miércoles, 4 de mayo de 2011
"Thor"
Cando fan estas adaptacións sempre me entra un pouco de medo. A razón é que moitos dos directores ou guionistas pretenden converter un xénero de entretemento nun cine profundo, serio, como se quixeran darlle transcendencia e importancia aos personaxes para facelos algo máis “serios”. Penso que neste tipo de cine debe primar o entretemento, a espectacularidade e a acción, aderezada con algúns momentos de humor leve, non nos esquezamos de que son cómics, nada máis e nada menos. Tamén é certo que os orixinais en papel nalgunhas ocasións tamén se converteron niso (na miña xuventude non eran así), con disquisicións morais sobre a responsabilidade do heroe, a súa alma torturada por non poder levar en moitas cousas unha vida normal e todo ese tipo de elementos case filosóficos. Esta liña xa non me gusta tanto, pero que lle imos facer. Claro que o personaxe desta cinta, Thor, ten case implícito un carácter serio, non deixa de ser o fillo do deus Odín e non un mutante calquera. A verdade é que non era un dos meus favoritos, quizais porque era demasiado serio e formal, pero tamén era dos que lía bastante. Ademais naquel momento unha das cousas que máis quería neste mundo eran ou o escudo do Capitán América ou Mjolnir, o martelo de Thor, que os dous eran unha pasada...
Creo que é dos poucos superheroes que eu considero clásicos que faltaban na gran pantalla (xunto co Capitán América, pero creo que esta ten xa estrea en salas en breve). Cando lin que a película ía dirixila Kenneth Branagh a verdade é que me entrou un pouco de medo. É un actor e director que me gusta moito, aínda que hai un tempo que non sabía demasiado del. Especializado desde os seus principios en interpretar ou dirixir adaptacións de Shakespeare, sempre con moi bos resultados. Non tiña ningunha dúbida da súa capacidade, pero o que me daba medo está relacionado co que comentaba un pouco máis arriba, coa idea de que quixera convertela en algo demasiado serio e transcendental. Está claro que ter ideas preconcibidas é malo, porque neste caso equivoqueime. A verdade é que, dentro do xénero, pareceume unha das mellores adaptación que teño visto ata o momento, sobre todo porque conxuga perfectamente a seriedade da historia dos deuses e todos iso con certos momentos cómicos (case todos esperables dentro da historia pero que resultan divertidos e rompen un pouco coa seriedade da historia) ben introducidos. Nótase a súa man e nunha entrevista que lin hai pouco preguntábanlle se non pensaba que dirixir unha película deste xénero non era como rebaixarse un pouco, ao que el contestaba que por suposto que non (tamén, que ía dicir, que si...), que ata nunha historia como esta había elementos que podían recordar os dramas e as obras de Shakespeare que tanto lle gustan, e é certo, ata ten un certo ton de obra clásica en moitos momentos.
A historia non é nada complicada, por suposto. Como en todos os casos, esta primeira (porque se supón que haberá máis, aínda que so sexa a aparición do personaxe na película de “Os vingadores”) é unha especie de presentación do personaxe de Thor, das súas capacidades, carácter e de como chega á Terra, porque é fillo dun deus; neste caso non é un heroe resultado dunha mutación, dunha explosión de raios solares ou raios gamma ou calquera das explicacións habituais dos cómics. Thor e Loki son os dous fillos de Odín e viven en Asgard, un dos sete reinos que están baixo o seu mando e protección, entre os que tamén se atopa a Terra. Os xigantes do xeo son os grandes inimigos do reino, cos que agora están en paz, pero cos que loitaron encarnizadamente hai tempo. Odín xa está algo maior e Thor será o seu sucesor, pero en plena coroación deste como rei aparecen varios xigantes do xeo para tentar roubar a reliquia que lles da o seu maior poder. Os invasores son eliminados, pero a coroación interrómpese. Thor é un home con forte carácter, sempre con ganas de loitar e sobre todo de acabar con eses inimigos o máis pronto posible. Odín pensa todo o contrario e o seu obxectivo é manter a paz, polo que se ve obrigado a frear ao seu fillo na súa sede de vinganza e loita. Pero Thor non lle fai caso e viaxa a través da Ponte do Arco da Vella ao reino dos xigantes para pedir explicacións por esa invasión imprevista acompañado de catros dos seus mellores amigos e do seu irmán, Loki. A batalla comeza, pero aparece Odín e interrompe a loita. Xa en Asgard Thor é condenado ao desterro por desobedecer unha orde directa so seu pai, e por iso é enviado á Terra sen poderes divinos e sen Mjolni, o martelo forxado a partir dunha estrela caída e que acrecenta o seu poder. Terá que quedarse nela ata que sexa digno de empuñar de novo o martelo e ser perdoado polo seu pai. Na Terra atoparase cunha serie de personaxes que o axudarán, sobre todo coa investigadora Jane Foster e os seus amigos.
No esquezamos o tipo de cine que estou a comentar. Desde este punto de vista pareceume unha boa película, moi ben feita, moi entretida e moi espectacular. As case dúas horas que dura pasáronseme con bastante rapidez, o que sempre é bo sinal, pero xa aclarei que son fan incondicional deste tipo de cine. A historia transcorre en dous mundos, unha parte en Asgard e a outra na Terra. A parte terrestre é máis suave, entretida e lixeira en todos os sentidos e cumpre perfectamente ese papel. A que transcorre en Asgard é espectacular, o deseño de case todo é impresionante e xa sei que agora coa tecnoloxía dixital poden facerse marabillas, pero non deixa de asombrarme e sorprenderme. Ten momentos realmente bos e incluso orixinais tendo en conta todo o que levamos visto noutras películas. Queda moi clara a diferencia entre o mundo dos deuses e o dos homes, dous mundos completamente distintos. No dos deuses prima a formalidade e a imaxinación, ata as formas de falar e de comportarse son diferentes con respecto á Terra. Mentres o reino dos xigantes do xeo é un lugar frío, escuro e tenebroso, non en van son os personaxes malvados da historia.
En canto aos actores, fronte a outras adaptacións, neste caso para o papel protagonista elixiron a un actor practicamente descoñecido, pero que penso que recrea perfectamente ao personaxe. Mantén bastante ben a idea de seriedade do fillo dun deus cando está en Asgard e ese aire de estar como un polbo nun garaxe cando se atopa na Terra, cun físico deses que impresionan. Co traxe, a capa vermella e o martelo nas súas mans parecíame estar a ver a portada de infinidade de cómics que pasaron polas miñas mans. Chámase Chris Hemsworth, e en plan cotilleo é a actual parella de Elsa Pataky. Ademais deste soen sempre aparecer neste tipo de películas unha serie de actores máis coñecidos, quizais para darlle tamén un certo aire de produción seria. Neste caso temos á última gañadora do Óscar á mellor actriz por “Cisne negro”, Natalie Portman, interpretando a Jane Foster, a investigadora que se atopará sen querelo con Thor e todo o que el trae consigo. O papel de Odín déronllo a Anthony Hopkins, un dos meus actores favoritos e que aquí mantén a imaxe de todopoderoso, de pai férreo e duro, pero que ao mesmo tempo sabe que está a facer o mellor polo seu fillo. E xunto a eles outros actores máis ou menos coñecidos, pero todos están bastante ben.
Cine de entretemento puro e duro, pero moi ben feito, por riba de moitas outras producións que buscan estes mesmos obxectivos. Gustoume moito, recoñézoo, pero tamén que son un fan case incondicional deste tipo de personaxes e de cine. Para os afeccionados aos superheroes é imprescindible, non penso que ningún a deixe pasar e estou case seguro de que lles vai gustar. Non é necesario coñecer ao personaxe ou ser afeccionado a estes heroes para poder disfrutar da historia, estou case seguro de que se ides vela poderedes pasar un bo rato, moito mellor que con outras cousas que andan pola carteleira ultimamente. Recomendable e creo que engadiría que debe verse no cine, porque na pantalla do televisor vanse perder moitas escenas espectaculares, por mencionar so unha por exemplo, a cabalgada pola Ponte do Arco da Vella, pero podería mencionar varias máis. Impresionante a imaxe do personaxe de Heimdall, o garda da Ponte. E esta fin de semana queredes ir ao cine, pasar un bo rato e non tedes claro por que optar podedes ir ver esta, creo que non vos vai decepcionar.
Nota: e se ides non marchedes da sala ata rematar todos os títulos de crédito, como en todas estas deixan para despois unha pequena escena final como un adianto do que vai vir na seguinte ou seguintes películas. Faise un pouco pesado porque é unha boa espera, pero os que foron ver as anteriores xa saben que isto pasa sempre.
sábado, 30 de abril de 2011
"Código fuente"
Non vou dicir que nos decepcionara, hai que ser sempre consciente de que un vai ver, saber que pode esperar máis ou menos, e neste caso o único que pretendíamos atopar era unha produción de ciencia ficción cunha pinta decente. Pois iso é o que é, unha historia bastante ben levada, o suficientemente curta como para non facerse pesada tendo en conta a historia e cunha resolución final imos dicir que aceptable, aínda que tamén algo previsible. Non está mal e da o que promete, hora e media xustiña de entretemento, pero penso que lle falta un puntiño, fáltalle algo que podería facer dela unha historia algo máis decente, con algunha sorpresa e so con iso pasaría de ser unha película de gama media a pasar a un lugar un pouco máis alto.
Orixinalidade non é precisamente o seu punto forte, é a típica historia de viaxes no tempo ou na memoria mellor dito. Se alguén recorda “Atrapado por su pasado” verá que ten moito que ver, cambian o ton de comedia polo de acción, algo parecido pero buscando algo máis de transcendencia e seriedade. O protagonista é Colter Stevens, un militar que se atopa algo perdido nun tren xunto a unha muller, Christina Warren, que parece coñecelo pero a que el non coñece. Ademais canto contempla por primeira vez a súa imaxe nun espello ve unha cara que non é a súa. ¿Que está a pasar? Algo perdido mira o que pasa ao seu redor, ata que oito minutos despois o tren explota, acabando con todos os pasaxeiros, incluído el. Pero de repente atópase noutro lugar, unha especie de cabina e falando a través dunha pantalla cunha militar, a oficial Colleen Goodwin. Esta fala con el e de novo vaise atopar no tren. Ao final consegue entender que é parte dun programa experimental que lle permite introducirse nos recordos dunha persoa para intervir soamente durante os oito minutos finais da súa vida. Así que non estamos a falar exactamente dunha viaxe no tempo, senón dunha especie de viaxe na memoria. ¿O obxectivo? Descubrir quen puxo esa bomba no tren para poder evitar un atentado aínda maior na cidade de Chicago. Isto é o que terá que conseguir e para iso a cinta se convertera nunha continua sucesión deses oito minutos, que nunca serán iguais porque cada vez el ten máis información. A cuestión é saber que está a pasar en realidade e se o conseguirá...
Tendo en conta o repetitivo da situación ten a duración xusta para non cansar ao espectador. En cada “viaxe” tanto no tren como na base da que parte descubriremos algo novo, algo distinto e algo que provocará unha certa curiosidade no espectador e ao mesmo tempo tamén interese. Quizais a cuestión da viaxe no tempo, a memoria ou nun mundo informático de bits e códigos fonte non estea demasiado clara. Quizais sexa aquí onde falla un pouco a cousa, fáltalle como dicía algo máis arriba un punto de intelixencia, de desenvolvemento, de explicación que faría que fora moito mellor do que o é, quedándose simplemente un produto entretido e ameno pero que non recordaremos durante moito tempo e ao que tampouco lle daremos demasiadas voltas. Ideal para unha tarde ou noite de cine en casa. Sabe manter a tensión e iso xoga ao seu favor, algunha sorpresa de vez en cando e un desenvolvemento decente da historia. Un thriller aceptable que me gustou, pero que non destacaría por riba de outros moitos do mesmo estilo e factura. Aínda así penso que hai cousas que non están demasiado ben explicadas nin claras, pero non vou dicir cales para non desvelar demasiado.
En canto aos actores imos dicir que se basea nos dous protagonistas e na militar que fala con el a través da pantalla e é a encargada do experimento, coa que chegará a manter unha estreita relación tendo en conta o tempo que están xuntos. El é o actor Jake Gyllenhaal, que me gustou bastante, sabe transmitir o agobio, a tensión, a celeridade da súa misión. Tampouco é que sexa algo fóra de serie, pero está ben. A militar é a actriz Vera Farmiga, tamén bastante convincente. E deixo para o final á protagonista feminina porque non teño claro quen debería ir antes, se o personaxe feminino anterior ou esta, xa que me parece máis importante para o desenvolvemento da historia Colleen Goodwin que Christina Warren, a súa parella no tren. Esta está interpretada por Michelle Monaghan, que para o que ten que facer, que é pouco a verdade, tampouco está demasiado mal, cumpre pero nada máis.
O director é Duncan Jones e esta é a súa segunda película, antes dirixiu “Moon”, unha cinta estraña e interesante, unha desas que é mellor non deixar pasar porque ten algo que fai que mereza a pena. Como curiosidade comentar que é fillo do cantante David Bowie.
Pois aí queda a recomendación. Sen ser unha marabilla cumpre bastante ben a súa función de entreter e ten elementos suficientes para manter a atención do espectador. A pesar da repetición entre cada viaxe introduce elementos novos que farán pensar ao que a ve que consecuencias poderán traer e mantén unha certa intriga. Quizais teña algún fallo argumental e algún elemento levemente previsible que fai que perda algún punto, pero tendo en conta a marabilla de carteleira que temos ultimamente pode destacar un pouco por riba da media.
jueves, 21 de abril de 2011
"Mar de fuego", de Chufo Lloréns


“Isto é o que, en certa medida, pretende tamén a novela histórica: xuntar o rigor da historia coa ficción novelesca. Como novela a súa principal obriga é entreter, pero como relato histórico non pode deixar de lado criterios como o rigor e a veracidade. Isto é o que, humildemente, tentei nestas páxinas que agora se someten á benevolencia dos lectores” Este fragmento sae das notas finais da última novela de Chufo Lloréns, “Mar de fuego”, que será a que vou comentar hoxe.
No ano 2008 chegou ás miñas mans unha novela dun autor descoñecido naquel momento para min. Era una historia que transcorría na Barcelona de principios do século XI que me resultou das máis entretidas e apaixonantes que lin ata o día de hoxe, “Te daré la tierra”. Despois dediqueime a buscar outras novelas do autor e conseguín unha anterior que me gustou tanto ou máis que a primeira, “La saga de los malditos”. Desde ese momento figura como un dos principais autores de novela histórica dentro das miñas preferencias, por diante de outros máis coñecidos ou máis internacionais. Estas dúas novelas xa as comentei nun dos primeiros post deste blog, así que a recensión biográfica vouma aforrar esta vez. Tras ler “Mar de fuego” reafírmome no dito unhas liñas atrás, Chufo Lloréns é un dos meus autores favoritos tanto do xénero histórico como dentro da narrativa, porque gustoume moito e duroume bastante menos do que me gustaría, se ata podo dicir que se me fixo curta.
Cando vin esta novela, de publicación moi recente, non creo que leve nas librerías máis dun mes máis ou menos, díxenme que a por ela e a lela pronto, que xa tiña case a idea preconcibida de que me ía gustar, e esta vez non me equivoquei. Cando a collín para ler a contraportada descubrín un nome que me soaba e entón as miñas ganas foron aínda maiores, Martí Barbany era o nome do protagonista, o mesmo personaxe central de “Te daré la tierra”, así que aínda pintaba mellor. Era unha continuación desta, co cal a primeira idea era a ver que tal estaría, porque moitas veces estas continuacións non son máis que recursos que aproveitan o tirón da primeira para vender máis exemplares, e moitas veces tamén a calidade da continuación non está á altura do esperado. Neste caso non foi así. Tras ler as primeiras páxinas tiña unha sensación interesante, era como se o tempo non pasara e estivera aínda lendo a primeira porque transcorre case nun momento so lixeiramente posterior ao final da mesma. Isto pode ser malo a veces, pero neste caso non o foi, atrapoume desde o principio e custábame deixar a lectura máis dunha vez, pero o cansazo e o sono gañaban a partida algunha vez. Xa hai tres anos que lin “Te daré la tierra” e moitas novelas pasaron desde entón, pero tiña un recordo claro de todo o que pasara, dos personaxes, das situacións, dos momentos pasados, un bo sinal do que me gustara porque moitas das cousas que pasaron nela volveron á miña cabeza cando estaba a ler esta. Non foi necesario estar pensando en quen era tal personaxe, que fixera ou que pasara, estaba case todo tan fresco como se a tivera lido pouco antes. E todos modos para os que non recorden tan ben o autor manexa á perfección ese pequeno problema. Con poucas palabras, momentos puntuais e algunhas situacións nas que algún personaxe recorda o pasado consegue que o lector poida recordar ou entender perfectamente o que está a pasar e a súa relación co pasado, porque iso si, moitas das cousas que van pasar están relacionadas con el. Así que o primeiro que teño que recomendar se non listes a primeira é que o fagades antes, porque están directamente relacionadas e, aínda que non é imprescindible, si é moi necesario para entender o conxunto da historia.
Empezamos a historia con Martí Barbany e a súa muller, a xudía Ruth a punto de dar a luz ao seu segundo fillo. Teñen xa unha filla, Marta, que será unha das protagonistas centrais de moitas das cousas que van pasar. Pero as cousas non saen como todos esperaban, o parto complícase e nai e fillo morren durante o mesmo. Martí, tras todas as penalidades pasadas no seu mundo afectivo decide que nunca máis volverá namorarse ou ter unha relación seria cunha muller. Unha das constantes da súa vida foi sempre a mala sorte nas relacións amorosas, acompañada dunha enorme sorte nos negocios. Agora xa é un cidadán de Barcelona, recoñecido por todos como unha das persoas que máis fixeron pola cidade e o Condado, recibindo sempre o agradecemento tanto dos Condes de Barcelona como dos seus cidadáns. Ao seu lado o sacerdote Eduald Llobet, un elemento central e fundamental da vida de Martí desde os seus inicios e que o seguirá sendo agora. Ao fronte da corte da cidade continúan Ramón Berenguer, Conde de Barcelona, e a súa dona, Almodís de la Marca, pola que tivo que enfrontarse a case todo o mundo pero que ao final conseguiu. Ela é o seu apoio fundamental, tanto a nivel persoal como no goberno, nela delega moitas das cousas e moitas decisións, que parece tomar el, pero ela case sempre está detrás. Con eles Pedro Ramón, o primeiro fillo do Conde e sucesor do mesmo e os xemelgos que coñeciamos da novela anterior, Ramón Berenguer e Berenguer Ramón. Xa se vía que o carácter de ambos os dous ía ser moi distinto e traería consecuencias que agora van ser realidade. Almodís quere conseguir que o sucesor do seu marido sexa o seu propio fillo, Ramón Berenguer, ao que todos queren, un home xusto e nobre que pouco ten que ver con Pedro Ramón, o verdadeiro sucesor por lei. Mentres, o outro xemelgo, Berenguer Ramón, é un home vil, perverso e cheo de maldade e rancor. Isto traerá consigo unha boa cantidade de intrigas, xogos, enganos e situacións que iremos descubrindo pouco a pouco. Tamén estará Delfín, o anano medio bufón da Condesa e, ao mesmo tempo, a voz que lle di as cousas de verdade, aquelas que ninguén se atreve a dicirlle e que continúa con esas estrañas visións premonitorias, case sempre de desgracias. Moitos dos personaxes da anterior novela volverán a esta historia, os capitáns dos barcos de Martí, que agora posúe unha enorme flota, Rachid al-Malik, o árabe que lle descubriu, entre outras cousas, o secreto do temido fogo grego a Barbany, os seus criados... E todo protagonista ten un antagonista, neste caso un misterioso personaxe chamado Bernabé Mainar que quere acabar con Martí Barbany e Eduald Llobet como sexa.
Para min foi como continuar case sen que pasara o tempo, retomar a vida dunha boa cantidade de personaxes que tiña na miña memoria bastante gardados, máis do que pensaba, a verdade, o que penso que é un bo sinal. Lloréns ten unha forma de escribir bastante sinxela para o lector, directa, sen demasiadas voltas nin complicacións, centrado sobre todo na historia e nas situacións e menos nas descricións. Isto non quere dicir que non as haxa, pero consegue que o lector imaxine con bastante perfección case todo sen cansalo con longos parágrafos descritivos. A acción é continua, non para desde o principio ata o final. Quizais esta sexa algo menos complexa que a anterior, máis plana e lineal, pero isto non lle quita mérito. Hai varias liñas de acción que se entrecruzan sempre dun modo claro para o lector. A maior parte da acción transcorre na cidade de Barcelona, un personaxe máis da historia, pero tamén teremos algunha viaxe, por exemplo, a Sicilia. Os personaxes van relacionándose entre eles dun modo sinxelo e crible, aínda que como alguén me comentou, quizais un defecto sexa que poden estar un pouco estereotipados en canto ao comportamento, é dicir, os bos son moi bos e os malos son moi malos, pero aínda baixo esta perspectiva o autor consegue que aparezan ante o lector como persoas reais, polo menos a min pareceume así. E como sempre na súa liña, capítulos curtos que van alternando as distintas tramas, co que atrapa máis ao lector, que sempre quererá saber que pasa a continuación para chegar a momentos nos que todas teñen que ver.
Paréceme que é evidente que, dentro do xénero, gustoume moito a novela. Entretívome moitísimo e como dixen ao principio, duroume menos do que me gustaría, pero tiña que seguir a ler, outro mérito máis do autor, que o lector siga e siga e estea desexando saber que vai pasar a continuación. Non quixen desvelar case nada do argumento, o mellor e poñerse con ela e ir descubríndoo pouco a pouco a medida que un vai lendo, pero a sucesión de acontecementos, de sorpresas, de altos e baixos é continua, sempre está a pasar algo. Desde o meu punto de vista máis que recomendable e imprescindible para aqueles que leran “Te daré la tierra”.
miércoles, 13 de abril de 2011
"El ángel perdido", de Javier Sierra


A novela de hoxe figura nas listas das máis vendidas neste momento no noso país. É a primeira que lin deste autor e, a verdade, é que, dentro do xénero ao que pertence, esperaba algo máis, algo que xustificara toda a expectación e ventas que trae consigo. Xa de entrada vou dicir que non me gustou demasiado, cumpriu lixeiramente coa súa función de entreter nalgúns momentos, pero tras rematala quedei coa sensación de que non me aportou demasiado, posiblemente tendo en conta as ventas tanto desta como das anteriores esperaba algo máis. Non sei se as outras que ten diranme algo máis, pero non teño claro que lles vaia dar unha oportunidade, máis que nada porque teño neste momento máis lecturas pendentes que me chaman máis a atención. O autor é Javier Sierra e a novela titúlase “El ángel perdido”.
A verdade é que non me dera conta de quen era o autor. Hai tempo era afeccionado aos temas que trata habitualmente, e cando lin a biografía dinme conta de que xa o tiña visto, escoitado e lido antes nas súas intervencións en radio, televisión e nalgunhas revistas nas que participou. Naceu en Teruel en 1971 e estudou Periodismo na Universidade Complutense de Madrid. É periodista, escritor e investigador de temas que podemos considerar científicos pero sempre cun tratamento algo especial. Colabora na revista “Más allá de la ciencia” e en varios programas de radio e televisión como “Milenio 3” da SER ou “Cuarto Milenio” en Cuatro. Desde hai uns anos dedícase a viaxar e investigar enigmas do pasado e supostos misterios históricos que considera que non quedaron demasiado claros tras as investigacións máis ortodoxas. Un deses misterios é o que lle serve para boa parte da redacción das súas novelas, como por exemplo, esta última que estou a comentar. Aos dezaoito anos foi un dos fundadores da revista “Año Cero” e sempre estivo relacionado con estes temas que algúns poden considerar científicos e outros non tanto. Varias polémicas circulan ao redor das súas investigacións e as conclusións ás que chega, quizais unha das máis sonadas foi aquela na que defendeu a veracidade do caso Rosswell, aínda que pouco despois demostrouse que a filmación que Sierra consideraba como verdadeira non fora máis que unha falsificación e unha montaxe. Foi o primeiro autor español que entrou na lista dos dez máis vendidos en Estados Unidos, no número 6 en “The New York Times” en marzo de 2006 coa obra “La cena secreta”, editada en máis de 42 países e que leva vendidos máis de tres millóns de exemplares. Así é o segundo escritor español contemporáneo máis traducido tras Carlos Ruiz Zafón. Tamén se di que varias produtoras estadounidenses están interesadas en levar esta novela ao cine. A súa primeira obra narrativa foi “La dama azul” (1998) e desde ese ano publica case unha nova novela cada dous anos. Destacan “La cena secreta” (2004) ou unha versión ampliada e corrixida de “La dama azul” publicada no ano 2008, que recibiu o Premio á mellor novela histórica publicada en inglés nos “International Latino Awards” en Estados Unidos. “El ángel perdido” é, ata o momento a súa última novela, neste mesmo ano 2011.
Julia Álvarez traballa para a Fundación Barrié na restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, buscando explicación a certos deterioros ao mesmo tempo que participa na súa reparación. Durante a madrugada do día de Todos os Santos vai desencadearse a acción, que a levará a participar nunha aventura perigosa e chea de acción. Cando está dentro da Catedral é atacada por un misterioso home, do que so vai poder escapar cando un axente secreto americano entra no templo e fai que o intruso escape. Antes diso sabemos que o marido de Julia, Martin Faber, foi secuestrado por un grupo terrorista islámico, que deixa unha mensaxe dirixida á súa muller, unha mensaxe que en teoría so ela poderá interpretar. O axente que a salva da agresión, Nicholas Allen, será o que lle comunique a noticia do secuestro e tamén vai axudala a interpretar as misteriosas palabras finais do seu home, unha interpretación que se relaciona con certos misterios e unhas raras pedras que eles posúen e que teñen uns poderes fortes e moi importantes para o futuro da humanidade. Tras o tiroteo na Catedral e poñer a salvo á protagonista tamén teremos a un par de policías da cidade e un fabuloso helicóptero que parece que tamén anda na busca da pobre Julia, que vai verse metida entre dous fogos sen saber moi ben a quen crer. Para ela todo é case un misterio incomprensible que vai ir tomando forma pouco a pouco, sen saber ata o final en quen pode ou non confiar, xa que terá que sobrepoñerse a máis dunha sorpresa. De repente temos un impresionante helicóptero capaz de sobrevoar a cidade sen que ninguén o note, nel virán outros homes que tamén buscan a Julia por razóns parecidas, asasinos que acaban con todo o que se lles poña por diante case sen pestanexar e unha poderosa arma que acaba con calquera tipo de aparello electrónico, forma na que conseguen facerse con Julia. De Santiago a Noia e dalí ao monte Ararat nunha viaxe que non a vai deixar nin respirar, cheo de sorpresas e violencia.
Con esta historia entraremos nun mundo relacionado cos anxos, pedras con misteriosos poderes, mitoloxías e lendas de varios e diversos países, o Diluvio Universal visto desde varias tradicións, anxos caidos, Gilgamesh, Noé e o Arca, o monte Ararat, o cristianismo e varias cousas máis que non vou mencionar directamente para non desvelar demasiado da trama. Realmente é unha mistura de moitas cousas, quizais demasiadas, que fan que por momentos o lector poida andar un pouco perdido. Perdido non so por todo isto, senón tamén por un certo baile de personaxes, de identidades, de persoas que non son o que din ou parecen ser, por proxectos secretos do goberno dos Estados Unidos, ata o presidente deste país é un dos personaxes da trama. FBI, CIA, NSA e varias axencias máis coñecidas e descoñecidas aparecen intervindo na historia. E de fondo todo ese tipo de temas ocultos e esotéricos que tanto lle gustan ao autor. No seu traballo de investigación incluso chegou a viaxar ao monte Ararat para poder ver directamente o que se coñece como a “anomalía do Ararat” que é un dos elementos centrais da historia.
A verdade é que me decepcionou a novela, que en certos momentos ata me pareceu caótica no seu desenvolvemento, tanto que pode facer que o lector ande algo perdido entre toda esa morea de acción, personaxes e información de tantas fontes distintas e tradicións distintas aínda que relacionadas. Como non lin ningunha das anteriores non sei se é mellor ou peor, pero certo é que levantou gran expectación e teño claro que o márketing, con presentacións en varias cidades españolas, firmas de libros e actos dese tipo funcionou moi ben para convertela neste momento nunha das máis vendidas por estes lares. Esperaba algo máis, por non dicir moito máis, que aportara algo a un xénero no que hai algunhas cousas que destacan por riba da media. Penso que non aporta demasiado e é case unha mistura de elementos que podemos atopar noutros autores. Pode lerse case como un cómic, unha historia de aventuras fantásticas que pode chegar a entreter a lectores non demasiado esixentes. Coñezo a máis dunha persoa que comparte opinións parecidas á miña, incluso varios que a deixaron sen rematar, cousa que eu de momento non fago, pero estiven preto de facelo. Ademais incluso podería atopar algún problema de carácter xeográfico no desenvolvemento da acción no que se refire á cidade de Santiago ou a Noia. Os personaxes, quizais sacando á protagonista, parecéronme demasiado tópicos, e os que máis os que aparecen en Galicia, tanto os policías como os dous sacerdotes que aparecen relacionados coa Catedral. Creo que aínda lle darei outra oportunidade e nalgún momento collerei “La dama azul” para poder comparar esta de hoxe con algunha das anteriores que tanto éxito tiveron, pero tamén teño que recoñecer que será unha lectura mediatizada por esta de hoxe. Penso que neste caso non a recomendaría, sobre todo porque hai moitas cousas máis interesantes e apetecibles que ler, a verdade, pero evidentemente esta é unha opinión completamente persoal, e non todos pensamos o mesmo.
jueves, 7 de abril de 2011
"Fundación Libélula", de Yashmina Shawki


Hoxe vou escribir algo dunha novela editada recentemente en galego e que non sei se aparecerá en castelán, aínda que penso que é probable, xa que a súa autora ten publicadas obras en ambos os dous idiomas. Por outro lado é a primeira vez que teño a oportunidade de comentar unha novela dunha persoa á que coñezo, ou máis ben, coñecín alá polos tempos da adolescencia e xuventude e da que hai tempo que non sei nada de xeito persoal, cousas da vida que te levan por camiños distintos. A autora é Yashmina Shawki e a novela titúlase “Fundación Libélula”, editada hai pouco por Xerais.
Yashmina Shawki naceu en Vigo, de nai galega e pai kurdo. Os seus estudos alternaron entre a súa cidade de nacemento e a cidade de Baghdad, onde pasou unha temporada nesa etapa da súa vida. Logo volveu a Vigo e licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela en Dereito en 1992 e ao ano seguinte en Historia Contemporánea. Despois dedicouse a dar conferencias e escribir artigos periodísticos, sobre todo centrados en temas relacionados con Oriente Medio, ademais de colaborar en varias revistas. Tamén publica un artigo de opinión de xeito semanal nas páxinas de “La voz de Galicia” e colabora no programa radiofónico “Al final del día” de Radio Voz. De momento a súa produción literaria ten tanto obras en castelán como en galego. En castelán “Kurdos, destino libertad” (2007), en galego “Contos ao carón da lareira” (2007) e a novela obxecto deste comentario. Nunha entrevista feita a raíz deste libro di que está preparando dúas novelas máis, unha en castelán e outra en galego.
“Fundación Libélula” é unha novela curta, de pouco menos de cen páxinas que tanto por extensión, contido e forma de desenvolverse non sei se falar dela como novela, relato ou como un conto, xa que moitas veces a fronteira entre estes xeitos de narrar é difusa e complicada.
Vainos contar a historia de catro mulleres que establecerán unha certa relación, tres delas terán á outra como nexo de unión. Unha historia que transcorre na cidade de Vigo, mencionando en varias ocasións lugares que o residente nela poderá recoñecer, imprimíndolle máis realidade á historia que nos vai contar. O nexo de unión é unha avogada, María Xosé Muradas, unha muller decidida, valente e que é capaz de enfrontarse con case todo. Ten unha vida acomodada, aínda que ao longo da historia veremos como hai cousas contra as que non se pode loitar moitas veces, queira un ou non. Unha das cousas que máis lle preocupan e contra a que está disposta a loitar de todos os xeitos posibles é a violencia de xénero, en calquera das súas manifestacións, que será o que a leve a crear esa “Fundación Libélula” que da título á novela. Ao redor dela e da súa vida aparecerán tres casos de mulleres en situacións precarias e cada unha cunha historia distinta, pero todas elas duras, tristes e complicadas. Ela será a que tente axudalas para saír, ao igual que fixo antes con outras, desas vidas que as oprimen e que poden acabar con elas. Preséntasenos a Gladys, unha inmigrante ilegal enganada para traballar como prostituta nun club, sen documentación, somerxida nun mundo de explotación sexual e violencia. Helena é unha rapaza nova que ten que facerse cargo dos seus irmáns, xa que a súa nai é unha muller violenta, drogadicta e alcohólica, unha situación coa que terá que loitar día a día con máis escuridade que luz e que ademais é moi consciente de que ten que facer algunha cousa, estuda e quere conseguir algo que a faga escapar, tanto a ela como aos seus irmáns, desa situación. E logo está a Laura, casada, con fillos, cun marido lacazán e que non fai nada, ademais de que ten que vivir co seu cuñado e os seus sogros, cunha sogra que a martiriza, aínda que ela sexa case o sostén da familia. Todas elas, en certo momento, entrarán en contacto con María Xosé que recorrerá a todo para botarlles unha man, tres historias que a levarán a remover ceo e terra para axudalas a saír da vida na que están e tamén a esa “Fundación Libélula” que terá como obxectivo axudar a mulleres en situacións precarias sexan do tipo que sexan. Axudalas a escapar desas vidas que levan e ter outras moito máis dignas e salvadoras, porque o merecen.
A novela gustoume bastante, aínda que penso que a súa brevidade por un lado é un pequeno defecto e por outro unha virtude. Ao principio dicía que non tiña claro se falar dela como unha novela, un relato ou un conto. Por un lado a súa extensión réstalle complexidade, unha complexidade que ao mellor a autora tampouco considerou necesaria para reflectir aquilo que pretendía. Cando se tratan estes temas, ademais, é sinxelo caer nunha sucesión de tópicos e lugares coñecidos por outras vías, tanto da literatura como do cine ou a televisión, ou simplemente das noticias, por desgraza, case diarias, que tocan este tipo de temas. Tamén pensaba nun conto porque todo transcorre demasiado rápido, transitando dunha situación a outra case sen unha continuidade no relato e cunha resolución das cousas ao mellor algo idílica por momentos. As duras historias das catro mulleres quedan ben narradas con poucas palabras, centradas en catro ou cinco situacións case puntuais que fan que o lector poida supoñer o conxunto desas terribles vidas que levan. Penso que Yashmina quixo que o lector tamén puxese algo da súa parte e non darlle todo, que imaxine, que pense e reflexione sobre a vida desas mulleres que representan a moitas outras, reais, que levan vidas iguais ou peores en case todos os recantos do mundo, pero tamén ao noso lado, nos mesmos edificios nos que nós levamos as nosas. Por outro lado, aínda que sabemos que non o é, a historia transcorre con demasiada rapidez, as cousas parecéronme quizais demasiado sinxelas na súa resolución, ao mellor tamén porque non está nada mal un pouco de optimismo nestes temas, sempre tratados dun modo duro, escuro e cuns finais case sempre tráxicos e violentos. Ao mellor esta é outra virtude, dar un pouco de esperanza, de facer pensar que as cousas non sempre van mal ou a peor, que é posible con algo de vontade, traballo e sorte que moitas destas mulleres poidan rematar esa vida que non o é para poder comezar, ter un novo principio de vida digna e con eses momentos de felicidade da que todos gozamos ao longo das nosas vidas.
Creo que é unha novela recomendable e pensando como docente, podería ser un bo libro para a súa lectura en certos niveis dos nosos centros de ensino, pois pensando nese tipo de lectores e lectoras a súa brevidade xa xoga, e moito, ao seu favor (que lle imos facer, cando pos un libro para que lean o primeiro que preguntan é cantas páxinas ten, e como teña máis de duascentas podes ver caras de auténtico pánico). Por outro lado penso que é unha historia que lles pode interesar, que pode ensinarlles algo e facerlles reflexionar, sobre todo porque creo que unha boa maneira de rematar con este tipo de situacións é a educación. De todos modos e como dixen ao principio eu recomendaría esta novela dunha autora quizais non demasiado coñecida que tenta facerse un oco no panorama literario galego, e sempre está ben que aparezan estas novas novelas, pensadas e escritas en galego.
sábado, 2 de abril de 2011
"The Defenders"
Esta estaría dentro das series nada máis que entretidas, sen moitas máis pretensións que esa, que como teño dito, se o consegue, xa é bastante. Non é como outras que saíron xa por aquí dentro da mesma temática. Non estamos a falar dun gran bufete de avogados con todos os medios posibles e enfrontándose ás grandes corporacións, ás empresas de todo tipo ou a casos que vaian rematar no Tribunal Supremo. É algo moito máis cotián e case pedestre, con casos pequenos e delitos que non van rematar saíndo nos periódicos. E tampouco temos a unha morea de avogados e avogadas pululando por aí, axudando a gañar o caso; tampouco temos a intelixentes e espabilados investigadores que atopan sempre a solución ao caso para que o avogado gañe e o seu cliente saia libre. Non, estamos simplemente ante dous avogados dun pequeno bufete, axudados por unha avogada nova e novata e unha secretaria, digamos, algo especial. Os casos serán, normalmente, pequenos delitos, roubos (nun dos últimos que vin alguén roubaba os zapatos de gamuza azul de Elvis), estafas de rango medio, débedas económicas, algún asasinato..., todos casos cos que se pode atopar un avogado normal, porque iso é o que son. Son normais, non buscan a fama aínda que si o diñeiro, claro, que lles é necesario para vivir. Anúncianse en grandes letreiros da cidade, buscan clientes nos xulgados e de vez en cando aparece un bo cliente que lles vai deixar algo de diñeiro para soster o despacho. Este quizais sexa un dos aspectos que fai que sexa distinta, a forma de tratar a temática legal, dun xeito moito máis simple, real e cotián que a maior parte das demais, sempre moito máis grandilocuentes e espectaculares no tratamento dos casos legais. Quizais este sexa un dos aspectos polos que me gusta e me entretén.
Os dous protagonistas son, ademais, ben distintos no seu carácter, forma de comportarse e de facer as cousas, tamén na forma de ver a vida. Un é máis serio, formal e preocupado polo seu divorcio e o seu fillo, e o outro, que é máis novo, é máis golfo, ligón, xogador e gastador. O maior dos dous é Nick Morelli, case o fundador do bufete, traballando para soster o negocio e a súa familia, divorciado da súa muller (aínda que non contento coa situación) e cun fillo ao que ve algo menos do que desexaría. O novo é Pete Kaczmarec, atractivo, con elegancia e estilo, preocupado dos seus clientes, pero tamén de gozar da vida o máis posible; xoga, bebe, sae e ata nalgunha ocasión é capaz de liarse con algunha clienta. E traballando con eles a novata Lisa Tyler, unha rapaza nova á que contratan para que lles bote unha man; traballaba como bailarina de striptease nun club para pagarse a carreira e eles, tendo en conta o seu pasado, foron os únicos que lle deron traballo. Zoey Waters é a secretaria, sempre ben maquillada e pendente de case todo o que pasa, tendo que intervir máis dunha vez nos casos e nas investigacións. Estes catro levan o peso dos argumentos, xa que o resto, en xeral, cambian en cada episodio.
E a cidade na que transcorre a acción e outra das protagonistas. Se fixeramos de novo unha clasificación das cidades americanas que máis saen no cine e na televisión sen dúbida a primeira sería Nueva York, e tamén sen dubidalo a segunda, e moi preto da anterior, sería Las Vegas. Así é, son dous avogados que teñen os seu despacho nesta espectacular cidade, que funciona como un personaxe máis xa que é a que provoca a maior parte dos casos que teñen que defender. Moitos deles relacionados con estafas a casinos, débedas de xogo, casos de prostitución, detencións ilegais, algún asasinato (claro, non podían faltar), divorcios...; como dicía hai unhas liñas as cousas que deben de pasar nesta cidade a todas horas e todos os días, a cidade que nunca dorme é o que ten, que da pe para moitas cousas.
No que se refire aos actores os dous protagonistas son ben coñecidos, cunha boa cantidade de cine e televisión no seu currículum, algunhas destacables e moitas non tanto, pero sempre gardando unha certa liña no sentido de entretemento e comedia. Nick Morelli é un actor moi coñecido, James Belushi, un veterano nestas lides que empezou na televisión a finais dos anos setenta, dela pasou ao cine durante unha boa temporada con películas bastante coñecidas e tras unha época algo escura volveu á televisión, na que parece terse instalado definitivamente, aínda que tamén con altibaixos. Antes participou no programa de comedia máis famoso da televisión americana, “Saturday night live”, unha auténtica fábrica de actores cómicos. A min paréceme un bo actor para este tipo de cousas e aquí está bastante ben, a verdade é que para min é o que leva o peso de case todo o que pasa e é o centro da maior parte das historias. Pete Kaczmarec é o actor Jerry O´Connell, tamén moi coñecido de cara que pasou moito tanto polo cine como pola televisión. Curiosamente buscando datos dinme conta de que era un dos protagonistas dunha das películas que teño entre as miñas favoritas, “Cuenta conmigo”, cambiou tanto que non o recoñecera, que a película esta é do ano 1986. Tamén está bastante ben nese papel de golfo simpático que lle da un pouco o contrapunto ao seu socio, que ten que sacalo máis dunha vez dos problemas nos que se mete. O resto son actores moito máis descoñecidos.
A serie como dixen ao principio non está mal, non podemos incluíla dentro das destacables e con calidade pero ten bos momentos e fai que un estea entretenido e sorría máis dunha vez ao longo de cada capítulo. Algunhas situacións poden ser algo ridículas, pero están tratadas tentando darlle un certo aire de realidade e verosimilitude. Os casos, ao mellor por ser distintos aos da maioría das series, son amenos e interesantes, case sempre con algunha sorpresa no seu desenvolvemento e facendo que ambos avogados teñan que ser inxeniosos e áxiles para conseguir a liberdade dos seus clientes. Polo medio temos as cousas deles, os problemas familiares e persoais de Nick e os líos nos que se mete Pete, que lle dan tamén algo máis de interese á serie. Capítulos de corenta minutos nos que prima, como dixen, o entretemento sobre as cuestións legais, un pequeno xiro para tentar facer algo distinto que convenza ao espectador. Ten bos momentos e sabe conseguir a atención, así que é recomendable para alternar con esas outras que ao mellor son máis serias, máis dramáticas ou teñen máis calidade. Un postre saboroso para rematar unha boa comida, por exemplo; ou algo para picar cando un non ten demasiada fame. Espero que vos resulte, polo menos, tan entretida e divertida como a min, xa me diredes.
Non atopei vídeo en castelán, así que queda en inglés, ademais deste outro que é un anuncio dos avogados reais nos que, máis ou menos, basease a serie.
domingo, 27 de marzo de 2011
"Huérfanos del mal", de Nicolás D´Estienne D´Orves

Moitas son as novelas que aproveitan feitos históricos para desenvolver a partir deles relatos que misturan a realidade e a ficción. Esta fórmula pode darnos novelas realmente entretidas e outras que non o son tanto, algo que sempre depende da mestría do autor para cativarnos coa historia que nos está a relatar e cos seus personaxes. Moitas son tamén as que aproveitan certas épocas que, aínda que bastante ben coñecidas, deixaron moitos feitos, datos ou momentos ideais para que o autor deixe voar a súa imaxinación e a dos seus lectores. E unha das épocas que podemos dicir que máis aproveitan isto que estou a dicir é a Segunda Guerra Mundial e todo o que ten que ver cos nazis, as súas ideas, comportamentos, experimentos, etc. De todas as que hai, que son moitas, penso que poucas son as que realmente merecen a pena e destacan por riba da media. Unha das que máis recordo é “Os nenos do Brasil”, que deu lugar tamén a unha desacougante película; menciono esta porque podemos dicir que está moi relacionada coa que vou comentar hoxe, aínda que penso que non está para nada á mesma altura. É evidente que todo o que ten que ver con este tema pode dar lugar a novelas de ficción, algunhas máis preto da realidade que outras, pero é un mundo moi fértil para a literatura. Aínda así creo que me quedo con aquelas que teñen máis de histórico que de ficticio, aínda que estas segundas non están mal para pasar un bo rato. A novela de hoxe é “Huérfanos del mal”, de Nicolas D´Estienne D´Orves e xa digo que, en varias cousas, recordoume moito á que mencionei antes, aínda que esta comentada hoxe cae nalgúns momentos, para min, en aspectos demasiado fantásticos que penso que estropean algo unha novela que non está mal de todo.O autor é francés, nacido en 1974. Licenciado en Filosofía e Letras pola Sorbona e especializado en literatura moderna. Pasouse ao mundo do periodismo, colaborando en varias revistas e diarios do seu país. No ano 2001 comezou a súa carreira como escritor. No 2002 gañou o premio “Roger-Nimier” pola súa novela “Othon ou l´Aurore immobile” e no 2003 o premio Jacques Bergier con “Fin de race”. Ten publicadas oito novelas de ficción e tres ensaios. Unha das súas grandes afeccións é a música, sobre todo a clásica e a ópera, algúns ensaios tratan sobre este tema e ten un blog centrado no mundo da música. “Huérfanos del mal” é o resultado de dous anos de investigación sobre o tema, foi unha das novelas máis vendidas en Francia no ano da súa publicación, o 2007 e tamén tivo boas ventas nos demais países nos que se publicou.
A historia transcorre en tres épocas distintas, alternando entre elas pero evidentemente todas relacionadas por algo. Parte dunha idea real do militar nazi Himmler, os “Lebensborn”, unha especie de clínicas onde buscaban os nacementos de alemáns de pura raza aria, usando homes e mulleres de raza “pura” para conseguir aos homes e mulleres que dominarían o mundo cando o III Reich triunfara. Así temos unha serie de personaxes que desenvolven a súa historia a partires de 1938, outros ao redor de 1987 e a historia actual, que transcorre no 2005. Nesa época actual temos á protagonista da novela, Anaïs Chouday, unha rapaza nova que traballa como periodista e novelista para outras persoas a través dunha editorial. Un día recibe a chamada do seu xefe para comentarlle que ten para ela un encargo moi lucrativo, unha cantidade que non vai poder rexeitar. Todo para escribir un libro sobre eses “Lebensborn” por encargo dunha persoa algo misteriosa. Así coñece a Vidkun Venner, un holandés fascinado pola Alemaña nazi, comprador de todo o que teña que ver con ela, coleccionista e millonario. A súa casa é un auténtico museo de cousas do nazismo e o seu comportamento está cheo de preguntas sen resposta. En realidade o que quere é que Anaïs o axude a investigar catro misteriosos suicidios que sucederon en Alemaña, todos o mesmo día e da mesma maneira e que teñen que estar relacionados. Ademais as autoridades silenciaron todo o asunto, outra cousa que molesta ao señor Venner, que recibiu unha caixa con catro mans cortadas que parecen pertencer a esas catro persoas. Nun principio dubida de meterse nese asunto, que ademais a medida que avanzan os días, parece máis perigoso, pero pouco a pouco a súa curiosidade e a fascinación que exerce sobre ela este personaxe farán que se vexa inmersa nunha historia que supera calquera cousa que puidera imaxinar. Comezarán unha viaxe por varias zonas de Francia e Alemaña que parecen ter relación con estas catro persoas e descubrirán outros misteriosos asasinatos sucedidos no pasado que tamén parecen estar relacionados con eses suicidios. A isto sumamos as desaparicións tamén en Alemaña de varios nenos diminuídos psíquicos que traen á policía de cabeza. Pouco a pouco irán aparecendo na súa investigación moitos dos elementos máis importantes do nazismo da Segunda Guerra Mundial, relacionados directamente con todo o que van a descubrir, poñendo máis dunha vez a súa vida en perigo. Cada paso que dan achégaos máis á verdade, unha verdade aterradora. A todo isto lle podemos sumar que Anaïs ten unha moi mala relación co seu pai, a intervención de Clément, un medio noivo que ten e a atracción que cada vez é máis forte polo señor Venner, que esconde máis do que parece, algunhas cousas sabidas e outras non tanto.
A novela é entretida e non está mal. Consegue que o lector queira saber cada vez máis que é o que está a pasar. Vai alternando entre as tres épocas e historias para ir tecendo un pano de horror e experimentos con seres humanos. Personaxes misteriosos que pouco a pouco van desvelando os seus misterios, cambios de identidade, fuxidas e bastante movemento. Os dous protagonistas, Anaïs e Vidkun son bastante interesantes e están ben deseñados. A intriga está ben montada e iremos pouco a pouco descubrindo cousas, algunhas esperadas e outras non tanto, que algunha sorpresa ten. Nalgún momento hai que prestar atención ao baile de personaxes entre as tres épocas, máis que nada para non perderse entre algúns cambios de nome e cousas parecidas. Os personaxes históricos, que son varios, todos eles relacionados directamente co nazismo, tamén están ben metidos dentro da trama e, se temos en conta que di que estivo dous anos investigando, responden bastante á realidade que podemos coñecer doutras novelas ou da propia historia. E o resto dos de ficción son todos bastante bos e teñen parte importante na historia. Aínda así hai algúns dos principais que non terminaron de convencerme completamente, como se lles faltara algo, como se a súa forma de comportarse ou actuar non estivera clara de todo para o lector, pero non vou dicir cales, por suposto.
A novela non está mal, aínda que non deixa de ser unha máis das moitas que hai sobre o mesmo tema. Eu diría que estaría nun termo medio, con algunhas cousas destacables e outras non tanto. Para os afeccionados a ese tipo de tramas ou época histórica pode ser máis atractiva e interesante pero creo que non aporta demasiado. Ademais para min ten un gran problema, dito desde a miña perspectiva e gustos, e é o final. Durante todo o desenvolvemento da novela asistimos a unha historia máis ou menos crible, coas súas cousas claro, pero podemos dicir que verosímil. Pero as últimas páxinas decepcionáronme un pouco, non vou comentar nada directamente, pero non era a explicación final que esperaba para as cousas que pasaron ata chegar a ese momento. As veces teño a sensación de que hai autores aos que os finais, a resolución, se lle escapan algo das mans e non saben moi ben como dar unha explicación a todo o que pasou (algo que as veces tampouco é imprescindible) e optan por solucións algo “peregrinas”. Pois algo así me pasou con esta, foi un final decepcionante e unha explicación da trama que penso que non se corresponde co desenvolvemento, pero iso é algo que teredes que descubrir vós mesmos, ademais de ver se coincidides comigo ou non. ¿Recomendable? Ben, so a medias, para pasar un rato entretido, algo intrigado e tentando xuntar as pezas dun puzzle bastante ben feito. Espero as vosas opinións.
domingo, 20 de marzo de 2011
"Lentejuelas", de Gary Jennings



Hoxe outra novela, e ademais é a terceira vez que unha obra deste autor aparece por aquí, así que esta vez remítovos á biografía que apareceu no primeiro dos comentarios. Como dixen naquel momento un autor ao que non coñecía de nada e que chegou a min por un préstamo dunha amiga, que me deixou “Azteca” de Gary Jennings. Este autor está especializado no xénero histórico e as dúas novelas que tiña lidas del antes da de hoxe xiraban ao redor da civilización azteca e a época da conquista dos españois. Gustáronme moito, por un lado por ser unha realidade relativamente descoñecida e por outro porque están moi ben escritas, dun xeito moi fluído e ameno, que para min son dúas cousas fundamentais neste xénero, sobre todo porque soen ser novelas extensas, que poden caer en facerse pesadas para o lector, defecto que non teñen as de Jennings. Tamén escribín naquel momento que pensaba ler todas as que tiña escritas e a de hoxe será a terceira, o resto pouco a pouco, que hai que ir alternando autores, xéneros e demais.
Neste caso a novela titúlase “Lentejuelas” (publicada no ano 1987 e reeditada en 1995), título que ven porque o núcleo da historia transcorre no mundo do circo. Creo que é a primeira novela que leo relacionada con este mundo e todo o que xira ao seu redor. Nese sentido temos xa a primeira curiosidade, todos os protagonistas da historia pertencen ao mundo circense, un mundo hoxe algo en decadencia pero que tivo momentos de grande importancia antes da chegada doutros entretementos populares. Falamos do circo tradicional, o de toda a vida, o dos pallasos, saltimbanquis, equilibristas, malabaristas, xinetes, domadores...; ese que todos os que temos, penso eu, máis de corenta anos, temos visto máis dunha vez na nosa infancia e do que, polo menos eu, gardamos un bo recordo. Un recordo algo difuminado, porque o último que vin xa hai anos, daba auténtica pena e tristeza e pouco tiña que ver co da miña infancia, moito máis colorido, animado e espectacular. Con esta escusa o autor vai desenvolver unha historia centrada nos últimos anos do século XIX contándonos de paso a maior parte dos acontecementos históricos importantes do mesmo. Nun comentario anterior referido á última novela de Umberto Eco xa dicía que nalgunhas situacións e historias coincidía con esta, tendo momentos practicamente idénticos, sobre todo na parte que en ambas novelas transcorre no París de finais do XIX, xa digo que esta de hoxe me entretivo moito máis.
A historia comeza en Estados Unidos ao remate da Guerra de Secesión con dous soldados confederados que non saben demasiado ben que van facer coa súa vida agora que rematou a guerra e eles, ademais, están no bando perdedor. Son o Coronel Zack Edge e o seu amigo, o sarxento Obie Yount. Ao pouco de comezar a historia atopan a Brutus, un elefante que parece perdido pero non, pertence ao “Florecente Florilexio das Maravillas de Florián”, que é o rimbombante nome do circo do tal Florián. Con un pequeno circo ambulante que anda polos Estados Unidos escapando da guerra e bastante mermado, pero aínda así as súas funcións en pequenas cidades teñen un certo éxito, sobre todo polo mérito dos seus artistas. Así os dous soldados pasarán uns días con Florían (o director do circo); Tiny Tim Trimm (o anano); Monsieur Roulette (acróbata e ventrilocuo francés); o Capitán Hotspur (xinete e domador holandés); Abdullah (malabarista e coidador do elefante, elefanta en realidade, e chámase Peggy); Madame Solitaire (xinete acrobática) que ademais ten unha filla que segue os seus pasos, Clover Lee; Magpie Maggie Hag (unha viúva, adiviña e española); o Salvaxe da Selva, o león Maximus (un pobre animal que resiste máis mal que ben, pero aguanta)... Por suposto, todos estes nomes son artísticos, cada un ten o seu de verdade, pero case non os usan. Estes son os que conforman o circo inicialmente, pero a medida que avance a historia veremos como algúns por causas diversas (violentas moitas, a verdade), van desaparecendo e aparecen outros, case en cada país no que paran temos algún novo. Os dous militares non teñen nada claro o seu futuro, e ademais teñen cabalos, algo que Florián considera máis que interesante para engadilos ao seu espectáculo, necesitado de máis animais para poder dar unha función polo menos decente. Así que estes dous decidirán marchar co circo, case primeiro en plan de proba, pero xa veremos como sobre todo o Coronel Edge será un dos personaxes fundamentais, descubrindo moitas facetas súas que descoñecía, sobre todo a de valer para actuar nun circo diante do público. Así, como ademais ten armas e é un bo tirador, Zack pasará a ser coñecido como o tirador do circo, o Coronel Ramrod encargado de espectáculos de tiro ao branco; e o sarxento, un home de bo tamaño, pasará a ser o forzudo, o Facedor de Terremotos, con números moi aparentes, pero todos con truco, claro. A partires de aquí van a actuar polos pobos por onde van pasando, pero as cousas non están ben nesa zona do país e o obxectivo de Florián é marchar a Europa, o sitio onde ten que triunfar un circo de verdade, sobre todo en París.
Pero el sabe que necesita novos números, novo material e, sobre todo, diñeiro e esas pequenas actuacións serán as que lle poidan dar esas cousas. Unha das cousas que farán que se decidan a marchar con eles será o asasinato de Abraham Lincoln, xa que pensan que as cousas vanse poñer algo feas, así que como se lles ofrece unha boa oportunidade, deciden aproveitala e alá van. Non saben nada do circo, nin de actuar nin de finxir, pero todos van acollelos e axudalos, facendo bo o dito de a gran familia do circo. Ao principio case non teñen nin para comer, pero polo menos teñen un teito e alguén con quen falar. Van pobo tras pobo e recollen xente que lles pode valer para actuar con eles e aumentar a espectacularidade e sobre todo o cantidade de números, xa que van un pouco xustos. Recollen a Abner Mullenax, que lles vai traer unha das máis grandes atraccións do circo, un globo aerostático e uns porcos amestrados, así que será Barnacle Bill e os seus salvaxes xabaríns de Tasmania (xa veremos como a maior parte do espectáculo non son máis que deformacións fantásticas da realidade para atraer ao público). Nunha casa señorial do sur van “rescatar” á tía Phoebe Sims, a cociñeira negra da familia, e as súas trillizas e un neno, que pasarán a formar parte do espectáculo como “os hotentotes felices” ou tamén elas serán “as tres pigmeas brancas”, que case todos valen para máis dunha cousa, e que, en realidade chámanse Domingo, Luns e Martes. A sorte fai que atopen escondido un furgón cheo de diñeiro ianqui, aí estará o seu pasaporte para Europa. Antes, recollen a dúas mulleres máis que actuaban noutro circo como equilibristas, Pementa e Paprika. O seu camiño polos Estados Unidos remata en Baltimore, onde collen un barco a vapor que vai levalos a Livorno, Italia. Antes tamén van unirse a eles tres chineses que atopan de casualidade e que non falan nada máis que o seu idioma, pero aínda así van ir con eles. E aquí comeza unha viaxe chea de aventuras, perigos, alegrías, dramas, tristezas, intelixencia para resolver os problemas que se lle van presentando e participando en case todos os importantes acontecementos da historia de Europa desa época. Pasarán por Pisa, Florencia, Siena, Bolonia e algúns sitios máis deste país. De aí pasarán, escapando dos conflitos bélicos a Austria, Baviera, Munich, pasarán unha boa temporada en Viena..., Budapest e chegarán incluso a Rusia, actuando en Kiev, Moscova ou San Petersburgo. Todo está pensado para rematar en París, o lugar que Florián considera o berce do circo e onde debe triunfar todo circo que queira ser coñecido e recoñecido. E así chegarán a París, onde transcorre boa parte do final da historia. No medio moitas cousas pasan e de todo tipo, fuxidas, mortes, nacementos, enfermidades..., a verdade é que non paran de pasar cousas e a historia e, como mínimo, movida. Gran cantidade de personaxes históricos terán relación con eles, todos moi coñecidos, pero iso é mellor que o leades, que eu non volo vou contar, sería demasiado.
A novela é amena e entretida, aínda que non me gustou máis que “Azteca” e penso, por outras opinións que lin, que non é a súa historia máis destacada. Aínda así a cantidade de datos que nos vai dar é enorme e todos ben metidos dentro da historia. A min no se me fixo longa nin pesada, aínda que as veces toda a historia dos ensaios, do montaxe e desmontaxe do circo pode facerse algo lenta e repetitiva. Tamén resulta interesante se un quere saber algo máis de como se forma un artista de circo, dos seus trucos e costumes, dos ensaios e a creación de novos números. Neste sentido pareceume moi interesante, aínda que un ten que ter algo de interese polo tema, porque senón pode cansar un pouco. Dicir que é un autor que sempre documenta moi ben as súas novelas. Para esta estivo traballando nun circo por Europa durante bastante tempo, así que sabe de primeira man o que está a contar, e nótase. Sigo pensando que é un autor que escribe moi ben e consegue atrapar ao lector no seu fío, ou no seu montón de fíos, porque neste caso hai unha boa cantidade de personaxes e historias cruzadas, aínda que todos están nun círculo pequeno. Os datos históricos están moi ben metidos dentro da historia, aínda que a parte que transcorre en París, con a guerra entre Francia e Alemaña quizais sexa algo longa de máis, ao mellor porque tamén está ao final da novela. Veremos como ese pequeno circo que non é nin de provincias vai crecendo ata chegar a ser un gran circo, famoso e que enche a carpa por Europa adiante todos os días, un proceso que está moi ben contado. Haberá de todo ao longo da historia, nese sentido é ben variada e ten momentos para todo, para rir, para tremer de angustia, para a tristeza e tamén para máis dunha morte que podemos cualificar en varios casos, de moi violentas e pouco agradables. Algo que xa vin nas outras dúas novelas, as mortes violentas soen ser bastante “chamativas” por dicilo dalgunha maneira. Tamén destacaría a súa capacidade para a descrición en poucas liñas. Chéganlle poucas palabras para reflectir monumentos, cidades, traxectos, domina perfectamente o tema e con dous trazos é capaz de facer que o lector imaxine á perfección calquera das cousas que describe.
A min gustoume bastante, e entraría dentro das recomendadas en, digamos, segunda liña, máis que nada porque como digo algo máis arriba todo este mundo circense pode chegar a ser algo repetitivo e se non é algo que te chame a atención pode perder interese entre todo o que ocorre na historia. Os personaxes están todos moi ben, pero dous destacan por riba de todos. O primeiro é Florián, un francés metido a director de circo, sempre disposto, sempre preparado para afrontar calquera problema con unha solución intelixente e rápida, que vale para todo e todo o fai ben, o seu soño é converter ao “Florilexio” nun dos máis grandes circos da época e que a xente o recorde pasados os anos. O outro protagonista central e o Coronel Edge, que formará parella con Florián e descobrirá que vale para moito máis do que el pensaba e que no seu interior leva un home do circo e do espectáculo, aínda que tardará algo en darse conta. Ao redor deles unha boa cantidade de personaxes moi peculiares; penso que merece a pena que os coñezades, e que se me facedes caso vos guste, claro.
domingo, 13 de marzo de 2011
"Ladrón de guante blanco"


Volvemos á televisión, que xa ían varios libros e algunha película seguidas, así que hoxe vai tocar unha serie relativamente recente, aínda que están a emitir neste momento a segunda temporada en Fox, e penso que aínda non pasou polas outras cadeas, pero anotádea porque merece bastante a pena. Chámase “Ladrón de guante blanco” (“White collar” en inglés, unha expresión que pode usarse para referirse a traballos feitos con elegancia e estilo, máis ou menos).
Parece o de sempre, pero penso que ten elementos orixinais suficientes como para vela con moito agrado. Nalgún comentario anterior falaba de que hai series boas, medias e directamente malas. Esta estaría nun posto intermedio entre boa e media, non ten a orixinalidade, estilo ou outros elementos para estar dentro do primeiro grupo, pero ao mesmo tempo ten elementos bastantes como para situala algo por riba de moitas do mesmo estilo. Tamén introducía unha categoría propia, a de televisión de “palomitas”, pois agora vou dividila en dous, as que son feitas no microondas e as que poden facerse na tixola, escoitando como estoupan e van crecendo, que hai que recoñecer que están moito máis boas. Pois esta de hoxe estaría dentro desta categoría, a das “palomitas” de verdade, as que merecen a pena.
Entra dentro do xénero policial pero non é exactamente unha serie de policías, os protagonistas son un ladrón de alto nivel centrado en estafas e obras de arte e un axente do FBI. Os creadores da mesma admiten que se inspiraron nunha coñecida película de Steven Spielberg con Leonardo DiCaprio e Tom Hanks como protagonistas, “Atrápame si puedes”, unha cinta na que DiCaprio interpretaba a un estafador profesional que era capaz de facerse pasar por calquera cousa e Hanks era o axente que o perseguía por case todo o mundo, moi entretida. Pois aquí temos algo parecido, pero distinto, unha serie que no momento da súa estrea a finais do ano 2009 en Estados Unidos tivo moi boas crítica e un gran éxito de público. Agora están a emitir aquí, como dixen, a segunda temporada no canal FOX.
Neal Caffrey é un ladrón de guante branco, un home elegante, inxenioso, refinado e con estilo, sempre impecable e elegante, case como un James Bond dos primeiros tempos nos seus ademáns, formas de actuar e de comportarse. So rouba obras de arte, é un experto falsificador e un dos máis coñecidos no mundo no que se move, recoñecido e respectado. Pero atopouse co perfecto rival, o axente do FBI Peter Burke, o único home que conseguiu metelo na cadea, e non unha vez, senón dúas. A serie comeza cando Caffrey escapa da cadea para impedir que a súa noiva, Kate, marche sen el por unha serie de razóns misteriosas que iremos descubrindo a medida que avancen os episodios. Pero de novo o axente Burke é capaz de atopalo e volver a metelo no cárcere. Para poder seguir na rúa, Caffrey acepta a oferta do axente, que se quede con el, vixiado claro, e cun localizador no nocello para axudalo a atrapar a outros ladróns, estafadores e falsificadores como el. Acepta a oferta porque é a única maneira de permanecer fóra de prisión para poder buscar á súa noiva. Ao redor deles teremos a outros personaxes que van collendo protagonismo episodio a episodio. Un dos mellores é o amigo e misterioso axudante de Caffrey, Mozzie, todo un personaxe, do que sabemos pouco, sempre preparado para todo, que ve conspiracións en todas partes e ao que non lle gusta nada que o seu amigo traballe para o Goberno. Logo temos tamén á muller do axente Burke, Elizabeth, que tamén terá a súa dose de protagonismo. E o resto do equipo do FBI veremos como pouco a pouco pasarán de ser case meros acompañantes a tomar en máis dunha ocasión a parte principal do desenvolvemento da historia.
Polo que podedes ver tampouco é que sexa nada demasiado espectacular, unha máis de ladróns, policías e axentes do goberno pero a verdade é que ten algo que fai que destaque por riba das demais que poden seguir a mesma liña. Por un lado os seus protagonistas enganchan pola súa personalidade. Tanto Caffrey como o axente Burke poderían parecer tópicos pero non o son. Teñen dúas personalidades ben distintas pero completamente complementarias e non podemos dicir ben quen é o verdadeiro protagonista. Como di un dos meus irmáns, por unha vez o amigo do protagonista non é un mero acompañante ou comparsa ou medio tonto, non, teñen os dous case o mesmo protagonismo. O ladrón paréceme o áxil de mente, listo, pero o axente é o intelixente e ambos se complementan perfectamente en todos os campos. Para min son do mellor neste tipo de series que teño visto en bastante tempo. E non falemos do amigo Mozzie, un saco de sorpresas e de simpatía cunha forma de comportarse e actuar realmente divertida e tamén intelixente, sempre disposto a axudar ao seu amigo, aínda que para iso a veces tamén, con gran dor do seu corazón, teña que axudar ao Goberno. Este é un deses personaxes que ao principio parece que vai saír pouco pero que cada vez colle máis parte na acción, e ademais é algo que como espectador estás desexando, a min encántame. Sempre aparece algo novo, algunha sorpresa inesperada nas súas capacidades, formas de actuar e tamén con intervencións nos diálogos ben divertidas.
Os guións son inxeniosos, intelixentes e sobre todo áxiles, a serie sen contar con demasiadas escenas digamos espectaculares (case non hai persecucións, pelexas ou disparos) non deixa un momento de respiro, é un xogo de intelixencia, de gañar e coller aos delincuentes tentando ser máis listos que eles e esta é unha das mellores cousas da mesma. Os diálogos sobre todo entre eles dous parécenme xeniais e a medida que van tendo máis trato e confianza son aínda mellores. Entre eles vai establecéndose unha relación de amistade, case de dependencia cunhas conversas cheas de dobres sentidos e sempre conseguen que o espectador sorría máis dunha vez. É unha serie moi entretida e amena, ao mesmo tempo que divertida e interesante. Non pasará como outras á historia da televisión, pero sempre é de agradecer un entretemento ben feito, con intelixencia e, sobre todo, clase, e que trate ao espectador con esa mesma intelixencia. Os argumentos son bastante orixinais e aínda que poida parecelo non son nada repetitivos, sempre teñen algo que os fai distintos e interesantes e fan que esteas pendente do desenvolvemento da acción para ver en que remata todo. Intrigas resoltas sempre con elegancia e estilo, nada de forza bruta, a mesma elegancia e estilo que ten o amigo Caffrey na súa vida diaria, na súa roupa, gustos caros e actividades. Moito se fala do carisma do protagonista, e é certo que o ten, penso que hai poucos actores capaces de lucir ese look que ten estilo “rat pack” case como un Sinatra dos anos 50 e co seu sombreiro case sempre posto. De todos modos eu persoalmente quédome co personaxe do axente, a min gústame un pouco máis. De todos modos o bo é a mistura entre os dous, facendo unha parella case perfecta e resolvendo as cousas sempre entre os dous, nunca queda un por riba do outro e iso é destacable.
Neal Caffrey é un actor case descoñecido, Mathew Bomer, de momento con poucas cousas no se currículum. Ata o de agora so o vira facendo un papel secundario de superespía nunha serie que xa pasou por aquí, “Chuck” pero paréceme que pode ter unha boa carreira, xa o veremos. O axente Burke é o actor Tim DeKay, unha cara algo máis coñecida, sobre todo da televisión. Buzzie é Willie Garson, tamén unha cara coñecida de varias series e algunhas películas, sempre en papeis secundarios. O personaxe de Elizabeth é unha cara coñecida, saída dunha serie clásica de hai uns anos e que parece que quere retornar á fama, Tiffani Thiessen, unha das protagonistas de “Sensación de vivir”. O resto dos axentes tamén poden resultar coñecidos aos afeccionados á televisión.
Penso que podedes darlle unha oportunidade, é boa para pasar corenta minutos moi entretidos e amenos, como dixen con bos guións e diálogos, filmada ademais na cidade de Nova York con todos os seus elementos característicos. Nela prima a intelixencia e a axilidade das tramas sobre a acción, que tamén a hai, pero menos que noutras do mesmo estilo. Ademais os capítulos teñen todos ese fío común de saber que pasa con Kate, a noiva de Caffrey, e unha serie de personaxes que xiran ao redor deles, con misterios que irán resolvéndose pouco a pouco ou introducindo outros novos, o que fai que teña máis interese ao non centrarse soamente nos casos que se desenvolven en cada episodio. As veces fará que dubidemos de algúns dos personaxes, quedando cunha certa intriga para o capítulo seguinte, que tampouco está mal. Como dixen, para min bastante recomendable por moitas cousas, se me facedes caso espero que non vos decepcione se sodes afeccionados a este tipo de tramas e intrigas, merece a pena.
lunes, 7 de marzo de 2011
"¡Indignádevos!", de Stéphane Hessel



Penso que hai tempo que tan poucas páxinas podían conseguir tanta reflexión, ou polo menos que un se pare a pensar en algunhas cousas que non por evidentes pasan ultimamente por nós como se non pasara nada. Non é que nos vaia dicir nada novo, polo menos á maior parte da xente, sobre todo dunha certa idade, pero si que penso que era necesario que alguén fixera que recordáramos unha serie de cousas, feitos e realidades sociais de hoxe en día que terían que provocar máis reaccións das que provocan. Esta recensión de hoxe non é dunha novela e case nin dun libro, é un libriño (por tamaño que non por contido e dito con todo o cariño) de pouco máis de 30 páxinas que está a provocar unha certa revolución en case todos os países nos que se está a publicar, non unha revolución física, pero si que podemos falar dunha certa revolución mental, facendo que moita xente reflexione sobre a realidade deste século que nos está a tocar e de moitas, non todas, as inxustizas que se están a producir e, sobre todo, de cal é a actitude da maior parte da poboación sobre estas realidades. Falo de “¡Indignádevos!”, de Stéphane Hessel. Neste caso a publicación do mesmo en galego non é que sexa recente, senón que é de hai poucos días, un tanto máis que se acaba de anotar a editorial Faktoría K de libros que conseguiu os dereitos deste libro bastante esperado. Tamén podedes atopalo en castelán editado por Destino.
Curiosamente o prólogo da edición en galego é do autor da novela que comentei antes desta, Manuel Rivas, que tamén en poucas páxinas e baixo o título de “A nova conquista do pan” deixa tamén unhas palabras cheas de contido provocadas polas reflexións de Hessel. No seu estilo habitual, partindo da idea de que as palabras tiveron mellores tempos que agora, uns tempos nos que querían dicir algo e provocaban reaccións, tempos nas que servían para algo máis que encher as bocas da xente. Agora chega Hessel con outras palabras que queren dicir algo e provocar reaccións, ese pan que alimenta a unha xente desexosa de máis cousas nas súas vidas que as que nos están a ofrecer. Penso que é un bo prólogo para preparar o que ven despois.
Stéphane Hessel paréceme unha persoa máis que interesante de coñecer, uns dos últimos que quedan dunha xeración que viviu de cerca o grande conflito da Segunda Guerra Mundial e todo o que trouxo consigo antes, durante e despois. Tomou parte directa en moitos dos acontecementos fundamentais do século XX e é esa forma de ver a vida naquel momento unha das cousas que provocaron estas breves reflexións sobre o home actual e a súa forma de ver a vida e as cousas. Naceu en Berlín en 1917, diplomático, embaixador, combatente da resistencia francesa, preso en campos de concentración..., unha vida chea en todos os sentidos. En 1924 establécese en París coa súa familia, participando do ambiente cultural desta cidade nesa época. Desde 1937 é cidadán francés e en 1939 tivo que interromper os seus estudios a causa da guerra. En 1941 únese ao xeneral De Gaulle en Londres e traballou en labores de contraespionaxe. A finais de marzo de 1944 entra de forma clandestina en Francia para traballar en labores de espionaxe cara ao desembarco dos aliados. En xullo dese ano é arrestado pola Xestapo e acabou no campo de concentración de Buchenwald, en Alemaña. O día anterior a morrer aforcado consegue cambiar a súa identidade coa doutro preso que morrera e cun novo nome é transferido ao campo de Rottleberode. Escapa deste pero volven capturalo, levándoo ao campo de Dora, de onde escapa de novo, uníndose ás tropas aliadas e reuníndose en París a continuación coa súa esposa e os seus tres fillos. En 1946, convencido de que tiña que comprometerse con ese novo mundo que xurdía despois da guerra, entra no corpo diplomático, destinado en primeiro lugar ás Nacións Unidas. Así chegará a participar de primeira man na comisión encargada da redacción do que sería a Declaración Universal de Dereitos Humanos, el será un dos doce membros que a redactaron. As Nacións Unidas aceptaron a Declaración en decembro de 1948. Abandona as Nacións Unidas desencantado por unha nova xeración de funcionarios máis preocupados polas remuneracións que polos ideais que o levaron a el a estar aí. Foi nomeado representante de Francia en varias institucións internacionais e posteriormente embaixador de Francia en varios países. Agora, aos 93 anos, como el mesmo di, xa ao final da última etapa el mesmo recorda e quere facernos pensar a todos, nas cousas que el cree e descubriu en certo momento da súa vida, nos valores e principios que fixeron de el o que é e das cousas que pensa que hoxe están moi lonxe deses mesmos principios e valores.
A súa vida fai que a perspectiva que ten da vida hoxe estea moi influenciada por aquilo, para el é imposible ver as cousas que están a pasar agora en case todos os campos da sociedade e ver que case ninguén fai nada para que esas cousas cambien e non sigan a ser como son. Non entende como nunha época na que hai moitas máis facilidades para todo que noutras que non están tan lonxe as cousas sexan máis complicadas e a xente non faga case nada por cambialas. Iso é o que quere, a indignación da xente, que é o único que pensa que pode levar a un cambio da situación actual. Non pode ser que as sociedades non aprenderan nada do pasado e sigan a repetir moitos dos erros dese pasado, máis graves agora precisamente porque son repeticións de situacións que non se deberían de repetir. A indignación, o enfado e a reacción (iso si, sempre non violenta, que é algo que quere deixar claro) é o que busca dunha sociedade que pensa que está aborregada, que non hai case nada que a faga reaccionar e esa reacción é o que busca. Non se pode entender que nunha época na que hai máis diñeiro e recursos que nunca as diferencias entre os ricos e os pobres sexan cada vez máis grandes, por non dicir abismais en moitos casos. Como vivimos nunha sociedade na que uns poucos marcan a senda a seguir de moitos, como os bancos e as grandes fortunas son os que realmente gobernan e dirixen aos gobernantes. Fala duns medios de comunicación que están ao servizo do poder, que non son imparciais e con informacións reais, veraces e subxectivas, algo que na época da Resistencia pensaban que era fundamental, a liberdade de prensa. Como é posible que un traballe toda a vida para quedar ao final cunha pensión moito menor do que gañaba traballando, como a seguridade social non é algo universal e real para toda a humanidade. Reflexionar sobre como é posible que tantos puntos desa Declaración de Dereitos Humanos estean a quedar en case nada, pouco Universal e pouco humana.
Poucos capítulos breves nos que desenvolve unha idea central en cada un pero todos eles relacionados, buscando sempre a indignación e o compromiso. O maior mal da nosa sociedade é a indiferenza, que nos leva a non facer nada de nada e ver as cousas pasar por diante de nós como se nada. Por sorte a situación non é irreversible, as Organizacións non Gobernamentais crecen pero non son a solución única a tanto problema, porque as solucións teñen que vir dos gobernos, de todos e ao mesmo tempo. Defende a non violencia e a insurrección pacífica, aínda que tamén pode facer pensar nalgún momento que hai situacións nas que isto non chega.
Así, con estas breves pero profundas ideas que desenvolve o suficiente para que o lector teña que poñer algo da súa parte e non darlle todo mastigado, leva vendidos máis de dous millóns de exemplares no seu país e en todos nos que se publica. De todas formas non está exento de críticas, sobre todo referidas ás posturas pro palestinas do autor, que visitou a franxa de Gaza en dúas ocasións e dedica un capítulo concreto a este problema con opinións persoais sobre o mesmo.
¿E que penso eu desta lectura? A verdade é que me provocou sentimentos opostos. Por un lado é certo que ten razón en moitas cousas, sobre todo na idea que de a sociedade actual está un pouco “resignada” ou indiferente ante moitos problemas, non toda, pero si unha grandísima parte da mesma, sempre hai uns poucos que loitan contra moitas destas situacións, pero é case como a loita entre Don Quixote e os xigantes da economía que son os que en realidade manexan os fíos. Certo é que as sociedades modernas parece que aprenderon moi pouco dos erros da historia, sobre todo da máis recente e parece inevitable que sempre tropecemos nas mesmas pedras. Sobre todo agora, somerxidos nunha crise económica na que os que gañan diñeiro queren seguir a gañar polo mesmo o mesmo que nas épocas de bonanza, senón máis, cousa ben difícil e da que parece que non se dan conta. Por outro lado teño a impresión, triste impresión, de que vai quedar case como unha anécdota, como un “bestseller” máis que chama a atención por todo o que di, pero que non pode facer que as cousas cambien, podedes chamarme pesimista, pero como di o prólogo as palabras hoxe cada vez teñen menos peso, por iso o vento lévaas con máis facilidade.
Ademais hai outra cousa a ter en conta. Para poder entender plenamente ou case totalmente as palabras de Hessel hai que ter uns certos coñecementos culturais, económicos, sociais e, sobre todo, históricos sen os cales sería imposible saber que é o que está tentando dicirnos. Quero dicir con isto que os lectores (en xeral, que sempre hai excepcións) que estean por debaixo dunha certa idade é difícil que entendan as cousas que nos está a contar e penso facer a proba. Creo que vai ser unha lectura a realizar cos meus alumnos, quero avaliar o resultado, saber que é o que lles di e o que non, saber se hai algo que lles chame a atención ou que destaquen ou se simplemente queda todo na idea de que é un rollo máis polo que lles fago pasar. A min díxome bastantes cousas e penso que é unha lectura que se debe de facer máis dunha vez, pero espero a ver que pasa con eles. Para vós, penso que tedes que lela e xa me contaredes que vos pareceu e que vos dixo.