1956. traballou como actor, guionista e historiador, colabora en diversas revistas e medios de comunicación, fundador e propietario dunha editorial e traballa tamén na radio. Esta, escrita a medias con Andreu Carranza, é a súa primeira incursión na novela de ficción.
Andreu Carranza naceu en Ascó no ano 1957. Antes de dedicarse a escribir tivo varios traballos, colabora en diversos periódicos e revistas e incluso tivo unha temporada na que se dedicou á música. É autor de relatos curtos, poemas e novelas, normalmente relacionados coas terras do Ebro.
“La clave Gaudí” é unha novela publicada no ano 2007 e a historia non é sinxela de resumir, a verdade. A protagonista é María Givell, especializada na vida e obra de Gaudí. A culpa desa paixón é do seu avó, que lle contaxiou o grande interese polo arquitecto catalán. Agora é unha historiadora da arte que quere desentrañar os misterios do arquitecto. Volve a Barcelona tras unha longa estancia fóra e retoma o contacto co seu avó Juan, co que viviu desde a morte da súa nai e que agora, nos seus últimos anos, vive na cama dunha residencia, afectado polo alzheimer. Chega o momento da súa morte e nese último instante ten un atisbo de lucidez que lle permite revelarlle a ela un gran secreto, que el estaba con Gaudí no momento no que o mataron. A primeira sorpresa é pensar que o famoso arquitecto non morreu de xeito natural, senón que foi asasinado, polo que ela pensa que non é máis que o último delirio dun home a punto de morrer. Ademais fálalle dun gran segredo oculto nas obras de Gaudí que reflexa a loita de moitos anos entre dúas ordes inimigas e relacionadas coa relixión, os Homes Ménsula e os Cabaleiros Moria e tamén dos grandes riscos dunha profecía que está cerca de cumprirse e que pode acabar co mundo. María pensa que isto non é máis que un disparate e o desvarío dun home coa cabeza perdida. Pero todo isto cambia cando esa mesma tarde, posterior á morte do seu avó, dous homes vestidos de negro tentan matala a tiros no mesmo centro de Barcelona. Así, acompañada do seu noivo Miguel, terá que levar a cabo unha carreira contra reloxo entre as obras de Gaudí para desentrañar o gran misterio, contando coa axuda dunha das ordes, á que pertencía o mesmo arquitecto, e evitando que os outros podan facerse coa clave que busca.
A novela é unha mistura entre datos reais e históricos e datos ficticios, sen saber moi ben como diferencialos, así que podemos chegar a crer cousas que non foron certas, quizais iso sexa un dos seus defectos. Está escrita cun estilo bastante áxil, sinxelo e fácil de ler. Xa dixen que se le nun par ou tres de tardes porque non ten ningunha complicación, non deixa de ser un entretemento, pero paréceme bastante interesante toda a parte na que se remonta ao pasado, á vida de Gaudí e, por suposto, toda a parte na que se tenta facer unha interpretación das marabillosas obras arquitectónicas súas que hai por toda a cidade de Barcelona.
Xa digo, eu collina un deses días que non tiña claro que ler, porque non había nada que me chamara demasiado a atención e foi unha lectura bastante agradable e, sobre todo, entretida. Dito queda.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=8vKKN1zFz9M&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

domingo, 2 de mayo de 2010

Iron Man 2

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=0imDnEX38dw&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

O comentario de hoxe está algo máis mediatizado polos meus gustos persoais que moitos dos que viñeron antes, loxicamente todos son subxectivos, pero hoxe inflúen moito os meus gustos persoais e os recordos da miña infancia e xuventude. Sempre me gustou ler, e creo que como todos, empecei hai anos cos tebeos, daquela estaban todas as historietas de Ibáñez (Mortadelo e Filemon, Rompetechos, Zipi e Zape...) e logo chegaron a nos o que agora chaman cómics, e os reis dos cómics eran os superheroes, devorábaos con avidez, e gustábanme moito, número tras número lendo as aventuras daquelas persoas que podían facer cousas que ninguén podía facer e soñando polas noites con ter as mesmas aventuras.
Hoxe toca cine, levaba tempo esperando para ver esta película e aínda agora, a pouco de rematar, estou abraiado polo espectáculo. O cine, cando empezou, deixaba á xente maravillada, era algo que non podían nin soñar, e iso que era mudo, cando chegou o son xa estaban acostumados a esas cousas. Hoxe a técnica permite facer cousas que antes eran impensables e creo que as novas xeracións están demasiado afeitos a isto e hai poucas cousas que lles sorprendan. Aínda recordo como alucinabamos con “La guerra de las galaxias” e as súas continuacións, claro que agora se chaman “Star Wars” e como víamos a aquelas naves, os robots, as espadas láser como algo completamente alucinante, non sei como non saíamos do cine con dor de mandíbulas de ter tanto tempo a boa aberta. De todos modos eu sigo disfrutando case como naquel momento con películas como a que acabo de ver. Xa dixen que non vos fiedes moito de min hoxe, porque o dos superheroes é algo que me fascina e segue a fascinarme aínda hoxe, e non perdín ningunha das adaptacións cinematográficas que se fixeron. Claro que algunhas gustáronme máis que outras, lóxico, pero esta da que vin hoxe a segunda penso que é a miña favorita, tamén porque o personaxe era un dos meus favoritos dos tebeos, senón o que máis me gustaba.
Falo de “Iron Man 2”, que antes era simplemente o home de aceiro, e así aparecía nas portadas, que antes todo se traducía. Creo que é das películas deste xénero que máis se adapta ao que en realidade eran antes, espectáculo, acción, movemento, fina ironía e humor e todos os elementos que ten que ter un bo cómic. Outras películas deste tipo gustáronme menos porque creo que os directores e guionistas tentan crear algo máis, e non o son, eu quero ir ao cine a pasalo bomba e ver un espectáculo puro e duro, sen comeduras de cabeza nin torturas porque un ten poderes. Creo que algunhas da saga de Batman ou de Spiderman pecan deste tipo de cousas, anda que ía eu estar torturado se puidera facer o que me dera a gana, se fóra capaz de voar ou levantar un tanque, anda xa, con eses poderes non pode estar un coméndose a cabeza pensando no destino e amargándose por cousas que pouco teñen que ver con gozar dos poderes que un ten. A saga da “Patrulla X” quédase a medias entre un tipo e outro, o último Batman (esa de “O cabaleiro escuro”) pareceume unha boa película pero estas dúas do home de aceiro penso que son das mellores adaptacións dun cómic de superheroes que se fixeron. Tamén vos digo, se non vos gusta este tipo de xénero non vaiades vela, porque non vos vai gustar, pero eu disfrutei como un anano. Quizais a primeira era un pouco máis entretida, xa que o nacemento dun heroe sempre é máis atrainte, pero esta quédase ben cerca.
En primeiro lugar penso que a elección do actor principal é excelente. Robert Downey Jr. borda o papel. É outro deses actores que lle da credibilidade a todo o que fai. Hai pouco vira a última versión de Sherlock Holmes que protagonizara e tamén me gustou moito, entretemento cen por cen, que ao final é o mellor que ten o cine. Aquí creo que é o Tony Stark / Iron Man perfecto. Os afeccionados saberán que é un millonario prepotente, faltón, narcisista, egocéntrico pero simpático que non se detén ante nada cando se pon o seu fantástico traxe (quen pillara un). Os xestos, as caras, os levantamentos de cellas, as miradas, as poses, os movementos conforman perfectamente a ese personaxe tal e como era nos cómics. Como antagonista ten desta vez a Mickey Rourke, que con esa cara so pode facer de malo e que tras algúns problemas parece que volve con forza ao cine. Está moi ben como ese científico cachas ruso que so quere vingarse. E ao lado destes dous unha serie de actores moi coñecidos que tamén están moi ben. Temos a Gwyneth Paltrow como a axudante noiva de Stark; a Scarlett Johanson tamén nun bo e simpático papel; Samuel L. Jackson que aínda que sae pouco tamén é importante e a Sam Rockwell no papel doutro fabricante de armas que quere coller o lugar de Tony Stark como o máis importante do mundo e que recrea un papel algo histriónico pero tamén destacable.
Ademais a película está chea de chamadas aos frikis (dito con todo o cariño, que neste caso estou dentro desta categoría) con cousas que lles farán estar máis atentos. So un exemplo, atención a unha escena na que o protagonista usa unha especie de prototipo do escudo do Capitán América (a ver para cando unha película decente con este personaxe) para nivelar uns tubos para un experimento. E como todas estas, non vos vaiades da sala antes de que rematen todos (é son moitos, porque debe saír ata os que foron un día por alí a ver que tal) os títulos de crédito, porque ten unha escena final de poucos segundos pero que os seguidores do xénero entenderán perfectamente, o resto non o teño tan claro.
A historia é como todas, os bos contra os malos, estes queren uns vinganza e outros dominar o mundo, máis ou menos o de sempre, claro está, pero non lle imos pedir máis. É o que é, non é unha cinta para pensar nin meditar sobre o sentido da vida e nada así, son dúas horas de entretemento puro e duro, e polo menos para min o consegue perfectamente, cine de espectáculo para non pechar os ollos en ningún momento, aderezado con algúns diálogos intelixentes, algunhas notas de humor bastante conseguidas e moito, moito espectáculo, cine de entretemento na súa máis alta expresión.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=siQgD9qOhRs&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

sábado, 1 de mayo de 2010

Hot Potatoes

Este é outro dos que piden no cursiño


hot1.jpghot2.jpg
A tarefa 8 deste curso pídenos que fagamos unha especie de análise dalgún programa que poida ser útil para crear con facilidade e posibilidades algún tipo de actividade que poida ser útil na aula. Como vin que a maior parte da xente tira polo lado do Jclic, que está moi ben e que ten xa moitas actividades á nosa disposición pola rede adiante eu decidín tirar por outro dos programas mencionados, o Hot Potatoes. Paréceme moi sinxelo de usar, hai tamén moitísimas páxinas con actividades que se poden facer e ademais creo que ten a avantaxe de que para usalo non necesitamos baixar programas nin nada, senón que se pode executar en calquera navegador web tipo Internet Explorer, que está instalado en todos os ordenadores, ademais como non son actividades excesivamente complexas podemos usalas case con calquera ordenador.
hot3.jpg
Hot Potatoes é un conxunto de seis ferramentas para elaborar contidos dixitais. Foi desenvolvido por unha universidade americana, pero está dispoñible en varios idiomas, entre eles o castelán. Podemos descargalo da páxina http://hotpot.uvic.ca/ , e ademais é gratuíto. Ata o ano 2009 era necesario un rexistro, pero agora é completamente gratuíto e sen limitacións nin necesidade de rexistralo. Permite elaborar exercicios interactivos de tipo páxina web, soportados por todos os navegadores modernos e ademais polo xeito de estar programado pódense facer exercicios en calquera idioma. So hai que introducir os datos que queiramos (textos, preguntas, respostas, imaxes...) e o programa crea automaticamente a páxina web. Podemos personalizar case todas as características das páxinas e posteriormente publicalas nun servidor web.
Creo que é moi sinxelo, moi útil e con moitas posibilidades. Os elementos que o compoñen son:
JBC: que serve para crear exercicios de elección múltiple. Podemos poñer tantas respostas como queiramos e varias poden ser correctas. Da tamén a porcentaxe de acertos tras cada resposta correcta
Jcloze: para facer exercicios de encher ocos. Podemos poñer varias posibles respostas correctas para cada oco e tamén axudas para a resposta e incluso pistas específicas para cada oco. Permite seleccionar os ocos ou poñelos automaticamente cada certo número de palabras
Jcross: permite facer crucigramas con cuadrículas de calquera tamaño e tamén, como nos casos anteriores, podemos poñer axudas para a resolución
Jmatch: exercicios de emparellar ou ordenar. Aparece unha lista de elementos (imaxes ou textos) con elementos desordenados ao outro lado. Pode usarse para enlazar vocabulario con imaxes ou para ordenar oracións. Pode facerse a través de listas desplegables ou arrastrando os elementos co rato
Jmix: creación de exercicios de reconstrución de frases ou parágrafos partindo de palabras desordenadas. Podemos establecer varias respostas correctas diferentes baseadas en palabras e signos de puntuación e pódese incluír un botón de axuda indicando a seguinte palabra ou parte da frase
The Masher: de momento non é unha ferramenta gratuíta. Permite unir varios exercicios nunha unidade didáctica, creando un arquivo índice. Ten unha versión gratuíta que permite crear unidades de ata tres páxinas, para facelo con máis é necesaria unha licencia comercial
Penso que ofrece moitas posibilidades aplicadas a varias áreas, por non dicir a todas, desde exercicios ben sinxelos para etapas iniciais a outros máis complexos, xa que so depende dos elementos cos que queiramos traballar, o alumnado co que o queiramos facer e os obxectivos que persigamos.
A verdade é que oíra falar del, pero nunca lle botara unha ollada a algunha actividade feita con el, como exemplo podedes atopar na rede moitas páxinas con titoriais de uso, explicacións ben sinxelas e moitos exercicios, déixovos algunhas das páxinas que vin, pero hai moitísimas máis:
Taller de creación de actividades: http://www.ecomur.com/hotpotatoes/
Actividades: http://www.catedu.es/gestor_recursos/public/hotpotatoes/principal.php , tamén ten documentación e titoriais
Enlaces sobre hot potatoes: http://www.aula21.net/segunda/hotpotenlaces.htm
Máis actividades: http://www.aula21.net/segunda/hotpotejercicios.htm
E máis: http://www.educa.madrid.org/portal/web/educamadrid/hotpotatoes
Como pasa a veces destas páxinas, como aviso, algúns enlaces non funcionan, pero a maior parte si.
Xa digo que nunca me animara a usalo, pero queda gardado para empezar a facer probas con el en canto teña algo máis de tempo. Espero que vos guste e vos sirva.
hot4.jpghot5.jpg

viernes, 30 de abril de 2010

"Unha historia que non vou contar", Cid Cabido

historianon.jpgcid.jpg
Hoxe vou comentar outra novela en galego, non por nada, pero teño un amigo que ultimamente déixame algunha de vez en cando das que lle gustan a el ou que pensa que poden gustarme e, a verdade, é que sempre acerta porque todo o que teño lido a través del resultoume máis que agradable de ler.
Por outro lado, agora que ando con estas cousas dos libros resúltame chocante a pouca información que podemos atopar sobre escritores en lingua galega ou sobre as súas obras por internet adiante, a verdade é que en comparación con outras linguas os resultados atopados nalgúns casos son mínimos e normalmente uns repiten o que din outros, vamos, que aparece a mesma información idéntica en varios sitios.
Comento isto porque sobre o autor da novela que vou comentar custoume bastante atopar algo pola rede adiante, e o que apareceu é pouco pouco. Polo que vin ademais é unha persoa celosa da súa intimidade, porque case nin fotos temos para poder ilustrar un pouco o texto.
O autor é Cid Cabido, e a novela titúlase “Unha historia que non vou contar”. Naceu en Xunqueira de Ambía, na provincia de Ourense, no ano 1959. Ademais de escritor, traballou como redactor e guionista nalgúns programas da Televisión de Galicia e tamén en Edicións Xerais. É autor de varias novelas como a colección de relatos “O intercepto” (1986), a novela “Fourmán” (1987) coa que gañou o premio do Café de Catro a Catro; “Días contados” (1991) tamén de relatos e gañadora do premio Cidade de Lugo; “Panificadora” (1994), coa que gañou o Premio Blanco Amor; “Gupo abeliano” (1999) tamén gañadora do Blanco Amor. Esta que comento hoxe foi editada no ano 2009 e é a súa produción máis recente, coa que acaba de gañar hai uns días o Premio da Academia de Escritores en Lingua Galega na categoría de narrativa.
O título en si da mesma xa é algo curioso, xa que iso dunha historia que non vou contar non parece precisamente o mellor xeito de animar ao lector a coller o libro, porque sempre podemos pensar, para que, se non nola vai contar, pero xa veremos, ou mellor leremos.
A historia está contada en primeira persoa como se o protagonista fóra o propio autor, que ao mellor o é, non o sabemos, porque a parte de como investigar uns feitos para poder escribir algo máis despois está bastante ben reflectida, aínda que non pareza que teña demasiadas ganas de escribir. O protagonista vaise vivir a un apartamento dun amigo en Vigo coa escusa de facer unha investigación e recollida de datos para escribir un libro, pero xa digo que moitas ganas non ten, porque cústalle un mundo poñerse a iso, xa que calquera cousa é boa para non ter que traballar. Vive como un señor, pasea, sae polas noites e le moito no sofá do apartamento. Ben, ler ler tampouco moito, porque usa unha expresión desas que me encantaron e quedaron gravadas mentres lía, porque di que “dorme os libros”, que é algo que fai continuamente. A historia é máis un relato de como se escribe unha novela sobre un feito real, os pasos que ten que dar e o proceso de investigación. Parte dun suceso real, o asasinato en Vigo no ano 1974 dun coñecido empresario do sector conserveiro, casualidade ou non, dunha empresa que hoxe está en problemas e a punto de, posiblemente, desaparecer. Para min isto non é máis que un punto de partida para escribir sobre o proceso de creación, de investigación e, sobre todo, do complicado que é a veces escribir sobre un suceso real do pasado. O asasinato nunca estivo demasiado claro en moitos aspectos e iso é o que o protagonista quere investigar, saber de verdade as razóns do suceso, como se produciu, quen estivo implicado... Nun principio é el so o que pretende facelo, pero unha noite toma contacto cunha rapaza coa que manterá unha relación e que será a que realmente o anime, tire del, tome decisións e o faga traballar un pouco, pero pouco, conste. Paula será o motor que o empuxe a recompilar datos, facer entrevistas, conseguirá poñelo en contacto con algunhas persoas que teñen algo que contar, será fundamental para o desenvolvemento da historia. Non so descubriremos cousas sobre ese asasinato, senón tamén sobre a sociedade viguesa da época nos últimos ano do franquismo, cunha serie de sucesos que tamén tiveron moita sona. Así a historia, para os vigueses, ten un atractivo máis, xa que os lugares, as situacións e moitos personaxes, aínda que cambiados de nome, poden ser recoñecidos facilmente polo lector. Quizais este medio resumo quedárame un pouco caótico, pero creo que me contaxiei do relato, porque iso é o que é fundamentalmente, un caos tanto na súa vida, como na súa investigación, os seus pensamentos, todo é lixeiramente caótico.
O que máis me gustou é como está escrita. Ten unha naturalidade que en ocasións ata parece esaxerada. Narrada case como se estiveramos contar a alguén a historia. Os diálogos son rápidos e moi conversacionais, a forma de narrar parece descoidada, pero remarco o parece, porque non o é. Por un lado queremos saber que pasou de verdade en Vigo no ano 74 co suceso mencionado, pero xa veremos como é difícil saber a verdade moitas veces. Tamén me parecen xeniais os capítulos nos que se transcriben as entrevistas que ten o protagonista con persoas que poden axudarlle a aclarar os feitos, coñecer datos novos ou afirmar ou negar os que xa ten. Estas entrevistas si que son caóticas, e algunhas liñas tiven que lelas máis dunha vez para poder seguir a historia. É nelas onde se ve máis esa naturalidade na forma de escribir do autor, frases sen rematar, divagacións por outros camiños que non son os que quere seguir o entrevistador ou datos tan subxectivos que non lle valen de nada. Supoño que ten que ser moi complicado facer un relato coherente tras estas entrevistas, darlle unha forma á historia que un quere coñecer, en realidade creo que acabamos compadecendo ao protagonista pensando no momento, se é que chega, en que queira coller todos eses datos e escribir a historia.
A novela está chea de momentos humorísticos, a verdade é que sorrín máis dunha vez. Está chea de referencias cinematográficas que aparecen para suxerir situacións, estados de ánimo, etc. E tamén moitos momentos nos que a música e os músicos, un tema, unha canción entran dentro da historia dun xeito nada forzado, ao revés, quédanlle moi ben. E deixo para o final as referencias filosóficas, tanto sobre autores como sobre ideas, xa que axudan perfectamente a entender ese caos vivencial no que está o protagonista da historia, sempre dubidando sobre o que debe facer, esperando a que alguén se anime a facelo por el ou a empuxalo de tal modo que non poida negarse. Atención, entre outras cousas, ao concepto de transferencia, que me pareceu algo xenial e que non vou desvelar en que consiste, porque hai que lelo. Máis que a historia, a verdade, o que me gustou é como está contada, a forma de escribir e de usar todos estes recursos mencionados.
Pois aí queda a recomendación, tamén é unha novela curtiña, 267 páxinas e editada por Xerais. Animádevos a ver se ao final conta ou non a historia que nos promete.

martes, 27 de abril de 2010

"A lei das ánimas", Carlos G. Reigosa

a_lei_das_animas_peq.jpgreigosa.jpg
Hoxe vou comentar unha novela que saíu ao mercado hai uns días e que me gustou bastante. Está escrita orixinalmente en galego, pero as obras deste autor soen ser traducidas ao pouco tempo ao castelán, así que, aínda que eu recomendaría lela en galego por moitas razóns, sempre podedes esperar á tradución.
O autor é de sobra coñecido, Carlos G. Reigosa, e a novela titúlase “A lei das ánimas. A novela da Santa Compaña”. E non pensedes polo subtítulo que é unha novela costumista sobre esa coñecida lenda galega, para nada, a Santa Compaña, como veredes despois, será un dos personaxes fundamentais da historia.
Carlos González Reigosa é un autor que naceu en Lagoa de Pastoriza, provincia de Lugo, o 2 de setembro de 1948. Ademais de escritor é periodista, licenciado en Ciencias Políticas e en Ciencias da Información. Desde o ano 1997 ata hai pouco foi director de Publicacións, Análise e Estilo da Axencia EFE de información internacional. Entre 1990 e 1997 foi director de Información desta axencia. Publicou numerosos artigos en medios de comunicación españois e americanos. É autor das novelas “Oxford, amén” (1982), “Crime en Compostela” (1984), “O misterio do barco perdido” (1988), “A guerra do tabaco” (1996), “Narcos” (2001) e “Intramundi” (2002) e “A vida do outro” (2009). Tamén é autor de catro libros de relatos curtos (“Homes de tras da corda”, “As pucharcas da lembranza”, “Irmán Rei Artur” e “Os outros disparos de Billy”), ademais de varios traballos de investigación e ensaio. “Crime en Compostela”, traducida ao castelán- obtivo o Premio Xerais no ano 1984 e leva máis de 15 edicións en galego. Con “La agonía del león” gañou o Premio Internacional Rodolfo Walsh de Literatura Testemuñal en 1996. Tamén é autor de guións de cine e televisión. Dirixiu cursos de verán na Universidade Complutense, na Menéndez Pelayo ou na Universidade de Santiago de Compostela, normalmente sobre cuestións literarias e xornalísticas. Tamén dirixiu cursos de xornalismo nos Estados Unidos.
Posiblemente a súa novela máis coñecida, sobre todo porque supuxo un grande éxito de vendas tanto en galego como en castelán foi “Crime en Compostela”, dous dos personaxes desta novela, o xornalista Carlos Conde e o detective Nivardo Castro aparecen nesta mesma que estou a comentar.
A novela comeza case como unha historia de amor, sorprende a linguaxe usada nos primeiros capítulos, moi poética e que reflicte os sentimentos dos dous personaxes. Melba e Xoán volven para a súa casa tras un día na praia das Catedrais nunha viaxe dominada por unha néboa que será un dos elementos predominantes na historia. Pero a partir de aquí tanto a linguaxe como a historia toman un xiro inesperado para o lector. Prodúcese un violento crime que fai que incluso o capitán da Garda Civil Agapito Landín veña desde Madrid para a investigación. Os mencionados Nivardo Castro e Carlos Conde actúan case como testemuñas da investigación á que acoden tentando por un lado axudar e por outro conseguir un bo artigo para o periódico, ademais de ser vellos coñecidos do capitán que leva a investigación. Unha investigación chea de misterios, de escuridade e de forzas do máis aló que interveñen como uns personaxes máis da historia. Non quero descubrir moito máis, porque o bo da historia é sobre todo como se vai desenvolvendo pouco a pouco e como o lector vai avanzando, sabendo moitas máis cousas que os investigadores, cara a un final moi ben engarzado.
A novela subtitúlase “A novela da Santa Compaña”. Toma unha tradición galega das máis arraigadas no escurantismo popular e a converte nun personaxe máis do relato, un dos máis importantes e o curioso e que en ningún momento parece que esteamos a ler unha novela fantástica, xa que todo este compoñente fantástico e misterioso está perfectamente metido dentro do puzzle que conforma a historia. Podemos dicir que é unha novela a medio camiño entre a investigación e o terror, sen chegar a ser unha novela de terror, claro, porque todo vai sucedendo dun xeito eu diría que crible, curiosamente. Por un lado temos a investigación da policía, os que non cren nos misterios e un curioso cabo da Garda Civil da zona que parece ser o único que é capaz de ver a verdade. Por outro lado temos a Santa Compaña, aparecendo de cando en vez polas páxinas do libro. Cada un polo seu lado quere o mesmo, a cousa e saber cal deles vaino conseguir.
Gustoume moito a forma de escribir, con ese cambio radical que comentei entre os primeiros capítulos e o resto do libro. Tamén, as veces, a novela parece un catálogo das lendas e tradicións galegas, xa que non queda unha sen mencionar, sendo as dúas máis importantes a xa mencionada Santa Compaña e o Urco, o can que segundo a tradición aparéceselle aos que van morrer, pero polas páxinas van aparecendo todas as lendas galegas relacionadas coa morte, unhas máis explicadas que outras, pero que sempre aparecen como reais ou polo menos como posibles para a maior parte dos personaxes, excepto para os que veñen de fóra, que son máis incrédulos.
Gustoume moito a localización da historia. Estamos entre Mondoñedo, Ribadeo, Foz, toda a franxa norte da provincia de Lugo, que aparece como un lugar perfecto para a mesma. Bosques tupidos, rúas estreitas e escuras, praias paradisiacas, estradas comarcais que axudan a acrecentar o misterio, as festas dos pobos, todo está perfectamente reflectido sobre todo para acrecentar o misterioso do que está a acontecer. A néboa e a chuvia que aparecen constantemente e son un personaxe máis e as xentes do pobo, que son as que creen na parte escura do que está a ocorrer. Hai unha serie de personaxes que contribúen moito a facer crible a historia.
E non me gustaría rematar sen comentar que non so está a historia, podemos atopar entre as páxinas, as veces dun xeito máis claro que outras, moitas reflexións bastante serias e profundas sobre a vida, a morte, as relacións persoais, as formas de vida, as crenzas e moitas outras cousas. Para min o mellor son as conversas que manteñen o xornalista, Carlos Conde, e o detective, Nivaldo Castro, que esconden e descobren moitos dos sentidos da vida e do que merece a pena en realidade.
É unha historia moi entretida, condensada nada máis que en 224 páxinas que se me fixeron curtas, a verdade, porque disfrutei bastante da lectura, así que creo que é unha boa lectura, que esconde máis do que parece, so hai que tentar descubrilo. Ademais non hai moitas historias na nosa lingua que teñan ese medio aire de terror, e é unha boa posta de actualidade de algo que, ao parecer, moita xente viu nas noites escuras e tenebrosas de Galicia, a Santa Compaña. Por certo, editado por Galaxia.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=FDmj9mGYHyg&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

domingo, 25 de abril de 2010

Samantha Que?

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=853InwYwfD8&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe imos tirar de novo pola banda da televisión. De vez en cando buscamos simplemente entreternos e pasar un bo rato, buscar algo que faga que ríamos un pouco ou, polo menos, que un pequeno sorriso apareza na nosa cara, que xa hai moitas cousas que fan que esteamos serios. As series cómicas eran as máis habituais hai anos, agora están algo menos presentes nos nosos televisores, que están máis cheos de policías nun montón de tipos distintos, aínda que todos fagan máis ou menos o mesmo, so se diferencian na forma de investigar, xa que unhas son máis movidas e outras máis de investigación e menos de acción.
A de hoxe é o que os americanos chaman “sitcom”, que viría a ser máis ou menos unha “comedia de situación”, que se desenvolve en situacións cotiás e con personaxes digamos “normais”, aínda que como o que buscan normalmente é provocar o sorriso pois non soen ser demasiado normais.
A serie chámase na súa versión orixinal “Samantha Who?”, aquí traducírona como “Samantha Que?, aínda que tanto pola tradución como polo que nos conta na mesma o máis correcto sería titulala “Samantha Quen?”, xa veredes por que. Eu vina nun dos canais de pago, no canal TNT, e vin o outro día nunha revista de televisión que agora a está a emitir o canal Cuatro na súa programación de tarde. Son dúas temporadas, unha de 15 capítulos e outra de 20. Hai anos as series deste tipo, como xa dixen, eran moi habituais e foron das que comezaron o despegue das series televisivas, a mera comedia para pasar o rato e pouco máis, aínda que esta algo máis ten, claro. Son episodios de vinte minutos de duración, así que son curtiños e pasan rápido, ideais para combinar con outra cousa cando un está canso.
A protagonista é unha rapaza duns trinta anos que ten un alto posto nunha empresa medio de avogados medio construtora, que non sei moi ben a que se adicaban exactamente, pero manexaban moito diñeiro, iso si. Vive co seu noivo nun apartamento bastante luxoso, deses con porteiro e todo, ten un armario deses onde te metes ti e uns amigos e aínda queda sitio, cheo de roupa e, sobre todo, enormes coleccións de zapatos. Leva unha vida a todo trapo, ten un amante, sae todas as noites aos locais de moda de Chicago e ten sona de soberbia, autosuficiente, borde e bastante insoportable. É un auténtico tiburon dos negocios, pisa a quen sexa e ninguén lle importa demasiado. A súa relación cos seus pais é case inexistente, nin se levan ben nin queren levarse. Ou sexa, un auténtico horror de muller. Pero todo isto cambia cando ten un accidente de coche. A consecuencia do mesmo pasa unha temporada en coma e cando esperta, non recorda absolutamente nada. Sofre unha amnesia total e non recorda nada da súa vida anterior. Este é o motivo central da historia, xa que non recoñece a ninguén, non recorda o seu traballo, aos seus amigos (que son poucos), aos seus inimigos (que son moitos máis), ao seu noivo, amante, pais, traballo, nada de nada. Esta situación provoca os enredos e momentos cómicos de cada episodio. E todo isto vese acrecentado porque cando vai descubrindo como era antes non é capaz de recoñecerse, así que decide que ten que cambiar é ser unha boa persoa. Así tentará desfacer todas as ofensas e malas actuacións da súa vida anterior e todas as mentiras que ela mesma montaba para manter o ritmo e tipo de vida que levaba antes. Este intento provocará unha serie de situacións realmente cómicas e divertidas, todos o podemos imaxinar, e tamén a idea central da serie, que seria algo así como que faríamos nos coa nosa vida se tiveramos a oportunidade de volver a empezar outra vez mentres alguén nos vai dicindo todo o que fixemos mal no pasado. Así que empeza por darlle unha oportunidade a esa amiga da adolescencia que sempre quixo estar ao seu lado pero que ela sempre rexeitou e ademais a que ofendeu. É a culpabilidade a que lle fai tentar arranxar todos os erros do pasado, a medida que vai recordando a persoas ás que lle fixo a vida imposible, enganou, vacilou, etc. Tamén tentará arranxar a situación cos seus pais, xa que ao non recordar que non se falaban a súa nai, sobre todo, tentará recuperar a súa filla. Tampouco recorda nin ao seu noivo nin ao seu amante, co que o compoñente romántico tamén está bastante presente en case todos os episodios. Boa tamén a súa amiga e compañeira de traballo, unha trepa que non entende que Samantha queira cambiar de vida e ser distinta ao que era antes, non entende que queira ser unha boa persoa e deixar de ser a que pisaba e asoballaba a todo o mundo antes. Moi boa a relación que se establece entre a protagonista e o porteiro do edificio, que é o único que ao principio lle di as cousas como son e que se encarga de axudala a recordar cousas que fixo na súa vida anterior, sempre con bastante malo leite, claro, xa que el é un dos principais ofendidos.
A protagonista é a actriz Christina Applegate, non demasiado coñecida salvo por algunhas series de televisión anteriores a esta, pero é unha actriz de comedia máis que decente, sobre todo porque neste caso todo o peso recae sobre ela, o que non quere dicir que os demais estean mal, todo o contrario, todos cumpren perfectamente os papeis que desempeñan e son unha compañía perfecta. Os afeccionados á TV poderán recordala como a filla dunha das mellores comedias de hai anos e que eu considero que influíu moitísimo en dúas series de animación do mellor que se fixo (falo de “Los Simpson” e “Padre de familia”), a serie era “Matrimonio con hijos”, na que tiñamos a un matrimonio cun fillo e unha filla bastante estraños e especiais, cun humor negro e rompedor para a época e ademais nada correcto. A filla era un pendón, o fillo facía o que lle daba a gana, o pai era un pobre home que vivía baixo os tres restantes elementos da familia, e a súa muller era para darlle de comer aparte. Pois esta foi a primeira serie que fixo Christina Applegate, logo algunha máis con menos sona ata chegar a ser a protagonista desta que estou a comentar e que lle valeu dúas nominacións nos Globos de Ouro como mellor actriz nunha serie de comedia.
Xa digo, non é nada doutro mundo, non ten a calidade de outras que teño comentado, pero para pasar un rato moi divertido e botarse unhas risas é ideal e moito mellor que outras que teñen pasado por aquí. Ademais a idea central, que todo o mundo pode cambiar e chegar a ser mellor persoa, é algo a ter en conta, e todos os esforzos, desgustos, aventuras, situacións incómodas e embarazosas que ten que pasar para conseguilo estou seguro de que vos farán sorrir máis dunha vez.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=K-z5JwcRmPQ&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

viernes, 23 de abril de 2010

Recursos para dous casos concretos

Este post pertence aos que me piden no cursiño
Neste post temos que desenvolver dous supostos prácticos de aplicación de programas informáticos axeitados para os dous casos que nos dan.
CASO A: trátase dunha alumna de tres anos afectada de leucomalacia, as consecuencias da mesma son alteracións na mobilidade e na linguaxe, a súa motricidade está pouco desenvolvida e a fala bastante afectada. A súa comprensión lingüística é boa e ten capacidade para imitar e atender. Parto de que terá acceso a unha pantalla táctil, que pode ser o máis indicado para manexar certos programas debido aos seus problemas de motricidade, engadíndolle algún tipo de alternativa ao rato e o uso do teclado en pantalla por exemplo. Tras navegar pola rede atopei tres recursos que se poderían utilizar con bastante facilidade e penso que bos resultados. Os tres son de uso gratuíto, detalle a ter en conta. Dous foron extraidos da páxina http://www.cuadernalia.net/spip.php?article8318, creados polo CEFIRE de Elda e como autora principal figura Carmen Clemente Aguilar, baixo o título de “Desarrollo del lenguaje en niños con necesidades educativas especiales”. Na descarga do mesmo atopamos un documento de texto e dous arquivos executables, xa que, o cal tamén pode ser unha avantaxe, non é imprescindible a instalación, poden executarse directamente. Os programas son moi sinxelos e breves, pero tendo en conta a idade da rapaza para a que os vamos usar parécenme suficientes como inicio a actividades máis complexas. Son:
Colorín Colorado: un programa baseado nas cores e a asociación das mesmas con obxectos da vida cotiá. O alumno escolle unha cor e vaille presentando obxectos recoñecibles para el tanto de xeito visual como auditivo, polo tanto reforza aspectos lingüísticos que pode repetir. Ao final dálle a opción de escoller entre varios obxectos aquel ou aqueles que son da cor elixida.
colorin.JPGcuerpo.JPG
El cuerpo humano: tamén é un programa sinxelo sen ningunha complicación. Aparece un debuxo dun corpo humano primeiro masculino e logo feminino. Ao lado do mesmo temos as palabras que designan as partes principais do mesmo, e facendo clic sobre cada unha delas aparece ao lado dereito un neno pronunciándoas.
Ambos os dous son programas moi simples pero que pensando en que están dirixidos a unha alumna de tres anos parécenme completamente axeitados para a práctica de aspectos que poden ser facilmente recoñecidos por ela, tanto as cores como as partes do corpo humano son elementos do léxico que primeiro aprenden os nenos, polo que me parecen adecuados.
Outro recurso, esta vez extraido da páxina web http://www.aitanatp.com/index.htm, son unha serie de actividades de lectoescritura realizadas en Jclic, programa de sobra coñecido e mencionado en varias ocasións en distintos aspectos deste curso. Unha avantaxe das mesmas é que poden executarse directamente, non é necesario encher o ordenador con arquivos, basta con pinchar na actividade en cuestión e aparece unha pantalla na que se executará. Son actividades enfocadas ao ensino da lectura e da escritura, polo que poderían ser usadas neste caso concreto xa cando o proceso estivera un pouco avanzado e o nivel da linguaxe da alumna estivera un pouco máis desenvolvido. As actividades están divididas en seis niveis, polo que neste caso usaríamos as incluídas dentro do primeiro nivel. Todas elas son moi intuitivas e usaríamos sobre todo as dedicadas á lectura, que poden axudar a fixar conceptos de vocabulario básico.


CASO B: neste suposto traballamos cun alumno de 15 anos nunha aula específica en Secundaria. Ten unha deficiencia cognitiva leve e o seu nivel curricular correspondería ao segundo ciclo de Primaria. A idea fundamental neste caso é o traballo de habilidades e capacidades relacionadas co desenvolvemento social e a súa autonomía persoal enfocadas a que teña unha vida o máis autónoma posible. Para este caso tamén vou comentar tres recursos, un é unha páxina web, outro non é exactamente un programa e o terceiro creo que é o que máis se adapta ao caso concreto. Todos eles, como no caso anterior son gratuitos.
Fondo lector: é un programa de desenvolvemento da lectura comprensiva con varios niveis de dificultade. Creo que un dos aspectos previos para conseguir esa autonomía persoal pode ser o dominio da linguaxe, polo que traballar con este programa pode ser importante. Conta de moitos exercicios e ademais está aberto a que o profesorado que o utilice poida introducir ou modificar os mesmos en función das súas necesidades. Ten exercicios de coherencia, de comprensión, busca de sinónimos e antónimos, busca de palabras, significados..., paréceme bastante completo e de fácil manexomagia.jpg


O segundo non é exactamente un programa, senón que é unha actividade atopada en formato powerpoint cunha serie de exercicios enfocados ao uso do ordenador para diversas cousas. Propón unha serie de actividades co ordenador, aínda que estea pensado para usar cun TabletPC penso que se pode adoptar a outros formatos informáticos. Parte de ideas como que o alumno escriba o mellor que lle pasou ese día, busca de datos en internet, creación “literaria” desenvolvendo varios aspectos que me parecen interesantes para este caso concreto. Atopeino na seguinte páxina: http://www.cuadernalia.net/spip.php?article3221, baixo o epígrafe de “La magia de las palabras a través del Tablet PC”



O terceiro foi o resultado de andar pasmando por internet a ver se aparecía algo interesante e penso que se adapta perfectamente ao solicitado para este caso. É un programa chamado “Tranvía”, atopado na seguinte páxina: http://www.educa.jcyl.es/educacyl/cm/profesorado/tkContent?pgseed=1240563990878&idContent=19569&locale=es_ES&textOnly=false e que está pensado precisamente para promover a autonomía nos entornos doméstico, social e laboral de alumnos con necesidades educativas especiais de 3º e 4º da ESO. Pode descargarse directamente da páxina nun arquivo comprimido e un pdf coa guía de uso. Tras probalo pareceume moi interesante, xa que abarca todo aquilo que se pretende neste suposto en forma dun xogo bastante entretido e ben feito. Creo que está moi traballado e polo que puiden ver moi completo con actividades de diversos tipos, enfocadas a traballar a autonomía e desenvolvemento persoal nos campos da alimentación, a vida san e segura, saír de casa e o traballo, moi completo e sinxelo de utilizar.
tranvia.JPGtranvia2.JPGtranvia3.JPG

jueves, 22 de abril de 2010

A televisión

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=u8QAYvlpL_I&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Antes de ler, pídovos que vexades enteiro o vídeo que o acompaña, porque é o que provoca o texto que ven a continuación e porque penso que é digno de escoitar enteiro.
Hoxe teño o día entre reivindicativo e protestón, así que aínda que a temática máis ou menos será a de sempre a cousa vai ser algo máis xeral do habitual. Quero dicir que non vou escribir hoxe sobre ningunha novela, serie ou película en concreto, senón que vou tocar o tema das nosas televisións e os seus programas.
Ao principio deste camiño co blog unha das primeiras series que comentei, recomendándoa encarecidamente, foi “Boston Legal”, aínda que non vou volver falar dela, mais podería porque dá moito de si (cada capítulo daría para un bo montón de reflexións). Agora estamos a ver a cuarta temporada, sufrindo, porque xa estamos case rematando e sabemos que so nos queda unha, pero gardareina para volver a vela seguramente dentro duns anos. Ben, pois un dos últimos capítulos que vin fíxome pensar en que ben podía aproveitar para falar un pouco do tema de como está a nosa televisión e a programación que nos ofrece.
Agora vexo poucos programas, as series, que é o que vemos normalmente, grávoas para velas con calma, sen anuncios e esas cousas, e iso que nas cadeas de pago non pasa o mesmo que nas outras, anuncios hai, pero moitos menos. Así que fóra de algún telexornal non son dos que están pegados ao aparato todo o día, un par de capítulos de algo pola noite, algunha película e pouco máis. Non por nada, senón porque a programación diaria paréceme moi mala, por non dicir algo peor. Os que confiaban en que co paso ao TDT a cousa ía mellorar algo deben de estar moi decepcionados, porque temos máis ou menos o mesmo que antes, pero multiplicado por máis canais, é o que hai.
O vídeo está extraido do episodio 15 da cuarta temporada de “Boston Legal”, titulado “El país de los tabloides”. Xa dixen que as críticas que fan en todos os capítulos non se deixan nada polo camiño, cada cousa que podamos imaxinar aparece nalgún momento. Normalmente son dous casos por capítulo e neste tócalle ás emisoras de televisión, que en Estados Unidos, no que se refire a telerrealidad están, por sorte para nós, varios pasos por enriba das nosas, no mal sentido, claro. Tamén é certo, e pode verse, que estes americanos poñen demandas por todo e para todo, pero neste caso a historia é tremenda. A cousa é que un pai demanda a unha cadea televisiva por considerala responsable do asasinato da súa filla. Ela acudiu a un programa deses nos que parece que te chaman para falar dun tema, opinar ou contar a túa historia e de repente a cousa transfórmase en algo completamente distinto, é unha encerrona. Neste caso cando ela menos o esperaba apareceu o seu antigo noivo no plató para pedirlle que volvera con el e ademais pídelle matrimonio. O noivo era un maltratador, unha persoa violenta e perigosa, pero iso a cadea non lle importou, non pensaron que puidera pasar nada, so aumentar o nivel de audiencia. Ela díxolle que non e aos poucos días el vai a súa casa e a mata. Ademais do programa a cadea, tralo asasinato, aproveita para aumentar a audiencia emitindo varias veces o momento do programa en cuestión no que se producen os feitos, alucinante, a verdade, pero non tan lonxe da realidade.
Nos temos ao longo do día varios programas dese estilo nos que un vai pensando que vai falar de cousas relacionadas co seu traballo ou con cousas cotiás e de repente aparece a irmá (ou irmán) co que non se fala desde hai anos, a parella á que deixou porque non o aturaba máis, a amante do marido (ou viceversa) e un montón de historias sinistras e truculentas que so buscan aumentar a audiencia a base de airear cousas máis que privadas da vida da xente. Claro que un pode adoptar a postura de coller e marchar, pero supoño que cando de repente un se atopa nesa situación completamente inesperada non é fácil reaccionar. A isto podemos sumar os programas do corazón, os de xente metida nunha casa, nunha granxa ou onde sexa, os debates políticos (que agora de repente aparecen en medio de programas do corazón) e varios exemplos máis que sería difícil e longo enumerar.
Como profesor, educador e pai este é un tema que penso que debería de preocuparnos bastante, sobre todo porque eles ven bastante ese tipo de programas e pensan que todos eses comportamentos que podemos ver son “normais”. É complicado facer un debate na clase sen que uns pisen aos outros cando están falando, que respecten as ideas contrarias as súas que outras persoas poden dar e que reflexionen sobre o que están a escoitar. Como imos dicirlles que iso non está ben se en calquera debate que ven en televisión eses comportamentos son os que se producen e se animan. Falan todos á vez, alzan a voz ata chegar a gritar para facerse oír, insúltanse, písanse e non falemos do pouco respecto que demostran a opinións contrarias as súas, ridiculízanse, mófanse uns dos outros, é algo vergonzoso e contrario á formación, educación e exemplo. Eles mesmos deberían de pensar en que imaxe están a dar, en que están a ensinar, porque moitos dos que os vexan pensarán que iso é o que hai que facer, e é moi difícil loitar contra iso.
Non sei se é a audiencia a que reclama ese tipo de programas ou foron ese tipo de programas os que conquistaron á audiencia, pero creo que todos, espectadores e programadores, deberían de facer xa un proceso de reflexión serio para cambiar esta tónica, alguén debería de dar o primeiro paso.
É posible que o caso usado no vídeo da serie mencionada poida parecer esaxerado, pero non creo que estea tan lonxe da realidade ou que en calquera momento poidamos atoparnos cun caso así, esperemos que non.
Isto foi o de hoxe, creo que esta medio reflexión-protesta é algo necesario para todos, isto ten que cambiar de rumbo dunha vez, cousa que non vexo porque cada vez vai a máis, pero haberá que poñer o límite algunha vez e nalgún sitio, que ninguén pense que todo vale.

miércoles, 21 de abril de 2010

"Venganza en Sevilla", Matilde Asensi

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=1GZM3hwQ45U&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe vou aforrarvos a reseña bibliográfica da autora das dúas novelas que vou comentar, porque xa a fixen hai uns días, cando apareceu por aquí como a autora de “Todo bajo el cielo”, falo de Matilde Asensi.
Rematei hai pouco a súa última novela, “Venganza en Sevilla”, que é unha continuación de “Tierra firme”, polo que falarei das dúas un pouco. En realidade falamos dunha triloxía, un concepto perigoso, tanto na literatura como no cine ou na televisión, aínda que nestes dous últimos medios a explotación dalgúns personaxes está esgotada, aínda que os directores e guionistas parecen non sabelo e seguen con segundas, terceiras, cuartas... partes ata matar aquilo que tiña unha certa orixinalidade ou gracia. Na literatura este esgotamento tamén é posible, pero para min é menor, non tan habitual. De todos modos neste caso, aínda que xa digo desde un principio que me gustaron as dúas novelas, creo que, na miña modesta opinión, a autora equivocouse. E penso isto porque pareceríame mellor ler a historia dun tirón, nunha soa novela. Por un lado porque tanto cando lin a anterior e esta que estou a comentar quedoume un mal sabor na boca ao quedar a historia colgada, non me gusta nada esperar para saber o desenlace de algo, sinceramente. Pero ademais creo que a historia, repartida en tres, queda un pouco coxa. Non é unha historia tan complexa nin densa como para ter que separala en tres, así creo que queda como aquelas novelas por entregas de hai tantos anos, case como folletos, e creo que perde nesta distribución. Cando un está máis metido na acción, esperando a ver que pasa a continuación, de repente, rematou, fin, e quedamos sen saber que vai pasar ao final. Cando estaba a ler esta e quedábanme poucas páxinas pensaba, “a ver que fai agora a autora, porque quedan cousas por pasar pero non quedan páxinas, espero que non faga como outros, que de repente aceleran a cousa e rematan de mala maneira”, pero non, rematei o libro pero a historia non remata. Hai sagas nas que cada libro conta unha historia cos mesmos personaxes, iso non está mal sempre que o autor sexa intelixente, pero hai tempo que non lía unha novela que quede así, colgada, sen saber que máis vai pasar despois. Por iso non me gustou nada esta separación, creo que sería moito mellor para o lector ter a oportunidade de ler enteiras as aventuras e andanzas de Catalina Solis, pero eu non son nin o editor nin o autor.
“Tierra firme”, publicada no ano 2007 é a primeira aventura da triloxía que a autora denomina “La vida extraordinaria de Martín Ojo de Plata”. A historia comeza a finais do século XVI. Nela coñecemos a Catalina Solis, orfa de pai e nai, que viaxa co seu irmán desde España ata América para casar cun home ao que non coñece. Na viaxe son abordados por piratas, que acaban coa vida de toda a tripulación e tamén co seu irmán. Ela será a única supervivente, lanzada ao mar vestida de rapaz, despois de que a súa ama a convenza. Esgotada chega a unha illa deserta, na que vivirá durante case dous anos, pasando todo tipo de penurias e adversidades ás que vai sobrepoñéndose pouco a pouco, chegando incluso a atopar un gran tesouro pirata nunha gruta oculta. Pasado ese tempo un barco chega a illa. Os tripulantes descóbrena e o contramestre do barco decide adoptala, pero baixo a identidade dun home. Catalina cóntalle a súa historia a Esteban e este, que coñece ao seu futuro marido, convéncea para que se faga pasar por un home, por un lado para evitar esa voda e por outro para poder viaxar con eles protexendo a súa verdadeira identidade. Así nace Martín Nevares, o personaxe que dominará esta historia. O seu pai adoptivo preséntaa ante todos como un fillo mestizo que atopou na súa viaxe, incluso a súa muller, que rexenta unha casa de citas. Así Catalina / Martín entra nun mundo de comerciantes, contrabandistas, enganos e moitas aventuras. E no medio de todo isto temos á familia dos Curvos, uns importantes comerciantes (máis ben contrabandistas) que serán os antagonistas fundamentais dos nosos protagonistas e básicos na continuación da historia.
“Venganza en Sevilla” transcorre a comezos do século XVII. Catalina, tralos sucesos do relato anterior, vive como muller viúva ata que recibe noticias dos seus pais adoptivos. A súa nai está gravemente ferida tras un ataque de corsarios holandeses á cidade na que vive e o seu pai foi apresado e viaxa como galeote nun barco cara a Sevilla. Así que decide ser de novo Martín para viaxar a ver como está a súa nai e logo embárcase nunha aventura cara a España para tentar rescatar ao seu pai. Cando chega a Sevilla descobre que o seu pai está na cadea, medio morto, e que os culpables son a odiada familia Curvo. O pai morre e pídelle a Martín que vingue esa afrenta asasinando a toda a familia Curvo, aos cinco irmáns. Xogando coa súa dobre identidade e a axuda dos seus amigos urdirá un traballado plan para levar a cabo o xuramento realizado ao seu pai.
Falamos de novelas de aventuras no sentido máis clásico do xénero, quizais por iso me gustan tanto, parécenme moi entretidas, amenas, divertidas e cinematográficas. Pode que sexa un resto da miña afección ás películas de capa e espada, aquelas que puñan a montóns na tele cando era máis novo, as veces paréceme que vai aparecer Burt Lancaster e o seu colega mudo saltando de patio en patio polas rúas de Sevilla. Historicamente están ben documentadas, aínda que non creo que sexa a idea fundamental da autora, pero podemos facernos unha idea bastante boa de como era a vida naquel momento histórico. Por un lado temos a vida na “Tierra Firme”, que é como se coñecían as novas terras descubertas por Colón, un mundo onde o máis listo é o que mellor sobrevive. Reflexa perfectamente como era o comercio entre as colonias e España, tanto o legal como o ilegal, e como era a vida alá, coa escravitude e a dureza. Nesta segunda o que máis patente queda é como un reino como o de España daquela época, que recibía riquezas a montóns das novas terras vivía dividido en dous mundos completamente distintos e na máis tremenda pobreza e despilfarro. Temos por un lado ao pobo, sobrevivindo como podía e por outro lado a unha nobreza e, sobre todo, a uns comerciantes nos que todo era gasto, aparencia e chamar a atención con grandes casas, riquezas, tapices... mentres o pobo case morría de fame.
Tamén paréceme destacable a forma de narrar, que en moitas cousas e conscientemente recorda as grandes obras do Século de Ouro español, pero “sen pasarse”, de vez en cando aparecen algunhas expresións e construccións con ese estilo que lle dan ese aire de novela antiga, que non lle queda nada mal, porque tampouco parecería demasiado normal que estivera narrado de xeito moderno. Gústame a fluidez coa que escribe, algo moi sinxelo e que pode afrontar calquera tipo de lector, o que me parece un mérito. Xa comentei nalgún post anterior que a primeira delas púxena como lectura para un grupo de alumnos de 4º da ESO o curso pasado, e gustoulles máis que outras moitas cousas que leran, así que algo debe de ter. Agora poreilles esta segunda, a ver que tal.
Deixo claro que penso que son dúas novelas de aventuras máis que entretidas, non lle pidades moito máis. Non podo dicir cal das dúas me gustou máis, porque penso que a primeira ten a novidade do personaxe que é home ou muller segundo lle conveña e na segunda, aínda que é un recurso máis utilizado, pois xa non é novidoso. Pero a segunda ten toda esa historia de como vai tecendo a rede para levar a cabo as súa intencións, que resulta moi entretido para o lector. Tamén penso que a historia e os personaxes poderían dar moito máis de si, que darían pe para unha historia algo máis complexa, penso que peca un pouco de simplista e quizais as cousas pasan as veces con demasiada rapidez, algo máis de complexidade non lle viría nada mal porque penso que daría lugar a unhas novelas bastante mellores. De todos modos cumpren perfectamente coa súa intención, entreter e facer pasar un bo rato ao lector.
Se lestes a primeira non deixedes pasar esta (xa teño ganas de ler a terceira para ver como remata a historia) e se non o fixestes creo que se queredes pasar un bo rato deberiades de facelo.

domingo, 18 de abril de 2010

"El club Dante", Matthew Pearl

club.jpgpearl.jpgdante.jpg
Como xa dixen nalgunha ocasión leo sobre todo para entreterme, o que non quere dicir que lea todo o que se me pon por diante, pero case. Normalmente son dos que se empeza un libro ten que terminalo, non deixo ningún polo camiño, de momento, aínda que tamén é certo que cada vez son algo máis selectivo e escollo o que vou ler, o que non quere dicir que as veces non me equivoque. Son afeccionado tamén ás novelas de misterio, investigacións, asasinatos, policías ou investigadores privados e esas cousas, non demasiado á novela negra no seu sentido máis estricto, pero si a aquelas que andan cerca. Certo é que neste xénero dos investigadores hai cousas máis que decentes, outras que se quedan na media e moitas máis coas que non merece a pena perder o tempo. Non é o caso da que vou mencionar hoxe, porque creo que, sobre todo nun sentido estilístico, está algo por riba da media.
A novela titúlase “El club Dante” e o autor Matthew Pearl. Naceu no ano 1975 en Nueva York, cidade na que reside na actualidade. Viviu os seus primeiros anos en Florida. En 1997 graduouse cum laude en Literatura Inglesa e Norteamericana na Universidade de Harvard. Estes estudos e esa graduación con nota tan alta nótanse perfectamente na súa forma de escribir e nos elementos que usa para desenvolver as súas intrigas, que como veremos, sempre están relacionadas con obras ou autores máis que coñecidos da literatura mundial. No ano 1998 recibiu un importante e prestixioso premio, o Dante da Sociedade Dante de América. Escribiu o primeiro borrador desta novela mentres cursaba estudos de Dereito en Yale, onde licenciouse no ano 2000. Vemos que pasou por dúas das Universidades máis prestixiosas non so dos Estados Unidos, senón do mundo, polo que algo debe de ter. Impartiu posteriormente clases de Literatura e Escritura Creativas en Harvard e encargouse dunha edición del “Infierno”, traducido polo poeta inglés Henry Wadsworth Longfellow. Esta é a súa primeira novela, “El Club Dante”, publicada no ano 2003 en máis de vinte países con bastante éxito e no seu momento foi considerado como un dos autores máis prometedores. De momento, ademais dista, publicou dúas novelas máis, que mencionarei ao final.
A novela transcorre no ano 1865. Neses anos a sociedade americana vive nun certo caos provocado polo asasinato do presidente Abraham Lincoln e a Guerra Civil. A delincuencia, a corrupción e os disturbios raciais son moi habituais. Nesta situación histórica as rúas da cidade de Boston convértense no Inferno. Atopan a un coñecido xuíz co corpo cheo de moscas e larvas dunha especie estraña. Posteriormente a aparición dun sacerdote católico enterrado boca abaixo e cos pes envoltos en chamas provoca unha forte conmoción. Tamén desconcertan ao policía Nicholas Ray, un home de cor que sofre o rexeitamento dunha sociedade racista mentres se enfronta a un caso difícil e turbador. Os membros do Club Dante, formado por un pequeno grupo de intelectuais, escritores e mestres de Harvard, liderados polo poeta Longfellow, verán neses crimes a escenificación das torturas que aparecen no “Inferno” de Dante. Nese momento están enfrontándose á primeira tradución da “Divina Comedia”, así que os membros do club recorrerán aos seus coñecementos para comparar a beleza dos versos do poeta Dante Alighieri coa cruel e sanguenta interpretación que deles fai un asasino despiadado que vai sempre un paso por diante deles. O asasino atopa neses versos os castigos adecuados para que as vítimas paguen polos seus pecados, e está disposto a todo.
Polo que vin por internet adiante, esta novela provoca sentimentos encontrados e opostos. A moita xente non lle gustou nada, din que é pesada e moitos non chegaron a lela enteira, o que a min paréceme entón unha opinión algo gratuíta, para poder opinar con base supoño que habería que lela enteira. Digo isto porque as primeiras páxinas a min tamén me pareceron algo pesadas, espesas e custoume algo entrar na historia, pero logo disfrutei moito da mesma, gustoume moito. As outras opinións que atopei van nesta mesma dirección, moitos dos que a leron din que é estupenda. No seu momento publicitouse como unha alternativa “intelixente” ás novelas de Dan Brown, pero creo que so están relacionadas no sentido de que hai asasinatos, misterios e unha certa liña argumental. Non teñen nada que ver no estilo co que están escritas. Esta é unha novela contada cun estilo máis traballado, non tan facilón como as de Brown e quizais sexa iso o que botou para atrás a algúns dos seus lectores. Tamén é certo que a obra que se usa como liña argumental para a historia é complicada e a moitos lles resultará descoñecida, pero o autor explícase perfectamente e non é necesario ler ou coñecer a “Divina Comedia” para seguir a historia. Recoñezo que non é sinxela de ler, que a ratos é algo farragosa e densa, igual demasiado “literaria”, pero nótase moi ben de onde ven o autor e os estudos que realizou, que se plasman perfectamente tanto na forma de escribir como no desenvolvemento da historia. Xa digo, se a ledes tentade pasar das 50 primeiras páxinas e logo seguro que disfutaredes moito da lectura, porque para min merece a pena.
Ten a súa propia páxina web, bastante interesante para botarlle unha ollada antes de animarse a lela: http://www.seix-barral.es/club-dante/ e o autor tamén ten páxina, como case todos hoxe, so que está en inglés, pero pódese ver: http://www.matthewpearl.com/
As dúas novelas que publicou despois desta tamén están directamente relacionadas con autores clásicos, aínda non as lin, pero serán das que faga en breve, así que dentro dun tempo seguro que aparecerán por aquí, porque a verdade é que é un autor que tiña un pouco apartado, pero ao revisar esta primeira vin que tiña tamén estas dúas, e como gustoume bastante tentarei facerme con elas a ver que tal. No ano 2007 publica “La sombra de Poe” e no 2009 “El último Dickens”, que polo que vexo nos resumos teñen máis ou menos o mesmo esquema.