A autora de hoxe saltou á
fama case de un día para outro. A publicación da súa primeira
novela, dentro do xénero da literatura xuvenil, supuxo unha
auténtica sensación e conseguiu que un bo montón de rapaces que
non colleran un libro en moito tempo devoraran o seu con moitas
ganas. O mesmo pasou co resto das historias centradas no mesmo
personaxe, así como coas súas adaptacións ao cine. Ata o día de
hoxe todas as súas novelas estaban dirixidas ao mesmo grupo de
público e contaban a historia do mesmo grupo de personaxes. Por se
alguén non se deu conta a autora é J. K. Rowling, a creadora de
toda a saga de Harry Potter. Tras ese gran éxito non debe de ser
sinxelo, rematada a historia do mago, afrontar a escrita dunha nova
novela, moita responsabilidade, moitos lectores e críticos esperando
para opinar sobre ela, tentar ou non escapar do feito ata ese momento
e algúns condicionamentos máis, creo que é algo realmente
complicado. Hai uns meses apareceu a que se publicitou como “primeira
novela para adultos” de Rowling, titulada “Una vacante
imprevista” e que rematei de ler hai pouco. Xa vos digo que
esperaba algo máis e que me gustou menos do que esperaba.
Joanne Rowling naceu en
1965 en Yate, un pequeno pobo de Inglaterra. É licenciada en
Filoloxía Francesa e Clásica pola Universidade de Exeter. Despois
trasladouse a Londres onde traballou, entre outras cousas, como
investigadora para Amnistía Internacional. Esbozou a idea das
historias de Harry Potter durante case cinco anos, tras a idea xeral
comezou coa primeira novela. Posteriormente viviu no norte de
Portugal, onde foi profesora de inglés. En 1992 casa e ao ano
seguinte ten unha filla. Tras separarse do seu marido volveu con ela
a Edimburgo, onde rematou “Harry Potter e a pedra filosofal”. O
libro apareceu en xuño de 1997, sendo inmediatamente un gran éxito
de ventas. En 1998 aparece “Harry Potter e a cámara secreta”,
continuando con “Harry Potter e o prisioneiro de Azkaban” en
1999. Todas elas repetiron o éxito e mantivéronse durante moito
tempo nas listas de ventas de todo o mundo. No 2000 aparece o cuarto,
“Harry Potter e o cáliz de fogo”, cunha edición dun millón de
exemplares so no Reino Unido, batendo todos os récords de exemplares
vendidos no seu primeiro día de publicación. “Harry Potter e a
Orde do Fénix” publícase simultaneamente no Reino Unido, Estados
Unidos, Canadá e Australia en xuño de 2003, rompendo todas as
marcas anteriores. “Harry Potter e o misterio do príncipe”
aparece en xullo de 2005, seguindo a tónica dos anteriores. O
séptimo e último, “Harry Potter e as reliquias da morte”
publicouse no 2007. Ademais escribiu dous pequenos libros que
responden ao título de algúns dos libros de texto de Harry,
“Animais fantásticos e onde atopalos” e “Quidditch a través
dos tempos”, que aparecen no ano 2001. “Una vacante imprevista”
aparece publicada en decembro de 2012 e é, polo momento, a primeira
novela da autora tras as aventuras do mago Potter, como dixen
esperada e recibida con opinións diversas.
A accións transcorre nun
pequeno pobo inglés, o típico en moitos sentidos e que todos
podemos imaxinar, chamado Pagford. Preto del está a cidade de
Yarvil, coa que ten algúns problemas motivados pola construción hai
uns anos dun barrio de vivendas de protección oficial, chamadas Os
Prados. O lugar está máis cerca do pobo que da cidade, pero esas
terras foron cedidas por un terratenente local en certo momento para
construír esa pequena urbanización. O Consello Local de Pagford
quere librarse de ter que manter esa zona e pretende que a cidade
teña que facerse carto dela, entrando a formar parte da mesma e
librando ao pobo dos gastos que representa. Ademais diso temos outro
problema, hai unha clínica de desintoxicación de drogadictos,
Bellchapel, que está un local alugado a Pagford e que algúns queren
eliminar. No pobo temos case dous grupos enfrontados por estes dous
problemas, uns queren manter Os Prados dentro do concello e tamén a
clínica e outros queren librarse de ambos problemas dun tirón. Uns
cren que a clínica da mal ambiente ao pobo e que Os Prados, onde
agora viven familias de escasos recursos e moitos dos que van á
clínica, tamén. Outros pensan que ante todo hai que axudar á xente
que alí vive e aos que van á clínica. Ao principio da novela as
cousas están completamente equilibradas, a decisión ten que tomala
o Concello Municipal, que está dividido nestas dúas cuestións
exactamente á metade. Pero este equilibrio rómpese nada máis
empezar a ler, Barry Fairbrother morre de forma repentina. El era o
maior defensor da permanencia de ambos elementos dentro do pobo, un
home moi querido e apreciado por todos. Agora empeza unha verdadeira
batalla na sombra e á luz entre as dúas faccións para entrar no
Consello e conseguir o que queren. Uns pelexan por defender as súas
ideas e outros ven a porta aberta para desfacerse de todo o que
consideran negativo para o pobo. Esta loita fará saír o mellor e o
peor de todos, facendo que o aparentemente tranquilo ambiente do
pequeno pobo rompa e provocando que moitos segredos saian á luz, sen
importar a quen se lle poida facer dano.
Esta é a historia
central da novela, quizais unha pequena escusa para desenvolver unha
serie de historias sobre o comportamento humano, nas cousas que
podemos chegar a facer para conseguir aquilo que queremos sen ver a
onde nos poden levar eses actos. Ademais diso teremos historias sobre
a adolescencia e os seus problemas, sobre o enfrontamento entre os
fillos e os pai, as relacións amorosas entre rapaces e adultos... Ao
redor disto xoves inadaptados, nais drogadictas que non poden facerse
cargo dos seus fillos, asistentes sociais que se ven desbordadas polo
seu traballo e a súa propia vida... Ao final todo se traduce nun
cúmulo de problemas, de enfrontamentos, de relacións complicadas a
todos os niveis e na idea de poñer por riba de todo e de todos
aquilo que uns queren por riba do que queren outros, o importante é
impoñer algo sen ter en conta todas as posibles consecuencias e sen
parar demasiado a analizar as cousas con claridade e
responsabilidade.
Fíxome gracia iso de ler
que era a primeira novela para adultos de Rowling. Moitas veces a
separación entre este tipo de literatura e a xuvenil é máis que
difusa. Creo que as historias de Harry Potter son lidas tanto por
rapaces como por adultos. No meu caso recoñézome como fan do mago e
lin con ganas todas as súas novelas, creo que un dos seus grandes
méritos, xa o dixen ao principio, foi conseguir que xente que hai
tempo que non lía fixérao. Creo que, ademais, a saga foi crecendo
en intensidade e cada vez era algo máis “adulta” por dicilo de
algunha maneira. As dúas últimas eran realmente negras, cheas de
momentos intensos e duros, moito máis que calquera das anteriores e
gustáronme moito. Neste caso non me pasou como con outras sagas de
calquera tipo, creo que esta foi mellorando con cada entrega,
crecendo en todos os aspectos, tanto como os seus personaxes, que xa
coñecías perfectamente e que, ademais, teño que recoñecer que
boto algo de menos. Rowling atrapoume con ese mundo de maxia, cuns
personaxes moi definidos e cunhas características moi claras, a
pesar de que ían evolucionando a medida que avanzaba a historia.
Digo todo isto porque esta nova novela decepcionoume un pouco e
incluso nalgún momento se me fixo demasiado longa.
Teño que recoñecer que
me custou bastante meterme na historia. Por un lado porque os
primeiros capítulos supoñen tal cúmulo de personaxes que en máis
de un momento perdinme un pouco e tiña que parar máis dunha vez a
pensar en quen eran, con quen estaban casados ou casadas, de quen
eran fillos ou con quen se relacionaban. Chegado certo momento xa
estaba un pouco máis claro, pero aínda así creo que quizais sobren
algúns, tal cantidade pode restarlle algo de interese e intensidade
á trama. Tamén hai unha gran cantidade de temas digamos
secundarios, como comentei unhas liñas antes. Quizais teña o mérito
de tratar as relacións persoais e os problemas dunha boa cantidade
dos habitantes de Pagford, dando unha idea completa e total de como é
a vida nese pequeno e idílico pobo que ao final non o é tanto, pero
para min ao mesmo tempo quítalle intensidade e realidade a máis
dunha desas historias. Ao mesmo tempo, non sei se intencionalmente ou
non, algúns personaxes e situacións pasan do realista ao
histriónico, a algo case incrible e esaxerado, con comportamentos
que podemos recoñecer en moitos dos que nos rodean, pero que non
parece posible que se misturen todos nunha soa persoa ou nunha soa
familia. Ao final esa cantidade de tramas, de situacións e de
personaxes fixo que me perdera un pouco, tanto na lectura como no
interese pola mesma. Fíxoseme longa, as máis de seiscentas páxinas
que ten parécenme demasiadas para a historia que nos está a contar.
Incluso custoume recoñecer ese estilo fluído e áxil das súas
novelas anteriores, que conseguían manterme lendo e ademais
imaxinando á perfección aquilo que estaba a ler, algo que non me
pasou neste caso.
Como digo unha lixeira
decepción a lectura de “Una vacante imprevista”, aínda que como
digo sempre isto non é máis que unha opinión completamente
persoal, aínda que vin algúns comentarios que coincidían en certos
aspectos comigo. Loxicamente tamén lin outros que non o facían,
como sempre isto é algo completamente subxectivo e iso é o bo. Case
desde o principio desorienteime un pouco, non fun capaz de meterme
demasiado na lectura e iso non é bo. Non sei que pensarán outros
lectores desta historia, espero os vosos comentarios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario