Capítulo 1: “O verbo
ler non soporta o imperativo”
Capítulo 49: “O tempo
para ler sempre é tempo roubado... O tempo para ler, ao igual que o
tempo para amar, dilata o tempo para vivir”
Os meus fillos non len. O
meu alumnado (son profesor de lingua e literatura) tampouco. Len o
que lle mandan por estudos, pero se digo que nada máis non quedo
curto. ¿Por que? A verdade é que non o teño nada claro. Non é que
non lles guste, pero o mundo audiovisual supón hoxe unha gran
competencia. Pensan que é unha soberana perda de tempo e prefiren
dedicar o seu tempo libre a outras actividades. Claro que para min a
perda de tempo ven sendo moitas veces o que fan eles. O medio consolo
que me queda é que polo menos os que teño na casa de momento
prefiren saír a xogar ao baloncesto que quedar enredando coa
consola, cando iso cambie creo que terei que preocuparme algo máis.
Sempre se dixo que de
pais lectores o normal é que saian fillos lectores. No meu caso foi
así, na miña familia sempre había algún libro á nosa disposición
e recordo aos meus pais moitas veces cun libro nas mans. Na miña
casa, mentres eran pequenos, tiña o costume de lerlles algún conto
todas as noites, pero aí quedou a cousa. Ata lles merquei un ebook
(eu teño un desde hai dous anos e estou encantado, pero ese é outro
tema) a ver se a pantalla a entendían como un engado máis, pero
nada, non hai maneira. Obrigalos non parece a mellor solución, o
resultado tal vez os escorrentaría aínda máis.
Ademais da competencia, o
maior problema é que nos centros de estudio non estamos a crear
lectores. Advirto que, en xeral (sempre hai excepcións), pesa unha
idea demasiado “literaria” cando se escollen as lecturas. Unha
gran parte do profesorado teima en recorrer aos “clásicos” para
un alumnado ao que non lle gusta ler. O resultado é que estes tamén
saen escorrentados. Eu, cando non sei que poñer, acudo aos outros
clásicos, os da miña infancia é xuventude (Salgari, Verne, Poe,
Stevenson, Christie...) e teño comprobado que seguen a estar
vixentes e á maioría resúltanlle lecturas interesantes. Non saben
o que perden, viaxar, soñar, loitar, resolver enigmas..., isto e
moito máis é que nos trae unha boa lectura. Temos que formar
lectores, e estamos a caer en todo o contrario.
Esta longa introdución
escribina hai uns meses para a portada do blog dunha editorial.
Aparece hoxe aquí ao fío da obra que vou comentar, moi relacionada
co dito e á que pertencen as primeiras liñas do post. Chegou a min
como unha recomendación nun comentario do blog, alguén me dicía
que como profesor de literatura debería lela e como teño por
costume facer caso desas recomendacións alá fun. Darlle as gracias
á persoa que ma recomendou, xa que me gustou moito e penso que me
vai facer cambiar algúns plans para este curso que pronto comezará
pronto, polo menos para tentar algo distinto. O autor é Daniel
Pennac e o seu escrito titúlase “Como una novela”. Un autor que
non coñecía de nada e que me sorprendeu, sobre todo polo que di,
pero tamén por como o di. Unha obra de gran éxito no seu país e
que me fará ler algunha máis das súas historias en breve.
Daniel Pennac é o
seudónimo de Daniel Pennacchioni, escritor francés nado en
Casablanca (Marrocos) en 1944. Provén dunha familia de militares e
pasou a súa infancia entre varias zonas de África e máis tarde en
Niza, onde se graduou en letras e decidiu dedicarse ao ensino.
Comezou a súa produción literaria con obras para nenos e
adolescentes, con gran popularidade da súa saga protagonizada pola
familia Malausène, a medio camiño entre a novela negra e a xuvenil.
A súa obra é variada, novelas dirixidas tanto a nenos, rapaces ou
adultos e ensaios; destes últimos o máis destacado é o que comento
hoxe. En 2007 recibiu o Premio Reanudot pola súa obra “Mal de
escuela” (anotada na miña lista de lecturas). Comeza a súa
produción nos anos 80, a saga mencionada aparece por primeira vez en
1985 con “La felicidad de los ogros” e daralle un gran éxito de
ventas e críticas. Polo momento a súa última obra é “Diario de
un cuerpo”.
E que é “Como una
novela”? A medio camiño entre o ensaio e a reflexión o autor
déixanos unha serie de consideracións, opinións, pensamentos e
ideas sobre que razóns ou situacións levan a xuventude de hoxe (e
tamén aos non tan novos) a ter unha consideración negativa sobre o
feito de ler, de achegarse a unha novela e pasar algún tempo con ela
entre as mans disfrutando e viaxando coa imaxinación. Toda ela
escrita cunha linguaxe sinxela e accesible, non é un ensaio profundo
na forma, pero si, e moito, no fondo. Menciona varias razóns para
tentar xustificar esa realidade e tenta poñer algo da súa parte,
algunhas ideas ou iniciativas, para buscar un camiño alternativo que
poida levar a moita xente a ter contacto cos libros. Non hai,
evidentemente, un so culpable. Por un lado temos á propia sociedade,
acelerada e centrada en outras cousas, deixándonos moi pouco tempo
libre e o que queda é aproveitado para outras cousas. Vai falarnos
tamén do sistema educativo, máis centrado noutros aspectos que en
formar lectores ou, polo menos, rapaces con curiosidades e
inquietudes. Usa un ton lixeiro e incluso, en moitos momentos,
divertido, o que fai que todo o que nos quere expoñer chegue dunha
forma clara e rápida ao lector. A isto axuda a brevidade do mesmo,
non chega ás duascentas páxinas, pero ben concentradas. Non hai
unha soa liña que non diga algo, un so parágrafo que non poida
facernos reflexionar sobre o tema central da novela. En moitos
momentos poderemos vernos reflectidos nas súas palabras, xa sexa
como pais ou, como no meu caso, como profesores. Moitas das
situacións que usa para apoiar as súas reflexións aparecerán ante
o lector como algo que a el mesmo pasoulle ou viviu máis dunha vez.
E non so aos adultos, a imaxe inicial do rapaz diante dun libro,
tentando lelo, contando as páxinas que leva e as que lle quedan,
pensando se lle dará tempo de rematalo para a data indicada polo
profesor..., vexo nel a moitos dos meus alumnos e alumnas. Pasando
páxinas sen darse conta do que len, deixando a lectura para os dous
ou tres últimos días e sufrindo en certo modo tanto por ter que ler
como pola premura do tempo que cae sobre el como unha guillotina.
Pero non so nos fará
pensar sobre este tema central. O último capítulo, realmente bo,
convértese nun decálogo dos dereitos imprescindibles do lector
desde o seu punto de vista. Algo que tamén fará que esbocemos máis
dun sorriso aqueles que son lectores desde sempre. Cousas que tamén
moitos pensamos nalgún momento aparecerán aquí case como un apoio
a certas actitudes que en moitos casos teñen unha consideración
negativa. O primeiro dos puntos é o dereito a non ler, non ler nada
de nada, sempre e cando apareza como resultado dunha reflexión
persoal tras telo feito, tras coñecer o que é ler de verdade. Logo
aparecerán outra serie de puntos con ideas como o dereito a saltar
páxinas de algunha novela en concreto (con exemplos que non vou
mencionar, teredes que velos por vós mesmos e estar ou non de
acordo). O dereito a non rematar unha novela, algo que antes non
facía, agora algunha vez que hai moitas cousas boas que ler para
perder o tempo con algo que non te está a gustar ou non te di nada.
O dereito a reler, algo que tamén deberíamos practicar de vez en
cando, sobre todo pensando que unha lectura feita na adolescencia non
nos dirá o mesmo se a repetimos agora. O dereito a ler calquera
cousa...
Pareceume unha lectura
moi interesante, con moitas cousas sobre as que reflexionar e pensar
e con algunhas ideas para tentar conseguir, sobre todo desde o meu
traballo como docente, algúns lectores máis. E non so iso, senón
lectores máis reflexivos, con máis atención e moita mellor
comprensión. Teño en mente, tras unha nova lectura, tentar algunhas
das cousas que aporta o autor e ver se se conseguen bos resultados,
ou non, xa o veremos. O que si é certo é que é preocupante esa
falta de lectura entre os rapaces de hoxe (desde hai xa uns cantos
anos) e habería que buscarlle remedio e solución. Os clubes de
lectura que funcionan nalgúns centros de ensino son tamén un
posible camiño, pero de momento apúntase poucos, aínda que iso xa
é máis do que tiñamos. Sigo a pensar que outro camiño, como
apuntei ao principio, e tentar atopar lecturas que poidan gustarlle
máis, quizais lonxe dos clásicos de toda a vida, que lles resultan
moi áridos, aburridos e demasiado serios. Camiños para formar
lectores de verdade e non pasadores de páxinas ou xente que se
limita a xuntar palabras. Logo eles xa tomarán a súa decisión,
serán ou non lectores, pero temos que abonar ben o camiño, senón
non conseguiremos nada. Traballar case como se foran bebés, cos que
imos do máis sinxelo ou o que lles pode gustar máis para ir pasando
logo a cousas máis serias, so son ideas soltas. En conclusión, unha
lectura que aínda que ten uns anos segue completamente vixente. Creo
que moitos profesores de lingua e literatura deberían coñecela,
case imprescindible, pero tamén é recomendable para todo o mundo,
estou seguro de que vai dicirvos máis dunha cousa interesante e
sobre a que pensar.
Pareceume un comentario moi interesante e o libro penso lelo . Vou a poñer o enlace del no meu blog. Un saúdo
ResponderEliminarGraciñas, Carmela e encantado de que poñas o enlace. Xa me dirás que te pareceu
ResponderEliminar