martes, 25 de mayo de 2010

"El sanador de caballos", Gonzalo Giner

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=j8hnkk0LNj4&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Para hoxe outra novela histórica que hai pouco que lin e que me gustou bastante, entre outras cousas porque introduce algunha novidade e algúns datos ademais dos meramente históricos e que fan que mereza a pena a súa lectura. O argumento é algo orixinal, cousa difícil entre a cantidade de novelas que transcorren na Idade Media en calquera lugar de Europa, que é un tema que está de moda de uns anos a esta parte. Tendo isto en conta non creo que sexa fácil atopar algo que faga que unha historia desa época sexa algo distinto e novidoso, e o autor desta novela consegue facelo, dándonos unha lectura amena, entretida e interesante. Estou a falar de “El sanador de caballos”, de Gonzalo Giner.


É un autor nacido en Madrid no ano 1965. Estudou veterinaria na súa cidade natal e adícase agora á asesoría de produción gandeira. A súa primeira novela é do ano 2005, “La cuarta alianza” que tivo un bo éxito de ventas e foi traducida a varios idiomas, contando con varias reedicións. Tralo éxito desta combina a literatura coa súa profesión. No 2007 publica “El secreto de la logia” e no 2008 esta que vou comentar. Todas elas transcorren no terreo da ficción histórica. Esta terceira é un proxecto algo máis persoal, xa que o seu argumento e protagonistas están directamente relacionados coa súa profesión, chegando case a ser unha homenaxe a todos os que se dedican á investigación e ao coidado dos animais, sobre todo dos cabalos.
A historia comeza a finais do século XII. Trala batalla de Alarcos, en 1195, moitas zonas do sur de Castela quedan dominadas polos almohades e os imesebelen, os desposados, guerreiros africanos do Califa que asasinan homes, mulleres e nenos e arrasan todas as facendas que collan no seu camiño. Diego de Malagón verá como o seu pai e a súa irmá maior son asasinados por estes renegados, que ademais secuestran as súas outras dúas irmás e converten a posada para a que traballaron toda a súa vida en cinzas. Non lle vai quedar máis remedio que fuxir. O único que vai conservar é un dos seus bens máis preciados, a súa egua de raza árabe Sabba, que será a súa única familia. Montado nela dirixirase a un novo e descoñecido destino. Como outros refuxiados da época irá cara a Toledo, a cidade máis importante da zona na época. Durante a viaxe todos os seus pensamentos concéntranse nunha soa cousa, vingar o asasinato do seus e rescatar as súas irmás que están presas no harén do sultán. Pero o máis urxente será atopar unha forma de subsistir mentres medita os seus plans. Cando lle ocorre isto parece que a súa vida vai rematar, pero en realidade será o que lle dea forzas para continuar vivindo. A súa idea central será a vinganza, o rescate das irmás e deixar para sempre de ser pobre e depender de outros para vivir. Será o último que lle diga o seu pai, que escape, que consiga facer algo coa súa vida que lle permita non depender nunca máis de ninguén. Así chega a Toledo, unha cidade na que conviven as tres culturas e relixións fundamentais da Idade Media, con todos os problemas xa coñecidos e algúns máis, cristiáns, xudeus e musulmáns. Alí coñece a Galib, un albéitar, un veterinario especializado en cabalos, e un dos máis importantes de toda a zona, recoñecido e solicitado por todos. Ao principio Diego móstrase reticente a traballar con el, non deixa de ser un árabe, un da relixión que acabou coa súa familia e con todo o que tiña, pero se quere saír adiante terá que esconder esas ideas, so lle importa facer todo o que poida que todo o que teña que facer para conseguir os seus obxectivos. Galib ve en Diego un talento natural para tratar aos animais e o acolle como aprendiz na súa casa, onde terá que soportar sobre todo ao principio a forte rivalidade e oposición de Sajjad, o outro aprendiz. Pouco a pouco Diego vai aprendendo os secretos da albeitería, a ciencia árabe que estuda a curación dos animais que daquela eran os máis importantes para os homes, os cabalos. O seu obxectivo é traballar, aprender e estudar todo o que poida para chegar a ser un albéitar respectado e conseguir os contactos necesarios para poder chegar a onde están as súas irmás. Pero todo camiño ten atrancos, e o máis importante aparecerá en forma de muller. Vai sentir unha forte atracción por Benazir, a muller de Galib, atracción que el trata de evitar, pero ela o persegue. Un día Galib sorpréndeos nunha situación comprometida e, cheo de dor non ve outra solución que botar a Diego fóra da súa casa. Os sentimentos de Galib ante esta situación son moi fortes, xa que por un lado está a traizón da súa muller e o seu aprendiz, e por outro el ver a Diego como un fillo que herdaría o seu negocio non deixa de torturalo. Así que de novo Diego, a lombos de Sabba, emprende un novo camiño, sen sacar da súa cabeza os obxectivos centrais da súa vida. Tras isto pasará por varias aventuras e situacións. Vivirá nun mosteiro cisterciense no que pretenderá aprender máis, pero no que non atopará máis que atrancos. Loitará nun torneo por amor. Terá que enfrontarse cunha plaga que mata sen remedio na vila de Cuéllar. Sobrevivirá a unha sentencia de morte e incluso formará parte dun grupo de espías que se infiltra no califato de Sevilla. E participará ademais na batalla das Navas de Tolosa. Todo sen deixar de lado os seus motores na vida, ser un albéitar tan recoñecido que poida vivir diso, vingarse da morte da súa familia e rescatar ás súas irmás.


A verdade é que é unha lectura que merece a pena. Veremos como os cabalos son unha parte fundamental da sociedade feudal, tanto para o traballo como para a guerra. A relación entre un cabaleiro e o seu cabalo de batalla é estreita e importante e eran a parte básica dos exércitos. Os datos que imos recibir sobre isto son moitísimos e moi ben introducidos dentro do argumento, non como un tratado histórico, senón como uns personaxes máis dentro da historia. As batallas están perfectamente relatadas, sen resultar nada pesadas, todo o contrario. Son áxiles, rápidas e non se estenden demasiado, so o suficiente para que o lector teña bastantes datos para imaxinalas. Tamén queda constancia da importancia social, o recoñecemento e o traballo dos albéitares, unha profesión desempeñada fundamentalmente por árabes, o que será outro atranco para os soños de Diego, loitar non so contra a pobreza e o traballo, senón tamén contra os prexuízos dunha sociedade que non quere a un cristían como albéitar. Non tiñan a función soamente de curar, eran tamén os encargados de cruzar aos animais para conseguir razas máis fortes e resistentes, e de entre todas elas destacan os cabalos árabes, sempre descritos con gran cariño e elegancia, uns dos animais máis belos do mundo.
Tamén, como noutras obras deste mesmo estilo, teremos unha boa idea da vida medieval, do poder da nobreza, a vida cotián dos campesiños, os mercaderes e os homes do pobo, así como da complicada e difícil convivencia entre tres relixións que eran tres formas distintas de ver o mundo. Toda esta información xa sería interesante, aínda que coñecida por outras obras, pero esta, ao introducir as cuestións da medicina dos animais e como trata o tema, central na historia, aporta, como dixen ao principio, uns novos puntos de vista que fan que sexa algo novidoso e distinto. A ver se vos gusta.
giner.jpgsanador.jpg

No hay comentarios:

Publicar un comentario