jueves, 30 de junio de 2011

"Un cuento chino"





En Vigo a oferta cinematográfica podemos dicir que non é escasa, aínda que tampouco é para tirar foguetes. Como na maior parte dos sitios o 90% de carteleira dedícase ao cine americano, ao que por este blog é evidente que son afeccionado, non o vou negar. Pero é complicado ver outro tipo de cine, outro estilo e sobre todo de outras nacionalidades. Soamente nos queda un pequeno cine que se sostén a medias onde se poden ver outras cousas. De todos modos hai cinematografías e actores que conseguen que as súas películas poidan verse dentro dos circuítos máis habituais, aínda que as veces poidan quedar eclipsadas por esas grandes producións e a espectacularidade que case pecha outras posibilidades. É o caso da película que fomos ver esta última fin de semana, que penso que sería unha pena que quedase oculta entre estas outras. Cando digo que hai actores que conseguen facerse un oco conto ao protagonista desta de hoxe, o arxentino Ricardo Darín, un deses actores que me gustan sempre e que alterna películas digamos máis “serias” con outras un pouco máis suaves, pero que non decepciona nunca, e nesta en concreto non o fixo en absoluto, xenial coma sempre. A película é unha estrea recente, espero que podades vela antes de que desapareza da carteleira, na sala na que estivemos eramos pouco máis de vinte persoas e iso ao día seguinte da estrea, unha pena, titúlase “Un cuento chino”.
A historia é simple. Roberto é un home que ten unha pequena ferretería das de toda a vida, lonxe das grandes cadeas, un negocio familiar que atende persoalmente. É un home huraño, protestón, que vive so porque quere e así o decidiu, maniático e moi metódico (apaga a luz todos os días ás once en punto da noite, nin un minuto antes nin un despois). A súa vida redúcese ao seu traballo e aos poucos clientes que van mercar catro cousas á tenda. Perdeu a súa nai cando naceu el (pero nunca a esqueceu, cada día polo seu cumpreanos ponlle unha pequena figura de cristal na vitrina na que tamén ten unha foto dela) e era moi afeccionada a coleccionar cousas, costume que el tamén ten. Entre xente que tenta ser a súa amiga pero á que rexeita; Mari, unha rapaza que é evidente que está namorada del pero á que tenta manter a unha certa distancia e os clientes “pelotudos” desenvolve o seu día a día. Pasa os días contando os parafusos ou as puntas das caixas dos provedores e reclamando, porque nunca veñen os que teñen que vir, todos son iguais, levantarse, almorzar sempre o mesmo, atender a tenda e pouco máis. Cada día tráenlle os xornais de varios sitios, o alimento da súa maior afección ata o momento, recortar noticias ridículas, esaxeradas, curiosas, incribles e poñelas nunha serie de álbums. Outro dos seus entretementos é ir no seu coche e aparcar ao lado das pistas do aeroporto, ver aterrar e despegar os avións...; pero un día algo vai pasar, algo que cambiará por completo a súa vida, a súa rutina, as súas relacións e a súa forma de ver a vida. Un taxi deixa a un chino tirado un pouco máis adiante de onde está el. Cando o ve é incapaz de non facer nada, pero o problema é que o chino non ten nin idea de castelán e, claro, Roberto non sabe unha soa palabra de chino. Terá que esforzarse por facerse entender, con moitas dificultades, claro. E así, a base de xestos, desesperación, enfados e situacións ridículas vai nacer unha relación entre eles que fará que moitas cousas cambien para Roberto e o seu entorno. Como noutros casos non quero contar moito máis, é mellor ir vela e ver por onde van os camiños de dúas persoas distintas, que case non se entenden e como acabará a historia.

O director é Sebastián Borenzstein, con algunha película máis anterior e producións para televisión, é a primeira película súa que vexo, pero mantén esa liña de cine arxentino tranquilo, delicado, suave, pausado e cun certo compoñente crítico que aparece en varios momentos, igual que ese humor negro que se está a facer tan característico das producións dese país e que penso que por aquí entendemos moi ben.

No que se refire aos actores non imos agora descubrir a Ricardo Darín, un actor xenial e que lle da un aire de calidade a calquera cousa na que aparece. Aquí está moi ben, na súa liña, recreando perfectamente a ese ferreteiro solitario, con mala uva, que vive metido en si mesmo e con medo a abrirse, saír do seu mundo, namorarse, pechado a calquera cousa que altere a súa vida diaria. Ten momentos realmente bos, como no que se enfronta á policía que non quere facer demasiado polo pobre chino e tamén todos aqueles nos que aparece un cliente “pelotudo” na súa tenda, ou cando vai ao Consulado Chino xa desesperado porque ninguén lle bota unha man. É un actor que so cos ollos nun segundo transmite máis sensacións que outros en hora e media de película, así que sempre merece a pena. Pero Ignacio Huang, o actor que fai do chino que aparece na vida de Roberto foi todo un descubrimento encarnando a Jun, non di unha soa palabra en castelán en toda a película, pero chega un momento no que case entendes á perfección o que quere dicir. Ten unha cara enormemente expresiva e transmite en todo momento con mestría as situacións de agobio, tristeza, de alegría perfectas en cada escena. O mellor da cinta son as situacións nas que están os dous xuntos, que compoñen a maior parte da película, a comunicación ou falta de comunicación sobre todo ao principio, vai quedando pouco a pouco compensada polos esforzos que fan, sobre todo Roberto, para chegar a un bo final. E logo temos a Muriel Santa Ana, que fai o papel de Mari, unha muller que está namorada de Roberto e que non está disposta a renderse ante o medo de este ao compromiso, a manter unha relación con alguén, a ter unha vida algo máis feliz e chea que a que ten. Claro que el ten as súas razóns, a súa vida marcou moitas cousas e iso é algo que teredes que descubrir ante a pantalla.

Non é unha marabilla, non é a mellor película que se pode ver neste momento e non quedará entre as grandes producións de Darín, pero si que é unha cinta que merece a pena ver, xa sexa no cine ou en DVD na casa dentro duns meses. Garante que estaredes toda a metraxe cun sorriso, a veces de moderada tristeza e outras de alegría, e que sairedes do cine con ese leve aire de contento co que un sae cando ve algo que lle di algunhas cousas e no fondo merece a pena. A súa estrea en Arxentina non esperaba o éxito que tivo, era case unha película menor que foi crecendo gracias ao público. Creo que neste maremagnum de cine espectacular e falto de argumento merece a pena sentarse un rato a ver algo distinto, máis calmado, máis suave pero moi entretido e con momentos realmente bos. Non da máis nin menos do que promete, é unha película lenta pero que non cansa nin aburre en ningún momento, para gozar de varias actuacións moi destacables e sobre todo convincentes e dun argumento con máis dun momento orixinal e inesperado. Eu recomendaríaa, sobre todo para escapar dese outro tipo de cine que, aínda que tamén me gusta, as veces cansa un pouco; para ver algo distinto. Non creo que vos decepcione.

miércoles, 15 de junio de 2011

"Tardes con Margueritte", de Marie-Sabine Roger


“Decidín adoptar a Margueritte. Pronto celebrará os seus oitenta e seis anos, máis vale non agardar demasiado. Os vellos teñen unha lixeira tendencia a morrer.

Así, se lle pasa algo, non sei: caer ao chan na rúa ou que lle rouben o bolso dándolle un empuxón -aí estarei. Podería chegar enseguida e separar á xente do medio e dicirlle:

- Vale!, veña, xa está, agora liscade de aquí!, xa me encargo eu: é a miña avoa.”

A finais de agosto do ano pasado comentei neste blog unha película que me gustara moito por varias razóns. Cando saín do cine tiña na cabeza facerme coa novela na que se baseaba, pero a verdade é que non a atopei e logo foi algo que quedou algo esquecido. Recentemente chegou as miñas mans e non perdín a oportunidade de lela e, sobre todo, de gozar con esta lectura. Aínda que a adaptación cinematográfica é excelente, cousa que non soe ocorrer demasiadas veces, a lectura do libro foi toda unha experiencia e, aínda coñecendo a historia, non deixou de sorprenderme, emocionarme, sorrir e ata reprimir pequenas vágoas. Nun comentario que alguén me deixou da película dicía que “sensible” era a palabra que mellor a definía, é certo, pero a cantidade de sensacións que poden chegar a conseguir as palabras que nos contan a historia non se poden comprimir nunha soa, calquera que elixamos quedaríase curta. Falo dunha novidade recente por parte da Editorial Galaxia na súa colección Costa Oeste, “Tardes con Margueritte”, de Marie-Sabine Roger. Tamén podedes atopala en castelán en Duomo Editorial, do ano 2009.

 Curiosamente custoume bastante atopar datos biográficos sobre esta autora, moi coñecida no seu país, pero parece que algo menos fóra del. É unha muller nacida en Burdeos (Francia) en 1957. Comeza a escribir a finais dos anos 90, deixando o seu traballo ata ese momento como profesora de educación infantil. A maior parte da súa produción son relatos curtos e libros ilustrados para nenos, neste apartado podemos falar case de cen obras, todas elas pensadas para este público. A novela que comento hoxe publicouna no ano 2009, co título orixinal de “La tête en friche”, que viría a ser algo así como “A cabeza en barbeito”, que reflicte perfectamente a historia que nos vai contar, logo me explicarei algo máis. Practicamente é a súa primeira obra pensada para uns lectores algo máis adultos, logo publicou dúas máis pensadas para este tipo de lectores que espero que aparezan nalgún momento por aquí, gustaríame lelas.

É a historia de Germaine Chazes e a muller que vai cambiar a súa vida, Margueritte. É un home que vive nun pobo francés, non é demasiado intelixente ou iso parece, pero o que realmente lle falta é cariño, amor, sentimentos, vivencias que por unha serie de razóns non tivo e que vai ter a raíz do seu encontro con esta entrañable velliña que lle vai ensinar tal cantidade de cousas que nunca llo poderá agradecer como merece. En ningún momento da súa vida tivo a alguén que realmente se encargara del, que o dirixira, que lle ensinara todas as cousas que son necesarias para vivir como unha persoa chea. A súa nai, como el di, naceu sen instinto maternal e a súa relación con ela sempre foi complicada, por dicir algo, case podemos dicir que foi unha relación inexistente. Non coñece ao seu pai, é froito dunha relación dunha noite, cousa que ela recordaralle sempre. Nunca foi moi espabilado, no colexio tampouco ninguén tivo a paciencia suficiente para lle ensinar algo. Vive traballando no que pode, sendo branco de bromas por parte dos seus amigos, sobre todo por esa falta de intelixencia que ten, pero o que máis lle falta é intelixencia para captar e desenvolver as súas emocións. Vai ao bar e charla con Marco, Julien ou Landremont..., pero iso non é vida. A súa nai está na casa familiar, mentres el vive nunha caravana que un antigo noivo dela deixou alí, incapaz de convivir con ela baixo o mesmo teito. Ten o costume de ir ao parque e sentarse nun banco a contar pombas, ás que ata lles pon nome para poder identificalas e distinguilas. Pero un día, no seu banco, atopa unha muller maior e ponse a falar con ela, é Margueritte; é entón cando vai descubrir todo o que ata ese momento perdera, sobre todo porque ninguén quixo encargarse de ensinarllo. A súa vida vai cambiar, a súa forma de ver as cousas tamén, vai descubrir non so os libros e as palabras, o dicionario...; o maior descubrimento de todos serán os sentimentos, o amor con maiúsculas e unha serie de cousas que farán que a súa vida e sobre todo a forma de ver as cousas que o rodean cambie radicalmente. Gracias a ela vai pensar en cousas que antes nin se lle pasaran pola cabeza, incluso a relación que mantén con Anette, unha moza do pobo coa que se ve de vez en cando cambiará de tal xeito que pasará case de ser un pobre home a medias a un home completo.

 O título do orixinal francés paréceme perfecto, Germaine non é un parvo, non é unha persoa moi intelixente, pero a falta de atención e cariño durante toda a súa vida fai que sexa un pouco máis lento que os demais e sobre todo máis directo, menos delicado, cunha forma de ver a vida un tanto especial. A súa cabeza e o seu corazón están descansando, esperando, repousando ata que alguén poña a semente para que xermine nun terreo perfecto para facelo. Cando Margueritte pon esas cosas na cabeza e no corazón de Germaine todo crece e se desenvolve tan rapidamente que todos os que están ao seu redor non poden crer o que ven, o gran cambio que se produce nel e non so a un nivel cultural, senón sobre todo desde un punto de vista persoal, comportándose dun xeito que descoñecen e facendo cousas que moitos non crían que puidera facer, pensar ou dicir.

 Xa dixen no seu momento que a película pareceume espléndida, chea de sentimento e sensibilidade sen caer para min en ningún momento en tópicos nin en tentar conseguir a vágoa fácil. Agora que lin a novela creo que é unha máis que boa adaptación do texto escrito, a idea central está presente na cinta e o desenvolvemento da mesma segue bastante ben a historia que lemos. So lle vou atopar un par de carencias, que non defectos, porque sempre temos que ter claro, polo menos eu, que unha cousa é a novela, a palabra escrita e outra a película, o visual; non é sinxelo moitas veces levar as palabras á imaxe. A novela reflicte perfectamente como Germaine descobre as palabras e o seu significado, que é o que máis chama a atención na película, pero é marabilloso ler os significados no papel das palabras que Germaine descoñece e que vai metendo nos seus diálogos diarios. Unha das primeiras cousas que Margueritte regálalle é un dicionario, así no texto cando aparece unha palabra que non coñecía, imos ler tamén a súa definición, como deixando claro que a partires dese momento vai saber usala. Na cinta parece que todo o proceso de cambio de Germaine é gracias ás palabras e á lectura, e outras cousas quedan un pouco máis diluídas no argumento. Na novela isto tamén é fundamental, pero o cambio do protagonista ven sobre todo por como o trata Margueritte, por como fala con el, pola paciencia que ten. O fundamental é iso, que fala con el, tenta entendelo, comprendelo e ensinarlle cousas que ata ese momento non coñecía. Descúbrelle o mundo dos sentimentos pola xente, polas cousas, polos actos, por todo o que está ao seu redor e, sobre todo, que el tamén é unha persoa como as demais, que pode facer o mesmo e que pode ser incluso mellor que moitos dos que o rodean. Non vai facer del unha boa persoa, porque iso é algo que xa estaba nel, pero ela saberá como sacar todo o que Germaine ten dentro, que é moito. O mellor da novela e ir lendo como sa vai producindo ese cambio, porque ademais é algo perceptible a medida que un le, a forma de redactar, de falar, de pensar do protagonista vai cambiando a medida que avanza o texto, xenial.

 Nótase que é unha autora que escribiu moito para nenos. A forma de plasmar todos eses sentimentos e sensacións é fantástica. Hai liñas e liñas que merecen a pena, que quedarán gravadas na mente do lector e recordara máis adiante. O xeito de falar e de comportarse de Germaine vai cambiando e o lector asiste a ese proceso de cambio, de xerminación, case de nacemento dun home que pasou de pasmar polo mundo a formar parte activa del. Está escrito cunha delicadeza case maxistral, cunha linguaxe e unhas imaxes que chaman a atención e que farán que máis dunha vez un sorriso asome aos nosos beizos, e noutras ocasións a emoción será tamén moi grande, facendo que unha pequena bagoa, normalmente de felicidade, apareza tamén. Os dous personaxes centrais teñen tantas cousas dentro de si mesmos que é imposible que o lector non se sinta a gusto con eles e desexe que todo saia ben para ambos.

 Non quero facer unha comparación, nada máis lonxe da miña intención e direi que ambas merecen moito a pena, é máis, se un xa viu a película debería ler a novela, e viceversa. E se non fixeches ningunha das dúas cousas animádevos, estou seguro de que non vos vai decepcionar e incluso ides aprender algunhas cousas sobre vós e os que vos rodean, igual que Germaine. E penso tamén que non é so recomendable para lectores adultos, queda anotada como unha posibilidade de lectura para o curso seguinte, penso que algún dos meus grupos vai lela.


viernes, 10 de junio de 2011

"X-Men: Primera Generación" - "Piratas del Caribe 4: En mareasmisteriosas"


Hoxe vou comentar dúas películas polo prezo dunha. É que estas dúas últimas fins de semana tocou cine, a da semana pasada despistóuseme pero vai agora. Tamén é certo que non me gustou demasiado, así que primeiro comento algo da que si me gustou e a outra queda para o final.



Outra de superheroes, xúntanse as estreas e xa dixen que estas non as deixo pasar. Neste caso é unha estrea do último venres, así que seguramente cando leades este comentario aínda estará en carteleira, por se vos apetece vela. Falo de “X-Men: Primeira Xeración”. É a cuarta entrega que circula ao redor do mesmo grupo de personaxes, para min unha das mellores series do cómic que hai neste terreo e á que sempre fun moi afeccionado, quizais a que máis. Claro que na miña época eran coñecidos como a “Patrulla X”, pero agora coa moda de poñer as cousas en inglés pasaron a ser os “X-Men”. As dúas primeiras foron dirixidas por Bryan Singer, que neste cede a testemuña a Matthew Vaughn, que curiosamente ata agora é máis produtor que diretor, intercambiando papeis, xa que nesta o primeiro é o produtor. As de Singer parecéronme moi decentes e entretidas, máis a primeira que a segunda, pero en xeral respondían bastante ben á idea que os seguidores do cómic podían ter, os personaxes estaban moi ben elixidos e os argumentos, tendo en conta do que estamos a falar, non estaban mal. Máis decepcionante para min foi a dedicada a un dos integrantes deste equipo que máis me gusta, Lobezno, pareceume frouxa en moitos sentidos, tanto de guión como de entretemento. Así que cando vin que estaban preparando esta digamos que tiven algúns reparos, a ver se o declive iniciado coa anterior seguía ou decidían facer algo cun pouco máis de calidade. Pois penso que acertaron, porque se fago un listado de películas deste xénero esta quedaría entre o segundo e o terceiro posto. O primeiro é, inevitablemente, para a última versión de Batman, “O Cabaleiro Escuro”, que me pareceu unha película redonda en todos os sentidos, creo que realmente boa. Agora recordo que é a quinta entrega, pero no medio quedábame a terceira entrega de "X-Men", queda claro que non me gustou demasiado porque case nin a recordaba.

Non nos imos atopar aquí co grupo dos heroes máis coñecidos deste equipo, polo que pasaron gran cantidade de personaxes. Quero dicir que aviso que aquí non imos ter a Lobezno, Cíclope, Tormenta... Os dous únicos que repiten son Magneto e o profesor Charles Xavier, case o antagonista e o protagonista da coñecida saga. A acción transcorre nos anos sesenta, inmersos na guerra fría entre Estados Unidos e Rusia e a crise dos mísiles, que neste caso ten como instigador a un mutante, o “malo” da película. Xavier é un científico centrado no mundo das mutacións xenéticas; mentres Erik Lehnsherr é un neno xudeu que ve como os seus pais son levados a un campo de concentración, momento no cal se manifestará a súa mutación, será o futuro Magneto. Adestrado por un científico alemán, Sebastian Shaw, conseguirá desenvolver eses poderes. Nunha investigación a CIA descobre algo raro e encarga ao profesor Xavier que investigue e localice a mutantes por todo o mundo así imos asistir ao nacemento do grupo que coñeceremos despois como “X-Men” e veremos tamén de onde xurden e que razóns de ser teñen moitas das cousas que vimos nas películas anteriores e nos cómics. Tamén ten como tema central a idea dos mutantes como xente distinta aos demais e as sensacións, problemas e situacións que iso lles provoca; céntrase bastante neste tema, pero está tratado de tal maneira que non fai que a cinta sexa nada pesada, ao revés, as algo máis de dúas horas que dura pasáronseme nun suspiro, o que é un bo sinal. Saberemos moitas cousas e darannos algunhas explicacións, por exemplo o porqué da relación que vimos entre Magneto e o Profesor X, amigos e inimigos a un tempo. Non quero contar máis, é mellor que a disfrutedes, porque desde o meu punto de vista é bastante recomendable, e imprescindible para os afeccionados a o xénero.

 No que se refire aos actores, desde o meu punto de vista, hai dous que destacan por riba dos demais. Os malos destas historias soen ser moi atraentes e neste caso o papel de Sebastian Shaw está interpretado por un actor que sempre me gustou bastante e ao que hai tempo que non vía nun cine, Kevin Bacon, creo que está estupendo e é un dos elementos centrais da historia. O outro que destaco é o actor que fai o papel de Magneto, Michael Fassbender, creo que promete (aínda que tamén e da a impresión de que pode ser un deses casos nos que sempre lle dean o mesmo tipo de papeis). Posiblemente sea a mellor actuación da historia, porque tamén é o personaxe que ten máis que mostrar, máis torturado, vingativo e contraditorio nalgunhas ocasións, gustoume moito. Algo por debaixo estarían, aínda que tampouco quero dicir que estean mal, porque en xeral todos me gustaron moito. James McAvoy interpretando ao profesor Charles Xavier e moitas caras coñecidas do cine e a televisión que igual de nome non soan, pero si as súas caras. Entre as máis coñecidas, January Jones no papel da seria e imperturbable Emma Frost; se polo nome non vos soa direivos que é a esposa de Don Draper na magnífica serie “Mad Men”, paseando o seu porte e convertíndose nunha muller de diamante puro, fría como o aceiro en todo momento. En plan curiosidade ata temos a un actor español entre os mutantes do grupo dos malos, Álex González, interpretando a Riptide, aínda que se non recordo mal non ten unha soa liña de diálogo, pero aínda así chama a atención nalgúns momentos. A pesar de que destaco a dous actores algo por riba do resto unha das mellores cousas é o reparto en xeral, a media é alta en todos eles e non hai un so dos personaxes que rebaixe esa idea, están todos perfectamente conxuntados e penso que bastante ben dirixidos.

 Outra das cousas que destacaría e que, a pesar de ser unha cinta de superheroes mutantes con poderes, non se converte nun delirio visual de efectos especiais en plan enorme espectáculo. Ten momentos espectaculares, pero penso que se centra máis na historia e nos personaxes e estes efectos son so un aderezo necesario para o desenvolvemento do argumento e as relacións entre os personaxes. Quero dicir que, tendo en conta o dito, mantense dentro dunha liña de verosimilitude, case de realidade que resulta bastante convincente.

 Así que é moi recomendable para os afeccionados e para os demais penso que poderían vela tranquilamente, van pasar un rato moi entretido e con momentos realmente bos.



A semana anterior fun con moitas ganas, e algo de medo tendo en conta a liña que estaba a tomar, a ver a cuarta entrega de “Piratas del Caribe”, subtitulada “En mareas misteriosas”. Xa digo de entrada que non me gustou demasiado, esperaba algo máis e a decepción foi bastante grande. A primeira é unha desas películas que chamou moito a atención, tiña unha boa historia, era moi entretida, moi divertida e con momentos realmente xeniais, falando sempre desde o punto de vista do cine como un mero entretemento, penso que cumpría con creces esa idea. A segunda e a terceira tiñan os seus momentos, aínda sendo algo máis irregulares. Claro que non contaban xa coa capacidade de sorpresa da primeira, moitas das cousas eran xa esperables e aínda así me gustaron bastante, pero en orde descendente, é dicir, cada vez me convencían menos. Claro que a presencia de Johnny Deep compensaba moitas cousas, creo que o capitán Jack Sparrow é un deses personaxes xa clásicos dentro da historia do cine, sempre e cando non acaben con el nalgunha película máis, porque como non cambien de director e guionistas acabará por ser unha caricatura de si mesmo, e iso que o personaxe xa é unha caricatura completa.

 Quero dicir que me aburrín véndoa, que creo que é o peor que se pode dicir dunha película que o que busca é entreter e divertir ao espectador. Pareceume lenta, falta de ritmo, con escenas metidas a golpes e incluso sen demasiado sentido, repetindo case as mesmas gracias dalgunhas das anteriores e sen demasiada orixinalidade. Falta de emoción, cun guión collido polos pelos e con personaxes metidos dentro da historia non se sabe moi ben con que intención. Creo que sorrín un par de veces, pero so leves sorrisos, e penso que non fun o único na sala ao que lle pasou o mesmo. Se lle quitamos a Johnny Deep perdería o pouco interese que ten e incluso con el non ten demasiado, non se pode vivir de enganar ao espectador dándolle máis do mesmo e, se se fai, debería ter algo máis para poder mantelo. Non sei se haberá algunha máis, aínda que a recadación desta parece que non é tan mala como penso que merece, pero como dixen antes se queren convencer á xente terán que facer algo máis. Nada comparable á que comento antes, que ten suficientes elementos novos e distintos como para manter á xente pendente e esperar a ver se hai outra máis despois para ver que pasa cos personaxes.

 Incluso actores que son deses que sempre gustan, como é o caso de Geoffrey Rush quedan aquí case como actores do montón, porque non ten un so momento no que chame a atención. O papel feminino da historia é interpretado por Penélope Cruz, soada intervención desta actriz nunha cinta americana de alto presuposto. Vou dicir que non está mal, aínda que tampouco é que sexa un papel para lucirse, pero o problema é que aparece como unha antiga noiva do capitán Sparrow, e a forma de plantexar esta relación tampouco me resultou nada crible, a verdade. O único actor que me chamou a atención foi Ian McShane, que interpreta ao pirata Barbanegra, é o único de case todo o plantel que enche a pantalla nalgúns momentos, chegando a eclipsar a todos os demais.

 Se a anterior queda entre as destacadas deste ano, polo momento, esta non, é mais, non a recomendo case nin para os incondicionais. Ata saín algo enfadado, esta moda de esgotar ata a saciedade certos personaxes ata que non dean un duro en taquilla e queden marcados por esa liña descendente de calidade e entretemento está chegando a un extremo dificilmente sostible. En lugar de buscar novos argumentos, personaxes ou situacións estanse limitando en moitos casos a levar o que funcionou ben ao límite, primando o diñeiro sobre a imaxinación. O cine era unha fábrica de soños, será que non soñan nada novo xa, porque entre versións de outras anteriores e secuelas están enchendo as salas. Algunha excepción hai, pero cada vez menos. Eu recomendaría aos afeccionados a esta serie que a vexan en casa cando a poñan na televisión ou en DVD, mellor gastar o diñeiro en cousas que merezan algo máis a pena.

jueves, 2 de junio de 2011

"Prométeme que serás libre", de Jorge Molist

Moi grata sorpresa a novela que vou comentar hoxe. Primeiro porque é dun autor que non coñecía e do que non tiña lido antes, aínda que non é a súa primeira novela, xa que ten cinco anteriores a esta que pasarán á lista de lecturas futuras, tendo en conta que esta que lin deixoume moi bo sabor de boca. En segundo lugar porque é unha novela de xénero histórico, xa dixen máis dunha vez que é un dos meus preferidos, que penso que aporta algo ao xénero, que ten unhas cantas cousas que fan que sexa algo distinta ás demais e porque non transcorre exactamente na época da Idade Media, como a maior parte delas. Esta desenvólvese a partires de 1484, a principios do Renacemento, iso si, na zona de Barcelona que debe de ser a que máis funciona como marco das historias dos autores españois deste xénero. O título “Prométeme que serás libre”, e o autor é Jorge Molist.

 É un autor nado en Barcelona en 1951. Pasou a súa infancia no barrio do Raval, onde descubriu a súa paixón pola lectura e a escritura na biblioteca municipal. Aos catorce anos comezou a traballar como aprendiz nunha imprenta (isto nótase na novela que comento) e logo tivo outros traballos que simultaneaba co bacharelato nocturno. Estudou Inxenieiría Industrial na Universidade Politécnica de Barcelona, ao mesmo tempo que compaxinaba estes estudios con varios e diversos traballos. Empezou a traballar para unha importante multinacional, realizando ademais un Máster en Empresariais centrado na dirección de empresas. O seu traballo fixo que residira e desenvolvera a súa actividade profesional en varios lugares de Estados Unidos e de España. De volta a Europa establécese en Madrid e será executivo de varias compañías. No ano 1996 decide retomar a súa paixón pola escritura, empeza a redacción da súa primeira novela, “Los muros de Jericó”, publicada no ano 2000, que foi reeditada no ano 2005 co título de “El retorno cátaro”. No ano 2002 publica a segunda, “Presagio”, baseada en feitos reais, ao redor do tema do enfrontamento entre a espiritualidade mexicana e a cultura americana. A terceira, “El anillo”, apareceu en 2004, finalista do Premio de Novela Histórica Alfonso X o Sabio; trata sobre a búsqueda dun tesouro templario e tivo un gran éxito tanto de público como de crítica, traducida a case todas as linguas europeas e algunha asiática. No ano 2007 aparece “La reina oculta”, gañadora do Premio de Novela Histórica Alfonso X o Sabio, a historia dunha dama, dous cabaleiros e tres enigmas que farán que o autor recree varios dos mitos da Idade Media. A que é obxecto de comentario hoxe é, ata o de agora, a súa última novela, “Prométeme que serás libre”, editada neste mesmo ano 2011.

 Vainos contar a historia de Joan Serra de Llafranc, polo menos boa parte dela, as súas aventuras e desventuras, os seus amores e desamores, acompañado nalgúns momentos do seu irmán Gabriel. Vive coa súa familia no pobo que acompaña ao seu nome, na costa de Cataluña. Alí o seu pai, Ramón Serra, é un home libre que traballa como pescador e ten a súa propia barca, “A gaivota”, que será un símbolo desa liberdade que Ramón quere para el e toda a súa familia, que ningún dos seus teña que depender dun señor en ningún momento da súa vida. A vida é tranquila e boa para todos, pero esa tranquilidade vaise ver destruída en moi pouco tempo. Un día, nada máis comezar a historia, unha galera pirata achégase ao pobo, van atacalo, asasinando e secuestrando, sobre todo ás mulleres. O pai de Joan cae abatido por un disparo de mosquete, un arma case descoñecida para os atacados e que lles provoca un profundo temor. Os piratas matan a gran parte dos homes, que non están preparados para facerlles fronte, non teñen armas nin preparación. Joan ten que ver como a súa nai Eulalia e a súa irmán María son secuestradas polos piratas e levadas ao barco, sentindo unha gran impotencia por non poder facer absolutamente nada. O pai morre nos seus brazos, facéndolle prometer a Joan que fará todo o posible por ser un home libre e traer de volta con el a súa familia, custe o que custe, promesa que Joan fará e que será un dos núcleos centrais da historia, aínda que en moitos momentos nada sairá como el quere. Da familia queda el, o seu irmán pequeno Gabriel e unha irmá aínda máis pequena, un bebé, que morrerá ao pouco tempo. Ademais entre as que se levan os piratas está a súa mellor amiga, Elisenda, á que tamén quererá buscar cando saia do seu pobo. Ao principio tentará mobilizar á xente poderosa da súa zona para que lles axuden, pero ninguén quererá facer nada, nin os nobres nin a igrexa, o que lle vai provocar algúns problemas. Tantos que terá que marchar, e aparece nese momento un comerciante catalán afincado en Barcelona, Bartomeu, que será o que colla aos irmáns e os leve con el para entregalos a un mosteiro barcelonés, no que terán que quedar a vivir. Bartomeu será unha figura fundamental na vida de Joan, un mercador, entre outras moitas cousas, de libros, con negocios importantes en todos os portos do Mediterráneo. Cando chegan a Barcelona verán que a vida alí e moi distinta e ademais non son demasiado ben recibidos polos monxes, polo menos polos que mandan, envoltos sempre en conflitos polo poder e o diñeiro. Terán que poñerse a traballar se queren que a igrexa os manteña, pero a vida que levan alí a Joan non lle gusta nada. Gracias a Bartomeu comezará a traballar como aprendiz na librería da familia Corró, un mundo novo vaise abrir ante el, o mundo dos libros, das copias, da imprenta, das letras que descoñece e que van ser un descubrimento marabilloso que marcará boa parte do seu camiño... Non quero contar máis, isto é o que pasa nos primeiros capítulos, pero o mellor é acompañar a Joan en todas as cousas que lle van pasar, que van ser moitas; coñecer a gran cantidade de personaxes que van actuar con el, uns bos e outros malos, como ten que ser para manter o interese do lector, entre eles a figura da pequena Anna, que vai fascinalo desde un principio.

 Son moitas as cousas que van pasar na súa vida e para min foi moi entretida a lectura de todas elas, non perdendo o interese en ningún momento. Unha das cousas que máis me gustou e que, polo que vin, destacan neste autor, é a forma de escribir, de contarnos todo. Ten un estilo moi áxil, sempre está a pasar algo e case non hai nada anecdótico nin de sobra, unha forma de contar que te engancha desde un principio. Ademais non segue, como outras, unha mesma liña, vanlle pasar moitas cousas e non todas esperables nin do mesmo tipo. Vai pasar por moitas situacións e vicisitudes, dándolle á historia uns cambios as veces sorprendentes, pero moi ben desenvolvidos. Por outro lado a temática dos libros, a paixón pola lectura ou a escritura, a imprenta, as copias e todo o que ten que ver co mundo do libro está tratado cun cariño fascinante, facendo que tomemos contacto cunha época, o Renacemento, que foi fundamental para cambiar a forma de ver a vida e a sociedade da Idade Media. Os personaxes están perfectamente definidos, son moitos e moi variados, e sempre teñen un papel importante dentro da historia. Ademais tamén hai que dicir que non é unha historia de excesivos personaxes como pasa noutras deste xénero, hai un núcleo central de dez u doce e poucos máis interveñen nos acontecementos. Por outro lado tamén é destacable que o personaxe central, Joan, non é o como case todos os protagonistas deste tipo de novelas. Quero dicir que non é un home a imitar, non é un conxunto de características positivas, non é sempre bo e actuando dun xeito , digamos, adecuado. Vai ter momentos nos que haxa unha loita entre o que ten que facer e o que cre que está ben ou non, e non sempre vai gañar o ben neses momentos. Quero dicir con isto que está máis cerca de ser un home real, con bos e malos momentos, con loitas internas ante certas situacións, torturado en moitas ocasións polas súas decisións. Non é tan plano neste sentido como outros protagonistas deste tipo de novelas. E moitos dos restantes tampouco, a maior parte deles non son nin moi bos nin moi malos, teñen os seus momentos, pero sempre actúan seguindo unha serie de razóns, xa sea para ben ou para mal.

 Unha das cousas que máis me gustaron é a variedade de situacións, de momentos e de personaxes que interveñen na acción e nos acontecementos. Non ten unha liña marcada desde o principio e hai unha serie de cousas que posiblemente sorprendan ao lector, o que non está nada mal. Quizais esta sexa unha das razóns para que me gustara tanto e me entretivera algo máis que outras parecidas, porque precisamente ten unha serie de elementos que fan que sexa lixeiramente distinta, creo que é o seu maior mérito. Non vou contar nada máis do que dixen, porque penso que o mellor é tomar contacto con ela, ler e ir pouco a pouco vendo por onde vai o camiño de Joan Serra de Llafranc en busca da súa familia, da súa liberdade e dun camiño propio na súa vida. Cativoume por como fala dos libros, da súa redacción, da súa fabricación e o cariño co que o autor trata o tema, nótase que coñece o mundo da imprenta de primeira man. Pero non foi so iso o que me atrapou, senón que foi todo. Quizais unha cousa que non me gustou demasiado é que céntrase tanto no personaxe de Joan que botei algo de menos saber algo máis do irmán pequeno, Gabriel, que queda un pouco diluído na historia, sendo tamén un personaxe que creo que podería intervir algo máis, pero claro, é unha cuestión persoal, as súas razóns terá o autor para facelo así.

 Creo que queda claro que é moi recomendable, sobre todo para os afeccionados ao xénero histórico. Para min foi unha verdadeira sorpresa e penso que temos en España unha serie de autores do xénero tan bos ou máis que moitos outros que veñen do estranxeiro e venden moreas de libros, tanto este de hoxe como Chufo Lloréns, Ildefonso Falcones e outros máis teñen méritos suficientes para estar entre os grandes autores de novela histórica, non so aquí, senón tamén fóra das nosas fronteiras. Así que tanto se vos gusta o xénero como se tedes dúbidas creo que deberiades lela, non creo que vos vaia decepcionar.