Os sábados pola noite
normalmente é o momento de ver unha película en familia. Procuramos
ir alternando cousas que lles poidan gustar máis ou menos a todos e
de vez en cando a elección corre por conta dos meus fillos. Hai uns
meses que un deles dixo que podiamos ver “Los juegos del hambre”,
que aínda que xa a vira no cine había pouco tempo, lle gustara
bastante. Os demais non a tiñamos visto, así que nos decidimos por
ela. A min non me chamaba demasiado a atención pero había que
darlle unha oportunidade e a verdade é que, sorprendentemente,
gustoume bastante. Tanto que a continuación fíxenme cos tres libros
e linos dunha tirada, máis que nada porque sentía unha gran
curiosidade por saber como remataba. Aproveitando a recente estrea da
segunda cinta da historia deixarei algunhas cousas sobre estas tres
novelas, iso si, sen desvelar demasiado para todos aqueles que aínda
non as leron.
“Los juegos del hambre”
naceron como triloxía literaria e a autora é Suzanne Collins.
Nacida en 1962 en Hartford, Connecticut. Estudou Dramática na
Universidade de Indiana e máis tarde na de Nueva York. Empezou
escribindo guións para programas infantís de televisión en 1991.
Traballou para Nickleodeon entre outros e tras esta experiencia
decidiuse a escribir libros para nenos e xoves. A súa primeira serie
de libros comenzou con “Gregor y la profecía del gris”,
aparecido en 2003, ao que seguiron catro máis co mesmo protagonista.
Parte dunha idea da súa infancia e da influencia de “Alicia no
país das marabillas”. Pensaba que pasaría se caera pola
madrigueira dun coello e atopara unha festa do té. Así Gregor é
un rapaz de once anos que vive en Nueva York, xunto coa súa irmá
Boots. Un día ambos caen por un buraco de ventilación e atopan o
mundo das Terras Baixas, no que os seres humanos conviven con
morcegos e cascudas e baixo a ameaza das ratas. Aí aparece unha
antiga profecía sobre un gran guerreiro, emprendendo unha perigosa
viaxe por todo ese universo subterráneo. Tras o éxito desta serie
decídese por un público algo maior, os adolescentes, e en 2008
aparece a primeira novela da triloxía, “Los juegos del hambre”,
seguida por “En llamas” (2009) e “Sinsajo” (2010) que terá
un gran éxito. A primeira delas foi levada ao cine con moito éxito
en 2012 e este 2013 remata de estrearse a segunda entrega da serie.
A autora di que a idea
para esta triloxía xurde polo seu interese pola mitoloxía e a
historia de Teseo. Algúns ven nela tamén a influencia dunha novela
xaponesa, “Battel Royale”, de Koushun Takami, que tamén foi
levada ao cine con éxito. Outra influencia clara son os antigos
gladiadores romanos, tanto no desenvolvemento de certos aspectos da
historia como na imaxinería que utiliza. Estanos nun futuro non
demasiado afastado onde os privilexiados viven a corpo de rei no
Capitolio, onde teñen absolutamente de todo sen facer case nada a
cambio. Tras unha guerra gañada por eles dividiron o territorio en
doce distritos, cada un especializado en proporcionarlles todo o que
necesitan. Unha ditadura manexada de forma férrea e da que non é
fácil escapar. Nos distritos malviven dominados polo traballo e a
fame, a liberdade é algo inexistente e non poden saír do distrito
no que viven. Unha vez ao ano cada un ten que elixir dous
representantes, un rapaz e unha rapaza, que iran ao Capitolio para
participar nos xogos da fame. Un combate entre todos eles montado
como un espectáculo televisivo que pretende deixar clara a súa
potencia a e a súa man de ferro á hora de gobernar, o medo é a súa
mellor arma. Os 24 xoves son lanzados a un entorno hostil, case sen
comida pero con armas e terán que loitar, matarse entre eles ata que
so quede un. O gañador, iso si, terá unha vida de luxo e con todas
as súas necesidades satisfeitas, pero o custo desa situación é moi
alto. Katniss Everdeen vive no distrito 12. O día no que se celebra
o sorteo sae elixida a súa irmá pequena, algo que ela non pode
soportar, sobre todo tras a morte do pai na mina onde traballaba.
Tras esa morte ela é a encargada de soster á familia buscándose a
vida como pode. Sae do distrito, algo que está prohibido, para cazar
algo que poida cambiar no mercado negro ou usar para alimentar a súa
irmá e a súa nai. Tras a elección da súa irmá ela decide dar un
paso máis na súa defensa e preséntase voluntaria para ocupar o seu
lugar nos xogos dese ano. O rapaz do mesmo distrito que sairá
elixido é Peeta Mellark, ao que coñece pouco e co que chegará a
ter unha estraña e forte relación. Ambos van cos demais ao
Capitolio, onde antes de combater serán tratados a corpo de rei,
case un engordar para morrer. Esta é a idea central da triloxía e
será desenvolvida dunha maneira fría, violenta e ao mesmo tempo
chea de amor e respecto, que é o que Katniss busca para todos os
homes e mulleres que viven en todos e cada un dos distritos.
Loxicamente cada unha das novelas irá desenvolvendo un pouco máis
esta idea central, ata chegar a un final que teredes que descubrir
por vos mesmos.
Non era unha triloxía
que me chamara demasiado a atención. Quizais condicionado por outros
grandes éxitos da novela adolescente non lle di a oportunidade. Hai
uns anos vía a todos os meus alumnos coas da saga “Crepúsculo”
e pedinlle a unha que me deixara a novela para lela. Non empezou mal,
pero teño que recoñecer que me cansou ás poucas páxinas e non me
gustou nada, en ningún sentido. A min iso de que os vampiros brillen
con estreliñas cando saen de día xa me tumbou definitivamente. Pero
con esta non me pasou o mesmo. Unha vez que rematamos de ver a
película, que como tal xa me gustou bastante e me pareceu bastante
máis seria e con máis fondo que outras moitas do xénero, decidín
lerme a triloxía e caeron as tres seguidas unha detrás da outra,
tiña que saber como remataba a historia de Katniss, Peeta, os
distritos e o Capitolio. Atopeime cunha historia ben estruturada e
moi ben pensada, aínda que como defecto atopeille que quizais sexa
un pouco repetitiva con certos esquemas nalgún momento. Cada novela
é algo máis seria e escura que a anterior, máis violenta e máis
adulta, máis complicada e moito máis crítica con certos aspectos
da sociedade actual. Sorprendeume porque non é tampouco unha lectura
sinxela, chea de tópicos na historia e no estilo, algo máis
traballado que moitas outras novelas que caen nas miñas mans
pensadas para este tipo de lectores. Cada unha avanza un pouco máis
na historia, cada vez un pouco máis violenta e descarnada, con
fortes enfrontamentos entre os personaxes dentro da historia, novas
situacións que lle irán dando cada vez un aire mellor, máis
interesante e atrainte para o lector. Xa a segunda, na que se basea a
película recentemente estreada, é unha volta máis ao contado na
primeira, pero a terceira está chea deses novos aspectos, crecendo
en interese e emoción.
Persoalmente gustoume
bastante a triloxía, sobre todo porque neste caso a seguinte sempre
me pareceu mellor e máis interesante que a anterior, sempre cunha
emoción crecente en todos os sentidos. Ten un forte e bo compoñente
crítico de moitos aspectos da sociedade, desde as ditaduras, a
opresión, a loita pola liberdade, os símbolos ou como alguén pode
chegar a detonar unha revolución case sen querelo gracias a un mundo
dominado pola comunicación e o audiovisual, as desigualdades
sociais, a explotación... Unha boa cantidade de temas que poderían
ser facilmente explotados tanto nunha sesión de cine na clase como
unha lectura das novelas. Nese sentido a única pega que lle vexo
como lectura de clase é que son longas, algo que a moitos dos nosos
alumnos xa os bota para atrás, pero creo que se son capaces de ir
entrando na historia poderá chegar a gustarlles bastante. Dentro do
que se vende hoxe como literatura xuvenil paréceme do mellor que
teño lido nos últimos anos. Non trata ao lector adolescente con
condescendencia nin escribindo dun modo excesivamente fácil, non é
tampouco un exemplo de complexidade pero tampouco do contrario. Creo
que a autora soubo atopar o equilibro xusto entre algo de calidade e
que os rapaces poidan ler con facilidade e interese. De todos modos
recoméndoa para todo tipo de lectores, non creo que os vaia
decepcionar. A min atrapoume, agora a ver se vexo a película.