miércoles, 28 de diciembre de 2011

Shameless


De novo un trailer en inglés, non atopei nada que non o estivera

Hoxe volvemos ao mundo da televisión. Aproveito que lin hai uns días que Canal+ vai emitir en breve a segunda temporada da serie que vou comentar hoxe para recomendala, así que se non a vistes procurade facelo e os que xa a viron que estean pendentes do momento no que poidamos ver a continuación. Falo de “Shameless”, unha serie que, ademais de distinta, pareceume realmente boa en todos os sentidos, tanto na historia que nos conta como, sobre todo, pola calidade das actuacións de todos e cada un dos actores e actrices que aparecen nela. A tradución do título sería algo así como “descarado, desvergoñado, descocado, impúdico, cínico”, que se axusta bastante tamén ao que imos ver, porque cara non é precisamente o que lles falta á maior parte dos personaxes e vergoña teñen bastante pouca; todos eses significados poden aplicarse á historia.

Ao igual que no caso dunha das últimas series que comentei, falamos dunha versión americana dunha serie orixinalmente inglesa co mesmo título, neste caso estreada no seu país no ano 2004 que non sei se chegou a emitirse aquí, pero se o fixo a min pasóuseme. O guionista e creador da mesma é Paul Abbott, e vendo os datos de ambas deben de ser moi parecidas, xa que os americanos contaron cos mesmos guións. A serie parece calquera cousa menos americana, creo que é a serie menos americana que teño visto, tanto pola historia como polo directo das imaxes, xa digo de entrada que esta si que non é demasiado apta para menores, con escenas explícitas sobre todo de sexo, que non son nada habituais nas series desa procedencia. Creo que non recordo ningunha vista en televisión con estas características, nótase que parte dun orixinal inglés, algo menos discretos con este tipo de escenas e situacións. Pero non so por iso, a historia é moi dura en todos os sentidos, pero tratada dunha maneira que provoca máis dun sorriso, unhas veces de magoa e outras por situacións quizais demasiado esperpénticas, pero non demasiado lonxe da realidade. É máis, quizais nalgúns momentos sexa demasiado realista e poidamos recoñecer moitos comportamentos de xente e familias que nos rodean.

Vainos contar a historia da familia Gallagher, unha familia moi estruturada por un lado e moi pouco por outros. A nai deixouvos uns anos antes de que comecemos a ver a súa vida diaria. O pai, Frank, é un alcohólico, estafador, vividor e xa non sei que máis poñer; non se preocupa demasiado polos seus fillos e a súa vida é un ir e vir ao bar, beber e conseguir diñeiro de onde sexa, menos, iso si, traballando, algo ao que é alérxico. Ten unha pensión de invalidez que conseguiu finxindo accidentes laborais, pero o pouco ou moito diñeiro que consegue é so para el, case nada entra na casa familiar. Ten seis fillos, cada un cunhas características moi determinadas pero que non se lles pode negar que a situación que viven levounos a vivir dunha forma algo especial pero sempre cunha grande unidade e solidariedade entre eles que fai que sexan capaces de sobrevivir a calquera cousa e iso que o pasan realmente mal. Todos eles tentan colaborar dalgunha maneira á economía familiar con pequenos traballos temporais e sacando diñeiro ata debaixo das pedras. Fiona é a irmá maior, o verdadeiro e único punto central de toda a familia, ela encárgase absolutamente de todo, incluso do seu pai, renunciando á súa propia vida, vive para eles e nada se lle pode poñer por diante, facendo calquera cousa por calquera dos seus irmáns. Lip é o seguinte, un rapaz superdotado que contribúe á economía familiar presentándose por outras persoas aos exames de acceso á universidade, un negocio que lle da un bo diñeiro, ademais de outros pequenos traballos de moi diversa índole que realiza. Ian é o terceiro, traballa como dependente nunha tenda, ademais de estar metido dentro dunha especie de academia militar para persoas da súa idade; é gay, aínda que ao principio moi poucas persoas da familia sabe iso, aínda que o sospeitan, unha homosexualidade que lle traerá máis dun problema. Logo temos a Debbie, unha nena algo tocada pola situación pero tamén moi intelixente, debaténdose sempre entre o amor que sente polo seu pai e as cousas que ve, algo que lle traen tamén moitos problemas. Carl é o seguinte, obsesionado polas explosións, queimar cousas e provocar destrozos. E por último, o pequeno Liam, un bebé de cor co que sempre nos preguntaremos se é posible que sexa fillo dos mesmos pais que os demais e co que todos teñen que turnarse para poder atendelo. Ademais deles temos tamén algún personaxe fixo máis. Unha parella, Verónica e Kevin, el é o dono do bar onde van habitualmente. Forman unha parella alegre, descocada pero que esconde moito máis do que parece. E logo temos á familia formada por Sheila e Eddie Jackson e a súa filla Karen. A nai parece agorafobia e leva moito tempo sen saír da casa, Eddie é un fanático relixioso que colecciona pallasos e a filla e amiga dos fillos Gallagher.

Xa podedes ver que non é que respondan precisamente ao arquetipo de familia ideal das series americanas, non ten nada que ver, beben, fuman porros, enganan, estafan e fan todo o que sexa con tal de conseguir ir sobrevivindo día a día. Iso é o que iremos vendo en cada capítulo, o día a día dos integrantes desta estraña familia, os seus problemas, as súas alegrías, os malos e bos momentos. Podería ser un tremendo drama que nos fixera soltar moreas de vágoas, pero todo está tratado desde unha óptica de humor, de humor negro, sarcástico, cínico, duro e, en moitas ocasións, inesperado. Moitas das situacións que veremos poderán parecer esaxeradas ou fóra de lugar, pero sempre serán entendidas desde o punto de vista da realidade que viven, que está máis preto moitas do que parece. Os traballos que teñen que facer, os problemas nos que continuamente mete Frank a todos eles coa súa inconsciencia e as súas continuas meteduras de pata. Pero nada pode con eles, a unidade que hai entre todos os irmáns, a solidariedade coa que se comportan, sempre axudándose uns a outros no que sexa demostra que o amor e o cariño é capaz de axudar a superar calquera problema. Multitude de temas son tratados aproveitando esta situación, o alcoholismo, a drogadicción, a homosexualidade, a delincuencia, a pobreza..., pero tamén a felicidade, a loita pola supervivencia, o amor e a solidariedade..., cun equilibro perfecto entre ambos extremos.

Dos actores e actrices da serie so podo dicir que están todos absolutamente xeniais, a maior parte deles non son demasiado coñecidos, pero penso que teñen un bo futuro por diante. A credibilidade que aportan a calquera situación é impresionante e comunican con absoluta perfección unha gran cantidade de cousas en cada escena. Dous actores moi coñecidos aportan o seu bo facer e, como sempre, bordan os seus papeis. Frank, o pai golfo, alcohólico e egoísta é William H. Macy, un deses secundarios impresionantes que sempre deixan a súa marca coas súas actuacións, pois aquí non é menos, tanto que ata lle ides coller cariño. Joan Cusack, outra gran actriz, interpreta a Sheila, esa muller que non se atreve a saír da casa e que fai que todos os que entran nela teñan que descalzarse e poñer unhas bolsas de plástico nos pes, un personaxe que irá crecendo a medida que pasen os capítulos dunha maneira máis que destacable. Outros dous exemplos de grandes actores de cine que se pasan á televisión, mantendo toda a súa calidade interpretativa. Pero por riba destes dous destacaría ao que, para min, é o personaxe principal, Fiona, interpretada por Emmy Rossum, ela leva boa parte do peso de cada capítulo, ela é o centro da historia, o núcleo que mantén a todos unidos, que evita que a familia rompa e cada un vaia polo seu lado, incluso loitando contra os Servizos Sociais nalgún momento. Renunciando a súa vida, ao seu estado físico e ao que sexa necesario para conseguir que cada día os seus irmáns fagan o que teñen que facer e poidan ter algo de comida no prato. A min é das que máis me impresionaron, pero todas as actuacións son realmente dunha gran altura, non son capaz de pensar en ningún deles, nin principal nin secundario, que non cumpra con creces o papel que lle corresponde.

A historia dunha familia disfuncional que ao final non o é tanto porque están máis unidos que outras que parecen máis normais ou con menos problemas e funcionan mellor. Unha serie na que todos os personaxes teñen moito máis que dicir do que parece cando vemos os primeiros capítulos. É unha historia dura, tanto polo que conta por como o fai, a verdade é que non se cortan un pelo e todo é ben directo e visible e quizais ese sexa un dos seus maiores méritos, que di e conta o que quere e como quere, pero todo é perfectamente razoable e comprensible se o pensamos un pouco. Nalgún momentos pode parecer esaxerada, pero se lle damos un par de voltas veremos como non o é tanto. Darlle ese toque de humor negro e sarcástico non fai que o contado pareza menos grave, non o ridiculiza nin se ri das situacións, senón que fai que nos fixemos aínda máis. A pesar dese ton de comedia negra da moito que pensar. Espero que vos guste, xa me diredes algo.

Déixovos tamén unha canción de Nadal que serve como promoción da segunda temporada.

viernes, 16 de diciembre de 2011

"Acero puro"




Este último fin de semana tocou sesión de cine, e tendo en conta como anda a carteleira nestas datas que se aproximan, de vacacións, festas de Nadal e esas cousas, non quedou máis remedio que poñernos diante dunha película desas que chaman de “cine familiar”, unha que valera para todos os públicos e de paso entreter a toda a unidade familiar. Ao final a película resultou entretida e cumpriu con creces o seu obxectivo, así que pode ser das máis ou menos recomendadas se queredes, simplemente, pasar un bo rato no cine sen demasiadas complicacións. Falo dunha estrea recente, titulada “Acero puro”.

A historia en si xa a vimos infinidade de veces posta de muchas maneiras, pero sempre coa mesma base. Pai que de repente ten que facerse cargo do seu fillo ao que non ve desde hai tempo porque a súa nai morreu. Moitas historias parten deste suposto, nunhas é o pai, noutras a nai e nalgunhas máis un parente máis ou menos directo. Todos sabemos perfectamente como van rematar, sobre todo tendo en conta que falamos dunha historia pensada para todos os públicos. Esta liña argumental logo pode aderezarse con distintas circunstancias para convertela nunha comedia, un drama ou incluso, como é o caso desta, nunha historia máis ou menos de acción. Iso si, os elementos típicos de superación persoal, establecemento de novos lazos familiares, cambios nas relacións ou nas formas de ver a vida están presentes tamén nesta. Aínda así, sen aportar case nada novo nin distinto, consegue entreter bastante e ten algúns bos momentos.

Estamos no ano 2020, unha época na que os combates de boxeo entre persoas xa non se celebran, agora substitúense por combates entre robots no mesmo tipo de ring e co mesmo tipo de público, apostas e emocións. Charlie Kenton é un ex-boxeador que agora dedícase a ir cun robot buscando boas pelexas coas que sacar algo de diñeiro. De todos modos é o típico caso de perdedor encantador, con débedas, enganos, préstamos non pagados e ese tipo de cousas. Agora co único robot que ten vai polas feiras dos pobos de Estados Unidos tentando dar algo de espectáculo. Ao principio vai enfrontarse a un gran toro de rodeo nunha desas feiras. Recibe a noticia de que a súa ex-muller morreu e ten que ir a un xuizo no que se lle solicita que renuncie á tutela dun fillo ao que non ve desde hai tempo para que a tía do neno poida facerse cargo del. Charlie non quere telo con el, ve que pode sacar algo de diñeiro e a cambio dunha boa cantidade, que lle permitirá mercar un novo e máis decente robot, comprométese a facerse cargo de Max durante dous meses (xa que o marido da súa tía quere ese tempo para facer unha viaxe). Por suposto os inicios da relación non van ser sinxelos, como é de esperar. Polo medio está tamén Bailey Tallet, a filla do antigo entrenador de Charlie, coa que mantén unha certa relación sentimental e que dirixe o ximnasio no que este adestraba, ademais de dedicarse a botarlle unha man coas reparacións e mantemento dos robots. Co diñeiro conseguido merca un novo e flamante robot, pero a súa ambición fai que a xogada non lle saia ben. Tras isto entran nun almacén de pezas para tentar reparalo, e aí Max atopará a Atom, un antigo robot dunha xeración moi anterior aos usados nese momento. Entre estes dous personaxes vaise establecer unha relación especial, Max quere adestralo para loitar nos rings, algo que Charlie non ve nada claro. A partir de aquí máis ou menos todos podemos supoñer por onde irán os tiros.

O director é Shawn Levy, un especialista neste tipo de cine cuns resultados que vou cualificar de medios, sen destacar demasiado pero case sempre con producións entretidas. Da súa dirección saíron as dúas “Noche en el museo”, “La pantera rosa” ou “Doce en casa”. En canto aos actores quizais sorprende un pouco ver no papel protagonista a un dos actores máis coñecidos de Hollywood, Hugh Jackman (entre outros papeis importantes, o Lobezno da Patrulla X), que está moi ben no papel dese antigo boxeador golfo, simpático, timador, sempre buscando o diñeiro e deixando un pouco de lado os sentimentos (aínda que no fondo ten, claro) tentando recuperar as antigas sensacións e lavar algunhas frustracións. A verdade é que a súa participación, partindo de que é unha historia de ficción, dálle algo máis de credibilidade ao papel. Max é o rapaz Dakota Goyo, saído fundamentalmente da televisión. E o papel feminino é para outra coñecida actriz televisiva, Evangeline Lilly, a Kate de “Perdidos”.

A historia está baseada nun relato de Richard Matheson, un clásico da ciencia ficción ao que moitos coñeceran como autor de novelas e relatos curtos, “El hombre menguante” ou “Soy leyenda” (con dúas adaptacións para o cine) quizais sexan as súas historias máis coñecidas. Dicir “baseada” quizais sexa algo esaxerado. O relato do que parte titúlase “Acero”, unha historia curta que lin despois por curiosidade. Desta toma a idea dos combates de boxeo entre robots, pero nada de nada máis, salvo ese detalle case non ten nada que ver a historia de Matheson coa da película, iso e algúns elementos relacionados co boxeo. Así que imos dicir que está “moi, pero que moi libremente” baseado no citado relato, que de todos modos, recomendo, é curtiño pero curioso.

No que se refire á película, como xa dixen, é entretida, un mero pasatempo recomendable para pasar hora e media sen pensar en moito máis. As interpretacións responden ben ao esperado. Creo que ten a dose xusta de acción e emocións, en ningún momento esaxera para converterse en algo, digamos, lacrimóxeno nin excesivamente sentimental. Como todos esperamos a relación pai-fillo terá o seu fío de unión a través dos combates de robots, nun proceso de aprendizaxe para ambos. Por outro lado as escenas de acción son bastante boas, por momentos incluso poderemos esquecer que o que estamos a ver son robots xerados por ordenador e case pensaremos que son reais. Estas escenas están moi ben conseguidas e son bastante espectaculares. Como dixen a orixinalidade non é a súa maior virtude, incluso recordaremos en máis dun momento varias das películas máis coñecidas do xénero puxilístico, desde “Rocky” ata “Toro salvaje” por poñer dous exemplos, case pensando máis nunha certa homenaxe do director cara a este xénero. Polo que lin incluso imitan golpes de boxeadores famosos, como Cassius Clay ou George Foreman, recreando momentos de algúns dos seus combates. Tamén podemos ver unha influencia grande do mundo dos videoxogos (non sei se o hai, pero case seguro que aparece un partindo da película), tanto na estética como na forma, así como en algunhas conversas. Por suposto ten os suficientes momentos de comedia para relaxar algunhas situacións, algúns esperables e outros non tanto, resultando divertidos a maior parte deles.

Pois iso, unha mistura de xéneros buscando o público familiar que non resulta demasiado mal. Boa para unha tarde de inverno se queremos simplemente pasar un bo rato. Aquí aparece como cualificada para todos os públicos, polo seu país de orixe, debido as escenas de violencia (as pelexas de robots), foi para maiores de trece. Tal e como está a carteleira nas festas non é que haxa demasiado onde elixir, senón sempre poderedes deixala para cando apareza en DVD, en cine gaña algo polos efectos especiais, pero penso que se pode ver na TV sen perder demasiado.

viernes, 9 de diciembre de 2011

"El prisionero del cielo", de Carlos Ruiz Zafón


A verdade é que esperaba con bastantes ganas a publicación da novela que vou comentar hoxe, e non so eu, creo que moitos lectores estaban na mesma situación e queda demostrado por ser neste momento unha das máis vendidas. O autor xa apareceu por aquí, no mes de xuño do ano pasado, cun breve comentario dalgunhas das súas novelas escritas para público máis novo, pero non comentara nada da tetraloxía á que pertence esta de hoxe, que é a número tres na saga. Falo de Carlos Ruiz Zafón e a recente “El prisionero del cielo”. Teño que dicir que me enganchou desde o principio e que me gustou moito, dándolle unha nova perspectiva á anterior, “El juego del ángel”, tanto que fixo que me puxera a relela con ollos renovados ante a información aportada nesta nova. Creo que vai facer que a vexa doutra maneira, algo que me da a impresión de que lle vai pasar a máis lectores, tendo en conta a lixeira decepción que tiven no momento de lela por primeira vez.





Carlos Ruiz Zafón naceu en Barcelona en 1964. Educouse no colexio dos xesuítas de Sarriá e posteriormente cursou estudos de periodismo, dedicándose posteriormente á publicidade. En 1992 decide deixar o seu traballo como director creativo e dedicarse á escritura. A súa primeira novela é do ano 1993, “El príncipe de la niebla”, coa que obtivo o Premio Edebé de literatura xuvenil. Co gañado decide marchar a vivir aos Estados Unidos, á cidade de Los Ángeles, onde reside desde 1994, adicándose ademais da escritura ao traballo de guionista cinematográfico. En 1994 publica “El palacio de la medianoche” e “Las luces de septiembre” en 1995. Estas tres son novelas pensadas para un público xuvenil e no ano 2007 reuníronse no volume titulado “La trilogía de la niebla”. En 1999 aparece “Marina” (que é a que estou a ler nestes momentos). No ano 2001 aparece a súa primeira novela non pensada para público xuvenil, “La sombra del viento”. A novela foi finalista do Premio Lara do ano 2000 mais non gañou, aínda que as bases indicaban que so se publicaría a novela gañadora a Editorial Planeta decidiu facer unha excepción tendo en conta a calidade da novela. Non tivo éxito rapidamente, sobre todo a nivel de crítica pero a través das recomendacións dos propios lectores chegou a ser un auténtico fenómeno literario. Pronto chegou a sona a outros países e tres anos despois foi traducida a corenta linguas. Obtivo o Premio José Manuel Lara á obra máis vendida en España; a biblioteca de Nueva York a seleccionou como “libro para recordar” e foi recoñecida en Francia como a mellor novela estranxeira do ano. Conseguiu tamén un bo éxito por parte de crítica. No 2008 levaba 247 semanas na lista de libros máis vendidos en España e vendera uns 10 millóns de exemplares en todo o mundo. Nese mesmo ano apareceu “El juego del ángel”, no que retomaba algúns aspectos da novela anterior, e que tamén foi un gran éxito tanto en España como en moitos outros países. “El prisionero del cielo”, publicada hai moi pouco tempo, é a terceira novela con esta mesma liña, que teoricamente culminará cunha cuarta.



O curso pasado tiña un bo grupo de 4º de ESO e a última lectura que tiveron que facer comigo foi “La sombra del viento”, que por certo gustoulles bastante. Iso fixo que volvera a lela tras algúns anos e penso que a disfrutei máis que a primeira vez. Sigo pensando que é unha das novelas máis entretidas que teño lido, tanto pola historia como pola forma de contala, con suficientes elementos orixinais como para formar parte das miñas favoritas. Cando lin “El juego del ángel”, como dixen hai unhas liñas, quedei un pouco, digamos, decepcionado. Parecíame moito máis caótica, nalgún momento pouco comprensible e cunha historia algo máis retorcida e estraña. Trala lectura de “El prisionero del cielo” decidinme a lela outra vez, porque penso que hai varias cousas que me perdín ou que non entendín demasiado ben e non quero quedar así. Hai unha serie de personaxes, de situacións e case de explicacións que creo que van facer que a percepción que tiña da mesma cambie algo, aínda que tampouco é algo que saiba con seguridade, é algo que descubrirei cando a remate. Moitos lectores opinaron o mesmo e non sei se tras a lectura da nova historia terán a mesma tentación que eu, xa mo diredes.



Nesta nova historia retoma aos personaxes da primeira. De novo estaremos ante Daniel Sempere, Fermín Romero de Torres, Bea e algúns máis dos que protagonizaban “La sombra del viento”. A historia comeza pouco antes das festas de Nadal de 1957, pouco máis de dous anos despois da primeira. Daniel e Bea están casados e teñen un fillo, segue traballando na librería do seu pai e contando coa axuda de Fermín. En certo momento, por algo que pasa, trasladarémonos a 1939. Nesta época coñeceremos algo máis da historia de Fermín e tamén do personaxe protagonista de “El juego del ángel”, Daniel Martín. Pronto veremos como case todos os personaxes principais desta serie están estreitamente relacionados, montando pouco a pouco o puzzle que Zafón ten na cabeza ata rematalo, espero, na cuarta entrega. Esta nova novela céntrase sobre todo nestes dous personaxes, Fermín e David, no seu pasado e a súa relación cos demais e o presente. E, por suposto, teremos de novo a aparición do Cemiterio dos Libros Esquecidos, un referente central en toda a historia e un deses elementos que creo que forman parte xa da imaxinación de todos os bos lectores. Non vou contar moito máis, creo que o mellor, como sempre, é que sexan os lectores os que vaian acompañando a estes personaxes no seu camiño polas rúas de Barcelona e descubran que máis nos ten que contar o autor sobre eles.



Se hai algo que non me gustou desta nova entrega é que se me fixo demasiado curta, en comparación coas outras dúas é unha novela moito máis breve e quizais menos escura, algo menos sinistra e cunha historia moito máis simple, dito desde o máis absoluto respecto. Quero dicir con isto que non ten demasiado que ver coas anteriores no sentido de que a historia é algo máis lineal, máis directa e cuns interrogantes máis facilmente comprensibles para o lector, sobre todo o que tiña lido xa as anteriores. Nalgúns sitios lin que que algúns pensaban que podía lerse sen ter contacto coas outras dúas, unha afirmación que non me parece axeitada. Claro que podemos lela así, pero o nivel de comprensión e entendemento das enrevesadas tramas e relacións da historia vaise perder. Non so porque aparecen personaxes que o lector debería xa de coñecer para saber moitas cousas, senón porque o xogo real do autor paréceme ese, deixar que o lector que as le por orde vaia imaxinando cousas ou establecendo relacións que despois veranse confirmadas ou desmentidas a medida que avance a historia. Quizais a segunda sexa a menos comprensible, pero como xa dixen, adquire unha nova dimensión tras a lectura desta.



O Cemiterio dos Libros Esquecidos paréceme unha das creacións máis orixinais dos últimos anos, tanto na forma como no plantexamento que fai do mesmo. Creo que todos os que as limos daríamos algo por visitalo unha soa vez e todos soñamos con facelo algunha vez. Pero outra creación deste autor que destaca por riba das demais, para min, é o personaxe de Fermín Romero de Torres. A súa aparición na primeira novela creo que eclipsa case a todos os demais personaxes. Penso que é outro deses personaxes aos que todos imaxinamos algunha vez e que tamén nos gustaría coñecer. Moitos queríamos saber máis del e esta entrega daranos moitas desas respostas, das que tampouco vou contar nada, iso tamén teredes que lelo. Pero de todos modos penso que descubrir sobre el o que descubrín foi unha das razóns polas que esta novela gustoume.



E outra das cousas que máis me gusta de Zafón, ademais do orixinal do desenvolvemento e esa capacidade que ten para xogar con algúns tópicos do xénero de terror, gótico ou negro, facendo que a mistura sexa algo completamente novo, é o seu estilo, a súa forma de contar e conseguir imaxes novidosas, expresións impactantes e novas formas de xogar coa linguaxe. Ademais de ser moi cinematográfico á hora de contar, sempre sen caer en grandes e extensas descricións, consegue que o lector non so entre nunha historia fascinante, senón nun mundo lingüístico onde a forma de contar, de escribir, é tan importante como a historia que estamos a ler. É fácil pechar os ollos durante a lectura e chegar a sensacións a través da palabra escrita, creo que consegue non so que imaxinemos os lugares ou os personaxes, senón case que sintamos o mesmo que eles senten ou padecen, sufrindo nalgunhas ocasións, rindo noutras ou, simplemente, soñando. Creo que é evidente que me gusta moito este autor, pero iso é algo que xa comentei cando apareceu por aquí a primeira vez ao fío das súas primeiras obras.



Un paso máis dentro da historia que empezou a contarnos hai xa uns anos, e neste caso un bo paso, quizais algo máis simple que os anteriores, pero non por iso menos apaixonante. A min me resultou moi entretida ademais de interesante. Nótase o agarimo que ten polos seus personaxes, todos eles, e pola cidade de Barcelona na que se desenvolve a historia, que se convirte nun personaxe máis que actúa con eles e nalgunhas ocasións case pola súa conta. O mellor que podo dicir dela é que se me fixo moi curta e deume pena rematala, quería máis e espero con ganas o final desta historia que nos vai contando pouco a pouco, descubrindo algunhas cousas ao mesmo tempo que abre outros interrogantes e misterios. ¿Cal será o final de Daniel Sempere, a súa familia, Fermín Romero e algúns máis?








miércoles, 30 de noviembre de 2011

"Semanas, meses", de Reko e Tina Lundan


Hai poucos días que rematei de ler a novela que vou comentar hoxe e tiven que deixar un certo tempo para poder pensar, reflexionar un pouco sobre ela, e sobre todo deixar que pasara un pouco ese sabor entre triste e amargo que me deixou. Estamos ante unha historia dura, máis dura cando coñecemos o final desde que iniciamos a lectura e sobre todo cando sabemos que o que imos ler non é froito da imaxinación dun novelista, senón que é algo completamente real, quizais para algúns lectores demasiado real, e aínda así eu non a deixaría pasar. A súa lectura fixo que durante a mesma e despois de rematala tivera que pensar un pouco nunha serie de cousas, na vida e o seu desenvolvemento, nas persoas, en como queremos que sexa o noso día a día. Pero non me vou poñer demasiado filosófico e deixarei que cada un pense sobre o que queira cando a lea. Debe ser a primeira novela de nacionalidade finesa que lin e nalgúns aspectos veremos como ten un aire distinto, peculiar no desenvolvemento do día a día da xente dese país. Falo dunha novela escrita entre dúas persoas, marido e muller, que teñen que enfrontarse a unha realidade que se interpón entre eles como un muro de grandes dimensións, algo do que non poden escapar e que cambiará moitas cousas. Os autores son Reko e Tina Lundán e a novela titúlase “Semanas, meses”. É de edición moi recente e ademais publicada simultaneamente en galego e castelán por Faktoria K de Libros na súa colección NarrativaK. Comentar tamén que a tradución ao galego é das primeiras dunha obra finesa a esta lingua e foi realizada por Jarna Piippo e polo meu compañeiro de traballo e amigo, Ramón Nicolás, e desta a continuación ao castelán. Unha tradución que non foi fácil, primeiro pola linguaxe do orixinal e logo porque non é sinxelo adaptar non so a lingua, senón a forma de ver a vida dunha cultura europea algo distinta da nosa.

Reko Lundán naceu en 1969 en Janakkla (Finlandia) e morreu en outubro de 2006 en Helsinki. É un novelista e dramaturgo cunha carreira moi prometedora, foi un dos máis premiados e recoñecidos no seu país. Comezou os seus estudios na Academia de Teatro, onde se licenciou en 1994. Ademais era un home moi implicado en cuestións económicas e sociais, traballando tamén como comentarista de televisión e guionista nese mesmo medio. A súa primeira novela recibiu o Premio Finlandia en 2002. Tamén foi nomeado para o premio de mellor dramaturgo nórdico no 2002. É autor de tres novelas e nove obras de teatro. Todas elas cun fondo de denuncia social máis ou menos claro. Concibía o seu traballo como unha forma de entreter, pero tamén consideraba que tiña que facer algo máis, remover as conciencias e denunciar eses mesmos problemas que comentaba en televisión. A principios do ano 2004 foille diagnosticado un tumor cerebral que terminou coa súa vida dous anos despois. Continuou traballando ata o momento da súa morte e esta obra que comento hoxe é unha boa mostra diso.
Tina Lundán nace en 1970. Estudou musicoloxía e literatura finesa na Universidade de Helsinki. Actualmente traballa nun canal de televisión no seu país. Trala publicación desta novela que comento hoxe publicou “O primeiro verán” no ano 2008 centrada no ano de loito trala morte do seu home.

“Semanas, meses” non é exactamente unha novela ao uso, é o diario de dúas persoas, dos dous integrantes dunha parella trala case sentencia de morte que lle dan a el cando lle diagnostican un tumor cerebral en estado moi avanzado. Por iso dicía ao principio que desde que un empeza coñece o final, aínda que isto non sexa o importante. É o diario que van escribindo Reko e Tina desde o día no que empezan un duro camiño, difícil, doloroso en todos os sentidos, un camiño no que sempre aparece dalgunha forma a esperanza, a confianza nun milagre (máis nun que no outro) ou o non querer ver a realidade, porque ambos saben cal será o final dese camiño en común. Imos ler as confesións de Aki (Reko Lundán) e Minna (Tina Lundán), dous “personaxes” que esconden aos autores reais, quizais tentando poñer un pouco de distancia entre a realidade e a ficción, aínda que neste caso a realidade é a que hai e non creo que haxa nada de ficción. Ademais veremos como reaccionan ante a situación non so amigos e familiares, senón tamén as dúas fillas da parella, a pequena Kerttu e a súa irmá maior Saara, que verán como o seu día a día cambia, como os seus pais non se comportan da mesma maneira que antes ata chegar ao momento final. A historia irá alternando as narracións de un e outro, de tal forma que veremos case as mesmas cousas pero desde dous ópticas lixeiramente distintas. Por un lado o punto de vista do enfermo e por outro o da persoa que ten que atendelo e realizar ademais outras moitas tarefas, dous puntos de vista a veces enfrontados por parte de dúas persoas que se queren profundamente. Desde o momento do diagnostico empezan un camiño, moi cheo de esperanzas que se van esvaecendo pouco a pouco, con máis momentos de caída que de subida, onde un pequeno avance irá seguido do máis profundo retroceso. Non quero contar moito máis, porque aínda coñecendo o final, asistir ao proceso que van sufrindo é realmente emocionante.

Non estamos ante dous personaxes literarios, estamos ante dúas persoais reais, de carne e óso, cos seus medos que todos podemos entender, as súas frustracións, as súas esperanzas... Esa realidade é a que lle da, creo eu, o gran mérito ao desenvolvemento da historia. Non hai nada de idílico, de maravilloso, case nada de consolo e case ao final da historia descubrimos algo que fará que a pedra que temos no peito durante a lectura pese aínda máis. O relato é duro por esa credibilidade e realidade, non falo de verosimilitude, senón de realidade, directa e dura. É tremendo ler como ela en máis dun momento está realmente farta da situación, como non pode soportalo máis e o seu maior desexo neste mundo é pasar unha noite tranquila sen ter que atendelo, pero máis tremendo é recoñecer que moitos de nos na súa mesma situación pensaríamos e sentiríamos case o mesmo porque no fondo estamos a falar de seres humanos, non de personaxes de ficción. A través deste relato confrontado veremos o que pensa e sente el ante as cousas que lle pasan, ante os tremendos efectos secundarios de todos os tratamentos que recibe e como tamén aparecerá como un ser egoísta en máis dun momento, máis preocupado polo seu traballo que por outras cousas, cando ese traballo non é máis que unha forma de tentar seguir estando vivo. E logo veremos case o mesmo pero desde a óptica dela, o que pensa e sente ante as mesmas situacións, descubrindo que moitas veces son case puntos de vista e reaccións distintas, pero sempre moi humanas e comprensibles.

Por outro lado a historia pode caer en algo de frialdade, case como se tentaran ver as cousas desde fóra, pero tamén influenciados por unha forma de ser, como dixen ao principio, distinta da nosa. Sobre todo ao principio da historia temos unha serie de notas a pé de páxina que axudan a entender un pouco que nos países nórdicos viven a vida doutra maneira. Unha das que máis me sorprenderon foi a que fai alusión ao “día dos caramelos”, explicando que en Finlandia os nenos, por norma, so comen caramelos ou chucherías un día á semana, que soe ser o sábado. Todas estas notas axudan ao lector a entender moito mellor certos aspectos da historia que poden resultar sorprendentes para un lector de países menos fríos en todos os sentidos. A morte está sempre presente na historia, pendendo sobre eles como algo imposible de evitar, pero ao mesmo tempo está chea de vida, non so de desexos de vida porque as pequenas esperanzas que aparecen (aínda que o lector saiba como vai rematar) son as que levan á parella protagonista a tentar asumir que lles vai tocar renunciar á propia vida e a dun ser moi querido demasiado pronto, algo que aos seus ollos é tremendamente inxusto.

Faktoría K achéganos, ademais en galego e castelán, unha novela que posiblemente doutra maneira non chegaría a nós, dunha literatura creo que algo descoñecida e dun país, ademais, no que a lectura é unha actividade moi habitual. A min gustoume a pesar da súa dureza e de que non é unha historia excesivamente optimista. Creo que é unha lectura que deberíamos facer, que pode facernos pensar moito, reflexionar sobre unha serie de aspectos das nosas vidas que igual necesitan un proceso de cambio ou que pode axudarnos a ver moitas cousas con outra perspectiva. Para min recomendable.

Como remate déixovos un fragmento:
Minna
Logo de preguntar polo tempo, entendín decontado que fora un erro. Aki palideceu e temín que sufrise un novo ataque. Metín a man no seu peto e saquei unha latiña de caramelos que contiña tranquilizantes. A pílula quedou rodando na súa boca. Eu coñecía o sabor fariñento e nauseabundo do valium seco cando se apega ao padal. Na miña cabeza golpeaban aínda as palabras da médica. Que pouco tempo de vida lle dera ao meu marido!
Aki
Que sentido ten comezar a escribir unha novela cando se chega á casa do hospital, despois de saber que se teñen semanas ou meses de vida? Nin na fase máis eufórica, producida pola cortisona, sería posible cumprir a tarefa a tempo. E por que estraña razón debería escribir fose o que fose ata as derradeiras forzas? Non sería máis importante lerlle un conto á pequena Kerttu todas as noites? Falar con Saara sobre como foi o día?”


miércoles, 23 de noviembre de 2011

"The Killing"



Hoxe toca outra recomendación televisiva, unha serie que estou a ver neste momento. Levo dez capítulos dos trece que a compoñen (polo menos na súa primeira temporada, porque vexo que ten unha segunda) e non sei se darme un atracón para rematala dunha vez, porque o grao de tensión e intriga que nos produce é bastante alto. Vamos, que quero saber xa quen é o asasino ou asasina, ademais de algunhas outras cousas. A verdade é que está bastante ben, dándolle un xiro algo distinto ao que estamos habituados, sobre todo no que se refire ao aspecto visual e ao ritmo dos acontecementos. Falo de “The Killing”, que esta semana pasada rematou de emitir FoxCrime, aínda que tamén se pode ver desde hai pouco nalgún outro canal. En concreto estamos a ver a versión americana, xa que en realidade parte dunha serie danesa, “Forbrydelsen” que tivo gran éxito no seu país e que os americanos, en coprodución cos canadenses, decidiron adaptar, aínda que como comentarei dentro dunhas liñas, dunha forma un tanto especial.

Estamos ante unha serie que entraría dentro do xénero do thriller, de investigación pero algo lonxe das habituais deste momento, pouco ten que ver cos distintos CSI ou todas esas que agora están centradas na investigación forense, deixando un pouco de lado o aspecto digamos “tradicional” da simple e mera investigación policial, do traballo da policía sen ter en conta elementos científicos, probas de ADN e ese tipo de cousas que agora vemos como algo habitual. Nese sentido ten un aire de serie de hai anos, de aquelas que vía cando era algo máis novo pero cunha temática e un aspecto máis moderno e máis directo en moitos momentos.

A historia céntrase nunha inspectora que o último día de traballo na policía de Seattle atópase co asasinato dunha adolescente que aparece no maleteiro dun coche que sacan dun lago. Por un lado temos á inspectora Sarah Linden, a punto de marchar a vivir a Sonoma (California) con seu fillo Jack e Rick, o home co que ten pensado casar. Pero estes plans vense rotos cando Rosie Larsen desaparece tras unha fin de semana e unha festa no instituto. Nese momento tamén un novo policía chega á comisaría, Stephen Holder, procedente da brigada de narcóticos. Sarah ten que marchar, pero inicia a investigación da desaparición da rapaza como un último favor para o seu xefe e tamén para iniciar a Stephen nas formas de traballar no seu novo destino. Pero ve algo no seu novo compañeiro que non lle gusta demasiado, a súa forma de traballar, a súa maneira de interrogar á xente, algo que non lle da boa espiña. Isto, sumado á aparición do cadáver, fai que pospoña esa marcha, pero as cousas vanse complicar e ese traslado vaise demorando cada vez máis, e xunto con isto chegan os problemas persoais. Ao mesmo tempo temos unha auténtica guerra pola alcaldía de Seattle, un enfrontamento entre dous candidatos no que todo vale con tal de conseguir o obxectivo, ser alcalde. Ademais estes personaxes tamén se verán inmersos dentro da investigación. Por un lado temos á persoa que ten o cargo nese momento, o alcalde Lesley Adams; por outro, con moita maior presencia dentro da historia, o aspirante, Darren Richmond e o seu equipo. Dentro deste destacan por riba de todos os seus dous axudantes máis directos, unha muller que mantén unha relación sentimental con Richmond, Gwen Eaton e Jamie Wright, o home capaz de calquera cousa con tal de acadar os obxectivos que quere. De todos modos, xunto cos dous investigadores, outra parella centra a acción, os pais de Rosie, Stan e Mitch Larsen, desfeitos por un acto que non entenden, descubrindo cousas sobre a súa filla que tampouco alcanzan a entender. Ela moito máis afectada que el, tanto que incluso descoida aos seus dous fillos pequenos, pero é incapaz de reaccionar. Quere saber por riba de todo que pasou, quen foi o asasino da súa filla e, xunto con isto, irá descubrindo cousas que mais lle valería non saber. Todos estes e algún máis forman o núcleo do argumento e partimos da base de que algún deles asasinou a Rosie, aínda que tampouco saibamos, supoño que ata o final, por que.

Para algúns críticos recorda en algúns momentos a un clásico da televisión, a coñecida e famosa “Twin Peaks”, que no seu momento dirixiu David Lynch. Creo que aquela era algo máis innovadora e distinta, sobre todo no que se refire ao ambiente e o desenvolvemento, pero é posible que algunha relación poidan ter. Como dixen está baseada nunha serie danesa (que so ten unha temporada que eu saiba) e nótase bastante que tentaron manter un pouco o aire “europeo”. Hai que ter en conta, polo que vin, que contaron coa maior parte do equipo que fixo a orixinal e incluso para algúns episodios recorreron a unha directora europea con certo renome, Agniezska Holland e incluso a algún actor que tampouco é norteamericano. Por iso non ten para nada o típico aire de serie americana, non é nada espectacular en ningún aspecto, non hai persecucións, enfrontamentos físicos, moito movemento; todo o contrario, é unha historia baseada en boas interpretacións e un guión impecable que continuamente xoga co espectador levándoo en todo momento por onde queren os guionistas. É unha serie lenta, moi lenta en canto ao desenvolvemento da acción, pero iso non a fai aburrida en absoluto. Consegue crear un grao de tensión bastante alto e ten máis dun momento realmente brutal. Case podería dicir que ten un aire moi realista, case como se estiveramos a ver un documental pero meténdose moito na pel dos personaxes. Os finais de cada capítulo son como os desas novelas que rematan sempre con tal grao de incerteza que non podes deixalo e tes que ler o seguinte. Neste caso o malo, claro, é que para o seguinte terás que esperar unha semana; iso se non fas como eu, que os tiña gravados e agora véxoos día a día, e algúns días custounos un pouco non ver o seguinte, non o fixemos por un lado pola hora que era e por outro porque estabamos case seguros de que iso levaríanos a ver máis de dous, porque sempre pasa o mesmo.

Creo que merece moito a pena vela. Os guionistas xogan co espectador, dunha forma cercana, algúns críticos o din, ás novelas de Agatha Christie. Practicamente todos os personaxes nalgún momento poden chegar a ser sospeitosos, e algún parece evidente tal e como se desenvolven os acontecementos, dunha forma moi clara. Cada episodio avanza un pouco, acendendo algunhas luces e apagando outras, pasando dun posible asasino a outro. Ademais non hai un so personaxe que sexa claro e transparente, todos esconden algo, son moito máis do que parecen ser. Todos eles teñen algunha historia no seu pasado que agora, coa tensión deste asasinato, sae á luz. Durante moito tempo un pregúntase por que ese personaxe fai iso, que lle leva a actuar como o fai ou que esconde tras ese pequeno movemento. Este é un aspecto máis para ter a atención do espectador de forma continua.

Por outro lado os actores están realmente ben. A maior parte, salvo un par, son caras para min descoñecidas, pero creo que máis de un promete. Os papeis principais están todos impecables. A policía, unha muller pequena de estatura, tan chea de problemas como de fortaleza, borda a esa inspectora que se enfrasca no caso e deixa todo de lado, ata a súa complicada vida familiar, e obsesionase na súa resolución, sen que haxa nada que poida parala. O seu novo compañeiro, un dos máis misteriosos, cheo de claroscuros, tamén me gustou moito. Os pais de Rosie, el tentando levar unha vida normal tras o desgusto e atender aos seus dous fillos, mentres a tristeza e o tormento van máis por dentro que por fóra. A súa muller, que queda completamente desfeita polo brutal feito, centrada no seu sufrimento e nos recordos. O candidato a alcalde, honrado unhas veces e non tanto outras e os asesores que o rodean, envoltos nun mundo onde todo vale con tal de conseguir o obxectivo político. Y non deixemos de lado á cidade de Seattle, gris, onde non para de chover en case todo o día, sinistra e chea de lugares que, como os personaxes, parece esconder moita máis violencia do que parece.

Como dixen ao principio estou a ver a versión americana, e creo que vou chegar ao último capítulo e quedarme case como estaba, pero con máis interrogantes, porque vexo que ten unha segunda temporada e algúns personaxes coinciden, así que dáme que imos ter que esperar á segunda para saber quen matou a Rosie Larsen e por que. O orixinal danés, polo que vin, creo que ten unha soa temporada, así que os que elixiran esta poderán descubrilo. Sexa unha ou outra eu vola recomendaría, se xa a vistes, estades niso ou caerá nalgún momento xa me diredes que vos parece.

domingo, 13 de noviembre de 2011

"Pagagnini", una producción de Yllana


Hoxe imos polo lado das producións teatrais. Antes de nada darlle as gracias ao meu irmán (o terceiro) e á miña cuñada ( a súa muller) por empeñarse en que foramos ver a este grupo, eles xa o fixeran varias veces e non facían máis que insistir en que tiñamos que ir velos algunha vez, pois foi onte, sábado, cando por fin nos decidimos, e non nos arrepentimos en absoluto. Agradecemento por partida dobre, ademais, porque ao coller as entradas hai máis dun mes estabamos empeñados en que era a finais de novembro, e non onte día 12, así que nunha breve mensaxe da súa parte nos fixo o favor de lembrarnos o día, porque senón pasábasenos, adeus entradas e adeus a un espectáculo que nos deixou marabillados, atónitos e cansos de rir. Falo dunha produción da compañía “Yllana, titulada neste caso “Pagagnini”.

Yllana é unha compañía nacida en 1991, partindo da idea do humor xestual como base dos seus espectáculos. Desde hai uns anos diversificou un pouco a súa actividade e agora ofrece distintos tipos de obras sempre dentro do mundo das artes escénicas e o audiovisual. Agora é unha empresa que se dedica sobre todo á creación, produción e distribución de espectáculos. A premisa fundamental de todos eles é o humor, un humor universal que levan a escenarios de todo o mundo. Desde os seus inicios produciron dezaseis espectáculos, representados en máis de 2000 ocasións en 32 países, máis dun millón de espectadores gozaron dos mesmos. Participaron en numerosos festivais internacionais con gran éxito. Ademais ofrecen asesoramento artístico a concellos e empresas para a organización de eventos culturais. Gracias a unha boa labor a lista de premios que teñen recibido é moi extensa. Podedes ampliar esta información na súa páxina web: http://www.yllana.con

“Pagagnini” é o primeiro espectáculo que vemos desta compañía, e podo garantir que non será o último, creo que irei ver cada produción súa que se achegue por aquí, porque o pasamos realmente ben. En hora e media de actuación reúne o humor e a música clásica (e outros xéneros máis actuais) dunha maneira maxistral, entretida, musicalmente impresionante e, ao mesmo tempo, realmente divertida. Imos asistir a un concerto de música clásica un tanto especial, interpretado por un cuarteto de corda, tres violíns e un chelo, con obras (intepretadas de forma maxistral e impresionante en todos os sentidos) de, entre outros, Sarasate, Vivaldi, Mózart, Falla, Boccherini...que de repente poden transformarse en flamenco, blues, rockabilly e incluso nunha fascinante interpretación con violín eléctrico do clásico de U2 “With or without you”. Desde o primeiro momento a mobilidade no escenario é continua, as risas arrancan desde o principio, é deses espectáculos nos que un sae cansado, esgotado de tanto rir; pero neste caso a iso voulle sumar a interpretación duns músicos que tamén me deixaron a mandíbula cansada de ter a boca aberta ante as súas interpretacións e forma de tocar. Unha boa complicidade co público, aproveitando en moitos momentos para dirixirse a el. Un número no que dous espectadores entrarán a formar parte da orquestra, a risa sonora dalgún que provoca miradas de odio nos músicos, unha tos que interrompe unha interpretación, todo enfocado a que a xente pase un rato fenomenal e ao mesmo tempo disfruta dun grandioso concerto.

Catro músicos, tres menos coñecidos máis un invitado de renome que ademais é o coprodutor do espectáculo. Fernando Clemente (violín), Eduardo Ortega (violín) e Gartxot Ortiz (violoncello) son os tres músicos da compañía. Na páxina dedicada á obra podedes, http://www.pagagnini.com, podedes atopar máis datos sobre eles, cuns currículums interesantes e diversos que non vou reflectir aquí para non estenderme demasiado. Evidentemente non son un gran entendido en interpretación musical, pero sei valorar algo cando me gusta e calquera deles, ademais de ser moi simpáticos enriba do escenario, parecéronme grandes músicos. Todos eles teñen algún momento ao longo do concerto para o seu lucimento persoal desde o punto de vista musical, e teño que dicir que me impresionaron.

Deixo para un aparte ao cuarto integrante do grupo, un virtuoso real e coñecido do violín que conseguiu que recuperara o gusto que tiña hai anos por un bo concerto de música clásica. É un verdadeiro gustazo escoitar un concerto desta música e en concreto o son do violín en directo é algo que sempre me fascinou. Ara Malikian é, creo, o centro desta produción, no sentido de que a idea central é súa. Hai uns días lía unha entrevista no diario cun titular que a encabezaba e que penso que ten toda a razón: “Na música clásica hai unha arrogancia inexplicable”. Eu non son dos que teñen un concepto “sagrado” deste tipo de música e penso que espectáculos como o que comento hoxe fan moito por recuperar o gusto e atraelo de moita xente cara a este tipo de música. Tamén matiza que todos eles teñen un gran respecto pola música e que en ningún momento rin dela, senón con ela. Virá isto a conto dalgunhas críticas ao que eles fan durante a función, pero eu non creo que sexa unha falta de respecto, máis ben un achegamento, unha forma nova e distinta de facer que a xente recupere algo este xénero musical. Malikian é un músico libanés de ascendencia armenia nado en 1968. Empezou a tocar moi novo e aos doce anos deu o seu primeiro concerto. Gañou numerosos premios e estudou nas máis prestixiosas escolas. Ademais de participar neste tipo de espectáculos da concertos de música clásica que teñen como obxectivo achegala a todo tipo de públicos. Ten un programa sobre este tema na 2 de Televisión Española. A súa idea para o desenvolvemento desta obra era misturar humor e música clásica, amosar que pode facerse música ben feita dándolle un toque de alegría, sobre todo para achegala ao gran público. A idea, ademais de brindar un bo concerto e entreter, e separar un pouco aos clásicos da sobriedade e a solemnidade. O currículum deste músico é impresionante, tocou con todas as grandes orquestras do mundo, ten varios discos gravados e está moi centrado no tema dos concertos didácticos e espectáculos familiares con a idea de achegar e descubrir a música clásica para todo o mundo. Podedes atopar máis datos e información en http://aramalikian.com.

Penso que cumpren con creces todos os seus obxectivos. Aos meus fillos non lles fales de música clásica, porque lles soa como a rollo e algo aburrido. Onte disfrutaron moito, pasárono ben, riron e ademais tiveron a oportunidade de escoitar a un cuarteto de corda interpretando unha serie de obras clásicas moi coñecidas, algo que penso que non farían se non fora por esta función. A resposta do público foi alucinante, os aplausos durante todo o espectáculo foron tan constantes como as risas e a ovación final foi longa e máis que merecida. O número de despedida foi algo impresionante e deixou un sabor de boca excelente, con ganas de máis, porque a hora e media que durou pasóusenos a todos nun suspiro. Musicalmente parecéronme algo fóra de serie e como actores, tendo en conta que todos eles son músicos profesionais e non actores cómicos, moi expresivos, con ese humor que todo o mundo pode entender e disfrutar, centrados en xestos, miradas e movementos básicos no humor xestual, pero tan ben interpretados e metidos dentro do concerto que parecían completamente novos e con máis dunha sorpresa inesperada. Xunto co comentario déixovos uns vídeos, quizais algo longos pero penso que merece a pena que vexades enteiros, non é o mesmo que escoitalo en directo, pero si que serve para que vos fagades unha idea. Un divertidísimo concerto, desconcertante e ata un pouco didáctico. Se tedes a oportunidade de ir velo non a deixedes pasar, ides gozar dunhas interpretacións maxistrais (sigo sen entender como se pode tocar o violín desa maneira movéndose como se moven polo escenario), de moi boa música e dun espectáculo realmente entretido e divertido, non vos ides arrepentir. Na súa páxina tendes as próximas actuacións, por se queredes botar un ollo. A ver se alguén ten a oportunidade e me di que lle pareceu.





domingo, 6 de noviembre de 2011

"In vino veritas", de Francisco Castro

Falando dos detectives privados: “E xa que estamos lanzados e xa que non lle temos ningún respecto a este (meu) noso personaxe nin ao oficio detectivesco, diremos agora o peor do peor das cousas que decote fai porque non lle queda máis remedio e porque hai que comer, a saber, perseguir rapazada adolescente con grans para saber se están na clase ou non. Non tendes nin idea da cantidade de nenos que, coma sempre se fixo (e non pasaba nada), colgan clase e andan por aí facendo calquera cousa en vez de polinomios, análises sintácticas ou comentarios de texto, é dicir, todas esas cousas inútiles e absurdas e prescindibles coas que nos amargaron a infancia, a adolescencia, e en definitiva, os mellores momentos das nosas inocentes e manipulables vidas. A diferenza co pasado é que agora hai pais que poñen detectives para saber se o neno ou a nena van a clase o andan fumando canutos por aí tirados nuns farrados calquera, en fin, algo tristísimo, o dos pais máis que o dos fillos, poñerlle un detective a un fillo debería ser motivo máis que sobrado para que un xuíz lles quitase a custodia, porque hai que falar máis, hai que se comunicar máis con eles, non poñerlles un fulano detrás para saber onde van e que é o que fan cando (pensan que) ninguén os ve.
Sobre a televisión actual: “É o que vou chamar, porque me peta, a Televisión 2.0. Por iso a xente grava cousas co seu móbil e envíaas sen perder un minuto ás canles de televisión ou sóbenas ao llutú, sobre todo se teñen a fortuna de gravar unha desgraza, ou sexa, que levan razón os vellos, antes había valores e había máis respecto, antes, cando ocorría algún desastre na rúa, a xente corría a botar unha man, agora, cando pasa unha traxedia, a xente tira de móbil e grava por se acaso, porque saben (son listos) que están facéndose cuns minutos de televisión grazas a esa gravación horrenda e probablemente perversa e absurda que non debería saír...

Estes son dous fragmentos da novela que vou comentar hoxe, dous dos moitos que me gustaron e chamáronme a atención.

Teño varias novelas pendentes de comentar, e normalmente sigo unha orde case de lectura para publicar, pero esta novela de hoxe chamoume tanto a atención que non me resisto a poñela por diante de outras que lin antes. Hai pouco que a rematei e deixoume unha gran sensación, gustoume moito en varios sentidos que procurarei reflectir aquí. Creo que do que teño lido nestes últimos tempos é das que máis me gustaron, unha historia que non está nada mal, pero sobre todo pola forma de contala, por como está escrita e por todas as reflexións que nos vai deixando o autor sobre unha serie de temas (moitos, a verdade), case sempre a través do seu personaxe principal, un simpático e peculiar detective. É unha novela publicada recentemente en galego, o autor é Francisco Castro e o título “In vino veritas”, que podedes atopar na Editorial Galaxia.

Francisco Castro é un autor nado en Vigo en 1966. É licenciado en Filosofía e traballa no ensino, ademais de dedicarse á xestión cultural e á comunicación. Imparte Obradoiros Literarios por toda Galicia, tanto para nenos como para adultos, ademais de traballar como director do Obradoiro Literario Caixanova e do Obradoiro de Poesía Caixanova. Actualmente traballa na Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Aínda que ten algunha obra en castelán a maior parte da súa produción está en galego. Un dos elementos fundamentais da súa narrativa é o orixinalidade coa que aborda diversos tipos de xéneros. En 1991 publica “Amor de cinema”, e en 1997 gaña o Premio Lueiro Rey de novela curta con “Paly-back”. É autor do libro de relatos eróticos “Xeografías” ou de “A canción do náufrago”, ambos no ano 2001, ou do relato histórico “Memorial do infortunio” (2003), traducida ao ano seguinte ao castelán. En 2004 publicou “Xeración perdida”, na que se achega ao tema das drogas. “Un bosque cheo de faias” gañou o Premio Frei Martín Sarmiento, outorgado por alumnos e alumnas de toda Galicia. En 2006 gañou o Premio Blanco Amor de novela con “Spam”. En 2007 gaña o Premio de Novela Manuel García Barros con “As palabras da néboa” e no mesmo ano publica “O ceo dos afogados”, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia e que recibirá o Premio Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano. Gran parte da súa produción entra no campo da literatura infantil e xuvenil. Así é autor de “Chamádeme Simbad” (2009) e tamén de “O segredo de Marco Polo” (2010, e que vai aparecer proximamente en castelán e catalán). “In vino veritas” é, polo momento, a súa ultima novela pensada para público adulto. Ademais ten un blog que vos recomendo: http://www.franciscocastro.blogaliza.org/

O propio autor di que “In vino veritas” é unha novela furiosa, baixo a apariencia dunha novela negra, unha historia de detectives, aproveita para facer unha crítica feroz e despiadada non so dos medios de comunicación (sobre todo a televisión), senón tamén dos espectadores e seguidores de certo tipo de programas. Xulio Míguez é un detective privado, pero un de verdade, deses que pouco teñen que ver cos das novelas americanas ou as películas en branco e negro. Un home normal, coas súas miserias, os seus casos con moi pouco glamour, as súas tristezas e, como única afección, a enoloxía, e bastante entendido no tema. Leva unha vida algo gris, case tanto como o seu traballo. Marta Ruíz é a súa amiga desde a infancia, namorado perdidamente dela, fantaseando con cousas que poderían ser pero nunca serán, e aínda sendo consciente diso os seus sentimentos non desaparecen. Ademais Marta é a presentadora dun deses programas de cotilleos e maruxeos que tan de moda están neste momento, eses que explotan as miserias dos famosos, as mentiras, as fotos e situacións escandalosas roubadas pero que ao final non o son tanto. Incluso ao principio da novela recibe un importante premio como a mellor comunicadora do ano, outro sarcasmo dos moitos que aparecen na historia. Xulio é contratado por Carolina Vilabranca, dona dunha das adegas máis importantes da zona, para que atope a Lois Durán, o seu marido desaparecido. Carolina recibe unhas explícitas fotos do seu home cunha descoñecida realizando unhas fortes prácticas sadomasoquistas e hai días que non aparece por casa nin polo traballo. Así o noso detective empeza a buscar, aínda que non sabe moi ben por onde facelo. Non é que sexa un investigador avezado, os seus casos soen ser tan sinxelos como seguir a maridos ou esposas que enganan as súas parellas, a adolescentes que faltan a clase e con pais preocupados e cousas máis ou menos sinxelas e moi lonxe das historias do cine ou as novelas. As súas primeiras investigacións lévano a buscar información por internet sobre ese tipo de prácticas sexuais, alucinando coa cantidade de resultados e a cantidade de cousas que fai a xente. Pronto se verá inmerso nunha historia que vai tardar en comprender, algo máis complicada do que parece e chea de sorpresas, sobre todo para el.

A novela é, entre outras cousas, unha parodia das novelas negras, unha desmitificación do personaxe do detective privado, converténdoo nunha persoa máis de verdade, máis real, sen tanta parafernalia literaria e con todos os problemas diarios, cos seus amores e desamores. Xulio vive so, aliméntase de comida conxelada que non lle convence nada, pero entra dentro dese medio aire de vagancia que domina a súa vida, realmente so disfruta dunha cousa, dos bos viños que toma na casa ou fóra cun auténtico ritual previo. Non é un enólogo profesional, pero sabe gozar dun viño, mércaos e tómaos con verdadeiro deleite, fai cursos e comparte a súa afección con outro personaxe da novela, o doutor Campos, forense da policía. Case podemos dicir que o viño é un personaxe máis da historia. Ese aire de novela negra ven remarcado ademais porque está dividida en dez bloques de varios capítulos cada un, e cada un deles iniciase con cada un dos puntos do “Decálogo da novela policial” escrito por un clásico do xénero, Raymond Chandler. Estes puntos poderán verse reflectidos no que nos vai contar a continuación, ¿vainos cumprir o autor?, si, pero moi á súa maneira. Do mesmo modo xoga con case todos os tópicos do xénero; temos ao detective (so lle falta o sombreiro e beber whisky en lugar de viño), a amiga do protagonista, a muller fatal (a dona da adega, case como unha Lauren Bacall moderna), os misterios e algunhas cousas máis que non vou mencionar para non destripar demasiado a historia. A verdade é que este personaxe central é xenial e sobre todo consegue que o lector síntase moi preto del, ao estar contada a maior parte da historia en primeira persoa, é el mesmo o que nos vai contando todo o que pasa. Alterna cun narrador que se centra naquelas partes nas que non intervén Xulio, dándonos unha perspectiva completa de todo o que pasa en cada momento.

Novela negra na liña argumental, a investigación dunha desaparición. Pero en realidade é unha novela crítica, aceda, cáustica, feroz e con moi mala uva. Outro dos personaxes principais é a presentadora de televisión e amiga de Xulio, Marta Ruíz. A través dela e dos pensamentos do detective tomamos contacto cunha crítica contra a programación televisiva actual, movida so pola audiencia e o beneficio económico. Chea de programas que explotan as miserias reais ou inventadas (todo vale con tal de lograr audiencia) de famosos, famosiños e xente famosa nun fugaz momento das súas vidas. Pero o autor non queda soamente aí, tamén é criticable a actitude do espectador destes programas, a da xente da rúa que parece preocuparse máis por conseguir ese minuto de fama que polo prezo que poderá pagar a cambio. Máis preocupada pola posibilidade de gañar un diñeiro fácil que por axudar a unha persoa en perigo, por poñer un exemplo. E de paso traspasa a crítica a outros moitos aspectos da sociedade actual, unha sociedade que o noso detective non entende demasiado ben, que non sabe a onde vai nin a onde chegará, algo que lle preocupa case máis que resolver o seu caso.

Ademais da historia quizais o que máis me gustou é como está contada, a forma que ten Francisco Castro de usar as palabras, de traballalas e de misturalas pareceume fascinante. Longas frases de adxectivos seguidos, sen unha soa coma (nalgún caso seis ou máis dun tirón) dánlle non so unha grande rapidez a acción, senón que chega un momento no que as sensacións que ten un como lector van crecendo dunha maneira alucinante. Ademais establece en máis dunha ocasión unha relación directa co lector, case dirixíndose a el como autor (recordo perfectamente unha frase na que pon cinco verbos seguidos dunha maneira perfecta e el mesmo comenta iso, como se fora unha gran fazaña como escritor -que o é-), facendo que o lector non so se senta participe da historia, senón tamén do traballo do autor como tal. E todo contado con moita sorna, con mala uva e cun ton e unha forma que fixo que nalgún momento non so sorrira durante a lectura, senón que máis dunha vez ese sorriso transformouse nunha sonora gargallada.

Este vez xa me estou a pasar coa extensión e aínda hai algunha cousa máis que me gustaría comentar, pero vou ir parando. É a primeira novela de Francisco Castro que leo, pero podo garantir que non vai ser a última. Como dixen ao principio do mellor que lin nestes últimos meses, así que máis que recomendable. Estou practicamente seguro de que non vos vai decepcionar.

El ilustrador de "Me llamaba Simbad" from NidodeContenidos on Vimeo.

martes, 1 de noviembre de 2011

"Las aventuras de Tintín: el secreto del Unicornio"


Hoxe volvemos ao cine, que xa hai case un mes desde a última vez. Parece que non saímos do tema dos heroes de cómic, porque hoxe lle touca a outro. Os últimos comentarios de cine eran de superheroes saídos deste medio, hoxe imos dicir que é un heroe de cómic, un dos máis coñecidos dentro do panorama europeo, concretamente belga. A última película que vimos foi a esperada adaptación deste personaxe, “As aventuras de Tintín: o secreto do unicornio”.

Varias producións afrontaron antes a adaptación deste personaxe de cómic, tanto en forma de debuxos animados como algunha con actores reais. Este de hoxe non é nin unha cousa nin a outra, quédase a medio camiño, xa que usa unha técnica utilizada nalgunhas películas anteriores pero que nesta chega a extremos realmente impresionantes, a captura de imaxe de actores reais para convertelos logo nunha cinta de animación. Todas as anteriores resultaron algo fallidas e non tiveron demasiado éxito, cousa que non parece que vaia pasar con esta, que case antes da súa estrea xa tiña o éxito de público garantido. O creador do personaxe, Georges Remi, nome real de Hergé, publicou entre 1930 e 1976 vintecatro álbums con este personaxe como protagonista. Pouco antes da súa morte parece ser que chegou a dicir que o único director ao que vía realmente capacitado para levar a súa creación ao cine era a Steven Spielberg, que xa naquela época comezaba a destacar como un renovador do cine de aventuras. Agora lle chegou o momento e esta cinta, dirixida por el e producida por un dos seus “discípulos”, Peter Jackson, parece que ía ser a película definitiva sobre Tintín, o capitán Haddock, Milú, Hernández e Fernández e todos os personaxes e situacións características dos cómics. Non vou facer unha recensión sobre Spilebreg, un dos meus directores favoritos e cunha boa cantidade de películas destacadas as súas costas, case todas elas boas cintas de acción e aventuras e algunhas que xa pasarán á historia do cine pola súa gran calidade e bo facer en todos os sentidos. Peter Jackson creo que quedará como o director que foi capaz de levar ao cine algo tan difícil como “O señor dos aneis” nunha triloxía que tamén me pareceu impresionante e agora está en pleno traballo para a adaptación doutra obra de Tolkien, “O hobbit”; aínda que unha das súas películas que máis me gustou foi unha das primeiras, “Criaturas celestiais”. Tamén parece que será o director da segunda entrega co mesmo personaxe que a de hoxe, algo que era de esperar tendo en conta o éxito de público que está a ter.

A película non parte dunha das historias gráficas, senón que colle elementos de tres delas para conformar un guión que me convenceu so a medias. O coñecido reporteiro atópase nun mercado coa maqueta dun barco, o Unicornio, que lle chama a atención e faise con ela. Pero pronto vemos como hai alguén máis que anda detrás do citado barco, en busca dunha serie de pergamiños que ocultan o lugar onde naufragou un barco que ía cargado cun gran tesouro a finais do século XVI. Pronto se verá inmerso nunha serie de misterios e persecucións e incluso un secuestro. Coñecerá ao capitán Haddock, un dos personaxes dos que se fará inseparable e que correrá con Tintín todas as súas aventuras, que tamén está retido no barco. Detrás de todo isto está Ivanovich Sakharine, que pretende facerse cos tres pergamiños escondidos nas tres maquetas do mesmo barco e que darán as claves para atopar ese fabuloso tesouro. Todo ven dos seus antepasados, deste Ivanovich e do capitán Haddock, un enfrontamento que ven daquela época e que terá a súa continuación neste momento. Esta busca levará aos nosos protagonistas a viaxes en barco, avión, automóbiles ou camelos por varias partes do mundo nunha espiral de movemento e acción que non parará ata o final, sempre acompañados polo fiel compañeiro de Tintín, Milú. Disparos, persecucións, pelexas e moitas escenas de acción, algúns diálogos simpáticos e algúns momentos de comedia, a maior parte protagonizados polos axentes Hernández e Fernández, centrados na captura dun carteirista moi hábil. Tres pergamiños que esconden un misterio para poder saber onde está o fabuloso tesouro que transportaba o barco, para poder sabelo é necesario ter todos. ¿Quen os conseguirá e como? Iso teredes que velo na pantalla do cine (porque esta é para ver no cine, non na pequena pantalla dun televisor), xa sexa en 3D ou non, iso vai a gusto do espectador. Nós vímola en formato normal, o de toda a vida, e dáme a impresión de que o 3D está a cansar un pouco, non sei se polo prezo ou pola técnica en si, pero a nosa sala estaba chea, a outra creo que non tanto.

Antes de seguir teño que recoñecer que nunca dun demasiado seguidor de Tintín. Lin todos os seus cómics, creo que porque naquel momento lía todo o que podía, pero nunca me chamou demasiado. As historias, os desenvolvementos e o resto dos personaxes si, pero el en si non me gustaba demasiado, non sei, parecíame demasiado listo, demasiado serio e cun comportamento un pouco por riba da súa idade. Digo isto con todo o respecto para os seus seguidores, que os ten en todo o mundo. A verdade é que dentro do seu mundo sempre me quedaba moito máis cos demais personaxes antes que con el. O capitán Haddock parecíame moito máis simpáticos e máis entretido e, sobre todo, máis espontáneo. Hernández e Fernández tiñan os seus momentos, pero máis dunha vez teño rido con eles. Outro que me gustaba bastante e que nesta non aparece pero creo que na seguinte si, era o profesor Tornasol, ese sabio despistado caíame ben tamén. Recoñézolle un gran mérito a Hergé, os seus argumentos estaban ben elaborados e os debuxos eran realmente excepcionais, pero o seu personaxe central creo que non me caía ben, aínda así lin todos, eran entretidos e bastante amenos. E penso que á película pásalle algo parecido, dáme a impresión de que a Spielberg tamén lle caía mellor Haddock, que para min é case o protagonista desta historia. O seu personaxe está realmente ben, impresionante en todos os matices de caras, xestos e penso que leva o peso da historia, algo máis que Tintín, algo máis seco e serio.

¿Que me pareceu a película? Por aquí todos coincidimos nunha cousa. É un dos espectáculos visuais máis impresionantes que temos visto no cine en moito tempo. A nivel técnico impresiona por todas partes. As escenas de acción son rápidas, cheas de elementos, de matices e é difícil disfrutar por completo pola cantidade de cousas que aparecen. As caras, os xestos, o pelo, os movementos..., xenial. Antes xa viramos algunha outra cinta que usaba esta técnica da captura de movemento, pero neste caso Spielberg bota o resto e creo que fixo algo difícil de superar, desde o principio a espectacularidade é o que máis chama a atención. As rúas, as casas con todos os seus elementos, escenas como a do barco ao anoitecer entrando no porto, a parte que transcorre no deserto, a persecución, son varios os momentos que farán que un poña unha certa cara de asombro, o cal tendo en conta como está o mundo dos efectos especiais neste momento xa é difícil. Polo que parece aínda hai xente que está disposta a ir un pouco máis aló e sorprender ao espectador. Neste sentido non teño nada que dicir, deixoume completamente alucinado e fascinado e quítome o sombreiro ante o traballo neste sentido do señor Spielberg. Pero tras todo isto hai un pero. Pareceume, dentro de todo este espectáculo, algo aburrida, non sei se é a historia que non me convenceu demasiado, algo previsible e con poucas sorpresas que poidan facerte manter a atención nela. Nalgún momento pareceume, como dixen, impresionante na parte de fóra pero botei en falta algo no argumento, que non está á altura da técnica. Aínda así creo que é Tintín en estado puro e quizais non ser un fan completo do personaxe teña algo que ver con esta opinión. De todos modos onte no cine había varias familias con nenos pequenos e puiden ver que os que tiñan algo menos de oito ou dez anos cansaban un pouco, non entendían demasiado ben a historia e aburríanse un pouco. Tamén creo que os cómics de Tintín estaban pensados para xente algo máis maior e quizais o problema sexa ese, que se promocionou como algo axeitado para todo o mundo pero creo que os máis pequenos aínda non poden disfrutar plenamente con este tipo de historias. Claro que esta, como sempre, é a miña opinión persoal, outros seguro que terán outras completamente distintas. Como dixen antes no momento no que Haddock entra en escena a cousa gaña bastante, pero ata ese momento case me preocupaba máis das imaxes que da historia en si.

Polo que lin por aí a maior parte dos fans de Tintín quedan contentos coa película, nese sentido xa digo que eu non o son, pero si que creo que Spielberg respectou bastante o espírito tanto do personaxe como das historias que protagoniza. Quizais o tema do argumento teña tamén algo que ver con que non é nada novidoso nin fóra do habitual, un dos meus fillos dicía que era “o de sempre”, pero iso era Tintín, aventuras e investigación con algún toque de humor por parte doutros personaxes. Creo que merece a pena vela, sobre todo pola parte técnica que é impecable. A duración, pouco máis de hora e media, fai que non sexa posible cansarse e pasa con bastante rapidez sobre todo porque desde a primeira hora os personaxes non paran de moverse, viaxar, escapar e correr. Podedes ir vela, así poderedes opinar e dicirme se coincidides comigo ou non, espero os vosos comentarios.

domingo, 23 de octubre de 2011

"La ley de Harry", "Harry´s Law"


De novo disculpas, pero desta tampouco atopei ningún vídeo decente que non estivera en inglés.
Hoxe volvemos á televisión. Hai uns días un amigo meu publicaba no seu blog, “Caderno da crítica” que aparece ademais dentro de “A miña lista de blogs”, un comentario en galego que está moi relacionado coa introdución do meu de hoxe, titúlase “De “Fringe” a “Sons of anarchy”: a importancia dos guionistas”. Moito nos fixamos sempre nos actores, a ambientación e claro está, na historia, pero penso que van ser poucos os nomes dos guionistas que poidamos recordar, cando a realidade é que eles son o alma destas series que vemos case a diario. Nalgún dos meus comentarios mencionei estes nomes, e aínda así poucos poderíamos nomear. Moitas destas series teñen guións marabillosos, ben elaborados e preparados e como di ese post que menciono, moitos deles non teñen razón para estar lonxe das mellores producións literarias. Creo que, xa o dixen algunha vez, que hoxe a televisión é o sitio ao que moitos actores e guionistas recorren escapando un pouco do cine, sobre todo en Estados Unidos. Cústame recordar nestes últimos anos máis que unha ducia de películas que realmente destaquen polas súas historias e por como están contadas, mentres que podo pensar en moitas series que están moi por riba da media dun cine que hoxe está inmerso nun mundo de efectos especiais, novas versións de outras máis antigas ou incluso de intentos de recuperar vellas series para a gran pantalla (case todas elas con malos resultados). Tamén moitos dos grandes actores dese cine están a pasarse á pequena pantalla, como se fose o reducto onde poder desenvolver de verdade a súa capacidade, non vou mencionar ningún en concreto, pero estarán na cabeza de moitos dos meus lectores. Toda esta introdución ven a conto do guionista principal e a actriz protagonista da serie que vou comentar hoxe, “La ley de Harry” (que pode aparecer tamén por aí co seu título orixinal en inglés, “Harry´s Law”).

O guionista da serie é David E. Kelley, un nome deses que case ninguén coñecerá, especializado en series de avogados que tan habituais son por USA, pero neste caso, sempre cos suficientes elementos interesantes como para facelas estar por riba da media. En todas elas hai sempre un elemento de crítica, sobre todo cara á sociedade americana, que en algunhas é máis clara e evidente que en outras, e tamén cun gran compoñente de humor que creo que axuda aínda máis a facer chegar esas críticas ao espectador. Seguro que o nome non vos di nada, pero en canto mencione algunhas das súas series xurdirá esa cara de “¡Anda, é ese!”. Da súa pluma saíron “La ley de Los Ángeles”, “Picket Fences”, “Ally McBeal”, “El abogado”, “Profesores de Boston”, a para min xenial e imprescindible “Boston Legal” e esta de hoxe, que polo momento é a última. Moitas delas son case clásicos do medio e en todas, como dixen anteriormente, hai suficientes elementos non so para o entretemento, senón tamén para a reflexión e o debate.

A protagonista de “La ley de Harry” é Kathy Bates, unha das grandes actrices, impecable sempre e marabillosa moitas veces, ou aterradora nun dos seus papeis máis destacados, a protagonista de “Misery”, aquela muller que secuestraba ao escritor das súas novelas favoritas e ao que torturaba dunha maneira sádica porque non lle gustaba como remataba a súa última novela. Impresionante en “Eclipse total” e entrañable en “Tomates verdes fritos”. Gran cantidade de películas, moitas delas en papeis secundarios sempre importantes, gañadora dun Óscar e de moitos máis premios. A min sempre me gusta e unha película súa sempre é garantía de que imos ver algo decente. Como dixen moitas destas actrices atoparon na televisión un magnífico vehículo para seguir a traballar, cun cine dominado por mulleres moito máis novas e con poucos papeis que realmente merezan a pena. Participou en algunhas producións televisivas, pero é a primeira vez que case se lle prepara unha serie á súa medida, ela é o centro da serie e a que leva o peso. E realmente merece a pena vela, porque a cantidade de sentimentos que é capaz de comunicar a veces so cunha mirada é algo realmente digno de mención. A serie non é nada novidosa, aínda que ten elementos suficientes como para gustar, pero vela no papel da avogada Harriet Korn é algo que merece a pena.

A primeira temporada consta de 12 episodios e foi emitida por Calle 13. Agora están a emitir en Estados Unidos a segunda temporada, mostra de que tivo un certo éxito. Céntrase nas andanzas como avogada de Harriet, unha muller que leva unha vida máis ou menos fácil e gañando moito diñeiro como xurista especializada en patentes que é despedida do seu traballo. Como algunhas outras deste guionista ten unha serie de elementos na historia un tanto humorísticos ou esaxerados. Cando sae do seu despacho no primeiro episodio un rapaz negro cáelle enriba (este rapaz comezará a traballar con ela despois deste suceso) e un avogado novo algo cansado do seu traballo vaina atropelar co seu coche (e este tamén irá traballar con ela). Ve todo isto que lle pasa como un sinal e decide montar un bufete nun barrio problemático e marxinal para defender casos criminais que sempre teñen algún compoñente de crítica social e que poden xerar unha certa polémica, case sempre con protagonistas da rúa, xente corrente que non podería recorrer nunca a un avogado con certo prestixio. Aluga un local que era unha antiga zapatería de luxo na que aínda están a maior parte dos zapatos de prestixiosas marcas, que é o que lles dará algo de diñeiro, xa que a maior parte dos seus clientes son persoas con pouco ou ningún diñeiro. Pasará do mundo frío e máis tranquilo das patentes ao da violencia das rúas, as bandas, os asasinatos ou os problemas sociais, algo completamente descoñecido para ela pero que supón un desafío que lle dará unha nova vida, unha nova perspectiva e moitas gañas de seguir a traballar no mundo da avogacía. Case sen querelo verase inmersa neste novo mundo, algo que fará case que renaza, atopar un novo e gran motivo para seguir adiante, vendo a avogacía doutra forma completamente distinta e con moitas quebraduras de cabeza, sobre todo por cuestións éticas. Nun dos capítulos fai un discursos sobre os avogados e a onde están a ir que é realmente interesante e que da para unha boa discusión. Todos os casos teñen sempre algún compoñente polémico que se pode extrapolar ao campo da crítica social e da situación actual non so dese país, senón de outros moitos. Neste sentido creo que destaca por riba da media e moitos deles serían ideais para facer un bo debate, non so, por exemplo, nun aula, senón tamén incluso nunha boa conversa entre amigos.

Outra das cousas destacadas son os personaxes, deixando a un lado o central que leva a parte máis importante do argumento. Catro ou cinco son os fundamentais e máis de un irá collendo importancia a medida que avanzan os capítulos. Adam Branco (interpretado por Nathan Corddry) é novo avogado que ve o traballo con Harry como un novo reto, escapando dunha exnoiva e dun traballo que non lle satisfai. Harry ao principio non ve claro que poida quedar con ela, parece un rapaz inseguro, tímido e pouco capaz, pero pronto veremos como non é así. Malcolm Davis (o actor Aml Ameen) é outro chico novo, pandilleiro, exdrogadicto pero moi listo, tanto que pouco a pouco irá descubrindo na avogacía un mundo que lle convence, descubríndose como un membro fundamental do equipo. Jenna Backstrom (Brittany Snow) é un dos elementos femininos da historia, a que será medio secretaria medio vendedora de zapatos, unha muller que pode parecer un pouco frívola, pero que xa veremos como non o é tanto. Damien Winslow (Johnny Ray Gill) é o único destes personaxes que pertence ao barrio, é como un protector do mesmo, pero neste caso protexe aos demais das pandillas, das situacións perigosas, dos delincuentes, violento pero ao mesmo tempo consciente de que moitas veces non lle queda máis remedio que facer o que fai. E dos fixos deixo para o final ao meu favorito, a Tommy Jefferson (interpretado por Christopher McDonald); é o avogado mediático, ese que se anuncia na televisión e que é capaz de calquera cousa para conseguir diñeiro e fama. Ao principio faise odioso, faltón, maleducado, prepotente, pero pouco a pouco o seu personaxe vai tomando un camiño que fai que o vexamos distinto, collendo algo máis de protagonismo, non quero desvelar máis porque é mellor ver por onde vai.

En xeral está ben e creo que recomendaría bastante que lle derades unha oportunidade. Nalgún momento cae un pouco en historias sentimentais que parecen romper un pouco a boa dinámica que leva, como querendo darlle outros camiños ademais do dos casos a defender, creo que iso fai que decaia un pouco neses momentos. Pero, en xeral, mantén unha boa media de calidade e entretemento, ademais dese elemento de crítica que quizais sexa o que máis me gustou. Ten momentos realmente divertidos, outros fortes, algúns violentos e outros tristes, nese sentido sabe alternar bastante ben diversas situacións para conseguir a atención do espectador. Non é a serie ideal e hai outras mellores, pero creo que poderedes vela sen que vos decepcione. A min, ademais de estar bastante ben interpretada (destacando por riba de todos a señora Bates e o personaxe de Tommy Jefferson) gustoume bastante e espero a chegada da segunda temporada.