Hoxe unha de cine, que
hai xa algún tempo que non cae ningunha. Os que se pasen
habitualmente por este blog seguramente estarían esperando algún
tipo de comentario sobre a película de hoxe, xa que desde que
empecei con estes comentarios creo que non deixei ningunha, ou polo
menos ningunha das máis coñecidas. A miña afección ao cómic e
por extensión ao cine de superheroes é ben coñecida, así que era
raro que tardara en aparecer por aquí un comentario sobre a última
estrea do xénero, a terceira entrega de “Iron Man”, esta vez cun
máis que atinado cambio de director que fai que, posiblemente, sexa
a mellor das tres en varios sentidos. Non vou negar que a miña
favorita é a primeira, sobre todo pola sorpresa, polo ben feita que
estaba e porque sigo a pensar que a elección do actor protagonista é
a mellor de todas as cintas do xénero, non haberá outro “Home de
aceiro” ao que non lle podamos poñer a cara de Robert Downey Jr.,
moi complicado será para aquel que pretenda recoller o papel.
Hai xa uns días que a
vimos e gustounos a todos. Ímonos atopar nesta entrega a un Tony
Stark esgotado e agoniado, con continuos ataques de ansiedade e cunha
vida complicada e perdendo algo o rumbo. O enfrontamento final da
película anterior déixao realmente preocupado e fastidiado, o ter
que enfrontarse con algo que descoñecía e ao que lles custou vencer
fai que perda algo desa prepotencia, desa chulería que o caracteriza
para que o vexamos algo máis humano, sobre todo máis vulnerable.
Quizais o mellor desta entrega é que estaremos máis tempo pendentes
de Stark e menos de Iron Man e os seus traxes. Aquí o verdadeiro
protagonista é a persoa e a súa forma de actuar cando non ten o seu
marabilloso traxe posto. Isto non quita que apareza, claro, senón
non sería quen é, pero haberá máis momentos de actuación sen
parefernalia que con ela. O centro da historia é a reconstrución da
persoa, do Stark que foi, é e quere ser e deixando un pouco de lado
os seus inventos e traxes voadores. As escenas da metade de película
co rapaz ao que se atopa parecéronme realmente boas, rompendo un
pouco coa dinámica habitual do personaxe e ao mesmo tempo sen romper
coa súa forma de ser, impagable o cinismo e a prepotencia do amigo
Stark, que fará que ríamos ben a gusto en máis dunha ocasión.
Como sempre o enfrontamento cun antagonista perverso e malvado, que
canto máis malos sexan mellor e un invento revolucionario pero que
hai que perfeccionar. Ao mesmo tempo o Mandarín é un terrorista
internacional que está a cometer atentados nos Estados Unidos, unha
serie de fortes e misteriosas explosións que haberá que investigar
e controlar. Os personaxes son case os mesmos das anteriores,
engadindo a estes antagonistas, que van cambiando en cada unha, dando
máis variedade ás historias. Por suposto, ademais de todo isto,
Stark é un home intelixente e preparado para todo, veremos como o
traxe e todo o seu potencial non son imprescindibles na súa vida e
pode saír con ben de varios problemas sen ter que depender del. Esta
é outra das cousas que fai que sexa distinta ás anteriores e dálle
un aire especial que nos gustou moito. Como digo non lle quita nada
de espectacularidade, porque a ten a moreas, sobre todo na última
media hora de proxección.
Os actores son os mesmos
das anteriores. Impagable Robert Downey Jr. no papel de Tony Stark.
Como dixen antes creo que é a mellor elección en todas as historias
de superheroes levadas ao cine, parece que o personaxe creouse para
el e na miña lista ocupa o primeiro lugar (seguido de Hugh Jackman
como Lobezno, claro está). Coméntase que igual no segue coa serie,
pois creo que lles vai custar atopar a outro actor que sexa capaz de
substituilo cun mínimo de garantías, a verdade. O resto dos actores
principais son os mesmos das anteriores, cambiando so os antagonistas
centrais do heroes. Aquí temos a Guy Pearce como Aldrich Killian, o
cerebro da trama que quere dominar o mundo e ao seu lado o Mandarín,
maxistral e sorprendentemente interpretado por o máis que coñecido
Ben Kingsley. Por certo xenial no seu papel e con máis dunha
sorpresa.
Neste caso temos cambio
de director. As dúas anteriores estaban dirixidas por Jon Favreau,
que ademais gardábase un pequeno papel como Happy Hogan, o
gardaespaldas de Tony Stark e que segue aparecendo nesta reconvertido
en xefe de seguridade. Neste caso a batuta é para Shane Black, que
ademais figura tamén como guionista. Nesta segunda faceta
coñecerémolo por ter escrito os guións de algunhas das mellores
películas de acción dos últimos anos, desde a saga de “Arma
Letal”, “El último boy scout” ou a xenial pero pouco entendida
“El último gran héroe”. Como director de momento o seu traballo
é menor en canto a cantidade, a súa primeira película foi “Kiss
Kiss, Bang Bang” e esta é a segunda, pero creo que promete. A
pesar de non estar centrada nas escenas de acción sabe manter
perfectamente o ritmo en todo momento, non hai un ratiño de calma en
calquera sentido e en canto parece habela sempre rompe completamente.
Ademais o guión ten grandes momentos para este tipo de cine, claro,
momentos que chegarán a sorprender máis dunha vez ao espectador
tanto polo inesperado como polo simpático. Atentos a unha escena da
parte final que é realmente xenial.
Creo que é unha das
mellores series en canto a cine de superheroes e ocupa un dos
primeiros postos na miña lista de favoritas. Do primeiro lugar non
poden saír as últimas de Batman, pero o segundo é para estas,
sobre todo polo seu actor protagonista e o ritmo que teñen. En todo
momento teñen ao espectador disfrutando dunha das cousa nas que debe
destacar o cine, o entretemento e ademais con calidade. Son do mellor
no xénero de cine non so de superheroes, senón do cine de acción e
de buscar que o espectador estea atento e disfrutando dun auténtico
espectáculo que ademais non está completamente baleiro de contido.
Neste caso hai algunhas cousas máis que as escenas de acción e
Robert Downey dálle ese punto a maiores de calidade que ten este
Iron Man. Hai momentos realmente divertidos, sempre apoiados nese
cinismo que é unha constante do protagonista, ese estar por riba do
resto dos mortais, sentirse superior e aínda por riba demostralo en
todo momento, aínda que nesta verase máis cerca do resto das
persoas, algo que lle vai custar bastante asimilar. Imprescindible
para os seguidores deste tipo de cine, pero como dixen outras veces,
creo que calquera que queira pasar algo máis de dúas horas moi
entretidas e divertidas tamén disfrutará dela. Recomendada.