Antes de empezar que ninguén se sorprenda polo autor escollido hoxe para este comentario. Teño que dicir que é un dos meus autores favoritos e que lin e penso ler todo o que escriba, aínda que ultimamente anda algo frouxo, a verdade. Nalgunha ocasión dixen que lía moita novela histórica, pero non é o único, e se teño que elixir outro xénero, a novela de terror é outro dos meus favoritos, aínda que non hai case nada das últimas novidades que me chame demasiado a atención e so busco agora algo orixinal, e diso hai pouco. De todos modos algunhas das mellores novelas de Stephen King son aquelas que pouco o nada teñen que ver co terror, e iso é algo innegable. Gústame moito como escribe, dun xeito fluído e sinxelo, algo que parece fácil pero que non creo que o sexa. Ademais moitas das súas obras de terror teñen máis dun compoñente orixinal, innovador que fan que sexan máis que decentes. Non todas, claro, hai outras que repiten demasiado os esquemas anteriores e non aportan nada, pero en xeral case sempre se pode sacar algo bo delas. É innegable que é un fabricante de best sellers e que a maior parte das súas novelas son un gran éxito de ventas en todos os países nos que se publican. Esta vai ser a primeira mención dunha das súas novelas, pero non creo que sexa a última.
Para esta primeira mención de King escollín unha das miñas novelas favoritas, creo que das mellores das que escribiu tanto pola historia que conta como pola forma de facelo, e non é de terror, senón que é unha marabillosa historia de reis, raíñas, magos, encantamentos, príncipes, princesas e dragóns en reinos máxicos, o título “Los ojos del dragón”.
Stephen King é un autor americano nacido en Portland no ano 1947. Posiblemente sexa un dos autores que máis libros vendeu en todo o mundo durante os últimos anos e a súa produción é enorme, ademais disto tamén é guionista de cine (non so das adaptacións das súas novelas), columnista, produtor e director dalgunha película... A maior parte das súas novelas pertencen ao xénero do terror en case todas as súas variantes, creo que non hai tópico do xénero que non tocara, ademais de aportar ideas e argumentos novos; pero tamén ten novelas de xénero fantástico, ciencia ficción, etc., son moitos os xéneros que tocou. Empezou a escribir cando era un neno, e xa vendía os seus contos entre os compañeiros do colexio. Publica o seu primeiro relato con 18 anos. É licenciado en lingua inglesa e obtivo o certificado para ensinar en secundaria. No ano 2003 recibiu o premio National Book Awards pola súa traxectoria, premio que foi bastante criticado pola comunidade literaria americana. Recoñece as influencias de clásicos como Poe ou Lovecraft entre outros. É autor de máis de trinta novelas, ademais de cerca de dez coleccións de contos ou relatos curtos. Moitas das súas novelas foron levadas ao cine, con resultados máis que regulares e ademais creo que hai que dicir que as mellores adaptacións foron as das novelas que pouco o nada teñen que ver co terror e que deron, para min, fantásticas películas, das que destacaría: “Cuenta conmigo” (unha boa reflexión sobre os amigos da adolescencia), “Eclipse total” (unha historia centrada na violencia e o maltrato ás mulleres), “La milla verde” (unha boa historia sobre un condenado a morte), “Corazones en la Atlántida” (que tivo pouco éxito, pero que me parece moi boa), “Misery” (unha arrepiante historia sobre unha muller obsesionada con un escritor) e a que considero a mellor de todas, “Cadena Perpetua” (para min un clásico do cine dos anos 90). Das de terror mellor non mencionar ningunha, porque son case todas bastante malas, exceptuando, por suposto, “El resplandor”.
Xa me vou polas ramas, que a cuestión de hoxe era falar dunha novela. “Los ojos del dragón” é unha novela publicada no ano 1987, así que non é nada recente, pero hai unha reedición publicada pola editorial DeBolsillo do ano 2003, así que igual non é difícil de atopar, cousa que vos recomendaría. É unha estupenda novela atípica dentro da súa produción e dise que motivada pola presión da súa filla, que lle dixo que a ver cando escribía unha novela que ela puidera ler. Con isto como referente temos unha historia de fantasía épica, case un conto de fadas con todos os elementos do xénero, e moi ben plantexados. Estamos diante dun conto, sinxelo e sen demasiadas complicacións, moi boa para lectores novos, pero tamén de moi agradable lectura para lectores máis crecidiños, é unha historia ben contada e iso xa é importante.
Transcorre no reino de Delain, contada por un narrador omnisciente, que incluso se dirixe ao lector e fai comentarios sobre os actos dos personaxes. Roland é o monarca do reino, que quere ser un bo rei, pero está sometido por completo ao seu conselleiro, Flagg, un feiticeiro perverso, un poderoso mago con varios séculos de vida. Roland está casado con Sasha, unha muller forte e independente que ama ao seu marido e ao reino e que Flagg ve como unha ameaza ao seu poder, polo que trata de matala sen aparecer como o culpable. Estas intencións chegarán a bo porto cando a raiña da a luz aos seus dous fillos, Peter e Thomas, xa que suborna á parteira para que lle corte unha vea no parto e morra desangrada. Os príncipes van crecendo, amosando caracteres completamente opostos. Peter é un exemplo de todas as virtudes, intelixente, honesto, atractivo, gañándose o respecto de todo o mundo. Thomas vive a súa sombra, pouco atractivo, menos intelixente, torpe, cheo de carencias. Tanto é así que o único que lle presta atención é Flagg, que ve nel a un home que poderá manexar igual que ao seu pai, cousa que non podería facer con Peter, polo que buscará a forma de eliminalo para que sexa Thomas o que herde o trono. Pero sabe que o rei Roland ama tanto a Peter que se descobre que Flagg ten algo que ver coa súa morte sería o seu fin. Así que trama un plan no que o asasinado sexa Roland e Peter apareza como culpable, deixando o camiño libre para o rei Thomas. A partires de aquí teredes que lelo, porque aínda pasan moitas cousas.
Xa o dixen, é unha novela que me gustou moito, creo que a lin un par de veces, e non serán as únicas, porque méteste dentro dun mundo máxico, cheo de aventuras e sorpresas, cuns personaxes moi bos, ben definidos e escrito dun xeito que engancha desde o principio ata o final. Posiblemente algúns non a leron no seu momento por ser de Stephen King, eu vos diría que lle derades unha oportunidade, porque estou case seguro de que vos vai gustar, tanto aos novos como aos que non o sexan tanto. Deíxovos tamén o trailer de "Cuenta conmigo", unha película imprescindible se vos gusta o cine.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=zwOpWbajUnY&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
No hay comentarios:
Publicar un comentario