domingo, 30 de mayo de 2010

Las reglas del juego (Leverage)

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=WWszDB5c5EU&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Xa levamos uns días de libros así que imos darlle á televisión outra vez. Certo é que non hai de momento máis series, polo menos que eu vexa, de verdadeira calidade pero si que quedan outras que polo menos merecen algo a pena polo entretidas que son, como é o caso de hoxe. Non quedará como algo novidoso ou destacable, pero como teño dito outras veces hai momentos nos que un o único que quere é entreterse un rato e esta de hoxe ten esa función. Falo dunha serie que aquí ten o nome de “Las reglas del juego”, “Leverage” en inglés que, traducido sería algo así como efecto de palanca, ademais é un termo que se usa en inglés en economía referido máis ou menos ao feito de obter financiamento para unha empresa. Pode verse na cadea AXN, e creo que de momento non pasou por ningunha das cadeas que non son de pago, pero espero que apareza, porque xa digo que está moi ben para pasar un bo rato. Neste momento están a emitir a segunda temporada e polo que vin en páxinas americanas pronto estrearán por alá a terceira, así que debe de ter un certo éxito. É máis, so como curiosidade, o outro día vendo un partido da NBA aparecía a publicidade desta terceira temporada no campo.


É unha serie producida por TNT. A primeira temporada consta de 13 episodios e foi estreada a finais do 2008; a segunda é do 2009 e son 15 capítulos e a terceira estrearase no verán deste ano en Estados Unidos. O protagonista, como ocorre en casos xa aparecidos por aquí, é un coñecido actor de cine, que ata gañou un Óscar, un actor que me gusta sempre bastante e que aquí fai un papel simpático, intelixente e non está nada mal, é máis, é el precisamente o que lle dá un aire de certa calidade que é unha das cousas que merecen a pena da serie. Falo de Timothy Hutton, un actor ao que posiblemente polo nome a algúns non lles soe demasiado, pero seguro que en canto lle vexan a cara daranse conta de quen é. O resto dos protagonistas non son demasiado coñecidos, algúns apareceron noutras series e son actores de televisión todos eles.


Vainos contar a historia de Nathan Ford (o papel de Hutton), un antigo investigador de fraudes para unha compañía de seguros. Esta compañía negouse a pagar un tratamento experimental que podería salvar a vida do seu fillo, que acaba morrendo, o que trae consigo un divorcio, que deixe o seu traballo e que, durante un tempo, se dedique a beber. Nos primeiros capítulos ten a oportunidade de vingarse desta aseguradora, para o que monta un equipo de xente cada un coa súa especialidade e idear un plan para sacarlle moitos cartos case sen que o saiban. Tras o bo resultado deste primeiro golpe formarán un equipo que se dedicará a montar timos contra grandes empresas ou xente rica que se quedou co diñeiro das persoas que os contratan. Non so loitarán contra grandes empresas, aparecerá a mafia, outras aseguradoras, estafadores..., pero case sempre actuando contra xente sen escrúpulos que se aproveita doutra xente. Para iso conta con ese equipo formado ao principio, no que salvo el, todos son ladróns especializados en certos campos que acaban por deixar esa vida que levaban para axudar aos demais. Así temos, ademais de Ford, que é o cerebro e o que se encarga de idear e dirixir os plans, todos eles timos moi ben montados, a catro persoas máis, dous homes e dous mulleres. Sophie Deveraux é unha experta ladroa sobre todo de obras de arte e será sempre a encargada de interpretar distintos papeis para entrar en contacto coas persoas ás que queren enganar, ademais é unha actriz frustrada que non consegue papeis decentes, polo que interpretar papeis na vida real é case unha vía de escape. O outro personaxe feminino é, para min, un dos mellores personaxes da serie. Dela so coñecemos o apelido, Parker, unha experta ladroa de xoias e obras de arte, torpe socialmente, evita o contacto social e físico, é unha inadaptada cunha infancia pasada entre orfanatos e casas de acollida, experta en caixas fortes, sistemas de alarma e todo o que teña que ver con entrar sen que ninguén o note en edificios, bancos..., é capaz de roubar calquera cousa a calquera sen que se de nin conta. Temos logo a Elliot Spencer, que sería o que leva a parte física, un antigo soldado de fortuna do que coñecemos mínimas partes do seu pasado, pero sempre relacionado coa violencia física, experto en armas e en case todas as formas de loita, así que esa é a parte que lle toca. E por último temos a Alec Hardison, o experto informático, tamén cun pasado de problemas familiares, é capaz de facer calquera cousa relacionada cun ordenador e é o encargado de todos os aspectos técnicos, é un hacker dos máis importantes do país e non hai case nada que se lle resista, un personaxe ademais simpático ao que lle encanta facer de vez en cando as cousas que non lle corresponden, que é cando máis disfruta. Así temos aos protagonistas, o cerebro, a actriz, a ladroa, o informático e o loitador, cinco persoas que se xuntan para montar os plans máis complexos para conseguir sempre o seu obxectivo, axudar aos máis débiles.


O que domina é o humor. Son ladróns que se complementan perfectamente e dirixidos por unha mente privilexiada que coñece todas as trampas dos timos, xa que antes era o mellor poñéndoos ao descuberto. Ademais temos un bo ritmo, sempre rápido e áxil, boas mostras de tecnoloxía de última xeración (pero sen chegar a ser incrible como ocorre noutras series, a verdade é que a pesar de ser case sempre plans complexos todo parece bastante verosímil, que é outra cousa a ter en conta), xiros sorpresivos que fan que as veces teñan que cambiar completamente o rumbo do plan e improvisar. Ademais non podemos dicir que sexa unha serie violenta, é axeitada para todos os públicos, xa que a que hai é case unha violencia de cómic, onde, como ocorría noutra serie que despois vou relacionar con esta, non morre ninguén creo que nunca, hai golpes, persecucións, disparos, pero nada que non poida ver calquera, ao revés. Algúns din que lles recorda ás películas de “Ocean´s eleven”, pode ser pola cuestión dos timos e a complexidade dos mesmos. Outros falan de Robin Hood, roubando aos ricos para darllo aos pobres. A min máis ben recórdame moito a unha serie clásica de hai uns anos e que pronto terá algo máis de recordo xa que están preto de estrear unha película baseada nela, falo de “El equipo A”, penso que é unha posta ao día desta mesma serie. Nela había un grupo de xente que se adicaba so mesmo, eran contratados por xente con problemas para enfrontarse aos ricos, tamén había plans elaborados, finxían ser outras persoas para relacionarse con aqueles aos que ían enganar e sobre todo a violencia da serie era branca, moi branca, porque para os que a recorden había disparos a moreas e non morría nunca ninguén. Así que se hai que relacionala con algunha das mencionadas eu penso que coa que ten máis que ver é con esta última.


Xa digo, moi entretida, cun ritmo moi áxil que non baixa en ningún momento dos corenta minutos que dura, cuns personaxes curiosos e moi definidos que teñen cada un as súas características pero que ao xuntarse dan o mellor de si mesmos e un humor que manifesta cada un dun xeito distinto, pero co que é imposible non rir en máis dun momento. Como dixen ao principio, máis que recomendable para pasar un bo rato.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=pigXd4Tdx2M&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario