Este é outro dos que piden no cursiño
A tarefa 8 deste curso pídenos que fagamos unha especie de análise dalgún programa que poida ser útil para crear con facilidade e posibilidades algún tipo de actividade que poida ser útil na aula. Como vin que a maior parte da xente tira polo lado do Jclic, que está moi ben e que ten xa moitas actividades á nosa disposición pola rede adiante eu decidín tirar por outro dos programas mencionados, o Hot Potatoes. Paréceme moi sinxelo de usar, hai tamén moitísimas páxinas con actividades que se poden facer e ademais creo que ten a avantaxe de que para usalo non necesitamos baixar programas nin nada, senón que se pode executar en calquera navegador web tipo Internet Explorer, que está instalado en todos os ordenadores, ademais como non son actividades excesivamente complexas podemos usalas case con calquera ordenador.
Hot Potatoes é un conxunto de seis ferramentas para elaborar contidos dixitais. Foi desenvolvido por unha universidade americana, pero está dispoñible en varios idiomas, entre eles o castelán. Podemos descargalo da páxina http://hotpot.uvic.ca/ , e ademais é gratuíto. Ata o ano 2009 era necesario un rexistro, pero agora é completamente gratuíto e sen limitacións nin necesidade de rexistralo. Permite elaborar exercicios interactivos de tipo páxina web, soportados por todos os navegadores modernos e ademais polo xeito de estar programado pódense facer exercicios en calquera idioma. So hai que introducir os datos que queiramos (textos, preguntas, respostas, imaxes...) e o programa crea automaticamente a páxina web. Podemos personalizar case todas as características das páxinas e posteriormente publicalas nun servidor web.
Creo que é moi sinxelo, moi útil e con moitas posibilidades. Os elementos que o compoñen son:
JBC: que serve para crear exercicios de elección múltiple. Podemos poñer tantas respostas como queiramos e varias poden ser correctas. Da tamén a porcentaxe de acertos tras cada resposta correcta
Jcloze: para facer exercicios de encher ocos. Podemos poñer varias posibles respostas correctas para cada oco e tamén axudas para a resposta e incluso pistas específicas para cada oco. Permite seleccionar os ocos ou poñelos automaticamente cada certo número de palabras
Jcross: permite facer crucigramas con cuadrículas de calquera tamaño e tamén, como nos casos anteriores, podemos poñer axudas para a resolución
Jmatch: exercicios de emparellar ou ordenar. Aparece unha lista de elementos (imaxes ou textos) con elementos desordenados ao outro lado. Pode usarse para enlazar vocabulario con imaxes ou para ordenar oracións. Pode facerse a través de listas desplegables ou arrastrando os elementos co rato
Jmix: creación de exercicios de reconstrución de frases ou parágrafos partindo de palabras desordenadas. Podemos establecer varias respostas correctas diferentes baseadas en palabras e signos de puntuación e pódese incluír un botón de axuda indicando a seguinte palabra ou parte da frase
The Masher: de momento non é unha ferramenta gratuíta. Permite unir varios exercicios nunha unidade didáctica, creando un arquivo índice. Ten unha versión gratuíta que permite crear unidades de ata tres páxinas, para facelo con máis é necesaria unha licencia comercial
Penso que ofrece moitas posibilidades aplicadas a varias áreas, por non dicir a todas, desde exercicios ben sinxelos para etapas iniciais a outros máis complexos, xa que so depende dos elementos cos que queiramos traballar, o alumnado co que o queiramos facer e os obxectivos que persigamos.
A verdade é que oíra falar del, pero nunca lle botara unha ollada a algunha actividade feita con el, como exemplo podedes atopar na rede moitas páxinas con titoriais de uso, explicacións ben sinxelas e moitos exercicios, déixovos algunhas das páxinas que vin, pero hai moitísimas máis:
Taller de creación de actividades: http://www.ecomur.com/hotpotatoes/
Actividades: http://www.catedu.es/gestor_recursos/public/hotpotatoes/principal.php , tamén ten documentación e titoriais
Enlaces sobre hot potatoes: http://www.aula21.net/segunda/hotpotenlaces.htm
Máis actividades: http://www.aula21.net/segunda/hotpotejercicios.htm
E máis: http://www.educa.madrid.org/portal/web/educamadrid/hotpotatoes
Como pasa a veces destas páxinas, como aviso, algúns enlaces non funcionan, pero a maior parte si.
Xa digo que nunca me animara a usalo, pero queda gardado para empezar a facer probas con el en canto teña algo máis de tempo. Espero que vos guste e vos sirva.
No hay comentarios:
Publicar un comentario