jueves, 27 de mayo de 2010

"El clan Inugami", Seishi Yokomizo

yokomizo.jpginugami.jpg
Hai uns días aparecía por aquí a primeira novela dun autor xaponés, e dicía eu que pensaba que non ía tardar moito en aparecer algunha máis doutro do mesmo país, o que non sabía era que sería tan pronto, poucos días despois, pero é que acabo de ler unha novela que me gustou bastante e que me tivo intrigado e interesado durante toda a lectura. Chegou a min por un regalo dun dos meus irmáns, e sorprendeume porque non coñecía de nada ao autor pero el tiña boas referencias, e acertou. De paso tamén inauguramos un xénero novo neste blog, porque esta é unha novela de detectives ou, como cualifican algúns a este xénero especial e moi habitual dentro do mundo dos investigadores privados, unha novela enigma, desas nas que un ten que ir pensando xunto co protagonista en quen é o autor dos asasinatos que van aparecendo ao longo da historia. Polo que vin é a única traducida ao castelán deste autor, e iso que é un dos máis lidos en Xapón e as súas obras non son recentes, estráñame que non haxa ningunha máis, pero espero que a mesma editorial se anime a facelo, porque polo menos a que lin eu, merece a pena. Titúlase “El clan Inugami” e o autor é Seishi Yokomizo. Xa digo que en castelán so podemos disfrutar desta, pero ten moitos libros e é o autor de novelas de misterio máis coñecido de Xapón e Asia, con adaptacións cinematográficas e series de televisión baseadas nas súas novelas. Vendeu máis de 55 millóns de exemplares das súas historias.


Seishi Yokimizo naceu no ano 102 en Kobe e morreu en 1981. De neno era afeccionado ás novelas de detectives e en 1921, mentres traballaba nun banco, publicou a súa primeira historia. Graduouse no Colexio de Farmacéuticos de Osaka e tentou montar unha farmacia, pero non tivo demasiado éxito debido á competencia coa medicina tradicional. Trasladouse a Tokio, onde foi contratado pola Editorial Hakubunsha en 1926, renunciando en 1932 para dedicarse por enteiro a escribir. Desde o principio sentiuse atraido pola novela de policías. En 1934, mentres se recuperaba dunha tuberculose, completou a súa primeira novela, “Onibi”, publicada en 1935, aínda que algunhas partes foron censuradas polas autoridades. Coa chegada da Segunda Guerra Mundial tivo problemas para publicar as súas obras e pasou por graves problemas económicos, o que tamén afectou á súa enfermidade. Pero ao pouco de rematar a guerra as súas novelas tiveron un enorme éxito. Moitas foron publicadas en forma de serial en revistas, eran historias de misterio ao estilo das de detectives occidentais. Ata foi coñecido como o “John Dickson Carr xaponés”, un coñecido autor de novelas deste tipo ao que admiraba. Como todos os autores deste xénero ten un personaxe que aparece na maior parte das súas historias, como todos un home con certas peculiaridades e características. No seu caso é o detective Kosuke Kindaichi. No ano 1980 estableceuse un premio literario co seu nome para novelas de misterio inéditas.


“El clan Inugami” é unha novela publicada orixinalmente no ano 1972. En castelán aparece no ano 2009 por “La factoría de ideas” na súa colección Best Seller, co número 17. A historia parte da morte de Sahei Inugami, un home de negocios con moito diñeiro e moi importante, cunha vida axitada e con certos misterios. Un avogado, Toyoichiro Wakabayashi, tenta contratar ao detective Kosuke Kindaichi (como dixen o protagonista da maior parte das novelas do autor), pero este avogado morre de forme estraña e violenta pouco antes de poder falar co detective. Aquí empeza o misterio e os asasinatos. Todo ven motivado polo testamento de Inugami, que todos os seus descendentes queren coñecer o máis pronto posible, pero esta lectura non se pode facer ata a chegada dun dos netos do falecido, Kiyo, que marchou á guerra e aínda non volveu. Inugami tivo tres mulleres, aínda que non casou con ningunha delas e cada unha tivo un fillo varón e as tres nais e os tres fillos esperan herdar o imperio económico que deixou. Pero polo medio temos tamén a Tamayo Nonomiya, a neta dun monxe chamado Daini que é fundamental na historia e que foi o que acolleu a Inugami na súa mocidade e fixo del o home que foi despois. Aparece Kiyo, cunha máscara que lle cobre a cara polas feridas recibidas en combate e dáse lectura ao testamento. Todos quedan abraiados pola decisión do falecido, xa que a que sae máis beneficiada é Tamayo, que non ten nada que ver directamente coa familia e un elemento novo, Shizuma Aonuma, que tamén quedará moi beneficiado nese testamento. En realidade a maior herdeira será Tamayo, pero para iso terá que casar cun dos netos do morto: Kiyo, Tomo e Také. E aquí empezan os asasinatos misteriosos e violentos que desconcertan a todos, policía, ao detective Kindaichi a á propia familia.


Pode parecer un argumento algo retorcido e posiblemente non demasiado ben contado, pero contar máis sería desvelar cousas que o lector ten que descubrir por si mesmo, porque o mellor de estes relatos é ir pouco a pouco lendo e imaxinando quen pode ser o asasino e, neste caso, non hai maiordomo a quen botarlle as culpas. Hai anos lin, como case todos os que sexan lectores, as novelas de Agatha Christie, pois moitas delas seguen este mesmo esquema. Un grupo de xente reunida nun lugar máis ou menos pechado no que pouco a pouco algúns van morrendo e o lector ten que ir pensando a ver quen é o que os mata entre os que van quedando. E un final resolto nunha reunión de todos os protagonistas da novela no que todo quedará aclarado. Como nelas tamén temos á policía e ao detective que é o que acaba por resolver todo ao final, sempre sorpresivo e ben levado. Pois o mesmo ocorre nesta, un clan familiar que esconde moito máis do que parece, marcados por un patriarca duro e case cruel en moitas das decisións da súa vida e que deixa un testamento que o único que fai e enfrontar a todos, xa que no todos poden quedar beneficiados. As envexas, as rivalidades, os odios e rancores, as mentiras entre todos eles son unha constante e todos teñen unha serie de motivos ocultos que van saíndo á luz a medida que avanzamos na lectura. Se a isto lle sumamos ese aire das novelas xaponesas, con ese estilo de vida tranquilo, repousado, no que as cousas parece que pasan a cámara lenta, moi estético (pero advirto que o autor non se estende en amplas e lentas descricións, todo o contrario, é conciso pero completamente suficiente para imaxinar o que estamos a ler), cheo de rituais e costumes. Neste caso tamén aparece a simboloxía, fundamental para a cultura xaponesa, con tres elementos que son o símbolo do clan: o hacha, o crisantemo e a cítara, tres obxectos de ouro polos que alguén chegará a matar.


Se o desenvolvemento da novela recorda as da mencionada escritora inglesa (e moitos outros, claro, pero por mencionar á máis coñecida) non me podo resistir a comentar algo tamén do detective Kosuke Kindaichi. Este tipo de personaxes soen ter algunhas características especiais que os converten en persoas digamos peculiares. Neste caso temos a un home algo desastrado no seu vestir, tartamudo cando se pon nervioso e que ten outro costume que sorprende a todos os que están con el, cando está a pensar, non entende algo ou se sorprende comeza a rascarse compulsivamente a cabeza, o que fai que teña sempre un aspecto algo estraño. Resultoume un personaxe moi simpático, ademais de moi cinematográfico e non podo evitar dicir que me recordou a outro detective da televisión dos nosos anos mozos, os que recorden ao tenente Colombo poderán facerse unha idea aproximada de como é este, claro que cambiando a gabardina por un kimono. E como el, sempre medio despistado, parecendo que non se enteira de nada, facendo as veces preguntas tontas ou sen sentido, pero ao final demostrando que a súa cabeza estivo a funcionar perfectamente todo o tempo e ata o máis pequeno detalle quedou recollido na súa cabeza como unha peza dun puzzle que queda perfectamente montado ao final.


Se vos gustan este tipo de novelas eu non a deixaría pasar. Os personaxes son todos interesantes, e so mencionei a algúns dos principais, pero hai varios máis que son fundamentais para a historia, pero desvelar os seus nomes ou a súa participación sería xa dar demasiados datos e mediatizaría a algún posible lector, así que é mellor que o descubrades por vos mesmos. A lectura faise dun xeito moi áxil, a min duroume pouco aínda que non é unha novela longa, unhas 300 páxinas, con capítulos curtos que sempre te incitan a pasar ao seguinte para saber algo máis. Tamén haberá que acostumarse aos nomes, que ao principio, pola falta de costume, poden resultar algo confusos, pero para iso temos ao principio un listado de todos para consultar se nos perdemos algunha vez. Veña, a ver se descubrides ao culpable antes de chegar ao final, eu non o tiña claro ata as últimas páxinas.


Déixovos un vídeo dunha das dúas versións cinematográficas, a máis recente, que é do ano 2006, a pena é que está en xaponés e subtitulada en inglés e a verdade e que non teño nin idea de se chegou a estrearse en España, aínda que penso que non.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=f1k6JPmNYp0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario