domingo, 23 de enero de 2011

"Sons of anarchy"

nullnull
Volvemos de novo ao mundo da televisión. Normalmente para as series novas boto un ollo antes ao argumento, actores e esas cousas para ver se me parece apetecible ou non, coa cantidade delas que temos agora polos distintos canais non é fácil as veces elixir aquelas que poden merecer a pena por calidade, entretemento ou outras razóns. Esta serie de hoxe nun principio non me chamou demasiado a atención, pero como tiña lido boas críticas por varios sitios hai tempo que me decidín a gravala e tela gardada para algún momento no que non tivera demasiadas cousas apetecibles, polo menos para darlle unha oportunidade. A verdade é que o argumento central non me chamaba demasiado e por iso foi quedando apartada, pero tamén é certo que hai uns días estrearon en FoxCrime a terceira temporada da mesma, así que algo debería de ter. Ademais teño un bo amigo qu é un bo consumidor de series, co que as comentamos, intercambiamos algunhas e esas cousas. Así que esta de hoxe pasou antes polas súas mans e trala recomendación decidimos vela, e non nos arrepentimos para nada, porque merece moito a pena. Falo de “Sons of anarchy” (“Os fillos da anarquía”), unha serie americana, claro está, que circula ao redor dunha pandilla de moteiros.


O primeiro comentario que me fixo o meu amigo foi simplemente dicir que nunca pensara que unha serie sobre unha realidade tan allea e lonxe da súa fora a gustarlle tanto. Esa foi unha das razóns para que non me puxera a vela no seu momento. Díxenme que a vida e aventuras dun grupo de moteiros con esa estética tan americana de cazadoras de coiro (ben, estes levan chaleco, pero ven a ser o mesmo), motos de gran cilindrada negras con eses manillares altos (que me parecen incomodísimos); Harley Davidson personalizadas, claro; e todo o que rodea a ese mundo algo lonxe da nosa realidade non me parecía que me fora atraer. Pois estaba completamente equivocado, porque fóra de toda esa imaxinería (que teño que recoñecer que aínda que lonxe do noso paréceme algo atractiva, a verdade) hai unha serie de historias, de situacións e de argumentos que teñen bastante que ver coa vida diaria, coa realidade de calquera en canto a relacións, problemas e situacións case cotiás, extrapolándoas, claro, do mundo no que se desenvolven. Algúns téñena comparado con unha das grandes series dos últimos anos, “Los Soprano” no sentido de que, como nesta, o mundo da mafia era case unha escusa para desenvolver outro tipo de temáticas que calquera pode entender. Pois nesta pasa o mesmo, son unha pandilla de xente e os argumentos que se desenvolven teñen máis que ver con relacións entre persoas, enfrontamentos e esas cousas máis que coa vida real do grupo, podería ser calquera outro grupo social identificado por unhas características comúns.


A historia xira ao redor do núcleo central do grupo de moteiros, os “Sons of anarchy” que dan título á serie. Un pequeno grupo que, digamos, é o centro dunha serie de delegacións repartidas por gran parte dos Estados Unidos, un grupo que se move no que se coñece como Samcro (que non é máis que o acrónimo de “Sons of Anarchy Motorcycle Club Redwood Original”), que viría a ser o lugar onde viven, reúnense e desenvolven as súas actividades. Viven en Charming, un pobo ficticio situado no norte de California, o típico pobo de tamaño medio dos moitos que hai polos Estados Unidos. Alí viven basicamente do comercio ilegal de armas, usando como tapadeira un taller mecánico. Ademais funcionan como “protectores” do pobo no sentido de manter lonxe do mesmo a outros grupos de delincuentes, sobre todo a aqueles que se dedican a negocios relacionados coa venta de drogas, a prostitución ou calquera que poida interferir na vida diaria do pobo. Protexen aos seus, e dentro dese grupo están so eles, os seus e case toda a xente do pobo, que acode a eles para que lles axuden cando teñen algún tipo de problema grave. O protagonista principal é Jackson Teller, un rapaz de pouco máis de 30 anos que vive en medio dun conflito entre a vida sen o seu pai e os enfrontamentos coa parella da súa nai, que ademais é o presidente do club. Ademais o problema principal é que non está demasiado de acordo coa liña que leva o club, pensando que deberían deixar a maior parte das actividades ilegais que realizan para dirixirse cara a outro tipo de cousas máis “legais”. Todo isto apoiado por unha especie de libro ou diario escrito polo seu pai no que fala das intencións reais que tivo como fundador do grupo e o pouco de acordo que estaba coa liña que estaba a levar despois, tirando máis cara á delincuencia que cara a idea de liberdade e de loita contra a sociedade que basearon a súa fundación. Ademais é o vicepresidente do grupo e ao que todos ven como futuro presidente, aínda que algúns non ven con bos ollos esa outra liña que Jacks quere para eles. Clay Morrow é o presidente e medio pai de Jacks, xa que é a parella da súa nai. Capaz de absolutamente calquera cousa para manter a integridade do club, empregando a forza cando sexa necesario e pasando por riba do que sexa para conseguir os seus propósitos. A pesar deles rexeita calquera outro negocio ilegal que non sexa a venta de armas, o demais parécelle reprobable, aínda que iso non impide que se relaciona cos outros que se dedican a eses outros negocios, sempre e cando non o fagan no seu pobo.
Por riba de todos os homes da serie, destaca unha muller, Gemma Teller Morrow, a nai de Jacks e actual parella de Clay. Un personaxe deses que impresionan e enchen a pantalla cada vez que aparece, unha muller dura, fría a veces, pero que esconde moitas máis cousas das que podemos pensar tras ver os primeiros episodios. Preocupada polo seu fillo, polo club e por todos os que circulan ao redor dela, busca ante todo os seus intereses e os dos seus e para iso é capaz de facer absolutamente calquera cousa. Ela é a que en realidade manexa e dirixe os fíos de case todo o que pasa en Charming, onde nada escapa ao seu control e, cando algo o fai, en seguida toma de novo as riendas para non deixar nada sen atar. É capaz de poñerte a pel de galiña nun momento e ao seguinte provocar sentimentos contrarios por completo, un personaxe complexo de dos mellores que teño visto nunha serie dramática. E logo temos ao resto dos integrantes do grupo, cada un con unha misión e unha forma de ser moi definida. Bob Munson é un dos fundadores, imitador de Elvis nos seus ratos libres. Alex Trager é o violento, sádico e encargado dos traballos máis sucios. Incluso temos ao aspirante a entrar na banda, Kip Epps, ao que todos coñecen co alcume de “medio ovo”, cando a vexades saberedes por que. Ao redor deles un xefe de policía corrupto case ao seu servicio, algo que fai tamén preocupado, digamos, por manter a tranquilidade e paz no pobo. Ou o axudante do shérif, un rapaz que coñeceu a Jacks cando eran máis novos pero que agora a vida levounos por camiños distintos. Algúns personaxes fixos máis xunto con estes, pero sería demasiado longo falar de todos eles e é mellor descubrilos a medida que vemos a serie, ademais de que así tampouco conto as historias que van ir desenvolvendo, que son tensas e interesantes. Ademais teremos aos grupos rivais, desde mexicanos, neonazis e todos os grupos de delincuentes habituais neste tipo de producións.


A serie destaca por moitas cousas e nos está a gustar moito. A complexidade dos personaxes e das tramas é bastante alta, as cousas, como na vida, non son brancas ou negras e moitas veces vense obrigados polas circunstancias a realizar actos cos que non están de acordo. Tamén é certo que moralmente o comportamento de todos eles non é para darlles un premio. Case podemos dicir que non hai un so personaxe “bo” en toda a serie e que os guionistas conseguen que os “Sons of anarchy” parezan os mellores de todos, os únicos que teñen un certo código moral e de comportamento fronte a todos os demais. Incluso personaxes como os policías da ATF que irán detrás deles parecen moito, pero moito, peores que os protagonistas. Eles entenden a venta de armas e todo o que fan como unha forma de manter o status social e económico e tamén como a forma de manter lonxe a todos os demais do SEU pobo e dos seus. Hai que dicir que é unha serie dura, con algúns momentos realmente violentos e duros, directos e brutais pero non so polo que se ven, senón tamén por como se desenvolven as cousas e as súas vidas. Aínda así sigo a dicir que merece a pena, penso eu.


Máis puntos ao seu favor poden ser, por exemplo, a música, recoñecida por todo bo afeccionado á música americana que rodea a este mundo. Case cada episodio remata cun tema musical moi ben incluído, case sempre relacionado co que pasou ou está a pasar e que remata moi ben o mesmo. Os actores están todos realmente ben, do primeiro ao último, aínda que destacan as dúas caras máis coñecidas. Gemma Teller é a actriz Katey Sagal, coñecida por varias series de televisión; e Clay Morrow é Ron Perlman, entre outras cousas un dos inesquecibles monxes de “O nome da rosa” e que apareceu en gran cantidade de películas e series de televisión.


Nalgúns sitios falan de reminiscencias do teatro de Shakespeare na serie, tras vela e analizala un pouco podemos ver elementos de algunhas das obras máis coñecidas do autor en moitos sentidos, pero actualizadas e levadas a outros campos. Non se pode negar, en moitos aspectos, a influencia, por exemplo, de “Hamlet”, pero non é a única. Outro punto máis a favor dunha serie que como dixen ao principio, non me chamou, pero que agora me ten encantado, a verdade. Son tres temporadas, a terceira comezou a semana pasada, cada unha de 13 episodios de 45 minutos cada un cheo de momentos de tensión, de violencia, de sufrimento que te poden deixar sen respiración en máis dunha escena. Seguirás as súas aventuras e desventuras con bastante atención, as veces incluso non serás capaz de ver un so episodio, porque quererás saber que vai pasar a continuación. Ademais non todo é drama, ten momentos realmente simpáticos e divertidos para romper un pouco esa tensión. Son moteiros, pero teñen unha vida cotián cos problemas e situacións de moita xente, problemas de saúde, de diñeiro, de relacións, discusións cos fillos e ese tipo de cousas. Moteiros con seus chalecos de coiro que comen magdalenas ecolóxicas, que son moito mellores que as industriais, que actúan disfrazados de Elvis en casinos ou festas infantís ou que se gastan bromas (algunhas entre simpáticas e brutais) entre eles. Un dos seus méritos, para min, é que non é unha serie de argumentos simples e fáciles, las cousas sempre vanse complicando e retorcendo, sorprendendo en máis dunha ocasión ao espectador, ese é un dos seus maiores méritos. Con todo isto, vola recomendo, non penso que os vaia decepcionar.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=sLzXPo1pWL8?rel=0&w=560&h=345]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=Znt286XnQsU?rel=0&w=560&h=345]

miércoles, 19 de enero de 2011

"El cementerio de Praga", de Umberto Eco

nullNormalmente antes de poñerme a escribir un comentario boto unha ollada por internet, por un lado para recoller algunha información sobre o autor, ver se ten algunha nova novela ou algunha cousa destacada que engadir e por outro para contrastar un pouco as miñas opinións ou impresións coas de outras persoas e con todo axudar un pouco a matizar puntos de vista e esas cousas. Isto é algo que coa novela que vou comentar hoxe non quixen facer demasiado, limitándome a un par de artigos en revistas especializadas e pouco máis. ¿Por que? Pois porque é unha novela bastante esperada dun autor que soe crear certas polémicas por moitos aspectos de cada nova publicación que aparece. Por iso preferín limitarme case por completo ás miñas propias impresións sobre ela. Falo de “El cementerio de Praga”, de Umberto Eco.


As ventas que está a ter son moi boas, colocándose nos primeiros postos en todos os países nos que se está a publicar. Por un lado é un autor que ten tirón entre os lectores e por outro as polémicas que soe espertar coas súas declaracións e obras tamén fai que as expectativas crezan bastante. Neste caso hai varios sectores que fixeron comentarios sobre a mesma que penso que fixeron espertar certas polémicas que sempre favorecen as ventas, polémicas das que creo que o autor é moi consciente, por non dicir que as busca case a propósito. Neste caso non vou deixar aquí a súa biografía, xa que aparecer anteriormente cando comentei a súa novela “El nombre de la rosa”. Un dos reclamos publicitarios que se usaron para esta nova novela está relacionado, precisamente, con esta outra novela. Nalgún lado lin que era a súa mellor novela despois desta ou incluso superior, sinto dicir que non estou de acordo, pero iso é algo sobre o que falarei algo máis adiante. En canto ao xénero no que podemos metela, paréceme complicado. Falouse de que pertence ao xénero histórico, ao de intriga ou algúns din dela que é un folletín ao estilo dos do século XIX. A verdade é que non sei moi ben onde metela, histórica en parte si porque todos os personaxes que aparecen na mesma existiron no seu momento e mantiveron as relacións que nos indica o autor, os sucesos na súa maior parte tamén están dentro do sucedido entre finais do século XVII e principios do XIX, pero todos eles están relacionados ao redor dun personaxe completamente ficticio, irreal e quizais, un tanto esaxerado. Eu diría que é unha novela de aventuras ou intrigas sobre todo políticas postas en relación cunha serie de feitos históricos desa época. Tamén penso que é case imprescindible ter unha visión polo menos aproximada dunha serie de feitos relacionados coa historia de, sobre todo, Francia, Italia e Alemaña deses dous séculos. Sobre todo se se quere seguir unha historia que en certo momento complícase un pouco pola cantidade de personaxes e relacións que se establecen entre eles co protagonista como centro. Curiosamente hai pouco que lin unha novela de Gary Jennings que aparecerá por aquí en breve, “Lentejuelas”, que comparte moitos destes feitos, casualidade tela lido algo antes, porque me axudou moito a seguir a historia de Eco.


A estrutura da novela é unha especie de diario escrito por un personaxes un tanto peculiar, por dicir algo, un home sen conciencia que so se move polo propio interese, vendéndose a quen sexa para conseguir diñeiro e que vai estar metido en todas as intrigas políticas da época na que vive; desde a unificación de Italia con Garibaldi ata a guerra franco-prusiana. A narración vai alternando entre unha especie de narrador e un protagonista desdobrado en dous, por un lado o, chamémolo así, principal, o capitán Simone Simonini e unha especie de alter ego, o abate Dalla Piccola. Esta triple narración nalgunha ocasión convértese unha especie de caos que pode chegar a confundir ao lector, a atención e a relectura nalgunhas ocasións fanse imprescindibles. A historia comeza en 1897 en Francia, co capitán Simonini aos 67 anos tentando contar a súa vida nunha especie de diario escrito, rememorando todos os acontecementos da súa vida e tentando, en parte, xustificarse un pouco por todo o que fixo, que é moito. Naceu en Italia, vivindo no medio dun pai italiano, unha nai francesa e un avó que será, en parte, o culpable da idea de que hai unha conspiración xudía para dominar o mundo. Os seus pais póñenlle o nome de Simone en recordo de San Simón, un neno mártir asasinado en Trento polos xudeus. O seu pai é un revolucionario italiano que morrerá pronto a causa da propia revolución, co que quedará ao coidado do seu avó. Un avó antisemita, profundamente relixioso e conservador. Chegado certo momento terá que escapar disfrazado de Italia e marchar a Francia, onde vivirá a maior parte da súa vida. Traballará para un notario, onde aprenderá o arte da falsificación de documentos, descubrindo que ten unha grande facilidade para iso, será o que faga a partires dese momento. A súa vida basease no engano, no xogo e na falsificación, sempre buscnado diñeiro a cambio e pouco máis. Moralmente é un personaxe deplorable, con nada positivo, dálle igual para quen traballe con tal de que lle paguen. Incluso é capaz de traballar ao mesmo tempo para dous grupos distintos, opostos e enfrontados, aportando documentos falsificados a cada un deles que se adapten ao que lle piden. Xa sexa para os franceses buscando contrariar aos alemáns, como para os alemáns buscando o mesmo para os franceses. Así estará no medio de toda revolución, guerra ou conflito real da época sendo, ademais, un dos culpables e instigadores dos mesmos. De todos modos o centro de todo serán os xudeus, inventando e aportando documentos falsificados por el, copiados de outros, creados e inventados por el ou como sexa que leven á xente a pensar que tentan meterse de calquera xeito en todos os ámbitos das sociedades europeas buscando o dominio do mundo.


As primeiras páxinas son demoledoras en canto a críticas, non deixa títere con cabeza. Empeza cunhas descricións e opinións sobre os xudeus realmente tremendas, pero non queda aí, pasará a facer o mesmo cos alemáns, logo os franceses, os italianos, os curas, sobre todo os xesuitas (que tampouco quedan ben parados), as mulleres... Son páxinas feroces, case brutais que a min persoalmente provocáronme máis dun sorriso sobre todo pola forma de dicir as cousas. Fronte a algunhas críticas que lin, eu fun incapaz de tomalo en serio. Incluso lin unha declaracións do gran rabino de Roma que di “ao final o lector pregúntase se os xudeus queren derrocar á sociedade e gobernar o mundo”. Paréceme unha opinión tan esaxerada e case fóra de lugar que non creo que haxa que tela demasiado en conta, ademais de ser unha falta de respecto cara ao lector e a súa intelixencia. Eu vexo máis un xogo literario, unhas ganas por parte de Eco de chamar a atención e xogar con eses escándalos que a novela en realidade provocou. Ademais non son so os xudeus os que son tremendamente criticados e vapuleados, case toda a sociedade e estamentos da época aparecen duramente golpeados coas palabras do autor. Como dixen, todos os personaxes da novela son reais, salvo ese protagonista que, incriblemente, está metido en todos os fregados. E tamén, ao final, temos unha notas que o propio autor cualifica como “Inútiles aclaracións eruditas”, coincido completamente con el, resultáronme realmente pouco útiles, a verdade. O que non se pode negar é a capacidade de Umberto Eco para xogar coa linguaxe e, sobre todo, cos seus lectores.


Con todo isto a min a novela entretívome e gustoume ata, aproximadamente, a metade. A partir de certo momento o cúmulo de personaxes, de nomes, de intervencións faise nalgúns momentos tan caótico que é complicado seguir a historia aínda que se faga con atención, tendo máis dunha vez que pararme a pensar ou ir algunhas páxinas cara atrás para centrarme un pouco. Como sempre a linguaxe nalgúns momentos roza o esaxerado polo culto, con máis dunha palabra ou expresión realmente chocante polo pouco usual. Non me parece, como lin, a gran novela de Umberto Eco, é máis, se non fora porque non é algo que faga e porque nalgunhas cousas conseguiu a miña atención, penso que case a deixaría para outro momento, porque nalgún incluso cansoume un pouco. Cando a empecei as, digamos, cincuenta primeiras páxinas, gustáronme moito, pero ese interese foi caendo pouco a pouco ata chegar a un certo cansazo. Claro que non tanto como algunhas das súas novelas anteriores, xa dixen nun comentario anterior que non me doe recoñecer que “Baudolino” resultoume case incomprensible; tendo isto en conta esta gustoume algo máis, pero vendo outras novidades editoriais do momento e outras lecturas recentes, “El cementerio de Praga” non estaría entre as que recomendaría demasiado, hai outras antes que me gustaron bastante máis e, sobre todo, entretivéronme moito máis. Agora, isto é un comentario completamente persoal, o tempo e vós diranme se estaba ou non no certo.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=8Ryek0IZB0I&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

martes, 11 de enero de 2011

"Sé lo que estás pensando", de John Verdon

nullnull
Volvemos de novo ás novelas, e outra vez unha de xénero negro que está a ter unhas excelentes ventas e moi boas críticas por parte, sobre todo, dos lectores. É máis, a revista “Qué leer” no seu número de decembro fala de la como “a novela negra do ano”. Pero antes de continuar co comentario gustaríame facer unha breve reflexión. Nun dos comentarios anteriores dicía que me molestaba moito ver trailers de cine ou ler contraportadas de novelas nas que case nos destripaban o argumento ou a idea central a mesma, e que nalgúns casos a cousa era tan grave que case non era necesario velas ou lelas, porque aclaraban tanto as cousas que xa case non merecía a pena. Pois neste caso neste número da revista mencionada, ademais de falar algo sobre a novela, fai tamén unha entrevista ao autor, ata aquí todo ben. Pero se un le a entrevista pode, ata certo punto, aforrarse a lectura a novela, porque hai varios parágrafos, preguntas e respostas que nos deixan ao aire a trama de novela e desvelan por completo o misterio da mesma. Non me parece nada serio, sobre todo cando falamos de novela negra, que este tipo de publicacións non sexan máis coidadosas e, sobre todo, respectuosas cos seus lectores. Se lemos o artigo xa temos desvelado o misterio central desta historia, claro que sempre podemos lela igual, pero creo que a gracia, a intriga e a tensión non van ser do mesmo tipo, paréceme unha pena. Ben, a novela é “Sé lo que estás pensando”, e o autor é John Verdon.


Caso curioso o deste autor. É a súa primeira novela, ata aí todo máis ou menos normal, pero xa non o é tanto que a escribira e publicara aos 68 anos, así que é un autor novel pero que xa ten unha idade. É un caso curioso, unha persoa que se convirte en escritor tras a xubilación, caro que será tamén que a partir dese momento tiña máis tempo libre. Adicou a maior parte da súa vida a traballar en publicidade, dato que se nota na redacción da súa novela, sabe atrapar ao lector, levalo por onde el quere e dirixilo, neste caso para que “consuma” a súa novela en lugar do produto de turno que tería que anunciar. El mesmo recoñece que escribiu a historia partindo de conseguir unha economía expresiva e un ton consistente, onde todo fora relevante e sempre fixera avanzar a acción. Cando se xubilou necesitaba distraccións, fixo un curso de carpintería e pasou unha bota temporada facendo mobles, chegando incluso a vender algúns a tendas de antigüidades de Nueva York. Pero o seu soño desde había tempo era dedicarse á escritura de historias de ficción, cousa que fixo con esta primeira novela. Era consciente da súa habilidade par escribir, miles de anuncios saíron da súa mente e é afeccionado á novela negra, tivo un par de ideas para o desenvolvemento da historia, e ao redor delas foi desenvolvendo esta intrigante e desconcertante novela. Traducida a 24 idiomas foi todo un éxito de ventas alá por onde se publica, agora xa está a traballar nas súas seguintes historias, x que firmou un contrato por, como mínimo, tras novelas máis que, posiblemente, teñan como protagonista ao mesmo que creou para esta primeira.


A novela en inglés titúlase “Think of a number”, que viría a ser “Pensa nun número”, aínda que aquí puxéronlle “Sé lo que estás pensando” que para min, queda un pouco a medio camiño entre o título orixinal e o que nos vai contar. O protagonista é Dave Gurney, un policía retirado de 47 anos que foi moi famoso e eficiente na resolución de asasinatos en serie. Posúe unha mente privilexiada que lle permite ir xuntando na súa cabeza todas as pezas, incluso as que os demais non son capaces de ver, para ir, pouco a pouco, chegando a conclusións que o levarán directamente ao asasino. Vive retirado nunha zona tranquila e rural, acompañado da súa esposa Madeleine, que terá un papel fundamental en toda a historia, intervindo sempre non para aclarar cousas, pero si sempre para facer a pregunta xusta no momento xusto ao seu marido para que este poida chegar ás conclusións correctas. Dave, que non é demasiado capaz de vivir lonxe do seu traballo, o que non lle fai demasiada gracia á súa muller, dedícase agora a pasar o tempo e retocar fotos de asasinos en serie para expoñelas, actividade á que chega tras un curso de fotografía que fai e que o puxo en contacto cunha directora dunha galería moi interesada no seu traballo. Un día recibe ten noticias dun antigo compañeiro, Mark Mellery, director dunha institución chamada “Instituto para a Renovación Espiritual”, que ten un problema cunhas cartas que recibiu ultimamente e que o teñen algo preocupado. Unhas intrigantes cartas escritas con tinta vermella de alguén que parece que o coñece e que lle di que será capaz de adiviñar un número no que Mark estea a pensar. O número vén nun sobre aparte, onde figura o 658, xusto o número no que Mark está a pensar. No caso de acertalo, terá que enviarlle ao remitente, que asina como X. Arybdis, unha certa cantidade de diñeiro a un apartado de correos. Non é que Dave e Mark foran íntimos amigos da súa época de estudantes, pero esta historia provoca que a curiosidade investigadora do policía retirado renaza, sobre todo porque a historia non vai quedar aí. Mark era un pouco golfo, alcohólico e tras perder a súa muller nun accidente de tráfico deixa a súa vida anterior e convértese nunha especie de predicador que dirixe a institución mencionada para axudar a xente en situacións complicadas. Intrigado polas estrañas cartas, Dave visita a Mark no Instituto, pero a historia vaise algo máis, máis notas, chamadas e o propio Mark será o primeiro asasinado da historia. Un asasinato cunhas pistas desconcertantes e estrañas que farán que Dave e a policía estean algo perdidos. Ademais terá que colaborar coa policía na investigación, a pesar do seu retiro, cousa que a súa muller non lle fará demasiada gracia, e tampouco ao policía Jack Hardwick, outro antigo coñecido que non admite demasiado ben a intromisión do protagonista. A partir de aquí unha rápida espiral de acontecementos, investigacións e descubrimentos que desconcertarán tanto ao lector como a todos os que interveñen na investigación. Todo para atrapar a ese frío e estraño asasino que parece capaz de ler a mente daqueles aos que ameaza.


Non sei se é a mellor novela negra do ano como di a revista mencionada ao principio, pero si que é a máis entretida, amena, desconcertante e intrigante que teño lido ultimamente. Ademais todo esta enfocado a captar a atención do lector, con algúns elementos máis que fan que sexa máis atractiva e interesante. A relación de Dave coa súa muller, Madeleine, e os seus problemas familiares; as relacións do policía estrela xa xubilado cos policías e fiscais encargados do caso; o desconcertante dunhas probas e unhas pistas que volven tolos a todos pero que, pouco a pouco e de forma case maxistral, van tomando forma e lóxica... Todo está enfocado a que o lector non sexa capaz de deixar a lectura, porque sempre quererá saber que pasou e que vai pasar a continuación. A medio camiño entre a novela negra e a novela de misterio, de intriga que xoga perfectamente con todos os elementos do xénero. Unha intriga excitante, un protagonista con carisma e unhas características que o achegan a moitos outros do xénero pero que, ao mesmo tempo fan que sexa diferente e atrainte, xiros argumentais e sorpresas perfectamente colocadas, problemas familiares...; hai de todo e moi ben engarzado. E moitos misterios desconcertantes, xogos intelectuais e enigmas que so a mente analítica e lóxica de Dave Gurney serán capaces de desvelar, iso si, axudado moitas veces por esas preguntas ao aire que lanza a súa muller, algo cínica e cansada da situación pero que ao mesmo tempo vese incapaz de non “axudar” ao seu marido.


A min entretívome moitísimo, e duroume moi pouco porque non era capaz de deixar a lectura en moitas ocasións, pensando e dándolle case as mesmas voltas que o protagonista e os seus compañeiros da policía. Ademais da historia creo que unha das mellores cousas da historia son os personaxes. O protagonista e a súa muller, cunha relación difícil, son do mellor que teño visto nunha novela deste xénero. Os policías están a medio camiño entre o típico e a orixinalidade, pero con suficientes elementos como para no caer no de sempre. Hai algúns que destacan, pero non quero desvelar cales porque penso que é mellor que o descubrades por vós mesmos a medida que avanzades na lectura. En conclusión, unha das novelas deste xénero máis recomendables que lin nos últimos anos, non creo que vos decepcione.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=UtRTCSPISfw&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

martes, 4 de enero de 2011

"El discurso del rey"

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=GVyeTTVyKBk&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Ante todo, como este é o primeiro post deste ano 2011 os meus bos desexos para o mesmo, no que espero seguir con estes comentarios como ata agora. O 1 de xaneiro de cada ano desde hai algúns, como é un día un pouco, digamos raro, temos o costume de ir ao cine, así que imos inaugurar os comentarios deste novo ano cunha película recente que aínda está na carteleira e que vos recomendo a todos encarecidamente, porque merece moito a pena. Non é que houbera demasiadas cousas na carteleira, así que nos decidimos por esta, entre outras cousas polas boas críticas e porque os actores protagonistas, sobre todo un deles, están entre os que practicamente nunca me decepcionan, e así foi. Gustounos moito a todos e disfrutamos de dúas horas de bo cine, ben feito e moi ben interpretado. A película en cuestión soa para varias candidaturas para os Óscar deste ano e está a recibir premios en case todos os festivais nos que aparece, falo de “El discurso del rey”.


Casualidades que hai as veces, no post anterior a este falaba dunha serie inglesa, dicindo que case sempre se lles supón unha calidade e realización que outras so teñen de vez en cando; agora falo dunha película da mesma nacionalidade, que ten esas mesmas condicións e algunhas máis, guste ou non guste a calidade e o bo facer non se lles poden negar nunca. Esta feita cunha elegancia, delicadeza e estilo que noutras producións aparecen de forma moito menos habitual, e a verdade, polo menos para min, sempre é un gusto ver cine desta nacionalidade porque ten sempre ese aire que o fai distinto e especial, sexan traxedias, comedias ou case calquera xénero. Neste caso estamos ante unha historia de corte histórico que transcorre na Inglaterra dos anos 30 do século anterior. É unha historia que descoñecía por completo, a verdade, unha historia sorprendente ao mesmo tempo que moi entrañable e curiosa. De todos modos está tratada con bastante cariño, como algo que está preto e familiar, como unha estraña relación entre dúas persoas que nunca terían contacto pero que por circunstancias coñécense e desenvolven unha amistade.


Alberte Federico Arturo Xurxo de Windsor é un dos dous protagonistas, Duque de Iork e futuro rei de Inglaterra (pai da actual raíña Isabel) durante os difíciles anos da Segunda Guerra Mundial. O seu pai é o rei Xurxo V e o seu irmán maior Eduardo será o sucesor inmediato. Ten un problema, é tatexo, que lle impide falar en público, o que lle supón un gran impedimento para unha persoa que ten que realizar este tipo de intervencións. Ao longo da historia veremos como esta limitación da fala ten unhas motivacións que veñen da súa infancia. A súa muller, Isabel Bowes-Lyon, está moi preocupada por este problema e non fai máis que tentar buscar solucións e terapias para axudar ao seu home, pero non é sinxelo. Xa probou de todo e non atopa nada nin a ninguén que o axude con esta limitación. Un día acode a unha pequena casa dun barrio de Londres para ver a unha persoa que lle recomendaron, Lionel Logue, un home que vén de Australia e que parece que conseguiu bos resultados neste campo. Lionel é unha persoa tamén algo especial, que impón unhas condicións moi estritas para levar a cabo a súa terapia sen importarlle demasiado quen sexa o seu paciente. É un home apaixonado de Shakespeare, actor afeccionado, un home de familia e que ten procedencia australiana, o que lle provoca algúns problemas. A primeira entrevista entre o Duque e Lionel da xa unha idea de por onde van ir as cousas, ao principio a cousa non vai ben, pero é fácil supor que pouco a pouco establecerase unha relación moi especial entre estes dous personaxes, sobre os que descansa toda a historia. De entrada Lionel pretende que se traten como iguais, como compañeiros, así que para el o Duque será “Bertie”, cousa que non lle fará demasiada gracia, pero que non lle quedará máis remedio que aceptar se quere ser tratado por el. Pouco a pouco as cousas irán cambiando ata, como dicía unhas liñas máis arriba, chegar a ter unha relación estreita, de amistade e , ao mesmo tempo, de dependencia. O rei morre e o seu fillo Eduardo accede ao trono, pero é un home máis preocupado polas súas relacións sentimentais que polas súas obrigas como rei. Isto fará que abdique na persoa do seu irmán no mesmo momento no que Inglaterra entra na Segunda Guerra Mundial. Agora é cando a intervención de Lionel será fundamental para o rei Xurxo VI, que terá que realizar moitos discursos durante a contenda, así como antes axudalo para superar a cerimonia de coroación.


A película está dirixida por Tom Hooper, un novo realizador inglés que promete bastante e que está a conseguir excelentes críticas por este traballo, sobre todo tendo en conta que traballou con dous grandes pesos pesados da interpretación, saíndo con ben da proba. O mellor de toda a historia é a interpretación dos dous actores principais, que me parece sobresaínte e moi destacada, as escenas entre eles son xeniais absolutamente todas, os diálogos, os xestos, as miradas, todo é destacable. O papel do rei está realizado por un actor que parece que por fin vai sacar de enriba ser “o de Bridget Jones”, falo de Colin Firth. Un actor inglés que sempre está ben pero que ata hai uns anos parecía estar encasillado en papeis de medio galán en gran cantidade de comedias románticas. O ano pasado chamou moito a atención con “Un hombre soltero”, que lle valeu unha nominación para o Óscar, que non gañou por pouco. Este ano sona como o favorito para gañar este premio ao mellor actor e penso que deberían darllo. Borda o papel deste home tatexo, con moi mal xenio (provocado en parte por esta limitación) e consciente da gran carga que vai levar sobre as súas costas, que é o que lle provoca un sufrimento maior. Non destaca soamente por esas escenas nas que lle custa falar, senón que en todo momento a súa cara, os seus ollos, os seus movementos fan que non poidas quitar o ollo de pantalla, excelente sería a mellor palabra para definilo. O seu compañeiro é un dos meus actores favoritos, un home que sempre destaca faga o papel que faga e sexa a película como sexa, falo de Geoffrey Rush, un actor australiano gañador dun Óscar ao mellor actor en 1997 por “Shine” e que me impresionou en “Quills”, unha película na que interpretaba ao Marques de Sade. Aquí está, como sempre, xenial, calado e submiso cando é necesario, escandaloso e extravertido noutros momentos, sempre cunha resposta ácida e directa fale con quen fale, dálle igual que sexa o futuro rei, o Arcebispo de Canterbury..., el pensa o que pensa e busca sempre o mellor para os seus pacientes, sen importarlle demasiado as consecuencias. Antes dicía que actuación de Colin Firth era excelente, pois neste caso tería que ser un cualificativo algo por riba deste, un dos papeis que lle teño visto que máis me gustaron e convenceron. Non é sinxelo misturar case ao mesmo tempo a sobriedade co histrionismo sen caer na esaxeración e el conségueo, dicir que me encantou é quedarme curto. Destacar por último a Helena Bonham Carter no papel da muller de “Bertie”, discreta, preocupada, á sombra do seu marido pero sendo ela a verdadeira responsable de atopar a axuda necesaria, buscando non so a felicidade, senón tamén e responsabilidade que terá que asumir e que ela busca por riba de todo.


É unha boa película, cunha realización impecable e delicada. Non vou dicir nada máis das interpretacións porque xa quedou claro que son fabulosas. O mellor son os diálogos entre os dous protagonistas, cunha axilidade impresionante, onde todas as palabras teñen algo que dicir, onde non hai nada baleiro ou que non nos queira dicir algo. Ademais ten en moitos momentos un ton de comedia que fai que rías a gargalladas máis dunha vez dentro dunha historia que non é que sexa dramática, pero que non é unha comedia. Ten ese típico humor inglés que mistura o chiste máis sinxelo do mundo para ao momento seguinte facer outro moi intelixente e agudo. Os heterodoxos métodos de Lionel para conseguir curar ao seu paciente, que paciencia ten pouca a verdade, son chamativos, curiosos, simpáticos e é imposible que deixen indiferente ao espectador. A nós gustounos moito a todos, e iso que os meus fillos ían un pouco á forza, máis que nada porque esta vez tocábanos a nós elixir e pensaban que non lles ía gustar, equivocáronse.


Recoméndoa e moito, aproveitade mentres estea en carteleira para ir vela, non creo que vos arrepintades. Entre as grandes estreas, os efectos especiais, as historias animadas e moito cine soamente comercial penso que destaca esta cinta, que tamén é comercial pero cunha calidade por riba da media en todos os sentidos. Gústame moito este tipo de cine que mistura o entretemento coa calidade e coa intelixencia, non son conceptos que sexa imposible atopar no cine, aínda que cada vez é máis difícil.


Déixovos tamén o trailer en inglés, penso que merece a pena escoitalos directamente.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=pzI4D6dyp_o&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]