jueves, 16 de enero de 2014

"Dispara, yo ya estoy muerto", Julia Navarro



Hai novelas que te deixan un gran gusto tempo despois de telas rematado. Son esas que disfrutas mentres les y logo máis, cando as recomendas ou comentas. Alá por maio de 2010, a pouco de empezar con estes comentarios, deixei unha recensión sobre a última novela naquel momento de Julia Navarro, “Dime quién soy”, que me gustara pero menos do que esperaba. É unha autora que figura entre esas que sempre leo en canto sae algunha novidade, as súas historias poden gustarme mais ou menos, pero sempre ten algo que dicir e aportar. Case tres anos despois apareceu nas librerías a súa nova novela e pronto pasou a ocupar un dos primeiros postos na miña lista de pendentes. O título é “Dispara, yo ya estoy muerto” e de entrada xa vos digo que é a novela desta autora que máis me gustou.

Neste caso voume aforrar a parte biográfica, xa que desde que apareceu o meu último comentario pouco máis podo engadir, aparte da publicación desta novela de hoxe, que está a ter, como todas as súas, un bo éxito de ventas e tamén de crítica.

Marian Miller traballa para unha ONG e prepara unha investigación sobre os asentamentos xudeus en Palestina. Entrevistarase cunha serie de persoas, pero seguramente en ningún momento esperaba atopar a historia que escoitará de dúas partes distintas, aínda que será a mesma vista desde dúas ópticas que, neste caso, non é que sexan demasiado distintas, senón máis ben complementarias. A novela comeza cando vai falar co ancián Ezequiel Zucker, que será un dos elementos centrais do argumento. A través del empezaremos coñecendo a historia do seu avó e todo o que viviu antes e despois de chegar a Palestina. Samuel Zucker vivía en Rusia e dedicábase ao comercio de peles xunto co seu pai, sobre todo con París, a onde viaxaban habitualmente. Como o seu apelido indica son de procedencia xudía e en certo momento as cousas no seu país póñense complicadas, co que se ven obrigados a marchar. De alí a París e Palestina, onde tomará contacto con Ahmed Ziad, ao que comprará unha parte das súas terras e onde se asentarán como agricultores, sempre compartindo tanto o traballo como os froitos do mesmo coa familia palestina á que sempre se sentirán unidos. A través destas dúas familias veremos como vai avanzando a convivencia e os conflitos en Palestina co tema dos asentamentos xudeus como base. A historia comeza a finais do XIX e irá avanzando ata o momento actual, pasando por todos os momentos históricos fundamentais do século XX e centrándose, sobre todo, no conflito entre xudeus e palestinos. Iremos vendo como, sobre todo a partir do final da Segunda Guerra Mundial, algo que parecía non demasiado complicado vaise torcendo a causa da cantidade de xudeus que chegan e compran terras. Marian coñece de antemán a historia da familia Ziad e case todo o que pasou nela e na vida diaria cos Zucker. Ambas familias sempre unidas por uns fortes lazos de amistade, de traballo e cunha relación que tenta estar por riba de outro tipo de problemas, pero esa boa relación chegado certo momento ten que romper por imperativos sociais, relixiosos e políticos. Alternando ambas historias, a que Marian cóntalle a Samuel e a que el cóntalle a ela coñeceremos perfectamente todo o que pasou entre eles e todos os que xiran ao seu redor.

A novela quere ser un canto ao entendemento, á idea de que a convivencia debería de ser posible como o é no pequeno horto que os Zucker e os Zian constrúen ao principio. Alí as cousas sempre foron sinxelas e todo tiña unha solución falando ou tentando que as cousas non foran a máis. Ao longo do tempo as familias foron crecendo, foron chegando novos membros, matrimonios, fillos e demais, pero sempre tentaron manter unha mesma liña de convivencia, sobre todo gracias á relación que se establece entre Samuel e Ahmed, dous homes que veñen de dúas culturas e relixións distintas pero cunha mesma idea, a convivencia e a paz sempre é posible. Claro que non contaron con que hai cousas por riba deles que non poden controlar e que poden romper esa idea que ambos teñen.

A historia transcorre sobre todo entre Rusia, Palestina e París, en distintas épocas e momentos históricos. Moitos dos personaxes participarán nos acontecementos máis importantes do século en maior ou menor medida, pero quedo coa parte que transcorre durante a Segunda Guerra Mundial, ben coñecida por todos, pero que neste caso nos deixa unha historia tremenda e que aparece como moi real ante o lector. Quizais, para min, este sexa un dos grandes méritos da novela. A pesar de ser consciente de estar a ler unha historia de ficción en máis dun momento tiña a impresión de que moitos dos momentos que estaba a ler poderían ser reais, ter sucedido case tal cal estaba a lelos. En medio de todo isto historias de amor e de desamor, de fortes amistades que se ven truncadas por cuestións políticas, mortes e nacementos, fortes enfrontamentos entre grandes amigos e, sobre todo, moita violencia que os personaxes importantes da novela non acaban de entender e que para eles nunca é xustificable.

 A verdade é que me gustou moito esta última novela de Julia Navarro, como dixen ao principio a que máis me gustou desta autora. Creo que consegue unha historia que te atrapa desde o principio, tanto polo que está a contar como pola forma de contalo. Esa alternancia entre as dúas historias fai que creza o interese, que descubras os porqués de moitas das cousas que estiveches a ler antes ao velas desde a outra óptica. Os personaxes centrais parécenme realmente bos, todos eles cribles e preto dunha realidade que facilmente podería ser como a conta a autora. Sobrecollido en moitos momentos por unha historia de amor e amistade que amosa que o entendemento entre as persoas debería de ser posible cun mínimo de vontade, de querer evitar unha violencia que so trae morte e desgracias. Creo que a autora non toma partido por ningunha das dúas partes, que pretende mostrar algo que non coincide coa realidade. Certo é que para ambas partes a situación non é fácil, é moi complicada e non parece ter fácil solución, pero estou seguro de que hai máis dun Zucker e Ziad no mundo que cren que as cousas poden ser distintas. Recomendo a súa lectura, é unha novela longa que non mo pareceu en absoluto porque me atrapou desde a primeira páxina ata a última.