miércoles, 29 de diciembre de 2010

"Sherlock", da BBC

nullnull
Hoxe imos volver á televisión e as series. Hai personaxes literarios que saen dos libros e pasan ao cine e á televisión con bastante asiduidade. Nalgunhas ocasións manteñen a liña da novela e noitras dan lugar a interpretacións máis ou menos libres e as veces podemos atopar os dous tipos, a adaptación libre e a fiel de varias maneiras. Non son poucos os personaxes que pasaron das páxinas dun libro a gran e pequena pantalla, pero penso que non me equivoco se o de hoxe é posiblemente o que máis veces de máis distintas maneiras fíxoo. En xeral case todas as adaptacións foron máis que decentes e todas elas entretidas, aínda que algunhas poderían ser máis prescindibles que outras. Isto non ocorre coa serie que vou comentar hoxe, porque creo que é unha, digamos, revisitación máis que decente do personaxe. Falo dun investigador dos máis intelixentes, espabilados, áxiles e famosos do mundo, penso que non haberá ninguén que non o coñeza ou non vira ou lera algunhas das historias das que é protagonista, el e o seu axudante. Falo de Sherlock Holmes e o seu axudante e amigo o doutor Watson. Estes personaxes creados por Sir Arthur Connan Doyle quizais sexan os protagonistas de novelas de investigación máis famosos do mundo, sobre todo porque nas súas historias sempre hai algo interesante, entretido e intrigante. Cando era algo máis novo que agora lin todas as súas historias, aínda recordo os volumes das obras completas de Sherlock Holmes que tiñan (e aínda teñen) os meus pais na casa, aqueles volumes vermellos con portada como de plástico e con todas as novelas impresas en papel cebola, dese finiño, que parecía que ía romper e que tiña o gran defecto de que por moitas follas que pasaras parecía que non avanzabas nada, que sempre quedaba o mesmo, pero tampouco neste caso é que importara demasiado porque aquelas historias tíñanme completamente atrapado e intrigado.


Neste ano tivemos unha adaptación ao cine deste personaxe que agora que o penso non sei por que non apareceu polo blog. Unha versión algo especial, máis convertida nunha cinta de acción que realmente de investigación ao típico estilo Holmes. Dirixida por Guy Ritchie e protagonizada por Robert Downey Jr. e Jude Law. A min gustoume, pareceume entretida e espectacular e con algúns momentos interesantes, pero como dixo o meu pai “ese non é Sherlock Holmes”, e en parte tiña algo de razón. Tiña os seus momentos Holmes, pero era máis unha película que buscaba o espectáculo e a acción máis que a investigación, moi ben feita e cunha ambientación e interpretacións moi boas, pero recoñezo que os máis “puristas” poderían verlle algúns defectos. De todos modos creo que terá unha continuación, e penso vela.


A serie que comento chámase, simplemente, “Sherlock” e de entrada dicir que é unha produción da BBC inglesa, o que pode dar xa unha idea de que calidade non lle vai faltar. Desde hai anos case todo o que vemos por aquí é americano, aínda boto de menos aquelas grandes letras do principio “BBC”, que eran sinónimo de que ías ver algo decente e ben feito, ao mellor un pouco máis sobrio que as producións americanas, pero seguro que era algo bo, e non digamos se era unha comedia, non recordo mellores comedias que algunhas inglesas de hai xa anos. Aquí emitiuse hai pouco pola cadea TNT, pero seguro que se, tras ler este comentario, chámavos a atención poderedes atopala por varios sitios. É unha serie de so tres episodios, pero de noventa minutos cada un, imos, algo que podería ser tanto por duración como por calidade, unha película enteiriña para ver no cine. De todos modos vin que para o ano 2011 están previstos outros tres episodios da mesma duración. De momento so vin o primeiro, pero penso que merece a pena recomendala, porque me deixou encantado por completo en todos os sentidos. Os episodios non responden exactamente a ningunha das novelas de Connan Doyle, collen ao personaxe e méteno dentro dunha nova historia que ben podería ser algunha das novelas, con todos os elementos clásicos do autor. De todos modos lin que é posible que un dos tres que virán para o ano que ven pode ser unha adaptación de “O can dos Baskerville”, para min unha das mellores historias do personaxe.


¿E que ten de novo, orixinal ou distinto esta nova versión para que chame tanto a atención? Ben, por un lado como dixen unhas liñas antes, a calidade da mesma, está feita cunha gran delicadezza, atención ao detalle e os personaxes están perfectamente definidos e responden aos esquemas que un pode ter na súa cabeza se coñece ao personaxe. Ero o que máis chama a atención é coller a Holmes, Watson, Lestrade, Moriarty e a casa do 221 de Baker Street e poñelos no Londres do século XXI. Si, aí está a novidade, temos a un Holmes que ten un blog en internet, “A ciencia da dedución”, que usa teléfono móbil, GPS, ordenador como novos elementos para soster as súas investigacións e deducións, que agora usa para concentrarse parches de nicotina e que segue vivindo no máis absoluto caos. Un Watson que no primeiro episodio volta da guerra de Afganistán, médico militar, coñece a Holmes e fai unha busca en google para descubrir algo máis do seu novo compañeiro de piso. O inspector Lestrade é agora un policía de Scotland Yard que segue acudindo ao seu amigo para que o axude en casos especialmente difíciles... Pode parecer raro, pero a min o resultado pareceume excelente porque penso que facer algo así non é demasiado sinxelo, sobre todo se partimos de que crearon novos guións para as historias, e o mellor que se pode dicir é que parecíame estar a ver unha historia das clásicas, de sempre. Incluso a linguaxe que usan é actual e nin sequera iso me pareceu forzado, senón do máis natural. Evidentemente choca un pouco ao principio, pero aos poucos minutos esqueces este tipo de cousas e pasas a velo como algo do máis normal. Iso é o máis sorprendente, que todas estas cousas cheguen a non sorprender ao espectador, todas estas novidades sociais, tecnolóxicas e lingüísticas están integradas con total normalidade e naturalidade, sen abusar en absoluto delas, porque o máis importante segue a ser a privilexiada mente dedutiva de Holmes e as axudas de Watson, aínda que de momento no primeiro episodio so me faltou o típico “Elemental, querido Watson”, será porque se acaban de coñecer.


Recoñezamos que Holmes é un dos detectives con máis carisma da literatura e esta nova adaptación demostra que pode resistir de marabilla o paso do tempo. As críticas foron excelentes en todas partes, unha ambientación coidada ao mínimo en todos os aspectos, os guións son inxeniosos, actuais e ao mesmo tempo intemporais, pero unha das mellores cousas da serie son os diálogos. Estes sorprenden desde o principio pola súa axilidade, brillantez e con ese sentido do humor que se pode esperar sempre dunha serie inglesa. No primeiro episodio máis dunha vez rin con moitas ganas gracias a eses diálogos, sobre todo os que hai entre Holmes e Watson, cargados de ironía, mala uva, cinismo, dobres sentidos..., e ao mesmo tempo sinxelos, facilmente entendibles e cheos de preguntas e réplicas inxeniosas.


O personaxe de Holmes está feito por un actor que descoñecía, pero que me sorprendeu moito, chámase Benedict Cumberbatch, e recrea un Sherlock Holmes cunha excelente mistura entre o clásico e o moderno. Novo, cínico, moi prepotente ante as mentes insulsas e inferiores dos que o rodean, cousa que se encarga de dicir en máis dunha ocasión. Séntese por riba do resto da humanidade que non son capaces nin sequera de alcanzar a entender a gran intelixencia e capacidade de dedución que ten e que tantos problemas créalle. Para el todo é un desafío e é iso o que lle da vida, o demais é aburrido, soso, sen asasinos interesantes a vida non ten sentido. Tanto na súa forma de vestir como na súa forma de moverse temos a un Sherlock a medio camiño entre o clásico e a modernidade, perfecto desde o meu punto de vista. Watson é Martin Freeman, un actor inglés ao que vin nun par de comedias e que me gustou moito, pois aquí tamén está perfecto, a medio camiño entre a ignorancia e a sabedoría, alucinando e dicíndoo todo o tempo en alto con todo o que Holmes é capaz de deducir case cunha simple ollada. No primeiro episodio está moi ben todo o que lle di Holmes a el e as explicacións posteriores que lle levaron a esas conclusións. A relación entre estes dous personaxes, como é lóxico, é o centro da serie e superan o exame con nota moi alta.


Xa digo, so vin o primeiro, pero os dous seguintes caerán en breve, porque me deixou gratamente impresionado. Faláranme ben dela, pero as veces non me fío demasiado destes comentarios, esta vez acertaron de pleno. Aparte dos dous personaxes centrais, que teñen un gran atractivo e tirón, toda a serie está moi coidada e traballada en todos os sentidos, así que vola recomendo moito. En TNT xa emitiron os tres primeiros pero normalmente os repiten bastante, así que sempre podedes estar pendentes das repeticións, senón xa sabedes que hai moitas e sinxelas maneiras de conseguilos. Merece a pena, algo que é máis ou menos o de sempre, pero con suficientes elementos como para facer que o vexamos como algo novo e moito máis preto do Sherlock Holmes de toda a vida, moito máis que ese outro intento que se fixo no cine. Hora e media de entretemento de calidade, con ese aire de toda a vida das series da BBC, animádevos, non vos vai decepcionar en absoluto, disto estou case seguro.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=cSQq_bC5kIw&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=_pL0bWBN2qU&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

lunes, 20 de diciembre de 2010

"Mal de pedra", de Milena Agus

nullnullnull“A avoa coñeceu ao Veterano no outono de 1950. Chegaba de Cagliari por primeira vez ao continente. Debía de ter corenta anos, sen fillos, porque o seu mal de pedra sempre a facía abortar nos primeiros meses. E así foi que, equipada co abrigo liso, os zapatos altos de cordón e a maleta de cando o marido chegara refuxiado á vila, a mandaron ao balneario para curarse”.
Así comeza a novela que vou comentar hoxe. Mo último post mencionaba catro novelas que ían aparecer por aquí nas próximas datas e esta é unha delas, “Mal de pedra”, de Milena Agus, que como dixen naquel momento é unha das novidades narrativas publicadas en galego por FaktoriaK en en castelán na editorial Siruela. A tradución ao castelán é de Celia Filipetto e a do galego de Carlos Acevedo. É unha novela curta, pero a súa breve extensión esconde unha historia intensa, triste e optimista a un tempo e que consegue que o lector goce da lectura en cada palabra, nada sobra, non hai nada anecdótico, nada de máis, aínda diría que un queda con ganas de saber máis cousas da vida da avoa da narradora. Non coñecía de nada a esta autora, pero cando me chegou a información desta edición mirei algo por aí para saber quen era, que escribira e algúns datos máis como base para facer este comentario. E descubrín que é unha novelista moi coñecida en Italia, traducida a varios idiomas e con boas ventas e críticas en case toda Europa.


Milena Agus é unha autora nacida en Génova, Italia, en 1959. Traballa como profesora de Lingua e Historia nun instituto de Formación Profesional. A súa primeira novela foi “Mentre dorme il pescecane” no ano 2005, antes escribir algo de poesía, pero a que lle deu o recoñecemento internacional é a comentada hoxe, “Mal de pedra”, que tivo unha mención especial do Premio Junturas 2006 ademais de gañar o Premio Elsa Morente dese mesmo ano. Outras novelas son “Las alas de mi padre” (2008) e a última polo momento é “La imperfección del amor” (2010). Un dos elementos centrais das súas novelas é Sardeña, a terra natal da súa nai, un lugar mitificado que aparece incluso as veces como un personaxe máis e non so como un marco para desenvolver a historia. A súa obra mistura normalmente realidade e ficción, con unha importante presencia do mundo onírico e un estilo sinxelo ao mesmo tempo que intenso. É unha novelista que xerou unha certa polémica cunhas declaracións nas que dicía que os escritores eran todos uns pobres desgraciados, con graves problemas e que a escritura era unha especie de terapia que lles permitía vivir. Ela considerábase unha persoa normal, pero no seu entorno comezaron a facerlle notar a súa loucura, para “curarse” di que escribiu “Mal de pedra”, unha especie de medicina para poder levar unha vida normal. Ve a vida do escritor como unha especie de desgracia que os leva a ter que escribir para poder saír desa situación. Como pouco podemos dicir que é unha persoa algo especial, que leva unha vida solitaria, entre a escritura, as súas clases e as actividades como ama de casa. Está divorciada, ten un fillo que traballa como pianista de jazz en París e di dela mesma que é unha persoa sinxela, cunha mirada profunda e triste que so parece emocionarse cando fala da súa novela.


A novela trata da vida dunha avoa contada pola súa neta. Unha historia triste por un lado e con certos momentos de optimismo por outros. É evidente que a vida da rapaza quedou moi marcada pola vida desa avoa un tanto especial por moitas cousas. Unha avoa que como di a autora nunha entrevista “non ten todas as rodiñas do cerebro no seu sitio”, que sería a expresión italiana para o noso “fáltalle un parafuso”. Unha muller que escorrenta ao amor, unha frase que a define perfectamente, obsesionada por atopar o amor ideal pero que parece que nunca lle vai chegar. O amor é un antídoto para a infelicidade, pero parece que a protagonista non ten dereito a atopalo. A súa vida céntrase en atopar ese amor. A avoa, unha muller que nace e vive case toda a súa vida en Sardeña, que so sae para tratarse o seu “mal de pedra” nun balneario e para visitar noutra ocasión aos seus parentes a Milán e tentar atopar, de paso, algo máis. É unha muller romántica, chea de ilusión e de amor e, ao mesmo tempo, de tristeza e desesperanza. A familia vaina obrigar a casar cun home ao que non quere, un home que terá que aceptala para pagar unhas débedas coa familia dela. A súa vida con el pode resumirse, sobre todo ao principio, coa frase que se din polas noites cando na cama cada un ponse no seu lado e con coidado de non tocarse: “Boas noites” e o outro resposta “Igualmente”. Pero a viaxe ao balneario para curar o seu mal, que lle impide entre outras cousas, ter fillos, vai converterse no lugar onde atopará ese amor inesperado e, sobre todo, desexado. É a historia dunha muller que marcou profundamente a todos os que estiveron ao redor dela, pero sobre todo á neta que conta a súa vida. Unha neta que viviu con ela moito tempo debido sobre todo ao traballo do seu pai e que fixo tamén que pouco a pouco fora descubrindo un mundo novo e distinto gracias a ela. O xiro final que ten a historia aínda lle dá máis fascinación a unha historia maravillosa.


Gustaríame contar algunhas cousas máis, pero é unha novela curta, de pouco máis de cen páxinas que se disfruta desde o principio ata o final, así que o mellor é lela para coñecer mellor a esta muller. É unha novela que fai que o lector goce en dous sentidos. Por un lado da propia historia deste muller a as cousas que lle van pasando, como vai afrontando a súa vida, o seu matrimonio e o encontro co seu amor tan desexado na figura do Veterano que atopa no balneario. Por outro lado por como está contada, cun estilo que parece sinxelo pero que esconde unha grande intensidade e, sobre todo, sensibilidade e paixón. Creo imposible que cando cheguedes ao final non apareza nos vosos rostros un lixeiro sorriso entre triste e alegre. Nestas poucas páxinas concéntrase unha historia que vos vai dicir moitas máis cousas das que parece, porque ademais non é so o personaxe da avoa, todos os que aparecen na historia teñen moito que dicir e aportar. Desde a outra avoa da rapaza que conta a historia, o marido da avoa, os seus pais e familiares, non hai un so que non nos vaia dicir algo. Por un lado deume algo de pena que fora tan curtiña, como dixen antes gustaríame saber algo máis da vida desta italiana soñadora, pero por outro é evidente que a intensidade que ten a historia podería perderse se nos contara máis, quizais é mellor deixalo á imaxinación do lector. É esa brevidade a que lle dá tanta intensidade ao que estamos a ler, ademais de delicadeza, unha viaxe a unha historia que anda a cabalo entre a máis dura realidade e o mundo marabilloso dos soños no que case todo é posible. O mellor que podemos aprender dela é que nesta vida case todo é posible e que o mellor que podemos facer é non deixar que a realidade afunda os nosos soños, porque as veces, é o único e o mellor que temos.


De verdade que a recomendo, e penso que, a pesares da súa brevidade, é unha novela para ler devagar, con calma, gozando de cada palabra, de cada frase e de cada situación, imaxinando a esa muller e as cousas que lle pasan na súa vida, chea de cousas alegres algunhas e tristes moitas delas, pero que nunca vai deixar de perseguir aquilo que realmente quere. Tedes que lela para descubrir ese mundo da muller que escorrentaba ao amor, pero non deixaba de buscalo.

viernes, 17 de diciembre de 2010

Novidades editoriais

Non é que estea vago estes días ou que vaia deixar de lado o blog, o que pasa es que como en todo hai épocas nas que tes máis tempo que en outras e non é este mes precisamente o mellor para dispor de demasiado tempo libre porque hai que adicalo a outras cousas. Así que en breve volverei aos comentarios habituais, tanto de televisión como de libros, que teño un par deles para facer, pero cando teña algo máis de tempo. Así que este de hoxe vai ser algo distinto pero sempre relacionado co tema. Vou mencionar nada máis catro ou cinco novelas que teño en lista de espera, todas elas novidades editoriais, e que aparecerán pronto comentadas por aquí, pero tamén de paso poden servir como recomendacións para cando un non saiba que regalar  nestas festas que están a punto de chegar. Espero que vos sirvan e que esperedes con ganas os futuros comentarios sobre as mesmas.


null

 


 


 


A primeira é unha obra bastante esperada dun autor máis que coñecido e recoñecido, ademais é a que empecei a ler onte, levo pouco, así que de momento non vou dar unha opinión, pero de momento estáme a resultar atractiva, xa veremos por onde vai. Falo de “El cementerio de Praga”, de Umberto Eco. Cen mil exemplares vendidos en Italia nunha semana dan idea do esperada que era esta nova novela de Eco. Eu teño que dicir que calquera novidade súa sempre me asusta un pouco, porque non sei que autor vou atopar. O que segue o estilo de “El nombre de la rosa”, algo penso que máis fácil de ler ou entender ou o de “Baudolino” por exemplo, que teño que dicir que me resultou algo incomprensible e pesada, tendo sempre en conta que isto é algo completamente persoal, claro. Nesta vainos contar a historia do capitán Simonini, un experto falsificador que desenvolve a súa e aventuras no século XIX e con moitos personaxes históricos e feitos rodeando a súa vida. As críticas que lin falan dunha gran obra que une erudición e datos históricos con entretemento de xeito moi equilibrado, xa vos direi se a miña opinión vai polo mesmo lado ou non.


nullnull

A segunda é a nova novela dun dos meus autores favoritos, dos que leo absolutamente todo o que publica, aínda me quedan algunhas, poucas, das primeiras, pero van caendo pouco a pouco. Falo de Paul Auster e “Sunset Park” que ademais de en castelán na súa editorial habitual tamén podedes atopala en galego publicada ao mesmo tempo por Galaxia (e que será a que lea porque tiven a sorte de que fora un regalo recente). Recoñezo que en ocasións é un autor algo “deprimente” pero tamén penso que case sempre hai algo que fai que non o sexa tanto, sempre vexo un algo de esperanza, de optimismo debaixo desas historias tristes as veces, estrañas outras e fascinantes case todas elas. Aparte das historias penso que a forma que ten de usar a linguaxe é algo maxistral e poucos autores conseguen impresionarme tanto nese sentido como el. Neste caso cóntanos a historia de Miles, un home de vinteoito anos que vive sumido na culpa por provocar a morte do seu medio irmán. Tras andar por aí volve a Brooklyn (un dos escenarios centrais e favoritos do autor) onde vivirá de ocupa antes de enfrontarse co seu pai. A últimas das súas obras, “Invisible”, non me atrapou demasiado, a verdade, aínda que teño intención de volver a lela nalgún momento, pero a historia desta paréceme que si vai ser desas que me gustan, xa veremos.


null

 


 


 


Outra novidade editorial en galego de FaktoriaK tamén está dentro das lecturas inmediatas, “Mal de pedra” dunha autora italiana que se chama Milena Agus. Unha historia publicada en Italia no ano 2006 coa que gañou o Premio Elsa Morente. É unha autora que descoñecía e esta é a súa segunda novela, pero pola historia e polos datos que lin penso que tamén é bastante apetecible. Unha historia curta pero intensa. Nela unha moza recorda a vida da súa avoa, unha muller especial cunha vida especial, romántica e chea de ilusión pero que ten que casar cun home ao que non quere. Tamén aparecerá o comentario por aquí en breve.


null

 


 


 


 


E a última é unha novela que podemos incluír dentro do xénero histórico, e tamén das que non transcorren na Europa da Idade Media nin con temas de cristiáns, musulmáns ou xudeus. Falo de “Nueva York”, unha longa historia que ten como autor a Edward Rutherfurd. Este é un autor ao que coñecín xa hai anos cando alguén que sabía a miña afección por este xénero regaloume unha novela que se chamaba “Londres”, unha das historias máis entretidas que teño lido dentro deste xénero, interesante, amena, ben documentada e que resumía (por dicilo dalgunha maneira) en moitas páxinas a historia completa da cidade de Londres. Pois neste caso é algo parecido, pero cambiando a cidade inglesa por unha das cidades que penso que máis chaman a atención de case todo o mundo, que moitos non coñecemos directamente pero si polo cine e a televisión e que moitos, penso eu, quereríamos visitar nalgún momento, a cidade de Nueva York. É un autor ao que lle encanta xogar con historias longas, moitos personaxes e situacións, e polo menos na que lin manexaba isto con auténtica mestría. A historia comeza case no século XVI, cos indios americanos, a chegada dos colonos, a guerra da Independencia, a construción do Empire State... Un proxecto que me parece moi ambicioso, pero que penso que pode solventar con ben, porque sempre se documenta moi ben e sabe ser entretido ao mesmo tempo que interesante. Xa veremos.


Pois nada, ata aquí este post de hoxe algo distinto ao habitual, pero que espero que tamén vos resulta interesante e vos dea algunha idea se non sabedes que regalar nestas festas. De paso tamén vos animo a lelas, así despois poderedes aportar as vosas opinións.

domingo, 5 de diciembre de 2010

The Walking Dead

nullnull

Hai uns minutos que rematei de ver o cuarto capítulo desta miniserie de seis, pero vou comentala antes de que termine, porque penso que calquera afeccionado ao xénero de terror non debe deixala pasar e os que non o sexan, a non ser que non resistan certo tipo de escenas realmente desagradables, sanguentas, asquerosas e fortes, creo que tampouco porque é unha serie das boas e con moita calidade. Non e precisamente o xénero de terror un dos que máis se prodigan nos nosos televisores, son moito máis habituais no cine e na novela, pero parece que polas razóns que sexan, non é o xénero máis elixido para os produtores televisivos. Moita memoria teño que facer para recordar series deste xénero e máis nos últimos tempos, fora de “True Blood” (que aínda teño pendente de ver, so sei que é de vampiros, que a poñen moi ben e pouco máis) non se me ocorren moitas máis. Aviso xa antes tamén, para que ninguén o vexa sen querer, que esta vez o vídeo vai ao final, así que aqueles que prefiran non velo, que non lle dean ao botonciño do play. Tamén dicir que sempre fun moi afeccionado a este xénero, penso que xa o dixen algunha vez, pero tamén engado que nos últimos anos, sobre todo no cine, non vin nada que me gustara ou sorprendera demasiado pola súa calidade. Agora todo converteuse nunha especie de competición para ver quen consegue que haxa máis sangue na pantalla ou a ver quen inventa a forma máis brutal ou impresionante de asasinar xente en primeiros planos, concursos de vísceras pero pouco terror de verdade. Penso que habería que cambiar o xénero e meter todas estas películas nun novo xénero “de asco ou de repulsión”, pero non de terror. Aínda que respecto a todos os afeccionados a este tipo de cine, a min, persoalmente non me gustan nada. Pero non porque me resulten desagradables (algunhas si, iso teño que recoñecelo), senón porque me parecen faltas de imaxinación, de innovación, de algo máis que moitas das de antes si que tiñan. Hai uns meses a literatura puxo de moda aos vampiros, claro que uns algo especiais, que case non matan xente, que andan de día polas rúas e van a clase como todos os demais, o único distinto é que, se non recordo mal, cando lles da o sol, brillan un pouco ou botan como chispas ou algo así. Penso que todos sabedes a que me estou a referir, a unha saga literaria de grandes ventas e que chegou ao cine, pensadas para un público moi determinado tamén e dentro diso non estaban mal, lin un par delas, a min non me gustaron demasiado, pero...



Xa me estou a liar e voume do tema, que o de hoxe é comentar unha serie de televisión. Outra faceta do terror que se puxo de moda nestes meses tamén gracias, sobre todo, á literatura, é o tema dos zombis, os mortos viventes. Algunhas destas novelas xa as lin e a maior parte delas gustáronme bastante, tamén é un tema moi manido e usado desde sempre en infinidade de novelas, pero en algunhas delas (penso, por exemplo, nun dos primeiros comentarios que fixen, o de “Apocalipsis Z” de Manuel Loureiro) gustáronme bastante. Pois a serie de hoxe ten como tema central ese, a looita dos poucos humanos que sobreviviron contra os mortos viventes, ou non, igual non é ese o tema central de verdade, logo me explico. Falo dunha miniserie de seis episodios que se titula “The walking dead” (“Os mortos camiñantes”) que está a emitir nestes momentos Fox os venres pola noite. A min estáme a parecer do mellor do xénero que teño visto en moito tempo, cunha grande orixinalidade no plantexamento, cunha produción e direción impecables, un desenvolvementos dos episodios xenial e con moitos momentos de gran tensión, deses que te fan aguantar uns segundos a respiración ou incluso soltar un pequeno ou gran taco (mental ou vocal, as veces é imposible aguantarse) en máis dunha ocasión. É deses casos nos que eu digo que é auténtico cine levado á pequena pantalla, cousa que cada vez prodúcese máis, malo para o cine, pero bo para a televisión. Estreouse ao mesmo tempo en 120 países e dobrado en 33 idiomas, o que pode dar unha idea do que os produtores da mesma esperaban, rondando os 300 millóns de espectadores en todo o mundo.



En realidade é a adaptación duna novela gráfica de Robert Kirkman que non coñecía no seu momento, pero á que lle botei unha ollada tras ver a serie e pareceume magnífica. O argumento non se está demasiado lonxe dos grandes clásicos do xénero de zombis, partindo de ideas como a novela “Soy leyenda”, de Richard Matheson (que tivo recentemente unha versión en cine protagonizada por Will Smith e que tampouco estaba mal, aínda que me quedo coa antiga, con Charlton Heston). Penso que a maior fonte na que se inspirou é o maior clásico do xénero e que moitos copiaron, pero penso que ninguén superou, “La noche de los muertos vivientes” de George A. Romero, cinta que penso que ninguén que fixera unha película de zombis deixou de ver e que, aínda a pesar do seu branco e negro, creo que é a que vin sobre o tema que máis me “asustou”. O protagonista central da serie é un policía, Rick Grimes, que no primeiro episodio, tras recibir un disparo, entra en coma e esperta nun hospital baleiro, deserto, destruído, sen ter a máis mínima idea do que lle pasou. Xa antes de poder saír do hospital descobre a algúns deses zombis, o único que ve é a eles e a montóns de mortos, tanto dentro como fóra do hospital. A súa primeira idea é ir á súa casa e tentar atopar á súa familia, pero a súa casa está baleira e pola rúa so ve os lentos, cadenciosos e sinistros movementos deses mortos que camiñan e que van por el. Dúas persoas vano axudar nese momento de desesperación, un pai e o seu fillo que tentan sobrevivir pechados nunha casa e sen ter demasiado claro a onde ir. Algo pasou e a maior parte dos seres humanos xa non o son, agora son mortos que vagan polas rúas en busca de seres vivos para alimentarse. Rick o único que quere é atopar a súa familia, a súa muller e o seu fillo, que está convencido de que seguen vivos. Así que ese é o seu obxectivo e a medida que avanza irá descubrindo que non está so, que hai máis xente escondida, tentando sobrevivir, loitando polas súas vidas, saíndo so para tentar atopar comida, armas, medicinas, xente como el que non caeu nas mans dos “camiñantes”.



O produtor e director do primeiro episodio é Frank Darabont, un dos directores que máis soen gustarme, e que igual polo nome non recoñecedes, pero saberedes quen é cando diga que dirixiu cintas como “Cadena Perpetua”, “La milla verde”, “Frankenstein de Mary Shelley”, nominado tres veces ao Óscar como mellor director e cun gran número de premios menos coñecidos que este mencionado, pero non moito menos importantes. Nótase a súa man, sobre todo nese primeiro episodio que dirixe, pero os demais non lle van á zaga. Os actores tampouco son demasiado coñecidos, case todos eles fundamentalmente televisivos, pero aínda que non polo nome si veredes caras relativamente coñecidas. Todos eles están moi ben, convencen, asustan, pasamos o mesmo medo e tensión que eles porque nese sentido están moi ben, e moitas veces esa tensión e ese medo non teñen nada que ver con ter cerca a un zombi, senón máis ben por ter cerca a outro ser humano. Veremos como se vai formando un grupo moi heteroxéneo que tenta sobrevivir, como se van atopando con outros grupos tan diversos como eles e sobre todo como son as relacións entre as persoas que forman este grupo que será central no desenvolvemento da historia.



¿O verdadeiro terror da serie está nos zombis? Pois non por raro que pareza. Estes son os de sempre, boas maquillaxes, movéndose a cámara lenta, con eses ollos colgantes, os dentes ao aire e as caras descompostas, sen un brazo ou os dous e máis ou menos o de sempre. Neste caso penso que non son máis que a escusa para demostrar outras cousas e desenvolvelas. O que máis medo dá son as relacións que se xeran entre as persoas, entre os que están vivos e tentan sobrevivir. Temas como o racismo, a violencia de xénero, a envexa, o egoísmo, o rexeitamento por razóns de sexo, crenzas ou relixión, forma de ser ou de ver a vida están presentes en todos os capítulos. Son esas escenas e eses momentos entre os humanos as que son realmente fortes, estremecedoras e que asustan de verdade. A famosa frase de que “o home é un lobo para o home” está presente en moitos momentos e amosa como incluso en situacións nas que o fundamental sería a unión para a supervivencia non somos capaces de superar moitas cousas e centrarnos no realmente importante. Claro que tamén hai momentos para o amor, o cariño, a amistade, o respecto, a realización de actos desinteresados, a valentía e outros elementos positivos, non todo ía ser negación, pero a idea central que me queda tras ver cada capítulo é máis a anterior. Moitas situacións límite van levar á xente a comportarse como realmente é, sen correccións políticas, como verdadeiros egoístas que agora, máis que nunca, viven centrados en si mesmos.



Dito queda, como comentei ao principio, é case indispensable para os afeccionados ao xénero. A min estáme gustando moito e non son moitas as que conseguen deixarme ao final de cada episodio cunhas enormes ganas de ver o seguinte e chegar ao final para ver como remata, pero so me quedan dous que penso que ao igual que os catro anteriores non me van decepcionar en absoluto. Os que non sexan demasiado afeccionados e non teñan demasiados reparos ante escenas realmente desagradables e sanguentas penso que deberían darlle unha oportunidade, todo o comentado no parágrafo anterior da moito que pensar e está moi ben traballado, esas son as razóns básicas para recomendala.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=pzrBO-fM07I&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]