domingo, 26 de agosto de 2012

"Un mal paso", Alejandro Pedregosa



Interesante e entretida esta novela que vou recomendar hoxe. Unha historia que me chegou a través da recomendación do meu pai, de paso un recoñecemento para ambos, sempre houbo un libro en casa (moitos máis que un, máis ben) e contaxiáronme desde moi pronto a afección á lectura. Un autor do que non sabía nada e iso que non é a súa primeira novela, e unha historia que me atrapou desde o principio. Pareceume moi amena, divertida e intrigante, cun ton irónico moi destacable e con bastantes elementos para facela recomendable. O autor é Alejandro Pedregosa e a novela “Un mal paso”.


Alejandro Pedregosa é un autor nado en 1947 en Granada, poeta e novelista con varios premios no seu haber. É licenciado pola Universidade de Granada en Filoloxía Hispánica e en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. A maior parte da súa produción, e o xénero co que comezou, está dedicada á poesía. Comeza con dous libros deste xénero, “Postales desde Grisaburgo” (2001) e “Retales de un tiempo amarillo” (2002); dúas obras máis completan a súa produción neste xénero, “En la inútil frontera” (2006) e “Los labios celestes” (2008). A súa primeira obra dentro da narrativa é “Paisaje quebrado” (2005) á que seguen “El dueño de su historia” (2008), “Un extraño lugar para morir” (2010) e a que comento hoxe, “Un mal paso” (2011) e que tivo un importante éxito de ventas. Coas súas obras poéticas conseguiu varios premios, entre eles o Premio de Poesía Ciudad de Trujillo (2002), o Premio Nacional de Poesía Paloma Navarro (2004) ou o Premio Arcipreste de Hita (2007). Coa súa primeira novela gañou o Premio José Saramago de Novela Corta concedido en Cantabria no 2004. Non coñezo a súa obra poética, pero esta novela gustoume moito, así que haberá que botarlle un ollo a súa poesía e tamén ás outras novelas en prosa, que polo visto teñen boa pinta.

Estamos ante unha típica novela negra, varias historias que se van cruzar e polo medio un asasinato que resolver, misterios, policías e esas cousas, pero ao mesmo tempo ten unha serie de elementos que fan que sexa distinta e que lle dan un aire algo novidoso, que fan que mereza a pena. Ao empezar a ler atoparémonos con tres historias que non parecen ter conexión. Nun principio coñeceremos a Xavier Huguet, un periodista alcohólico, cunha carreira prometedora que se verá truncada pola súa adicción. O seu amigo Gonzalo, moi preocupado por el, fará todo o posible para que enderece a súa vida e, xa cansado de aguantar, toma medidas drásticas con el. Tras elas ofrécelle unha última táboa de salvación para reencontrarse co periodismo, convertido en Emilio Ribeiro terá que recorrer o Camiño de Santiago enviando as súas crónicas ao periódico barcelonés no que traballan. Se o fai ben e consegue aguantar sen beber e realizar un traballo decente todo podería cambiar para el. A continuación coñeceremos a Martiño, un curioso e coidadoso traballador de imprenta que se verá no paro. Para poder seguir vivindo dedicarase ao traballo doméstico e vai facelo na casa dun especial catedrático de universidade. Este é Fiz, de baixa por depresión e ao que acompaña continuamente unha voz na súa cabeza que lle dá consellos e intervén en moitas das cousas da súa vida, esa voz é a dun gran intelectual galego, Álvaro Cunqueiro. É Ano Santo en Santiago de Compostela, onde ambos viven, e Fiz dedícase a saír polas noites e pegar nas portas de Catedral unha serie de notiñas adhesivas en conta do clero e da próxima visita do Papa, algo no que a policía acabará por intervir. Ademais está a tratamento siquiátrico a causa dos sucesos que provocaron a súa baixa. E en terceiro lugar teremos ao comisario santiagués Suso Corbalán, cos seus problemas persoais e matrimoniais, o seu incompetente axudante Fito e a súa moito máis eficiente colaboradora Carol. Un día recebe a visita do deán da Catedral, Gregorio Andrade, e a restauradora francesa Josephine Lambiere. O irmán xemelgo do deán, Mauro Andrade, desapareceu e ninguén sabe nada del. Suso vai tomalo con calma, pensando en que non é máis que unha escapada, ata que un artigo firmado por Emilio Ribeiro rompe esa idea, a cabeza de Mauro Andrade apareceu nunha das primeiras etapas do Camiño de Santiago. Aquí é onde as historias van empezar a cruzarse, relacionándoos a todos dunha maneira tan fluída como interesante que transcorrerá entre o camiño e as cidades de Santiago e Roma.

Un asasinato e unha serie de personaxes sen nada en común que terán que relacionarse para poder resolvelo. A conexión entre eles está perfectamente levada a cabo e aparece ante o lector como algo completamente natural. Non son so eses personaxes mencionados, haberá outros cunha intervención importante dentro da historia, como algúns fixos cos que Xavier/Emilio vai atoparse ao longo do camiño. Todos eles terán a súa parte na historia, contribuíndo a que o lector teña que ir desprazando as súas sospeitas duns a outros a medida que avanza na lectura. E todos eles, desde os principais ata os máis secundarios están moi ben descritos polo autor, a pesar da brevidade na novela.

Tras as primeiras páxinas pensaba realmente que o autor tiña que ser galego, ademais de situar o centro da acción na cidade de Santiago está a fina ironía que destilan moitas das intervencións dos personaxes, imos dicir que moi galega, así como frases e diálogos que entren directamente dentro do que podemos chamar “retranca” galega. Tamén resulta curiosa a intervención de Cunqueiro como unha voz dentro da cabeza de Fiz, chea sempre de ironía e mala uva. A cidade de Santiago, que ademais é un dos meus sitios favoritos, aparece como un elemento máis dentro da historia, coas súas rúas, os seus bares e os peregrinos, calquera que a coñeza un pouco poderá ver que está moi ben representada. Por iso me resultou curioso que o autor fora granadino, bastante lonxe da realidade que describe con bastante acerto.

Unha das cousas que máis me gustou da historia foi que a lectura faise con moito agrado e con fluidez. A isto axuda unha historia realmente intrigante, con varias liñas de investigación, algúns equívocos e camiños que non levan a onde parecen. Pero o que máis destacaría é o humor co que está contada a historia. Toda ela ten un ton irónico, con frases realmente simpáticas e divertidas por parte de case todos os personaxes. A isto lle sumamos unha serie de situacións inesperadas nalgúns casos, ridículas noutros pero sempre ben metidas dentro da historia. En moitas delas atoparemos un certo ton crítico contra algunhas cousas, desde o periodismo á igrexa, que tamén axudan a facer máis interesante a lectura. En moitos casos un humor fino e traballado, misturado noutros cun de tipo máis groso e directo. Moitos destes momentos saen de dous personaxes, un é case o protagonista, o comisario Corbalán; o outro é Fiz, simpático e cáustico en moitas ocasións, axudado pola voz de Cunqueiro que vai con el cando deixa a medicación.

O estilo é sinxelo e variado ao mesmo tempo. A historia de Xavier está contada en primeira persoa, el mesmo vainos dicir todo o que vai pasando e que el mesmo pensa ante as distintas situacións coas que se vai atopar. As demais están contadas desde o punto de vista dun narrador que o sabe todo, desde o que fan ata o que pensan, un espectador máis dentro da historia. Con poucas liñas da unha gran idea de todo o que nos quere contar. Para min foron moi boas as páxinas dedicadas ao Camiño de Santiago, centradas en moitos casos no camiñar e na paisaxe, tan boas que dan ganas de facelo.

Unha novela de algo máis de trescentas páxinas que se me fixo moi curta, líase con moita fluidez e é moi entretida, sempre cambiando de escenario e de personaxes para atrapar ao lector dentro desa historia que non se sabe moi ben por onde vai. Varias liñas de investigación que farán que o lector pregúntese cal é a acertada, algo que seguramente non descobrerá ata o final. Unha historia moi entretida que igual perdía se non ma chegan a recomendar. A min gustoume moito, unha boa lectura para a época estival, con algunas cousas moi destacable. Un autor que creo que seguirei. Aí queda a recomendación, espero que vos guste e vos entreteña tanto como a min.




jueves, 26 de julio de 2012

"El Caballero Oscuro: la leyenda renace"



Outro comentario sobre cine antes de tomar un pequeno descanso vacacional. Nuns días toda a familia estará de vacacións e haberá que dedicarse á praia, saír, descansar e esas cousas, a finais de agosto volveremos coa regularidade habitual.

No anterior xa vos dicía que estreaban unha nova cinta de superheroes e que iría vela en canto puidera, pois aquí está, dous días despois da estrea alá fomos, unha calurosa tarde de verán case ideal para estar fresquiño no cine. Ademais a película gustoume moito, creo que é a mellor saga a todos os niveis, tanto no que se refire á historia, á posta en escena, dirección, interpretacións... Nalgunha ocasión cando fago comentarios sobre este xénero de películas teño dito que moitos directores queren darlle tanta transcendencia aos personaxes que lles queda algo a medio camiño entre un drama e unha película de acción. Neste caso ese aire de seriedade que se lle da a este personaxe está tan ben feito que da lugar a unha película realmente boa, creo que moi por riba da media habitual. Outras son máis entretidas, máis simpáticas ou máis espectaculares, pero creo que neste caso falamos de cine de verdade, ben feito, cunha historia e con algo máis que efectos especiais e esas cousas. Falo da terceira entrega da saga do Cabaleiro Escuro, estreada recentemente, “El Caballero Oscuro: la leyenda renace”.

Creo que Batman é o personaxe que máis pasou polo cine nestes últimos anos, case sempre con bos resultados e no caso destas tres últimas penso que cun aire de calidade e bo cine e tamén varios puntos por riba do resto das cintas dedicadas ao mesmo personaxe. Varios directores pasaron polas súas historias, desde Tim Burton (que non estaba mal, pero quizais algo irregular) a Joel Schumacher, pero ningún como o destas tres últimas, Christopher Nolan. Ademais de darlle un novo impulso creo que é o que mellor soubo coller o camiño correcto para este tipo de cine, unha mistura entre calidade e entretemento cunha dirección impecable, unha ambientación marabillosa e a perfecta conxunción entre cine de acción e unhas historias algo máis desenvolvidas que noutros casos. Das súas películas anteriores destacaría a curiosa “Memento” e unha que xa apareceu comentada por aquí e que tamén me gustara moito, “Origen”. Todas teñen a súa marca, unha forma especial e distinta de facer cine e revitalizar con algo de calidade xéneros como o de acción, sempre con algún elemento novidoso e chamativo.

Do mesmo modo varios actores pasaron polo personaxe no cine. Recordemos, claro está, ao primeiro, Adam West, naquela serie dos anos sesenta con bastantes cousas que destacar e que segue a chamar a atención hoxe en día. Bruce Wayne foi interpretado no cine por actores moi coñecidos, Michael Keaton, Val Kilmer ou George Clooney e sinceramente ningún dos tres chegou a convencerme por completo. Nestas tres últimas creo que acertaron de pleno, Christian Bale déixanos un Batman como a película, misterioso e escuro, prepotente e débil ao mesmo tempo. Penso que por un lado máis humano que outros e máis superheroe que calquera dos demais. É un actor que sempre me gustou moito en todo o que fai e aquí segue igual, mellor que ben. Gústame moito a forma que ten de plasmar ao personaxe e non creo que poida haber outro (nunca se sabe) que o faga mellor.


A cinta é a terceira e polo que se di última (unha pena, a verdade) firmada polo mesmo director e plantel de actores. A primeira foi “Batman Begins” (2005), seguida por “El Caballero Oscuro” (2008). Xa a primeira entrega pareceume moi boa, nominada ao Óscar en varias categorías. A segunda creo que é a mellor película do xénero que vin ata o momento, realmente impresionante en todos os sentidos. Esta terceira creo que está moi cerca, moi parecida no ton xeral á anterior e creo que é o colofón perfecto para a triloxía. Non sei se ao final haberá algunha máis ou non, pero será difícil superar a media destas tres, quizais sexa mellor rematar así que esgotar ao personaxe e a forma de concibilas como pasou con outras sagas deste ou doutros xéneros.

A historia comeza oito anos despois do final de “El Caballero Oscuro”, asi que mellor recuperala antes para non despistarse. Ao final desta Batman quedaba case como un criminal asasino e Bruce Wayne feito po tras as múltiples feridas provocadas polo enfrontamento final. Tanto que decidira que Batman xa non aparecería máis, que a súa vida como heroe rematara para non volver. Wayne vive recluído na súa mansión, recuperándose das lesións e case sen saír ao mundo exterior. Pero claro está, isto non pode seguir así, algún criminal poderoso terá que aparecer para que Batman e os seus aparatiños volvan a escena. O antagonista neste caso será Bane, un misterioso home cunha estraña máscara que non se sabe moi ben de onde saíu. Quere acabar coa cidade de Gotham e instaurar un reino de anarquía e terror, sen orde nin policía onde sexan os delincuentes os que campen as súas anchas. Polo medio ademais unha inesgotable fonte de enerxía nuclear que aínda non funciona á perfección, pero que tamén pode volverse en contra da xente e converterse nunha poderosa bomba atómica. Todo isto fará que Wayne teña que volver a súa escura cova e que Batman volva para salvar á cidade da destrución e o caos.

A historia está na liña do xénero e o plantexamento e o desenvolvemento é moi bo. Quizais Batman non sexa o protagonista absoluto e a cinta céntrase máis nos personaxes e tamén, claro está, na forma de ver a vida e de vivila de Bruce Wayne. Quizais un pequeno defecto é que ten algúns momentos dentro do argumento que recordan demasiado a outros das anteriores, pero aínda así non desmerece do ton xeral da historia.

Ademais da gran dirección, que mantén o ton xeral da saga e que me segue a parecer excepcional, hai que destacar a todos os actores que aparecen na mesma. Todos están realmente ben, dándolle ese aire de calidade por riba da media do xénero. Grandes actores e outros moi coñecidos pasaron sempre por todas as historias do personaxe, pero creo que nesta triloxía a elección é perfecta. Desde Michael Caine interpretando ao mordomo, pero sobre todo amigo, do protagonista, un Alfred perfecto. Gary Oldman é o comisario Gordon, outro dos habituais do cómic e tamén xenial no papel. Morgan Freeman é Fox, o encargado de todos os complementos e espectaculares medios de transporte do superheroe. Anne Hathaway é un dos personaxes femininos, interpreta a Selina, unha ladroa de xoias enfrontada a Wayne e a medio camiño entre ambos bandos; tamén está moi ben, sobre todo tendo en conta que estamos acostumados a vela noutro tipo de papeis. E destacar a Joseph Gordon-Levitt, un dos protagonistas. Fai o papel de Blake, o policía uniformado que está convencido de que Batman non é un asasino e que será fundamental para o desenvolvemento da historia. Varias caras coñecidas máis completan un listado de actores que cumpre á perfección e que lle da unha grande credibilidade á trama.

Como as outras é unha película escura, dramática e violenta en moitos momentos. Neste caso e gracias á mestría na dirección e as interpretacións ese aire de seriedade e transcendencia non lle queda nada mal, ao revés, é un punto a favor porque non aparece como algo forzado nin fóra de lugar. A mistura entre escenas de acción e momentos de diálogos é perfecta e a ambientación contribúe a darlle ese aire de gran película. Claro que vin outras do mesmo xénero máis entretidas ou espectaculares, pero creo que non mellores. Como bo cine creo que Nolan como director e Bale como actor protagonista (ademais de todos os demais) deixan o listón moi alto, tanto que non creo que sexa sinxelo de superar.

Unha gran película, dúas horas e tres cuartos que se me pasaron nun suspiro, había tempo que non se me pasaba tan rapidamente unha cinta tan longa, a verdade. A pesar de que a acción está perfectamente dosificada non é a raíña da metraxe, e aínda así non se fai aburrida nin lenta en ningún momento. Tampouco é a típica na que os efectos especiais están por riba da historia ou dos personaxes, outro punto máis ao seu favor. O máis importante son os personaxes e o desenvolvemento dos mesmos, as relacións entre eles, os enfrontamentos e, sobre todo, a idea da superación. É unha historia dura, con momentos realmente violentos e con máis dunha sorpresa no argumento. Para min case a película de superheroes perfecta, ou a triloxía perfecta mellor dito. Para os afeccionados é imprescindible e os que non o sexan deberían de pensar en velas por orde, estou seguro de que non vai decepcionalos.

E aquí vos deixo o primeiro Batman que vin.

jueves, 19 de julio de 2012

"The amazing Spiderman"



Pois hoxe vai outra de cine, curioso que esteamos a ir un pouco máis agora que en inverno, pero con este estraño verán que temos pola esquina noroeste as opcións quedan un pouco reducidas. A carteleira segue sen ser nada doutro mundo e non é fácil escoller unha película porque non hai demasiadas que chamen a atención, quedan poucas onde elixir. Xa deixei patente en varias ocasións as miñas preferencias polas historias de superheroes e todas as estreadas ultimamente foron aparecendo comentadas aquí. A verdade é que a este de hoxe lle tiña unhas ganas relativas, sobre todo porque tampouco é que vira a necesidade de que nos volveran contar máis ou menos a mesma historia que tiñamos visto antes e fun vela cunha certa predisposición, con algo de neutralidade. Pois ao final foi unha grata sorpresa, creo que responde algo mellor ao espírito do personaxe, que o actor protagonista está algo mellor e a película en liñas xerais é máis entretida e emocionante que a súa, digamos, versión anterior. A cinta é “The amazing Spiderman”, que sigo sen saber por que non pode ser, simplemente, “O incrible Spiderman”, que xa está ben de manter eses títulos en inglés.

De todos modos a historia que nos vai contar xa é sabida, o nacemento do personaxe, como Peter Parker convértese en Spiderman e as cousas que lle traerá o cambio, de ser un rapaz gris, que pasa desapercibido ao superheroe que todos coñecemos. A grandes rasgos é a mesma historia que nos contou Sam Raimi en 2002 e que tivo dúas continuacións no 2004 e 2007 co mesmo plantel de actores. Esta é a gran razón para pensar que unha nova película debería seguir co personaxe, e non contarnos o mesmo, sobre todo cando so pasaron dez anos desde a estrea da anterior. Aínda así sendo a mesma historia ten algunhas cousas lixeiramente distintas, pero que non son suficientes para xustificar esta estrea. Parece máis un intento de revitalizar ao personaxe con vistas a algunha película máis, ao haber cambio de actor e esas cousas. A idea igual é esa, pero non o teño claro, o éxito da cinta está a ser discreto e non está garantida a súa continuación.

Agora vemos que Peter Parker vive cos seus tíos trala morte dos seus pais e que o seu pai dedicábase á investigación xenética. Buscando noticias dos seus pais irá a un laboratorio de experimentos xenéticos, aí será onde o pique a famosa araña que o converterá en Spiderman. De novo veremos como o seu tío é asasinado por un ladrón e el séntese culpable. Acostumándose pouco a pouco aos seus novos poderes (que neste caso é algo que se explota algo menos que na outra, é algo máis directo, supoño que partindo da idea de que o espectador xa o sabe) irá buscando ao asasino e evolucionando na forma de ver o seu novo poder e como usalo. Polo medio, como está mandado, o personaxe de Gwen Stacy, a rapaza da que está namorado desde sempre e o enfrontamento co o seu antagonista nesta historia.


O director é Marc Webb, unha das súas primeiras películas e que ven do mundo da televisión. Quizais nalgúns momentos fáltalle a forza visual de Sam Raimi, pero aínda así non está mal. Iso si, ao estar pensada para a súa estrea en 3D ten algunhas escenas nas que se nota que se quere provocar un certo efectismo no espectador que vaia vela con gafas, nos vímola en versión normal e quizais a presencia dese tipo de escenas era algo esaxerada. Andrew Garfield é o actor protagonista, que tamén ven fundamentalmente da televisión e con algunha película máis no seu haber. Nalgúns sentidos gustoume máis que Tobey Maguire, quizais ten algo máis de personalidade, non nos deixa un Peter Parker tan débil e torturado, tan triste nalgúns momentos, que era algo que non me gustaba demasiado dese actor cando interpretaba ao superheroe. En liñas xerais creo que o personaxe gaña algo co cambio de actor, pero evidentemente é so unha cuestión de preferencias persoais.

No que se refire á película en si xa dixen que en xeral gustoume algo máis que a primeira da anterior serie. Creo que é un pouco máis entretida, con algunhas escenas máis emocionantes e cunha relación entre os personaxes menos triste, menos centrada no sufrimento do personaxe central e máis cara ao lado do bos que son os seus poderes e como pode usalos. Como algunhas cousas xa as sabemos pasa algo por riba delas e iso fai que gañe algo en ritmo, aínda que tamén se perden outras. Con respecto ao cómic hai unha serie de elementos que desapareceron e bótanse de menos, pero non os vou contar para non desvelar demasiado. Hai unha serie de fíos da historia clásica de Spiderman que desaparecen e nese sentido non me gustou demasiado, son constantes do personaxe que non se poden eliminar así como así, penso eu.

Dúas horas e vinte que se pasan con bastante rapidez. A película ten ritmo e é moi entretida, con algúns toques de humor ben metidos dentro da historia e que lle quitan ese aire de transcendencia que sempre se lle quere dar a este personaxe, non sei moi ben por que. Para pasar o rato non está mal e a nós gustounos moito, pero sigo a pensar que esta nova versión é case prescindible e innecesaria, prefería unha nova aventura do personaxe, con novos enfrontamentos e non ver de novo máis ou menos o mesmo. Recomendable se a carteleira non ofrece moito máis, os afeccionados ao xénero posiblemente non deberían deixala pasar, pero se o fan tampouco pasaría nada. Agora a esperar á fin de semana do 20 deste mes para ver a nova entrega dunha das mellores sagas que hai con este tipo de personaxes, Batman, que nesta serie do Cabaleiro Escuro creo que alcanza cotas moi altas, tanto no visual como no argumental.

E para os nostálxicos e para que alucinen os máis novos, déixovos un pequeno vídeo do primeiro Spiderman que vimos sen ser de animación, unha serie de televisión dos anos 70, non vou dicir o que riron na casa os meus fillos cando llo ensinei e lles comentei, creo recordar, que a vin enteira, o que cambian as cousas.

viernes, 13 de julio de 2012

"22/11/63", Stephen King



O autor de hoxe creo que é dos que máis apareceron por este blog de momento, xa dixen en varias ocasións que era un dos meus novelistas favoritos escriba o que escriba e que son un fan incondicional de todas as súas obras. Como todo autor bastante prolífico ten de todo na súa produción, pero ata as que menos me gustaron superan con algo a nota media e creo que ningunha me decepcionou. Certo é que nestes últimos anos andaba un pouco frouxo, pero as súas últimas historias fixéronme recuperar ao autor do que tiña un gran recordo, cun aire as súas primeiras e boas novelas. Falo de Stephen King e neste caso o seu último libro, “22/11/63”, que me pareceu realmente bo dentro do xénero. As dúas últimas que comentei gustáranme bastante, tanto “La cúpula” (que so me deixou algo frío ao final) como os catro excepcionais contos de “Todo oscuro, sin estrellas” (esta máis que a anterior) fixéronme volver aos anos das súas grandes novelas, tanto en entretemento como en tensión. Con esta de hoxe creo que King escribiu unha das súas mellores novelas dos últimos anos, superior con moito á anterior, sempre falando das súas novelas longas, non das coleccións de contos, que sempre me pareceron realmente boas.


Neste caso estamos dentro do mundo das viaxes no tempo. Algo que parece que volve a estar de moda en varias novelas actuais, desde as comentadas aquí de Félix J. Palma a outras que irán aparecendo por aquí comentadas. Atopámonos loxicamente cunha novela de xénero fantástico, pero cun aire de verosimilitude e credibilidade bastante alto. No epílogo final o autor fala do traballo de documentación que fixo, bastante serio, para reflectir tanto a época como os acontecementos que se narran, en gran parte baseados en feitos históricos aos que King dálle o punto perfecto de imaxinación. Moitos dos personaxes que aparecen na novela, non os directamente protagonistas, son reais e vainos contar algúns feitos, situacións e momentos que ocorreron na realidade deses anos. Centrado no asasinato de John Fitgerald Kennedy en Dallas na data que da título á novela e nunha persoa que vai tentar evitalo. Lee Harvey Oswald será un dos personaxes centrais, contándonos ademais a historia do mesmo, unha historia que en xeral descoñecía, interesante e curiosa, con moitos elementos que me resultaron máis que interesantes.

O protagonista é Jake Epping, un profesor de literatura inglesa no pequeno instituto de Lisbon Falls, por suposto en Maine (marco de gran cantidade de novelas do autor). Separado da súa muller, alcohólica, tamén imparte clases nocturnas para adultos. Nunha desas clases pide aos seus alumnos que lle presenten unha redacción na que lle conten un acontecemento que fora fundamental para o desenvolvemento das súas vidas. Nunca imaxinará o que vai ler pouco despois nas páxinas que lle presenta o conserxe do instituto, un home coxo ao que todos os alumnos vacilan e mortifican. Harry Dunning vaille contar como, nunha noite de Halloween de cincuenta anos atrás, o seu pai volve a casa (estaba separado da súa nai) para matar cun martelo a súa nai, o seu irmán e á súa irmá, un feito que vai marcalo de por vida e que deixará a Jake completamente impactado. A súa forma de ver a vida cambiará e máis vai facelo pouco despois. É habitual dunha hamburguesería, que dirixe o seu amigo Al e que se está a quedar case sen clientes coa sospeita de que as hamburguesas son demasiado baratas como para non esconder algo máis que carne. Al cóntalle algo incrible, ao fondo do almacén do seu negocio hai un burato no tempo, un sitio que te leva sempre ao mesmo momento puntual e ao mesmo sitio, pero do ano 1958. Durante moito tempo Al estivo usándoo para ir ao pasado e tentar cambiar algo que o ten obsesionado, evitar o asasinato de JFK en Dallas cinco anos despois. Pero agora ten un problema, un cancro terminal que impide que leve a cabo esta misión. Durante moito tempo estivo a recompilar datos, levando un diario do que fixo, seguindo a Oswald, sobre todo para saber antes de actuar se estaba so ou formaba parte dunha conspiración para asasinar ao presidente dos Estados Unidos. Os seus días rematan e quere que Jake tome o relevo para levar a cabo a misión. O mellor de todo é que pase o tempo que pase no pasado no presente so transcorren dous minutos. Jake dubida da historia, pero fai unha entrada rápida e atópase de repente noutro lugar e noutra época, en 1958, así que non lle queda máis remedio que crer a incrible historia. Ademais hai outra cousa que quere facer, tentar evitar tamén que o pai de Harry Dunning mate a toda a súa familia para poder darlle a todos eles un novo futuro. Convertido en George Amberson irá ao pasado, vivirá nel, traballará, convivirá cunha época que case chegará a gustarlle máis que a súa. Coñecerá a moita xente e seguindo as notas de Al seguirá a traxectoria de Oswald ata chegar ao ano 1963, pero todo o que pasará teredes que lelo, que non volo penso contar. Conseguirá evitar o asasinato de Kennedy e cambiará o futuro?

Esta é a historia que nos deixa King, unha historia máis que interesante, curiosa e, sobre todo entretida, tanto que as cen últimas páxinas tiven que lelas ata altas horas da noite, non era capaz de deixalo sen saber como ía rematar a historia. Cambiar o pasado é algo que aparece en moitas historias e en todas elas ese cambio ten fortes implicacións para o presente desde o que se tenta cambiar. Pero neste caso o autor introduce un novo elemento, o pasado non se deixa cambiar facilmente e Jake atoparase con continuos reveses nas cousas que pretende facer e que lle parecen sinxelas nun principio. Irá aprendendo a medida que avanza, pouco a pouco e con calma, tentando non cometer ningún erro e moito menos que alguén descubra que non é quen di ser. En moitos momentos atoparase cunha vida que lle gusta moito máis que a que leva na súa época real e as dúbidas, as ganas de quedar, serán fortes, así como a misión que lle encargou Al, que as veces parece moi fácil e outras non tanto.

A ambientación é realmente xenial. Estamos nos anos 69 en Estados Unidos, unha época chea de fascinación en moitos momentos. Os grandes coches, a vida nas pequenas cidades americanas (pasa por varias e todas elas distintas), a música, os adolescentes..., todo contribúe a darnos unha idea realmente boa de como era a vida nesa época. Detalles que axudan ao marco, como por exemplo, que todo o mundo fuma e en todo momento (nese sentido recordoume á imprescindible serie “Mad Men”, ambientada a mediados dos sesenta e coa que ten algunhas cousas en común), algo ao que Jake, que vén dun mundo distinto nese sentido, tarda en afacerse. Moitas axudas para esta ambientación histórica, personaxes do momento, músicos e cancións que moitos coñecerán ou feitos históricos son elementos fundamentais e mostran o traballo do autor nese sentido.

Para os fans do autor son, como case sempre, múltiples as referencias a constantes da súa obra ou a momentos doutras novelas. A mención imprescindible ao pobo de Castle Rock, que aparece case sempre nas súas historias dun modo ou doutro. A prisión de Shawshank tamén se menciona, onde transcorría a xenial “Cadea perpetua”. Asasinos disfrazados de pallaso... Xestos para os habituais das súas novelas ou contos.

Para min a mellor novela que publicou nestes últimos anos e penso que unha das súas mellores historias. O plantexamento é perfecto e todo está engarzado dun modo xenial. Como sempre con ese estilo fluído, visual e as veces estremecedor polo directo que é e que fai que non poidas deixar de ler en moitos momentos e teñas que seguir para ver que vai pasar a continuación. Unha fábula do tempo, das cousas que poderíamos cambiar e os efectos que poderían ter se o fixeramos. Cunha perfecta conxunción entre os personaxes de ficción e os históricos (que non son poucos e polo lido no epílogo cunha fidelidade histórica bastante alta) que fai, como xa dixen, que dentro do ficticio sexa case crible. Unha novela que podería gusta a todos aqueles que non sexan demasiado afeccionados ás historias de Stephen King, imprescindible para os fans.


sábado, 7 de julio de 2012

"El enigma del cuervo"



Hai uns meses, vendo tráilers das próximas estreas, atopeime con este, que me chamou bastante a atención. Unha historia con ambiente victoriano e que ademais tiña como protagonista a un dos meus autores favoritos e do que creo que no seu momento lin case todo, xa hai algúns anos. Tiña boa pinta en varios aspectos e aproveitando que o tempo de momento non deixa facer demasiadas cousas relacionadas co verán tocou cine unha tarde destas. O título orixinal en inglés é “The Raven” (“O corvo”), o máis famoso poema de Edgar Allan Poe, que nesta cinta convértese no protagonista, aquí estreouse como “O enigma do corvo”, quedo co orixinal, máis directamente relacionado cun dos grandes poemas da literatura americana.

A historia comeza a finais do mes de outubro de 1849, poucos días antes da morte de Poe. Son os seus últimos días, un home atormentado, cheo de medos e case incapaz desde hai tempo de escribir algo bo que publicar. Non ten diñeiro, non ten recoñecemento e poucos saben del. Medio traballa publicando artigos de crítica literaria nun periódico que o que en realidade quere son novos contos, novas historias que tiñan un certo éxito, pero a súa imaxinación parece esgotada. O único que lle serve de consolo é a súa relación con Emily Hamilton, a filla do adiñeirado capitán Hamilton, que non ve nada ben esa relación e quere acabar con ela. De repente a policía atópase cun misterioso dobre asasinato, unha nai e a súa filla aparecen mortas nunha habitación pechada, algo que os desconcerta. O encargado do caso será o detective Fields, un intelixente e agudo investigador que pronto desvela o misterio e ademais nota que a escena do crime reproduce algo que leu hai un tempo, un relato de Edgar Allan Poe. Así que o primeiro que fará será interrogar ao escritor, o primeiro sospeitoso do caso. Pero pronto descubrirán que el non ten nada que ver cos asasinatos, tanto con ese como co seguinte. Atopámonos ante un misterioso e cruel asasino que vai reproducir varias escenas de outras historias curtas do autor. E non so iso, aproveitando unha festa e a súa relación con “A máscara da morte vermella” vai secuestrar a Emily, a amada de Poe, deixando unha carta ademais para a policía e deixando claro que a intervención do autor será fundamental. Seguirá asasinando e deixando pistas para poder saber onde se atopa a secuestrada, pero ademais, a cambio, obrigará a Poe a escribir novas historias de terror e misterio relacionadas tanto co secuestro como cos distintos asasinatos. Poe terá que volver a escribir se quere rescatar a Emily das garras do brutal asasino.

O director é James McTeigue, especializado en cintas que misturan acción e ficción. Foi asistente de dirección en todas as entregas de “Matrix” e a súa primeira película como director foi “V de Vendetta”, unha cinta que empecei a ver con algúns reparos pero que logo gustoume bastante. A seguinte foi “Invasión”, unha prescindible versión do clásicos “La invasión de los ladrones de cuerpos”. Esta de hoxe é a última polo momento e gustoume bastante, aínda que penso que lle falta algo para poder facer dela unha película máis decente do que é.

En canto aos actores o papel de Poe está interpretado por un deses actores que sempre me gustan, John Cusack, sempre convincente. Neste caso déixanos un Poe pálido, atormentado, triste e agoniado, sufrindo por unha vida que non sabe moi ben por onde vai e logo moito máis polo secuestro e o tormento de ver que alguén segue os seus contos para matar xente. Ten moi bos momentos pero quizais nalgún fáltalle algo máis, non sei moi ben o que, quizais Cusack quixo reflectir eses últimos días da vida de Poe, que na realidade histórica apareceu vagando polas rúas de Baltimore para acabar morrendo nun hospital (sen que se saiba moi ben de que, fálase de sífilis, tuberculose, alcoholismo..., outro misterio, xa que os papeis nos que quedaba constancia da mesma desapareceron). De todos modos gustoume bastante no papel e quizais estea cerca do que foi o autor neses últimos días. O outro actor principal é o que interpreta ao detective Fields, Luke Evans, non con demasiado cine aínda, pero que me gustou moito, quizais algo máis que Cusack. É o home de acción, intelixente e que non se rende ante nada. Tamén é certo que quizais sexa un papel algo máis lucido e non tan suxeito a tentar manter unha certa imaxe como personaxe de ficción enfrontado a outro que non o é, pero haberá que seguir a súa carreira, porque promete bastante. E o terceiro papel cunha certa importancia dentro da historia é o de Emily, interpretada por Alice Eve.

A película está algo por riba da media, pero creo que lle falta algo, pouco, para ser mellor. Quizais falle algo en emoción, ten intensidade pero a veces non se transmite ao espectador. O misterioso asasino é, como sempre, un elemento para manter a atención, xa que ata o final non saberemos nin quen é nin por que fai o que fai. Tamén chega a un final quizais algo collido polos pelos e cunha explicación máis ben pouco clara. De todos modos a ambientación, ese Baltimore de finais do século XIX, é moi boa e é un elemento máis dentro da historia. Unha cidade escura, case toda a acción transcorre de noite ou en escenarios escuros, o teatro, as cloacas, as rúas...contribúen a darlle ese ambiente que tan ben se podía percibir nos relatos de Poe. Ese é outro elemento que quizais poderían ter aproveitado máis. A relación dos asasinatos cos contos do autor é realmente boa, pero podería ser máis directa, máis clara e tela estirado un pouco máis. Nese sentido penso que poderían ter feito unha película algo máis longa, queda en hora e media xustiña, e aproveitar máis esas historias e a súa relación coas mortes. De todos modos creo que é un bo reclamo para todos aqueles que non os leron, creo que tras ver a película terán ganas de facelo. No meu caso xa os lin hai moitos anos, pero creo que este verán vou recuperalos e volver disfrutar da lectura de, para min, algunhas das mellores historias de terror gótico que nunca se escribiron e que foron fonte de inspiración para moitos autores posteriores e que aínda hoxe seguen a selo.

Gustounos moito a todos na casa, así que merece a pena e é recomendable, sobre todo unha carteleira que neste momento non ofrece case nada decente que ver, a verdade. A historia é entretida e consegue manter a atención sen chegar a aburrir en ningún momento, que xa é bastante. A ambientación e as interpretacións son moi boas e so creo que non aproveita algunhas cousas que podería usar, facendo que quede algo máis simple do que podería ser. Impresionante o aproveitamento nunha curta escena pero impactante de “O pozo e o péndulo”. Tamén outra vía para recuperar todas as cintas que a produtora inglesa Hammer fixo sobre os relatos de Poe, moitas delas protagonizadas polo xenial Vincent Price, unhas películas que vin na miña xuventude e das que gardo un recordo realmente bo. Unha boa maneira de volver a un dos máis grandes autores da literatura americana e universal, un autor que non conseguiu case recoñecemento durante a súa vida, algo que o torturaba, pero que é imprescindible para a historia da literatura, e non so a de terror. Hai pouco, ao fío do comentario dunha novela de Félix J. Palma, falaba de que unha das miñas novelas favoritas era “As aventuras de Arthur Gordon Pym”, o seu autor era Edgar Allan Poe, a súa única novela, así que volvo a facer a recomendación, imprescindible.


viernes, 29 de junio de 2012

"Jesús me quiere", "Yo, mi, me...contigo", David Safier


Hai unhas semanas atopei por aí unha pequena novela dun auto ao que lía moito hai anos e ao que recorría case sempre que quería pasar un rato divertido, porque era algo garantido. É un autor español creo que menos valorado do que debería por varios motivos. Sempre innovador, cun sentido do humor entre ridículo e xenial, un dos mestres da novela humorística sempre cun tratamento orixinal e distinto. A novela, que non coñecía, era “Novísimas aventuras de Sherlock Holmes”e o autor Enrique Jardiel Poncela. Non vou falar desta novela, aínda que vola recomendo para pasar un bo rato, así que vos preguntaredes a que ven esta introdución. Hoxe vou comentar dúas novelas dun autor ao que en certo modo relaciono con Jardiel, porque ao ter recente unha das súas historias e ler as dúas de hoxe dinme conta de que teñen moitas cousas en común. Non sei se o autor de hoxe coñece a Jardiel Poncela, teño as miñas dúbidas máis que nada porque é un novelista alemán actual e non sei ata que punto as historias do noso autor terán chegado ata alá, pero si é certo que ese humor ridículo, relacionando cousas que non teñen demasiado que ver, con frases entre críticas e cáusticas está presente en ambos autores. Incluso houbo momentos nos que tiña dúbidas de a quen estaba a ler. O autor de hoxe é David Safier e as súas dúas últimas novelas, “Jesús me quiere” e “Yo, mi, me...contigo”.


Comentei a súa primeira novela neste blog alá polo mes de setembro do 2010 e dicía que me parecera unha historia orixinal, entretida, divertida e con algunhas cousas boas que facían que destacara algo por riba da media neste tipo de historias. Sobre todo tendo en conta que non hai demasiadas boas historias hoxe por hoxe que teñan o humor como eixo central do que nos están a contar. De principio direi que as dúas son novelas breves e que se len con agrado, aínda que unha gustoume máis que a outra, logo me explicarei. Ambas teñen elementos en común, pero o desenvolvemento dunha pareceume algo máis orixinal e menos simple que o da outra.

David Safier é un autor alemán nado en Bremen en 1966. Estudou periodismo e traballou logo na radio e na televisión. A partir de 1996 empeza a traballar como guionista de programas de televisión, co que empezou a ser coñecido no seu país, realizando varias series e comedias de situación. Por este traballo recibiu varios premios, como o Grimme e o Premio TV en Alemaña, ademais dun Emmy nos Estados Unidos. En 2007 publica a súa primeira novela, “Maldito Karma” que será un gran éxito de ventas en todos os países nos que aparece. En 2009 publícase en España, onde tamén sube rapidamente aos primeiros postos. A súa seguinte novela, do ano 2010, é “Jesús me quiere” e a última polo momento, do 2011 é “Yo, mi, me...contigo”. Aínda non publicaron traducida a seguinte, "Happy family", que supoño que aparecerá pronto.


“Jesús me quiere” cóntanos a historia de Marie, unha muller con certos problemas sentimentais. Especialista en namorar do home errado. O día da súa voda deixa plantado ao seu futuro marido no altar, con todo preparado, pero o medo do último momento e a idea de que ao final ese pode non ser o home da súa vida fai que dea marcha atrás. Desfeita polo que pasou volve a súa casa, co seu pai e cáelle unha parte do teito enriba. Ao día seguinte preséntase un carpinteiro, un home distinto, amable, cunha mirada capaz de calmar e encantar a calquera, é Joshua. Pronto se fixara nel e terán unha cita, sairán a cear e ela ve nel ao home da súa vida, con todas as virtudes e aparentemente ningún problema. Pero non todo será tan sinxelo, sobre todo cando el lle di que en realidade é Xesús, o fillo de Deus que volve á Terra para librar a batalla final contra Satanás e con este combate chegará o Fin do Mundo. A súa vida é un caos, os seus pais están separados, a súa irmá ten un tumor cerebral, o seu pai aparece na casa cunha muller nova e rusa que di estar namorada del e que ademais ten unha filla... E para rematar agora si que parece completamente certo que namora do home máis equivocado que podería elixir. O Xuízo Final será o próximo martes, así que aínda terá uns días para decidir que fará coa súa vida.

Das dúas que comento esta é a que menos me gustou. Quizais por demasiado esaxerada, por xogar con demasiados equívocos e por mesturar demasiadas cousas. Polo medio teremos a Xesús, a Deus, aos Catro Xinetes da Apocalipse, a Satanás, ao arcanxo San Gabriel convertido en humano por namorar da madre de Marie... Nalgúns momentos resultoume demasiado ridícula, non vou dicir que incrible porque iso pásalle a todas as novelas do autor, son ficción pura cun trasfondo de sentimentos, de relacións humanas, de mulleres buscando sempre o seu bo camiño, buscando o amor e quizais unha certa estabilidade nas súas vidas. Nas tres novelas do autor os personaxes protagonistas son mulleres que teñen certos problemas de relación, xa sexan sentimentais ou persoais. De todos modos ten momentos realmente simpáticos e divertidos, xunto con outros que aproveitan estas situacións para tentar que o lector aprenda algo ou reflexione sobre certos aspectos da súa vida. Aínda así é unha lectura entretida, breve e divertida que pode facer pasar un bo rato a calquera tipo de lector. Ridiculiza algunhas cousas pero sen chegar as er, por dicilo dalgún modo, pouco respectuosa con certas crenzas ou aspectos da relixión cristián e penso que ten algunhas páxinas realmente boas, aínda así no seu conxunto é a que menos me gustou das de Safier.

O título orixinal da terceira novela deste autor viría a ser algo así como “De repente Shakespeare” que me parece algo máis adecuado que o que lle deron aquí, “Yo, mi, me...contigo”. De novo a protagonista é unha muller, Rosa, descontenta coa súa vida, coas súas amizades, co seu traballo, con case todo o que a rodea. Un día vai a unha feira e ve o espectáculo dun hipnotizador que di ser capaz de volver á xente a algunha das súas vidas anteriores. Ao rematar vai falar con el e convénceo para que faga o mesmo con ela. De repente vese metida nun duelo no ano 1594, no corpo dun home que ao pouco descubrirá que é, nada máis e nada menos, que William Shakespeare. Non poderá volver á súa época ata que descubra o amor verdadeiro. Así que se verá compartindo corpo co famoso autor e ademais nun momento no que este verase metido nunha intriga entre a raiña e outros personaxes históricos que a van levar a ter que facer cousa que nunca podería imaxinar.

Aínda que ten momentos que poden recordar á primeira das súas novelas, o plantexamento e o desenvolvemento da historia son bastante orixinais, tanto na forma de contalo como nas cousas que pasan e na estraña relación de dúas persoas que comparten o mesmo corpo e ademais de dúas épocas tan distintas. Esta situación da lugar a momentos realmente divertidos e moi simpáticos. Os diálogos entre eles dous e con outros personaxes son moi áxiles e con momentos sopresivos e inesperados para o lector. Quizais por iso esta gustoume algo máis que a anterior, porque é menos previsible, ten algunhas sorpresas para o lector, cousas que non espera que vaian pasar. Ten máis momentos nos que o lector preguntarase como vai agora a resolver isto o autor, por onde vai levar agora ao personaxe ou que vai pasar. A verdade é que con esta rin bastante, seguindo ese humor estraño e case ridículo ao que o autor vainos acostumando, e tamén na mesma liña de facer que o lector reflexione un pouco sobre por onde vai a súa vida, por onde quere que vaia ou por onde lle deixan os demais que o faga. Non quero contar moito máis sobre esta, porque realmente ten momentos inesperados, personaxes e situacións que dan sorpresas e alegrías ao lector a medida que avanzan as páxinas.

Dúas novelas divertidas, moi entretidas e simpáticas. Moi na liña de “Maldito Karma”, sobre todo a terceira que ten máis similitudes tanto na historia como nalgunhas situacións. Boas lecturas para pasar o rato e, de paso, pensar un pouco nalgunhas cousas da vida, o amor, a amizade e as nosas relacións coas persoas que nos rodean, tanto da familia como fóra dela, con ideas sobre a tolerancia, o deixar vivir e ese tipo de cousas. Como dixen gustoume máis “Yo, mi, me...contigo” que “Jesús me quiere”, pero iso tamén vai en gustos persoais. Creo que as dúas merecen a pena, neste caso as tres se incluímos a primeira se non a lestes aínda. Unha novelo por ano foinos deixando David Safier, pero de momento non vin nada por aí que fale dunha nova historia, que supoño que seguirá na mesma liña. Senón facede caso tamén a miña primeira recomendación e acudide a Jardiel Poncela, que tampouco vos vai decepcionar nunca.


viernes, 22 de junio de 2012

Un bo autor para o verán, David Baldacci



Hoxe en lugar de falar dunha novela concreta vou comentar algunhas cousas sobre un autor ao que leo de vez en cando e que me gusta bastante. É un novelista bastante coñecido por aquí pero que no seu país de orixe, Estados Unidos, é un deses que sempre teñen as súas novelas entre las máis vendidas e bastante esperadas. Un fabricante de best sellers, algo que tampouco me parece mal, sobre todo cando as súas historias son entretidas e manteñen a atención do lector. Hai autores que sempre, ou case sempre, garanten que coller unha das súas novelas é un seguro de que vas pasar un no rato, historias ideais para cando un está canso, non ten demasiadas ganas de romper a cabeza ou de ler cousas máis serias e profundas. Lecturas ideais para as tardes ou noites de verán, para deixar a cabeza libre e centrarse nunha trama interesante e que fai que manteñas a atención na historia que estás a ler. Hai momentos nons que non pido nada máis que iso e canto teño ganas de ler algo así acudo a el ou a outros que irei poñendo por aquí. Así que o autor de hoxe é David Baldacci, e ocorréuseme deixar estas liñas ao fío da publicación da súa última novela, “La esquina del diablo”, a última entrega da súa saga dedicada ao Camel Club.

Nado en 1960 en Richmond, Virginia, é un dos autores con maior éxito de ventas no seu país e cunha boa produción nas súas costas. É licenciado en Dereito pola Universidade de Virginia, que nunca deixarei de pensar que ten isto de ser avogado para ser novelista, que en canto un indaga un pouco nas súas vidas ve que unha gran maioría vén deste mundo. Como estudante escribía contos no seu tempo libre e publicou algúns. Dedicouse á avogacía durante nove anos, na zona de Washington DC. Tamén escribiu ao principio algúns relatos curtos e varios guións de cine, pero con moi pouca repercusión. En 1996 publica a súa primeira novela, “Poder absoluto”, coa que tivo un éxito moi importante. Debido a isto foi levada ao cine ao ano seguinte, protagonizada por Clint Eastwood e Gene Hackman. Nela contaba a historia dun presidente dos Estados Unidos que se ve inmerso no asasinato dunha muller coa que mantiña unha relación e un experto ladrón que é testemuña dos feitos. Tanto a novela como a película gozaron da aprobación do público, convertendo a Baldacci nun dos autores máis esperados. É embaixador da Sociedade Nacional de Esclerose Múltiple e participa en numerosas organizacións benéficas, ademais ten a súa propia fundación para o fomento da alfabetización. Vive en Virginia coa súa muller e dous fillos. As súas obras foron traducidas a máis de trinta idiomas e publicadas en máis de oitenta países. Ademais é autor de varios libros para adolescentes a varios guións de cine. Máis de cen millóns de libros vendidos no mundo non son unha mala tarxeta de presentación. Podedes botarlle un ollo á súa páxina web, www.davidbaldacci.com.

Eu coñecino primeiro polo cine e logo por unha das súas novelas que máis me gustou. O do cine ven de ter visto no seu momento “Poder absoluto” e ver unha historia interesante e ben montada, o que me levou logo a ler a novela. Despois chegou as miñas mans unha novela cunha historia que me chamou moito a atención e que foi a primeira deste autor que lin, titulábase “La ganadora” e aínda que ten uns cantos anos creo que é unha das súas historias máis recomendables. Foi a súa terceira novela, no medio quedou “Control Total” (1996), e que aparece en 1997. Nela Lu Ann é unha muller que leva unha vida miserable, traballa de camareira, vive nunha caravana e a súa parella está sempre bebida. O único que quere é darlle unha boa vida a súa filla. Un día aparece Jackson, un personaxe misterioso, intelixente e mastro do disfrace. Ofrécelle a Lu moito diñeiro, o que lle daría o premio gordo da lotería. Ela, agoniada pola súa vida e sospeitosa dun asasinato, acepta, aínda que non está demasiado convencida. Anos despois, convertida en millonaria, descubrirá que non é tan fácil como pensaba deixar atrás o pasado, e que ninguén da nada sen pedir algo a cambio. Unha novela da que gardo un bo recordo, igual volvo lela un día destes.

Case todas as súas historias móvense no ámbito do thriller, a novela de investigación e a ficción política, aderezadas sempre con máis ou menos escenas de acción trepidante, persecucións, disparos, pelexas, enfrontamentos... Unha das cousas que máis me gustan é que os seus personaxes son sempre moi interesantes, ben deseñados e presentados e con máis complicacións das que parece nun principio, non son nada simples nin planos. Quizais iso fai que sexa deses autores que teñen varias series de novelas cos mesmos personaxes en común, historias que continúan novela tras novela sen que, normalmente, decaia o interese para o lector, que sempre quererá saber máis. Ademais de que, algo que as veces non me gusta demasiado, son historias que rematan sempre deixando algo pendente, algo que fai que esteas esperando á seguinte novela para ver como se resolve. Nese sentido ten moito que ver coas novelas por entregas tan de moda hai xa moitos anos, unha forma máis de enganchar ao lector e facer que teña ganas de mercar a súa seguinte novela. Fóra das sagas, ademais das xa mencionadas, a maior parte seguen esta mesma liña, exceptuando novelas como “El tren de Navidad” ou “Buena suerte” (a historia de dous irmáns que tras a morte dos seu pai teñen que ir vivir de Nueva York a un pequeno pobo de Virginia para quedar coa súa bisavoa), que están lonxe dos temas habituais. Tamén unha das súas últimas novelas, “Un verano” (2011) sae da súa tónica habitual.

As súas novelas para adolescentes aparecen na colección “Freddy y las patatas fritas”, das que xa publicou dúas e unha terceira aparecerá en breve.

Como digo varias coleccións de novelas cos mesmos personaxes son as máis esperadas polos lectores. Eu teño lido bastantes das máis coñecidas e destacan tres por riba do resto, que son as que máis me gustan, aínda que unha moito máis que as outras dúas.

A máis recente está protagonizada polo misterioso Shaw e a periodista Katie James, a primeira “Toda la verdad” apareceu no 2008 e a segunda, “Líbranos del diablo” aínda non foi publicada aquí. Como dixen antes, novelas de ficción política case sempre relacionadas con grandes corporacións e misterios que implican a políticos, sempre co diñeiro e o poder como historia de fondo.

Temos logo ao ex-axente do Servicio Segredo Sean King e á axente Michelle Maxwell, dúas personalidades distintas que por cousas do destino veranse inmersos na desaparición dun importante político na primeira novela da serie, “Una fracción de segundo”, descubrindo mentres investigan un mundo de mentiras, intereses e misterios que farán que teñan que poñer en risco as súas vidas. Catro novelas máis forman a historia destes personaxes, “El juego de las horas”, “Una muerte sospechosa”, “La familia primero” e “El sexto hombre”, todas elas na mesma liña. Os dous protagonistas, coas súas distintas formas de actuar, de ser e de afrontar as cousas, forman unha parella interesante e entretida. Bastante recomendables.

De todos modos a miña serie favorita por varias razóns é a dedicada ao que el chama o Camel Club. Formado por catro homes un tanto especiais, que ven cousas raras en todas partes e reúnense para analizar noticias buscando sempre detrás delas algunhas manipulacións, intrigas e enganos. Cren que os políticos e sobre todo as axencias gobernamentais enganan ao público e eles sempre atopan os feitos ocultos detrás de todo iso. Cada un ten unhas características moi determinadas e todos teñen algo que os fai especiais. Na segunda entrega únese a eles unha muller, Annabelle Conroy, unha estafadora de alto nivel que lle da un toque engadido ás historias. O personaxe central é Oliver Stone (si, como o director de cine), un antigo axente de algo nivel dos servizos segredos que tras o asasinato da súa familia fai crer a todo o mundo que está morto e segue coa súa vida. O seu nome real é John Carr, pero poucos saben iso. Leva unha dobre vida, por un lado como un indixente que vive nunha tenda de campaña diante da Casa Branca protestando por calquera cousa e por outro lado é case o centro do Camel Club, o que leva as investigacións e realiza as accións máis arriscadas, avalado pola súa formación militar, a súa intelixencia e o seu coñecemento profundo de todo ese mundo. A primeira é “Camel Club” (2005), seguida por “Los coleccionistas”, “Frío como el acero”, “Justicia Divina” e a que aparece estes días, “La esquina del diablo”, ¿será a última...? Esta serie gústame tanto polos personaxes como polas tramas que desenvolve, que aínda seguindo sempre unha mesma liña teñen algunhas cousas que fan que no sexan nada repetitivas, cada unha ten algo que a fai distinta, algún elemento especial, algún personaxe que entra a formar parte do círculo ou algún antagonista que sabes que vai seguir aparecendo. Todas elas teñen os elementos centrais da novelística de Baldacci, intriga, enganos, acción, movemento..., todas elas conseguen que o lector entre na historia e queira saber que ven a continuación, que máis vai pasar e que vai ser de todos eses personaxes aos que vai coñecendo á perfección.

Creo que Baldacci é un deses profesionais da literatura de entretemento, á que leva a cotas altas e que case nunca decepciona. Claro que non estamos a falar de literatura con maiúsculas, pero é como ese concepto que mencionei algunha vez referido ás series, agora para os libros, literatura de palomitas (das de verdade, claro), ideal para pasar o rato, ler sen romper a cabeza demasiado e sempre interesante. Creo que é un bo autor e as súas novelas que rompen un pouco con esa liña parécenme moi decentes, ben escritas, cun estilo simple pero que convence. Thrillers de acción con bos personaxes, con tramas moi ben montadas e deseñadas e con algún compoñente crítico cara ao mundo da política e as axencias do Goberno, non creo que se poida pedir máis. Aí queda a recomendación, se non o coñecedes eu empezaría por “La ganadora”, para seguir logo coas aventuras de John Carr e o Camel Club.

jueves, 14 de junio de 2012

"El puente invisible", Julie Orringer



Interesante e entretida a novela que vou comentar hoxe. Tiña o libro por casa desde hai tempo e chamoume bastante a atención cando a merquei. Era desas longas e cunha historia que tiña boa pinta, situada nun momento histórico moi usado na literatura e que, en xeral, soe dar bos resultados. Non coñecía á autora e agora sei, mentres preparaba este comentario, que é a súa primeira novela, creo que cun resultado moi aceptable. Aparece en varios sitios dentro do xénero “narrativa”, algo tan xenérico que é case como non dicir nada. Imos dicir que queda a medio camiño entre unha boa historia cunha serie de personaxes dentro dun marco histórico bastante ben reflectido e que funciona como un dos aspectos fundamentais dentro da trama. Non é unha novela de xénero histórico nun sentido máis ou menos estrito, pero si que usa un marco moi coñecido para desenvolver a historia dun grupo de personaxes conectados entre si. Ademais como dixen en máis dunha ocasión parece que isto da novela histórica queda so reservado par aquelas que transcorran antes do século XIX e sobre todo se o fan na Idade Media, algo que non me parece para nada correcto. Certo é que os protagonistas desta novela de hoxe son ficticios, aínda que lin por aí que están baseados na vida dos avós da autora, dato que non puiden confirmar completamente. Evidentemente si isto é certo aínda podemos falar máis de que está máis preto da novela histórica que a outros xéneros. A autora é Julie Orringer e a novela titúlase “El puente invisible”.


Julie Orringer é unha escritora nacida en Miami, Estados Unidos, en 1973. Graduouse en 1996 nun Taller de Escritura Creativa en Iowa, onde estivo despois ensinando a mesma materia becada durante dous anos, e graduada na Universidade de Cornell. Tamén estivo como becaria na prestixiosa Universidade de Stanford, onde tamén deu clases desde o 2001 ata o 2003. Os seus contos foron publicados en coñecidas revistas americanas e recibiron varios premios importantes; varios deles foron incluídos en antoloxías americanas do xénero. A súa primeira publicación foi unha colección de contos, “Cómo respirar bajo el agua”, composta de nove historias, moitas delas centradas en personaxes que perderon a alguén e como afrontar esa situación. Tivo unhas excelentes críticas e conseguiu varias mencións e premios con ela. No ano 2004 consegue unha subvención para financiar a investigación con vistas a escribir unha novela ambientada en Hungría e París e que transcorrera durante a Segunda Guerra Mundial. O resultado é a novela que comento hoxe, aparecida a principios do 2010 e que pronto foi traducida a varios idiomas. Así “El puente invisible” foi a súa primeira novela longa, recibida ben tanto pola crítica como polo público. Neste momento está a preparar un libro baseado nun personaxe histórico (ao que non coñecía), Varian Fry, un periodista americano que dirixiu unha rede de rescate na Francia ocupada durante a guerra e que permitiu a salvación de entre 2000 e 4000 xudeus e membros da resistencia.

Antes de falar do argumento dicir que non vou contar nada que non se poida saber lendo a contraportada ou os resumos que aparecen dela nas páxinas de venta de libros.

“El puente invisible” podemos dicir que ten dúas partes ben diferenciadas, aínda que ambas teñen en común aos mesmos protagonistas da historia. A primeira parte transcorre en París nos anos anteriores á Segunda Guerra Mundial, a segunda pasará a desenvolverse sobre todo en Hungría durante os anos da contenda. Andras Lévi é o protagonista central, ao que pouco a pouco iranse engadindo outros. A súa familia é xudía e orixinaria dun pequeno pobo de Hungría, Konyár, pero cando os coñecemos el e un dos seus irmáns viven en Budapest, como paso previo para ir estudar fóra do país. Os seus pais, Flóra e Béla, teñen un almacén de madeira e ademais de Andras teñen outros dous fillos. Tibor é o que está con el desde o principio, o seu irmán pequeno co que ten unha gran relación. O irmán maior vive no pobo cos seus pais, Mátyás. O soño de Andras é ser arquitecto e verá como pode ser un soño cumprido. Gracias a algunhas influencias tras traballar nun pequeno periódico consegue unha beca para ir estudar arquitectura a París e é nese momento previo á viaxe cando empeza a historia. O seu irmán Tibor tamén ten o seu propio soño, ir fóra de Hungría para estudar medicina, carreira que lle gustaría facer en Italia. Antes de marchar Andras recebe un encargo, unha familia acaudalada quere que lle leve unha caixa a un fillo que tamén teñen en París, József, ademais de levar unha carta para unha misteriosa muller. Andras chega a París tras unha longa e complicada viaxe e a súa chegada as cousas tampouco serán sinxelas. Case sen diñeiro, sen coñecer a ninguén, sen saber demasiado francés..., todo son problemas, pero é unha persoa que non se deixa levar por eles e que sempre atopará unha solución. A situación cos xudeus empeza a ser complicada incluso en París pero fai amistade con outros tres estudantes de primeiro curso que serán fundamentais para todo o que veña despois. Polaner, Ben Yakov e Rosen serán os seus grandes amigos en calquera circunstancia. Entre eles xurdirá unha amistade que vai axudalos a sobrepoñerse case a calquera cousa que lles poida pasar. Intrigado pola muller á que lle debe enviar a carta decide presentarse na dirección que figuraba no sobre. Alí coñecerá a Klara, unha muller algo maior que el e que ten unha filla, Elisabet. Non desvelo nada importante se conto que namorará dela perdidamente e terá que superar unha gran cantidade de problemas e obstáculos se quere que esa relación chegue a bo fin. Pero chega a guerra e o seu visado expira, así que terá que volver ao seu país natal, onde transcorrerá a segunda parte da historia. A guerra comezou e Hungría é aliada dos alemáns. Andras e o resto dos personaxes agora estarán dentro desa outra realidade tan lonxe da que coñecemos ao principio. Agora virán os problemas, as discriminacións, os batallóns de traballo, as malas condicións de vida, a fame, o medo e moita máis cousas que teredes que ler se queredes coñecer a vida destes personaxes e algúns máis que irán aparecendo a medida que avanza o argumento.

A historia pareceume realmente boa, aínda estando preto doutras que transcorren na mesma época esta engade algunhas cousas descoñecidas para min. Sobre todo porque se desenvolve en Hungría, un país que durante a guerra estivo aliada con Alemaña, o que fai que as cousas foran parecidas pero distintas nalgúns sentidos. Toda a historia dos pelotóns de traballo é moi interesante e está moi ben contada, a vida dos xudeus nun país que ao principio non seguía ao pé da letra as instrucións dos alemáns, os contrastes entre algúns militares máis de acordo coas ideas nazis e outros que non o eran tanto... A verdade é que ten momentos realmente bos e da paso danos información sobre ese momento histórico que non deixa de sorprenderme polo bárbaro e brutal. Vainos dar outro punto de vista, outra forma de ver a mesma historia que coñecemos cando pasamos de Francia a Hungría.

Ademais a historia está moi ben contada. Incluso o estilo cambia lixeiramente entre ambos momentos. A primeira parte, aínda tendo momentos fortes ou tristes, é máis suave, máis fluída e cunha linguaxe máis coidada. Cando pasamos a Hungría chega o horror e con el cambia a forma de contar, facéndose máis directa, máis brutal. Aínda así a autora usa as palabras xustas e necesarias para que o lector poida imaxinar todo perfectamente, quedando no límite xusto entre axitar os sentimentos do lector e traspasar a liña cara a unha violencia ou brutalidade máis gratuíta. Gustoume moito a forma en que está escrita.

Ademais da historia, que me gustou moito, un apartado especial para os personaxes. Todos están perfectamente retratados e tratados, desde o primeiro ao último todos teñen o seu momento importante. Incluso algúns que poderían parecer máis secundarios, como por exemplo os pais de Andras, irán aparecendo nalgúns momentos puntuais para aportar algo a trama. O protagonista central está moi ben montado, así como Klara; pero o mellor é que todos os demais tamén. Non hai un so que non teña o seu momento importante, que a súa intervención na historia non sexa fundamental para a mesma. Ademais diso varios dos importantes van sufrir cambios e evolucionarán nas súas forma de pensar ou de comportarse; outro dato máis para engadir méritos á autora. Todos aparecen ante o lector como persoas reais, máis que meros personaxes de novela. Coñeceremos case todo deles, que tamén é importante, pero están deseñados de tal maneira que podemos pensar que calquera deles puido existir e pasar case o mesmo que lemos páxina tras páxina. Esta é outra das cousas que máis me atraeron da historia. Noutros casos de historias deste tipo asistimos a unha continuación de desgracias dos protagonistas, tanto que as veces chega un momento en que case non nos cremos nada, en que pensamos que o autor está a pasarse un pouco. Neste caso son máis os momentos tristes e desgraciados que os doutro tipo, pero en ningún momento tiven esa sensación de pasarse da raia, de ir demasiado lonxe no que lle pasa aos personaxes. Toda a historia ten un aire de verosimilitude, de credibilidade que fai que un entre aínda máis nas vidas de todos eles.

Amor, tristeza, drama, felicidade, acción, guerra, estudos..., unha gran cantidade de compoñentes dentro dunha historia que me enganchou desde o principio. Quizais non desde as primeiras páxinas nas que aínda non sabía demasiado ben por onde ía, pero pronto cambiou e custábame deixala. Tanto que as cento cincuenta últimas páxinas tiven que lelas dun tirón, tiña que saber como remataba e non podía deixala. Tiña que chegar ao final da historia, saber que pasaba con todos eles nunhas últimas páxinas que son realmente emocionantes. Unha boa historia, ben contada, interesante e amena ao mesmo tempo, creo que bastante recomendable. Espero á seguinte historia de Julie Orringer, creo que merecerá a pena.

jueves, 7 de junio de 2012

"Érase unha vez", "Once upon a time"



Da serie que vou comentar hoxe levo vistos máis ou menos a metade dos episodios da súa primeira temporada, así que teño xa suficientes elementos para poder deixarvos unhas impresións. Unha mistura entre o tradicional, o de toda a vida e o moderno. Creo que é bastante atractiva como para poder recomendala, polo menos por aquí está a gustarnos a todos e capítulo tras capítulo vai gañando en interese. Unha das cousas que destacaría é a súa orixinalidade, aínda partindo de algo que case todos coñecemos perfectamente, os contos tradicionais, ten un tratamento do tema que fai que ao mesmo tempo estea lonxe dese aire do de sempre. Como digo, unha mistura cun resultado máis que interesante. O título deixa claro a temática desde un principio, “Once upon a time”, estreada aquí como “Érase unha vez”. Esta primeira temporada componse de 22 episodios, como non cheguei ao final non sei se será desas que rematan a historia ou deixan algunha porta aberta a unha continuación.

Foi un dos grandes éxitos da temporada actual no seu país de orixe, os Estados Unidos, polos índices de audiencia a mellor estrea do ano. Tras uns poucos capítulos tiña xa un bo número de seguidores, incluso algúns que foran algo críticos cando coñeceron a trama. Unha das cousas que máis destacan é a orixinalidade no tratamento deses contos tradicionais, como foron capaces de coller unhas historias coñecidas por case todo o mundo e facer algo distinto, algo novo. Son relatos que todos temos lido, ou que nos leron cando eramos pequenos (ou que nos limos aos nosos fillos), coñecidos polas múltiples adaptacións cinematográficas xa sexa en forma de debuxos animados ou persoas reais, máis ou menos fieis aos orixinais. Neste caso pode parecer raro nun principio, xa que vai misturar a todos eses personaxes que coñecemos nunha soa historia, pero a verdade é que o resultado desa estraña mistura é realmente bo e en ningún momento parecera raro, por exemplo, que  Brancaneves asista á voda da Bela Durminte.

A historia parte do momento no que Emma Swann (unha das protagonistas centrais) recebe a visita dun neno, Henry Mills, que di ser o seu fillo ao que deixou en adopción ao pouco de nacer. Aparece case da nada convencéndoa de que debe volver con ela ao pobo no que vive para solucionar un gran problema. Un gran libro de contos é o seu acompañante a todas partes, o libro que ten as claves para solucionar ese gran misterio. É el o que lle di a Emma que ela é a súa nai biolóxica e que os dous son personaxes de conto aos que unha bruxa moi malvada borrou a mente cun forte feitizo, facéndoos vivir unhas vidas baleiras, tristes e simples no mundo real, fóra do seu mundo de fantasía e sen recordar nada da súa vida anterior, deixándoos sen os seus finais felices. Pero non so a eles dous, senón que en Storybrook, o pobo no que vive Henry, viven todos os personaxes deses contos, na mesma situación que Emma e el. Ningún deles recorda nada da súa vida “real” e viven no pobo desempeñando os traballos normais dun pequeno pobo, o ensino, a hostalería, os garaxes... Non recordan a súa infancia nin as súas vidas porque foron postos alí coa idade que tiñan no conto, lonxe dos seus grandes amores, dos seus amigos e da súa marabillosa, ou non tanto, vida de conto. Aínda así no pobo quedan pequenos restos desa maxia que farán que unha incrédula Emma vexa que é posible que Henry teña razón. Aí están Brancaneves, a Bela Durminte, Cenicienta, Carapuchiña Vermella, Gepetto, Pepito Grillo, os Sete Ananitos, os Príncipes Azuis de varios contos e case todos os personaxes que podades imaxinar e recordar. Por suposto temos á malvada bruxa responsable de toda esa situación, que realiza un poderoso conxuro motivado pola súa infelicidade e coa intención de vingarse de todos eles, sobre todo de Brancaneves. Unha bruxa que é nese momento a alcaldesa do pobo e que esconde moitas máis cousas das que parece nun principio, ademais de ser a nai adoptiva de Henry.

Pode parecer estraña a historia pero en canto un acostúmase resulta realmente atrainte e interesante, ademais de amena e curiosa. Cada capítulo vai alternando as dúas realidades, por un lado o mundo dos contos e por outro o engano de Storybrook. Iremos coñecendo e recordando as historias de todos eses personaxes, case como nunha marabillosa viaxe á infancia. É realmente xenial a forma que ten de misturar aos distintos personaxes de contos que en teoría non teñen relación, pero como todos veñen do mesmo mundo de fantasía aparece ante o espectador como algo completamente coherente. Unha das cousas que máis me gustan é a alternancia nas linguaxes e na forma de falar dos personaxes. Cando imos ao mundo de ficción escoitaremos unha linguaxe típica dos contos, formal, coidado, onde os pais diríxense aos fillos de vostede e onde todo é algo máis rebuscado e serio. Cando estamos no mundo actual este cambia completamente, é máis moderno, relaxado e cotián.

O concepto da serie é arriscado e audaz e o resultado desa estraña mistura é bo. A posta en escena é outros dos aspectos destacados. Os castelos, as pradeiras, a maxia, os soldados ou os personaxes fantásticos están tratados con gran delicadeza e coidado, e responden á perfección a unha actualización da tradición, sendo case o que todos imaxinamos na infancia cando liamos ou escoitabamos esas historias. Os guións están perfectamente elaborados para manter a atención e ir avanzando pouco a pouco na historia. En cada capítulo descubriremos quen é cada habitante de Storybrook e máis dun sorriso aparecerá cando vexamos que este é Pepito Grillo, aquela Carapuchiña ou aquel é o cazador de Brancaneves. Nótase que dous dos seus guionistas participaron nunha das series que máis xogaban cos personaxes en canto a súa identidade, o seu pasado, presente ou futuro, “Perdidos”. Todo está perfectamente engranado, de momento, para atrapar ao espectador e que teña ganas de ver que vén a continuación, xogar a descubrir quen é quen ou esperar a ver se por fin Brancaneves e o Príncipe Azul acaban xuntos no mundo da actualidade.

Se destaca pola perfección dos seus guións tamén o fai noutro dos aspectos fundamentais, os actores e actrices que interpretan os distintos papeis. Non é sinxelo facelo, xa que teñen que ser parecidos pero distintos en ambos mundos e o resultado tamén é interesante en todos os casos. Quero dicir que as interpretacións son todas realmente destacables e algúns sobresaen moi por riba da media. A protagonista, Emma Swann, é Jennifer Morrison, coñecida polo seu papel durante varias temporadas como a doutora Cameron de “House”. Ela é a única que coa súa intervención e sempre seguindo as teorías de Henry, pode romper o maleficio e conseguir que cada un volva a súa vida de fantasía e felicidade. Emma é unha muller forte, que en certo momento tivo que abandonar ao seu fillo e deixalo en adopción e que de repente atópase con el de novo na súa vida e ademais cunha historia ben difícil de crer. Henry é Josh Dallas, que realmente está a gustarme moito no papel dese neno soñador, con continuos problemas coa súa nai adoptiva e querendo establecer unha relación coa súa nai real, ademais de ter que convencela de que todo o que lle está a contar é certo; antes so o vira como fillo de Don Draper na xenial “Mad Men”. Pero hai tres personaxes que para min destacan por riba de todos os demais e que lle dan un toque máis de calidade á historia.

Brancaneves é Ginnifer Godwin, unha actriz con algo de cine e bastante televisión as súas costas. É un dos personaxes centrais e é na que quizais máis se vexa esa diferencia entre os dous personaxes que ten que interpretar. Incluso cando aparece como Brancaneves no mundo de fantasía aparece nalgúns momentos, dependendo da situación, case como se foran dúas persoas distintas. No mundo actual é Mary Margaret Blanchard, profesora do colexio do pobo, tímida e pouco decidida, aínda que irá cambiando co tempo. Para min unha das mellores.

Lana Parrilla interpreta a Regina Mills, a alcaldesa do pobo na actualidade e a malvada bruxa do conto do personaxe anterior. A verdade é que da medo, estremece e é malísima, recordemos que as bruxas deses contos sempre eran tremendamente malas e perversas, baste recordar os pesadelos que provocaron a moitos nenos e nenas tras ver as versións de Disney, que sempre conseguía unhas bruxas realmente impresionantes. Aquí é a que manexa todos os fíos, a que está detrás de case todo o que pasa e a que controla todo en Storybrook. Destaca por riba de case todos os demais e sempre nos sorprenderá, porque será capaz de ir un paso máis adiante na súa perversidade.

Por que será que os personaxes escuros sempre son os máis atraintes nestes contos que os outros. Digo isto porque o outro que destaca, e moito, é tamén un dese tipo. O actor que o encarna é un dos bos actores do cine, polo menos a min sempre me gustou, Robert Carlyle é o Señor Gold no pobo e Rumplestilskin dos contos. Enfrontado á alcaldesa por unha antiga rivalidade, rexentando unha tenda de antigüidades e sempre buscando tratos que lle favorezan para os seus intereses. Como de todos tamén coñeceremos a súa historia, e penso que é das mellores interpretacións e papeis da serie, ambiguo e misterioso, sen saber demasiado ben a que cartas xoga en cada momento.

De paso direi que con isto que contei non desvelo demasiado, porque coñeceremos a historia destes personaxes e o seu alter ego de fantasía xa no primeiro capítulo, de todos os demais non digo nada, deixarei que os coñezades a medida que pasan os capítulos.

Unha serie recomendable, entretida, misteriosa, sorprendente e ao mesmo tempo tradicional. Unha marabillosa forma de que algúns volvamos á infancia, será difícil non esbozar un sorriso recordando aquela época da nosa vida. A época na que era máis fácil soñar, na que criamos case todo e na que todos eses personaxes inundaban os nosos soños ou os nosos pesadelos. Unha boa forma de volver atrás, de recuperar os soños e a fantasía que probablemente a vida cotiá nos fai deixar un pouco de lado. Iso si, matizo que a pesar de contarnos os contos de toda a vida non é demasiado recomendable para pequenos, a maior parte dos contos non están nada dulcificados e teñen momentos de certa (non demasiada) violencia, de situacións escuras, de personaxes que poderían alimentar pesadelos... Aí queda a recomendación, se alguén xa a viu ou vai facelo gracias a este comentario xa me dirá que tal.


viernes, 1 de junio de 2012

Recitando a Celso Emilio Ferreiro no IES Valadares

Este ano celébrase o centenario dunha figura fundamental para a cultura galega, Celso Emilio Ferreiro. Xoán Gulías, coordinador do Equipo de Normalización Lingüística, compañeiro de traballo e amigo, dedicou unha boa cantidade de horas a filmar por distintos lugares do centro a alumnas, alumnos, profesoras, profesores, pais, nais e persoal non docente recitando breves fragmentos de varios poemas deste autor. Logo, penso eu, pasou aínda máis horas facendo esta estupenda montaxe cun resultado realmente bo. O que aparece ao principio e Luís Ferreiro, fillo do homenaxeado, e que estivo no instituto para inaugurar unha sala de lectura dedicada ao seu pai. Aquí está o vídeo completo, penso que merece moito a pena que o vexades enteiro.