sábado, 30 de abril de 2011
"Código fuente"
Non vou dicir que nos decepcionara, hai que ser sempre consciente de que un vai ver, saber que pode esperar máis ou menos, e neste caso o único que pretendíamos atopar era unha produción de ciencia ficción cunha pinta decente. Pois iso é o que é, unha historia bastante ben levada, o suficientemente curta como para non facerse pesada tendo en conta a historia e cunha resolución final imos dicir que aceptable, aínda que tamén algo previsible. Non está mal e da o que promete, hora e media xustiña de entretemento, pero penso que lle falta un puntiño, fáltalle algo que podería facer dela unha historia algo máis decente, con algunha sorpresa e so con iso pasaría de ser unha película de gama media a pasar a un lugar un pouco máis alto.
Orixinalidade non é precisamente o seu punto forte, é a típica historia de viaxes no tempo ou na memoria mellor dito. Se alguén recorda “Atrapado por su pasado” verá que ten moito que ver, cambian o ton de comedia polo de acción, algo parecido pero buscando algo máis de transcendencia e seriedade. O protagonista é Colter Stevens, un militar que se atopa algo perdido nun tren xunto a unha muller, Christina Warren, que parece coñecelo pero a que el non coñece. Ademais canto contempla por primeira vez a súa imaxe nun espello ve unha cara que non é a súa. ¿Que está a pasar? Algo perdido mira o que pasa ao seu redor, ata que oito minutos despois o tren explota, acabando con todos os pasaxeiros, incluído el. Pero de repente atópase noutro lugar, unha especie de cabina e falando a través dunha pantalla cunha militar, a oficial Colleen Goodwin. Esta fala con el e de novo vaise atopar no tren. Ao final consegue entender que é parte dun programa experimental que lle permite introducirse nos recordos dunha persoa para intervir soamente durante os oito minutos finais da súa vida. Así que non estamos a falar exactamente dunha viaxe no tempo, senón dunha especie de viaxe na memoria. ¿O obxectivo? Descubrir quen puxo esa bomba no tren para poder evitar un atentado aínda maior na cidade de Chicago. Isto é o que terá que conseguir e para iso a cinta se convertera nunha continua sucesión deses oito minutos, que nunca serán iguais porque cada vez el ten máis información. A cuestión é saber que está a pasar en realidade e se o conseguirá...
Tendo en conta o repetitivo da situación ten a duración xusta para non cansar ao espectador. En cada “viaxe” tanto no tren como na base da que parte descubriremos algo novo, algo distinto e algo que provocará unha certa curiosidade no espectador e ao mesmo tempo tamén interese. Quizais a cuestión da viaxe no tempo, a memoria ou nun mundo informático de bits e códigos fonte non estea demasiado clara. Quizais sexa aquí onde falla un pouco a cousa, fáltalle como dicía algo máis arriba un punto de intelixencia, de desenvolvemento, de explicación que faría que fora moito mellor do que o é, quedándose simplemente un produto entretido e ameno pero que non recordaremos durante moito tempo e ao que tampouco lle daremos demasiadas voltas. Ideal para unha tarde ou noite de cine en casa. Sabe manter a tensión e iso xoga ao seu favor, algunha sorpresa de vez en cando e un desenvolvemento decente da historia. Un thriller aceptable que me gustou, pero que non destacaría por riba de outros moitos do mesmo estilo e factura. Aínda así penso que hai cousas que non están demasiado ben explicadas nin claras, pero non vou dicir cales para non desvelar demasiado.
En canto aos actores imos dicir que se basea nos dous protagonistas e na militar que fala con el a través da pantalla e é a encargada do experimento, coa que chegará a manter unha estreita relación tendo en conta o tempo que están xuntos. El é o actor Jake Gyllenhaal, que me gustou bastante, sabe transmitir o agobio, a tensión, a celeridade da súa misión. Tampouco é que sexa algo fóra de serie, pero está ben. A militar é a actriz Vera Farmiga, tamén bastante convincente. E deixo para o final á protagonista feminina porque non teño claro quen debería ir antes, se o personaxe feminino anterior ou esta, xa que me parece máis importante para o desenvolvemento da historia Colleen Goodwin que Christina Warren, a súa parella no tren. Esta está interpretada por Michelle Monaghan, que para o que ten que facer, que é pouco a verdade, tampouco está demasiado mal, cumpre pero nada máis.
O director é Duncan Jones e esta é a súa segunda película, antes dirixiu “Moon”, unha cinta estraña e interesante, unha desas que é mellor non deixar pasar porque ten algo que fai que mereza a pena. Como curiosidade comentar que é fillo do cantante David Bowie.
Pois aí queda a recomendación. Sen ser unha marabilla cumpre bastante ben a súa función de entreter e ten elementos suficientes para manter a atención do espectador. A pesar da repetición entre cada viaxe introduce elementos novos que farán pensar ao que a ve que consecuencias poderán traer e mantén unha certa intriga. Quizais teña algún fallo argumental e algún elemento levemente previsible que fai que perda algún punto, pero tendo en conta a marabilla de carteleira que temos ultimamente pode destacar un pouco por riba da media.
jueves, 21 de abril de 2011
"Mar de fuego", de Chufo Lloréns
“Isto é o que, en certa medida, pretende tamén a novela histórica: xuntar o rigor da historia coa ficción novelesca. Como novela a súa principal obriga é entreter, pero como relato histórico non pode deixar de lado criterios como o rigor e a veracidade. Isto é o que, humildemente, tentei nestas páxinas que agora se someten á benevolencia dos lectores” Este fragmento sae das notas finais da última novela de Chufo Lloréns, “Mar de fuego”, que será a que vou comentar hoxe.
No ano 2008 chegou ás miñas mans unha novela dun autor descoñecido naquel momento para min. Era una historia que transcorría na Barcelona de principios do século XI que me resultou das máis entretidas e apaixonantes que lin ata o día de hoxe, “Te daré la tierra”. Despois dediqueime a buscar outras novelas do autor e conseguín unha anterior que me gustou tanto ou máis que a primeira, “La saga de los malditos”. Desde ese momento figura como un dos principais autores de novela histórica dentro das miñas preferencias, por diante de outros máis coñecidos ou máis internacionais. Estas dúas novelas xa as comentei nun dos primeiros post deste blog, así que a recensión biográfica vouma aforrar esta vez. Tras ler “Mar de fuego” reafírmome no dito unhas liñas atrás, Chufo Lloréns é un dos meus autores favoritos tanto do xénero histórico como dentro da narrativa, porque gustoume moito e duroume bastante menos do que me gustaría, se ata podo dicir que se me fixo curta.
Cando vin esta novela, de publicación moi recente, non creo que leve nas librerías máis dun mes máis ou menos, díxenme que a por ela e a lela pronto, que xa tiña case a idea preconcibida de que me ía gustar, e esta vez non me equivoquei. Cando a collín para ler a contraportada descubrín un nome que me soaba e entón as miñas ganas foron aínda maiores, Martí Barbany era o nome do protagonista, o mesmo personaxe central de “Te daré la tierra”, así que aínda pintaba mellor. Era unha continuación desta, co cal a primeira idea era a ver que tal estaría, porque moitas veces estas continuacións non son máis que recursos que aproveitan o tirón da primeira para vender máis exemplares, e moitas veces tamén a calidade da continuación non está á altura do esperado. Neste caso non foi así. Tras ler as primeiras páxinas tiña unha sensación interesante, era como se o tempo non pasara e estivera aínda lendo a primeira porque transcorre case nun momento so lixeiramente posterior ao final da mesma. Isto pode ser malo a veces, pero neste caso non o foi, atrapoume desde o principio e custábame deixar a lectura máis dunha vez, pero o cansazo e o sono gañaban a partida algunha vez. Xa hai tres anos que lin “Te daré la tierra” e moitas novelas pasaron desde entón, pero tiña un recordo claro de todo o que pasara, dos personaxes, das situacións, dos momentos pasados, un bo sinal do que me gustara porque moitas das cousas que pasaron nela volveron á miña cabeza cando estaba a ler esta. Non foi necesario estar pensando en quen era tal personaxe, que fixera ou que pasara, estaba case todo tan fresco como se a tivera lido pouco antes. E todos modos para os que non recorden tan ben o autor manexa á perfección ese pequeno problema. Con poucas palabras, momentos puntuais e algunhas situacións nas que algún personaxe recorda o pasado consegue que o lector poida recordar ou entender perfectamente o que está a pasar e a súa relación co pasado, porque iso si, moitas das cousas que van pasar están relacionadas con el. Así que o primeiro que teño que recomendar se non listes a primeira é que o fagades antes, porque están directamente relacionadas e, aínda que non é imprescindible, si é moi necesario para entender o conxunto da historia.
Empezamos a historia con Martí Barbany e a súa muller, a xudía Ruth a punto de dar a luz ao seu segundo fillo. Teñen xa unha filla, Marta, que será unha das protagonistas centrais de moitas das cousas que van pasar. Pero as cousas non saen como todos esperaban, o parto complícase e nai e fillo morren durante o mesmo. Martí, tras todas as penalidades pasadas no seu mundo afectivo decide que nunca máis volverá namorarse ou ter unha relación seria cunha muller. Unha das constantes da súa vida foi sempre a mala sorte nas relacións amorosas, acompañada dunha enorme sorte nos negocios. Agora xa é un cidadán de Barcelona, recoñecido por todos como unha das persoas que máis fixeron pola cidade e o Condado, recibindo sempre o agradecemento tanto dos Condes de Barcelona como dos seus cidadáns. Ao seu lado o sacerdote Eduald Llobet, un elemento central e fundamental da vida de Martí desde os seus inicios e que o seguirá sendo agora. Ao fronte da corte da cidade continúan Ramón Berenguer, Conde de Barcelona, e a súa dona, Almodís de la Marca, pola que tivo que enfrontarse a case todo o mundo pero que ao final conseguiu. Ela é o seu apoio fundamental, tanto a nivel persoal como no goberno, nela delega moitas das cousas e moitas decisións, que parece tomar el, pero ela case sempre está detrás. Con eles Pedro Ramón, o primeiro fillo do Conde e sucesor do mesmo e os xemelgos que coñeciamos da novela anterior, Ramón Berenguer e Berenguer Ramón. Xa se vía que o carácter de ambos os dous ía ser moi distinto e traería consecuencias que agora van ser realidade. Almodís quere conseguir que o sucesor do seu marido sexa o seu propio fillo, Ramón Berenguer, ao que todos queren, un home xusto e nobre que pouco ten que ver con Pedro Ramón, o verdadeiro sucesor por lei. Mentres, o outro xemelgo, Berenguer Ramón, é un home vil, perverso e cheo de maldade e rancor. Isto traerá consigo unha boa cantidade de intrigas, xogos, enganos e situacións que iremos descubrindo pouco a pouco. Tamén estará Delfín, o anano medio bufón da Condesa e, ao mesmo tempo, a voz que lle di as cousas de verdade, aquelas que ninguén se atreve a dicirlle e que continúa con esas estrañas visións premonitorias, case sempre de desgracias. Moitos dos personaxes da anterior novela volverán a esta historia, os capitáns dos barcos de Martí, que agora posúe unha enorme flota, Rachid al-Malik, o árabe que lle descubriu, entre outras cousas, o secreto do temido fogo grego a Barbany, os seus criados... E todo protagonista ten un antagonista, neste caso un misterioso personaxe chamado Bernabé Mainar que quere acabar con Martí Barbany e Eduald Llobet como sexa.
Para min foi como continuar case sen que pasara o tempo, retomar a vida dunha boa cantidade de personaxes que tiña na miña memoria bastante gardados, máis do que pensaba, a verdade, o que penso que é un bo sinal. Lloréns ten unha forma de escribir bastante sinxela para o lector, directa, sen demasiadas voltas nin complicacións, centrado sobre todo na historia e nas situacións e menos nas descricións. Isto non quere dicir que non as haxa, pero consegue que o lector imaxine con bastante perfección case todo sen cansalo con longos parágrafos descritivos. A acción é continua, non para desde o principio ata o final. Quizais esta sexa algo menos complexa que a anterior, máis plana e lineal, pero isto non lle quita mérito. Hai varias liñas de acción que se entrecruzan sempre dun modo claro para o lector. A maior parte da acción transcorre na cidade de Barcelona, un personaxe máis da historia, pero tamén teremos algunha viaxe, por exemplo, a Sicilia. Os personaxes van relacionándose entre eles dun modo sinxelo e crible, aínda que como alguén me comentou, quizais un defecto sexa que poden estar un pouco estereotipados en canto ao comportamento, é dicir, os bos son moi bos e os malos son moi malos, pero aínda baixo esta perspectiva o autor consegue que aparezan ante o lector como persoas reais, polo menos a min pareceume así. E como sempre na súa liña, capítulos curtos que van alternando as distintas tramas, co que atrapa máis ao lector, que sempre quererá saber que pasa a continuación para chegar a momentos nos que todas teñen que ver.
Paréceme que é evidente que, dentro do xénero, gustoume moito a novela. Entretívome moitísimo e como dixen ao principio, duroume menos do que me gustaría, pero tiña que seguir a ler, outro mérito máis do autor, que o lector siga e siga e estea desexando saber que vai pasar a continuación. Non quixen desvelar case nada do argumento, o mellor e poñerse con ela e ir descubríndoo pouco a pouco a medida que un vai lendo, pero a sucesión de acontecementos, de sorpresas, de altos e baixos é continua, sempre está a pasar algo. Desde o meu punto de vista máis que recomendable e imprescindible para aqueles que leran “Te daré la tierra”.
miércoles, 13 de abril de 2011
"El ángel perdido", de Javier Sierra
A novela de hoxe figura nas listas das máis vendidas neste momento no noso país. É a primeira que lin deste autor e, a verdade, é que, dentro do xénero ao que pertence, esperaba algo máis, algo que xustificara toda a expectación e ventas que trae consigo. Xa de entrada vou dicir que non me gustou demasiado, cumpriu lixeiramente coa súa función de entreter nalgúns momentos, pero tras rematala quedei coa sensación de que non me aportou demasiado, posiblemente tendo en conta as ventas tanto desta como das anteriores esperaba algo máis. Non sei se as outras que ten diranme algo máis, pero non teño claro que lles vaia dar unha oportunidade, máis que nada porque teño neste momento máis lecturas pendentes que me chaman máis a atención. O autor é Javier Sierra e a novela titúlase “El ángel perdido”.
A verdade é que non me dera conta de quen era o autor. Hai tempo era afeccionado aos temas que trata habitualmente, e cando lin a biografía dinme conta de que xa o tiña visto, escoitado e lido antes nas súas intervencións en radio, televisión e nalgunhas revistas nas que participou. Naceu en Teruel en 1971 e estudou Periodismo na Universidade Complutense de Madrid. É periodista, escritor e investigador de temas que podemos considerar científicos pero sempre cun tratamento algo especial. Colabora na revista “Más allá de la ciencia” e en varios programas de radio e televisión como “Milenio 3” da SER ou “Cuarto Milenio” en Cuatro. Desde hai uns anos dedícase a viaxar e investigar enigmas do pasado e supostos misterios históricos que considera que non quedaron demasiado claros tras as investigacións máis ortodoxas. Un deses misterios é o que lle serve para boa parte da redacción das súas novelas, como por exemplo, esta última que estou a comentar. Aos dezaoito anos foi un dos fundadores da revista “Año Cero” e sempre estivo relacionado con estes temas que algúns poden considerar científicos e outros non tanto. Varias polémicas circulan ao redor das súas investigacións e as conclusións ás que chega, quizais unha das máis sonadas foi aquela na que defendeu a veracidade do caso Rosswell, aínda que pouco despois demostrouse que a filmación que Sierra consideraba como verdadeira non fora máis que unha falsificación e unha montaxe. Foi o primeiro autor español que entrou na lista dos dez máis vendidos en Estados Unidos, no número 6 en “The New York Times” en marzo de 2006 coa obra “La cena secreta”, editada en máis de 42 países e que leva vendidos máis de tres millóns de exemplares. Así é o segundo escritor español contemporáneo máis traducido tras Carlos Ruiz Zafón. Tamén se di que varias produtoras estadounidenses están interesadas en levar esta novela ao cine. A súa primeira obra narrativa foi “La dama azul” (1998) e desde ese ano publica case unha nova novela cada dous anos. Destacan “La cena secreta” (2004) ou unha versión ampliada e corrixida de “La dama azul” publicada no ano 2008, que recibiu o Premio á mellor novela histórica publicada en inglés nos “International Latino Awards” en Estados Unidos. “El ángel perdido” é, ata o momento a súa última novela, neste mesmo ano 2011.
Julia Álvarez traballa para a Fundación Barrié na restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, buscando explicación a certos deterioros ao mesmo tempo que participa na súa reparación. Durante a madrugada do día de Todos os Santos vai desencadearse a acción, que a levará a participar nunha aventura perigosa e chea de acción. Cando está dentro da Catedral é atacada por un misterioso home, do que so vai poder escapar cando un axente secreto americano entra no templo e fai que o intruso escape. Antes diso sabemos que o marido de Julia, Martin Faber, foi secuestrado por un grupo terrorista islámico, que deixa unha mensaxe dirixida á súa muller, unha mensaxe que en teoría so ela poderá interpretar. O axente que a salva da agresión, Nicholas Allen, será o que lle comunique a noticia do secuestro e tamén vai axudala a interpretar as misteriosas palabras finais do seu home, unha interpretación que se relaciona con certos misterios e unhas raras pedras que eles posúen e que teñen uns poderes fortes e moi importantes para o futuro da humanidade. Tras o tiroteo na Catedral e poñer a salvo á protagonista tamén teremos a un par de policías da cidade e un fabuloso helicóptero que parece que tamén anda na busca da pobre Julia, que vai verse metida entre dous fogos sen saber moi ben a quen crer. Para ela todo é case un misterio incomprensible que vai ir tomando forma pouco a pouco, sen saber ata o final en quen pode ou non confiar, xa que terá que sobrepoñerse a máis dunha sorpresa. De repente temos un impresionante helicóptero capaz de sobrevoar a cidade sen que ninguén o note, nel virán outros homes que tamén buscan a Julia por razóns parecidas, asasinos que acaban con todo o que se lles poña por diante case sen pestanexar e unha poderosa arma que acaba con calquera tipo de aparello electrónico, forma na que conseguen facerse con Julia. De Santiago a Noia e dalí ao monte Ararat nunha viaxe que non a vai deixar nin respirar, cheo de sorpresas e violencia.
Con esta historia entraremos nun mundo relacionado cos anxos, pedras con misteriosos poderes, mitoloxías e lendas de varios e diversos países, o Diluvio Universal visto desde varias tradicións, anxos caidos, Gilgamesh, Noé e o Arca, o monte Ararat, o cristianismo e varias cousas máis que non vou mencionar directamente para non desvelar demasiado da trama. Realmente é unha mistura de moitas cousas, quizais demasiadas, que fan que por momentos o lector poida andar un pouco perdido. Perdido non so por todo isto, senón tamén por un certo baile de personaxes, de identidades, de persoas que non son o que din ou parecen ser, por proxectos secretos do goberno dos Estados Unidos, ata o presidente deste país é un dos personaxes da trama. FBI, CIA, NSA e varias axencias máis coñecidas e descoñecidas aparecen intervindo na historia. E de fondo todo ese tipo de temas ocultos e esotéricos que tanto lle gustan ao autor. No seu traballo de investigación incluso chegou a viaxar ao monte Ararat para poder ver directamente o que se coñece como a “anomalía do Ararat” que é un dos elementos centrais da historia.
A verdade é que me decepcionou a novela, que en certos momentos ata me pareceu caótica no seu desenvolvemento, tanto que pode facer que o lector ande algo perdido entre toda esa morea de acción, personaxes e información de tantas fontes distintas e tradicións distintas aínda que relacionadas. Como non lin ningunha das anteriores non sei se é mellor ou peor, pero certo é que levantou gran expectación e teño claro que o márketing, con presentacións en varias cidades españolas, firmas de libros e actos dese tipo funcionou moi ben para convertela neste momento nunha das máis vendidas por estes lares. Esperaba algo máis, por non dicir moito máis, que aportara algo a un xénero no que hai algunhas cousas que destacan por riba da media. Penso que non aporta demasiado e é case unha mistura de elementos que podemos atopar noutros autores. Pode lerse case como un cómic, unha historia de aventuras fantásticas que pode chegar a entreter a lectores non demasiado esixentes. Coñezo a máis dunha persoa que comparte opinións parecidas á miña, incluso varios que a deixaron sen rematar, cousa que eu de momento non fago, pero estiven preto de facelo. Ademais incluso podería atopar algún problema de carácter xeográfico no desenvolvemento da acción no que se refire á cidade de Santiago ou a Noia. Os personaxes, quizais sacando á protagonista, parecéronme demasiado tópicos, e os que máis os que aparecen en Galicia, tanto os policías como os dous sacerdotes que aparecen relacionados coa Catedral. Creo que aínda lle darei outra oportunidade e nalgún momento collerei “La dama azul” para poder comparar esta de hoxe con algunha das anteriores que tanto éxito tiveron, pero tamén teño que recoñecer que será unha lectura mediatizada por esta de hoxe. Penso que neste caso non a recomendaría, sobre todo porque hai moitas cousas máis interesantes e apetecibles que ler, a verdade, pero evidentemente esta é unha opinión completamente persoal, e non todos pensamos o mesmo.
jueves, 7 de abril de 2011
"Fundación Libélula", de Yashmina Shawki
Hoxe vou escribir algo dunha novela editada recentemente en galego e que non sei se aparecerá en castelán, aínda que penso que é probable, xa que a súa autora ten publicadas obras en ambos os dous idiomas. Por outro lado é a primeira vez que teño a oportunidade de comentar unha novela dunha persoa á que coñezo, ou máis ben, coñecín alá polos tempos da adolescencia e xuventude e da que hai tempo que non sei nada de xeito persoal, cousas da vida que te levan por camiños distintos. A autora é Yashmina Shawki e a novela titúlase “Fundación Libélula”, editada hai pouco por Xerais.
Yashmina Shawki naceu en Vigo, de nai galega e pai kurdo. Os seus estudos alternaron entre a súa cidade de nacemento e a cidade de Baghdad, onde pasou unha temporada nesa etapa da súa vida. Logo volveu a Vigo e licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela en Dereito en 1992 e ao ano seguinte en Historia Contemporánea. Despois dedicouse a dar conferencias e escribir artigos periodísticos, sobre todo centrados en temas relacionados con Oriente Medio, ademais de colaborar en varias revistas. Tamén publica un artigo de opinión de xeito semanal nas páxinas de “La voz de Galicia” e colabora no programa radiofónico “Al final del día” de Radio Voz. De momento a súa produción literaria ten tanto obras en castelán como en galego. En castelán “Kurdos, destino libertad” (2007), en galego “Contos ao carón da lareira” (2007) e a novela obxecto deste comentario. Nunha entrevista feita a raíz deste libro di que está preparando dúas novelas máis, unha en castelán e outra en galego.
“Fundación Libélula” é unha novela curta, de pouco menos de cen páxinas que tanto por extensión, contido e forma de desenvolverse non sei se falar dela como novela, relato ou como un conto, xa que moitas veces a fronteira entre estes xeitos de narrar é difusa e complicada.
Vainos contar a historia de catro mulleres que establecerán unha certa relación, tres delas terán á outra como nexo de unión. Unha historia que transcorre na cidade de Vigo, mencionando en varias ocasións lugares que o residente nela poderá recoñecer, imprimíndolle máis realidade á historia que nos vai contar. O nexo de unión é unha avogada, María Xosé Muradas, unha muller decidida, valente e que é capaz de enfrontarse con case todo. Ten unha vida acomodada, aínda que ao longo da historia veremos como hai cousas contra as que non se pode loitar moitas veces, queira un ou non. Unha das cousas que máis lle preocupan e contra a que está disposta a loitar de todos os xeitos posibles é a violencia de xénero, en calquera das súas manifestacións, que será o que a leve a crear esa “Fundación Libélula” que da título á novela. Ao redor dela e da súa vida aparecerán tres casos de mulleres en situacións precarias e cada unha cunha historia distinta, pero todas elas duras, tristes e complicadas. Ela será a que tente axudalas para saír, ao igual que fixo antes con outras, desas vidas que as oprimen e que poden acabar con elas. Preséntasenos a Gladys, unha inmigrante ilegal enganada para traballar como prostituta nun club, sen documentación, somerxida nun mundo de explotación sexual e violencia. Helena é unha rapaza nova que ten que facerse cargo dos seus irmáns, xa que a súa nai é unha muller violenta, drogadicta e alcohólica, unha situación coa que terá que loitar día a día con máis escuridade que luz e que ademais é moi consciente de que ten que facer algunha cousa, estuda e quere conseguir algo que a faga escapar, tanto a ela como aos seus irmáns, desa situación. E logo está a Laura, casada, con fillos, cun marido lacazán e que non fai nada, ademais de que ten que vivir co seu cuñado e os seus sogros, cunha sogra que a martiriza, aínda que ela sexa case o sostén da familia. Todas elas, en certo momento, entrarán en contacto con María Xosé que recorrerá a todo para botarlles unha man, tres historias que a levarán a remover ceo e terra para axudalas a saír da vida na que están e tamén a esa “Fundación Libélula” que terá como obxectivo axudar a mulleres en situacións precarias sexan do tipo que sexan. Axudalas a escapar desas vidas que levan e ter outras moito máis dignas e salvadoras, porque o merecen.
A novela gustoume bastante, aínda que penso que a súa brevidade por un lado é un pequeno defecto e por outro unha virtude. Ao principio dicía que non tiña claro se falar dela como unha novela, un relato ou un conto. Por un lado a súa extensión réstalle complexidade, unha complexidade que ao mellor a autora tampouco considerou necesaria para reflectir aquilo que pretendía. Cando se tratan estes temas, ademais, é sinxelo caer nunha sucesión de tópicos e lugares coñecidos por outras vías, tanto da literatura como do cine ou a televisión, ou simplemente das noticias, por desgraza, case diarias, que tocan este tipo de temas. Tamén pensaba nun conto porque todo transcorre demasiado rápido, transitando dunha situación a outra case sen unha continuidade no relato e cunha resolución das cousas ao mellor algo idílica por momentos. As duras historias das catro mulleres quedan ben narradas con poucas palabras, centradas en catro ou cinco situacións case puntuais que fan que o lector poida supoñer o conxunto desas terribles vidas que levan. Penso que Yashmina quixo que o lector tamén puxese algo da súa parte e non darlle todo, que imaxine, que pense e reflexione sobre a vida desas mulleres que representan a moitas outras, reais, que levan vidas iguais ou peores en case todos os recantos do mundo, pero tamén ao noso lado, nos mesmos edificios nos que nós levamos as nosas. Por outro lado, aínda que sabemos que non o é, a historia transcorre con demasiada rapidez, as cousas parecéronme quizais demasiado sinxelas na súa resolución, ao mellor tamén porque non está nada mal un pouco de optimismo nestes temas, sempre tratados dun modo duro, escuro e cuns finais case sempre tráxicos e violentos. Ao mellor esta é outra virtude, dar un pouco de esperanza, de facer pensar que as cousas non sempre van mal ou a peor, que é posible con algo de vontade, traballo e sorte que moitas destas mulleres poidan rematar esa vida que non o é para poder comezar, ter un novo principio de vida digna e con eses momentos de felicidade da que todos gozamos ao longo das nosas vidas.
Creo que é unha novela recomendable e pensando como docente, podería ser un bo libro para a súa lectura en certos niveis dos nosos centros de ensino, pois pensando nese tipo de lectores e lectoras a súa brevidade xa xoga, e moito, ao seu favor (que lle imos facer, cando pos un libro para que lean o primeiro que preguntan é cantas páxinas ten, e como teña máis de duascentas podes ver caras de auténtico pánico). Por outro lado penso que é unha historia que lles pode interesar, que pode ensinarlles algo e facerlles reflexionar, sobre todo porque creo que unha boa maneira de rematar con este tipo de situacións é a educación. De todos modos e como dixen ao principio eu recomendaría esta novela dunha autora quizais non demasiado coñecida que tenta facerse un oco no panorama literario galego, e sempre está ben que aparezan estas novas novelas, pensadas e escritas en galego.
sábado, 2 de abril de 2011
"The Defenders"
Esta estaría dentro das series nada máis que entretidas, sen moitas máis pretensións que esa, que como teño dito, se o consegue, xa é bastante. Non é como outras que saíron xa por aquí dentro da mesma temática. Non estamos a falar dun gran bufete de avogados con todos os medios posibles e enfrontándose ás grandes corporacións, ás empresas de todo tipo ou a casos que vaian rematar no Tribunal Supremo. É algo moito máis cotián e case pedestre, con casos pequenos e delitos que non van rematar saíndo nos periódicos. E tampouco temos a unha morea de avogados e avogadas pululando por aí, axudando a gañar o caso; tampouco temos a intelixentes e espabilados investigadores que atopan sempre a solución ao caso para que o avogado gañe e o seu cliente saia libre. Non, estamos simplemente ante dous avogados dun pequeno bufete, axudados por unha avogada nova e novata e unha secretaria, digamos, algo especial. Os casos serán, normalmente, pequenos delitos, roubos (nun dos últimos que vin alguén roubaba os zapatos de gamuza azul de Elvis), estafas de rango medio, débedas económicas, algún asasinato..., todos casos cos que se pode atopar un avogado normal, porque iso é o que son. Son normais, non buscan a fama aínda que si o diñeiro, claro, que lles é necesario para vivir. Anúncianse en grandes letreiros da cidade, buscan clientes nos xulgados e de vez en cando aparece un bo cliente que lles vai deixar algo de diñeiro para soster o despacho. Este quizais sexa un dos aspectos que fai que sexa distinta, a forma de tratar a temática legal, dun xeito moito máis simple, real e cotián que a maior parte das demais, sempre moito máis grandilocuentes e espectaculares no tratamento dos casos legais. Quizais este sexa un dos aspectos polos que me gusta e me entretén.
Os dous protagonistas son, ademais, ben distintos no seu carácter, forma de comportarse e de facer as cousas, tamén na forma de ver a vida. Un é máis serio, formal e preocupado polo seu divorcio e o seu fillo, e o outro, que é máis novo, é máis golfo, ligón, xogador e gastador. O maior dos dous é Nick Morelli, case o fundador do bufete, traballando para soster o negocio e a súa familia, divorciado da súa muller (aínda que non contento coa situación) e cun fillo ao que ve algo menos do que desexaría. O novo é Pete Kaczmarec, atractivo, con elegancia e estilo, preocupado dos seus clientes, pero tamén de gozar da vida o máis posible; xoga, bebe, sae e ata nalgunha ocasión é capaz de liarse con algunha clienta. E traballando con eles a novata Lisa Tyler, unha rapaza nova á que contratan para que lles bote unha man; traballaba como bailarina de striptease nun club para pagarse a carreira e eles, tendo en conta o seu pasado, foron os únicos que lle deron traballo. Zoey Waters é a secretaria, sempre ben maquillada e pendente de case todo o que pasa, tendo que intervir máis dunha vez nos casos e nas investigacións. Estes catro levan o peso dos argumentos, xa que o resto, en xeral, cambian en cada episodio.
E a cidade na que transcorre a acción e outra das protagonistas. Se fixeramos de novo unha clasificación das cidades americanas que máis saen no cine e na televisión sen dúbida a primeira sería Nueva York, e tamén sen dubidalo a segunda, e moi preto da anterior, sería Las Vegas. Así é, son dous avogados que teñen os seu despacho nesta espectacular cidade, que funciona como un personaxe máis xa que é a que provoca a maior parte dos casos que teñen que defender. Moitos deles relacionados con estafas a casinos, débedas de xogo, casos de prostitución, detencións ilegais, algún asasinato (claro, non podían faltar), divorcios...; como dicía hai unhas liñas as cousas que deben de pasar nesta cidade a todas horas e todos os días, a cidade que nunca dorme é o que ten, que da pe para moitas cousas.
No que se refire aos actores os dous protagonistas son ben coñecidos, cunha boa cantidade de cine e televisión no seu currículum, algunhas destacables e moitas non tanto, pero sempre gardando unha certa liña no sentido de entretemento e comedia. Nick Morelli é un actor moi coñecido, James Belushi, un veterano nestas lides que empezou na televisión a finais dos anos setenta, dela pasou ao cine durante unha boa temporada con películas bastante coñecidas e tras unha época algo escura volveu á televisión, na que parece terse instalado definitivamente, aínda que tamén con altibaixos. Antes participou no programa de comedia máis famoso da televisión americana, “Saturday night live”, unha auténtica fábrica de actores cómicos. A min paréceme un bo actor para este tipo de cousas e aquí está bastante ben, a verdade é que para min é o que leva o peso de case todo o que pasa e é o centro da maior parte das historias. Pete Kaczmarec é o actor Jerry O´Connell, tamén moi coñecido de cara que pasou moito tanto polo cine como pola televisión. Curiosamente buscando datos dinme conta de que era un dos protagonistas dunha das películas que teño entre as miñas favoritas, “Cuenta conmigo”, cambiou tanto que non o recoñecera, que a película esta é do ano 1986. Tamén está bastante ben nese papel de golfo simpático que lle da un pouco o contrapunto ao seu socio, que ten que sacalo máis dunha vez dos problemas nos que se mete. O resto son actores moito máis descoñecidos.
A serie como dixen ao principio non está mal, non podemos incluíla dentro das destacables e con calidade pero ten bos momentos e fai que un estea entretenido e sorría máis dunha vez ao longo de cada capítulo. Algunhas situacións poden ser algo ridículas, pero están tratadas tentando darlle un certo aire de realidade e verosimilitude. Os casos, ao mellor por ser distintos aos da maioría das series, son amenos e interesantes, case sempre con algunha sorpresa no seu desenvolvemento e facendo que ambos avogados teñan que ser inxeniosos e áxiles para conseguir a liberdade dos seus clientes. Polo medio temos as cousas deles, os problemas familiares e persoais de Nick e os líos nos que se mete Pete, que lle dan tamén algo máis de interese á serie. Capítulos de corenta minutos nos que prima, como dixen, o entretemento sobre as cuestións legais, un pequeno xiro para tentar facer algo distinto que convenza ao espectador. Ten bos momentos e sabe conseguir a atención, así que é recomendable para alternar con esas outras que ao mellor son máis serias, máis dramáticas ou teñen máis calidade. Un postre saboroso para rematar unha boa comida, por exemplo; ou algo para picar cando un non ten demasiada fame. Espero que vos resulte, polo menos, tan entretida e divertida como a min, xa me diredes.
Non atopei vídeo en castelán, así que queda en inglés, ademais deste outro que é un anuncio dos avogados reais nos que, máis ou menos, basease a serie.