jueves, 18 de marzo de 2010

"La catedral del mar", de Ildefonso Falcones

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=h3nPbkVdiwY&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Vou escribir outra vez de dúas novelas, parece que sempre van a pares, pero non é máis que unha casualidade, e tamén é certo que cando a un lle gusta un autor, pois le máis cousas del, aínda que deste, de momento, so temos dúas novelas nas librerías, e a verdade é que non sei cal das dúas gustoume máis. Falo de Ildefonso Falcones, autor de “La catedral del mar” e “La mano de Fátima”. Non creo que a aqueles que sexan lectores habituais non lles soen estas novelas, xa que foron un grande éxito de vendas nos últimos anos, pero para aqueles que non as leran, como case todo o que poño por aquí, recoméndolles que o fagan, porque merecen a pena, sempre e cando lles guste a novela histórica, claro.
Ildefonso Falcones de Sierra naceu en Barcelona no ano 1958, de profesión avogado. Estudiou no Colexio dos Xesuitas de San Ignacio. Posteriormente comezou na Universidade dúas licenciaturas, Dereito e Económicas, aínda que deixou a segunda para poder traballar mentres terminaba a primeira. Actualmente traballa como avogado no seu propio bufete en Barcelona, compaxinando este traballo coa literatura.
A súa primeira novela é “La catedral del mar”. Tardou catro anos en escribila, mentres traballaba, escribindo antes e despois do traballo. Saíu á venda o 3 de marzo de 2006. Pronto converteuse no fenómeno editorial dese ano, vendendo case un milleiro de exemplares a finais do mesmo e sendo a obra máis vendida. Posteriormente foi traducida a quince idiomas. O autor sentía gran interese pola igrexa de Santa María do Mar, en Barcelona, así como polo estudo das leis medievais. Durante ano dedicouse a recopilar documentos da Cataluña medieval coa intención de escribir un libro onde puidera reflectir os usos e abusos das leis feudais. A historia transcorre a principios do século XIII, Barcelona é unha cidade en gran desenvolvemento e chea de oportunidades e os seus habitantes considerados cidadáns libres, fronte aos campesiños que aínda están sometidos aos crueis señores feudais. Por isto Bernat decide escapar á Cidade Condal con seu fillo Arnau (o protagonista da historia) para poder ofrecerlle un futuro como home libre. Así crecerá baixo a sombra da construción da igrexa que da título á obra. O seu pai é aforcado publicamente e vese obrigado a traballar ata que decide marchar á guerra. Ao volver, como un home valente e honesto, gaña o favor dun prestamista xudeu e abre un negocio de cambista e contrae un matrimonio por obriga, pasando a ser un dos homes máis importantes de Barcelona.
Este é un resumo moi breve dunha novela extensa, pero que fai disfrutar ao lector con cada unha das súas páxinas. A historia de Arnau Estanyol é case como unha montaña rusa, chea de subidas e baixadas, de éxitos e desgracias, amores e desamores, lealdades, vinganzas... Todo transcorre nun mundo onde dominan a intolerancia relixiosa (que pouco aprende a humanidade dos erros do pasado), a ambición material (grande parte dos personaxes están movidos case exclusivamente polo diñeiro e por ter máis e máis cousas) e a discriminación social, tanto por razóns relixiosas como de raza, de posibilidades económicas, etc. A verdade é que recrea perfectamente a época na que transcorre, ou polo menos a min paréceme que é así.
Como moitas das obras desta temática bebe directamente da influencia da que podemos considerar “novela nai” deste tipo de obras, “Los pilares de la tierra” de Ken Follet, pero polo menos persoalmente, esta da que estou a falar gustoume un pouco máis, sobre todo porque conseguiu emocionarme nalgúns momentos máis que a de Follet.
A historia transcorre de xeito fluído, les case sen darte conta, querendo saber que lle vai pasar aos personaxes a continuación. Certo é que tal cúmulo de desgracias concentrada nunha soa persoa quizais sexa un pouco esaxerado, pero a mestría de Falcones parece disolver un pouco esa concentración ata facela crible. Ademais non é un autor que faga unhas descricións longas e interminables, unha das cousas que máis me gusta del é que con catro trazos da unha idea perfecta daquilo que quere contar ou describir, consegue que o lector imaxine o que está a ler. É máis, emociona, polo menos a min. Xa hai anos que a lin, e aínda recordo perfectamente como sufría coas desventuras de Arnau, impagable o momento no que de neno carga coas pedras que se van usar par a construción da igrexa, ida e volta e como impresiona aos que o están a ver, ese momento é o que nos fai ver como será na súa vida, sen renderse ante ningún dos problemas e adversidades que lle vai deparando o destino.
Como en todos os meus comentarios espero que os que a leron pensen máis ou menos coma min e os que non que teñan ganas de facelo, porque é máis que recomendable para pasar un bo rato e saber algo máis da Idade Media. Tamén podedes botarlle unha ollada á páxina web desta novela, é bastante atractiva: http://www.lacatedraldelmar.es/
Ao principio dixen que ía falar de dúas obras, pero, como me soe pasar, empezo e non paro, así que o comentario de “La mano de Fátima” queda para outro momento. Deixovos un vídeo da igrexa, para que vos fagades unha idea

No hay comentarios:

Publicar un comentario