Hoxe vai unha de televisión, que aínda quedan series que merecen a pena, aínda que hai tempo que non vexo nada novo que me chame tanto a atención como algunha das que levo comentado, sobre todo ao principio deste blog, pero aínda así segue a haber cousas que destacar.
Esta de hoxe é unha mistura de xéneros, porque tampouco é que sexa fácil de clasificar e ademais ten un elemento central novo e distinto aínda que no desenrolo da mesma poidamos atopar elementos doutras. A serie chámase “Miénteme”, que por unha vez é a tradución literal do título en inglés, porque daría para moito comentario as traducións que fan as veces, pero é outro tema. En inglés é “Lie to me”.
Trátase doutro caso dun bo actor, recoñecido como actor de eses que chaman “de culto” hai anos, cando fixo unha serie de películas de gran calidade, orixinalidade e que merecen a pena, pero como xa dixen noutros comentarios anteriores parece que o cine non lles ofrece cousas que lles chamen e moitos deles están a pasarse á televisión. Falo de Tim Roth, un actor cunha cara moi característica e que, por ese físico, case sempre tivo papeis de malo, pero de malo malísimo, a verdade. Aparece, por exemplo, aínda que pola maquillaxe non é recoñecible, case, na versión que fixeron hai uns anos de “El planeta de los simios”, pero claro, facía de simio. Dos seus papeis máis destacables podemos dicir que aparece en cintas como “Pulp Fiction”. Para min un dos seus mellores papeis é un no que fai de botóns en “Four Rooms”, unha película máis que decente, de tipo coral, dirixida entre outros por Quentin Tarantino e Robert Rodríguez. Tamén destacaría o seu papel noutra que me gustou moito, “Vatel”, onde compartía protagonismo con Gerard Depardieu. Ten moitas máis, máis de 60 cintas en papeis tanto de protagonista como en papeis secundarios, aínda que ultimamente non aparece moito pola gran pantalla.
“Miénteme” é unha serie máis que curiosa. De momento hai dúas temporadas e o seu éxito en USA é relativo, non é das que máis audiencia atraeu, non sei moi ben a razón, porque a veces o éxito ou fracaso dunha serie alá é algo que non entendo demasiado ben, cousas que me parecen boas e intelixentes non triunfan e outras moito máis frouxas levan cinco ou seis temporadas, misterios da audiencia. A primeira ten 13 episodios e a segunda 19, aínda que leva tempo parada no 10, espero que non sexa como outras que de repente desaparecen e nos deixan colgados. Eu vina nun dos canais de pago, pero creo recordar que tamén a estaba a emitir creo que “Cuatro”.
Nela interpreta ao doutor Cal Lightman, un personaxe máis que curioso. Ten unha empresa na que ademais del están na primeira temporada tres personaxes fixos máis que traballan con el no mesmo e na segunda súmaselles un axente do FBI. Calquera pode contratalos, dedícanse a investigar todo tipo de casos e sucesos en busca de mentiras. Son un grupo de persoas especializadas en analizar á xente e saber cando menten por medio do que eles chaman “microexpresións”, é dicir, pequenos xestos inconscientes que son indicativos de certos comportamentos e actitudes, entre eles a mentira.
Unha das mellores cousas da serie son os personaxes, xa que cada un cumpre un papel dentro da mesma e son todos algo distintos. O doutor Lightman é un home de carácter, capaz de calquera cousa con tal de conseguir o seu obxectivo, non se detén ante nada, que ademais tivo e ten que traballar moito e a diario para manter as súas aptitudes. A súa axudante e amiga máis directa é a doutora Gillian Foster, unha muller máis seria e formal que pon o contrapunto a “excentricidade” do seu xefe. Ria Torres é unha rapaza nova que é contratada ao principio, xa que o doutor Lightman de casualidade detecta nela unhas dotes naturais para detectar esas mentiras que perseguen. E temos tamén a Eli Loker, outro rapaz novo que as veces está máis preocupado por outras cousas que polo seu traballo e que choca moitas veces co seu xefe e os seus compañeiros. Por último temos ao axente do FBI Ben Reynolds, que sería o “home de acción”.
Aínda que pareza completamente ficción iso de investigar e afirmar categoricamente se unha persoa está a mentir ou non non o é. Cando ían estrenala e lin o argumento pareceume unha “pantasmada”, pero ese mesmo día escoitei na Cadena Ser unha entrevista que me fixo cambiar de opinión. A serie está baseada na vida e casos dun personaxe real e ademais entrevistaban a unha persoa española que se dedicaba ao mesmo e confirmaba que era contratada moitas veces por policías, xuíces, etc. para clarificar algúns casos, así que non está demasiado lonxe da realidade. Ademais o desenvolvemento dos casos é completamente crible, non é nada fantástico e o mellor de todo é que non son todos iguais, non é unha sucesión de asasinatos e nada máis como noutras series de policías. Normalmente en casa episodio temos dous casos, radicalmente distintos para non cansar. As veces é un asasinato, claro, pero temos casos de enganos matrimoniais, desfalcos, desaparicións de adolescentes, investigacións militares, interrogatorios de diversos tipos..., non cansa nada aínda que normalmente o desenvolvemento sexa moi parecido: falar coa xente, ver cintas de vídeo gravadas para analizar os movementos corporais e chegar ao final, resolvendo o caso, claro. Simpático que case sempre para exemplificar esas expresións que denotan mentira, falsedade, dúbida e outras cousas aparecen fotografías de xente coñecida, sobre todo políticos, como exemplo dicir que non fun capaz de contar cantas veces aparece a cara de Bill Clinton con distintas expresións.
A min paréceme moi boa, a química entre os personaxes é excelente, os diálogos están moi ben escritos e enganchan, os casos, sendo sempre variados como xa dixen, fan que non te canses tanto como noutras que repiten sempre o mesmo esquema e ten moitos momentos dun humor normalmente bastante sarcástico que contribúen a manter a atención. Ademais disto tamén están as relacións persoais dos personaxes, tanto entre eles como por exemplo as que mantén o doutor Lightman coa súa exmuller e sobre todo coa súa filla (que difícil debe de ser ter un pai que sabe cando lle estás a mentir, non credes ?). E ademais, persoalmente, Tim Roth sempre foi un dos meus actores favoritos e gustoume case todo o que fixo, que é algo máis a ter en conta, porque merece a pena disfrutar da súa actuación.
O malo é que levamos varios meses nos que parece que quedou esquecida, xa que aquí quedamos no capítulo 9 e non dan posto ningún máis novo, haberá que seguir esperando e pendentes de cando veñan máis.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=pbOgHa34Ec8&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
No hay comentarios:
Publicar un comentario