Hoxe vou comentar unha novela de recente publicación, creo que hai algo máis dun mes que apareceu nas librerías. Hai case minutos que rematei de lela, e deixoume un bo gusto, a verdade, gustoume moito, pareceume interesante, cunha historia máis que atrainte e interesante que me enganchou de principio a fin e iso que é unha novela longa. Falo da última obra dunha coñecida escritora española, a cuarta de ficción na súa produción, “Dime quién soy”, de Julia Navarro.
Julia Navarro, nacida en Madrid en 1953. É licenciada en periodismo e ao longo da súa carreira exerceu o periodismo sobre todo de tipo político en prensa, radio e televisión. Traballou para a axencia Europa Press, as revistas “Panorama”, “Tiempo” e “Interviu”, as cadenas de radio SER e Cope e as en Televisión Española, Canal Sur e Telecinco. Ao principio publicou varios libros de carácter político, pero no ano 2004 publica a súa primeira novela de ficción, “La hermandad de la Sábana Santa” coa que obtivo un enorme éxito de ventas e foi publicada en moitos países (Italia, Alemaña, Xapón, Corea, China, Reino Unido, Estados Unidos...). Era unha novela a medio camiño entre as historias de aventuras e as históricas, moi entretida e interesante, chea de acción, movemento e historias do pasado e do presente, que serán un elemento constante dentro da súa produción ata o momento polo menos. No ano 2005 aparece “La Biblia de barro”, outra interesante novela que segue máis ou menos o esquema da anterior, aventuras, acción e moitos datos históricos e viaxes por varios lugares do mundo do pasado e do presente. En 2007 publícase a terceira, “La sangre de los inocentes”, na que están presentes as mesmas constantes das anteriores, partindo dun feito do século XIII deriva desde a Segunda Guerra Mundial ata os atentados islamistas en Europa. Lins as tres no seu momento e gardo un bo recordo da lectura, eran máis que interesantes e moi entretidas, cheas de acción, sorpresas e lugares espectaculares, segredos, investigacións e todos os elementos imprescindibles para facer unha boa novela, ben estruturadas e montadas e con bos personaxes. Moito poderían dar de si calquera das tres pero non me vou estender, máis que nada porque son de sobra coñecidas e hoxe toca falar da nova.
“Dime quién soy” é a cuarta novela de Julia Navarro, publicada neste mesmo ano 2010. En certos aspectos ten un esquema moi parecido ás anteriores, pero noutros non ten nada que ver. Creo que este é un dos seus maiores atractivos, porque a fórmula seguida nas outras non é que estea gastada, para nada, pero tamén é unha demostración con bo resultado de que pode facer algo distinto. Vainos contar como Guillermo, un periodista medio traballando medio en paro, xa que ten certos problemas para manter un traballo, é chamado pola súa tía para que investigue a vida da súa bisavoa, unha muller á que ninguén na familia coñece, xa que desapareceu en certo momento e non volveron saber nada dela. A tía pídelle esta investigación coa idea de que escriba unha medio novela para regalar á familia e que saiban quen foi. Este rapaz vaise converter nun mero transmisor da historia, xa que a verdadeira e completa protagonista é Amelia Garayoa e a súa vida. O único que sabe nun principio é que desapareceu de España deixando ao seu marido co que casara recentemente e ao seu fillo, que é o avó de Guillermo, pouco antes do comezo da Guerra Civil española. Vai ter que realizar unha inxente labor de investigación, nada fácil, para poder reconstruír a vida desta muller, construíndo un gran edificio, paso a paso e planta por planta desde os seus cimentos, xa que na familia ninguén sabe nada. Pronto perderá a colaboración da súa tía, pero aparecen outras dos mulleres, relacionadas coa familia, que serán as que realmente van ser decisivas na investigación, dándolle pistas e dirixíndoo polo mellor camiño para poder avanzar na historia. A completa protagonista da historia é Amelia, sempre marcada polos homes que foron pasando pola súa vida. O seu marido, o empresario Santiago Carranza, pai ademais do seu fillo, aos que abandona. O revolucionario Pierre Comte, o periodista medio inglés medio estadounidense Albert James e o médico militar alemán Max von Schumann serán os seus acompañantes nesta historia, na que ademais aparecerán outros homes tamén como os seus completos e tremendos antagonistas. Así a súa vida irá desde a España da República ata a caída do muro de Berlín, e no medio a Segunda Guerra Mundial ou os anos da Guerra Fría. Esta mistura aparecerá tamén nela, unha muller da clase burguesa e acomodada española que será revolucionaria, comunista e moitas cousas máis que non vou desvelar porque rompería as sorpresas e momentos interesantes dunha historia que hai que ler. Guillermo non deixará de sorprenderse polo que vai descubrindo, alucinando coa vida que levou Amelia e sufrindo por todo o que pasou. Para isto contará coa axuda dunha serie de personaxes que lle van contando partes da historia, pero paso a paso, non lle deixan nunca saltarse nada, como dixen antes vai desde os cimentos ata o cumio, pero piso a piso, paso a paso, sen saltarse ningún para non perder a perspectiva. Será un continuo de viaxes, de coñecer xente, pero concentrándose en catro ou cinco persoas que lle van contando a historia, cada un o que coñece, e a algúns terá que velos varias veces, porque non lle queren contar todo o que saben ata que saiba el o que pasou no medio. Terá que moverse por Madrid, Barcelona, Bos Aires, París, Londres, Roma, Xerusalén... (e a algunhas vai varias veces) ata chegar ao final. Unha historia que se pode resumir nunha frase usada case ao final da novela, "Non tiven elección".
Para min é a mellor novela das catro que escribiu. Xa dixen que segue o esquema de todas no sentido das viaxes, do movemento pero nesta non hai tanto elemento fantástico, tanta acción. A acción, que a hai, está máis concentrada nos personaxes e na súa historia, que é tremenda. Todo o que ocorre é completamente crible, cousa que non se podía dicir dalgúns momentos das outras (que tampouco penso que sexa un defecto, conste). En todas elas a labor de investigación e importante, pero nesta creo que máis, porque son acontecementos relativamente recentes e facilmente comprobables, pero aínda así non perde a idea de que todo o que relata puido pasar perfectamente tal e como o lemos. A vida de Amelia Garayoa pareceume apaixonante, interesantísima, ademais de que podería ser una lectura perfecta para moitas clases de historia, que é posible que a algúns (os acostumados a ler, claro) lles resultara unha forma xenial de aprender a historia da Europa do século XX. É unha novela de máis de mil páxinas que se le non vou dicir que dun tirón, pero as ganas de saber, de seguir coñecendo a vida da protagonista fai que incluso lle quitara algunhas horas ao sono para poder continuar. A min persoalmente, do que teño lido nos últimos tempos, é do que máis me gustou, sufrín e logrou conmoverme e arrepiarme en moitos momentos. O estilo e fluído e fácil, pero non sinxelo. Os diálogos son áxiles e continuados, en moitos momentos é fácil imaxinar aos personaxes tendo a conversación. Non so o personaxe principal está moi ben, penso que absolutamente todos están perfectamente definidos e plasmados para o desenvolvemento da historia, tanto os que aparecen na vida de Amelia como os que aparecen na investigación de Guillermo, moitos deles quedarán na miña memoria durante un tempo e agora que rematei incluso os boto de menos.
Podería estenderme maís, pero non é cuestión, creo que é evidente que me gustou moito así que é unha boa recomendación. É máis, a ver se alguén a le e pode dicirme se coincide ou non comigo, espero os vosos comentarios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario