martes, 4 de mayo de 2010

"La clave Gaudí", Esteban Martín e Andreu Carranza

gaudi.jpggaudi2.jpgHai moitas novelas que usan como punto de partida da historia que van desenvolver a un personaxe famoso, ou un libro, un manuscrito, unha partitura, un edificio..., calquera motivo histórico ou medio histórico serve para que xurda unha historia. Normalmente teñen un certo carácter de investigación, misterio, asasinatos e soen ser novelas movidas, entretidas e amenas, de paso que nos dan información sobre ese elemento que serve como partida. Os resultados son desiguais, moitas delas, polo menos las que teño lido, son bastante boas, algunhas moi boas e outras, as menos, non resisten demasiado ben unha análise superficial. Os protagonistas soen ser persoas normais que por esas cousas que pasan nas novelas vense metidas nunha intriga da que teñen que saír, case sempre arriscando a súa vida. É un xeito como outro calquera de usar elementos históricos sen facer exactamente unha novela histórica, pero moitas veces, cando o traballo de investigación do autor é bo, dan máis datos e son máis interesantes que as novelas completamente históricas. O certo é que son bastante afeccionado a ese tipo de relatos, valga como exemplo a comentada hai uns días, “El club Dante”, que entraría dentro deste tipo de novelas que usan este recurso. Non sei moi ben como clasificalas, aínda que tampouco considero necesario etiquetar todo claro, porque non son novelas históricas, nin novelas de misterio, nin negras, nin de investigación, senón que son unha mistura de todas elas e ningunha á vez. Claro que as misturas, como cando un fai un zume na casa con varias cousas, as veces quedan de marabilla e outras é mellor tiralas directamente ao lixo.
Non é o caso da que vou comentar hoxe, que está dentro desta categoría, xa que é unha novela que me pareceu bastante entretida e ben escrita, cunha historia ben desenvolvida e montada, cunha boa intriga, movida, con momentos de acción, asasinatos, persecucións, personaxes misteriosos e que usa, como dicía ao principio, como excusa para todo o que ocorre despois a figura do xenial Antonio Gaudí. Partamos da idea que de simplemente me pareceu unha novela entretida, sen moitas cousas que destacar, que non está á altura doutras do xénero, pero boa para ler nun momento no que un so queira entreterse un rato, non demasiado longo, xa que lese rápido. A novela titúlase “La clave Gaudí” e está escrita por Esteban Martín e Andreu Carranza, que a verdade non sei moi ben como é posible escribir unha novela a medias, un escribe unha parte e logo lla pasa ao outro e continua, quedan para escribir, non sei... Xa digo que dentro do xénero paréceme unha obra menor, pero sobre todo é interesante polos datos que aporta sobre a vida de Gaudí, para os que sexan fans deste xenial catalán pode ser interesante a súa lectura e tamén porque transcorre nunha ben descrita cidade de Barcelona.
Esteban Martín é un autor nacido en Barcelona no ano 1956. traballou como actor, guionista e historiador, colabora en diversas revistas e medios de comunicación, fundador e propietario dunha editorial e traballa tamén na radio. Esta, escrita a medias con Andreu Carranza, é a súa primeira incursión na novela de ficción.
Andreu Carranza naceu en Ascó no ano 1957. Antes de dedicarse a escribir tivo varios traballos, colabora en diversos periódicos e revistas e incluso tivo unha temporada na que se dedicou á música. É autor de relatos curtos, poemas e novelas, normalmente relacionados coas terras do Ebro.
“La clave Gaudí” é unha novela publicada no ano 2007 e a historia non é sinxela de resumir, a verdade. A protagonista é María Givell, especializada na vida e obra de Gaudí. A culpa desa paixón é do seu avó, que lle contaxiou o grande interese polo arquitecto catalán. Agora é unha historiadora da arte que quere desentrañar os misterios do arquitecto. Volve a Barcelona tras unha longa estancia fóra e retoma o contacto co seu avó Juan, co que viviu desde a morte da súa nai e que agora, nos seus últimos anos, vive na cama dunha residencia, afectado polo alzheimer. Chega o momento da súa morte e nese último instante ten un atisbo de lucidez que lle permite revelarlle a ela un gran secreto, que el estaba con Gaudí no momento no que o mataron. A primeira sorpresa é pensar que o famoso arquitecto non morreu de xeito natural, senón que foi asasinado, polo que ela pensa que non é máis que o último delirio dun home a punto de morrer. Ademais fálalle dun gran segredo oculto nas obras de Gaudí que reflexa a loita de moitos anos entre dúas ordes inimigas e relacionadas coa relixión, os Homes Ménsula e os Cabaleiros Moria e tamén dos grandes riscos dunha profecía que está cerca de cumprirse e que pode acabar co mundo. María pensa que isto non é máis que un disparate e o desvarío dun home coa cabeza perdida. Pero todo isto cambia cando esa mesma tarde, posterior á morte do seu avó, dous homes vestidos de negro tentan matala a tiros no mesmo centro de Barcelona. Así, acompañada do seu noivo Miguel, terá que levar a cabo unha carreira contra reloxo entre as obras de Gaudí para desentrañar o gran misterio, contando coa axuda dunha das ordes, á que pertencía o mesmo arquitecto, e evitando que os outros podan facerse coa clave que busca.
A novela é unha mistura entre datos reais e históricos e datos ficticios, sen saber moi ben como diferencialos, así que podemos chegar a crer cousas que non foron certas, quizais iso sexa un dos seus defectos. Está escrita cun estilo bastante áxil, sinxelo e fácil de ler. Xa dixen que se le nun par ou tres de tardes porque non ten ningunha complicación, non deixa de ser un entretemento, pero paréceme bastante interesante toda a parte na que se remonta ao pasado, á vida de Gaudí e, por suposto, toda a parte na que se tenta facer unha interpretación das marabillosas obras arquitectónicas súas que hai por toda a cidade de Barcelona.
Xa digo, eu collina un deses días que non tiña claro que ler, porque non había nada que me chamara demasiado a atención e foi unha lectura bastante agradable e, sobre todo, entretida. Dito queda.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=8vKKN1zFz9M&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario