viernes, 28 de mayo de 2010

Editorial Bruguera, adeus

bruguera1973.jpgtrueno.jpg
A verdade é que non pensaba escribir nada hoxe, pero estaba a ler o periódico e na contraportada vin unha noticia que me provocou unha certa tristeza, a verdade. A noticia de que unha editorial peche non é nunca unha boa nova, pero se ademais é unha das clásicas do noso país, unha que nos deu a todos unha cantidade que non se pode medir de alegrías e bos ratos e que penso que creou toda unha xeración de lectores creo que é case un desastre. A editorial Bruguera pechará definitivamente a finais deste ano ou principios do que ven, unha verdadeira lástima.


A razón din que vén dada pola crise económica. A propietaria de Bruguera é o Grupo Zeta que toma a decisión de pechar esta editorial en canto remate de publicar as obras que ten contratadas. Din que levaban varios anos tentando “levantala”, pero que xa non é rendible, cousas da economía. Todos sabemos que non estamos nun bo momento, pero a pesar diso creo que a rendabilidade dalgunhas cousas non pode ou non debería ser a máxima para manter ou non algo. Din que este peche servirá para reforzar outros selos máis comerciais, pero tamén podían plantexarse cambiar as estratexias e mantela. Son poucas as oportunidades que agora se lle dan as cousas, en canto algo non da o diñeiro que os empresarios esperan obter, van e o eliminan, así, sen pensalo demasiado e sen dar máis oportunidades. Non é que esteamos nun país no que se lea moito e sei por experiencia que as novas xeracións non están saíndo precisamente afeccionadas á lectura, iso é innegable. Agora a competencia visual é tan grande que para eles é unha perda de tempo ter que ler algo. No meu traballo cústame moitísimo atopar algunha lectura que lles guste, ler é algo completamente obrigatorio para eles e algo que moi poucos, cada vez menos, fan dun xeito voluntario, o que me parece moi triste, sobre todo para eles, porque trae consigo outras consecuencias das que non son agora conscientes, porque non son capaces de saber canto poden aprender lendo. Tamén se fala moito de fracaso escolar, de abandonos, de non saber que facer con eles; pois penso que moitas destas cousas veñen de non ter hábitos lectores desde pequenos, telos axudaríaos moito a estudar, a comprender o que len, non so na literatura, senón nos seu libros de texto, pero iso é algo que custa que entendan. Non son conscientes en absoluto do que se perden e a competencia audiovisual (televisión, consolas, internet...) é moi forte.


Bruguera naceu no ano 1910, especializada en novelas por entregas, libros de chistes e biografías populares. En 1921 empeza co cómic “Pulgarcito”, que foi a competencia do popular “TBO”. Desde os anos 50 clásicos da literatura popular española como Corín Tellado ou Estefanía publicaron as súas moitas novelas nesta editiorial, de amores unha e do oeste o outro. Tamén nesta época clásicos do cómic español saen dela, como “El Capitán Trueno”. Nos anos 60 e 70 foi a maior editora de cómics de España con debuxantes clásicos que todos temos que recordar, como o gran Ibáñez e as historietas de “Mortadelo y Filemón”, “Zipi y Zape”, “Rompetechos”, “13 Rue del Percebe”, “Anacleto”, “Pepe Gotera e Otilio” e unha infinidade delas que quedarán para sempre nos nosos recordos de infancia. Todos os que pasamos dos corenta temos que recordar a estes personaxes e máis. Os nostálxicos poden ver unha pequena historia desta editorial e de todos os seus personaxes nesta páxina web: http://seronoser.free.fr/bruguera/


Para moitos de nos estas foron as nosas primeiras lecturas, polo menos para min si, e foron lidas durante moito tempo, non so de pequeno. Cada vez que saía un conto novo de moitos destes personaxes, xa sendo algo maior, procuraba conseguilo e lelo, porque era como volver de novo á infancia por un momento. Xa era lector de libros pero aínda tiña ganas de ler o novo de “Mortadelo” cando Ibáñez e Bruguera publicaban un novo libro, moitas veces relacionados coa actualidade do momento, desde o Mundial de Fútbol de España, as Olimpíadas de Barcelona, las aventuras nas que coñecen a Pau Gasol ou a Fernando Alonso e moitos outros acontecementos, a maior parte deportivos, iso é certo, pero é o máis popular. En casa teño algúns volumes recopilatorios que os meus fillos len de vez en cando (e algunha vez aínda os collo eu, para que negalo).rompetechos.jpg


Unha pena, de verdade. Penso que esa iniciación á lectura hoxe perdeuse, os nenos e nenas de agora non len nada de nada, por non ler non len nin tebeos, porque xa nada lles chama a atención e están perdendo a porta de entrada á lectura. Penso que todos empezamos a ler con cousas como estas, nunca estiven, como outros, en contra de que os nenos lean tebeos e cómics porque son o principio dun camiño que ten esa porta de entrada, pero agora non chegan nin a pasar ao principio do camiño e iso trae as consecuencias comentadas, que non len nada de nada e é moi difícil atopar algo que lles guste de verdade. Tampouco quero ser tan negativo, porque hai algúns momentos e autores que trouxeron consigo un certo éxito de lectores e ventas, penso na serie de “Harry Potter” ou na saga “Crepúsculo”, que fixeron que moitos deles andaran cun libro baixo o brazo e leran, pero para moitos deles iso quedou aí e non pasaron a outras cousas, morta a saga acabouse o interese. Para outros non, pero son unha minoría.


zipi.jpg


E xa remato, hoxe non foi máis que unha reflexión provocada por esta noticia, adeus Bruguera e todos os que naceron e desaparecen contigo. Un recordo con cariño para todos eles.


mortadelo.jpgpercebe.jpg

No hay comentarios:

Publicar un comentario