Antes de ler, pídovos que vexades enteiro o vídeo que o acompaña, porque é o que provoca o texto que ven a continuación e porque penso que é digno de escoitar enteiro.
Hoxe teño o día entre reivindicativo e protestón, así que aínda que a temática máis ou menos será a de sempre a cousa vai ser algo máis xeral do habitual. Quero dicir que non vou escribir hoxe sobre ningunha novela, serie ou película en concreto, senón que vou tocar o tema das nosas televisións e os seus programas.
Ao principio deste camiño co blog unha das primeiras series que comentei, recomendándoa encarecidamente, foi “Boston Legal”, aínda que non vou volver falar dela, mais podería porque dá moito de si (cada capítulo daría para un bo montón de reflexións). Agora estamos a ver a cuarta temporada, sufrindo, porque xa estamos case rematando e sabemos que so nos queda unha, pero gardareina para volver a vela seguramente dentro duns anos. Ben, pois un dos últimos capítulos que vin fíxome pensar en que ben podía aproveitar para falar un pouco do tema de como está a nosa televisión e a programación que nos ofrece.
Agora vexo poucos programas, as series, que é o que vemos normalmente, grávoas para velas con calma, sen anuncios e esas cousas, e iso que nas cadeas de pago non pasa o mesmo que nas outras, anuncios hai, pero moitos menos. Así que fóra de algún telexornal non son dos que están pegados ao aparato todo o día, un par de capítulos de algo pola noite, algunha película e pouco máis. Non por nada, senón porque a programación diaria paréceme moi mala, por non dicir algo peor. Os que confiaban en que co paso ao TDT a cousa ía mellorar algo deben de estar moi decepcionados, porque temos máis ou menos o mesmo que antes, pero multiplicado por máis canais, é o que hai.
O vídeo está extraido do episodio 15 da cuarta temporada de “Boston Legal”, titulado “El país de los tabloides”. Xa dixen que as críticas que fan en todos os capítulos non se deixan nada polo camiño, cada cousa que podamos imaxinar aparece nalgún momento. Normalmente son dous casos por capítulo e neste tócalle ás emisoras de televisión, que en Estados Unidos, no que se refire a telerrealidad están, por sorte para nós, varios pasos por enriba das nosas, no mal sentido, claro. Tamén é certo, e pode verse, que estes americanos poñen demandas por todo e para todo, pero neste caso a historia é tremenda. A cousa é que un pai demanda a unha cadea televisiva por considerala responsable do asasinato da súa filla. Ela acudiu a un programa deses nos que parece que te chaman para falar dun tema, opinar ou contar a túa historia e de repente a cousa transfórmase en algo completamente distinto, é unha encerrona. Neste caso cando ela menos o esperaba apareceu o seu antigo noivo no plató para pedirlle que volvera con el e ademais pídelle matrimonio. O noivo era un maltratador, unha persoa violenta e perigosa, pero iso a cadea non lle importou, non pensaron que puidera pasar nada, so aumentar o nivel de audiencia. Ela díxolle que non e aos poucos días el vai a súa casa e a mata. Ademais do programa a cadea, tralo asasinato, aproveita para aumentar a audiencia emitindo varias veces o momento do programa en cuestión no que se producen os feitos, alucinante, a verdade, pero non tan lonxe da realidade.
Nos temos ao longo do día varios programas dese estilo nos que un vai pensando que vai falar de cousas relacionadas co seu traballo ou con cousas cotiás e de repente aparece a irmá (ou irmán) co que non se fala desde hai anos, a parella á que deixou porque non o aturaba máis, a amante do marido (ou viceversa) e un montón de historias sinistras e truculentas que so buscan aumentar a audiencia a base de airear cousas máis que privadas da vida da xente. Claro que un pode adoptar a postura de coller e marchar, pero supoño que cando de repente un se atopa nesa situación completamente inesperada non é fácil reaccionar. A isto podemos sumar os programas do corazón, os de xente metida nunha casa, nunha granxa ou onde sexa, os debates políticos (que agora de repente aparecen en medio de programas do corazón) e varios exemplos máis que sería difícil e longo enumerar.
Como profesor, educador e pai este é un tema que penso que debería de preocuparnos bastante, sobre todo porque eles ven bastante ese tipo de programas e pensan que todos eses comportamentos que podemos ver son “normais”. É complicado facer un debate na clase sen que uns pisen aos outros cando están falando, que respecten as ideas contrarias as súas que outras persoas poden dar e que reflexionen sobre o que están a escoitar. Como imos dicirlles que iso non está ben se en calquera debate que ven en televisión eses comportamentos son os que se producen e se animan. Falan todos á vez, alzan a voz ata chegar a gritar para facerse oír, insúltanse, písanse e non falemos do pouco respecto que demostran a opinións contrarias as súas, ridiculízanse, mófanse uns dos outros, é algo vergonzoso e contrario á formación, educación e exemplo. Eles mesmos deberían de pensar en que imaxe están a dar, en que están a ensinar, porque moitos dos que os vexan pensarán que iso é o que hai que facer, e é moi difícil loitar contra iso.
Non sei se é a audiencia a que reclama ese tipo de programas ou foron ese tipo de programas os que conquistaron á audiencia, pero creo que todos, espectadores e programadores, deberían de facer xa un proceso de reflexión serio para cambiar esta tónica, alguén debería de dar o primeiro paso.
É posible que o caso usado no vídeo da serie mencionada poida parecer esaxerado, pero non creo que estea tan lonxe da realidade ou que en calquera momento poidamos atoparnos cun caso así, esperemos que non.
Isto foi o de hoxe, creo que esta medio reflexión-protesta é algo necesario para todos, isto ten que cambiar de rumbo dunha vez, cousa que non vexo porque cada vez vai a máis, pero haberá que poñer o límite algunha vez e nalgún sitio, que ninguén pense que todo vale.
jueves, 22 de abril de 2010
A televisión
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=u8QAYvlpL_I&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario