viernes, 16 de abril de 2010

ZAC Browser

zac.JPG
ASPECTOS XERAIS


Programa: Zac Browser para PC versión 1.5
Autor: pois neste caso foi creado por un particular, o avó dun neno chamado Zackary que naceu no ano 2002 e que foi diagnosticado de autismo severo. O seu avó creou este navegador como un xeito para que interactuara co ordenador
Web de consulta / descarga: pode descargarse de dous xeitos, un instalador do programa ou un arquivo que o executa sen instalalo da páxina: http://www.zacbrowser.com/es/, que ten versións en inglés, castelán e francés
Tipo de distribución: gratuita
Requirimentos: funciona con calquera versións de windows, incluída a versión 7, na páxina non especifica ningún mínimo, pero probeino en dous equipos, un antigo e outro máis novo e funcionou sen problema nos dous, ademais é compatible con pantallas táctiles, PC, portátiles, netbooks e tablet PC
Documentación: na páxina da unhas breves indicacións do funcionamento, que é moi sinxelo
Idioma: o programa está en inglés, castelán, francés, alemán e, creo, que turco ?
tele.JPG
ASPECTOS CURRICULARES
Destinatarios: está pensado para nenos con autismo, desordes do espectro autista como o síndrome de Asperger, desorden do desenvolvemento dominante (PDD son as siglas en inglés) e PDD-NOS
Áreas / Ámbito: ten “exercicios· de interacción con elementos da pantalla, sobre todo centrado en aspectos visuais, debuxo, sons, contos visuais, axuda de imaxes para tarefas cotiás...
menu.JPG
Contidos curriculares: axudar na solución de dificultades na interacción social, dificultades de comunicación, intereses restrinxidos e comportamento repetitivo. Adecuado para nenos e nenas con nivel baixo, medio e alto de autismo funcional
Descrición: é un programa no que prima o visual, con gran número de actividades que van crecendo en cada versión, os elementos cos que o neno pode interactuar son moitos, de bo tamaño e cores chamativos, moi fácil de usar e con movemento, música e interactividade
Estrutura da aplicación: parte dunha pantalla inicial na que aparecen na parte baixa en bo tamaño as distintas aplicacións ás que se pode acceder, ao pinchar nelas ábrense, segundo a que sexa, as posibilidades que ten. Por exemplo na de pintura ten na parte superior tres brochas de distintos grosores, unha paleta de cores no centro e á dereita tres posibilidades de borrado, ademais de algún elemento máis que pode usar. Ten tamén unha canle de televisión que enlaza, por exemplo, co Disney Channel, outra parte con contos, música e vídeos, etc.
musica.JPG
ASPECTOS TÉCNICO-ESTÉTICOS
Capacidade de motivación (de 1 a 5): se nos fiamos dos comentarios da páxina e do que estuve a ver creo que conseguiría un 5
Interactividade (de 1 a 5): tras probalo sen dubidalo un 5, é completamente interactivo, se exceptuamos o apartado da televisión, claro está
Accesibilidade: fundamentalmente co rato, pero como xa se comentou é compatible con pantallas táctiles (o que pode ser moi interesante) e incluso co mando da Nintendo WII (que tamén me parece un acerto)


VALORACIÓN GLOBAL: tras ver o programa e os comentarios sobre el que aparecen por internet en varias páxinas a valoración global é máis que positiva, sobre todo se pensamos que foi creado por un particular para dar solución a un problema e logo posto de forma gratuíta a disposición de calquera que queira usalo
pizarra.JPG
OBSERVACIÓNS: paréceme un programa máis que interesante, ten moitas actividades e bastante sinxelas, o que non quere dicir simples. Ademais parece, polos comentarios vistos, que é un programa ideal para os rapaces aos que vai dirixido, pero creo que pode ser útil para unha gran diversidade de usos e rapaces, incluso para nenos pequeno e outro alumnado con necesidades especiais.

jueves, 15 de abril de 2010

Glee

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=2LOdL4-Jh6M&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

A verdade é que ultimamente foron varios libros seguidos, así que hoxe toca serie de televisión. Vou falar dunha produción recente, xa que aínda está pola primeira temporada e, polo menos, ten prevista unha segunda. Ademais no seu primeiro ano obtivo varios premios importantes, o maís coñecido o Globo de Ouro, gañando o de mellor serie de comedia e musical e tres dos seus actores, o profesor, a encargada do grupo de animadoras e unha das que cantan tamén obtiveron premios nas categorías de musical e comedia. Si, falamos dunha serie musical, algo non demasiado habitual no panorama televisivo, non recordo series musicais nos últimos anos tralo grande éxito dunha das mellores do xénero, “Fama”, pero diso hai moitos anos. O musical é un xénero que ten moitos seguidores, polo menos a min, de vez en cando e se está ben feito, gústame bastante. Foi un dos maiores impulsores do cine americano alá polos anos 30 e 40 e nos anos 80 tivo de novo un certo pulo no cine, con cintas como “Fiebre del sábado noche” ou “Grease”, pero creo que é un xénero como o Guadiana, de repente desaparece e volve a aparecer con forza pasados uns anos. Agora quizais sexa un xénero máis teatral, xa que a cantidade de musicais que se poden ver en escena nas grandes cidades é bastante ampla e cobre varios xéneros. De todas maneiras, con poucas excepcións, na televisión non é algo habitual, así que hoxe toca serie musical.
Chámase “Glee”, que traducido sería algo así como xúbilo ou alegría, e diso ten a montóns. Non é fácil clasificala, a verdade. A acción transcorre nun instituto americano onde todo parece normal. Xa sabedes por outras cintas que nestes centros de ensino teñen grupos para todo e fan concursos de todo, de silabeo, de debates, de xadrez, deportes a esgalla, de bandas de música, de animadoras..., que non sei de onde sacan o tempo estes rapaces para estudar, porque non lles debe de quedar moito; neste incluso hai un club de castidade (non é broma, que por outras referencias, sei que existen). Ben, pois neste, ademais de todo isto, tiveron uns anos antes o “Glee Club”, un grupo de rapaces e rapazas que se adican a cantar, bailar, facer coreografías e, claro está, participar en concursos (porque ademais nestes centros boa parte dos presupostos dependen directamente da cantidade de concursos que gañen, que xa lles vale). Hai un profesor destes con gañas de facer cousas que ademais de dar clase, como todos alá, teñen outras obrigas, unhas máis agradables que outras, que na súa xuventude participou nese club e tivo unha certa sona, agora bota de menos a música e síntese un pouco bastante frustrado. Así decide tentar formar de novo o club Glee para participar no concurso de centros, pero a ninguén lle interesa a música, alí o principal e o fútbol americano e as animadoras, que son os que se levan o diñeiro. Así que recolle ao alumnado que ninguén quere, que non teñen amigos ou que son un pouco especiais pola súa forma de ser, o físico, as actitudes... Algúns din que é unha serie de frikis, de xente rara, máis ben é unha serie na que os protagonistas son inadaptados, as veces por decisión propia e outras por non ser aceptados polos demais, ou por ser aceptados, pero non estar contentos con iso. Tamén din que é como a cara B (isto é de cando non había CD e os discos tiñan dúas caras e a B era a veces a secundaria) de “High School Musical”, esa saga de Disney de nenos e nenas guapiños que tamén se poñen a cantar e que tivo moito éxito entre os e as preadolescentes. Nese sentido pode ser, é algo parecido pero non son os bos, nin os guapos, nin os ricos..., pero a idea central é que calquera pode perseguir os seus soños e chegar a conseguilos, ata os máis rariños.
Digamos que non so os alumnos son os raros, tamén temos unha serie de personaxes entre o profesorado que é para darlles de comer aparte. Evidentemente non estamos ante unha serie realista, para nada, máis ben en moitas ocasións chega a rozar o esperpéntico ou ridículo. Temos a encargada das animadoras, ata arriba de esteroides, sempre de chándal, sempre facendo exercicio e cunhas actitudes e poses moi masculinas. Un adestrador de fútbol americano que é un indio nativo e que tamén ten o seu. A orientadora é una rapaza nova que está obsesionada coa limpeza, tanto que, por exemplo, limpa cada uva antes de comela (e isto é so un exemplo). O director, un indio da India máis preocupado polo presuposto que polo centro. Todos estes e máis conforman un plantel de xente con comportamentos completamente esaxerados, pero non tan lonxanos de moitas realidades existentes.
Entre o alumnado que recolle para o club temos ao xogador de fútbol, atractivo ao que todos queren parecerse, pero tremendamente inseguro. O alumno gay ao que todos martirizan día tras día. A alumna con un talento inmenso para cantar e bailar pero que non ten ningún para as relacións sociais. Unha asiática que tartamudea cando fala, pero non cando canta. A alumna de color, anchota, simpática e cunha tremenda voz. Un alumno en cadeira de rodas..., e non nos perdamos ás animadoras, que están todo o día con esa roupa, camiseta e faldiña curta, saen así de casa e pasan todo o días no instituto con ese atuendo.
Vendo isto pode parecer algo estraño, raro, e a verdade é que o é, non o vou negar. Advirto que é desas series que ou gustan moito ou que un odia e non é capaz de ver en absoluto, porque lle parecen horrorosas. A min entretenme bastante, paréceme simpática e as veces ten momentos divertidos e cun certo aire crítico bastante notable. Se non vos gustan os musicais nin vos plantexedes vela, pero se vos gustan aínda que sexa un pouco eu daríalle unha oportunidade, sobre todo porque os números musicais son verdadeiramente bos, as voces dos alumnos son excelentes e sempre están a facer versións de temas máis que coñecidos. Eu lle daría unha oportunidade. Nas cadeas de pago pode verse na Fox, e nas cadeas do TDT empezou hai pouco en Antena Neox (creo).
É unha serie na que os protagonistas son un grupo de perdedores, tanto profesores como alumnos, pero coa idea de que hai que tentar estar por encima da xente e facer o que a un lle guste, é a única maneira de ser feliz, e as veces o conseguen, non sempre. Tamén é unha serie que non é nada politicamente correcta, o cal é unha alegría, e non pensedes que está pensada so para adolescentes, é moi intelixente, traballando coa parodia de si mesma e desmitificando a idealización da época escolar. Os deportistas, as animadoras que son sempre os personaxes a admirar e seguir son aquí patéticos, e son os habitualmente patéticos os que acaban por conquistar ao público. É a demostración de que podemos facer o que queiramos, polo menos tentalo.
Tentádello, dádelle unha oportunidade e a ver se os gusta.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=Nz5kla5sFM4&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

martes, 13 de abril de 2010

"El falsificador de pasaportes", Cioma Schönhaus

pasaporte.jpgcioma.jpg
Parece que sempre asociamos novela histórica con Idade Media e é verdade que por moitas razóns é unha época que chama moito a atención, que ten moitos ingredientes para dar boas e entretidas novelas con moitos datos históricos polo medio, a sociedade feudal, os nobres e os campesiños, cristiáns, musulmáns, xudeus..., son moitas as cousas que se poden narrar e en calquera país aparece algunha contando historias. Isto ven a conto de que a que vou comentar hoxe rompe con esta tendencia, aínda que hai tamén moitas novelas que transcorren na mesma época que esta. Falo de unha novela non demasiado coñecida e que lin hai pouco, recomendo a súa lectura, a min gustoume moito. O título é “El falsificador de pasaportes” e o autor Cioma Schönhaus, un dos homes máis buscados pola policía de Berlín durante a época nazi. E esta afirmación non é novelesca, é realidade, porque falamos dun relato autobiográfico.
O autor naceu en Berlín en 1922. Empezou os seus estudos de bacharelato no Realgymnasium de Königstadt, pero en 1937 é obrigado a trasladarse á Mittelschule da comunidade xudía. Estuda despois dous anos Artes Gráficas nunha escola xudía de Berlín e ata 1942 traballa para os nazis como xastre, torneiro ou mecánico de máquinas de coser. Entre 1942 e 1943 vive na clandestinidade e usa as súas impresionantes dotes como debuxante para falsificar documentos oficiais. Vive en Berlín, escondido e alternando distintos nomes e lugares de residencia. Acosado por unha orde de busca e captura da Xestapo foxe a Suíza. Alí o teólogo Karl Barth conséguelle unha beca na Universidade de Basilea. Entre 1944 e 1953 estuda Belas Artes e Oficios e tamén Filoloxía Xermánica, Psicoloxía e Psicanálise. Entre 1953 e 2000 dirixe un taller propio de artes gráficas e comunicación.
A novela céntrase na súa etapa como falsificador e prófugo no Berlín dos anos da guerra. Ao principio da algúns datos sobre a súa infancia, pero a historia comeza no ano 1941, cando en Alemaña xa é un feito a persecución contra os xudeus e toda unha serie de leis que limitan a súa vida e rematan nas detencións e nos campos de concentración. O propio autor rememora cando, con vinte anos, decide ser un habitante clandestino de Berlín. A súa intención é clara, escapar do réxime nun momento no que a súa familia xa foi deportada. Ademais ten un talento enorme que lle vai servir para sobrevivir, non so a el, senón a moitos dos seus compatriotas, é un gran debuxante. Así adicarase a falsificar todo tipo de documentos e pasaportes que poidan axudar non so a el, tamén a moitos compatriotas para poder vivir nese Berlín que os persegue e rexeita ou para poder escapar de Alemaña a outros lugares onde poidan vivir. En ningún momento vaise render ante a cantidade de adversidades e problemas que se lle presentan, nin deixarse levar polo gran medo que pasa, desafía ao seu destino e aposta por sobrevivir, chegando a ser case temerario. Así terá unha relación coa esposa dun soldado alemán, deixarase ver polos ambientes e locais de moda e os mellores restaurantes e hasta terá un pequeno barco de vela. O que sexa con tal de vivir aproveitando todos os momentos que se lle presentan, porque poden ser os últimos. Pero a Xestapo cada vez está máis preto del e os seus disfraces empezan a non ser efectivos, así que tentará a última aventura, chegar a Suíza en bicicleta.
Xa sei que hai moitas historias de xudeus na Segunda Guerra Mundial, unhas mellores que outras, pero esta pareceume distinta, sobre todo polo xeito de contar as cousas. Está escrito dun modo moi preto do lector, case familiar, as veces parece que podes imaxinarte ao protagonista ao teu lado, tomando un café ou nunha agradable tarde de outono mentres conta a súa historia. Unha historia arrepiante, non imos descubrir agora todas as barbaridades, salvaxadas e animaladas que aconteceron nesa época, pero ao mesmo tempo é unha historia tremendamente emotiva, case unha novela de aventuras, ademais sabendo que ten un final feliz, non como ocorre con outras do mesmo tipo, é el mesmo o que está a contar a súa historia, por iso sabemos que ten un final feliz.
Está narrado ademais cun ritmo rápido, sen pararse demasiado en descricións ou en cousas non demasiado importantes, todas as palabras teñen un sentido, non hai nada anecdótico na lectura. É un canto á valentía e ás ganas de vivir nun momento no que iso non era nada sinxelo. Será inevitable conmoverse cando se estea a facer a lectura, tremer de medo ou de emoción ante todo o que pasou e como o seu inxenio e o seu don fixeron que saíra con ben de todo. Tamén é unha historia cargada de ironía que aparece en momentos horrendos, dándonos o punto de vista dun home que burlou ao réxime alemán, e sempre cun sorriso na boca.
Na introdución di “A miña feliz salvación débese a un feito no que desempeña o papel principal a Lei dos Grandes Números. Se o solo de parqué dunha gran sala presenta un buraco grande como un puño e se nesa sala alguén tentase atinar no buraco cun garavanzo, as súas posibilidades de acertar serían mínimas. Pero se se collera un saco de garavanzos e se baleiraran na sala, o buraco enseguida estaría cheo. A historia de cada un deses garavanzos que se colan no buraco constaría, como a miña, dunha cadea de estrañas casualidades. Eu son un deses garavanzos”.
Déixovos, hoxe, cunha historia forte e dura, pero tremendamente optimista dentro da súa dureza. Se a ledes, espero que vos guste tanto como a min.

domingo, 11 de abril de 2010

"El símbolo de cobre", Katia Fox

cobre.jpgfox.jpgcobre2.jpg
Hoxe vou comentar unha novela que queda a medio camiño entre a novela romántica e a novela histórica, sen ser exactamente ningunha das dúas. Isto para uns pode ser un defecto e para outros unha virtude, así que teredes que lela para decidir por vos mesmos que é. Novela romántica porque céntrase nunha historia de amor protagonizada por unha muller; novela histórica porque transcorre na Idade Media. De todos modos todas as que levo comentado dentro do xénero teñen sempre unha historia amorosa, é algo inevitable para darlle unha liña argumental e tamén para que resulte atraínte para todo tipo de lectores, o que pasa con esta é que a cuestión histórica non é tan importante como en outras e é máis un marco de desenvolvemento da historia e os datos que dá non son tampouco algo exhaustivo, pero hai certos aspectos nos que resulta moi interesante.
Por outro lado é curioso que poidamos atopar esta novela con dous títulos distintos dependendo da editorial, non sei moi ben a razón, porque ademais pode dar lugar a confusións por parte do lector que, como me pasou a min, pode pensar que son dúas novelas distintas ou que unha é continuación da outra, pero non é así. Podemos atopala co título de “El símbolo del cobre” ou “Forjada en cobre”, as dúas son a mesma historia, e a autora é Katia Fox.
Custoume un pouco atopar algúns datos biográficos desta autora, a pesar de que esta primeira novela súa tivo unha boa acollida e vendeuse bastante ben. Naceu en Alemaña no ano 1946, e alterna épocas en este país con outras no sur de Francia. Interésalle moito a historia medieval, estudou Lingua e Literatura e traballou como tradutora e intérprete. No ano 2005, tras traballar en varias empresas e incluso ter un negocio propio, decidiu que tiña que arriscarse e perseguir o soño de ser escritora. Ten tres fillos e vive en Alemaña, aínda que pasa varios meses ao ano en Inglaterra e Francia realizando tarefas de investigación. Esta novela que comento é a súa primeira novela, publicada orixinalmente en alemán no ano 2007. Polo que vin nalgunha páxina ten outra máis de publicación recente, tamén de ambientación medieval, pero os meus coñecementos de alemán son inexistentes, así que haberá que esperar a que a publiquen en castelán.Paréceme que é unha especie de continuación, xa que a autora pensaba nunha triloxía. É máis, déixovos ao final do post un vídeo de youtube no que publicitan esta segunda novela, iso si, tamén en alemán, pero vese claramente que transcorre na Idade Media.
Normalmente este tipo de novelas céntrase en personaxes masculinos, aínda que algunhas das que comentei, como unha das de Chufo Lloréns, teñen a mulleres como personaxes centrais. Non é demasiado habitual, certo é que sempre hai personaxes femininos, pero normalmente aparecen como acompañantes do protagonista, noivas, amantes, irmás..., nesta a protagonista é unha muller e a súa historia conquistaravos desde o principio, estou case seguro.
A novela desenvólvese na Inglaterra e Normandía so século XII e conta a historia dunha muller que fará todo o posible para conseguir o seu soño, ser un mestre ferreiro nun mundo dominado polos homes. Ellenweore, a protagonista, vive nun momento histórico no que as mulleres teñen un papel moi definido e non poden saír del. Isto é fundamental para poder entender todas as cousas, boas e malas, que lle van pasar. Ten un soño desde a súa infancia, chegar a ser una forxadora de espadas e propietaria da súa fragua. De pequena axudaba ao seu pai na ferrería familiar e todo ía ben, pero esta situación cambia radicalmente cando sorprende a súa nai, Leofrun, cometendo adulterio, o que provocará que a nai a rexeite. Por medo a ser asasinada polo amante vese obrigada a marchar de casa. Coa axuda dunha anciá do seu poboado, Aelfgiva (sospeitosa de bruxería, unha das peores acusacións que lle podían facer a un na Idade Media) decide disfrazarse de mozo para poder conseguir un traballo como axudante de ferreiro nalgunha aldea. Estamos nunha época na que os negocios están dirixidos polos gremios, e estes por homes, unha muller non podía ser mestra ou propietaria dun negocio. Atopa a un ferreiro, Llewyn, que lle ofrece traballo e, posteriormente gracias a este, pasará a traballar para Donovan, un gran mestre da forxa. Donovan e a súa muller Glenna, acollen a Ellen, coñecida como Alan no seu papel de muchacho, e por causa de certas guerras teñen que desprazarse a Normandía acompañando ao exército para fabricar espadas e armas de guerra. Pronto Donovan recoñece que Ellen ten un auténtico don para forxar espadas que non viu nunca antes. En Normandía coñece a dous poderosos homes que marcarán o seu destino, Guillaume o Mariscal (que será o seu gran amor) e Thibault, un medio irmán. O afecto dun e o odio doutro farán que teña que fuxir por Flandes e Francia. Pronto as súas espadas serán codiciadas por toda a nobreza e o seu obxectivo de forxar unha para o rei está cada vez máis cerca. O resto será mellor que o leades vos mesmos, senón non merece a pena.
Ellen é a completa protagonista da historia, é unha loitadora á que nada se lle pon por diante para conseguir os seus soños, que é o que fai que esteamos enganchados á historia. A súa historia de amor é a que fai que estea preto da novela romántica, pero so de refilón. Os personaxes secundarios están ben definidos e todos son importantes e algúns parece que non van ter un papel destacado, pero volven tras algunhas páxinas con moita máis forza. Historicamente non é tan destacable como outros, a Idade Media é máis un mero marco para a historia dunha muller nun mundo dominado polos homes na súa totalidade e os personaxes históricos que aparecen son máis elementos de reafirmación da época que personaxes. O que si está perfectamente reflectido é o traballo do ferro e a forxa de espadas, un mundo que será descoñecido para moitos pero que me pareceu apaixonante, a verdade. É aquí onde se ve a maior parte do traballo de investigación da autora, saberemos perfectamente como se desenvolve este traballo, como era unha ferrería medieval, como se traballaba o ferro, como se temperaba e como se facía unha boa espada, que é o don que ten a protagonista.
En conclusión, unha historia moi entretida, con certos aspectos interesantes e que engancha sobre todo por esa historia de superación, de obstáculos continuos dunha muller na Idade Media querendo desempeñar un traballo exclusivo dos homes. Teredes que lela para saber se o consegue.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=oiR7WtIYqPg&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

viernes, 9 de abril de 2010

Informática e necesidades educativas especiais

Este post de hoxe é dos que me piden no cursiño que mencionei nalgunha ocasión, o seguinte será dos de sempre
Hai uns anos, non tantos, os ordenadores e a informática eran un mundo case descoñecido, arcano e misterioso, non precisamente sinxelo de utilizar e manexar. Aínda recordo o primeiro ordenador que tiven na casa, hai como quince anos máis ou menos. Un mamotreto cunha pantalla que se vía en verde fosforito, cuns disquetes que parecían aqueles discos de vinilo de 45 revolucións metidos nun envoltorio marrón que tiñas que cambiar cada vez que querías manexar un programa. E non digamos o MSDos, aquel sistema operativo que tiñamos no que todo funcionaba a base de comandos, que se non os sabías pouco podías facer. Ademais non existía san Google para botarnos unha man e resolver as nosas dúbidas, se non coñecías o comando ou chamabas a alguén que controlara moito ou quedabas sen facer nada. E non falemos de internet, que daquela non existía, e cando chegou a nos era en forma dun módem que antes de conectar facía uns chirridos, pitidos e ruídos, que parecía que aquilo ía estoupar. Unha vez que se conectaba, mellor non falar de velocidade, menos mal que a maior parte das páxinas máis ou menos adaptábanse a aquela lentitude, porque se intentaramos cargar algunha das actuais a espera sería de horas. Ven isto a conto de canto cambiaron as cousas en poucos anos e o moito que, gracias a ese cambio, podemos aproveitar estas tecnoloxías no noso traballo diario e sobre todo, na súa aplicación a alumnos con necesidades educativas especiais.
Podemos establecer catro grandes grupos no que se refire a este tipo de alumnado, cada un cos seus problemas e solucións adaptadas a eles. Simplemente imos mencionalos e ver que tipo de medios podemos adaptar para eles.
1.Alumnado con problemas motóricos de diversos tipos que poden dificultarlle o uso do ordenador desde un punto de vista físico. Neste caso temos programas que adaptan o teclado para o seu uso en pantalla, isto antes implicaba usar o rato para poder usalo, pero agora isto está a cambiar xa que empeza a haber pantallas táctiles que facilitan moito o uso deste recurso. A isto podemos unir programas que emulan o uso do rato, xunto con punteiros e pulsadores. A este respecto, o uso de pantallas táctiles pode facilitar moito o acceso ao teclado en pantalla, ben a través dos dedos como usando punteiros, que antes utilizábanse a través dun teclado físico, do que agora podemos prescindir, creo que será máis rápido e efectivo o seu uso neste novo tipo de pantallas.
2.Problemas de visión que dependendo do grado do mesmo implicarán o uso de distintos recursos. Para problemas digamos de grado medio, pode ser suficiente con aqueles programas que poden ampliar certas zonas da pantalla, que sumados ao sintetizadores de voz, poden facilitar moito o uso do ordenador. Para problemas máis graves podemos recorrer a teclados en braille e programas que “traducen” o visto en pantalla a este sistema de lectura ou a voz. Para problemas de alto nivel teríamos revisores de pantalla e de documentos ou tomadores de notas, que recurren á voz como substituto do que aparece na pantalla ou do que se quere escribir, por exemplo.
3.Problemas de audición, nos que tamén podemos ter distintos grados nos mesmos. Neste caso podemos acceder a programas de visualización da fala, estimulación da linguaxe, programas de aprendizaxe da lingua de signos (que seguramente resultaranlle máis atractivos que o mero ensino “tradicional”) ou sistemas de comunicación aumentativa.
4.Problemas da linguaxe, terreo no que poden ser de moi distintos tipos, desde a adquisición da escritura, problemas de lectura, corrección, comprensión, etc. Neste caso atopámonos con gran cantidade de programas enfocados a mellorar a lectura, problemas de dislexia...
É algo evidente, como dixen antes, que o desenvolvemento da informática mellorou moito as posibilidades do ensino e formación do alumnado de calquera tipo, pero máis para alumnos con necesidades especiais, aos que antes lles resultaría imposible acceder a certo tipo de contidos e aprendizaxes. Tamén son dos que pensan que o ordenador debe ser un elemento máis no proceso de ensinanza aprendizaxe como algo que contribúe á formación do noso alumnado, sobre todo polo atractivo que lles resulta, e tamén para que descubran que vale para moito máis que aquilo que fan normalmente, e con isto refírome a que fan un uso moi limitado do mesmo.
Pero o máis evidente é que estas novas posibilidades implican que o profesorado tamén cambie en moitos aspectos a súa forma de traballar, a súa preparación e mentalidade. É aquí onde vexo as maiores dificultades. Unha boa parte do profesorado non ten a preparación necesaria en cuestións informáticas, aínda que cada vez, gracias aos cursos e á vontade de aprender, esta carencia vaise solucionando pouco a pouco. A necesidade crea a formación e polo que vexo en moitos dos comentarios deste curso sobre tecnoloxías para alumnos con necesidades educativas especiais, hai moita xente con ganas de formarse e con formación, que ven nas novas tecnoloxías un bo vehículo para mellorar non so o traballo que realizamos, senón, sobre todo porque paréceme máis importante, a forma de ensinar a estes alumnos para reducir no máximo posible a distancia que podía haber antes en canto as súas aprendizaxes. Moitos dos elementos mencionados anteriormente para acceder ao ordenador poden abrir para moitos alumnos e alumnas un mundo novo e descoñecido, unha forma de aprender que antes se lles negaba, sobre todo por falta de medios e que, sobre todo, pode mellorar moito os seus coñecementos e a súa interacción social, reducindo a distancia co resto. Por isto creo que a formación é fundamental para isto, para poder coñecer e traballar con elementos descoñecidos ata o momento, aínda que o máis importante son as ganas de facelo.
Ata o momento non tiven alumnado con este tipo de necesidades, pero en caso de telo, no meu caso concreto non será a falta de ganas nin, agora tras descubrir moitas cousas neste apartado do curso (e as que me quedan), de elementos que poder usar. Creo que a maior dificultade neste campo para os centros nos que a presencia deste alumnado sexa minoritaria son os medios. Todos sabemos como son os presupostos cos que contamos, axustados e mínimos. Atender a este alumnado pode supor un certo gasto que habería que asumir dalgún modo. Como vimos, para certos casos o mesmo sistema operativo ofrécenos unha serie de posibilidades gratuítas que podemos usar sen demasiado problemas (aínda que polo que vin son descoñecidas para a maior parte do profesorado, aos que nin lles soa iso das “Opcións de accesibilidade”, que como xa dixen nun comentario anterior sobre elas, son máis que utilizables para moitas cousas), pero para outro tipo de necesidades non é suficiente. É claro que naqueles centros nos que este tipo de alumnado sexa maioritario a dotación será máis ou menos (ou iso espero) para poder afrontar o uso dos elementos mencionados cunha certa asiduidade, aínda que estou seguro de que en moitos deles non será así. Pero naqueles nos que sexa un alumnado minoritario é onde haberá máis dificultades para usar instrumentos, programas ou accesorios que permitan o acceso ao ordenador no traballo diario. Como xa dixen, a atención a diversidade no sentido máis amplo do termo implica cambios na metodoloxía que usamos no noso traballo diario, e iso é o primeiro que debemos afrontar, sobre todo pensando máis nas cuestións prácticas que nas teóricas. Esta non é a maior dificultade porque todo aquel ao que lle guste o seu traballo ten sempre ganas de mellorar para poder realizalo da mellor maneira posible. Pero estes cambios metodolóxicos non poden centrarse so na boa vontade e ganas de aprender do profesorado, teñen que estar apoiados por unha serie de instrumentos e elementos que lle axuden a levar a cabo eses cambios. A necesidade de ter esas cousas para poder levar á práctica moito do comentado é o maior impedimento. Para iso todos teñen que mentalizarse de que hai que atender absolutamente a todo o alumnado en base as súas posibilidades, carencias, dificultades, etc., e iso implica tamén un gasto económico que hai que afrontar da maneira máis xusta e equilibrada posible.
A conclusión a todo isto, para min, é que, como moitas outras cousas, a teoría está moi ben, as posibilidades son moitas, moitas máis das que poidamos imaxinar, pero as limitacións para poder facer realidade esas posibilidades tamén son moitas, hai que ser realista. Claro que tamén as ganas e a vontade do profesorado compensan con moito esas carencias, pero non estaría mal un pouco de axuda.

jueves, 8 de abril de 2010

Breaking Bad

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=erZqsV5UJpM&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hai uns días recibín a revista de Canal+, de paso dicir que cada vez parécese máis a unha folla dominical que a unha información sobre a súa programación, porque perde máis follas que unha árbore en outono, e a maior parte das que permanecen son publicidade. Ben, sigamos, este mes en Paramount Comedy porán a terceira temporada dunha das mellores series dramáticas que teño visto nunca. Algúns dirán que iso mesmo digo de todas, pero claro, teñamos en conta que neste momento as nosas canles televisivas están cheas de series, e eu limítome a comentar aquelas que me gustan ou que me parecen entretidas, que no fondo é o que todos queremos, pasar o rato, pero se de paso vai acompañado dunha boa dose de calidade pois moito mellor.
As dúas temporadas anteriores pasaron so por esta mesma canle, que pode verse tamén en outros operadores, como R por exemplo, pero non pasou polas gratuítas, aínda que creo que lin hai uns días que unha delas pensaba emitila, non recordo cal, pero eu estaría atento para non perdela.
Falo de “Breaking Bad”, que mantivo aquí o título en inglés e que sería algo así como “rompendo cara ao mal” ou simplemente “volvéndose malo”. Se no comentario sobre “Dexter” dicía que non estabamos precisamente ante unha serie politicamente correcta esta idea é algo que se pode aplicar coa mesma facilidade neste caso, porque está tan lonxe como ela da corrección, moi lonxe. De novo imos ver a unha persoa que por unha serie de circunstancias toma un camiño que o vai levar lonxe da normalidade, do correcto, cara a un mundo descoñecido, sórdido e violento. En canto resuma o argumento veredes perfectamente o que quero dicir.
Conta a historia de Walter H. White (interpretado por Bryan Cranston, do que falarei algo máis despois), profesor de química dun instituto en Alburquerque, Nuevo Méjico, en Estados Unidos, claro. É un home dócil, tranquilo, sinxelo, case patético en certos momentos, que ademais para poder soster a súa familia traballa nun lavado de coches. É un respectado cidadán, casado con Skyler White (Anna Gunn), escritora de contos, que ademais está embarazada. Teñen un fillo, Walter White Jr. (R. J. Mitte), un adolescente que naceu con parálise cerebral, que lle provoca algúns problemas coa fala e dificultades motoras, polo que utiliza muletas. Walter, pouco despois de cumprir 50 anos, ten problemas de saúde e diagnostícanlle un cancro de pulmón terminal. Ao principio como lle dan poucas expectativas decide non someterse a ningún tratamento, pero tras visitar a outros médicos e por presións familiares, acepta someterse a un procedemento experimental cun médico que lle da bastantes esperanzas. O problema é o prezo do mesmo, que excede en moito as posibilidades económicas da familia. Isto provoca que empece a pensar en como pode resolver eses problemas. A solución aparece tras acompañar ao seu cuñado a unha redada antidroga. Ve un xeito de conseguir diñeiro fácil e rápido e en grandes cantidades. Gracias aos seus coñecementos de química (veremos a medida que avanza a historia que é un auténtico xenio na materia) decide montar un laboratorio de fabricación de metanfetaminas. Evidentemente non sabe nada do negocio e para iso porase en contacto cun antigo alumno seu, Jesse Pinkman (Aaron Paul) para que o axude na fabricación e distribución. Deste xeito verase metido nun mundo que non so no é o seu, senón que non ten nada que ver co seu, totalmente oposto e distinto. Estes cambios afectarán aos dous protagonistas, Walter e Jesse de moitas maneiras. Walter pasará pouco a pouco desa timidez e silencio vital a ser un home duro, manipulador e cruel, capaz de calquera cousa por conseguir o diñeiro non so para o tratamento, senón tamén para deixar a súa familia en boas condicións trala súa morte. É impresionante a evolución deste personaxe, tanto que non parece para nada o mesmo desde o primeiro ata o último capítulo.
A serie é un tremendo exemplo de humor negro, un impresionante, forte e, moitas veces, máis que desagradable humor negro. Non é este tipo de humor algo habitual no mundo do cine e a televisión americanas, parece máis propio doutros países, pero vos garanto que alcanza cotas inimaxinables. O primeiro laboratorio, para que non os pillen, vai estar nunha destartalada autocaravana que levan ao medio do deserto para que non os vexan, so isto provocará situacións inesquecibles. E xa dixen que o seu cuñado é un dos axentes máis importantes da DEA (a sección antidroga da policía), o que é outro enorme elemento de humor negro, xa que en certo momento vai perseguir a ese novo distribuidor que vende un produto dunha pureza descoñecida ata o momento, tanto que os volve tolos. As relacións que establecen cos distribuidores son algo tremendo, un simple profesor axudado por un rapaz que se ven metidos nun mundo duro, violento e cheo de trampas e enganos. Tantas trampas, enganos e mentiras como as que ten que montar Walter para poder manter esa situación sen que ninguén sospeite nada, tentando levar a mesma vida de sempre, pero envolto en cousas coas que nunca soñou. Ten que manter un equilibro entre a súa familia e a ocultación da nova situación, sumándolle o cancro e o seu tratamento, tendo que facer auténticas barbaridades para protexer a súa vida e a súa identidade como delincuente, sabendo ademais que tiña outras alternativas menos problemáticas.
O guión é do máis brillante que vos podades imaxinar, ben levado, con sorpresas e cada episodio é un paso máis cara a un final aínda por determinar. Xa vos digo que rematei hai un tempo a segunda temporada e estou desexando para ver que pasa na seguinte, porque nos deixaron co mel nos labios e cunha incerteza “insoportable”.
A verdade é que todos os actores están impresionantes, non hai un que non destaque, tanto dos protagonistas como dos máis secundarios. Os elementos do mundo da droga son do máis violento e sórdido que podades imaxinar. Pero destacan por enriba de todos os dous protagonistas. Bryan Cranston interpreta a un Walter creo de matices, as súas caras van desde a desesperación ata a máis forte ira, pasando pola felicidade, a tranquilidade, o desacougo..., e un montón de sensacións que transmite de forma xenial ao espectador. E o mesmo ocorre co seu “axudante”, o pobre Jesse, un drogadicto que se ve metido sen querelo demasiado, no mundo do tráfico a alto nivel e cunha historia familiar e persoal que coñeceremos pouco a pouco.
A primeira temporada é do ano 2008 e consta so de 7 episodios, parece como se probarán a ver como ía a cousa, e visto o éxito que tivo, continuaron cunha segunda de 13. Algúns pensamos, antes de ver o último episodio, que terminaría aí, pero non, hai, polo menos, unha terceira que polo que lin noutros blogs americanos segue a mesma tendencia de xenialidade. Tivo moitos premios en Estados Unidos, pero por mencionar os máis importantes e coñecidos, os Emmy, nos anos 2008 e 2009 o seu protagonista obtivo o premio ao mellor actor dunha serie dramática e, como dixen, non me sorprende, porque a cantidade de sensacións que provoca o seu papel é difícil de ver noutras series.
Pois iso é o que temos, unha serie dramática, de humor negro e case surrealista en moitas ocasións. Tamén advirto, por se non é algo que podades supoñer, que é tremendamente dura, violenta, con escenas e situacións que poñen os pelos de punta a calquera. Isto é algo que pode facer que alguén a deixe ao pouco de comezar. Eu recomendaría que non o fixerades, porque seguro que tras catro episodios non seredes capaces de deixala pasar, polo menos iso é o que me pasou a min, ao principio, tras ver dous, non fun capaz de ver a maravilla que vin despois. Tras esa violencia temos unha historia que merece a pena ver e disfrutar.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=0t_tGu-Os70&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

martes, 6 de abril de 2010

Daños y perjuicios

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=oIOTeIix-2c&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hai uns anos as xoias estaban normalmente no cine e a televisión quedaba reservada para meros entretementos rápidos e sinxelos que non permanecían demasiado tempo no tempo. A demostración disto está en que se vemos agora as series que nos asombraban hai anos comprobamos que non resisten demasiado o paso do tempo. Ao mesmo tempo a maior parte dos actores daquelas tentaron nalgún momento dar o salto ao cine, fracasando a maior parte das veces. Agora parece que as cousas con ao revés en varios sentidos. Por un lado é evidente que o cine está a pasar un momento de esgotamento de boas ideas, priman máis os efectos especiais que as historias, que son bastante simples e baleiras (certo é que hai excepcións, pero cada vez menos). Por outro lado hai unha serie de actores que todos coñecemos que están dando o salto ás series de televisión e vendo quen son non creo que sexa cuestión de diñeiro, senón máis ben de que na pequena pantalla están xurdindo ideas e argumentos que de vez en cando merecen a pena máis que calquera película, como é o caso da que vou comentar hoxe.
A protagonista é unha das grandes actrices americanas, Glenn Close, e a serie “Daños y perjuicios” (“Damages” é o título orixinal en inglés). Aquí as dúas primeiras temporadas emitíronas por Canal+ e hai unha terceira que está a emitirse nestes momentos en Estados Unidos. Non sei se a primeira, que xa ten un tempo, foi emitida por algunha das cadeas non de pago, pero se non o foi, están perdendo a oportunidade de poñer algo realmente bo, do mellor que se pode ver neste momento. A primeira temporada é do ano 2007, a segunda do 2009 e a terceira, como dixen, está agora en emisión. Todas elas constan de 13 episodios de corenta minutos. Non me quedo curto se digo que son auténticas películas de dez horas, tanto pola historia como pola realización, a montaxe e pola actuación de todos os actores que aparecen nela, desde o primeiro ata o último. Ademais de Glenn Close temos a outros actores máis que coñecidos, algúns do cine e outros da televisión. Na primeira temporada aparece como un dos personaxes principais Ted Danson (quen non lembra ao camareiro de “Cheers”) e na segunda William Hurt.
Ven a conto este comentario porque hai xa tempo que vira a primeira temporada e tiña a segunda gravada enteira en casa, pero aínda non me puxera con ela. Hoxe vin o primeiro episodio e xa non recordaba o estupenda que é, enganchado estou outra vez seguindo unha historia apaixonante e intrigante. En teoría é unha serie de avogados, pero é moito máis que iso, ten case de todo, unha tremenda intriga, asasinatos, vinganzas, miserias, problemas familiares e moitas sorpresas, porque case ninguén é quen parece ser, senón todo o contrario. Teño que recoñecer que na temporada anterior non foron poucas as veces que quedei mirando para a pantalla con cara de asombro tras algunha revelación que non esperabas e que te deixa atónito.
Glenn Close, de sobra coñecida, gañou un Globo de Ouro á mellor actriz dramática e a serie sempre tivo varias nominacións nos anos da súa estrea. Ela mesma di que animouse a facela pola calidade dos seus guións e porque “Ao ler este dinme conta de que tiña finais fantásticos, impactantes, moi bos”. É unha combinación de historias, tramas xudiciais e suspense, con moitos elementos de misterio. Os flashbacks con continuos e fundamentais no desenvolvemento da historia, imprescindibles para entender as motivacións dos personaxes e o que está a suceder. E por riba de todo ela, cunha actuación impresionante, que te deixa sen respiración por todos os matices que ten e por como se comporta, xenial, de verdade.
Segue a vida dunha avogada de éxito, Patty Hewes (Glenn Close), dura, implacable e elegante, que dirixe de forma férrea un bufete de avogados, uno dos máis poderosos de Nueva York. Na primeira temporada o caso central implica a un millonario, Robert Frobisher (Ted Danson) que parece que estafou aos seus traballadores levando á empresa á quebra. O outro personaxe principal é Ellen Parson (Rose Byrne, que tamén está fabulosa no seu papel), unha avogada nova e brillante que empeza a súa carreira no bufete de Patty e que se verá envolta en todas as intrigas e enganos da trama, que lle afectarán non so a ela, senón tamén a todos os que a rodean. A trama está desenvolvida en dous tempos diferentes, empeza no presente de forma impactante, Ellen deambulando polas rúas en estado de shock e chea de sangue, para retroceder de repente seis meses, cando empeza todo.
A serie é excelente, xa o dixen, pero a montaxe e o desenvolvemento do argumento é algo fóra de serie, do mellor que se fixo nunca en televisión e comparable a grandes producións cinematográficas. No podemos quitar un momento o ollo da pantalla porque cada cara, cada xesto, cada situación pode ir dándonos pistas do que está a ocorrer, aínda que moitas veces erraremos nas nosas conclusións. Con isto non quero dicir que sexa unha trama efectista, para nada, cada cousa que pasa está plenamente xustificada e non nos engana, so nos leva a veces por un camiño que nos escollemos, pero que a veces é o equivocado. Por iso o máis recomendable cando un se decida a vela sería conseguila enteira, por exemplo en DVD a primeira xa está comercializada, porque non creo que sexades capaces, tras ver dous ou tres, de resistir a tentación de seguir abrindo portas que están pechadas para ver que hai detrás.
Xa dixen antes que acabo de ver o primeiro da segunda temporada, creo que en canto remate isto voume poñer a ver o segundo e xa veremos se antes de durmir non verei algún máis.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=wGylEBTCDZ4&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

lunes, 5 de abril de 2010

"Apocalipsis Z", Manuel Loureiro

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=SE71PSkc50Q&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Son lector desde hai moitos anos, penso que é unha das mellores actividades para o tempo libre por moitas razóns e dáme algo de pena que a xente non lea máis. Cando tiña menos anos na casa sempre houbo moitos libros. Meus pais eran os dous moi afeccionados á lectura e supoño que de velos e tamén pola cantidade de libros que había na casa (e que segue a haber) eu tamén me afeccionei. Meu pai sempre gustou moito das novelas de terror e misterio, supoño que como era grande parte do que había en casa eu tamén as lía. Isto ven a conto porque a maior parte dos libros que comento neste blog pertencen ao xénero da novela histórica, e hoxe imos romper un pouco esa liña para pasar a outro xénero completamente distinto.
Gústame moito a novela de terror, aínda que ultimamente parece que o xénero anda algo esgotado e por iso non que o toque demasiado, chegado certo momento canseime de ler historias que case sempre eran iguais e repetían os mesmos esquemas. Tamén é certo que é difícil facer algo novo porque xa está case todo escrito, pero de vez en cando aparece algunha novela que aínda tocando temas de sempre consegue darlle un certo aire de orixinalidade que fan que pague a pena lelas. Un dos meus autores favoritos é Stephen King, do que sigo a pensar, xa que leo cada obra nova que sae, que segue a ser dos mellores e máis orixinais, ademais de escribir bastante ben. Parece que nos últimos anos hai un rexurdimento deste tipo de novelas. Primeiro foron os vampiros, coa saga “Crepúsculo”, da que debo dicir que lin o primeiro e ningún máis. Creo que teñen un mérito, que é facer que boa parte da xuventude, sobre todo feminina, collera un libro por vontade propia, xa que moitas das miñas alumas andaban con eses libros baixo o brazo. Non é que me apaixoara esta novela medio rosa aderezada con vampiros como pretexto, pero tampouco creo que estiveran escritas para lectores coma min (dito isto con todo o respecto, dígoo máis que nada por unha cuestión de idade). Pouco despois puxéronse de moda as novelas de zombis, facendo incluso versións de obras clásicas, como “Orgullo y prejuicio zombie” e outras máis orixinais que están a ter boas ventas e bastantes lectores. Incluso hai uns día vin nun escaparate unha versión do “Lazarillo zombi”, que teño intención de ler, porque non sei eu como será iso do Lazarillo matando zombis na España do Século de Ouro.
Todo isto ven a conto para o comentario das dúas novelas de zombis dun autor galego, Manuel Loureiro, os seus títulos “Apocalipsis Z” e a súa continuación “Apocalipsis Z. Los días oscuros”, ambas escritas en castelán. Hai pouco que rematei a segunda e parecéronme do máis orixinal, entretido e tenso que teño lido ultimamente nestes temas, máis que recomendables para os afeccionados.
Manuel Loureiro Doval é un autor pontevedrés nacido en 1975 e licenciado en Dereito (igual que o protagonista das súas novelas, que é avogado) pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou na Televisión de Galicia como presentador (por exemplo do programa “Sin perdón”) e como guionista. Deste modo afeccionouse á escritura. Un bo día ocorréuselle escribir unha novela nun blog, “Apocalipsis zombi”, co nick de Mundocadáver. Empezóu pensando nun relato curto para uns cantos amigos e coñecidos, pero pronto a voz correu e milleiros de lectores accedían a súa páxina para poder ler como se ía desenvolvendo a historia. Tanto é así que enseguida comezou a recibir ofertas de editoriais para transformar esa idea inicial nun libro. O blog tiña a estrutura dun diario con entradas de lonxitude variable nas que o protagonista ía contando a súa historia en primeira persoa. Empezou a publicarse en xaneiro de 2006 e conta, xa que a novela mantivo a estrutura do blog, baixo a forma dun diario persoal, a historia dun avogado que vine nunha urbanización preto de Pontevedra, acompañado do seu gato, Lúculo. Desde aí ve como a humanidade camiña rapidamente cara a súa destrución a causa de un escuro incidente que se produce en Rusia e que pronto se estende por todo o mundo, convertido nunha epidemia sen control que ameaza a existencia do home na terra. A primeira parte é unha carreira contra reloxo desde Pontevedra ata Vigo, andando, en coche ou en barco e sempre loitando pola súa supervivencia contra os infectados polo virus. A segunda parte, de publicación recente, perde esa estrutura de diario, o que quizais lle resta algo de orixinalidade e frescura, pero non a tensión que é constante en todo o relato. Non vou contar máis porque desvelaría demasiadas cousas da historia e merece a pena ler as dúas. Eu fíxeno dun tirón, quería saber que máis lle pasaba e seguro que o que lea a primeira non resistirá a tentación de ler a continuación a segunda. Todo isto aderezado, para darlle realidade e credibilidade, con nomes reais de políticos mundiais do momento e lugares coñecidos.
O mellor da historia é que o protagonista é un tipo normal, non é ningún heroe ao que nada pode derrotar, pásao fatal desde o principio e o seu inxenio e unha boa dose de sorte fan que vaia saíndo con ben de todas as situacións polas que pasa. A acción é continua, con moi poucos momentos de calma, e a tensión producida por esa loita contra os zombis é unha constante. Grande parte da acción da primeira novela transcorre na cidade de Vigo, con dúas escenas destacables, unha no porto e unha zona de Bouzas e a outra no Hospital do Meixoeiro. A verdade é que agora, cando paso por eses dous lugares non vou dicir que me asuste, pero si que me quedou un pequeno resto de intranquilidade. Digo isto para que vos fagades unha idea de que realmente consegue impresionar ao lector. A segunda parte tamén me gustou moito, pero creo que está un pouco por debaixo desta. O autor aproveitou o tirón pero o resultado é algo inferior, pero non demasiado, que conste. Ademais do protagonista nas dúas hai outros tres personaxes que desde certo momento acompañarán ao noso avogado nas súas aventuras e desventuras. Un piloto ucraniano de helicópteros que traballa para a Xunta na extinción de incendios é un deles, simpático e valente, moi bo. O contrapunto feminino póñeno unha monxa e unha rapaciña, Lucía, ás que se van atopar de casualidade en certo momento da historia é que irán con eles.
A verdade é que disfrutei moito con esta lectura, tendo en conta ante todo que non é máis que un bo entretemento bastante ben escrito, xa que consegue atraparte e, incluso, facer que pases máis dun mal momento. O argumento non é nada orixinal, xa dixen que creo que é complicado hoxe ser orixinal en certos xéneros, pero o xeito de contarnos a historia, desenfadado e adictivo, é o maior dos seus méritos. É unha pequena xoia máis que recomendable que fará pasar máis dun mal momento ao lector. Tamén advirto, para os non afeccionados ou os que sexan facilmente impresionables, que ao mellor non deberían lela, está chea de sangue, vísceras e algunhas esceas algo desagradables, pero aínda así se o intentan creo que pasarán un bo rato.

viernes, 2 de abril de 2010

Furia de titanes

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=gZKFPikKqRM&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Como seguimos con este mal tempo que temos desde hai tempo pois os festivos, máis que nada para non quedarse na casa, toca ir ao cine, e esta vez non foi distinto. Ollada á carteleira buscando algo que valera para toda a familia, ao final decidímonos por un das estreas recentes da semana, “Furia de titanes”
Hai non demasiado tempo comentei que en Hollywood parece que se lles están esgotando as ideas, sobre todo as boas, e a moda de facer versións de antigas películas súas ou de outras nacionalidades é unha constante. Este é o caso, esta película é unha versión de outra do mesmo título estreada en 1981. O máis destacado desta primeira versión é que foi a última película na que participou un dos máis grandes no terreo dos efectos especiais, Ray Harryhausen, un animador e creador que abriu as portas dun xeito definitivo aos efectos especiais no cine. Para os que sexan coma min, pasados os corenta, recordar películas como “Jasón y los argonautas” ou varias cintas protagonizadas por Simbad ou esta mesma. Esas cintas abriron os nosos ollos a un mundo novo e non nos deixaban pechalos cos monstros que aparecían, cun momento típico e característico que non creo que poidamos olvidar. Eran, daquela, o cine de aventuras por excelencia. Destacar que en esta nova versión, que en ocasións parece unha homenaxe a este animador, o aspecto e textura dos efectos achégase moito aos de Harryhausen, parece que o están a recordar. Para os moi cinéfilos, atentos a un búho que aparece nunha soa escena, porque é igual a un dos personaxes da primeira versión. Destaco isto porque nalgún sitio lin algúns comentarios sobre que o tema dos efectos era algo que non lles gustara demasiado e coa técnica de hoxe podería facerse algo mellor, pero basta mirar as texturas e os movementos dos escorpións xigantes para darse conta de que estaban pensando nel.
A cinta basease na mitoloxía grega, tema moi cinematográfico e sobre a que se fixeron infinidade de películas con desiguais resultados. Neste caso parte do mito grego de Perseo, pero facendo unha interpretación bastante libre da súa historia, aproveitando certos elementos e rexeitando outros para facer, supoño eu, unha película máis entretida e espectacular. Perseo é un semideus, fillo de Zeus e Danae. Nai e fillo son botados ao mar polo seu marido e Perseo é rescatado por un pescador e a súa muller. Os homes, enfadados cos deuses, deciden non seguir adorándoos, feito que enfada a Zeus, deus do Olimpo, e ao seu irmán Hades, deus do inframundo. Este convence a Zeus para enviar ao Kraken contra os homes para castigalos, pero esconde outras intencións. Zeus aliméntase das pregarias dos homes, pero Hades faino do seus medos, así que tralo castigo o que pretende é alimentar o seu poder para derrotar a Zeus e ocupar o seu lugar. Perseo, ante isto, acompañado dun reducido grupo de valentes guerreiros, emprende unha perigosa viaxe cara a mundos prohibidos en busca da cabeza da Medusa, que é o único que pode derrotar ao Kraken e acabar con Hades. Loitarán contra demos e enormes bestas, enfrontáranse coas bruxas ata chegar á lagoa Estigia para loitar contra Medusa. So se Perseo acepta a súa condición divina poderá saír con ben de todas estas aventuras, contando ademais coa axuda dunha espada e do cabalo voador Pegaso, regalos de Zeus.
A película non está nada mal, la verdade, non pasará á historia do cine nin a recordaremos durante moito tempo, pero fíxonos pasar a todos un rato máis que entretido, sen sacar a vista da pantalla. As escenas de acción están bastante ben desenvolvidas, aínda que quizais algo rápidas e confusas nalgún momento. Dúas destacan por enriba das demais. Por un lado o enfrontamento cos escorpións xigantes é un dos momentos álxidos. Por outro a escena que transcorre na guarida da Medusa tampouco ten desperdicio pola ambientación e a tensión da mesma. Eu a recomendaría para unha desas tardes chuviosas como una boa opción para non quedar na casa, seguro que vos vai entreter bastante.
No que se refire aos actores, para min, hai de todo. O personaxe de Perseo está interpretado por Sam Worthington. Creo que a súa dobraxe en castelán deixa algo que desexar, a verdade e réstalle credibilidade. A súa actuación non é mala, pero non me apaixonou, cumpre sen máis, pero as veces é demasiado estático en canto a xestos e caras, a verdade. Zeus é Liam Neeson, non está mal nese traxe plateado que escapa un pouco da imaxe habitual. Hades, o personaxe escuro é Ralph Fiennes, que tampouco está mal. Creo que a maior parte dos secundarios está algo mellor que estes tres, sobre todo o personaxe de Draco, un dos que acompañan a Perseo na súa aventura, que ten máis matices e interpreta un pouco máis, foi o que máis me gustou de todos.
En canto a cuestións técnicas, xa comentei algo sobre os efectos especiais. A música está bastante ben, e reforza con convicción as escenas fundamentais. Pero quizais o mellor sexa a ambientación e os lugares nos que se rodou a cinta, grandes bosques, inmensas paraxes desérticas que dan algo máis de realidade á historia. Como curiosidade dicir que grande parte da mesma foi rodada no Parque Nacional do Teide, na illa de Tenerife.
Antes de rematar, comentar que se estrea en versión normal e no demasiado habitual 3D. Nos vímola en normal e paréceme mellor vela así, xa comentei nalgunha ocasión que isto do 3D paréceme unha moda que nos queren meter pero que non me gusta, paréceme incómodo e mareante en ocasións. Ademais neste caso a cinta non foi filmada orixinalmente en tres dimensións, co que, polo que lin en outros sitios, non parece demasiado recomendable vela neste sistema cando non foi directamente concibida para el, porque perde bastantes enteiros. Ademais en “normal” é máis barato e se non merece a pena, mellor aforrarse esa diferencia de diñeiro.
Pois nada, unha película para pasar un bo rato, ao estilo das que para aqueles que xa temos unha idade, víamos na televisión ou nos cines na nosa xuventude, entretida, sen pretensións e decente para pasar unha tarde, ademais merece a pena vela no cine pola grandiosidade dos escenarios, os efectos especiais e o desenvolvemento das escenas de acción.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=gSYMdL9FxKY&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

jueves, 1 de abril de 2010

Castle

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=JyZc_aY1vnE&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe toca televisión, que ultimamente xa foron varios de libros e hai que variar de vez en cando. Partamos da idea de que o fundamental nunha serie televisiva é que sexa entretida e nos aparte un pouco dos problemas diarios, do traballo e consiga que pasemos un bo rato, se de paso ten algo máis, como algunha das que teño comentado anteriormente pois mellor, porque sempre está ben que nos aporte algo máis, pero tampouco isto ten que ser unha obriga.
Fago esta introdución máis que nada para aclarar que a serie que vou comentar non está á altura das que apareceron antes, non ten a mesma calidade e non é para nada innovadora nin vai pasar á historia da televisión, pero polo menos para min, cumpre o obxectivo mencionado anteriormente, entretén.
Falo de “Castle”, serie policiaca con algunha innovación nos personaxes que emite neste momento os xoves (hoxe día 1 creo que poñen tres seguidos, os dous últimos da primeira temporada e o primeiro da segunda) a cadea Cuatro. Eu tiven a oportunidade de ver a primeira temporada hai un tempo en AXN e estou a ver os primeiros capítulos da segunda. A pesar de parecer pesado non esperedes máis que pasar un bo rato, entretido, divertido, cuns personaxes curiosos e uns casos bastante interesantes, que fan que un estea un pouco máis pendente do desenvolvemento da serie, xa que soen ter elementos que os fan algo distintos das típicas series deste xénero.
O personaxe principal é Richard Castle, interpretado por Nathan Fillon (un actor non demasiado coñecido pero habitual en varias series, por exemplo aparecía nunha das últimas temporadas de “Mujeres desesperadas”). É un famosísimo autor de novelas de misterio e intriga, case todas elas protagonizadas polo mesmo personaxe. No primeiro episodio está a facer a presentación da súa última novela, na que mata ao seu protagonista, xa un pouco cansado del e de escribir sobre el. Iso fai que os seus fans rexeiten ese final, pero Castle considera que está xa esgotado e non quere seguir con esa serie de relatos. Parece que entra nun momento de pouca inspiración e algúns pensan que está acabado como escritor. Pero nese momento aparecen unha serie de asasinatos que recrean perfectamente os que aparecen nas súas novelas, polo que a policía pide a súa colaboración para resolvelos. Entón toma contacto coa detective Kate Beckett, unha policía nova e moi atractiva que vai ser a inspiración que lle faltaba a Castle para iniciar unha nova serie literaria. Poñendo en marcha os moitos contactos que ten consegue traballar como asesor para a policía, sendo a parella da detective e esa relación entre eles será un dos motivos centrais da serie. A partires dese momento estará sempre con ela e axudará a resolver os casos que se lles presentan. Outros personaxes fixos son dous detectives máis do grupo e a nai (unha actriz no ocaso da súa carreira e que non o leva nada ben) e a filla do protagonista.
Castle é un personaxe simpático, un home que o ten todo, diñeiro para parar un tren, atractivo, é un playboy que sempre está tentando sacar fora o seu inxenio e a súa gracia, aínda que recoñezo que as veces para algúns pode resultar un pouco cargante porque a liña entre a simpatía e a saturación pode ser moi fina. Quero dicir con isto que a algúns pode caerlles de pena con tanto chiste e unha suficiencia en ocasións algo esaxerada.
Algúns din que é unha mistura entre dúas series clásicas que algún recordarán, “Luz de luna” (a que levou a fama a un gran actor como Bruce Willis e que tiña ese aire de tensión sexual entre os dous personaxes principais como ocorre nesta) e “Se ha escrito un crimen” (a señora Fletcher, aquela velliña escritora que resolvía asasinatos como quen fai calceta). O certo é que pode ter unha mezcla entre as dúas, ademais de algún elemento orixinal.
Polo que parece en Estados Unidos tivo bastante éxito. Eu penso que será porque rompe un pouco coas series deste estilo que teñen, os CSI de varias cidades son sempre algo máis serios e ata certo punto algo repetitivos, case sen un minuto de distracción sobre a investigación. Neste caso podemos falar máis dunha comedia que dunha serie policiaca. O que busca fundamentalmente é entreter e para min consegue o seu obxectivo, pero xa digo que recoñezo que moita xente pode non estar de acordo con esta afirmación.
A relación entre eles dous vai avanzando pouco a pouco. Os dous policías que traballan con eles tamén son un bo contrapunto fronte a parella protagonista e a súa relación coa nai e a filla dan tamén outro aire que a converte en algo levemente distinto ao habitual.
Recoméndoa para pasar un rato entretido sen máis, xa digo que os casos soen ter algún elemento disinto ao habitual, algún tipo de novidade que fai que o espectador estea máis pendente e os momentos entre Castle e a detective case sempre fan que esbocemos, polo menos, un leve sorriso ou algo máis, porque hai situación realmente simpáticas. Ver ao escritor co seu chaleco antibalas no que en lugar de poñer “Policía” pon “Escritor” xa nos pode dar unha idea de por onde van os tiros. E precisamente ademais non son tiros o que máis hai, nese sentido tamén é algo distinta, as investigacións soen ser máis ben relaxadas, non son demasiado habituais as persecucións, os intercambios de disparos e esas cousas, por iso dixen que é máis unha comedia que unha serie de acción.
Se vos animades a vela espero que vos guste, ou polo menos que vos faga pasar un bo rato.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=G63eBzJd4dg&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]