domingo, 9 de mayo de 2010

Novas tecnoloxías e ensino

Este é outro post dos do cursiño
As novas tecnoloxías levan un tempo entrando con forza dentro dos centros de ensino, iso é algo innegable, agora temos proxectos como o Programa Abalar que van facer que iso sexa algo aínda máis presente. A informática e todo o que trae consigo é un mundo que avanza máis rápido que nos e iso implica moitos cambios, algúns máis fortes e complicados que outros. Neste curso que estamos a facer vemos a aplicación das novas tecnoloxías para alumnado con necesidades educativas especiais, un mundo cheo de novidades que lles abre un mundo a este alumnado que antes non é que tiveran pechado, pero si que lles podía ser de complicado e difícil acceso.
ipd.jpg
Pero antes, brevemente, darei unha opinión sobre este tema. Non quero parecer arcaico, e por suposto non estou en contra destas novas tecnoloxías, en absoluto, xa que son un usuario habitual deste tipo de cousas e moi afeccionado a todo tipo de novidades e elementos e programas informáticos, debo dicir que é un mundo que me encanta. Pero tamén creo que duns anos a esta parte, buscando solucións para o gran fracaso escolar co que nos atopamos, é posible que lle esteamos a dar demasiada importancia. Parece que se poñemos ordenadores, encerados dixitais, ebooks e demais nas clases aos nosos alumnos e alumnas van desaparecer os problemas, os abandonos, a falta de estudio e, sobre todo, a falta de interese, a verdade é que non o creo. Penso que todos estes elementos son un instrumento máis, cada vez máis presente e utilizable, para todo o proceso de ensinanza aprendizaxe, pero non son a panacea universal para acabar cos problemas. Ademais disto o uso correcto e adecuado destes elementos supón por un lado unha certa preparación por parte do profesorado que algúns non teñen (aínda que a verdade é que se un sabe usar basicamente un ordenador non é necesario moito máis, pero as veces pode máis o medo ao descoñecido que outras cousas). Por outro lado tamén implica un traballo máis, que as cousas non se fan soas nin funcionan autonomamente, xa que se un quere usar eses elementos con produtividade non chega con buscar recursos e exercicios xa feitos pola rede adiante; que para empezar está ben, ademais de que cada vez hai máis recursos completamente gratuítos que podemos usar; senón que tamén teremos que empezar a traballar nos en preparar eses contidos adaptándoos aos nosos alumnos e alumnas, tanto en conxunto como de xeito individual para conseguir os obxectivos que persigamos en cada momento e con cada un deles. Con isto non quero dicir, para nada, que estea en contra do uso destes elementos, pero non, como parece nalgúns casos, do seu uso case exclusivo, son un recurso máis a utilizar.
Tamén creo que depende moito do tipo de alumnado que teñas, e sobre todo da súa idade. En educación infantil e primeiros cursos de Primaria si que penso que é algo imprescindible. As xeracións actuais nacen e crecen xa sabendo perfectamente que é un ordenador e algúns fillos moi pequenos manexan máis programas informáticos que os seus pais, e iso hai que telo en conta. Ademais tamén o costume de usar este tipo de medios é algo que hai que ir ensinando desde o principio para que a medida que vaian pasando os anos estean xa acostumados e o vexan xa como algo case natural. En Secundaria penso que a cousa é algo distinta, por un lado por esta falta de costume que teñen, por outro porque hai moito máis material utilizable para os máis pequenos e tamén porque moitos deles conciben o ordenador como un instrumento que so lles serve para usar redes sociais, ensinar as súas fotos, comentar o día, chatear e, sobre todo, fusilar os traballos de clase da wikipedia (se polo menos os traballaran antes en lugar de limitarse a imprimilos sen lelos valería para algo).
pizarra.jpg
O que teño claro é que para alumnado con necesidades especiais as novas tecnoloxías abren un mundo de posibilidades infinito para eles. Como dixen algo máis arriba vailles permitir acceder a unha serie de coñecementos e sobre todo formas de aprender que antes eran inexistentes. As posibilidades, como estamos a ver neste curso, son infinitas e cada vez crecen máis. Poder interactuar cun ordenador para aprender a traballar moitas cousas é algo maravilloso para eles e ademais que é posible adaptalo para case calquera tipo de necesidade. Cada vez non so os instrumentos, senón tamén os programas son mellores e máis adaptados a necesidades específicas, polo que as posibilidades de aprendizaxe están a crecer dun xeito rapidísimo. Iso supón que o profesorado ten que adaptarse a estas novidades, pero tamén a administración ten que estar disposta a asumir as dotacións materiais e económicas que todo isto trae consigo.
No noso centro, como moitos, temos so un encerado dixital. No momento que chegou o primeiro foi decidir onde ía estar. Tras varias posibilidades adaptouse un aula so para el con toda a dotación necesaria, canón de vídeo, mesa de son, ordenador, etc. A verdade é que o seu uso é bastante habitual por parte de moito profesorado, o cal é digno de alabanza. Úsase bastante e debo dicir que estamos todos bastante mentalizados do uso das novas tecnoloxías como un elemento máis do noso traballo. Así que neste momento un so non é suficiente, xa que é moita xente a que o quere usar. E tamén dicir que non se usa como un gran proxector, senón que hai profesores que preparan os seus materiais pensando neste novo elemento ou que aproveitan e pasan horas buscando pola rede materiais que poidan usar. O curso que ven temos concedido un programa Abalar, así que espero que veña algún máis. Ademais diso, tras anos de recibir material e comprar algún máis, todas as clases están dotadas dun ordenador e dun canón no teito (o peor foi pagar as instalación, que foron carísimas) e son de uso bastante habitual para todo tipo de actividades, así que nese sentido estamos bastante implicados no uso das novas tecnoloxías.ebook.jpg
Outros elementos que se consideran tamén poden ser útiles, e outros non tanto. Entre os que non penso, por exemplo, nos Ebooks. Eu teño un e estou encantado con el, pero para o ensino non me parece demasiado viable. Por un lado perdemos a cor, que para algunhas cousas paréceme indispensable. Non me parece un bo instrumento para, por exemplo, substituír ao libro de texto, máis que nada porque cando un estuda ten que andar para adiante e para atrás, lendo e relendo cousas e paréceme que para iso é un pouco lento, pouco claro e perdemos parte da efectividade en certos aspectos. O uso que eu fago del é para o que está pensado, para ler, e para iso poderían usalo, para facer as lecturas, tanto as que se lles poden mandar na clase como as que queiran facer eles, porque para iso é ideal, cómodo, rápido e non cansa nada, ademais tendo en conta o que lles chaman a atención as tecnoloxías a algúns pode ser unha boa forma de que se aficionen á lectura.
tablet.jpg
Agora vannos mandar netbooks, eses pequenos ordenadores que teñen unha certa utilidade pero que sobre todo son cómodos para levar e traer, pero non tanto para traballar con eles, as pantallas son algo pequenas e non é demasiado cómodo escribir durante un certo tempo neles, pero teñen as súas vantaxes. A min paréceme máis cómodo o concepto, como se está a facer noutros sitios, do TabletPC, parécenme máis cómodos, aínda que con menos posibilidades de uso, pero para o ensino creo que son os instrumentos ideais.
Por algunhas das cousas que digo pode parecer que non estou a favor do uso das novas tecnoloxías no noso traballo diario, para nada, so que como dixen penso que para algúns parecen a solución a todos os males, e non o son. Temos que concebilas como un instrumento máis que engadir aos que usamos normalmente e usalas con cabeza e sentido. Tamén, como xa dixen, para alumnado con necesidades especiais parécenme indispensables neste momento e moi útiles, pero hai que solucionar algúns aspectos: dotación, preparación e materiais adecuados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario